Brión - Ordenanza municipal non fiscal reguladora da protección dos camiños e vías públicas con motivo da execución de cortas, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal de Brión
Preámbulo.
A presente ordenanza ten como finalidade velar pola debida conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e deterioracións que poden sufrir como consecuencia das operacións de corta, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal.
Como sucede en gran parte do territorio galego, dentro do noso termo municipal as zonas de uso residencial atópanse diseminadas e mesturadas coas zonas forestais, de xeito que nas distintas parroquias conviven os dous usos. A actividade de aproveitamento forestal debe, por tanto, facerse compatible coa conservación dos camiños e coa seguridade viaria, xa que a utilización axeitada dos camiños municipais é un dereito que lle corresponde a toda a cidadanía. Resulta tamén prioritario o interese en protexer as persoas, vivendas e outras edificacións fronte aos incendios forestais e para iso é esencial que as vías de acceso ás zonas forestais se atopen sempre en perfecto estado.
Todo isto esixe unha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do termo municipal, tanto para previr como para reparar, no seu caso, os danos e deterioracións ocasionados por estas actividades nos camiños e vías municipais.
A regulación desta materia está prevista como unha das competencias dos municipios, segundo a Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e a Lei 5/1997 do 22 de xullo, reguladora da Administración Local de Galicia.
Título I. Obxecto, fundamento xurídico e ámbito de aplicación.
Artigo 1. Obxecto.
O obxecto desta ordenanza é protexer os camiños e pistas municipais do termo municipal de Brión en relación cos danos e deterioracións que poden sufrir como consecuencia das operación de corta, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal, a regulación dos lugares de depósito, almacenamento e carga da madeira, así como a esixencia da responsabilidade por posibles danos producidos neles.
Artigo 2. Fundamento xurídico.
A presente ordenanza fundaméntase no uso das competencias que lle atribúe ao concello os artigos 4.1 a), 25.2.d) e 84 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; os artigos 6.1 a), 80.2 d) e 286 e seguintes da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de administración local de Galicia; e os artigos 3.1 e 74 e seguintes do Real Decreto 1372/1986, do 13 de xullo, polo que se aproba o regulamento de bens das corporacións locais.
Así mesmo, para a aplicación desta ordenanza mediante a presentación dunha comunicación previa fundaméntase nos artigos 4 da Lei 40/2015 de 1 de outubro, do réxime xurídico das administracións públicas e 69 da Lei 39/2015 de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas e nos artigos 84.c), 84 bis e 84.ter da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
Artigo 3. Ámbito de aplicación.
3.1. Por corta e saca de madeira deberá entenderse, para os efectos desta ordenanza, a totalidade das operacións que se desenvolvan para a obtención e/ou transporte de madeira de corta, incluíndo tanto calquera das operacións previas ou preparatorias á corta ( desprazamento de vehículos, maquinaria, preparación de terreos de acceso) e as posteriores ( preparación, depósito, carga e transporte).
3.2. A efectos desta ordenanza non terán a consideración de ¿cortas forestais¿ os seguintes traballos:
3.2.1. Podas simples e podas de formación en plantacións forestais.
3.2.2. Rozas e limpeza de predios.
3.2.3. Clareo de rebrotes de cepa de menos de tres anos.
3.2.4. Cortas puntuais ou illadas de menos de 5 exemplares.
3.2.5. A eliminación dunha situación de perigo para persoas ou bens.
3.2.6. As talas que teñan por finalidade os aproveitamentos para usos domésticos con vehículos agrícolas.
3.3. No suposto de tratarse dunha corta sen aproveitamento madeireiro a persoa titular do monte deberá comunicar igualmente ao concello que vai a realizar a corta e indicar o seu motivo ( obtención de leña para autoconsumo, enfermidade de especie, situación de perigo para as persoas ou bens, etc), e achegará o titulo habilitante da consellería competente.
Artigo 4. Procedemento de comunicación previa.
4.1. Para garantir o cumprimento desta ordenanza e así preservar os camiños e vías municipais como consecuencia das sacas de madeira dentro do termo municipal de Brión ou, producíndose a corta total ou parcialmente noutro termo municipal, cando a madeira sexa transportada, en todo ou en parte, por vías municipais do Concello de Brión, será obrigatorio presentar nas oficinas do Concello de Brión comunicación previa da corta segundo o modelo establecido no Anexo I, cunha antelación mínima de 15 días hábiles, xunto coa documentación esixible, todo elo sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos e autorizacións sectoriais pertinentes.
4.2. O escrito de comunicación previa será efectuado pola persoa física ou xurídica que actúe en calidade de madeireira (é dicir, responsable da corta, a persoa que realice as labores de preparación do terreo, corta, saca, depósito e/ou transporte de madeira. Tamén abrangue a aquelas persoas propietarias que realicen algunha destas labores nas parcelas da súa propiedade, cando non sexa para o autoconsumo de madeira e teñan por destino a súa comercialización), segundo modelo Anexo I, debendo constar na mesma o seguinte:
a) Datos de identificación do madeireiro ( e de ser o caso, do empresario subcontratado que vai a facer os traballos) e do propietario forestal:
a.1. Persoa física: nome, apelidos, NIF, enderezo e teléfono.
a.2. Identificación Persoa xurídica: razón social, CIF, enderezo, teléfono, nome e apelidos e NIF do representante da empresa.
b) Datas previstas de inicio e remate dos traballos de saca de madeira ( incluíndo a retirada de madeira da parcela e dos restroballos resultantes).
c) Identificación do/os vehículo/os cos que se desenvolverán os traballos: Marca, modelo, matrícula e peso máximo autorizado dos vehículos.
d) Especie de madeira obxecto de corta.
e) Volume máximo de toneladas que se prevé extraer.
f) Identificación nun plano do catastro ou do SIXPAC da finca ou monte afectado e referencia catastral.
g) Identificación do lugar onde se depositará a madeira á espera da súa carga así como das vías que ser vaian a utilizar para o transporte.
h) Autorizacións sectoriais (de ser o caso):
- Fotocopia cotexada da declaración responsable, comunicación previa, solicitude ou do permiso, autorización, ou licencia ou calquera outro título habilitante que sexa esixible, expedido pola autoridade competente.
Lémbrase a este respecto que en ningún caso se poderán iniciar os traballos de tala sen contar previamente coa autorización sectorial correspondente cando as parcelas obxecto de actuación estean afectadas pola normativa sectorial de augas, patrimonio, estradas ou calquera outra que resulte de aplicación.
i) Fotocopia cotexada do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira ou, de ser o caso, do empresario subcontratado que vaia a realizar os traballos, que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca de madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que dito seguro está vixente no momento de realizarse as operacións.
j) Xustificante de ter depositada a fianza nos termos e na contía que resulte desta ordenanza.
4.1. A presentación da comunicación previa levarase a cabo nas oficinas do Rexistro Xeral do Concello de Brión ou ben a través dalgún dos medios establecidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común.
4.2. Unha vez presentada a comunicación previa e a documentación completa, os funcionarios da Policía Local, comprobarán o estado físico dos camiños e vías que vaian a ser utilizados, obtendo as fotografías que sexan pertinentes para acreditar a súa realidade física.
O Concello de Brión establece un prazo de 15 días hábiles para declarar completa a documentación presentada, por este motivo a comunicación deberá presentarse a lo menos con esta antelación á realización das tarefas.
4.3. De estaren realizándose os traballos sen que a empresa madeireira ou a persoa propietaria do monte ou predio forestal cumprisen coa obrigación a que se refire este artigo, o concello lles requirirá para que no prazo de 24 horas presenten un escrito de posta en coñecemento da actividade, co mesmo contido que a comunicación previa, sen prexuízo de que o concello poida ordenar a súa inmediata suspensión.
De estaren realizándose os traballos e da comunicación previa presentada resulta a inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento achegado, se requirirá ao interesado para que a emende no prazo de 24 horas, sen prexuízo de que o concello poida ordenar a súa inmediata suspensión.
4.4. De non cumprir co previsto no número anterior ordenarase, no primeiro caso o cese definitivo da actividade, e no segundo, logo de audiencia ao interesado, a declaración de ineficacia da comunicación coa prohibición definitiva de exercicio da actividade, todo isto sen prexuízo da sanción que corresponda.
4.5. O concello resérvase o dereito a propoñer cambios na ruta de acceso proposta ou denegar ou limitar o acceso e/ou depósito por calquera das vías indicadas na comunicación previa, de forma motivada por mor da capacidade do firme da vía ou o seu mal estado, ou pola utilización dos viarios na data solicitada para outros fins, ou calquera outra causa xustificada, o que se porá en coñecemento do interesado achegando o correspondente informe técnico ou da Policía local emitido ao respecto.
Artigo 5. Obrigas dos/as madeireiros/as ou propietarios/as que realicen a corta e o depósito, carga e transporte da madeira cortada. Responsabilidade derivada do incumprimento das mesmas.
5.1. Son obrigas do/a madeireiro/a encargado /a de realizar as operacións de saca de madeira as seguintes:
a) Presentar o escrito de comunicación previa nos termos indicados no artigo anterior.
b) Sinalizar os viais situados nas zonas de extracción ou depósito da madeira consonte á normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.
c) Limpar, retirar ou asimilar os residuos procedentes da corta da madeira e das operacións de carga e almacenamento, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo esas operacións. A obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.
d) Limpar as superficies dos montes e terreos forestais de xeito que non queden restos ou materiais que poidan constituír risco de incendio.
e) Repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ás fincas ou montes.
f) Responder dos danos e desperfectos ocasionados nos lugares de corta, vías de acceso, instalacións e demais infraestruturas, como consecuencia da realización das actividades de saca de madeira.
g) Constituír a prol do Concello de Brión a garantía conforme ao establecido nesta ordenanza.
h) Os depósitos de rolla, ramas ou podas non poderán invadir a zona de circulación, tanto de vehículos como de persoas, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, canalizacións, pontellas, ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa aos camiños ou vías, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias.
i) As limpezas e reparacións deberanse realizar nun prazo máximo de 72 horas a partir da retirada da madeira.
j) Non se poderán realizar desprazamentos de terra que polas súas características deban ser considerados como movemento de terra suxeito a licencia.
5.2. Responsabilidade.
5.2.1. O madeireiro encargado da corta será a responsable directamente de todos os danos e prexuízos producidos ás persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte de madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello de Brión velará para que ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en axeitado estado de conservación, limpeza e seguridade.
5.2.2. A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa, que de ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta e saca de madeira por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira, e en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder. No caso de que o madeireiro non puidera ser identificado, serán responsables subsidiarios do cumprimento das obrigas indicadas no apartado primeiro do presente artigo, os propietarios dos montes ou parcelas de que se trate.
5.2.3. Todo isto enténdese en prexuízo da imposición de sancións que correspondan polos incumprimentos deste ordenanza, conforme ao establecido no Título II da mesma.
Artigo 6. Fianza.
6.1. O responsable da corta está obrigado a depositar unha garantía a favor do concello co obxecto de responder dos posibles danos non reparados voluntariamente, segundo se recolle nesta ordenanza.
Unicamente admitiranse garantías en metálico ou avais bancarios.
6.2. Establécense dúas categorías para os efectos da fixación da correspondente garantía segundo o peso máximo autorizado do vehículo de maior peso que se vaia a utilizar na realización das operacións de depósito, carga e transporte de madeira cortada:
¿ Vehículos con peso máximo autorizado non superior a 16 TN: 3.000,00 €/ comunicación previa de corta.
¿ Vehículos con peso máximo autorizado superior a 16 TN: 5.000,00 €/ comunicación previa de corte.
6.3. No caso de que a garantía achegada sexa o aval bancario, o mesmo outorgarase solidariamente respecto do obrigado principal, con renuncia expresa ao beneficio de excusión e con compromiso de pago ao primeiro requirimento do Concello de Brión.
O aval terá vixencia indefinida, permanecendo en vigor ata que o Concello de Brión, autorice a súa cancelación ou devolución, de acordo co disposto na Ordenanza non fiscal reguladora da protección dos camiños e vías públicas, con motivo da execución de cortas, depósito, carga e transporte de madeira no termo municipal de Brión, e demais normativa de réxime local aplicable. No aval deberá figurar o número de expediente administrativo.
6.4. No caso de que a garantía achegada sexa fianza, esta constituirase mediante carta de pago emitida ao efecto polo Concello de Brión, na que figurará o número de expediente administrativo.
6.5. O interesado está obrigado a comunicar o remate dos traballos nun prazo máximo de 7 días naturais ao momento no que os termine. Unha vez feita a anterior comunicación a tramitación administrativa do expediente da devolución da fianza completarase nun prazo de 30 días naturais, logo de que os servizos municipais comprobaren a inexistencia de danos nas vías, nas infraestruturas, no dominio público ou en calquera clase de bens sobre os que o concello teña o deber de velar.
6.6. Se o concello constatase a produción de danos dos que deba facerse cargo o responsable da corta, incluída a acumulación de restos procedentes de operacións de carga e almacenamento, lle requirirá para que os repare coa advertencia de que, transcorrido o prazo de 7 días naturais, contados dende o requirimento sen que o faga, o concello poderá executar subsidiariamente, as operacións de reparación, corrección e/ou retirada de restos, sen prexuízo da sanción que proceda.
No caso de non atender ao requirimento anterior ou de incumprimento defectuoso e logo de obter os antecedentes que se estimen oportunos, os Servizos Técnicos Municipais elaborarán un informe para determinar os custos derivados da execución subsidiaria, e de esixencia de responsabilidade, con proposta de incautación de garantía e liquidación provisional, de resultar aquela insuficiente.
O responsable da corta disporá dun trámite de audiencia polo prazo de dez días hábiles para efectuar alegacións e valerse dos medios de proba que estime oportunos, logo do cal o concello adoptará resolución que concluirá coa declaración de inexistencia de responsabilidade decretando a devolución da garantía, ou coa declaración da existencia de responsabilidade, ordenando a incautación total ou parcial da garantía e aprobando a liquidación provisional polos gastos non cubertos por aquela, de ser o caso.
Dita liquidación constitúe un recurso de dereito público, polo que de non ingresarse nos prazos establecidos no artigo 62.2 da Lei Xeral Tributaria, poderá esixirse pola vía de constrinximento.
6.7. Esta responsabilidade regulada neste precepto é independente da apertura do expediente sancionador que corresponda por mor dos incumprimentos en que incorran os interesados.
6.8. As garantías reguladas neste precepto serán igualmente esixidas cando a corta se estea a realizar noutro termo municipal, pero os vehículos teñan que circular por algún camiño de titularidade do Concello de Brión. Para tal efecto, deberase efectuar a comunicación previa nos termos indicados na presente ordenanza, de forma que unha vez se teña coñecemento desta circunstancia sen ter efectuado comunicación, procederase a realizar o oportuno requirimento ao madeireiro/a responsable.
Título II. Infraccións e sancións.
Artigo 7. Infraccións.
1. Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nela. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición das correspondentes sancións aos responsables, ademais da obriga de facer as reparacións dos danos, do mantemento e de limpeza das vías, así como de indemnizar a quen resulte prexudicado polos danos derivados da súa actuación.
2. As infraccións desta ordenanza se cualifican en moi graves, graves e leves.
3. Constitúen infraccións moi graves:
a) Realizar calquera das actividades relacionadas coa saca de madeira sen o previo depósito da garantía no importe que corresponda.
b) Realizar calquera das actividades relacionadas coa saca de madeira sen presentar, no prazo que se lle indicou unha vez que foi requirido polo concello, o escrito de comunicación previa ou de emenda da comunicación defectuosamente presentada.
c) Non realizar os traballos necesarios para que as pistas, camiños e espazos públicos municipais utilizados se manteñan en perfecto estado de conservación e limpeza unha vez rematados os traballos e realizado o requirimento por parte do concello.
d) A realización dos traballos de saca de madeira usando pistas, camiños, ou espazos públicos municipais respecto dos cales se lle denegara por parte do concello a súa utilización.
e) A comisión, nun prazo dun ano, de dúas faltas graves que sexan firmes en vía administrativa.
4. Constitúen faltas graves:
a) Realizar os traballos de saca de madeira sen ter presentado o escrito de comunicación previa, aínda que se achegue despois de ser requirido polo concello.
b) Realizar os traballos de saca de madeira sen ter presentado a comunicación previa coa antelación prevista no artigo 4 da presente ordenanza, aínda que se emendase despois de ser requirido polo concello.
c) Ocultar ou falsear os datos e documentos presentados en relación con esta ordenanza.
d) Incumprimento por parte do propietario do monte ou parcela da obriga de identificar o madeireiro.
e) A comisión no prazo dun ano de dúas faltas leves que sexan firmes en vía administrativa.
5. Constitúen faltas leves: calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao concello.
Artigo 8. Sancións.
1. As infraccións desta ordenanza serán sancionadas coas seguintes multas:
a) Infraccións leves: multa de ata 750,00 €.
b) Infraccións graves: multa de contía comprendida entre 750,01 € a 1.500 €.
c) Infraccións moi graves: multa de contía comprendida entre 1.500,01 a 3.000 €.
2. Gradación das sancións:
Para a gradación das sancións atenderase:
* Á natureza do risco ou dano ocasionado, considerando dano extremo dificultar e/ou impedir o tráfico normal de vehículos e persoas polas vías públicas municipais.
* Á súa repercusión e transcendencia polo que respecto ao prexuízo causado.
* Ó custo de restitución.
* Á existencia de intencionalidade ou reiteración na comisión de infraccións desta ordenanza.
* Ó retraso inxustificado na reparación dos elementos danados.
Artigo 9. Responsabilidade.
9.1. Serán responsables das infraccións sinaladas no artigo 8 as persoas físicas ou xurídicas que as cometan en calidade de madeireiros ou propietario do monte ou parcela.
9.2. Os propietarios dos montes e/ou parcelas serán responsables das infraccións de que se trate no suposto de non identificar aos madeireiros, unha vez sexan requiridos polo concello, e transcorrido o prazo de dez días hábiles, a contar dende o día seguinte ao da recepción do requirimento.
Artigo 10. Procedemento.
1. O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza requirirá a incoación e instrución do correspondente expediente administrativo consonte ao establecido na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común e Lei 40/2015, de 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.
2. De xeito específico indícase que as multas e sancións determinadas inicialmente no acordo de incoación do procedemento sancionador reduciranse na súa contía nun 50% sempre que no prazo de 15 días, contados a partir da notificación daquel, a persoa infractora mostre por escrito a súa conformidade con elas, e pague e renuncie expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación.
3. Os pagamentos das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo das correspondentes responsabilidades de calquera outra índole, tanto administrativas como civís ou penais en que puidese incorrer.
4. As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houbera lugar.
5. Será órgano competente para iniciar o procedemento sancionador o señor alcalde ou concelleiro en quen delegue, consonte ao establecido no artigo 21.1 n) da Lei 7/1985, de bases do réxime local.
A instrución exercerase pola persoa que designe o órgano competente para a incoación do procedemento, sen que poida recaer na persoa en quen tivera competencia para resolver o mesmo.
A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía.
Artigo 11. Prescrición das infraccións e sancións.
1. As infraccións moi graves prescribirán aos 3 anos, as graves aos dous anos e as leves aos seis meses, que se computarán dende o día en que se tivera cometido a infracción.
2. As sancións impostas por faltas moi graves prescribirán aos tres anos, as impostas por faltas graves aos dous anos, e as impostas por faltas leves ao ano, que se computarán dende o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que foi imposta a sanción.
Disposición derradeira.
Primeira. En cumprimento do establecido no artigo 70.2 da Lei //1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, a presente ordenanza entrará en vigor unha vez que se publique o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia e transcorra o prazo de 15 días hábiles previstos no artigo 65.2 do citado texto legal.
A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza.
ANEXO I
Comunicación previa para actividade de depósito, carga e transporte da madeira procedente da corta forestal.
DATOS MADEREIRO.
Nome e apelidos/razón social:
D.N.I. - C.I.F.:
Enderezo a efectos de notificación:
Código postal: Teléfono
Municipio Provincia
REPRESENTANTE.
Nome e apelidos:
DNI:
Enderezo a efectos de notificación:
Código postal Teléfono
Municipio Provincia
EXPÓN: Que pretende realizar os traballos de corta de madeira
DATOS DA/S PARCELA/S.
(no caso de que se fagan varios traballos simultaneamente reflectir os datos de todas as parcelas afectadas)
Referencia catastral:
Superficie da parcela:
Superficie talada:
Coordenadas UTM: Polígono Parcela
Especie:
Lugar ¿ Parroquia:
DATOS PROPIETARIO DA PARCELA.
Nome e apelidos/razón social:
D.N.I. - C.I.F.:
Enderezo a efectos de notificación:
Municipio Provincia
Dirección electrónica/email a efecto de notificacións:
Teléfono Código postal
DATOS DA MAQUINARIA E CAMIÓNS DE TRANSPORTE.
TIPO MAQUINARIA:
MODELO:
MATRÍCULA:
P.M.A.:
DURACIÓN ESTIMADA DOS TRABALLOS:
Tm. DE MADEIRA A TALAR (APROX.):
Data inicio: Data remate: (aprox.)
Lugar onde se depositará a madeira:
DOCUMENTACIÓN QUE SE ACHEGA (marcar a que se achega)
¿ Fotocopia do CIF/NIF do/a solicitante e, no seu caso do/a representante.
¿ Fotocopia da comunicación previa, declaración responsable, solicitude ou do permiso, autorización ou licencia de corta.
¿ Autorización/s sectorial correspondente/s (se procede).
¿ Xustificante de pago da fianza o artigo 6 da ordenanza reguladora.
¿ Plano identificando o lugar de depósito e das vías a utilizar para o transporte de madeira.
¿ Identificación en plano de Catastro ou SIXPAC da finca ou monte afectado coa súa referencia catastral.
¿ Fotocopia do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar e do último recibo pagado.
¿ Non posúe ningún seguro de responsabilidade civil.
¿ Xustificante depósito de fianza.
¿ O INTERESADO DECLARA COÑECER A OBRIGA PREVISTA NO ARTIGO 6.4 DA ORDENANZA REGULADORA, DE COMUNICAR AO CONCELLO O REMATE DOS TRABALLOS NUN PRAZO MÁXIMO DE 7 (SETE) DÍAS NATURAIS, CONTADOS DENDE QUE OS TERMINE.
En ................................................, a .................... de ..................................... de 20.............
Asdo.
SR. ALCALDE DO CONCELLO DE BRIÓN.