Carnota - ORDENANZA MUNICIPAL REGULADORA DO USO DA LINGUA GALEGA NO CONCELLO DE CARNOTA
ÍNDICE
Exposición de motivos
Capítulo I. Obxecto e ámbito de aplicación
Capítulo II. O uso oficial do idioma galego
Capítulo III. Atención ao público
Capítulo IV. Actuación e documentación administrativa
Capítulo V. Publicacións, accións informativas e formativas e actividades públicas
Capítulo VI. Compra de bens e materiais, encargo e contratación de servizos e relacións coas empresas privadas
Capítulo VII. Sinalización e rotulación
Capítulo VIII. Relacións con outras administracións
Capítulo IX. Persoal ao servizo da Administración
Capítulo X. Toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións
Capítulo XI. Impulso institucional do idioma galego
Capítulo XII. Calidade lingüística e linguaxe democrática e inclusiva
Capítulo XIII. O Servizo de Normalización Lingüística
Disposición final
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A lingua é unha ferramenta comunicativa mediante a cal unha comunidade se pode relacionar entre si. Alén diso, a lingua é a creación colectiva máis importante e a manifestación de identidade máis relevante dun pobo, pois na súa formación colaboran todas as persoas desa colectividade, ao longo de toda a súa historia. O galego, lingua propia de Galicia, é, por tanto, o noso máximo expoñente cultural, o máis significativo valor como comunidade e a nosa ferramenta comunicativa máis próxima e eficaz.
No decorrer da historia, a lingua galega, a creada aquí, coñeceu un longo período de normalidade e foi, durante séculos, o idioma vehicular de uso común en todos os ámbitos; mais despois, por mor dos acontecementos históricos, o castelán penetrou nos contextos formais e relegou o galego aos usos informais. Xa no século XVIII, apareceron voces que reclamaban a restitución do uso do galego en todos os eidos. Estas voces multiplicáronse durante o século XIX e, nos comezos do século XX, xurdiron en Galicia entidades fundamentais para a normalización nosa lingua como as Irmandades da Fala, a Real Academia Galega ou o Seminario de Estudos Galegos. Un dos froitos máis vizosos desta etapa foi o Estatuto de autonomía de Galicia plebiscitado en 1936, que recoñecía legalmente a oficialidade da lingua galega. O estalido da Guerra Civil e a posterior ditadura impediron completar a súa tramitación nas Cortes.
Coa instauración da democracia no Estado español, danse as condicións apropiadas para a necesaria normalización da lingua galega. A Constitución española de 1978 proclama no seu preámbulo a «vontade de protexer a todos os españois e pobos de España no exercicio dos dereitos humanos, as súas culturas, tradicións, linguas e institucións». Así mesmo, no artigo 3.2, establece que as linguas españolas distintas ao castelán serán oficiais nas súas respectivas comunidades de acordo cos seus estatutos.
A promulgación do Estatuto de autonomía de Galicia en 1981 institúe o galego como lingua propia de Galicia. O artigo 5 do Estatuto proclama o galego como lingua oficial de Galicia e desenvolve este precepto ao lles encomendar aos poderes públicos que garantan o uso normal e oficial da lingua galega, que potencien o seu emprego en todos os planos da vida pública, cultural e informativa, e que dispoñan os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento (artigo 5.3).
Así pois, a proclamación da oficialidade da lingua galega confírelles aos poderes públicos unha serie de obrigas. Deben utilizala como lingua de uso normal de comunicación entre eles e nas súas relacións coa cidadanía. Ao mesmo tempo, as cidadás e os cidadáns adquiren unha serie de dereitos lingüísticos que deben ser respectados pola Administración.
A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, desenvolve os preceptos estatuarios e determina que a Xunta de Galicia ditará as disposicións necesarias para a normalización progresiva do uso do galego, e que as corporacións locais deberán facelo de acordo coas normas recollidas nesta lei (artigo 6.4). Con posterioridade a esta norma xurídica, fóronse aprobando ordes e decretos que completan o marco legal para asegurar a recuperación plena do uso do idioma galego na Administración local, na Administración de xustiza, etc. Neste sentido, a Lei 5/1988, do 21 de xuño, de uso do galego como lingua oficial polas entidades locais, no artigo 1, dispón que «as convocatorias de sesións, ordes do día, mocións, votos particulares, propostas de acordo, ditames das comisións informativas e actas das entidades locais de Galicia redactaranse en lingua galega».
O Plan xeral de normalización da lingua galega (PXNLG), aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004, recolle como obxectivos específicos para a Administración local «consolidar o papel normalizador das corporacións locais e das deputacións por medio da xeneralización do uso do galego como principal lingua de traballo e comunicación cos seus administrados», «incluír a promoción do galego, no concepto de servizo que o concello e a comarca lles ofrecen ao cidadán, tanto directamente como a través de empresas subcontratadas», así como «poñer os medios para que todo traballador ao servizo directo ou indirecto da Administración local ou comarcal teña unha actitude favorable ao emprego da lingua propia de Galicia, coñecemento oral e escrito suficiente para atender nesa lingua o cidadán que o desexe e que teña tamén práctica habitual da Oferta positiva».
Por tanto, as corporacións locais poden e deben implementar accións encamiñadas a implicar o conxunto da sociedade no proceso de normalización lingüística. Por seren as administracións máis próximas á cidadanía, as entidades locais son moi apropiadas para desenvolveren accións encamiñadas á implicación cidadá, á dinamización, á recuperación e ao incremento do uso e prestixio do idioma propio e oficial de Galicia nos distintos ámbitos e sectores sociais.
Por todas estas razóns, o Pleno do Concello de Carnota aproba a seguinte Ordenanza municipal reguladora do uso da lingua galega, a cal establece actuacións que o Concello debe emprender e mais os criterios lingüísticos que se deben seguir nas diferentes accións, ámbitos de actuación e situacións comunicativas.
CAPÍTULO I. Obxecto e ámbito de aplicación
Artigo 1
Esta ordenanza ten por obxecto regular o uso, o fomento e a protección da lingua galega en todos os ámbitos de competencia do Concello de Carnota.
Artigo 2
1. Esta ordenanza aplicarase a todos os órganos do Concello de Carnota, así como a todas as unidades administrativas e servizos que deles dependan. Aplicarase tamén aos organismos públicos e ás entidades de dereito público vinculadas ao Concello de Carnota ou dependentes del (organismos autónomos, entidades públicas empresariais, consorcios, fundacións, etc.).
2. As sociedades mercantís e outras entidades de dereito privado vinculadas ou dependentes do Concello de Carnota rexeranse por esta ordenanza cando exerzan potestades administrativas e naqueles contidos que especificamente se refiran a elas.
3. Tamén se rexerán por esta ordenanza as empresas adxudicatarias, concesionarias ou contratas cando actúen en función desta adxudicación, concesión ou contrato, así como as de explotación mixta, o cal se fará constar explicitamente nos documentos correspondentes (convenios, pregos, contratos, etc.).
4. O Concello de Carnota velará para que nos organismos, entidades e actividades en que participe e/ou teña representación sexan aplicados os principios desta ordenanza.
5. Todas as unidades administrativas, departamentos, servizos, entidades e organismos dependentes do Concello de Carnota terán en conta a necesidade da normalización da lingua galega en todos os ámbitos sociais e, por tanto, asumirán o cumprimento desta ordenanza en todas as accións do seu funcionamento cotián.
CAPÍTULO II. O uso oficial do idioma galego
Artigo 3
1. O galego, como lingua propia e oficial de Galicia, é idioma oficial do Concello de Carnota.
2. De acordo co establecido na Constitución española e no Estatuto de autonomía de Galicia o castelán tamén é cooficial.
3. O Concello de Carnota empregará e promoverá o galego en todas as súas accións, nas súas actuacións administrativas, na documentación, na comunicación social e nas relacións coa cidadanía e con todas as entidades situadas en Galicia, así como con aqueloutras que admitan o galego para as actuacións administrativas.
4. As cidadás e os cidadáns, nas súas relacións co Concello de Carnota e cos organismos, as entidades e as empresas vinculadas ou dependentes del empregarán a lingua que elixan, conforme ao disposto no ordenamento xurídico.
Cando, no seo dun procedemento administrativo cunha pluralidade de persoas interesadas, se dea discrepancia entre estas respecto da lingua a empregar, o uso da lingua axustarase ao previsto na lexislación autonómica de Galicia.
5. As cidadás e os cidadáns teñen dereito a seren atendidas/os en galego e a obteren ou recibiren toda a documentación e as notificacións municipais en lingua galega.
6. Todas as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia.
CAPÍTULO III. Atención ao público
Artigo 4
1. Todos os servizos de todas as unidades administrativas que teñan relación co público practicarán a oferta positiva en lingua galega e, por tanto, fomentarán o uso do idioma galego mediante a súa utilización como lingua de comunicación de entrada, tanto oral como escrita.
2. Na atención ao público mediante mecanismos automáticos, tales como contestadores ou outros medios telefónicos ou informáticos, usarase por defecto e de entrada o galego. Cando se compren, contraten e/ou programen novos mecanismos automáticos, especificarase e concretarase nos documentos correspondentes (pregos, acordos, contratos, etc.) este criterio de uso da lingua galega por defecto e de entrada.
3. O disposto no presente artigo tamén é de aplicación para as empresas ou entidades que presten servizos públicos municipais por concesión, arrendamento, concerto ou contrato.
CAPÍTULO IV. Actuación e documentación administrativa
Artigo 5
1. Como criterio xeral, todas as actuacións do Concello realizaranse en galego, sen prexuízo de que, cando legalmente sexa requisito, ademais de en galego, tamén se fagan noutra(s) lingua(s).
2. Será redactada en lingua galega, cando menos, a seguinte documentación administrativa:
a) As convocatorias de sesións de todos os órganos do Concello de Carnota, así como as ordes do día, as mocións, os votos particulares, as propostas de acordo, os ditames das comisións informativas, os rogos, as preguntas e as actas dos citados órganos municipais.
b) As resolucións de todos os órganos municipais.
c) Toda a documentación xerada polo Concello de Carnota que forme parte dos expedientes administrativos que teñan que someterse á decisión ou ao coñecemento dos ditos órganos.
d) As actas e os acordos de todos os órganos dos consellos e entidades con personalidade xurídica dependentes do Concello de Carnota.
e) As notificacións, os recursos, as escrituras públicas e, en xeral, todos os actos administrativos ou de carácter público que se realicen por escrito en nome do Concello de Carnota ou dos organismos que dependen del e que teñan efecto no territorio da comunidade autónoma.
3. Todos os modelos de documentación do Concello de Carnota serán elaborados e difundidos de entrada e prioritariamente en galego e, verbo disto, nos plans e procesos de informatización e racionalización administrativa, deberase ter presente o que establece este artigo, sen que isto signifique que en casos específicos non se poida incorporar tamén a outra lingua oficial para cando unha persoa o poida requirir expresamente.
Artigo 6
Sen prexuízo do que para os rexistros públicos establece o artigo 9 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, nos rexistros administrativos do Concello de Carnota e das entidades e os organismos dependentes del, os asentos faranse en galego, independentemente da lingua na que estean escritos.
CAPÍTULO V. Publicacións, accións informativas e formativas e actividades públicas
Artigo 7
1. Os anuncios oficiais do Concello de Carnota que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e no Diario Oficial de Galicia serán redactados e publicados en galego. Farase o mesmo no caso dos anuncios propios de calquera procedemento administrativo que sexan publicados en calquera outro medio. Cando legalmente sexa requisito, incorporarase tamén a tradución a outra(s) lingua(s) do orixinal en lingua galega.
2. As publicacións que edite o Concello de Carnota, teñan ou non carácter periódico e xa sexan en papel ou dixitais, realizaranse en lingua galega, sen prexuízo de que poidan conter traducións noutras linguas cando o público obxectivo da edición poida situarse fóra da área lingüística galega.
3. Ás publicacións editadas por outras entidades públicas ou privadas nas que colabore o Concello de Carnota e que teñan difusión en Galicia, aplicaránselles os mesmos criterios definidos no apartado 2 deste artigo. Deberase facer referencia explícita a este requisito nos acordos, convenios, contratos, convocatorias de subvencións ou calquera outro instrumento mediante o que se formalice a colaboración.
Artigo 8
1. As campañas publicitarias do Concello de Carnota e de promoción de todas as súas actividades, en calquera soporte, faranse en galego.
2. Na contratación de publicidade, o Concello de Carnota terá en conta os medios de comunicación en distintos soportes que usan o galego.
3. As campañas publicitarias e de promoción de actividades (cursos, xornadas, conferencias, festas, festivais, espectáculos, campamentos, actividades deportivas, campionatos, etc.) doutras entidades nas que dalgún xeito colabore o Concello de Carnota, en calquera soporte, faranse en galego. Deberase facer referencia explícita a este requisito nos acordos, convenios, contratos, convocatorias de subvencións ou calquera outro instrumento mediante o que se formalice a colaboración.
4. A publicidade que se difunda nas instalacións e medios cuxo titular sexa o Concello de Carnota deberá ser redactada en galego.
5. Todo o anterior considerarase sen prexuízo de que, puntualmente, tamén se poidan empregar outras linguas cando o público obxectivo da acción publicitaria pertenza a outras comunidades de fóra da área lingüística galega.
Artigo 9
1. As accións formativas organizadas polo Concello de Carnota desenvolveranse principalmente en lingua galega.
2. A formación puntual e a actividade xeral ofertada regularmente polo Concello de Carnota nos seus centros, entidades ou organismos dependentes desenvolverase utilizando normalmente o galego como lingua de comunicación. Terase en conta o establecido neste apartado e farase referencia explícita ao seu contido nos seguintes casos:
a) Na contratación do persoal para os distintos centros, entidades ou organismos.
b) Na organización de actividades nos distintos centros, entidades ou organismos.
c) Na contratación de empresas.
d) Nos regulamentos ou estatutos dos distintos centros, entidades ou organismos, se os houber.
3. Para que o Concello de Carnota colabore en accións informativas ou formativas organizadas por outras entidades, será requisito que estas se desenvolvan, en xeral, en lingua galega. Este requisito transmitiráselles ás entidades organizadoras e constará de forma explícita nos acordos, convenios, contratos, convocatorias de subvencións ou calquera outro instrumento mediante o que, de ser o caso, se formalice a colaboración.
Artigo 10
1. As persoa integrantes da Corporación municipal expresaranse en lingua galega nos actos que teñan lugar no ámbito lingüístico galego, cando interveñan representando o Concello de Carnota en virtude do seu cargo.
2. Todas as actividades comunicativas, divulgativas, culturais, deportivas e outras (intervencións públicas, conferencias, coloquios, xornadas, congresos, espectáculos, festivais, eventos culturais, campionatos, eventos deportivos, campamentos, etc.) organizadas polo Concello de Carnota, desenvolveranse, en xeral, en lingua galega.
3. Para que o Concello de Carnota colabore en actividades comunicativas, culturais, deportivas, divulgativas e outras (intervencións públicas, conferencias, coloquios, xornadas, congresos, espectáculos, festivais, eventos culturais, campionatos, eventos deportivos, campamentos, etc.) organizadas por outras entidades, valorarase especialmente que estas se desenvolvan en lingua galega. Este aspecto transmitiráselles ás entidades organizadoras e constará de forma explícita nos acordos, convenios, contratos, convocatorias de subvencións ou calquera outro instrumento mediante o que, de ser o caso, se formalice a colaboración.
Artigo 11
O Servizo de Normalización Lingüística (SNL) revisará os textos en lingua galega con alto valor divulgativo que vaian ser difundidos polo Concello de Carnota en calquera medio ou soporte (diarios oficiais, xornais, revistas, carteis, follas informativas, folletos e outros que se consideren relevantes).
CAPÍTULO VI. Compra de bens e materiais, encargo e contratación de servizos e relacións coas empresas privadas
Artigo 12
1. Para as adquisicións de bens e materiais de todo tipo que realice o Concello de Carnota, estableceranse criterios coa finalidade de procurar que os bens e materiais obxecto de adquisición estean en galego, tanto na súa etiquetaxe como na súa configuración, uso, etc. (programas e equipos informáticos, aparellos telefónicos, material funxible, etc.). Isto especificarase e concretarase, cando os houber, nos acordos, contratos e pregos correspondentes.
2. Para a contratación da prestación de servizos do Concello de Carnota en calquera das categorías establecidas legalmente, especificarase de xeito explícito que estes deberán ser prestados en galego, agás nos casos en que, pola natureza do servizo, deban ofrecerse tamén noutra(s) lingua(s). Ademais, poderanse establecer criterios para que os materiais, de os haber, estean en galego. Todo isto especificarase e concretarase, cando os houber, nos acordos, contratos e pregos correspondentes.
3. Os contratistas disporán, cando así o soliciten, dos pregos de cláusulas administrativas e de prescricións técnicas en castelán.
4. O establecido neste artigo en ningún caso poderá ser causa de exclusión dos licitadores nos procesos de contratación.
Artigo 13
1. Os documentos públicos ou contractuais subscritos polo Concello de Carnota con empresas privadas, particulares ou persoas xurídicas serán redactados en galego. Cando a súa finalidade o esixa, poderá facerse tamén unha copia traducida a outra(s) lingua(s), na que constará que é tradución do seu orixinal en galego.
2. Os estudos, proxectos, informes, documentos e traballos análogos resultantes dunha relación contractual entre o Concello de Carnota e unha persoa física ou xurídica privada serán redactados e entregados en galego. Este requisito farase explícito nas convocatorias, nos pregos de condicións ou nas solicitudes dos ditos traballos.
3. O Concello de Carnota proporá e animará as empresas contratantes e provedoras a usaren o galego na súa documentación e comunicación. Nos pregos de condicións correspondentes, constará explicitamente que deberán usar o galego nos bens e nos servizos que sexan obxecto de contrato co Concello de Carnota.
CAPÍTULO VII. Sinalización e rotulación
Artigo 14
1. A sinalización, os indicadores e os rótulos que se utilicen nos lugares e espazos públicos, nas rúas e na rede viaria municipal estarán en galego e respectarán a toponimia oficial, de acordo coa lei. O mesmo acontecerá coa sinalización, os indicadores e os rótulos que se empreguen nos inmobles e nas dependencias do Concello de Carnota e das entidades e os organismos aos que se refire o artigo 2 desta ordenanza.
Tamén estarán en galego e respectarán a toponimia oficial as razóns sociais e as denominacións oficiais de todas as sociedades, entidades ou entes dependentes do Concello de Carnota.
2. Todos os vehículos do parque móbil municipal, incluídos os da Policía Local, así como os das entidades e os organismos aos que se refire o artigo 2 desta ordenanza, levarán os seus rótulos en galego. Isto mesmo será de aplicación para o parque móbil das empresas adxudicatarias ou concesionarias, e así se establecerá nos pregos de condicións correspondentes.
3. Os rótulos dos uniformes e doutro tipo de vestimenta ou material de traballo do persoal do Concello de Carnota e das entidades sinaladas no artigo 2 desta ordenanza, así como das empresas adxudicatarias ou concesionarias, estarán en lingua galega.
4. Cando a normativa ou o interese xeral o requiran, a rotulación e os elementos de sinalización aos que se refiren os apartados anteriores deste artigo poderán incorporar tamén outras linguas.
5. En calquera caso, os textos da rotulación e dos elementos de sinalización aos que se refire este artigo deben ser revisados polo SNL con carácter previo á súa impresión ou materialización nos correspondentes soportes.
CAPÍTULO VIII. Relacións con outras administracións
Artigo 15
1. As comunicacións do Concello de Carnota que se dirixan a calquera das administracións públicas de ámbito territorial galego redactaranse en lingua galega.
2. As comunicacións do Concello de Carnota que se dirixan á Administración xeral e periférica, de xustiza ou militar do Estado español dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia redactaranse en lingua galega.
3. As comunicacións do Concello de Carnota que se dirixan a calquera das administracións públicas fóra da Comunidade Autónoma de Galicia serán bilingües (galego-castelán).
Artigo 16
1. A documentación do Concello de Carnota dirixida ás administracións públicas fóra do ámbito lingüístico galego redactaranse en lingua galega e farase unha copia en castelán e/ou noutras linguas que procedan, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción da documentación.
2. As copias de documentos do Concello de Carnota redactados en galego que sexan solicitados por administracións públicas de fóra do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia tramitaranse en lingua galega. Achegarase con elas unha tradución á lingua ou linguas ás que legalmente proceda, tendo en conta o ámbito lingüístico de recepción dos documentos.
Artigo 17
Con respecto aos documentos dirixidos directamente a persoas xurídicas distintas das administracións públicas, o Concello de Carnota aterase ao que estipulan as disposicións legais vixentes e procurará redactalos en galego, sempre que sexa posible.
CAPÍTULO IX. Persoal ao servizo da Administración
Artigo 18
1. De acordo coa lexislación vixente aplicable, o persoal ao servizo do Concello de Carnota e das entidades e os organismos dependentes del coñecerá suficientemente a lingua galega e estará en condicións de empregala correctamente no desenvolvemento do seu traballo, tanto oralmente como por escrito.
2. Para acadar o obxectivo previsto no apartado 1 deste artigo, establécense as seguintes regras xerais:
a) Nos procedementos de selección de persoal incluirase unha proba de lingua galega que demostre a capacitación para o desenvolvemento do traballo neste idioma. A proba adecuarase sempre ao nivel e contido das prazas convocadas e, de acordo coas funcións do posto de traballo, poderá ser oral e/ou escrita.
O Concello de Carnota establecerá nas bases reguladoras dos procesos selectivos o nivel de coñecemento da lingua galega que deberán acreditar as persoas aspirantes. O SNL asesorará a entidade para determinar o perfil lingüístico de cada posto.
b) Nos temarios e nas probas dos procesos de selección de persoal deberase incluír explicitamente contido relativo á lexislación aplicable ao uso da lingua galega no Concello de Carnota, co fin de avaliar o seu coñecemento por parte das persoas candidatas.
c) Nos procedementos de provisión de postos de traballo e promoción profesional a acreditación do coñecemento da lingua galega, ademais de ser un requisito, terá a consideración de mérito puntuable, sempre que haxa concurso, conforme o baremo que se estableza en cada caso. O dito baremo será adecuado ao posto de traballo e incluirá as acreditacións Celga e/ou e os títulos oficiais de linguaxes específicas (administrativa, xurídica, etc.).
d) Terase en conta o persoal técnico do SNL para formar parte dos tribunais, ben como membro, ben como asesor, co obxecto de avaliar o coñecemento do idioma galego nos procedementos de selección de persoal, provisión de postos de traballo e promoción profesional e mais para colaborar na elaboración das bases e probas correspondentes.
e) As probas dos procesos de selección e promoción profesional redactaranse en lingua galega e distribuiranse así por defecto a todas as persoas candidatas. Terase ao dispor de quen o solicite con antelación unha copia das probas na outra lingua oficial. Con independencia do idioma no que estean confeccionadas as probas, as persoas candidatas poderán realizas en calquera das linguas oficiais.
f) O persoal do Concello de Carnota que no momento da entrada en vigor desta ordenanza non estea capacitado para desenvolver correctamente o seu traballo en lingua galega deberá adquirir a dita capacidade.
Para tal efecto, o Servizo de Normalización Lingüística, en colaboración co departamento responsable da formación do persoal e con outras administracións e entidades, desenvolverá programas formativos para que todo o persoal que careza dos coñecementos necesarios para exercer as súas funcións en galego poida adquirilos o antes posible.
CAPÍTULO X. Toponimia, nomes de rúas, edificios e outras localizacións
Artigo 19
1. A única forma oficial dos topónimos do termo municipal de Carnota é a galega, conforme o disposto no artigo 10 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística.
2. O Concello de Carnota e todas as entidades e os organismos dependentes del empregarán sempre as formas dos topónimos establecidas legalmente. O Concello de Carnota velará polo uso correcto da toponimia en toda a documentación que xere e publique, así como na publicidade que contrate e na súa presenza na Rede (Internet).
3. Consonte o disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que recoñece a toponimia tradicional como ben do patrimonio cultural inmaterial, valor identitario e instrumento para a concreción da denominación xeográfica dos pobos e dos seus bens, o Concello de Carnota, no ámbito das súas competencias, protexerá, difundirá e fomentará o valor cultural da toponimia propia, promoverá a recuperación, o coñecemento e o uso da dos topónimos do territorio municipal e preservará as formas tradicionais dos nomes dos lugares.
4. O Concello de Carnota demandaralles a todas as entidades beneficiarias de calquera tipo de subvención, axuda, colaboración ou contrato o uso correcto da toponimia.
Artigo 20
1. Para lles dar nome ás rúas, prazas, edificios, etc. de titularidade pública no concello de Carnota, teranse en conta os seguintes criterios, establecidos en 2002 pola Comisión de Toponimia, órgano de estudo, asesoramento e consulta da Xunta de Galicia:
a) Na denominación oficial das diferentes realidades xeográficas (entidades de poboación, urbanizacións, prazas, rúas, complexos urbanísticos, bloques de edificios, etc.), ha de preferirse sempre un topónimo tradicional antes que fórmulas de nova invención.
b) No caso de realidades xeográficas de nova creación, realizarase un inventario das denominacións tradicionais do territorio afectado e empregaranse nomes tomados dese repertorio para a denominación oficial das novas realidades.
c) Cando nunha área determinada os topónimos tradicionais superan en número as novas realidades xeográficas creadas, de preferencia deben preservarse os topónimos de maior interese histórico, arqueolóxico ou filolóxico.
d) Só se empregará o recurso á imposición de ¿topónimos honoríficos¿ (nomes de persoas ou institucións, de conceptos abstractos, de cidades ou países, etc.) en casos en que a nova denominación non sepulte un topónimo tradicional.
2. Consonte o disposto artigo 69.6 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o Concello de Carnota, no que se refire á protección da toponimia, inspirará as súas actuacións nas indicacións e recomendacións dos organismos internacionais. De acordo con isto, no suposto de ter que optar por un topónimo honorífico ou conmemorativo, o Concello de Carnota terá en conta as resolucións das conferencias da Organización das Nacións Unidas (ONU) sobre a normalización dos nomes xeográficos.
CAPÍTULO XI. Impulso institucional do idioma galego
Artigo 21
1. De acordo co establecido no artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, o Concello de Carnota fomentará o uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, asociativas, culturais, deportivas e outras dentro do ámbito municipal.
2. O Concello de Carnota poñerá paulatinamente en marcha programas dirixidos á poboación e ás entidades asociativas ou empresariais do municipio para conseguir a implicación progresiva de todos os colectivos no proceso de recuperación social da lingua galega e fomentará -co deseño e posta en marcha dos programas oportunos- o uso e prestixio do galego na transmisión interxeracional, na mocidade, nas novas tecnoloxías, no deporte, na creación e difusión cultural, no ámbito empresarial e comercial, na comunicación, na xustiza, no lecer, na educación, na sanidade e en calquera outro ámbito social de interrelación humana.
3. Todos os órganos do Concello de Carnota impulsarán a normalización lingüística no seu ámbito de actuación. O SNL asesorará a Corporación municipal nesta materia.
4. Valorarase como criterio positivo na concesión de subvencións e axudas que as iniciativas e actividades realizadas contribúan á normalización e ao incremento do uso e prestixio da lingua galega. Do mesmo xeito, a comunicación e a produción escrita e oral (publicacións, comunicacións, publicidade, cartelería, difusión en redes sociais, etc.) derivada de calquera actividade subvencionada polo Concello de Carnota deberá realizarse en lingua galega. Este requisito figurará de forma expresa nas bases reguladoras e nas convocatorias correspondentes.
5. O Concello de Carnota poderá outorgar subvencións para actuacións que procuren a normalización da lingua galega e o fomento do seu uso. Así mesmo, de acordo co disposto no artigo 25 da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, coa finalidade de fomentar a normalización do uso do galego nas actividades mercantís, publicitarias, culturais, asociativas, deportivas e outras, o Concello de Carnota poderá outorgar, por actos singulares, reducións ou exencións das obrigas fiscais.
CAPÍTULO XII. Calidade lingüística e linguaxe democrática e inclusiva
Artigo 22
1. En todos os textos, documentos e comunicacións do Concello de Carnota e das entidades e os organismos dependentes del coidaranse especialmente a calidade e a corrección lingüística, tendo en conta que os textos emitidos desde as administracións públicas adoitan ser interpretados como modelo de lingua.
2. Na documentación administrativa aplicaranse os criterios da linguaxe administrativa galega moderna e procurarase sempre a súa máxima calidade, democratización, personalización, claridade dos contidos (modernización das formas, concisión e precisión, sinxeleza e ordenación) e uniformidade.
3. En toda a comunicación e documentación do Concello de Carnota e das entidades e os organismos dependentes del usarase unha linguaxe democrática e inclusiva e, polo tanto, evitaranse as fórmulas sexistas e discriminatorias.
4. O Concello de Carnota velará para que, nos textos e comunicacións das accións doutras entidades nas que colabore ou participe ou que apoie, se sigan estes mesmos criterios de calidade lingüística e de linguaxe democrática e inclusiva.
CAPÍTULO XIII. O Servizo de Normalización Lingüística
Artigo 23
1. O Concello de Carnota contará cun Servizo de Normalización Lingüística estable e dotado con recursos económicos, materiais e humanos suficientes, que terá como principais obxectivos impulsar a normalización da lingua galega, incrementar o uso e prestixio social do galego no ámbito municipal e coordinar as accións necesarias para que se cumpra esta ordenanza.
2. As tarefas que desenvolva o SNL configuraranse en tres áreas: dinamización sociolingüística, formación sociolingüística e asesoramento lingüístico.
3. Son funcións propias do SNL as seguintes:
a) Xerais
1º Asesorar a administración municipal en todo o relacionado coa política lingüística.
2º Facer un seguimento do cumprimento da lexislación vixente en materia lingüística por parte da institución e velar para que se garantan os dereitos lingüísticos da cidadanía.
3º Informar sobre a conveniencia, oportunidade, método, etc. de incorporar accións con obxectivos normalizadores en programas ou accións do Concello de índole diversa e colaborar na súa especificación, deseño e materialización.
4º Emitir informes sobre a oportunidade, conveniencia, etc. de accións do Concello con respecto ao fomento do uso e prestixio da lingua galega.
5º Colaborar coa administración para determinar os perfís lingüísticos necesarios para cada un dos postos de traballo e colaborar nas probas e procesos selectivos para que se avalíen convenientemente os coñecementos lingüísticos das persoas aspirantes.
b) Dinamización sociolingüística
1º Fomentar o uso do galego no conxunto da sociedade.
2º Planificar, xestionar, executar e avaliar accións a prol da lingua galega seguindo as directrices de política lingüística do organismo.
3º Propoñer programas dinamizadores e accións concretas que conciencien a sociedade a respecto do uso e prestixio da lingua galega e que a impliquen no proceso normalizador.
4º Propiciar e xestionar liñas de información, colaboración, coordinación e axuda dirixidas á rede asociativa, empresarial, educativa, xuvenil, etc. para fomentar o uso e prestixio do galego.
c) Formación sociolingüística
1º Colaborar co departamento competente en materia de formación do Concello de Carnota para planificar, xestionar, coordinar e difundir a realización de cursos de lingua galega, xerais e específicos, tanto para o persoal da Administración como dirixidos a diferentes sectores sociais.
2º Difundir materiais que contribúan á tarefa normalizadora: información sobre dereitos lingüísticos, lexislación, recursos lingüísticos, etc.
3º Colaborar no deseño de programas de formación non lingüística para garantir a presenza do galego e de contidos favorables á mellora de actitudes lingüísticas.
d) Asesoramento lingüístico
1º Mellorar a calidade lingüística e comunicativa da Administración.
2º Normalizar a imaxe lingüística, fixar criterios lingüísticos para a organización e establecer modelos de documentos.
3º Revisar e validar lingüisticamente aqueles textos da entidade que vaian ter maior difusión, impacto ou permanencia (publicacións, carteis, folletos, rotulación e sinalización, etc.) para garantir a calidade lingüística e o uso dunha linguaxe moderna, democrática e inclusiva.
4º Resolver dúbidas lingüísticas.
Disposición final
A presente ordenanza entrará en vigor logo da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, de conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da dita lei.