Val do Dubra - Prezo público aplicable ás actividades deportivas municipais
ARTIGO 1. Obxecto, fundamento e natureza.
1.1. De conformidade co previsto nos artigos 127 e 41 a 47 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das facendas (en diante TRLRFL), establécese, consonte o disposto nos artigos seguintes, o prezo público aplicable ás actividades deportivas municipais desenvolvidas polo Concello de Val do Dubra que se indican a continuación.
1.2. O prezo público regulado no presente acordo aplicarase ás diferentes actividades de práctica deportiva e/ou física prestadas polo Concello de Val do Dubra, dentro das instalacións municipais habilitadas ao efecto, segundo a organización e horarios fixados ao respecto pola Administración e baixo a supervisión do persoal técnico/especializado e, en todo caso, durante un período máximo de 9 meses.
Actividades de práctica deportiva e/ou física que abranguerán, cando menos, os seguintes ámbitos:
· Actividades de adestramento/ximnasia de mantemento (ou análogas/similares)
· Actividades de adestramento funcional (ou análogas/similares)
· Actividades multideporte para nenos/as (ou análogas/similares)
Así mesmo, este prezo público tamén resultará de aplicación xeral e supletoria a todas aquelas actividades deportivas de natureza análoga ou asimilable ás anteditas, agás aquelas respecto das que, no seu caso e de forma expresa, se poida ter establecido e regulado un prezo público específico.
1.3. Este prezo público constitúe unha prestación patrimonial de carácter público que satisfarán as persoas que teñan sido admitidas como usuarias das anteditas actividades deportivas.
ARTIGO 2. Obrigados/a ao pagamento. Nacemento da obriga
Estarán obrigadas ao pagamento do prezo público, segundo as tarifas, importes e criterios indicadas no artigo 3, as persoas usuarias/participantes das actividades deportivas municipais desenvolvidas polo Concello de Val do Dubra e referidas no artigo 1. E a dita obriga nacerá dende o día primeiro de inicio da actividade na que se tiveran inscrito e fosen admitidas.
ARTIGO 3. Contías.
A contía do prezo público fíxase consonte as tarifas, importes e criterios sinalados a continuación. En todo caso, aos efectos da fixación das tarifas e importes, e devindicación do prezo público, con independencia da duración efectiva da actividade deportiva correspondente entenderase o mes como o período mínimo de referencia.
· Tarifa xeral: 10 euros/mes por cada actividade deportiva na que se participe (previa admisión e inscrición).
· Tarifas bonificada: 5 euros/mes. Aplicable aos supostos indicados a continuación:
· Persoas usuarias/participantes que non teñan a maioría de idade legal (menores de 18 anos).
· Persoas usuarias/participantes integrantes dunha unidade familiar coa condición legal de familia numerosa.
· Supostos exentos do pagamento do prezo público:
· Persoas usuarias/participantes perceptoras do ingreso mínimo vital, ou integrantes dunha unidade familiar/de convivencia que a perciba.
· Persoas usuarias/participantes perceptoras dunha RISGA, ou integrantes dunha unidade familiar/de convivencia na que algún dos seus membros sexa perceptor da mesma.
· Persoas usuarias/participantes perceptoras dunha pensión non contributiva.
· Aqueloutras situacións de emerxencia ou risco de exclusión social non contemplados/cubertos polas prestación referidas nos apartados anteriores, e debidamente acreditadas mediante informe dos servizos sociais municipais.
Artigo 4. Xestión
4.1 A liquidación e pagamento do prezo público correspondente, consonte as tarifas e importes anteditos, realizarase por períodos bimensuais, con independencia da duración efectiva das actividades deportivas correspondentes; e con arranxo aos seguintes criterios:
· O órgano municipal competente adoptará acordo de aprobación das listas cobratorias e liquidacións correspondentes a cada período bimensual, unha vez rematado este; e o dito acordo será obxecto de publicación no BOP e na páxina web municipal.
· De terse publicado o dito acordo dentro dos 15 días do mes seguinte ao correspondente período bimensual, o pagamento voluntario polos/as obrigados deberase realizar dende o día posterior ao da publicación ata o día 20 do mes seguinte ou, se este coincidise en día inhábil, ata o día hábil inmediatamente posterior.
· De terse publicado o dito acordo despois 15 días do mes seguinte ao correspondente período bimensual (dende o día 16), o pagamento voluntario polos/as obrigados deberase realizar dende o día posterior ao da publicación ata o día 5 do segundo mes seguinte ou, se este coincidise en día inhábil, ata o día hábil inmediatamente posterior.
4.2. As débedas por impago do prezo público, por incumprimento dos prazos de pagamento voluntario indicados no apartado anterior, poderán esixirse polo procedemento administrativo de apremio/constrinximento, de acordo co disposto ao efecto nos artigos 10.1 e 46.3 do TRLRFL e restante normativa de aplicación.
4.3. Cando por causas non imputables as persoas usuarias/participantes das actividades estas non desenvolvan, procederase á devolución do importe proporcional correspondente.
4.4. O prezo público será aboado polas persoas usuarias/participante, no importe correspondente, na/s conta/s bancaria/a das entidades colaboradoras da entidade municipal habilitadas para tal fin (empregando o documento de pagamento/ingreso emitido ao efecto), ou mediante domiciliación bancaria que será autorizada xunto coa solicitude de inscrición nas actividades. E isto sen prexuízo de que, no caso de menores, o súa liquidación e pagamento materiais corresponda á persoa maior de idade legalmente habilitada o ao respecto
4.5. No caso de solicitarse a baixa como persoa usuaria nunha das actividades, isto deberá tramitarse mediante instancia formal presentada a través do rexistro municipal, con indicación do mes en que se solicita que produza efectos. No caso de que a persoa usuaria pretenda a baixa nun mes no que xa se teñan participado, de forma efectiva e polo menos nunha hora, na actividade correspondente, procederá a liquidación e pagamento íntegro da tarifa correspondente. En todo caso, de solicitar a baixa con efectos no mes seguinte ao da solicitude, xa non procederá a liquidación e pagamento desta mensualidade.
4.6. As bonificacións e exencións previstas nos artigo 3 serán aplicadas previa solicitude das persoas usuarias interesadas, realizada formalmente a través do rexistro municipal e que se deberá acompañar, ademais, da documentación acreditativa das circunstancias/supostos alegados para tales bonificacións/exencións, e que se poderá presentar, ben con motivo da solicitude de inscrición da respectiva actividade, ou ben posteriormente e durante a duración da dita actividade; neste último caso, terá efectos respecto da liquidación e pagamento do prezo público correspondente ao mes seguinte ao da dita solicitude.
Disposición adicional primeira. Regulación supletoria
En todo o non especificamente disposto estarase ao disposto na Ordenanza Fiscal reguladora do prezo público por impartición de cursos, ludotecas, viaxes, campamentos xuvenís e outras actividades de carácter lúdico, deportivo/a e/ou sociocultural organizadas polo Concello de Val do Dubra (BOP núm. 48, de 11 de marzo de 2020), así como nas restantes previsións normativas que resulten aplicables, ao efecto, en cada momento.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA. Entrada en vigor, vixencia e aplicación.
O presente prezo público, nos termos e contías cos que se teñen establecido, entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOP, mantendo a súa vixencia en tanto que non se proceda a súa derrogación ou modificación expresa mediante procedemento legalmente establecido.
Non obstante, no caso de actividades deportivas que xa se viñesen desenvolvendo con anterioridade á dita entrada en vigor, e se sigan a desenvolver, a obriga ao pagamento do prezo público das súas persoas usuarias/participantes nacerá dende o primeiro día do mes seguinte a aquel no que remate o prazo que aos ditos efectos, mediante anuncio público e por un período mínimo de 15 días, deberá abrirse por parte do concello para darlles a coñecer a aprobación e criterios de aplicación deste novo prezo público e que poidan optar por continuar ou non nas ditas actividades, así como autorizar/realizar, voluntariamente, as correspondentes domiciliacións bancarias.