Val do Dubra - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN DOS CAMPOS DE FÚTBOL MUNICIPAIS (TILLEIRA E JUAN BALEATO) PERTENCENTES AO DOMINIO PÚBLICO LOCAL, PARA UNHA FINALIDADE LUCRATIVA

Publicación provisional: 22/05/2025 BOP Nº: 96
Publicación definitiva: 10/07/2025 BOP Nº: 130
Aplicable dende: 10/07/2025

ARTIGO 1. FUNDAMENTO E OBXECTO

En uso das facultades concedidas polos artígos 133.2 e 144 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Val do Dubra establece a taxa pola utilización dos campos de fútbol municipais (Tilleira e Juan Baleato) pertencentes ao dominio público local, para unha finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal e cuxas normas atenden ao previsto no artigo 57 da Lei reguladora das facendas locais.

ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización dos campos de fútbol municipais, pertencentes ao dominio público local, para unha finalidade lucrativa:

-Campo de fútbol da Tilleira

-Campo de fútbol Juan Baleato

ARTIGO 3. BENEFICIOS FISCAIS.

Aplicaranse os beneficios fiscais previstos nas normas con rango de lei nos tratados internacionais.

ARTIGO 4. SUXEITOS PASIVOS

Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que se beneficien da utilización das instalacións que constitúen o feito impoñible da taxa.

ARTIGO 5 COTA TRIBUTARIA. TARIFAS

Establécese a seguinte tarifa: 23,3 euros por día e por cada campo de fútbol.

ARTIGO 6 EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS

Aplicarase unha bonificación do 100% ás asociacións e entidades municipais sen ánimo de lucro que utilicen os campos de fútbol municipais.

ARTIGO 7 PERÍODO IMPOSITIVO E DEVINDICACIÓN

A taxa devindicarase no momento en que se conceda a utilización dos campos de fútbol municipais.

ARTIGO 8 RÉXIME DE DECLARACIÓN DE INGRESO

1. Unha vez autorizada a utilización das instalacións, deberase practicar polo suxeito pasivo a declaración-liquidación (autoliquidación) correspondente conforme ao sinalado na presente ordenanza.

2. O importe da taxa realizarase por ingreso directo nas entidades bancarias colaboradoras deste concello e sempre antes de comenzar a utilización da instalación.

ARTIGO 9 INFRACCIÓNS E SANCIÓNS TRIBUTARIAS

Para a cualificación das infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas corresponden en cada caso, estarase ao disposto na Lei xeral tributaria.

ARTIGO 10 NORMAS DE APLICACIÓN

10.1. A utilización dos campos quedará supedita á dispoñibilidade dos mesmos. No suposto de que o concello precise das instalacións para eventos municipais poderá revocarse a utilización e practicarase de oficio a correspondente devolución do importe liquidado.

10.2. A utilización do uso destas instalacións deportivas a entidades privadas será concedida de xeito motivado en base ao interese do evento para o Concello de Val do Dubra ou para os seus habitantes e sempre que non interfira coa actividade habitual das instalacións, co seu mantemento ou co seu coidado.

10.3. As actividades a realizar asegurarán en todo momento o bo estado das instalacións. Consideraranse responsables directos dos posibles danos ou prexuízos ocasionados os terceiros aos que se lles autorice o uso.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e manterá a súa vixencia en tanto non sexa modificada ou derogada expresamente.