Betanzos - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN PATRIMONIAL DE CARÁCTER PÚBLICO NON TRIBUTARIA POLA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS DE COMEDOR ESCOLAR E DE MADRUGADORES NO COLEXIO CEIP FRANCISCO VALES VILLAMARÍN

Publicación provisional: 03/06/2025 BOP Nº: 104
Publicación definitiva: 24/07/2025 BOP Nº: 140
Aplicable dende: 28/07/2025

ARTIGO 1.-Disposición xeral

En uso das facultades concedidas polo artigo 31.3 da Constitución Española, e ao abeiro do disposto no artigo 20.6 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais en relación coa Disposición adicional primeira da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, o Concello de Betanzos establece a prestación patrimonial de carácter público non tributario (en diante, PPPNT), como contraprestación dos servizos de comedor escolar e de madrugadores no colexio CEIP Francisco Vales Villamarín, (exercidos en desenvolvemento das súas competencias en materia de promoción da igualdade entre homes e mulleres e de vixilancia do cumprimento da escolaridade obrigatoria, que se contemplan no artigo 25.2 apartados n) e 0) da Lei 7/1985, de bases do réxime local).

As tarifas e demais dereitos económicos, pola prestación dos servizos indicados no apartado anterior teñen a condición de PPPNT, de acordo co artigo 20.6 do texto refundido da lei reguladora das facendas locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, en redacción dada pola Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público e se rexerán pola presente Ordenanza, así como no disposto na restante normativa reguladora anteriormente indicada.

ARTIGO 2.-Feitos dos que deriva a obriga de pagamento

Constitúen os feitos dos que deriva a obriga de pagamento das PPPNT reguladas na presente ordenanza a prestación dos servizos de comedor escolar e madrugadores segundo o recollido no Regulamento de réxime interno do Servizo Municipal de Comedor Escolar e Madrugadores.

ARTIGO 3.-Obrigados ao pagamento

Están obrigadas ao pagamento das PPPNT reguladas na presente ordenanza as persoas usuarias dos servizos de comedor e madrugadores, tendo a condición de suxeitos substitutos ao pagamento os seus pais, nais, ou titores legais solicitantes do servizo.

ARTIGO 4.-Tarifas

As contraprestacións a esixir pola prestación do servizos de comedor e madrugadores determinaranse pola aplicación das tarifas recollidas no presente artigo e, no seu caso, polas bonificacións reguladas no artigo 5

SERVIZO DE COMEDOR

 


MODALIDADE DO SERVIZO

TARIFA XERAL

TARIFA MESES DE SETEMBRO, DECEMBRO,

XANEIRO, XUÑO E MES DE SEMANA SANTA

Usuario/a fixo/a: Cinco días á semana

95,60 €

71,70 €

Usuario/a fixo/a: Catro días á semana

76,48 €

57,36 €

Usuario/a fixo/a: Tres días á semana

57,36 €

43,02 €

Usuario/a fixo/a: Dous días á semana

38,24 €

28,68 €

Usuario/a fixo/a: Un día á semana

19,12 €

14,34 €

Usuario/a esporádico/a: Dia solto (máximo 4 días ao mes)

4,78 €

4,78 €


SERVIZO DE MADRUGADORES/AS CON ALMORZO

 


MODALIDADE DO SERVIZO

TARIFA XERAL

TARIFA MESES DE SETEMBRO, DECEMBRO,

XANEIRO, XUÑO E MES DE SEMANA SANTA

Usuario/a fixo/a: Cinco días á semana

51,40 €

38,55 €

Usuario/a esporádico/a: Día solto (máximo 4 días ao mes)

2,57 €

2,57 €


SERVIZO DE MADRUGADORES/AS SEN ALMORZO

 


MODALIDADE DO SERVIZO

TARIFA XERAL

TARIFA MESES DE SETEMBRO, DECEMBRO,

XANEIRO, XUÑO E MES DE SEMANA SANTA

Usuario/a fixo/a: Cinco días á semana

36,80 €

27,60 €

Usuario/a esporádico/a: Día solto (máximo 4 días o mes)

1,84 €

1,84 €


As tarifas reduciranse á metade para o caso da modalidade usuarios fixos por quendas

ARTIGO 5.- Exencións e bonificacións das tarifas

5.1.- Terá a consideración de usuario gratuíto o alumnado pertencente a unidades familiares que se atopen en situación socioeconómica de exclusión social, certificada polos servizos sociais municipais, que estará exento do pago da PPPNT.

5.2.- Establécense as seguintes bonificacións nas tarifas para o alumnado usuario fixo (non esporádico ou por días soltos) dos servizos de comedor e/ou madrugadores:

a) Bonificación do 30% das tarifas para o alumnado pertencente a familias de especial consideración (familias numerosas, familias monoparentais, familias con persoas maiores, dependentes ou con discapacidade a cargo, familias acolledoras, familias en situación de especial vulnerabilidade económica e familias vítimas de violencia de xénero).

b) Bonificacións segundo a renda per cápita, aplicables consonte ao disposto na seguinte escala:

Renda per cápita inferior ao 85% IPREM: bonificación do 100% das tarifas

Renda per cápita superior ao 85 e ata o 95% do IPREM: bonificación do 75% das tarifas

Renda per cápita superior ao 95 e ata o 110% do IPREM: bonificación do 50% das tarifas

5.3.-A solicitude de bonificación de tarifas deberá facerse por escrito conxuntamente coa solicitude de praza, ben sexa de renovación ou de novo ingreso, no impreso oficial correspondente e achegando a documentación xustificativa en cada suposto. Os solicitantes deberán indicar se desexan ou non utilizar igualmente o servizo en caso de denegación da bonificación.

5.4.-As bonificacións reguladas neste artigo son incompatibles entre si, e aplicarase por parte da administración municipal, no caso de concorrencia de bonificacións aplicables a un mesmo usuario, aquela que resulte máis beneficiosa para o mesmo.

5.5.- Só se aceptarán a trámite, con carácter extraordinario, as solicitudes de revisión da tarifa a pagar nos supostos de cambio no número de membros da unidade familiar ou ruptura da mesma por separación dos proxenitores, sempre e cando tales circunstancias se produzan con carácter posterior ao remate dos prazos de matrícula e renovación.

5.6.- En orde á aplicación do presente precepto, a base para a aplicación de bonificacións ou a determinación da gratuidade virá determinada pola renda per cápita mensual, entendendo por tal o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar. Para os efectos, teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, do imposto sobre a renda das persoas físicas. No caso de que algún dos membros maiores de idade da unidade familiar non tivera presentado declaración do IRPF no exercicio que se estea a valorar, sumarase os ingresos minorando os mesmos co total dos gastos de carácter deducible que figuren no certificado emitido pola AEAT.

A renda per cápita familiar englobará os ingresos de todos os membros da unidade familiar divididos polo número de membros computables. Considérase que integran a unidade familiar:

- Os país/nais non separados legalmente e, no seu caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

No caso de separación ou divorcio, non se considerará membro da unidade familiar aquel que non conviva co solicitante do servizo de comedor escolar. En cambio, si terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida ao pai/nai e que si conviva co solicitante. No caso de separación con custodia compartida, valorarase a renda dos dous proxenitores. Non obstante, se os cónxuxes separados e titulares da custodia compartida solicitasen cadansúa bonificación en relación ao mesmo neno/a, a situación de cada unidade familiar será valorada de xeito diferenciado.

A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que determine a mesma, ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.

En caso de existir unha orde de afastamento, presumirase que a persoa á que esta se refire non forma parte da unidade familiar. A demanda de incumprimento das obrigas de pago contidas nun convenio regulador de medidas paterno filiais poderá ser substituído por un informe dos servizos sociais acreditativo dunha situación de violencia de xénero.

- Os fillos/as menores de idade, con excepción dos emancipados.

- Os fillos/as maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

- Os fillos/as solteiros/as menores de vintecinco anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano inmediato anterior a aquel no que comeza o curso escolar para o que se solicita o servizo sempre que non tiveran un contrato de traballo ou percibiran recursos (agás bolsas) durante o ano anterior.

- No caso de non existir vínculo matrimonial, a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos que se acaban de referir.

- No caso de familias monoparentais (segundo artigo 13 da lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), e para os efectos do cálculo da renda per cápita, incrementaranse nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

-Os/as nenos/as en réxime de acollemento non computarán como membros da unidade familiar ate que proceda valorar a capacidade económica en base á renda percibida no ano en que se producira o acollemento.

5.7.- Igualmente, en orde á aplicación do presente precepto, consideraranse os seguintes criterios de aplicación relativos ás bonificacións por familias de especial consideración:

1. Familia numerosa:

a) Considérase que esta existe dende a data de expedición do título.

b) O título deberá estar vixente no momento da solicitude da axuda.

c) Será preciso que no libro/s de familia consten todos os integrantes que figuren no título de familia numerosa.

2. Familia monoparental:

a) Considérase que esta existe desde que un dos proxenitores pase a asumir en solitario o sostemento do/s fillo/a (sentenza da retirada da patria potestade, falecemento, etc).

b) No caso de proxenitores separados, cando exista unha sentenza de medidas paterno filiais na que non se contemple o recoñecemento dunha pensión alimentaria, tendo o/a solicitante a custodia, e sendo a patria potestade compartida, considerarase que a unidade familiar é monoparental.

c) En caso de existir unha orde de afastamento vixente, presumirase que unidade familiar é monoparental.

d) Xunto coa solicitude deberá aportarse o certificado de que a familia cumpre cos requisitos para ser considerada familia monoparental.

 

3. Familias con persoas discapacitadas ou dependentes ao cargo.

a) O/a discapacitado/a deberá estar empadroado no domicilio familiar un mínimo de 6 meses do ano fiscal que se valore e seguir empadroado/a no momento da solicitude/revisión.

b) Considerarase a discapacidade do solicitante e da súa parella.

c) A condición de discapacidade deberá cumprirse na data da solicitude.

d) Presentarase certificado de recoñecemento de discapacidade, documentación que acredite o parentesco (libro de familia, partida de nacemento, etc.) e as familias empadroadas nun concello distinto ao Concello de Betanzos, deberán presentar certificado onde conste a convivencia referida no apartado 4.a dos presentes criterios.

4. Familias con dependentes a cargo.

a) A persoa dependente deberá estar empadroada no domicilio familiar no momento da solicitude.

b) A condición de dependente deberá cumprila na data da solicitude.

c) Presentarase certificado de recoñecemento de dependencia e as familias empadroadas nun concello distinto ao Concello de Betanzos, deberán presentar certificado onde conste a convivencia referida no apartado 5.a dos presentes criterios.

5. Familias acolledoras.

a) Presentarase resolución pola que se recoñeza a condición de familia acolledora.

5.8.- Para o cálculo da renda per cápita, os interesados achegarán coa súa solicitide a seguinte documentación:

a) Libro/s de familia onde consten todos os membros da unidade familiar. No seu defecto, certificado de nacemento de todos os fillos.

b) A separación, divorcio ou ruptura do vínculo non matrimonial acreditarase mediante sentenza xudicial que determine a mesma, baixa no correspondente rexistro de parellas de feito e convenio regulador de medidas paterno filiais, onde conste a custodia do menor.

c) O incumprimento do convenio regulador por parte do proxenitor non custodio no referido á pensión alimentaria ou compensatoria, deberá ser acreditado mediante a presentación da correspondente demanda por impagamento de pensións referida ao exercicio fiscal que se estea a valorar, ou ben dunha solicitude/concesión de xustiza gratuíta para a tramitación de dita demanda, sempre e cando non transcorreran máis de seis meses dende a formulación daquela, ou desde a concesión, por considerar que o caso contrario é mostra da inactividade do solicitante en relación a aqueles procedementos.

Este mesmo criterio aplicarase aos solicitantes que declaren a separación dos cónxuxes mediante a presentación dunha solicitude/concesión de xustiza gratuíta, ao respecto da documentación que acredite o avance efectivo do proceso de separación.

d) En caso de existir fillos/as dalgún dos proxenitores que non convivan no domicilio familiar o cumprimento do correspondente convenio deberá ser acreditado mediante a presentación da sentenza que o aprobe, xunto cos xustificantes de abono de todos os pagamentos correspondentes ao exercicio que se estea a valorar.

e) Autorización de todos os membros maiores de idade da unidade familiar ao Concello de Betanzos a solicitar da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da administración tributaria da Comunidade Autónoma a información tributaria que precise, en relación ao cálculo das cotas relativas aos servizos complementarios solicitados.

f) Aqueles solicitantes que non acheguen a documentación precisa no prazo de emenda que no seu caso lles fora concedido, deberán aboar a cota máxima que corresponda á frecuencia de uso que fagan do servizo. O mesmo resultará de aplicación en caso de que se aprecie ocultación de información. Non será de aplicación a antedita cota máxima, porén, a aqueles/as usuarios/as que teñan en tramitación a solicitude de axuda de emerxencia social ou informe social.

ARTIGO 6.- Deivindicación e obriga de pagamento

O período de deivindicación no caso da modalidade de usarios/as fixos/as dos servizos de comedor e madrugadores será o do curso escolar, agás que o inicio sexa con data posterior ou ben se produza a baixa no mesmo antes do remate do curso escolar. A obriga de pagamento para esta modalidade de uso nace coa solicitude de inscrición nos servizos.

No caso de que a altas nos servizos se produzan despois do primeiro día do mes, e dado que as mesmas terán efectos os días 1 ou 15 de cada mes, a PPPNT aboarase en función das quincenas efectivas de asistencia, aplicando o rateo correspondente á tarifa mensual fixada no artigo 4 da presente ordenanza.

No caso de baixas nos servizos, as tarifas mensuais ratearanse proporcionalmente aos días efectivamente prestados de servizo. Para o cálculo da proporción partirase de que os meses de tarifa xeral contan con 20 días de prestación do servizo, e os meses de setembro, decembro, xaneiro. xuño e o de semana santa, con 15 días de prestación do servizo.

As modificacións na modalidade dos servizos prestados terán efectos a partir do mes seguinte a aquel no que se solicitan.

O período de deivindicación no caso da modalidade de usuarios/as ocasionais será o de duración do servizo esporádico que se solicite. A obriga de pagamento para esta modalidade nace coa solicitude do servizo esporádico.

ARTIGO 7.-Normas de xestión e ingreso

No caso da modalidade de usarios/as fixos/as dos servizos de comedor e madrugadores, a solicitude de inscrición nos mesmos dará lugar o alta no censo correspondente.

Os cobros, unha vez aprobadas as liquidacións correspondentes a eses servizos, efectuarase mediante cargo na conta bancaria que a persoa solicitante do servizo deberá indicar no momento solicitar o servizo.

No caso da modalidade de usuarios/as ocasionais, o prezo polos servizos esixirase en réxime de autoliquidación con carácter previo á prestación do servizo por parte dos obrigados ao pagamento.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

A presente ordenanza derroga a Ordenanza reguladora do Prezo Público por prestación do servizo de comedor escolar e de mañanceiros no CEIP Francisco Vales Villamarín, aprobada inicialmente polo Pleno do Concello de Betanzos o 26 de marzo de 2013.


DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincial e permanecerá en vigor ata súa modificación ou derrogación expresa.