Corcubión - REGULAMENTO DO SERVIZO CORCUBIÓN CONCILIA
CAPÍTULO I. NORMAS COMÚNS
Artigo 1.- Obxecto
O presente regulamento ten por obxecto establecer as normas de organización e funcionamento do programas municipal de conciliación do Concello de Corcubión: CORCUBIÓN CONCILIA, que consta das seguintes actuacións singularizadas:
En períodos lectivos:
· Servizo de Madrugadoras/es, que se desenvolverá no CEIP Praia de Quenxe, de 7:45 a 9:15h, de luns a venres.
En períodos non lectivos:
· Tempo de Lecer: Para menores escolarizados no 2º ciclo de E. Infantil e 4º de Primaria. Meses de xullo e agosto, de luns a venres de 9:30 a 13:30h.
· Facémonos maiores: Para menores escolarizados en 5º e 6º de Primaria e ESO. Mes de xullo, de luns a venres, de 10 a 13.00h.
· Campamento de Nadal: Para menores escolarizados no 2º ciclo de E. Infantil e Primaria. De luns a venres, de 10 a 13h.
As actividades destes períodos desenvolveranse no CEIP Praia de Quenxe e/ou en lugares e locais habilitados polo Concello, que se farán públicos en cada convocatoria.
Ademais do previsto neste Regulamento será de aplicación a Ordenanza Municipal reguladora do prezo público deste Servizo, así como as restantes normas de réxime local e autonómicas de aplicación e aquelas outras establecidas nas diferentes convocatoria de subvención ás que se acolla o Concello para o cofinanciamento do Programa.
Para outros servizos da mesma índole que se poidan prestar, esta norma será de aplicación por analoxía mentres non se desenvolva unha regulación propia.
Artigo 2.- Ámbito de aplicación
O ámbito de aplicación territorial do presente regulamento é o Concello de Corcubión.
O Servizo vai dirixido pola seguinte orde de prioridade a:
1.- Ás familias empadroadas no Concello de Corcubión con fillos escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO. Entendendo por empadroadas en Corcubión, cando o estean os fillos ou fillas e os proxenitores con quen convivan ou representantes legais.
2.- A aquelas outras familias que sen estar censadas en Corcubión, os/as súas fillos/as formen parte do alumnado do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión.
3.- As demais familias do municipio que o soliciten e non se atopen nunha das dúas circunstancias anteriores.
Artigo 3.- Concepto
O programa de conciliación do Concello de Corcubión ten como obxectivo facilitar que as familias poidan harmonizar a súa vida laboral, familiar e persoal co coidado de fillos e fillas menores, mediante unha alternativa educativa e de ocio que conta cun proxecto educativo que ten como obxectivos:
.- Fomentar nos e nas menores participantes á adquisición de hábitos sociais que favorezan a solidariedade, o compañeirismo, a igualdade de xénero, o respecto pola diferenza e o traballo en equipa.
.- Desenvolver un modelo de intervención socio educativa baseado en temas transversais e contidos diversos que contribuirán a un enriquecemento da formación como persoas, adquirindo valores e actitudes que lles permitan intervir en sociedade de xeito positivo e consciente.
.- Valorar e gozar da actividade física e ao aire libre de cara ao seu benestar físico e mental e de coñecemento e respecto polo patrimonio material e inmaterial da Vila.
.- Realizar actividades lúdicas planificadas e estruturadas que sexan apetecibles e divertidas, xa que corresponden a horarios e épocas non lectivas.
Artigo 4. Educación na igualdade.
Coa fin de garantir a educación en igualdade e o respecto á diferenzas relativas a todos os ámbitos, as actividades de conciliación, dentro da súa dobre vertente de educación non formal e tempo libre, son un espazo privilexiado para establecer os alicerces sobre os que asentar comportamentos futuros relacionados coa igualdade entre as persoas. Esta visión transversal estará presente en toda a planificación, programación e desenvolvemento do proxecto e das actividades que o conforman.
Artigo 5. Diversidade.
Nas abordaxes directas, e tamén nas opinións, preguntas, e valoración de todo tipo de persoas, deberase ter en conta a diversidade de familias, de crenzas e de circunstancias persoais que existen na nosa sociedade, procurando realizar actividades inclusivas e potenciadoras do carácter positivo da diferenza. No caso de detectar circunstancias persoais que sexan causa dunha posible exclusión ou marxinación deberase activar un protocolo específico de abordaxe da situación.
Artigo 6.- O emprego de linguas
A lingua vehicular dos servizos de conciliación de Corcubión é o galego. En concordancia co establecido no Decreto 79/2010 do 20 de maio, coa finalidade de prover ouso da lingua galega, establecerase un programa regular de actividades de fomento da lingua galega nos servizos de conciliación. Establecerase un proxecto lingüístico que apoie o uso do galego no tempo libre e espazos lúdicos.
Artigo 7.- Fontes de financiamento.
O programa de conciliación contan con tres fontes de financiamento:
a) Achegas directas do Concello.
b) Prezos Públicos. Os prezos públicos que se terán que pagar serán os establecidos na ordenanza reguladora do prezo público pola utilización do servizo de conciliación de Corcubión Corcubión Concilia.
c) Achegas procedentes de subvencións e/ou convenios con outras Administracións.
Os ingresos do apartado a) e b) revertirán conxuntamente na totalidade dos gastos do programa e/ou polos conceptos que non sexa subvencionados, coas achegas doutras administracións.
CAPÍTULO II. DEREITOS E DEBERES
Artigo 8.- Dereitos dos/as usuarios/as
1. Acceso ás actividades sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
2. Á debida consideración no trato, á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro como das/dos demais usuarias/os.
3. Ao sixilo profesional relativo aos datos do seu historial sanitario e socio familiar.
4. A realizar saídas programadas ao exterior, sempre que conten con autorización escrita por parte das nais, pais ou representantes legais.
5. A seren informados de xeito comprensible das medidas adoptadas ao respecto deles candos lles afecte a súa educación
6. A recibir unha asistencia individualizada de contido educativo cara a súa integración socio familiar de acordo coas súas necesidades específicas, que teña como obxectivos prioritarios a súa protección, educación e formación.
7. A seren educadas/os para a comprensión, tolerancia e convivencia democrática, posibilitándolles que poidan facer uso das súas opción de forma libre e persoal.
Artigo 9.- Deberes
1.- Cumprir o presente regulamento e as demais disposicións legais vixentes que sexan de aplicación.
2.- Manter unha conduta inspirada na tolerancia, na colaboración e no mutuo respecto aos outros/as usuarios/as e ao persoal do Servizo.
3.- Informarse e cumprir os trámites, prazos e requisitos precisos para a utilización do Servizo.
4.- Estar ao día nos pagamentos dos Prezos Públicos establecido para o Servizo Corcubión Concilia.
CAPÍTULO III. PERSOAS MONITORAS
Artigo 10.- Requisitos e formación dos/as monitores/as
a.- Ser maior de idade
b.- Dispor da formación incluída nos perfís profesionais relacionados cos cuidados a menores, como técnica/o superior en Animación Sociocultural e Turística, monitoras /es de ocio e tempo libre, técnica/o superior en Ensinanzas e Animación Sociodeportiva, Educación infantil e Primaria, auxiliares de Garderías e Xardín de Infancia, así como titulación análogas, así como calquera outra que se estableza nas convocatorias de subvencións públicas que confinancien este Programa. Valorarase de xeito preferente aqueles perfís que teñan, ademais da acreditación mencionada, formación en materia de igualdade (axentes de igualdade, técnico/a superior en Promoción da Igualdade de Xénero, etc),
Entenderanse como análogas aquelas titulacións que podan ter unha nomenclatura distinta ás citadas pero se enmarquen no ámbito do coidado e/ou educación.
c.- Posuír coñecementos de galego, oral e escrito para desenvolver todas as actividades propias do seu traballo en lingua galega.
d.- Dispor de carné de manipulador de alimentos.
e.- Dispor de formación en primeiros auxilios.
f.- Acreditar mediante certificado médico que non padece ningunha enfermidade física ou psíquica que entrañe perigo ou risco para os nenos/as e para as demais persoas.
g.- Posuír actitudes e aptitudes para o trato cos nenos e nenas, responsabilidade, saber traballar en equipo, tolerancia e respecto cara as persoas usuarias e compañeiras/os.
h.- Ter capacidade de traballo para responder á demanda do servizo.
i.- Dispoñer do Certificado acreditativo de non ter antecedentes de delitos de natureza sexual.
O número de monitores/as do Servizo Corcubión Concilia establecerase segundo a seguinte Rateo:
De 1/15, 1 monitor/a
De 16/30, 2 monitores/as
De 31/45, 3 monitores/as
De 46 a 65, 4 monitores/as
Será de aplicación calquera outra rateo establecida por normativa superior aplicable vixente en cada convocatoria.
Artigo 11.- Requisitos solicitados á empresa
Cando o Programa de Corcubión Concilia ou algunha das actividades que o conforman non se presten directamente polo Concello, as empresas licitadoras do procedemento de contratación do servizo deberá cumprir todos os requisitos que establezan nos pregos de cláusulas administrativas particulares e de prescrición técnicas do concurso, e en todo caso:
a) acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil nos termos que sinale o prego de cláusulas administrativas particulares do concurso para o servizo e estar ao día no seu pagamento.
b) Acreditar a formalización de contrato laboral a todos o seu persoal e a alta na Seguridade Social.
c) Acreditar que están ao día no pagamento á Seguridade Social e á Facenda Pública.
d) Garantir que os/as seus monitores/as teñan a formación e os requisitos establecidos no artigo anterior.
e) Proporcionar a persoa coordinadora do Servizo un teléfono para a comunicación co Concello e cos pais/nais/titores dos/as menores usuarios/as.
Artigo 12.- Funcións das persoa monitoras:
Os/as monitores/as do servizo terán as seguintes funcións:
Levar a cabo o desenvolvemento do proxecto elaborado polo departamento de Servizos Sociais para o Servizo ¿Corcubión Concilia¿.
1.- Atender e custodiar as/os menores durante a duración do servizo.
2.- Resolver as incidencias cotiás de carácter menor que puideran presentarse durante ese tempo, e en caso de dúbidas solicitar as instrucións pertinentes á responsable municipal do servizo.
3.- Controlar diariamente as asistencias e ausencias dos nenos/as ao servizo.
4.- No servizo de Madrugadores/as, acompañar aos nenos/as, ao sitio común de encontro cos resto do alumnado para iniciar as clases formais.
5.- Administrar medicación en casos especiais e previa autorización e solicitude por escrito do seu pai/nai/titor/titora e coas oportunas instrucións por parte do Concello.
6.- Inculcarlles aos nenos/as a necesidade de respectar o horario, as normas de convivencia establecidas e as instalacións, o mobiliario e o material.
7.- Deixar recollido o espazo onde se desenvolve o servizo.
8.- Atender aos pais /nais e titores/as por teléfono ou persoalmente para cuestións estritamente técnicas relacionadas coa atención diaria dos/as menores. En todos os demais casos, deberán informar en todo momento á persoa do Concello responsable do programa.
9.- Facer entrega dos/as menores aos seus pais/nais ou persoas autorizadas.
10.- A empregar a lingua galega tal e como se recolle no artigo 6 do presente Regulamento, asi como a empregar unha linguaxe non sexista e inclusiva.
11.- Desenvolver aquelas funcións que se lles atribúan dende o Concello para o correcto funcionamento do servizo.
CAPÍTULO IV. ORGANIZACIÓN
Artigo 13.- Tipos de usuarias/os
O programa está dirixido aos nenos e nenas Corcubión que estean escolarizados no 2º ciclo de educación infantil, Primaria e ESO, así como as nenas e nenos que sin ser de Corcubión, forman parte do alumando do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión. De dispoñer de prazas vacantes poderán optar tamén, aqueles menores que convivan temporalmente con familias empadroadas no Concello. A orde de prioridade de adxudicación de prazas será a establecida no Artigo 2 da presente Norma así como as bases específicas que se establezan por Decreto de Alcaldía para cada unha das convocatorias.
Condicións para participar no Programa: Poderán participar os/as menores que cumpran cos requisitos seguintes e pola seguinte orde de preferencia:
1.- Menores de familias empadroadas no Concello de Corcubión con fillos escolarizados no 2º ciclo de Educación Infantil, Primaria e ESO. Entendendo por empadroadas en Corcubión, cando o estean os fillos ou fillas e os proxenitores con quen convivan ou representantes legais.
2.- Menores que sen estar censadas en Corcubión, formen parte do alumnado do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión.
3.- Menores que convivan temporalmente con familias empadroadas en Corcubión e que non se atopen en ningunha das dúas situacións anteriores.
Determinación da unidade familiar: Compoñen a unidade familiar a estes efectos:
.- As persoas proxenitoras non separadas legalmente, e no seu caso, o titorta /a ou persoa encargada da garda e protección do menor.
.- Os/as fillos/as menores de idade, con exceptación dos/as emancipados.
.- Os/as nenos/as en réxime de acollemento e o(s) a(s) titular/es do acollemento.
.- Cando non exista vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos e fillas de ámbolos dous proxenitores que ostenten en solitario garda e custodia.
- No caso de separación, divorcio ou ruptura do vínculo non matrimonial, os membros da unidade familiar serán o pai/nai custodio e o (s)/a(s) fillo(s)/a(s) deste/a.
.- No caso de custodia compartida un dos pais e o (s)/a(s) fillo(s)/a(s) deste/a.
.- En caso de existir unha orde de afastamento, presumirase que a persoa á que esta se refire, non forma parte da unidade familiar.
.- O/a proxenitor/a non custodio que formule unha solicitude deberá acreditar a continuidade da situación de separación. A situación de cada unidade familiar será valorada de xeito diferenciado unicamente en caso de que a solicitude responda a unha estancia temporal do fillo/a motivada por un período de vacacións ou similar. En caso contrario considerarase que o/a solicitante volve a formar parte da unidade familiar.
Artigo 14.- Lugar, desenvolvemento e horario do programa:
A actividade Servizo de Madrugadoras/es desenvolverase no CEIP Praia de Quenxe. Terá lugar en período lectivo, de luns a venres agás festivos, en horario de 7:45H a 9:15h. Os usuarios e usuarias do programa deberán estar escolarizados neste Centro.
As actividades de Tempo de Lecer, Campamento de Nadal e Facémonos Maiores desenvolveranse no CEIP Praia de Quenxe de ser o caso ou noutros locais municipais habilitados para esta finalidade. Terán lugar en períodos non lectivos de verán e nadal a través das respectivas convocatorias que se realizarán por Decreto de Alcaldía, no que se recollerán as bases específicas para cada actividade, o período de inscrición, o período de desenvolvemento das mesmas, o seu horario, o número de prazas, o local asignado e calquera outra particularidade que no eido da organización xurda ao respecto.
As persoas usuarias poderán escoller as seguintes frecuencias de utilización do servizo:
Actividade Servizo de Madrugadores/as
- Mensual
- Quincena
- Días soltos.
Actividades Tempo de Lecer:
- 1ª quincena de xullo
- 2ª quincena de xullo
- 1º quincena de agosto
- 2º quincena de agosto
Por regra xeral, os e as menores deberán descansar un mes de vacacións polo que o acceso á actividade Tempo de Lecer será por quincena/s (máximo dúas) ou 1 mes para cada menor. A ampliación desta concesión estará suxeita, á necesidade real de conciliación das familias, que deberán acreditar a dita situación, segundo se estableza no respectivo Decreto de Alcaldía de convocatoria.
De quedar prazas vacantes poderase conceder períodos superiores aos indicados anteriormente, que se asignarán por orde de puntuación.
Actividades de Campamento de Nadal e Facémonos Maiores será de:
- 1 quincena.
Para a concesión de prazas nestas actividades, aplicarase o establecido nesta Norma e o recollido nas bases específicas de convocatoria das mesmas.
Artigo 15.- Inscrición:
Establecerase un prazo de inscrición para cada convocatoria. Todas as solicitude presentadas fóra de praza irán a unha lista de agarda.
Documentación:
Presentarase a solicitude de inscrición tipificada xunto coa documentación que nela se indique, no Rexistro do Concello en horario de 9:00 a 14.00 h, de luns a venres; a través do rexistro telemático na Sede electrónica do Concello ou no rexistro de calquera Administración debidamente cubertos e asinados.
Na instancia tipificada de solicitude recolleranse ademais dos datos necesarios para tramitar a participación no programa ( datos de filiación, enderezo e teléfono para avisos, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención diferenciada): autorización para tirar fotografías e utilización destas; indicación de persoas autorizadas para recoller a/o menor; indicación de enfermidades ou discapacidades específicas, en especial alerxias e/ou intolerancias; e documentación específica, se fose o caso, de retirada de garda ou custodia dalgún dos proxenitores.
O alumando de cada unha das actividades contará cun expediente persoal.
O arquivo destes datos estará suxeito á normativa de protección de datos.
Artigo 16.- Publicación da lista de admitidos/as e lista de agarda
Publicarase a lista de admitidos e excluídos no taboleiro de anuncios do concello e na web municipal www.corcubion.gal concedendo un prazo de 10 días para a presentación de reclamacións.
Unha vez publicada a lista definitiva e de ser o caso, publicarase tamén unha lista de agarda.
Artigo 17.- Número máximo de usuarios/as
As actividades do Programa Corcubión Concilia terán as prazas que se indiquen nas convocatorias e estas serán asignadas atendendo ao establecido nesta Norma e de haber máis solicitudes que prazas, ao resultado de aplicar o baremo das bases específicas de cada unha das convocatorias.
Será o Concello o que, por motivos de organización, dispoñibilidade orzamentaria o en función de posibles biaxas sobrevidas, determine o número de prazas dispoñibles para dar entrada a nenos e nenas da listaxe de agarda, seguindo estritamente a orde que figure na mesma.
Os casos de emerxencia social debidamente acreditados polos Servizos Sociais do Concello de Corcubión terán preferencia para entrar no programa.
Artigo 18. Baixas ou cambio de modalidade.
a) As persoas responsables das/os usuarias/os poderán solicitar a baixa no servizo no momento que non necesiten utilizalo, mediante escrito presentado no Rexistro Xeral do concello, no que se inclúan os datos identificativos do neno ou nena, e da persoas que asina a solicitude, así como a relación que os ou as une e data a partir da que o neno ou nena non fará uso do servizo. A baixa extinguira a obriga de pagamento segundo o recollido na correspondente ordenanza fiscal.
B) Os/as usuarios/as poderán variar a frecuencia de utilización do servizo, sempre que a organización do servizo o permita e o solicitan por escrito motivado. O concello poderá negarse no caso de que as solicitudes de cambios na utilización do servizo supoñan problemas para a organización do mesmo, ou orixine problemas de compatibilidade no uso do servizo por parte dos/as outros/as usuarios/as.
Artigo 19. Ausencias.
A ausencia esporádica ou continuada dun servizo non exime da obriga de pagamento e non dá dereito á devolución das cotas. Unha ausencia inxustificadas dun mes no Servizo de Madrugadores ou de cinco días hábiles no Tempo de Lecer producirá unha baixa automática no servizo. No caso dunha ausencia xustificada manterase a praza, coa obriga de seguir facendo o pagamento da cota integra que se viña pagando.
No caso de ausencias por causas médicas ou sobrevidas deberán acreditarse con certificación médica acreditativa.
Artigo 20. Entrega e recollida das e dos nenas e nenos.
A entrega e recollida deberán realizarse dentro das marxes da xornada de cada actividade. Os país e nais poden autorizar a calquera persoa maior de idade para recoller aos seus fillos e fillas, tal como se fixo na ficha de inscrición. Deberán dar os datos das persoas sinaladas, e no caso de querer cambiala poden facelo na propia actividade utilizando o impreso existente ao efecto. Se existirá algunha circunstancia de orde legal especial na relación de algún dos proxenitores co ou coa menor debe avisarse explicitamente. Do contrario calquera deles poderá recoller e autorizar recollidas do neno ou nena. Para abandonar a actividade de conciliación, os nenos e nenas da etapa de infantil terán que ser recollidos por unha persoa maior de idade autorizada. Os nenos e nenas de primaria poderán abandonar sós ou soas a actividade sempre e cando o autoricen expresamente os pais ou nais mediante escrito presentado no Rexistro Xeral do concello. O monitorado comunicarase co Concello naquelas situacións nas que habendo esta autorización, consideren que non é axeitado. Dende a concellería de igualdade falarase coas persoas responsables do neno ou nena. Excepcionalmente autorizarase a recollida de nenas ou nenos por persoas menores de dezaoito e maiores de dezaseis, debendo solicitarse mediante escrito presentado no Rexistro xeral do Concello. Nas actividades previas á entrada na xornada escolar, os nenos e nenas das actividades de conciliación serán trasladados aos espazos comúns onde se reunirán cos compañeiros e compañeiras para incorporarse as actividades educativas formais.
Artigo 21. Saídas.
As/os nenas/os poderán realizar as saídas incluídas na programación dos servizos de conciliación, previa autorización por escrito por parte das/dos nais/pais ou responsables legais. Estas saídas teñen por obxecto: a) Favorecer o establecemento de relacións sociais en espazos diversos. b) Observar e explorar á contorna. c) Coñecer algunhas manifestacións naturais e culturais do medio.
Artigo 22.- Pagamentos
As cotas polo Prezo Público correspondentes pola prestación deste Servizo, aplicaranse co previsto na Ordenanza Fiscal correspondente.
Artigo 23.- Dereito de admisión e potestade sancionadora.
O concello de Corcubión reservase para si o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva dos nenos e nenas cando:
a) se comporten reiteradamente de xeito incorrecto
b) os pais, nais ou responsables legais dos mesmos/as, non respecten este regulamento ou as normas básicas de convivencia.
O procedemento básico para unha exclusión debe incluír unha audiencia previa ás nais, pais ou responsables legais, e comunicáraselle por escrito do concello onde se concrete o tempo de exclusión e a causa. Os nenos e nenas que acudan aos servizos deberán ter adquiridos os hábitos de alimentación, manexo de utensilios e hixiene, propio de cada idade. No caso de non ser así as persoas encargadas do servizo traballarán conxuntamente con pais, nais ou responsables legais para que se produza unha adecuación das habilidades e a idade do neno ou nena.
Disposición final.
En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da citada lei.