Vilarmaior - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DA EXPEDICIÓN DE TARXETAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE QUE PRESENTEN MOBILIDADE REDUCIDA
Artigo 1. Obxecto.
Esta ordenanza ten por obxecto establecer as condicións básicas do réxime xurídico aplicable á tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.
Artigo 2. Definición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida.
A tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida, en diante, a tarxeta de estacionamento, é un documento público acreditativo do dereito das persoas que cumpran os requisitos previstos no RD 1056/2014 de 12 de decembro, polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade, para estacionar os vehículos automóbiles nos que se despracen.
Artigo 3. Órgano competente.
O alcalde será o órgano municipal competente para a concesión da tarxeta de estacionamento e para o exercicio da potestade sancionadora por infraccións desta ordenanza.
O alcalde-presidente poderá delegar nun concelleiro.
Artigo 4. Titulares do dereito a obter a tarxeta de estacionamento.
1. Poderán obter a tarxeta de estacionamento, aquelas persoas físicas que, empadroadas no Concello de Vilarmaior, teñan recoñecida oficialmente a condición de persoa con discapacidade, conforme ao establecido no artigo 4.2 do Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado por Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro e se atopen nalgunha das seguintes situacións:
a) Que presenten mobilidade reducida, conforme ao anexo II do Real Decreto 1971/1999, do 23 de decembro, de procedemento para o recoñecemento, declaración e cualificación do grao de discapacidade, ditaminada polos equipos multiprofesionais de cualificación e recoñecemento do grao de discapacidade.
b) Que amosen no mellor ollo unha agudeza visual igual ou inferior ao 0,1 con corrección, ou un campo visual reducido a 10 graos ou menos, ditaminada polos equipos multiprofesionais de cualificación e recoñecemento do grao de discapacidade.
2. Poderán así mesmo, obter a tarxeta de estacionamento as persoas físicas ou xurídicas titulares de vehículos destinados exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con discapacidade que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e atención á dependencia a que se refire a Lei 39/2006, de 14 decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como os servizos sociais aos que se refire o Texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, aprobado polo Real Decreto Lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, e que teñan o seu domicilio fiscal no Concello de Vilarmaior.
3. Ademais dos supostos previstos nos apartados anteriores, poderán obter a tarxeta de estacionamento as persoas físicas ou xurídicas que así o teñan expresamente recoñecido na normativa autonómica ou local.
Artigo 5.- Ámbito territorial.
As tarxetas de estacionamento concedidas terán validez en todo o territorio español sen prexuízo da súa utilización nos demais estados membros da Unión Europa, nos termos que os respectivos órganos competentes teñan establecido.
Artigo 6. Prazas de aparcamento reservadas para persoas titulares da tarxeta de estacionamento.
O lugar de Armada será considerado centro de actividade, segundo o establecido no RD 1056/2014 de 12 de decembro, polo que se regulan as condicións básicas de emisión e uso da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade, polo que disporá como mínimo dunha praza de aparcamento reservada e deseñada para o seu uso por persoas titulares de tarxeta de estacionamento por cada corenta prazas ou fracción, independentemente das prazas destinadas a residencia ou lugar de traballo. Estas prazas cumprirán as condicións regulamentarias previstas.
Artigo 7. Condicións de uso.
1. A tarxeta de estacionamento expedida a favor e en beneficio dunha persoa a título particular para a súa utilización nos vehículos que use para os seus desprazamentos será persoal e intransferible e utilizada unicamente cando a persoa titular conduza un vehículo ou sexa transportada nel.
2. A tarxeta de estacionamento expedida a favor de persoa física ou xurídica á que se refire o artigo 4.2 da presente ordenanza, será persoal e intransferible, estará vinculada a un número de matrícula de vehículo destinado exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con mobilidade reducida e será eficaz unicamente cando o vehículo transporte de forma efectiva a persoas que se atopen nalgunha das situacións ás que se refire o artigo 4.1.
3. O uso da tarxeta de estacionamento está subordinado a que o seu titular manteña os requisitos esixidos para o seu outorgamento.
4. O titular da tarxeta deberá colocala na parte dianteira do vehículo, de xeito que unicamente o seu anverso sexa visible para o seu control.
Artigo 8. Dereitos das persoas titulares e limitacións de uso.
1.-As persoas titulares da tarxeta de estacionamento terán os seguintes dereitos en todo o territorio nacional sempre que exhiban de forma visible a tarxeta no interior do vehículo:
a) Reserva de praza de aparcadoiro, previa solicitude na administración correspondente, estarase ao disposto na lexislación vixente.
b) Estacionamento nos lugares habilitados para as persoas con discapacidade.
c) Estacionamento nas zonas de aparcadoiro de tempo limitado durante o tempo necesario.
d) Parada en calquera lugar da vía, por motivos xustificados e polo tempo indispensable, sempre que non se ocasionen prexuízos aos peóns ou ao tráfico de acordo coas instrucións dos axentes da autoridade.
2.-A posesión da tarxeta de estacionamento en ningún caso suporá autorización para estacionar en zonas de peóns, en pasos peonís, nos lugares e supostos nos que estea prohibido parar, lugares que obstrúan vaos ou saídas de urxencia, zonas acoutadas por razóns de seguridade pública e espazos que reduzan carrís de circulación.
Artigo 9. Obrigas das persoas titulares.
A persoa titular da tarxeta de estacionamento está obrigada a:
a) A correcta utilización da mesma, conforme ás condicións de uso previstas nos artigos anteriores.
b) Colocar a tarxeta de estacionamento no cadro de mandos do vehículo ou adherila ao parabrisas dianteiro polo interior, sempre o documento orixinal, de forma que resulte claramente visible e lexible desde o exterior.
c) Identificarse cando así o requira un axente da autoridade, acreditando a súa identidade co documento nacional de identidade, número de identificación fiscal, tarxeta de residencia ou calquera outro documento oficial de identificación, sen o cal non poderá facer uso da tarxeta de estacionamento. Os menores de 14 anos poderán acreditar a súa identidade mediante a exhibición do documento de recoñecemento de grado de discapacidade.
d) Colaborar cos axentes da autoridade para evitar, no maior grao posible, os problemas de tráfico que puidesen ocasionar ao exercitar os dereitos que lles confire a utilización da tarxeta de estacionamento.
e) Devolver a tarxeta de estacionamento caducada no momento da súa renovación ou ao remate da súa vixencia.
O incumprimento destas obrigas poderá dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento ou á súa retirada temporal, sen prexuízo das sancións previstas polo ordenamento xurídico.
Así mesmo, a utilización fraudulenta da tarxeta de estacionamento, tanto por persoas físicas como por persoas xurídicas, dará lugar á súa cancelación, sen prexuízo das sancións previstas polo ordenamento xurídico.
Artigo 10.- Procedemento para o seu outorgamento.
O expediente iniciarase a instancia da persoa interesada mediante impreso normalizado (anexo I) que, será presentado no Concello de Vilarmaior por calquera medio recollido na Lei 39/2015, do 01 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
O persoal de servizos sociais comprobará que a persoa solicitante reúne os requisitos establecidos na presente ordenanza e normativa de aplicación, requirindo en caso contrario á persoa interesada para que no prazo de 10 días emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos. No caso de non emendar a solicitude terase por desestimada a petición.
Unha vez comprobado que o expediente reúne os requisitos esixidos, emitirase un informe de valoración, propoñendo a concesión ou a denegación da mesma.
A solicitude formulada pola persoa interesada e o informe técnico serán elevados ao órgano competente que ditará resolución ao respecto no prazo máximo de 3 meses dende a recepción da solicitude. Transcorrido dito prazo sen ter ditada resolución expresa, poderase entender desestimada a solicitude, sen prexuízo da obriga legal de resolver polo órgano competente.
A resolución adoptada, debidamente motivada, será notificada á persoa solicitante.
Unha vez resolta a solicitude de xeito favorable, o concello expedirá a correspondente tarxeta, e fará entrega da mesma á persoa solicitante de xeito gratuíto.
Se durante a tramitación se observa que no certificado de discapacidade do que dispón a persoa solicitante non constan expresamente as dificultades de mobilidade, ou unha discapacidade visual con unha agudeza visual igual ou inferior ao 0.1 con corrección ou un campo visual reducido a 10 graos ou menos, o concello remitirá copia da solicitude ao Equipo de Valoración e Orientación, para que emitan informe ao respecto.
Artigo 11. Documentación a presentar coa solicitude.
1.- Solicitude de persoas físicas, con carácter xeral:
- Solicitude debidamente cumprimentada, segundo o modelo normalizado aprobado polo concello.
- D.N.I., tarxeta de residencia ou calquera outro documento acreditativo da identidade da persoa solicitante no caso de non autorizar a consulta. No caso de que a persoa solicitante sexa menor de idade:
· Libro de familia
· Sentencia de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
· Resolución xudicial ou administrativa que acredite a condición de ser titor/a, acolledor/a do menor, de ser o caso e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora ou acolledora.
· Sentenza xudicial acreditativa da patria potestade prorrogada ou incapacidade xudicial e documento acreditativo da persoa que ostente a condición de titora.
- Unha fotografía tamaño carné.
- Certificado ou volante de empadroamento.
- Resolución ou certificado do grao de discapacidade, no que conste, no seu caso, a dificultade de mobilidade para a utilización de trasporte publico colectivo coa puntuación necesaria.
2.- Solicitude de tarxeta de estacionamento de vehículos para persoas físicas ou xurídicas ás que se fai referencia no apartado 4.2 da presente ordenanza:
- Solicitude normalizada segundo o modelo aprobado polo concello.
- Documentación do vehículo habilitado para transportar ás persoas con graves problemas de mobilidade, dado que, a tarxeta deberá incluír a matrícula ou matrículas dos citados vehículos.
- Escritura de constitución da sociedade ou estatutos.
- Certificado de residencial fiscal da persoa física ou xurídica solicitante.
- Documentación acreditativa da identidade da persoa que actúa como representante legal.
Artigo 12. Vixencia.
a) Nos supostos de recoñecemento de discapacidade con carácter definitivo, a tarxeta de estacionamento concederase por períodos de 10 anos renovables.
b) Nos supostos nos que o grao de discapacidade sexa provisional, a tarxeta de estacionamento caducará cando transcorra o prazo indicado no certificado ou resolución da discapacidade.
En todos os casos a validez da tarxeta extinguirase polo falecemento da persoa titular ou pola perda dos requisitos que deran lugar á concesión da mesma.
Artigo 13.- Renovación.
A renovación da tarxeta deberá seguir o mesmo procedemento que para a solicitude de outorgamento inicial, será iniciada a instancia de parte aportando:
O modelo de solicitude normalizado e unha foto de carnet actualizada.
A persoa beneficiaria poderá solicitar a renovación da tarxeta un mes antes da finalización da súa validez.
A persoa beneficiaria da tarxeta deberá entregar a tarxeta de estacionamento con data de validez vencida no momento en que se lle faga entrega da nova tarxeta renovada.
Artigo 14.- Duplicado da tarxeta por roubo ou extravío.
Para solicitar o duplicado dunha tarxeta de estacionamento por roubo ou extravío, a persoa solicitante deberá dirixirse ao Concello de Vilarmaior e presentar unha solicitude de duplicado indicando a situación que a motiva e aportando a correspondente denuncia.
A tarxeta duplicada entregarase coa mesma validez que a orixinal e levará escrita a palabra duplicado perfectamente visible.
Artigo 15.- Réxime sancionador.
1. O incumprimento das obrigas previstas na presente ordenanza poderán dar lugar á cancelación da tarxeta de estacionamento.
2. En todo caso no suposto de que se detecte o uso indebido das tarxetas de maneira reiterada e debidamente probada, darase traslado á comisión técnica de accesibilidade segundo o establecido no artigo 70 da Lei 10/2014, do 3 de decembro de accesibilidade.
Disposición adicional primeira.
Concesión da tarxeta de estacionamento provisional.
1. Atendendo a razóns humanitarias, excepcionalmente concederase unha tarxeta de estacionamento de carácter provisional ás persoas que presenten mobilidade reducida, aínda que esta non sexa ditaminada oficialmente, por causa dunha enfermidade ou patoloxía de extrema gravidade que supoña fidedignamente unha redución substancial da esperanza de vida que se considera normal para a súa idade e demais condicións persoais, e que razoablemente non permita tramitar en tempo a solicitude ordinaria da tarxeta de estacionamento.
2. Para a acreditación dos extremos enunciados no apartado anterior, a parte interesada deberá aportar certificado elaborado polo persoal médico facultativo dos servizos públicos de saúde, que deberá contar coa validación da inspección dos servizos sanitarios competentes por razón do domicilio da persoa solicitante.
3. Ás persoas titulares da tarxeta de estacionamento provisional seranlles de aplicación os dereitos, obrigas e condicións de uso regulados nesta norma, durante o tempo que dure a súa concesión.
4. A concesión da tarxeta de carácter provisional terá unha duración máxima dun ano, podendo prorrogarse por un período igual, sempre que se manteñan as condicións iniciais requiridas para o seu outorgamento.
5. O órgano competente para a emisión da tarxeta poderá realizar as actuacións necesarias para a comprobación da concorrencia dos requisitos previstos nesta disposición.
DISPOSICIÓNS
Disposición adicional segunda.
As tarxetas expedidas con anterioridade a esta ordenanza non manterán a súa validez, sendo notificadas as persoas titulares das mesmas para que acodan ao concello e procedan á regularización das mesmas.
Disposicións adicional terceira.
As tarxetas axustaranse ás características sinaladas na normativa de aplicación vixente no momento de expedición da tarxeta.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia de A Coruña e transcorra o prazo previsto no artigo 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora de Bases de Réxime Local, mantendo a súa vixencia ata a súa modificación ou derrogación expresa.
Disposición derrogatoria.
Esta ordenanza derroga expresamente a anterior ordenanza reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez, publicada no BOP nº 181 do 08 de agosto de 2001.