Monfero - REGULAMENTO DE USO E FUNCIONAMENTO DAS INSTALACIÓNS E SERVIZOS DEPORTIVOS MUNICIPAIS DO CONCELLO DE MONFERO

Publicación provisional: 04/12/2025 BOP Nº: 233
Publicación definitiva: 04/02/2026 BOP Nº: 23
Aplicable dende: 26/02/2026

Exposición de motivos

A práctica da actividade física e o deporte revelouse como unha das mellores ferramentas de protección da saúde, mellora da calidade de vida e integración social do individuo.

A formación e a cultura física dos cidadáns, cada vez maior, xerou un incremento notable da demanda de servizos e infraestruturas deportivas de calidade no municipio de Monfero, motivo polo cal a política deportiva do Concello de Monfero diríxese, entre outros obxectivos, cara á mellora dos equipamentos deportivos e o incremento da oferta de servizos de actividade física e deportiva co obxecto de facer fronte á crecente demanda dos seus cidadáns.

A propia Constitución española, a través do seu artigo 43, apartado 3 recoñece a transcendencia do deporte ao dispoñer que os poderes públicos fomentarán a educación sanitaria, a educación física e o deporte. Así mesmo, facilitarán a adecuada utilización do lecer.

Pola súa banda, o artigo 25.2.m) da Lei 7/1985 do 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local, sinala que os municipios exercerán en todo caso competencias en materia de actividades ou instalacións deportivas e ocupación do tempo libre.

As instalacións deportivas municipais constitúen o equipamento básico que garante a prestación de servizos deportivos polo Concello de Monfero, cuxo obxectivo fundamental é a tutela da saúde pública a través de medidas preventivas e a prestación dos servizos necesarios, así como fomentar a educación física e o deporte e facilitar a adecuada utilización do lecer.

Preténdese, por tanto, co Regulamento que se propón, dar cumprimento aos obxectivos arriba sinalados, co obxecto de facer fronte á crecente demanda dos cidadáns.

Para elevar o nivel de participación no ámbito deportivo e a actividade física da poboación, é necesario o uso ordenado e regulado das instalacións deportivas. Neste sentido, a optimización do rendemento das instalacións deportivas, debe ser o soporte fundamental do servizo público que ten que establecerse para o desenvolvemento consecuente do deporte en Monfero.

Título preliminar. Disposicións xerais

Artigo 1.- Obxecto

O presente Regulamento ten por obxecto regular a utilización das instalacións deportivas municipais.

Artigo 2.- Instalacións deportivas municipais.

2.1.- Esta normativa afecta á piscina municipal do francés e ás instalacións do complexo deportivo municipal do Xestal que se enumeran a continuación.

- campo de fútbol

- pista polideportiva cuberta

- sala de musculación

- sauna

2.2.- Persoas usuarias

Para os efectos deste Regulamento considéranse persoas usuarias:

a) As que, de forma individual ou colectiva, utilizan as instalacións deportivas municipais.

b) Alumnado de actividades deportivas programadas ou das clases ou escolas deportivas.

c) Titulares dunha reserva de tempada de unidades ou espazos deportivos.

d) Participantes en actividades de competición deportiva.

e) Acompañantes e espectadores.

Artigo 3.- Ámbito de aplicación

1.- As normas contidas no presente Regulamento son de aplicación a todas as instalacións deportivas Municipais enumeradas anteriormente.

2.- O contido deste Regulamento é complementario e supletorio do establecido na regulación das condicións hixiénico-sanitarias das piscinas municipais, da normativa de espectáculos e actividades recreativas, así como da normativa sectorial de consumidores e usuarios.

Capítulo I. Normas xerais de uso das instalacións deportivas municipais

Artigo 4.- Acceso

O acceso ás instalacións deportivas municipais supón a aceptación das normas contidas no presente Regulamento

Artigo 5.- Uso das Instalacións Deportivas Municipais

Poderán utilizar as instalacións deportivas municipais as persoas que estean en posesión da autorización correspondente.

Capítulo II. Dereitos, deberes e prácticas prohibidas aos usuarios

Artigo 6.- Dereitos dos usuarios

Son dereitos dos usuarios:

a) Ter acceso á seguinte información sobre os servizos deportivos:

1º. A oferta de servizos e a súa forma de acceso. 2º. As instalacións e os equipamentos dispoñibles. 3º. Os horarios de prestación do servizo.

4º. A lista das taxas, prezos públicos ou tarifas vixentes.

5º. A suspensión de servizos ou calquera incidencia que se produza.

b) Dispoñer de instalacións e equipamentos deportivos en boas condicións de uso e accesibles a persoas con algunha discapacidade.

c) Coñecer a identidade do persoal baixo cuxa responsabilidade se presta o servizo e ser atendidos con respecto e cortesía por parte do persoal que o presta.

d) Recibir o servizo por persoal coa cualificación adecuada.

e) Formular calquera suxestión, reclamación ou queixa.

f) Exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición respecto a os seus datos persoais, segundo o establecido na normativa de protección de datos de carácter persoal.

g) Utilizar as instalacións nas condicións que garantan a protección da súa saúde e seguridade, conforme á normativa reguladora.

h) As instalacións deportivas municipais estarán abertas ao público, podendo acceder a elas e utilizalas con preferencia calquera, club, asociación deportiva ou veciño de Monfero que este inscrito nunha actividade deportiva ofertada polo concello ou faga a reserva previa a través da sede electrónica con 3 días de antelación

i) En cada instalación poderán practicarse, preferentemente aquelas modalidades deportivas ás que especificamente estean destinadas

j) Durante o horario lectivo do CPI VIRXE DÁ CELA, e durante o calendario escolar, terá acceso preferente para a impartición do ensino da educación física.

k) Fora do horario lectivo terán preferencia as actividades deportivas organizadas polo Concello de Monfero.

 Artigo 7.- Deberes dos usuarios polideportivo cuberto Xestal en toda a instalación.

7.1.- Os danos ocasionados en toda a instalación ou en calquera dos seus elementos polos deportistas e usuarios en xeral, como consecuencia de actos neglixentes ou de accións vandálicas, deberán de ser asumidos e compensados pola persoa ou persoas implicadas. No caso concreto de actividades vinculadas a clubs deportivos, asociacións, ou centros educativos, considerarase á entidade responsable subsidiaria quedando obrigada a repoñer os danos producidos. A reiteración deste tipo de comportamentos ao longo da tempada supoñerá a automática anulación de todas as horas de uso das que dispoña a entidade.

7.2.- Non está permitido fumar nin entrar con bebidas alcohólicas en toda a instalación.

7.3.- Non abandonar nin tirar desperdicios dentro do recinto da instalación debendo empregar as papeleiras.

7.4.- O público, espectadores, visitantes ou acompañantes frecuentarán unicamente as bancadas, empregando para iso os accesos específicos.

7.5.- Os usuarios deberán axustarse aos horarios e actividade obxecto da reserva. 7.6.- En todo momento recoméndase:

7.6.1.- Seguir as indicacións do persoal responsable da instalación e do profesorado.

7.6.2.- Non introducir obxectos ou elementos que poidan causar lesións ou deteriorar os equipamentos ou perturbar a tranquilidade dos usuarios.

7.6.3.- Non ter comportamentos que impliquen perigo para a integridade física dos demais usuarios.

7.7.- Pista de xogo

7.7.1.- Utilizar calzado e indumentaria deportiva adecuada para cada modalidade deportiva.

7.7.2 .- Prohibido entrar á pista con calzado da rúa. 7.7.3.- Non está permitido comer na pista.

7.7.4.- Prohibido entrar á pista a toda persoa allea á actividade deportiva ou física.

7.7.5.- Non se poderán manipular os equipamentos deportivos existentes nas instalacións sen autorización. Está totalmente sacar as fixacións ás porterías de fútbol sala ou colgarse nelas.

7.7.6.- Os usuarios deberán axustarse aos horarios e actividade obxecto da reserva.

7.7.7.- Os pais ou acompañantes terán que esperar aos nenos na entrada ou nas bancadas.

7.8.- Sala de musculación

7.8.1.- Para poder utilizar a instalación hai que estar dado de alta no rexistro de actividades deportivas municipais.

7.8.2.- Non está permitido o acceso a menores de 16 anos.

7.8.3.- Por motivos de hixiene, é obrigatorio colocar unha toalla sobre os bancos, aparellos ou máquinas dos que se faga uso e recomendable o uso de luvas.

7.8.4.- Obrigatorio usar calzado e indumentaria deportiva adecuada.

7.8.5.- por seguridade recoméndase que utilicen o material de forma adecuada, debendo recoller as barras, discos, pesas e barras ao seu lugar correspondente unha vez rematado o exercicio.

7.8.6.- En horas de máxima afluencia soamente estará permitido o uso das bicicletas, elípticas ou cintas de correr por un período de 20 minutos.

7.8.7- Os técnicos municipais son as únicas persoas autorizadas para asesorar no uso dos diferentes aparellos da sala e prescribir programas de exercicio físico.

7.8.8.- Os materiais e aparellos que existen na Sala de musculación son potencialmente perigosos se se utilizan de maneira incorrecta ou neglixente, por iso, será necesario cumprir estas normas e atender as indicacións das instalacións para conseguir un bo funcionamento e unha correcta conservación da mesmas evitando riscos innecesarios.

7.9.- Sauna

7.9.1.- Non está permito o uso a menores de 18 anos

7.9.2.- Para poder utilizar a instalación hai que estar dado de alta no rexistro de actividades deportivas municipais.

7.9.3.- Deberase entrar con traxe de baño, chanclas e toalla para colocala debaixo do corpo. 7.9.4.- Non se poderá afeitar nin depilarse

7.9.5.- Non se poderá aplicar ningunha substancia ao calefactor da sauna.

7.9.6.- Non se poderá introducir na sauna prensa escrita, libros, revistas nin ningún dispositivo electrónico.

7.9.7.- Non poderá utilizarse máis de 30 minutos por sesión.

7.9.8.- Aconséllase respectar o tempo de dixestión das comidas antes de tomar a sauna.

7.9.9.- Lémbrase que a Sauna é un espazo de lecer e benestar, de uso libre e persoal. En consecuencia, a utilización da sauna leva a asunción voluntaria dos devanditos riscos por quen a utilice.

7.10.- Campo de fútbol

7.10.1.- Soamente poderá utilizar o terreo de xogo para a práctica do Fútbol as entidades deportivas autorizadas, así como o CPI VIRXE DÁ CELA cando as condicións do céspede o permita.

7.11.- Piscina municipal do francés

7.11.1.- Obrigatorio o uso de gorro de baño no vaso da instalación 7.11.2.- Non se poderá correr pola zona de praia da piscina 7.11.3.- Non se poderá lanzar de cabeza á piscina

7.11.4.- Recomendable o uso de lentes de nadar e protección solar

7.11.5.- Non se poderá acceder á zona de baño e zona de praia da piscina sen roupa de baño e chanclas.

7.11.6.- Prohíbese acceder ás piscinas con animais de compañía, exceptuando persoas cegas ou con deficiencia visual usuarias de cans guía.

7.11.7.- Non se poderá levar roupa interior por baixo da roupa de baño.

7.11-8.- Antes de meterse no vaso da piscina é obrigatorio ducharse nas ducha da zona da praia da piscina ou vestiario.

7.11.9.- Está prohibido a utilización de calquera medio de gravación (móbiles, Tablets, cámaras etc.,) sen a autorización oficial do Concello de Monfero.

7.11.10.- Deberá facerse en todo momento un uso adecuado das instalacións, respectando o mobiliario e equipamentos técnicos, así como aos diferentes usuarios, e persoal das mesmas.

7.11.11.- Prohíbese comer, beber e fumar, así como utilizar obxectos ou envases de vidro ou de cristal en todo o recinto.

7.11.12.- Os empregados municipais poderán impedir o baño a aqueles usuarios que dean mostras ou indicios de non poder realizar a actividade físico deportiva no medio acuático, ou desenvolverse con normalidade e autonomía na instalación. Así mesmo, a criterio do socorrista o usuario que non teña un nivel mínimo de nado non poderá utilizar a zona da piscina máis profunda.

7.11.13.- Non poderán usar o vaso aquelas persoas que padezan unha enfermidade infecto- contaxiosa.

Capítulo III. Das reservas de tempada e utilización de instalacións deportivas

Artigo 8.- Carácter dos bens

1.- Con carácter xeral, as instalacións e equipamentos deportivos terán a consideración de bens de dominio público destinados ao servizo público deportivo e a súa utilización, a través de calquera das modalidades contidas neste Capítulo, virá determinada, en función das súas características específicas, modalidades, situación ou outras circunstancias particulares, polas propias normas contidas neste Regulamento.

2.- A utilización dos citados bens requirirá da correspondente autorización municipal.

Artigo 9.- Reservas de tempada

9.1.- Definición

A reserva de tempada é a autorización de ocupación e uso dunha instalación para a realización da práctica deportiva por un período máximo dunha tempada deportiva ou un curso académico.

Artigo 10.- Usos

A reserva de tempada de instalacións deportivas ten como finalidade a promoción da práctica deportiva organizada do deporte afeccionado, facilitar o ensino da educación física aos centros docentes e o desenvolvemento de programas de deporte adaptado.

Artigo 11.- Reserva de tempada a centros docentes para impartir clases de educación física

1.- A reserva de tempada para centros docentes ten como obxecto contribuír á mellora da calidade do ensino, facilitando aos centros, a utilización de instalacións deportivas ao aire libre ou en recinto cuberto para o desenvolvemento dos seus programas de educación física.

2.- A reserva a centros docentes para impartir clases de educación física ten a duración dun curso escolar, entendendo por curso escolar o período lectivo docente establecido anualmente pola Consellería de Educación.

a) Beneficiarios:

1º Centros docentes que impartan os seus programas de educación física incluídos nas etapas educativas segundo a lexislación vixente.

b) Requisitos:

1º Ter o domicilio social no municipio de Monfero.

2º Dispoñer de profesor titulado para a impartición dos programas obxecto da reserva, segundo a lexislación vixente.

c) Solicitudes:

Presentaranse pola sede electrónica do Concello de Monfero.

O prazo de presentación da solicitude será do 15 de abril ao 15 de xuño, anterior ao curso escolar en que se queira utilizar.

Capítulo IV. Información e comunicación

Artigo 12.- Reserva de tempada a outras entidades sen fins de lucro

1.- A reserva de tempada a entidades sen fins de lucro ten por obxecto facilitar o desenvolvemento do deporte de carácter afeccionado, establecendo condicións e sistemas de acceso especiais e particulares na reserva de espazos deportivos a sectores que, polas súas características, necesitan de especial promoción e/ou protección. Nestes espazos as entidades poderán desenvolver os seus programas deportivos, xa teñan unha finalidade de adestramento deportivo, educativa, saúde, lecer e recreación.

2.- A reserva de tempada a entidades sen fins de lucro, será como norma xeral polo período comprendido entre o 1 de setembro ao 31 de xuño.

3.- Beneficiarios: Asociacións deportivas constituídas e rexistradas no Rexistro correspondente, ao amparo do establecido na Lei 3/2012, do 2 de abril, do Deporte de Galicia, cuxos deportistas estean federados na tempada deportiva en vigor.

Artigo 13.- Documentos de consulta

No Centro deportivo municipal, ao dispor do usuario que queira consultalos, existirá un exemplar íntegro do presente Regulamento.

Artigo 14.- Reclamacións e suxestións

Os usuarios poderán realizar as súas reclamacións e suxestións. Existirán á súa disposición na oficina do centro deportivo impresos xerais de solicitude ao Concello e impresos específicos de tramitación de suxestións e reclamacións.

Artigo 15.- Calendario e horarios de servizo

Anualmente aprobaranse e anunciaranse os programas, calendarios e horarios de prestación do servizo dos espazos de cada centro deportivo municipal. O Concello de Monfero reservase a posibilidade de modificalos por razóns técnicas ou organizativas.

Capitulo V.- Réxime sancionador

Artigo 16.- Infraccións Administrativas

1.- Constitúen infraccións administrativas as accións e omisións tipificadas nos artigos seguintes deste Regulamento, de conformidade co establecido polos artigos 127.1 e 129.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e Procedemento Administrativo Común e artigo 139 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local.

2.- As infraccións a este Regulamento terán a consideración de moi graves, graves e leves.

Artigo 17.- Faltas moi graves

Considéranse moi graves as seguintes infraccións:

a) O uso inadecuado das instalacións deportivas municipais, do material ou do equipamento deportivo que supoña unha perturbación relevante da convivencia e afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ou ao normal desenvolvemento de actividades.

b) Impedir o uso da instalación deportiva municipal ou calquera dos seus elementos a outros usuarios.

c) Impedir ou obstruír gravemente o normal funcionamento da instalación deportiva municipal.

d) A deterioración grave e relevante ou a subtracción de equipamentos, infraestruturas, instalacións, elementos ou material da instalación deportiva municipal.

e) A agresión física ao persoal da instalación deportiva municipal ou a outro usuario.

f) Introducir ou exhibir pancartas, símbolos, emblemas ou lendas que, polo seu contido ou polas circunstancias nas que se exhiban ou utilicen poida ser considerado como un acto que incite ou fomente os comportamentos violentos, xenófobos, racistas, ou como un acto de manifesto desprezo aos participantes na actividade deportiva.

g) Introducir armas, bengalas, petardos explosivos ou calquera produto inflamable, ignífugo ou corrosivo.

h) Acender lume.

i) Subarrendar, ceder ou prestar o dereito de uso dos espazos deportivos con reserva a terceiras persoas ou entidades sen autorización expresa.

Artigo 18.- Faltas graves

Considéranse graves:

a) O uso inadecuado das instalacións deportivas municipais, do material ou do equipamento cando non concorren as circunstancias para cualificalas de moi graves.

b) A deterioración de equipamentos, infraestruturas, instalacións, elementos ou material da instalación deportiva cando non se considere moi grave.

c) A agresión verbal ao persoal da instalación deportiva municipal ou a outro usuario.

d) Non respectar os horarios e funcionamento dos servizos deportivos.

e) O incumprimento da normativa vixente sobre consumo de tabaco, alcol e substancias estupefacientes.

f) Facer uso dos servizos deportivos con recipientes ou envases de vidro, metal ou calquera outro metal que non sexa papel ou plástico.

g) Acceder con animais ás instalacións, excepto nos casos previstos legalmente.

h) Acceder ás instalacións con vehículos de calquera índole, salvo cando dispoñan do espazo habilitado para iso, polo tempo limitado á duración da actividade e previo pago, no seu caso, do prezo público correspondente.

i) Impartir clases sen autorización.

j) Realizar calquera actividade económica lucrativa.

k) Introducir mesas, cadeiras, antucas, tumbonas e calquera outro mobiliario.

l) Practicar xogos con ou sen elementos, salvo nas zonas habilitadas para iso.

m) Introducir obxectos na auga, salvo nos supostos previstos nesta norma.

n) Realizar reportaxes fotográficas ou de vídeo, sen autorización expresa.

Artigo 19.- Faltas leves

a) Lanzar substancias e residuos ou calquera tipo de desperdicio fóra dos recipientes destinados a tal fin.

b) Comer fóra das zonas habilitadas para iso.

c) Non atender as indicacións do persoal das instalacións deportivas municipais.

Artigo 20.- Sancións

O incumprimento das normas xerais ou específicas de cada instalación ou a falta de respecto ou os comportamentos que impliquen perigo para a integridade física dos diferentes usuarios, persoal técnico e de mantemento da instalación darán lugar á expulsión inmediata das instalacións deportivas con independencia do inicio das actuacións oportunas.

Artigo 21.- Reposición e indemnización

Con independencia das sancións que poidan impoñerse polos feitos tipificados neste Regulamento, o infractor estará obrigado á restitución e reposición dos bens ao seu estado anterior, coa indemnización dos danos e prexuízos causados.

Artigo 22.- Responsables

1.- Serán responsables das infraccións a este Regulamento quen as cometa.

2.- Cando as actuacións constitutivas de infracción sexan cometidas por varias persoas conxuntamente, e non sexa posible determinar o grao de participación de cada unha, responderán todas de forma solidaria, conforme ao establecido na lexislación sobre procedemento administrativo común.

 Artigo 23.- Procedemento

Corresponde a imposición de sancións ao Concello de Monfero, a través dos órganos que se determine nos acordos de atribución e delegación de competencias.

Disposición final

O presente regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación integra no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e unha vez que transcorra o prazo de 15 días hábiles previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1995, reguladora das bases do réxime local, ao que remite o seu artigo 70.2, e manterá a súa vixencia ata que se aprobe a súa modificación ou derogación.