Fisterra - Ordenanza municipal reguladora e Ordenanza municipal reguladora da protección dos camiños e vías públicas municipais do Concello de Fisterra

Publicación provisional: 13/06/2025 BOP Nº: 112
Publicación definitiva: 08/08/2025 BOP Nº: 150
Aplicable dende: 01/09/2025

TÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Réxime xurídico

1.1.- A regulamentación por medio da presente ordenanza do uso do dominio público viario municipal nas operacións de saca de madeira fundaméntase no uso das competencias que lle atribúen ao Concello os artigos 4, 25.2.d), 84 e 139 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, 28 da Lei 33/2003, do 3 de novembro, do Patrimonio das Administracións Públicas e 44.2 e 74 e seguintes do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Corporacións Locais.

1.2.- Así mesmo, para a aplicación desta ordenanza mediante a presentación dunha comunicación previa fundaméntase nos artigos 4 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas e 69 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo das administracións públicas e nos artigos 84.c), 84 bis e 84 ter da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.

Artigo 2.- Obxecto

A presente ordenanza ten por obxecto garantir a conservación e protección das vías, camiños e pistas do termo municipal de Fisterra, co motivo de evitar os danos que puidera ocasionar a realización das tarefas relacionadas coas actividades forestais e outras análogas, principalmente cortas e sacas de madeira. Tamén, a regulación dos lugares de depósito, almacenamento e carga, en relación co desenvolvemento da actividade e os posibles desperfectos producidos na vía pública.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

Quedan obrigadas por esta norma toda actividade de corta e saca de madeira e outras relacionadas co ámbito forestal, dentro do concello de Fisterra, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza:

a) As cortas puntuais de exemplares de árbores illadas.

b) As podas en plantacións forestais.

c) Clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos.

d) Os traballos de roza e limpeza de predios.

e) As cortas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico con vehículos agrícolas.

f) A eliminación dunha situación de perigo para as persoas ou bens.

Artigo 4.- Definicións

Para os efectos da presente ordenanza, defínense os seguintes termos:

¿ Camiño ou vía municipal: Vieiro de comunicación terrestre de titularidade pública e competencia municipal que facilita a comunicación directa con poboacións limítrofes, núcleos urbanos e fincas e puntos de auga, así como todo aquel outro que serve aos fins propios de actividades agropecuarias, forestais e o propio goce do contacto co medio natural e rural.

¿ Actividade forestal: Aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan característicos do cultivo agrícola.

¿ Corta: Operación silvícola de apeo das árbores.

¿ Operacións de saca de madeira: Totalidade de tarefas desenvolvidas, o obxecto das cales é a obtención e o transporte da madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento dos vehículos e da maquinaria, preparación dos terreos, construción de ramplas de acceso ás parcelas e outras infraestruturas accesorias, etc.), así como as posteriores (preparación e depósito da madeira, carga e transporte).

¿ Empresa madeireira: Persoa física ou xurídica que realice as labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e transporte de madeira. Tamén abranguerá aquelas persoas propietarias que realicen algún destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexan para autoconsumo e teñan por destino a comercialización do produto obtido.

TÍTULO II. RÉXIME XURÍDICO DA ACTIVIDADE

Artigo 5.- Procedemento de comunicación previa

5.1.- O aproveitamento especial do dominio público viario municipal mediante a execución de operacións de corta e saca de madeira dentro do termo municipal de Fisterra está suxeito a comunicación previa.

A comunicación previa será presentada pola empresa madeireira nas oficinas ou no rexistro electrónico municipal consonte ao modelo normalizado aprobado polo/a Alcalde/sa ou concelleiro/a en quen delegue.

Será necesario, adicionalmente, a previa obtención dos permisos ou autorizacións que, consonte á normativa sectorial vixente, sexan necesarios para a realización da actividade pretendida, xa foran da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección do dominio público hidráulico ou marítimo terrestre, de preservación do patrimonio arqueolóxico ou calquera outra, incluída a licenza municipal urbanística cando sexa legalmente preceptiva.

5.2.- A comunicación previa axustarase ao modelo normalizado aprobado polo Concello e deberá estar asinada pola empresa madeireira e acompañarase da seguinte documentación:

¿ Identificación da empresa encargada da corta.

¿ Especie de madeira obxecto da corta.

¿ Declaración responsable, comunicación previa ou, no seu caso, autorización da tala polo órgano competente en materia forestal da Xunta de Galicia.

¿ Identificación da parcela afectada e a súa situación no Plan Xeral de Ordenación Municipal.

¿ Identificación do lugar de depósito e das vías a utilizar para o transporte de madeira.

¿ Identificación dos vehículos que interveñan na saca de madeira no caso de que dita operación se realice por empresas distintas á que realiza a corta.

¿ Copia do seguro de responsabilidade civil que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse na realización de traballos forestais, así como do último recibo pagado acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento no que está prevista a realización das operacións, no caso de resultar esixible dita subscripción de seguro de acordo coa normativa sectorial aplicable.

¿ Xustificante de constitución da garantía nos termos previstos no artigo 6 (constitución de fianza ou subscripción de aval bancario). No caso de que os traballos de depósito, carga e transporte interveñan empresas distintas ás encargadas da corta, estarán obrigados a subrogalos na súa fianza, ou ben a que a propia empresa de transporte constitúa unha garantía independente nos termos establecidos no artigo 6.

¿ Duración estimada dos traballos así como a data prevista para o comezo destes.

¿ Calquera outra autorización que resulte esixible de acordo coa normativa sectorial, de ser o caso.

Presentarase unha comunicación previa cada vez que estea previsto realizar unha operación de corta e/ou saca de madeira, e para cada parcela ou monte. Poderase presentar unha soa comunicación para varias parcelas ou montes cando os traballos vaian ser realizados simultaneamente e vaian ser utilizados os mesmos camiños e vías municipais.

Se a comunicación previa ou a súa documental anexa se presentase incompleta, requirirase ao interesado para que no prazo de 10 días hábiles a complete, emende ou aclare, coa indicación de que, namentres, queda suspendida a posibilidade de executar a actividade comunicada.

A comunicación previa permitirá o inicio das actividades aos quince días hábiles da súa presentación, sen prexuízo das facultades inspección e comprobación que ostenta o Concello.

A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou información incorporada a unha comunicación previa, ou a falta de presentación en prazo da documentación requirida pola Administración determinará a imposibilidade de continuar coa execución da actividade comunicada desde o momento en que o Concello teña constancia de tales feitos, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas que se poidan derivar dos feitos acontecidos.

Artigo 6.- Garantía.

6.1. A empresa madeireira, persoa física ou xurídica, estará obrigada a constituír fianza en metálico ou aval bancario, polos importes que se indican no presente artigo, para responder dos danos causados nas vías e camiños, a limpeza dos restos das operacións de depósito, carga e transporte de madeira ou calquera outro dano que sexa consecuencia directa das actividades de corta e/ou saca de madeira obxecto da comunicación previa.

6.2. No caso de que na carga e transporte da madeira interveña outra empresa distinta da encargada da corta, a primeira deberá ben subrogalos na súa fianza. En caso contrario, a empresa madeireira encargada da carga e/ou transporte deberá constituír garantía en idénticos termos.

6.3. Establécense as seguintes categorías de aval ou fianza en metálico:

a) Por operación de corta e/ou saca - Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm.: 2.700,00 Euros.

b) Por operación de corta e/ou saca - Vehículos con peso máximo autorizado maior ou igual a 16 Tm: 4.200,00 Euros.

c) Por todas as operacións de corta e/ou saca a realizar ao longo dun ano natural (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro) - Vehículos con peso máximo autorizado inferior a 16 Tm.: 10.800,00 Euros.

d) Por todas as operacións de corta e/ou saca a realizar ao longo dun ano natural (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro) - Vehículos con peso máximo autorizado maior ou igual a 16 Tm.: 16.800,00 Euros.

6.4 No caso de optarse pola constitución de fianza en metálico, deberá efectuarse o ingreso que corresponda segundo o disposto no artigo anterior na conta operativa do Concello de Fisterra: ES8520800026933110010661.

6.5. No caso de prestarse garantía mediante a constitución de aval bancario, este deberá ser achegado en documento orixinal, facendo constar expresamente a renuncia ao beneficio de excusión e a garantía deberá manter a súa vixencia durante o prazo de desenvolvemento da actividade e ata que sexa solicitada e autorizada a súa devolución por quen resulte competente.

6.6. Unha vez rematada a actividade comunicada garantizada, a empresa madeireira poderá solicitar a devolución da garantía. Dita devolución producirase no prazo dun (1) mes, previo informe favorable preceptivo dos Servizos Técnicos Municipais, que comprobarán o estado de conservación e limpeza das vías e espazos de dominio público local utilizados na actividade garantizada.

6.7. En caso de informe desfavorable por incumprimento do réxime de obrigas e prohibicións, o Concello procederá de conformidade co disposto no artigo 10.

6.8. Transcorrido o prazo outorgado no requirimento previsto en dito artigo 10, se este foi atendido, o Concello devolverá a garantía, previo informe favorable dos servizos técnicos municipais. De non cumprirse o requirimento, o Concello acordará a execución subsidiaria dos traballos de limpeza e/ou reparación que sexan necesarios, a costa da persoa obrigada e con cargo á garantía depositada.

6.9. Cando a garantía depositada sexa insuficiente para sufragar os traballos de limpeza e/ou reparación, o Concello elaborará informe técnico de valoración dos devanditos danos e requirirá á persoa responsable para o abono da diferenza existente, nos termos previstos no artigo 10 da presente ordenanza.

Artigo 7.- Facultades da Policía Local

7.1. Facúltase ao corpo da Policía Local do Concello de Fisterra a adoptar as medidas de carácter provisional necesarias, incluíndo o comiso e precinto, para evitar a continuidade do dano ocasionado pola actividade presuntamente infractora da Ordenanza ou no caso de detectarse a realización da actividade sen a precisa comunicación previa.

7.2. O/a alcalde/sa deberá confirmar, modificar ou deixar sen efecto as medidas de carácter provisional acordadas polo corpo de Policía Local, cando se incoe o correspondente expediente sancionador, ou incluso antes de dita incoación, se comprobando o cumprimento por parte do interesado, o atraso na tramitación do expediente puidera causarlle un grave prexuízo.

Artigo 8.- Limitacións ao aproveitamento especial do dominio público viario mediante operacións de corta e/ou saca de madeira

O Concello poderá prohibir temporalmente e con carácter xeral o aproveitamento especial do dominio público viario mediante a realización de operacións de corta e saca de madeira nos seguintes supostos:

- Nas épocas de perigo alto de incendio, nas que o emprego de maquinaria constitúa un risco na produción de lumes forestais.

- Naquelas épocas de alta pluviosidade, nas que as condicións freáticas do terreo constitúan un risco de deterioro das calzadas das vías municipais en supostos de tránsito de vehículos pesados.

O Concello poderá prohibir temporalmente a actividade comunicada a aquelas empresas que, sendo requiridas para a reposición dos danos causados, a limpeza viaria ou a demolición ou retirada de construcións, instalacións ou depósitos sobre a vía pública, non atendera ao requirimento ou tivera pendente de pagamento os custes da execución subsidiaria, namentres tal incumprimento subsista.

Artigo 9.- Obrigas e prohibicións

9.1.- Son obrigas da empresa madeireira encargada de realizar as operacións de corta e/ou saca de madeira as seguintes:

a) Presentar a comunicación previa de corta e/ou saca de madeira antes do inicio dos traballos, con quince días hábiles de antelación á data de inicio pretendida.

b) Realizar as actuacións de saca de madeira evitando o deterioro do dominio público viario, empregando, a tal fin, os medios técnicos necesarios para garantir a súa conservación e evitando prácticas que faciliten o deterioro.

c) Comunicar ao Concello de xeito inmediato os danos que puidese ocasionar ao dominio público viario, así coma os danos existentes sobre o mesmo previos á realización da súa actividade, co gallo de deslindar a súa responsabilidade.

d) Sinalizar os vieiros situados nas zonas de extracción e depósito da madeira consonte ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

e) A empresa madeireira está obrigada a recollida de todos os residuos xerados pola corta e/ou saca así como a súa retirada, de xeito que os camiños ou vías municipais e resto de espazos de dominio público estean en todo momento nun estado de limpeza axeitado sen que supoñan perigo para o resto de viandantes e vehículos. Esta obriga deberase cumprir todos os días de execución da actividade ao remate da xornada de traballo.

f) Limpar as superficies dos montes ou terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio nos termos sinalados na lexislación forestal.

g) Repor ao seu estado anterior as ramplas e outras infraestruturas accesorias executadas para facilitar o acceso ás parcelas ou montes.

h) Asumir os custes de reparación dos estragos producidos nos camiños e estradas municipais, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local, como consecuencia da realización das actividades de corta e/ou saca de madeira, nos termos previstos na presente Ordenanza.

i) Adoptar as medidas oportunas para que as vías municipais, polas que se efectúa o transporte da madeira estean en todo momento libres de pólas, podalla, lama ou calquera outro elemento que puidera supoñer un risco para os usuarios da vía.

j) Non invadir a circulación viaria, gabias, táxeas, canalizacións de auga, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar de camiños, estradas e vías públicas anexas, ao efectuar os depósitos de madeira, pólas ou poda consecuencia da actividade, de cara a evitar risco para o resto de viandante e vehículos.

k) Nas zonas forestais en que o Concello, ou as respectivas Comunidades de Montes, teñan disposto unha parcela ou espazo específico destinado para o depósito transitorio da madeira xa cortada, as empresas madeireiras deberán utilizar estes espazos sempre que non sexa posible facelo directamente desde a finca afectada pola corta/saca ata o lugar de destino.

l) Proceder de igual modo ao apartado anterior cando as dimensións, trazado ou condicións de conservación dos camiños de acceso ao monte, aconsellen empregar vehículos de pequena dimensión para o traslado da madeira ata o espazo de depósito transitorio. Tampouco se poderán obstaculizar ou impedir a normal circulación nesas mesmas zonas cando se proceda a carga e a descarga da madeira polos vehículos encargados do traslado da madeira.

m) Sen prexuízo das responsabilidades administrativas sancionadoras que se poidan derivar, repoñer e restaurar o dano causado pola actividade de corta e/ou saca de madeira, nos termos previstos no artigo 10.

9.2.- Son prohibicións para a empresa madeireira encargada de realizar as operacións de corta e/ou saca de madeira as seguintes:

a) Prohíbese o uso do dominio público para o almacén ou depósito da madeira, agás naquelas zonas expresamente autorizadas ao efecto polo Concello de Fisterra.

b) Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen en vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables a urbanos serán seleccionados e depositados nos colectores municipais axeitados de acordo á súa disposición. Os demais residuos, perigosos ou non, serán entregados a xestor autorizado nos termos da lexislación sectorial aplicable.

c) Os depósitos de rolla, pólas e demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria nin menoscabar a funcionalidade das gabias, rueiros, canalizacións, pontes ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa aos camiños e estradas, de cara a evitar riscos ás persoas usuarias. A estes efectos prohíbese o depósito ou almacenamento de lotes de madeira, así como, con carácter xeral, as labores agrícolas ou forestais nas zonas indicadas anteriormente.

d) Prohíbese iniciar os traballos de corta sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente, cando as parcelas obxecto da actuación estean afectadas pola normativa sectorial de costas, augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.

e) Prohíbese realizar desprazamentos de terra que polas súas características deban ser considerados como movemento de terra suxeito a licenza nos termos da lexislación sectorial urbanística.

Artigo 10. Reposición do estado do dominio público viario.

Presumirase o correcto estado de conservación das vías municipais. Non obstante, a empresa madeireira poderá acompañar á comunicación previa unha reportaxe fotográfica relativo ao estado previo das vías afectadas pola actividade de saca, co gallo de deslindar posibles responsabilidades.

No suposto de que o Concello detecte a existencia de alteracións ou danos no dominio público viario que razoablemente poidan imputarse a unha actividade madeireira, o Concello requirirá ao suxeito responsable a que realice de xeito inmediato a reposición da realidade alterada. A orde de reposición axustarase ás características técnicas do tramo do viario afectado, concedendo un prazo máximo de dez días hábiles para a súa reposición.

No suposto de incumprimento da orde de reposición no prazo outorgado, o Concello acordará a execución subsidiaria da mesma a custa do responsable.

Non obstante, naqueles supostos nos que os danos ocasionados poidan xerar una situación de perigo ou ocasionen una interrupción do tráfico peonil ou rodado ou do normal funcionamento dos servizos públicos, o Concello poderá acometer as obras de reparación directamente e a custa do responsable.

A liquidación do custe de reposición ten natureza administrativa e o seu importe natureza de ingreso público, podendo recadarse por vía de constrinximento.

Cando a empresa incumpra o deber de comunicación previa, o propietario das parcelas nas que se realice a actividade de corta e/ou saca de madeira da que se deriven os danos ao dominio público municipal deberá identificar á empresa madeireira cando sexa requirido polo Concello.

TÍTULO III. RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 11. Infraccións.

1. Constitúen infraccións administrativas en relación con esta ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

O incumprimento do disposto na presente ordenanza sancionarase segundo o establecido nos seguintes artigos, ao abeiro do título XI da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local. A imposición das sancións requirirá a tramitación do correspondente procedemento, de conformidade co disposto nos artigos 25 a 31 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico do sector público e da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

2. Constitúen infracción moi grave desta ordenanza:

a) Realizar calquera das actividades relacionadas coa corta e/ou saca de madeira sen o previo depósito da garantía ao que se refire esta ordenanza.

b) Realizar a actividade de corta e/ou saca de madeira sen presentar o escrito de comunicación previa a que se refire esta ordenanza no artigo 5.

c) Non completar a comunicación previa ou documentos anexos presentados nos termos previstos na presente ordenanza, unha vez requirido polo Concello.

d) Ocultar ou falsear calquera dos datos e/ou documentos obxecto da comunicación previa prevista na presente ordenanza.

e) Causar danos nas estradas, camiños e vías, así como noutros elementos do dominio público local, asociados a esas vías, por valor superior a 6.000,00 €.

f) Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, así como a instalación de obstáculos que impida totalmente o tránsito ou xere un elevado risco para a seguridade das persoas e bens usuarios das vías públicas municipais.

g) Non realizar os traballos necesarios para que as pistas, camiños e espazos públicos municipais utilizados se manteñan en perfecto estado de conservación unha vez rematados os traballos.

h) Realizar traballos de corta e/ou saca de madeira usando pistas, camiños ou espazos públicos municipais respectos dos cales se lle denegara por parte do Concello a súa utilización temporal ou se prohibira temporalmente con carácter xeral.

i) A constitución de depósitos de madeira en lugares non autorizados, de supoñer risco para os usuarios das vías.

j) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas graves que sexan firmes en vía administrativa.

3. Considéranse infraccións graves:

a) Causar danos nas estradas, camiños e vías, así como noutros elementos do dominio público local, asociados a esas vías, por valor igual ou inferior a 6.000,00 euros.

b) Deixar as vías municipais nun estado deficiente de limpeza, sempre que non supoña risco para a seguridade viaria.

c) Non demoler ou non volver ao estado orixinal as ramplas ou accesos que se abran para a entrada aos terreos forestais.

d) Obstruír a acción inspectora ou investigadora da Policía Local ou dos servizos municipais.

e) A constitución de depósitos de madeira en lugares non autorizados, sempre que non supoñan risco algún para os usuarios das vías.

f) O incumprimento por parte do propietario da parcela ou monte onde se desenvolva a actividade de corta e/ou saca de madeira da obriga de identificación da empresa madeireira.

g) A reincidencia na comisión de dúas infraccións leves no prazo dun ano.

4. Considéranse infraccións leves:

Constituirán infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave, a sanción da cal corresponda ao Concello.

Artigo 12. Prescrición das infraccións

As infraccións previstas nesta lei prescribirán nos seguintes prazos:

As infraccións leves, aos seis meses.

As infraccións graves, aos dous anos.

As infraccións moi graves, aos tres anos.

O prazo de prescrición das infraccións comezará a contarse desde o día en que a infracción se cometese ou desde que se tivese coñecemento da súa comisión.

Interrompe a prescrición da infracción a incoación, con coñecemento do interesado, do procedemento sancionador, e o prazo de prescrición continuará se o expediente sancionador estivese paralizado máis dun ano por causa non imputable ao presunto responsable.

Artigo 13. Persoas responsables

Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo anterior as persoas físicas e xurídicas que as cometan en calidade de empresa madeireira, ou os propietarios das parcelas onde se desenvolvesen as actividades de corta e/ou saca de madeira, no caso da infracción de falta de identificación da empresa madeireira que desenvolveu os traballos de corta e ou saca de madeira.

Artigo 14. Sancións

As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

Infraccións moi graves: multa de contía comprendida entre 1.500,01 € e 3.000,00 Euros.

Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 750,01 € e 1.500,00 Euros.

Infraccións leves: multa de ata 750,00 Euros.

O importe das multas será graduado tendo en conta a circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se fose o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

As sancións serán independentes da obriga de reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houbese lugar.

A resolución do expediente sancionador corresponderalle á Alcaldía ou órgano en que delegue.

Artigo 15. Procedemento

O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza fiscal requirirá da incoación e instrución do correspondente expediente administrativo consonte o establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das Administracións Públicas e Lei 40/2015, do 1 de outubro, do réxime xurídico das Administracións Públicas.

Artigo 16. Órganos competentes.

16.1. Será órgano competente para iniciar o procedemento sancionador o/a alcalde/sa ou concelleiro/a en quen delegue, consonte ó regulado no artigo 21.1 h) da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local.

16.2. A funcións instrutora exercerase pola autoridade que designe o órgano competente para a incoación do procedemento, sen que poida recaer en quen tivera competencia para resolver o mesmo.

16.3. Será órgano competente para resolver o procedemento sancionador a Alcaldía, segundo o establecido no dito artigo.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

Primeira.- En cumprimento do disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, esta ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 do citado texto legal.

Segunda.- A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza, así coma para a aprobación dos modelos normalizados de comunicación previa e solicitude de devolución da garantía constituída prevista nesta ordenanza.