Coristanco - ORDENANZA MUNICIPAL DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE CORISTANCO
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidde da Administración Local, faculta aos concellos para a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles aos poderes públicos garantir ese dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II do Título I, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de Promoción da autonomía Persoal e Atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedimentais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro do 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar, se establecen pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais de Galicia, establece no seu artigo 7. B) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garanta o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
O Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise necesario adaptar á normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na disposición derradeira primeira do citado decreto.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se defina a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dálle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. Por outra parte, a Lei 10/2023 de 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas tamén modifica o citado Decreto 149/2013, de 5 de setembro , pola necesidade de adaptar a normativa autonómica ao disposto no Real Decreto 675/2023, do 18 de xullo, polo que se modifica o Real Decreto 1051/2013, de 27 de decembro, polo que se regulan as prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, establecida na Lei 29/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.
Orde do 2 de xuño de 2023 pola que se modifica o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.
En consecuencia, e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Coristanco, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal a través da presente ordenanza.
CAPÍTULO I. DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1º. Obxecto
É obxecto desta ordenanza a regulación do servizo de axuda no fogar no Concello de Coristanco como programa básico de actuacións dos servizos sociais comunitarios básicos de carácter municipal, así como a súa adaptación á normativa vixente, independentemente da súa vía de acceso, é dicir, a través do SIGAD ou ben por libre concorrencia.
Artigo 2º. Definición
O servizo de axuda no fogar consiste en prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, dende unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou no caso de disfuncionalidade familiar. Trátase dun servizo de carácter complementario e transitorio, que non desvincula as familias da súa responsabilidade.
Artigo 3º. Obxectivos
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar os seguintes:
· Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
· Posibilitar a permanencia das persoas no contorno de convivencia habitual, potenciando a utilización positiva dos recursos do contorno.
· Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
· Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
· Previr situacións de dependencia e exclusión social.
· Retardar ou evitar a institucionalización.
· Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Artigo 4º. Prestación do servizo
De conformidade coa valoración técnica realizada polos servizos sociais municipais do Concello de Coristanco que en cada caso corresponda, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención:
4.1. Atencións de cáracter básico.
· Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, tales como:
a) Asistencia para levantarse e deitarse.
b) Apoio no coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
c) Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
d) Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
e) Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espacio-temporal.
f) Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
· Atencións de carácter persoal na realización doutras actividades da vida diaria, tales como:
g) Acompañamento fóra do fogar para acudir a consultas ou tratamentos.
h) Apoio na realización de xestións necesarias ou urxentes da vida diaria.
É deber da persoa usuaria obter medios axeitados para realizar os desprazamentos, no caso que se realicen acompañamentos fóra do domicilio para consultas ou xestións adecuadamente valoradas polos servizos sociais, sendo tarefa do/a auxiliar de axuda no fogar acompañar únicamente a dita persoa.
O persoal auxiliar non poderá trasladar no seu vehículo propio ás persoas usuarias.
· Atencións das necesidades de carácter doméstico e da vivenda, tales como:
i) Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
j) Compra de alimentos e outros produtos de uso común.
k) Preparación dos alimentos básicos.
l) Lavado e coidado da prendas de vestir.
m) Coidados básicos da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandería ou alimentación a domicilio.
· Atencións de Carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio no desenvolvemento das capacidades persoais, e afectividade, a convivencia e a integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.
A realización de todas estas atencións de carácter básico estarán supeditadas a valoración técnica do persoal dos servizos sociais comunitarios.
4.2.- Atencións de carácter complementario.
Unha vez garantido o nivel básico de atención, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, os seguintes tipos de atencións segundo valoración técnica.
a. Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
b. Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguemento, teleasistencia e similares.
c. Adaptacións funcionais no fogar.
d. Servizo de podoloxía.
e. Servizo de fisioterapia.
Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica de servizos sociais sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na melloría da autonomía e a calidade de vida.
En todo caso as atencións prestadas terán un carácter de reforzo complementario e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se lle facilite e promova a súa autonomía.
4.3.- Atencións excluídas do servizo
En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
n) A realización de actividades domésticas que non fosen incluídas no proxecto de intervención.
o) Actuacións que, polo seu carácter sanitario, deben en todo caso ser realizadas por persoal facultativo.
p) Tarefas domésticas relacionadas a continuación:
I. Limpeza de altos, lámpadas, cortinas, teitos, paredes e humidades, limpeza xeral e limpeza de zonas comúns como portais e escaleiras, cristais, lacenas, interiores de mobles de cociña, campá extractora e outros en xeral (recollida de leña, lavado de roupa á man e outras que se valoren tecnicamente).
II. Limpeza xeral de estancias valeiras.
III. Tarefas de tipo agrícola e/ou gandeiro ou xardinería.
IV. Alimentación e aseo de animais de compañía ou doutro tipo.
V. Facer tarefas dentro da vivenda que deberían ser realizadas por profesionais tales como empapelar paredes, pintar teitos ou paredes.
A realización destas atencións excluídas do servizo estará supeditada a valoración técnica do persoal de servizos sociais comunitarios.
Artigo 5º. Persoas Beneficiarias
1. O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña o recurso idóneo de atención. De xeito xeral, o servizo atenderá a persoas maiores con déficits de autonomía e a persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como a fogares con menores nos que se observe necesidades dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar resposta preventiva e socializadora diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
Artigo 6º. Dereitos das persoas usuarias
As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lles recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
1. A seren tratados co respecto debido á súa dignidade.
2. A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración prescritas en cada caso.
3. A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
4. A coñeceren a situación do seu expediente.
5. Ao tratamento confidencial dos seus datos de acordo co disposto na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro de protección de datos de carácter persoal e garantía dos dereitos dixitais.
6. A recibiren información precisa e clara sobre as posibles modificacións sobrevidas durante a prestación efectiva do servizo.
7. A presentaren queixas e suxestións ao persoal coordinador do servizo.
Artigo 7º. Deberes das persoas usuarias
I. Cumprir coas condicións do servizo, facilitando a execución das tarefas ao persoal ao cargo e poñendo á súa disposición, se fose o caso, os medios materiais necesarios (alimentos, produtos de limpeza e hixiene e outros que se precisen).
II. Colaborar, na medida das súas posibilidades, no desenvolvemento do servizo en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
III. A facilitar e colaborar no seguimento e avaliación do servizo.
IV. Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
V. Informar dos cambios de calquera circunstancia que impliquen un cambio na súa capacidade económica, así como de circunstancias relevantes de carácter persoal ou familiar que puidese dar lugar á modificación, suspensión ou extinción na prestación do desenvolvemento do servizo.
VI. Participar no pagamento do servizo nos termos que se estableza na súa norma reguladora.
VII. A comunicar, en circunstancias ordinarias e previsibles, con dez días de antelación, calquera ausencia temporal do domicilio que puidese impedir a prestación do servizo.
VIII. A comunicar, cun mínimo de 24 horas de antelación a ausencia do domicilio, cobrándose o servizo igualmente cando non o faga.
Artigo 8º. Causa de extinción e modificación do servizo.
Son causas de extinción:
- A renuncia da persoa usuaria.
- O cambio do programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.
- Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.
- Falecemento da persoa usuaria.
- Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
- A falta de pagamento do servizo durante tres meses consecutivos sen causa xustificada que o acredite.
- A suspensión temporal do servizo sen causa debidamente xustificada será efectiva por 3 meses consecutivos se é por libre concorrencia, e 2 meses consecutivos se é polo sistema de dependencia.
- A negativa a asinar o acordo de aceptación de servizo.
- Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
- Cando o usuario oculte datos económicos para acceder ao servizo.
- Falta de colaboración por parte do usuario para a prestación do servizo.
A alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán substanciarse no expediente individual, mediante un novo informe social.
Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar asignado a persoas en situación de dependencia na correspondente resolución do Programa Individual de Atención (PIA), a incoación por parte da entidade titular do servizo dun expediente de extinción ou modificación das condicións da prestación do servizo deberá notificarse ao órgano competente para ditar resolución do Programa Individual de Atención (PIA).
Cando a prestación do servizo corresponde a unha persoa usuaria por libre concorrencia, a incoación por parte do Concello de Coristanco dun expediente de extinción ou modificación das condicións da prestación deberá implicar por parte do técnico municipal a elaboración da resolución do órgano competente comunicando a extinción ou as variacións oportunas e notificándollo a persoa usuaria.
Artigo 9º. Causa de suspensión temporal do servizo.
Son causa de suspensión temporal do servizo, logo de tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
- Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de 3 meses para as persoas usuarias que accedan ao servizo polo sistema de libre concorrencia e por un máximo de 2 meses para as persoas usuarias de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
- Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
CAPÍTULO II. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
SECCIÓN 1º. DISPOSICIÓNS COMÚNS.
Artigo 10º. Formas de prestación do servizo.
O servizo público de axuda no fogar prestarase polo Concello de Coristanco ben directamente ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos reguladas na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades debidamente autorizadas.
Ademais, sen prexuízo do establecido no punto anterior, os servizos poderán ser prestados mediante fórmulas de colaboración institucional entre as administracións competentes ou por entidades de dereito público, de acordo co establecido na lexislación vixente.
Artigo 11º. Requisitos específicos.
1.Persoal de coordinación: Existirá un profesional de referencia, que actuará como coordinador/a do servizo e que deberá estar en posesión dunha cualificación mínima de diplomatura ou grao universitario na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o pesoal técnico mínimo esixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demáis casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado/a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
2.O persoal que preste atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión das titulacións que estableza a normativa autonómica vixente en cada momento.
3.O seguimento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias realizarase polo persoal coordinador, sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimestral. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e acordo de servizo.
4.O Concello de Coristanco e, de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
a. Informe social, asinado polo/a traballador/a social do Concello de Coristanco.
b. Proxecto de intervención, asinado polo/a técnico/a responsable do servizo de axuda no fogar do Concello de Coristanco, o/a traballador/a social da entidade prestataria, a/o auxiliar de axuda no fogar que preste o servizo e a persoa usuaria.
c. Acordo de servizo asinado entre o Concello de Coristanco e a persoa usuaria.
d. Informes de seguimentos periódicos, que terán carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
O tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo a normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
SECCIÓN 2º. DA PRESTACIÓN DO SERVIZO
Artigo 12º. Modalidades de acceso ao servizo.
Accederase ao servizo de axuda no fogar a través dos servizos sociais comunitarios básicos, de acordo coas seguintes modalidades.
12.1. Acceso directo.
O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia, se lles asigne o Servizo de Axuda no Fogar na correspondente resolución do Programa Individual de Atención (PIA), e consonte a aplicación do programa de asignación de recursos (PAR-SAF do SIGAD), de acordo a normativa vixente en cada momento.
12.2. Réxime de libre concorrencia.
O acceso resolverase previa solicitude do interesado, e de acordo cos criterios establecidos neste Regulamento Municipal, previa prescrición técnica favorable dos servizos sociais comunitarios básicos do Concello de Coristanco nos seguintes casos:
I. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non lles asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, de 14 decembro, de promoción da autonomía persoal e atención a persoas en situación de dependencia.
II. Nas situacións nas que a problemática principal estea relacionada con aspectos convivenciais e socioeducativos.
12.3. De oficio
Cando circunstancias debidamente acreditadas no expediente así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio.
Artigo 13º. Tramitación de acceso ao servizo por libre concorrencia.
No acceso por libre concorrencia será de aplicación o seguinte:
a) No caso de procedementos iniciados a instancia de parte, de conformidade cos principios xerais recollidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas a documentación que acompaña á solicitude é a recollida no impreso de solicitude que figura na sede electrónica do Concello de Coristanco
https://sede.coristanco.gal/sxc/es/procedimientosytramites/tramites/Solicituddelservicioayudaadomicilio_N.
b) No caso de expedientes iniciados de oficio, cando así o xustifiquen circunstancias debidamente acreditadas no expediente, as persoas usuarias terán que presentar no rexistro de entrada municipal do Concello de Coristanco a documentación completa, que previamente lle indicará persoal de servizos sociais do concello.
Os expedientes de acceso ao servizo deberán ser valorados en todo caso por unha traballadora social dos servizos sociais comunitarios básicos do Concello de Coristanco que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará mediante informe preceptivo e vinculante, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto. Este informe será elevado ao órgano competente para ditar resolución. O prazo máximo para resolver será de 3 meses. No caso de que sexa favorable, a mesma terá consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade de horas, pasará á listaxe de agarda, na orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate, atenderase por orde temporal da solicitude.
Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadenante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo no réxime de libre concorrencia, co fin de comprobar que cumpren as condicións para a continuidade e a actualización do copagamento do servizo.
Artigo 14º. Desenvolvemento da prestación do servizo.
Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas a desenvolver no domicilio. Designarase tamén a persoa profesional de referencia.
A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requirido para cada caso concreto, e realizarase unha visita domiciliaria para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria.
Se a persoa beneficiaria, rexeita ao/á auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará a lista de agarda ate que se lle asigne outra auxiliar, sempre que sexa tecnicamente posible.
Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo, que deban efectuarse por circunstancias de necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
Asinarase o acordo de servizo e entregarase unha copia a persoa usuaria. Así mesmo, entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa a copia do proxecto de intervención.
Farase entrega a persoa usuaria unha copia da ordenanza municipal de axuda no fogar, debidamente visada polo órgano competente.
Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará a súa disposición para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase copia da queixa á persoa usuaria e remitirase o orixinal ao servizo de inspección no prazo de 3 días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais de Galicia.
Artigo 15º. Listaxe de agarda
Para a alta polo réxime de dependencia seguirase a orde (PAR-SAF) da aplicación para a xestión do Programa de Asignación de Recursos do SIGAD.
No caso do réxime por libre concorrencia seguirase a orde de puntuación no baremo e en caso de empate a data da solicitude.
En todo caso, quedarán na listaxe de agarda aquelas solicitudes que non se poidan cubrir pola falta de crédito orzamentario.
Artigo 16º. Intensidade do servizo por dependencia.
A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe social técnico.
A intensidade do servizo de axuda no fogar para as persoas usuarias con dependencia valorada, están predeterminadas no seu Programa Individual de Atención (PIA). A súa aplicación horario será flexible e conforme ao Proxecto de Intervención, de maneira que se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, todos os días da semana.
Cando a persoa usuaria manifeste o desexo de dispoñer de menos horas do mínimo intervalo que marca a normativa para o seu grao, ou así se acorde entre a persoa usuaria e o seu/súa traballador/a social, deberá facerse constar por escrito e será engadido ó seu expediente.
Nos restantes casos a intensidade do servizo virá determinada pola valoración feita polos servizos sociais comunitarios básicos e o correspondente proxecto de intervención. O tempo de atención aos usuarios poderá ser modificado en función das variacións que se produzan nas súas circunstancias persoais ou familiares, e pola dispoñibilidade dos medios do servizo.
Artigo 17º. Intensidade do servizo por libre concorrencia.
O tempo de atención e a periocidade do servizo determinarase en cada caso, pola necesidade que presente a persoa, a criterio profesional do técnico responsable do servizo do Concello de Coristanco, que poderá modificarse en función das variacións que se produzan na situación persoal e familiar baremables, ou por necesidade da organización do servizo, que en todo caso deberá notificarse á persoa usuaria.
O horario de prestación do servizo será de luns á venres. De xeito excepcional, e a criterio da persoa técnica responsable do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Coristanco, poderá prestarse os festivos.
Artigo 18º. Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias da dependencia.
A capacidade económica das persoas con acceso ao SAF por dependencia, determinarase en atención as normas de aplicación á materia, vixentes en cada momento, polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
O resultado do cálculo da capacidade económica, correspondente ás persoas dependentes valorada con dereito de atención recoñecido no servizo de axuda no fogar, constará na Resolución do Programa Individual de Atención elaborado polo órgano competente en materia de servizos sociais da Xunta de Galicia.
Artigo 19º. Determinación da capacidade económica do sistema de atención a persoas usuarias de libre concorrencia.
O cálculo da capacidade económica farase de acordo cos seguintes criterios:
1. Computarase a renda de todas as persoas residentes na mesma unidade de convivencia. Para estes efectos considérase renda a suma de calquera das modalidades de ingresos a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
2. Computarase, así mesmo, o patrimonio neto de todas as persoas residentes na unidade de convivencia. Para estes efectos, enténdese por patrimonio neto o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexan titulares, determinados consonte as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das cales deba responder. Igualmente, para o cómputo do patrimonio neto deberán terse en conta as exencións que prevé a Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, ao respecto da vivenda habitual e doutros bens e dereitos.
3. A capacidade económica calcularase sumando todas as rendas computables, modificadas a alza pola suma do 5% do patrimonio neto en cómputo anual, e dividindo o resultado da dita suma entre o total das persoas que convivan no fogar.
Artigo 20º. Participación no financiamento do servizo das persoas dependentes con dereito recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.
1.No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria do servizo de axuda no fogar para persoas dependentes valorada con dereito de atención recoñecido, sexa igual ou inferior ao indicador público de rendas a efectos múltiples (IPREM), quedará exenta da obriga de participación no custo do servizo.
2.No demais supostos, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa o copagamento en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria en función da intensidade do servizo asignado:
3.Nos casos en que, por renuncia parcial expresa da persoa beneficiaria ao seu dereito de atención co número de horas expresadas no PIA, ou cando por tratarse dun suposto de compatibilización do SAF con outro servizo ou prestación do catálogo, as horas reais prestadas de servizo de axuda no fogar sexan inferiores á cantidade expresada en cada columna da táboa anterior ao grao correspondente, a cantidade a pagar será minorada proporcionalmente á diminución das horas efectivas de servizo.
4.En ningún caso, o importe de participación económica que deberá ingresar a persoa beneficiaria en concepto de pagamento poderá exceder o 90% do custo do servizo, determinado en termos de prezo/hora.
5.No caso de atencións e servizos complementarios do nivel básico do servizo de axuda no fogar, prestados ás persoas dependentes valoradas con dereito de atención recoñecido, para os efectos de facer efectiva a obriga de participar no custo do servizo por parte das persoas usuarias, aplicarase a seguinte táboa, na cal se expresa a súa participación en termos de porcentaxe sobre a capacidade económica da persoa usuaria e en función da intensidade e do tipo de atención ou servizo asignado:
% Capacidade económica (referenciada ao IPREM) Ata | Grao I | Grao II | Grao III | ||||||
Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | Adaptacións funcionais do fogar, podoloxía, fisioterapia | Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables | Servizo de préstamo de axudas técnicas | |
<=15 | <=28 | <=45 | |||||||
100,00 % | 0,00 % | 12,87 % | 13,76 % | 0,00 % | 22,73 % | 24,29 % | 0,00 % | 35,51 % | 37,95 % |
115,00 % | 5,98 % | 13,10 % | 14,00 % | 10,56 % | 23,12 % | 24,71 % | 16,50 % | 36,13 % | 38,61 % |
125,00 % | 7,15 % | 13,39 % | 14,31 % | 12,63 % | 23,64 % | 25,26 % | 19,73 % | 36,94 % | 39,47 % |
150,00 % | 7,34 % | 13,52 % | 14,44 % | 12,95 % | 23,87 % | 25,50 % | 20,24 % | 37,29 % | 39,85 % |
175,00 % | 7,47 % | 13,61 % | 14,54 % | 13,18 % | 24,03 % | 25,67 % | 20,60 % | 37,54 % | 40,12 % |
200,00 % | 7,57 % | 13,76 % | 14,70 % | 13,36 % | 24,29 % | 25,96 % | 20,87 % | 37,96 % | 40,56 % |
215,00 % | 7,68 % | 13,83 % | 14,78 % | 13,56 % | 24,42 % | 26,09 % | 21,18 % | 38,16 % | 40,77 % |
250,00 % | 7,98 % | 13,96 % | 14,91 % | 14,09 % | 24,64 % | 26,33 % | 22,01 % | 38,50 % | 41,14 % |
300,00 % | 8,25 % | 14,06 % | 15,02 % | 14,57 % | 24,82 % | 26,52 % | 22,77 % | 38,78 % | 41,44 % |
350,00 % | 8,48 % | 14,16 % | 15,13 % | 14,98 % | 25,00 % | 26,72 % | 23,40 % | 39,07 % | 41,74 % |
400,00 % | 8,65 % | 14,35 % | 15,33 % | 15,27 % | 25,33 % | 27,06 % | 23,85 % | 39,57 % | 42,29 % |
>400,00 % | 8,77 % | 14,48 % | 15,48 % | 15,48 % | 25,57 % | 27,32 % | 24,19 % | 39,95 % | 42,69 % |
Artigo 21º. Participación no financiamento do servizo das persoa usuarias en réxime de libre concorrencia.
1.Para o servizo de axuda no fogar en réxime de libre concorrencia, para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, aplicarase a seguinte táboa que regula unha progresiva participación económica no custo do servizo en base ao cálculo da capacidade económica per cápita, de acordo co establecido no artigo 19 desta ordenanza:
CAPACIDADE ECONÓMICA | Participación no custe do servizo de SAF libre concorrencia |
Menor de 0,80 IPREM | 0% |
Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,50 IPREM | 20% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 IPREM | 35% |
Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 IPREM | 55% |
Maior de 2,50 IPREM | 75% |
2.Sen prexuízo do anterior, poderán establecerse excepcións aos criterios xerais do referido copagamento nos casos en que a situación causante da aplicación do servizo no fogar sexa unha problemática de desestruturación familiar, exclusión social ou pobreza infantil, circunstancia que deberá estar debidamente xustificada no correspondente informe social.
3.En calquera caso, establecerase un límite máximo de participación económica das persoas usuarias do 40% da súa capacidade económica.
Artigo 22º. Afectación dos ingresos municipais polo copagamento dos servizos.
De conformidade co artigo 56.7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, en todo caso, os ingresos que recade o Concello de Coristanco, en concepto das persoas usuarias para a súa participación no custo dos servizos sociais comunitarios, estarán afectados ao financiamento dos servizos sociais que reciban.
Artigo 23º. Da coordinación coas entidades privadas que atendan a persoas usuarias financiados total ou parcialmente con fondos públicos.
No caso de entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar, mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, manterán unha coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios básicos, establecendo un protocolo de comunicación de altas no servizo e dos informes de seguimento, dirixidos aos servizos sociais comunitarios básicos do Concello ou entidade local.
Artigo 24º. Nacemento da obriga de pagamento e período impositivo.
A obriga de pagar os prezos públicos nace, en xeral, desde que se inicie a prestación do servizo e deberá facerse efectivo de acordo coas seguintes normas de xestión:
1.Os prezos públicos rexeranse pola Ordenanza reguladora do prezo público do SAF en vigor e satisfaranse con carácter posterior á prestación do servizo e con carácter específico, durante os primeiros vinte días do mes seguinte.
2.Por parte do concello e, sobre a base do parte de traballo asinado, conxuntamente pola persoa usuaria e polo persoal de atención directa, elaborarase un recibo individual co importe correspondente ao servizo prestado no mes anterior, que se remitirá a entidade bancaria elixida pola persoa beneficiaria, para que se efectúe o copagamento.
Artigo 25º. Infraccións e sancións.
As infraccións e sancións rexeranse, no relativo aos pagos, pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria e polo Real Decreto 939/2005, do 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Recadación, e no resto das materias, polo disposto na Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
DISPOSICIÓNS
DISPOSICIÓN DEROGATORIA
Esta ordenanza derroga expresamente a ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar publicada no BOP n.º 76 do 23 de abril de 2014, e calquera outra disposición legal de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
O presente Regulamento entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
A ordenanza dispón a súa entrada en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia, pero débese ter en conta que o artigo 70.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local establece que:
..Las ordenanzas, incluídos el articulado de las normas de los planes urbanísticos, así como los acuerdos correspondientes a éstos cuya aprobación definitiva sea competencia de los entes locales, se publicarán en el Boletín Oficial de la provincia y no entrarán en vigor hasta que se haya publicado completamente su texto y haya transcurrido el plazo previsto en el artículo 65.2 salvo los presupuestos y las ordenanzas fiscales que se publican y entran en vigor en los términos establecidos en la Ley 39/1988, de 28 de diciembre, Reguladora de las Haciendas Locales.... (desde el 10 de marzo de 2004 RDL 2/2004, de 5 de marzo).
Artigo 65.2: El requerimiento deberá ser motivado y expresar la normativa que se estime vulnerada. Se formulará en el plazo dequince días hábiles a partir de la recepción de la comunicación del acuerdo.