Cerdido - ORDENANZA REGULADORA DAS ACTIVIDADES EXTRACTIVAS DE MADEIRA NOS MONTES E ESPAZOS FORESTAIS DO CONCELLO DE CERDIDO

Publicación provisional: 31/03/2025 BOP Nº: 61
Publicación definitiva: 28/08/2025 BOP Nº: 163
Aplicable dende: 28/09/2025

LIMIAR

A actividade madeireira ten suma importancia no Concello de Cerdido debido a que boa parte da superficie municipal está cuberta por especies forestais.

Pero asemade, o 25% da poboación galega é propietaria de parcelas forestais, polo que a incidencia do monte nas economías familiares é moi importante, e cómpre darlle o valor que lle corresponde. Ademais, o monte galego posúe unha elevada produtividade, grazas ó noso clima e á nosa terra, e isto xera unha manchea de potencialidades, que ben aproveitadas, poderían incrementar a produción de madeira, facer medrar as rendas das persoas propietarias, mellorar a xestión das empresas madeireiras, achegar produto de calidade para a industria transformadora, e con todo isto xerar máis valor, máis rendas, máis emprego e máis calidade de vida. Para lograr todo isto é preciso virar a actual situación e camiñar cara a un novo paradigma de xestión sustentable do monte galego. E iso pasa por eliminar ou reducir os graves problemas que ten hoxe en día o sector, como son, entre outros, a escasa cualificación da man de obra, unha distribución de parcelas minifundista e irregular, ou os importantes impactos sobre a rede viaria municipal causados pola maquinaria forestal e os labores de extracción e carga da madeira.

O Concello, consciente da importancia do sector, pero tamén preocupado polos custos que esta actividade xera nas infraestruturas locais, e polo tanto no conxunto da poboación, pretende regular con esta ordenanza os labores de xestión forestal en Cerdido, no que atinxa á conservación dos camiños e das vías municipais, e protexer as persoas, vivendas e outras edificacións nos supostos de incendios forestais; e para elo é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado. E faino con base nas competencias que posúen os municipios nos ámbitos da prevención e extinción de incendios, o medio ambiente ou o urbanismo, establecidas pola Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local, e pola Lei 5/1997, de administración local de Galicia, entre outras.

O uso dos camiños e vías públicas municipais en condicións óptimas é un dereito de toda a comunidade de usuarios, e esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben de realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do Concello, tanto públicos como privados, xa que son por todos coñecidos os importantes danos e desperfectos que ás veces ocasionan estas actividades nos nosos camiños.

Trátase, en definitiva, con esta ordenanza, de facer compatible a actividade de aproveitamento forestal coa preservación do medio natural, a protección paisaxística, a conservación dos camiños e a seguridade vial.

É por iso que esta ordenanza vén regular a actividade extractiva de madeira no termo municipal, agás aquela que poida considerarse de autoconsumo. Neste senso créase un rexistro de empresas madeireiras, para levar control das entidades que realizan actividades forestais no termo municipal, e se establecen unha serie de obrigas de xestión que afectan tanto ás empresas como ás persoas propietarias dos montes explotados. Para levar control das operacións forestais que se desenvolvan, o Concello requirirá a presentación dunha comunicación previa, para informar da realización de actividades de reforestación, as extractivas de madeira e de xestión de biomasa, e dunha fianza, para cubrir os posibles estragos que se produzan nas infraestruturas e no dominio público local. Por último a ordenanza recolle un apartado de infraccións e de sancións.

TÍTULO PRELIMINAR: OBXECTO E FUNDAMENTO

Artigo 1.- Obxecto e fundamento

1. A regulamentación por medio da presente ordenanza das operacións de repoboación, saca de madeira e xestión da biomasa fundaméntase no uso das competencias que lle atribúen ao Concello os artigos 25.2.d) e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; os artigos 6, 80.2.d) e 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia; e os artigos 74 e seguintes do R.D. 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Corporacións Locais.

2. A presente ordenanza ten por obxecto a protección e conservación dos camiños e vías públicas municipais fronte os danos e desperfectos que poden sufrir os mesmos como consecuencia das repoboacións, sacas de madeira e xestión de biomasa que se produzan dentro do termo municipal de Cerdido. Esta ordenanza afecta en especial, aos actos que se desenvolvan e que teñan por obxecto a obtención de madeira e o seu transporte (operacións preparatorias da corta, desprazamentos de vehículos e maquinaria, construción de ramplas de acceso aos terreos, depósitos de madeira, transporte da madeira etc.). Con isto quérese facer compatible a liberdade de empresa e o desenvolvemento do sector forestal, tan importante no noso Concello, coa preservación do medio natural, a conservación dos camiños e pistas municipais e coa seguridade viaria.

Artigo 2.- Definicións

1. Para os efectos de aplicación desta ordenanza considérase como actividade forestal aquela que se desenvolve a partir do aproveitamento múltiple dos recursos que proporcionan os terreos nos que vexetan especies arbóreas, sexan de nacemento ventureiro, de semente ou de plantación, sempre que non sexan características de cultivo agrícola.

2. Por corta e saca de madeira deberá entenderse, para os efectos desta ordenanza, a totalidade das operacións que se desenvolvan dentro do municipio de Cerdido que teñan por obxecto a obtención e transporte de madeira de corta, incluíndo tanto as operacións previas ou preparatorias á corta (desprazamento de vehículos e maquinaria, construción de ramplas ou accesos ás fincas, preparación do terreo etc.) como as posteriores (preparación e depósito da madeira, cargamento e transporte).

3. Por empresa madeireira debe entenderse a persoa física ou xurídica que realice os labores de preparación do terreo, repoboación, corta, saca, depósito e/ou transporte da madeira. Tamén abrangue a aquelas persoas propietarias que realicen algúns destes labores nas parcelas da súa propiedade, sempre e cando non sexa para o autoconsumo de madeira e teñan por destino a súa comercialización.

4. Por repoboación forestal debe entenderse a introdución de especies forestais nun terreo mediante sementa ou plantación. Pode ser forestación ou reforestación.

5.- Por forestación debe entenderse a repoboación, mediante sementa ou plantación, dun terreo que era agrícola ou estaba dedicado a outros usos non forestais

6. Por reforesación debe entenderse a reintroducción de especies forestais, por medio de sementa ou plantación, en terreo-s que xa estiveron poboados forestalmente ata épocas recentes pero que quedaron rasos por mor de tallas, incendios, vendavais, pragas, enfermidades ou outros motivos.

7. Por xestión da biomasa debe entenderse, no contexto desta ordenanza, a retirada ou trituración dos restos amoreados como consecuencia das actividades extractivas da madeira coa finalidade de reducir ou eliminar a carga de combustible no terreo obxecto da actividade de tala e extracción de madeira.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

1.- O ámbito de aplicación desta ordenanza é o termo municipal de Cerdido, sen prexuízo das disposicións especiais que poidan rexer en zonas cualificadas como especialmente protexidas ou espazos naturais.

2.- Quedan excluídas do ámbito de aplicación desta ordenanza:

- as talas puntuais de exemplares de árbores illadas

- as podas e refaldes en plantacións forestais

- o clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos

- os traballos de desbroce e limpeza de predios

- as talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para uso doméstico, a eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens, ou as que se produzan como consecuencia da enfermidade da especie.

TÍTULO I: REXISTRO, AUTORIZACIÓNS E RÉXIME XURÍDICO

Capítulo primeiro

Das actividades de repoboación forestal.

Artigo 4.- As persoas físicas ou xurídicas que pretendan levar a cabo tarefas de repoboación, sexa forestación ou reforestación, deberán presentar nas oficinas municipais, con 5 días hábiles de antelación á data prevista para o inicio da súa execución, un escrito de comunicación previa, conforme ao modelo contemplado nos Anexos II, III, e IV desta ordenanza, e sen prexuízo da obtención dos permisos e/ou autorizacións sectoriais pertinentes conforme á normativa vixente.

Artigo 5.- No caso de non utilizar maquinaria pesada susceptible de causar danos nos bens de titularidade municipal, as persoas que realicen as tarefas de repoboación non estarán obrigadas a presentar fianza, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan derivar polos danos causados nos bens públicos como consecuencia de dita actividade.

Artigo 6.- No caso de utilizar maquinaria pesada susceptible de causar danos nos bens de titularidade municipal, as persoas que realicen as tarefas de repoboación, estarán obrigadas a presentar fianza de 500,00 €, sen prexuízo das responsabilidades que se poidan derivar polos danos causados nos bens públicos como consecuencia de dita actividade.

Capitulo segundo.

Das actividades de xestión da biomasa.

Artigo 7.- As persoas físicas ou xurídicas contratadas para retirar ou triturar os restos derivados da tala de madeira, deberán cumprir a obriga de presentar comunicación previa e prestar fianza nos mesmos termos que aquelas que van realizar tarefas de corta e saca de madeira.

Artigo 8.- as persoas físicas ou xurídicas que realicen as tarefas de xestión da biomasa derivada da corta e saca de madeira, só estarán exentas de cumprir as obrigas do artigo 7 da presente ordenanza, cando actúen por encargo ou subcontratadas pola empresa madeireira que realiza a corta, suposto no que esta última, será a resposable dos danos no dominio publico e de mantelo en bo estado de uso.

Capítulo terceiro.

Das empresas madeireiras.

Artigo 9.-Rexistro de empresas madeireiras

1. As persoas físicas ou xurídicas que realicen actividades madeireiras no Concello de Cerdido deberán inscribirse nun Rexistro establecido para controlar o desenvolvemento destas actividades, no que se fará constar a denominación da empresa, NIF, enderezo, teléfono, correo electrónico e persoa/s de contacto. Recóllese o modelo de solicitude de inscrición no Anexo I.

Artigo 10.- Requisitos para as operacións de corta e saca de madeira

1. Para realizar traballos de corta e saca de madeira en plantacións forestais deste Concello, será obrigatorio presentar nas oficinas municipais unha comunicación previa por escrito, cunha antelación mínima de cinco días hábiles ao comezo das actividades. Isto farase sen prexuízo da necesaria obtención, con carácter previo, dos permisos ou autorizacións que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios, xa foren da autoridade forestal, de conservación da natureza, de protección de augas ou de preservación do patrimonio arqueolóxico.

2. O escrito de comunicación previa será asinado pola empresa madeireira, debendo constar nel os seguintes datos:

- Datos identificativos empresa madeireira (denominación, número do NIF, enderezo e teléfono, nome e apelidos da persoa encargada ou responsable da empresa) e do propietario forestal.

- Especie de madeira obxecto da corta

- Volume de madeira que se prevé extraer

- Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia

- Identificación catastral da finca ou monte afectado (polígono e parcela/s)

- Datas previstas de inicio e remate dos traballos

- Lugar onde se depositará a madeira á espera da súa carga

- Fotocopia compulsada da solicitude ou do permiso, autorización ou licenza de corta expedido pola autoridade competente

- Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca de madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento de realizarse as ditas operacións. No suposto que a empresa madereira no sexa posuidora de ningún destas características, deberá facelo constar expresamente no escrito de comunicación que presente.

3. O Concello de Cerdido terá a disposición das persoas interesadas un modelo normalizado de escrito de comunicación previa, tal e como se recolle no Anexo II, III e IV.

4.- Unha vez presentada no rexistro xeral do Concello a documentación sinalada no apartado 2º deste artigo, e previamente ao inicio dos traballos de saca de madeira, persoal do concello de Cerdido, comprobará o estado físico dos camiños e vías que vaian ser utilizados, obtendo as fotografías que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física.

5.- O Concello, excepcionalmente, poderá denegar ou limitar o acceso e/ou o depósito por calquera das vías ou zonas indicadas no escrito de comunicación previa, de forma motivada, tendo en conta o seu estado, a resistencia do seu firme, a súa ubicación, a súa utilización na data solicitada para outros fins, ou calquera outra causa xustificada.

6. O Concello de Cerdido requirirá á empresa madeireira ou á persoa propietaria do monte ou predio forestal a presentación dun escrito de posta en coñecemento (o mesmo que o de comunicación previa) cando comprobe que a empresa madeireira non cumpriu coa súa obriga de presentar nas oficinas municipais a comunicación previa.

7. Exceptuase de todo o descrito anteriormente, e, polo tanto, do disposto na presente ordenanza, a realización de cortas para usos propios domésticos, entendendo como tales os que non teñan fins comerciais e teñan un volume máximo de 10 m3.

Artigo 11.- Responsables

1. A empresa madeireira será responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello de Cerdido velará especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en adecuado estado de conservación, limpeza e seguridade.

2. A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta e saca de madeira por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira, e, en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder.

3. As persoas propietarias das parcelas de monte nas que se efectúen actividades de extracción de madeira serán responsables, nomeadamente cando a corta se faga a eito en zonas con pendentes elevadas, de tomar as medidas precisas para previr tanto os riscos erosivos sobre o terreo como as posibles consecuencias da erosión sobre os bens públicos.

Artigo 12.- Obrigacións

1. A empresa madeireira estará obrigada a asumir os custes da reparación dos estragos producidos nas vías, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local.

2. A empresa madeireira fica obrigada á limpeza e retirada dos residuos da corta de madeira, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira. A obriga de limpeza deberá cumprirse durante os traballos de tala e extracción e en todo caso, todos os días ao final da xornada de traballo.

3. Os depósitos de rolla, pólas, podalla ou demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, gabias, canalizacións, pontellas ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ós camiños ou vías, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias.

4. Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen ou se depositen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables ós urbanos seleccionaranse e depositaranse no contedor municipal adecuado. Os residuos industriais, especialmente, aceites usados, entregaranse a un xestor autorizado de residuos.

5. As empresas madeireiras e/ou as persoas propietarias dos montes tratarán os restos forestais de maneira que minimicen o risco de incendio, dando prioridade ós tratamentos que supoñan a incorporación dos ditos restos ó ciclo produtivo agroforestal ou ó aproveitamento de biomasa forestal residual nas súas distintas variantes.

6. A empresa madeireira estará obrigada a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e depósito de madeira conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

7. A empresa madeireira ou o propietario forestal deberán derrubar e repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou ao monte, co obxecto de que, cando chova, a auga e a terra arrastrada non asolague e cause danos nas pistas ou camiños municipais.

8. As limpezas ou reparacións deberanse realizar nun prazo máximo de 72 horas a partir da retirada da madeira.

Artigo 13.-Prohibicións.

1. Prohíbese o uso das vías públicas para almacén ou depósito irregular da madeira. Entenderase por depósito irregular, para os efectos desta ordenanza, aquel que exceda de 30 días naturais.

2.- Prohíbese bloquear camiños e vías publicas para realizar as tarefas de carga e descarga da madeira, salvo cando sexa estritamente necesario. No caso de non existir alternativa ao bloqueo da pista, deberase sinalizar os cortes con antelación suficiente e indicar vías alternativas. Os cortes durarán o tempo estritamente necesario para realizar as tarefas de carga ou descarga e retiraranse inmediatamente no caso que impedir a circulación de vehículos de asistencia e emerxencia.

Artigo 14.- Fianza.

1. As empresas madeireiras deberán depositar unha fianza en metálico ou aval bancario en favor do Concello, co obxecto de responderen diante dos posibles danos non reparados voluntariamente, segundo se recolle nesta ordenanza. Para os efectos desta fianza (que debe ser depositada con anterioridade ao comezo dos traballos) establécense catro categorías:

- Corta inferior a 300 toneladas: 1.500,00 €

- Corta entre 300 e 1.000 toneladas: 3.000,00 €

- Corta entre 1.000 e 3.000 toneladas: 6.000,00 €

- Corta superior a 3.000 toneladas: 9.000,00 €

2. No caso de que a mesma empresa madeireira vaia realizar, ao mesmo tempo, cortas en parcelas contiguas, o volume total de madeira extraida desas parcelas deberá sumarse, ós efectos do cálculo da garantía que se lle aplicará.

3. Unha vez comunicado o remate dos traballos por parte da persoa interesada, a tramitación administrativa do expediente da devolución da garantía completarase nun prazo de 30 días naturais, toda vez que os servizos municipais comprobaren a inexistencia de danos nas vías, nas infraestruturas ou no dominio público local.

Artigo 15.- Normas comúns no uso da fianza non devolta e execución subsidiaria

1. Transcorrido un prazo de sete días dende que se producise a destrución ou deterioro do dominio público viario local ou a acumulación de restos procedentes das operacións de carga e almacenamento, o Concello poderá realizar, con cargo á garantía as operacións de reparación, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda.

2. Se os danos foren dunha contía superior ao da fianza, o Concello elaborará un informe técnico sobre os ditos danos e requiriráselle ao responsable da corta para que abone as cantidades resultantes a maiores do establecido na fianza inicial. No caso de non ser atendido o dito requirimento, o Concello resérvase o exercicio das accións legais e fiscais oportunas.

TÍTULO II: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 16.- Infraccións

1. Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nesta. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión.

2. As infraccións a esta ordenanza cualifícanse en moi graves, graves e leves.

3. Constitúen infraccións moi graves:

- Non presentar, no prazo que se lle indique, o escrito de comunicación previa de realización dos traballos forestais, unha vez fose requirido polo Concello

- Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso

- Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor superior a 6.000,00 €

- Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas graves firmes na vía administrativa

4. Son infraccións graves:

- Non presentar o escrito de comunicación previa, aínda que o achegue despois de ser requirido polo Concello

- Deixar as vías municipais en deficiente estado de sucidade, segundo o informe municipal emitido para o caso

- Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6.000,00 €

- Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal as ramplas ou accesos que se abriran para acceso aos terreos forestais

- Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas leves, firmes na vía administrativa

5. Considéranse infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

Artigo 17.-Responsables.

1.- Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo anterior as persoas físicas e xurídicas que as cometan en calidade de repoboadores, madeireiros ou xestores da biomasa.

2.- Os propietarios dos montes e/ou parcelas serán responsables das infraccións de que se trate no suposto de non identificar as persoas que realizaron as tarefas de repoboación, tala e extracción, ou xestión da biomasa, unha vez sexan requiridos polo Concello, e transcorrido o prazo de dez días hábiles a contar dende o seguinte ao da recepción do requirimento.

Artigo 18.- Sancións

De conformidade co disposto no artigo 141 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local, as infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:

- Infraccións leves: multa de ata 750,00 €

- Infraccións graves: multa de ata1.500,00 €

- Infraccións moi graves: multa de ata 3.000,00 €

2. A tramitación do procedemento sancionador, non previsto nesta ordenanza, rexerase pola normativa xeral na materia e, en todo caso, coa audiencia e demais garantías procesuales para a persoa interesada.

3. O importe das multas será graduado tendo en conta as circunstancias concorrentes e de acordo co establecido na normativa vixente.

4. As multas e sancións impostas ao amparo da presente ordenanza reduciranse na súa contía nun 50% no caso de seren aboadas no prazo de 15 días a partir da notificación da multa ou sanción, e se a persoa infractora mostra por escrito a súa conformidade con estas, e renuncia expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no citado prazo.

5. O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se for o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

6. As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houber lugar.

7. A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía.

Artigo 19.- Requirimentos

Advertido o incumprimento da presente ordenanza, e de forma paralela á apertura do expediente sancionador, requirirase á persoa responsable da infracción para que se axuste á normativa e, de ser o caso, repare os danos e prexuízos causados, outorgándolle para isto un prazo prudencial fixado polos servizos técnicos municipais, que, en calquera caso, non poderá exceder dun mes. Transcorrido este prazo sen que se dea cumprimento ao requirimento, procederase, sen necesidade de novas notificacións, á súa execución subsidiaria, cargándolle os custos derivados á persoa responsable.

DISPOSICIÓNS DERRADEIRAS

1. A presente ordenanza entrará en vigor logo dun mes dende a súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

2. A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.

ANEXOS

ANEXO I

SOLICITUDE DE INSCRICIÓN NO REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE CERDIDO

Datos da empresa madereira

Denominación

 


NIF

 


Enderezo

 


Correo electrónico

 


Persoa de contacto

 



A empresa devandita solicita a súa inclusión no REXISTRO DE EMPRESAS MADEIREIRAS DO CONCELLO DE CERDIDO

 

En Cerdido, a ............. de ............................... de 20............

Nome: Representante da empresa

 

ANEXO II

MODELO DE COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS DE CORTA E SACA DE MADEIRA

Denominación

 


NIF

 


Enderezo

 


Telefono de contacto

 


Nome da persoa encargada

 


Identificación do titular forestal

 


Especie de madeira obxecto da corta

 


Volume total de madeira a extraer ( m3)

 


Nome das fincas ou montes afectados, lugar, sitio e parroquia

 


Identificación catastral

Polígono

 


Parcela

 


Datas previstas de inicio e remate

 


 


Lugar onde se vai a depositar a madeira

 


 


En aplicación da Ordenanza reguladora das actividades de repoboación, extractivas de madeira e xestión de biomasa nos montes e espazos forestais do Concello de Cerdido comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación que achega (marque o que corresponda):

- Fotocopia compulsada da solicitude ou do permiso, autorización ou licenza de corta

- Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar

- Fotocopia compulsada do último recibo pagado do seguro de responsabilidade civil

- Non posúe ningún seguro de responsabilidade civil

- Fotocopia compulsada da fianza ou aval bancario

 

En Cerdido, a ............... de .............................. de 20..................

 

ANEXO III

MODELO DE COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS DE REPOBOACIÓN

Denominación

 


NIF

 


Enderezo

 


Telefono de contacto

 


Nome da persoa encargada

 


Identificación do titular forestal

 


Especie de madeira obxecto da repoboación

 


Utilizarase maquinaria pesada nas tarefas de repoboación

SI

 


NON

 


Nome das fincas ou montes afectados, lugar, sitio e parroquia

 


Identificación catastral

Polígono

 


Parcela

 


Datas previstas de inicio e remate

 


 


En aplicación da Ordenanza reguladora das actividades de repoboación, extractivas de madeira e xestión de biomasa nos montes e espazos forestais do Concello de Cerdido comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación que achega (marque o que corresponda):

- Fotocopia compulsada da fianza ou aval bancario (De ser o caso)

 

En Cerdido, a ............... de .............................. de 20.................

sinatura

 

ANEXO IV

MODELO DE COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS DE XESTIÓN DA BIOMASA

Denominación

 


NIF

 


Enderezo

 


Telefono de contacto

 


Nome da persoa encargada

 


Identificación do titular forestal

 


Tipo de xestión

Retirada da biomasa

 


Trituración da biomasa

 


Nome das fincas ou montes afectados, lugar, sitio e parroquia

 


Identificación catastral

Polígono

 


Parcela

 


Datas previstas de inicio e remate

 


 


En aplicación da Ordenanza reguladora das actividades de repoboación, extractivas de madeira e xestión de biomasa nos montes e espazos forestais do Concello de Cerdido comunico o inicio de actividades forestais nas parcelas indicadas previamente.

Documentación que achega (marque o que corresponda):

- Fotocopia compulsada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar

- Fotocopia compulsada do último recibo pagado do seguro de responsabilidade civil

- Non posúe ningún seguro de responsabilidade civil

- Fotocopia compulsada da fianza ou aval bancario

 

En Cerdido, a ............... de .............................. de 20..................

sinatura