Negreira - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de actividades deportivas e culturais municipais do Concello de Negreira

Publicación provisional: 19/05/2025 BOP Nº: 93
Publicación definitiva: 06/08/2025 BOP Nº: 148
Aplicable dende: 07/08/2025

Artigo 1.º. Concepto. Feito impoñible.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da CE e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto no artigo 20 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola prestación de servizos deportivos municipais, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal, atendendo ás normas ó previsto no artigo 57 do citado RDL.

Artigo 2.º. Suxeitos pasivos e obrigados ó pagamento.

Son suxeitos pasivos e están obrigados ó pagamento das taxas reguladas nesta Ordenanza as persoas ou entidades que utilicen as instalacións deportivas municipais ou sexan usuarias dos servizos deportivos abaixo citados.

Artigo 3.º. Contía.

1. A contía das taxas reguladas nesta Ordenanza será a fixada nas tarifas contidas no apartado seguinte para cada un dos distintos servizos ou actividades.

2. Tarifas:

· Por uso de instalacións

a) Entrada á piscina: 1,00 euros por persoa.

b) Abono mensual piscina: 20 euros por persoa.

c) Abono temporada piscina: 50 euros por persoa.

d) Abono familiar de tempada: 80 euros (ata un máximo de 3 persoas).

e) Abono familiar de tempada: familia numerosa: 80 euros.

Ámbolos dous abonos familiares quedaran limitados a nais/pais, fillas/os, avoas/avós.

· Por actividades

a) Escolas deportivas e culturais:

· 80 euros

· 70 euros por persoa cando haxa máis dun membro da mesma familia ou se acuda a máis dunha escola deportiva.

· 65 euros por persoa cando haxa máis de dous membros da mesma familia ou se acuda a máis de dúas escolas deportivas.

b) Campamentos:

· 80 euros,

· 70 euros cando haxa máis dun membro da mesma familia.

c) Curso de natación: 20 € /mes.

d) Manualidades de maiores: 50 € tempada.

Artigo 4.º. Exencións e bonificacións.

1. Non están suxeitos a esta taxa aquelas utilizacións correspondentes a competicións organizadas ou patrocinadas por iniciativa do Concello de Negreira.

2. A Xunta de Goberno Local poderá conceder exencións ou bonificacións desta taxa no caso de utilización das instalacións para a celebración de actos organizados con fins benéficos.

3. Haberá un desconto do 30% para aquel usuario/a que reúnan algún dos seguintes requisitos:

- informe social que indique a necesidade do servizo en base as circunstancias socioeconómicas e familiares.

- sexa fillo/a de muller vítima da violencia de xénero.

- familia monoparental.

- familia numerosa.

As persoas ou entidades interesadas na obtención da devandita exención ou bonificación deberán solicitalas por escrito con anterioridade á celebración das actividades, acreditando documentalmente as circunstancias que concorran na súa pretensión.

Artigo 5.º. Devindicación, liquidación e ingreso.

1. No caso xeral de utilización individualizada das instalacións deportivas municipais fundiranse nun só intre procesual as fases de devindicación, liquidación e pago da taxa. Dito intre procesual producirase cando a persoa manifeste a súa pretensión de utilizar as referidas instalacións.

2. No caso de solicitude por colectivos para a utilización nun momento posterior, a devindicación e a liquidación produciranse coa autorización da Alcaldía. O pago, que se efectuará con anterioridade á utilización efectiva, realizarase nas contas bancarias do Concello.

3. No caso de actividades a devindicación, liquidación e ingreso poderase facer en dúas mensualidades (Outubro- Febreiro).

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a Ordenanza reguladora da Taxa por prestación dos servizos deportivos municipais, así como calquera outra normativa que se opoña á ordenanza que se aproba.


Disposición final

A presente Ordenanza entrará en vigor ó día seguinte o da súa íntegra publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.