Oroso - ORDENANZA DO CONCELLO DE OROSO PARA A PROTECCIÓN E CONSERVACIÓN DOS CAMIÑOS E VÍAS DE TITULARIDADE MUNICIPAL EN RELACIÓN COAS OPERACIÓNS DE CORTA E SACA DE MADEIRA

Publicación provisional: 05/02/2026 BOP Nº: 24
Publicación definitiva: 01/04/2026 BOP Nº: 61
Aplicable dende: 24/04/2026

Introducción

O artigo 25.2.d) da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local considera como competencia propia dos Concellos as infraestruturas viarias e os outros equipamentos da súa titularidade. Pola súa parte o artigo 26 da mesma norma establece como un servizo de prestación obrigatoria en todos os municipios o acceso aos núcleos de poboación e a pavimentación das vías públicas.

A nosa lexislación recoñece a obriga das Administracións de manter en axeitado estado de conservación das estradas e camiños da súa titularidade, e así se desprende do previsto no artigo 9.2 da Lei 8/2013, de 28 de xuño de estradas de Galicia, cando establece que: ¿a administración titular da estrada é responsable do servizo público viario, así como do debido exercicio das facultades e prerrogativas que lle recoñece a presente lei¿ e igualmente do establecido no artigo 33 da mesma norma que no seu punto 1 e 2 establece que: ¿ a explotación do dominio público viario comprende as operacións de conservación e mantemento, así como todas as accións encamiñadas á súa defensa, mellor uso e aproveitamento.

A conservación e mantemento do dominio público viario comprende as actividades necesarias para preservar o estado dos seus bens e manter a viabilidade da rede de estradas.¿ Finalmente o artigo 57 do Real Decreto Lexislativo 6/2015, de 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos a Motor e Seguridade Vial, insiste na mesma idea ao establecer: ¿corresponde ao titular da vía a responsabilidade do mantemento da mesma nas mellores condicións posibles de seguridade para a circulación, e da instalación e conservación nela das axeitadas sinais e marcas viais.¿

No concello de Oroso a actividade de corta de madeira e saca de madeira nas fincas particulares ten gran importancia e afecta a unha parte importante do municipio que está cuberta de especies forestais. Dita actividade debe facerse de xeito compatible coa protección e defensa das infraestruturas viarias municipais evitando o seu deterioro en detrimento dos restantes usuarios das mesmas.

Esta ordenanza ten como obxectivo velar pola conservación dos camiños e vías públicas municipais, en relación cos danos e desperfectos que se lles pode ocasionar como consecuencia das operacións de saca de madeira, que comprenden todas as operacións preparatorias da corta de madeira e as posteriores. Simultaneamente preténdese protexer ás persoas, vivendas e outras edificacións fronte aos incendios forestais, para o que resulta imprescindible que as vías de acceso ás zonas forestais se encontren en perfecto estado. O uso dos camiños e das vías públicas municipais é un dereito dos veciños e mantelos en condicións óptimas esixe dunha intervención administrativa que regule as condicións nas que se deben de realizar as operacións de saca de madeira nos montes e parcelas do municipio, tanto públicos como especialmente privados, xa que estas actividades poden causar danos e desperfectos nos camiños.

Esta ordenanza dítase ao abeiro do disposto nos artigos 25.2.d) e 27.3.b), 68.1, e 139 e concordantes da Lei 7/1985, do 2 de abril, da Lei de Bases de Réxime Local; o artigo 80.2. a), d), f) da Lei 5/1997, de administración local de Galicia; os artigos 74 a 77, e concordantes, do Real decreto 1372/1986, do 13 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de Bens das Entidades Locais. Ademais, o Decreto 66/2016, do 26 de maio, polo que se aproba o Regulamento xeral de estradas de Galicia e desenvolve a Lei de Estradas de Galicia, avala a capacidade do titular das estradas para exercer as facultades e prerrogativas que ostenta, entre elas a disposta no artigo 36 que lle permite impoñer de xeito motivado limitacións temporais ou permanentes á circulación en certos treitos daquela ou para determinados tipos de vehículos, nos supostos previstos na normativa en materia de circulación, e o artigo 47, que regula a posibilidade de someter ao deber de obter a correspondente autorización previa no caso de execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, correspóndelle á administración titular da estrada o seu outorgamento.

Por último debemos lembrar que o artigo 139 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora de Bases de Réxime Local establece a posibilidade de que para a axeitada ordenación das relacións de convivencia de interese local e do uso dos seus servizos, equipamentos, infraestruturas, instalacións e espazos públicos, os entes locais poderán, e defecto de normativa sectorial específica, establecer os tipos das infraccións e impoñer sancións polo incumprimento de deberes, prohibicións ou limitacións contidos nas correspondentes ordenanzas, de acordo cos criterios establecidos nos artigos seguintes, habilitando deste xeito ás Entidades Locais a establecer un réxime sancionador para os casos de incumprimento das ordenanzas municipais e facendo expresa mención á protección dos equipamentos, infraestruturas, instalacións e espazos públicos.

Artigo 1. Obxecto.

A presente Ordenanza ten por obxecto garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas rurais de titularidade municipal, regulando as condicións da utilización das vías e espazos públicos durante as tarefas de corta de plantacións e as operacións de extracción de madeira, depósito, carga e transporte de madeira procedente da tala.

Esta ordenanza afecta aos actos que se desenvolvan e que teñan por obxecto a obtención de madeira e o seu transporte, as operacións preparatorias da corta, os desprazamentos de vehículos e maquinaria, a construción de ramplas de acceso aos terreos, os depósitos de madeira, o transporte da madeira así como calquera outra relacionada coa actividade forestal na medida de que afecten ou poidan potencialmente afectar ao dominio público municipal.

Artigo 2. Requisitos para as operacións de corta e saca de madeira.

1. Para garantir a preservación do medio ambiente e a conservación dos camiños e pistas municipais, e sen prexuízo da necesaria obtención doutros permisos ou autorizacións, que, conforme á normativa vixente, sexan necesarios, establécese a obrigatoriedade da comunicación previa da corta e saca de madeira en plantacións forestais deste concello cun volume estimado superior a 20 m3 ou cunha superficie catastral da parcela sobre a que se sitúe a que se vai a realizar a corte e saca superior a 600 m2 que se produza neste termo municipal ou, producíndose a corta total ou parcialmente noutro termo municipal, cando a madeira sexa transportada, en todo ou en parte, por vías municipais do Concello.

2. A comunicación previa será efectuada pola persoa física ou xurídica responsable da corta preferiblemente de xeito electrónico a través da sede electrónica do Concello ( https://sede.oroso.gal/sxc/gl/) ou a través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. En todo caso, todas aquelas persoas que estean obrigadas a relacionarse de xeito electrónico coas Administracións so poderá presentar a comunicación deste xeito.

3.-A comunicación previa terá que presentarse no modelo que figura como Anexo I da presente ordenanza e en todo caso deberá figurar a seguinte información e documentación:

a) Datos identificativos da empresa madeireira: denominación, número de NIF, enderezo, teléfono e nome e apelidos da persoa física encargada ou responsable da empresa así como dirección electrónica habilitada. No caso de ser persoa física deberá indicar o nome e apelidos, número de DNI ou documento equivalente, enderezo postal a efectos de notificacións, teléfono e dirección electrónica habilitada no caso de que decida relacionarse de xeito electrónico co Concello.

b) Especie de madeira/s obxecto da corta.

c) Superficie catastral da/s parcela/s na que se vai realizar a corta e volume de madeira que se prevé extraer.

d) Nome das fincas ou montes afectados, lugar ou sitio e parroquia.

e) Identificación/s catastral descritiva e gráfica da/s finca/s ou monte/s afectado/s (polígono/s e parcela/s).

f) Datas previstas de inicio e remate dos traballos.

g) Lugar onde se depositará a madeira á espera da súa carga.

h) Estradas ou vías de comunicación que se pretenden utilizar para o transporte da madeira.

i) Vehículos e maquinaria a utilizar nas operacións de corta e saca:

j) Sistema previsto para a limpeza das vías públicas afectadas polas operacións de corta e saca de madeira.

h) Copia do seguro de responsabilidade civil ou calquera outro similar da empresa madeireira que cubra os eventuais danos e prexuízos que poidan causarse con ocasión da corta e saca de madeira, así como do último recibo pagado, acreditativo de que o dito seguro está vixente no momento de realizarse as ditas operacións.

4. A comunicación previa deberá presentarse, como mínimo, cun período de antelación de 15 días hábiles ao inicio dos traballos. Durante este prazo os servizos municipais poderán comprobar o estado inicial do viario que vai ser utilizado pola empresa, a existencia ou non nesas vías de servizos municipais soterrados que se deban protexer, etc. A realización de requirimentos de subsanación por parte do Concello interromperá o prazo o prazo de 15 días para o inicio dos traballos.

5. A eficacia da comunicación previa presentada poderá estar suxeita ás restricións temporais ou condicións técnicas motivadas que decida o Concello e que deberán ser comunicadas ao interesado antes do inicio das operacións forestais comunicadas. Igualmente, o Concello poderá declarar a prohibición de acceso por vías de terra ou moi deterioradas especialmente nos meses de inverno.

6. O Concello de Oroso como titular das vías poderá declarar a ineficacia das comunicacións previas presentadas por aquelas persoas, físicas ou xurídicas, que, como consecuencia de traballos anteriores, cometesen infraccións contra a presente ordenanza e estean pendentes de reparar danos ou de resarcir ao concello; ou aqueles que teñan pendente o pagamento dalgunha sanción recollida nesta ordenanza. Esta limitación faise extensiva a aquelas empresas que participasen nos traballos e sexan susceptibles de ser responsables do pagamento dos danos.

7. Exceptuase de todo o descrito anteriormente, e, polo tanto, do disposto na presente ordenanza, a realización de cortas para usos propios domésticos, entendendo como tales os que non teñan fins comerciais e teñan un volume máximo de 20 m3 ou unha superficie máxima da parcela sobre a que se vai a realizar a corta e saca de 600 m2.

8. O Concello terá a disposición das persoas interesadas un modelo normalizado de escrito de comunicación previa, tal e como se recolle no Anexo I.

Artigo 3. Responsables.

1. A empresa madeireira ou a persoa ou persoas que leven a cabo as actuacións forestais serán responsable directamente de todos os danos e prexuízos a persoas e bens que se produzan ou ocasionen con motivo da corta, depósito e transporte da madeira, debendo reparar o dano causado. O Concello de Oroso velará especialmente para que as ditas operacións de corta e saca de madeira non ocasionen danos nas vías públicas municipais e estas queden en axeitado estado de conservación, limpeza e seguridade.

2. A obriga recollida no punto anterior será esixible non só polos actos ou omisións propios, senón tamén polos cometidos por calquera persoa que, sen ser empregada ou traballadora da empresa madeireira, interveña nas operacións de corta e saca de madeira por conta, consentimento ou aquiescencia da empresa madeireira, e, en xeral, polos cometidos por aquelas persoas de quen deba responder.

3. Os propietarios dos terreos onde se leven a cabo as cortas, depósitos ou almacenamento serán responsables solidarios xunto coas empresas ou persoas que leven a cabo os traballos forestais do cumprimento de todas as obrigas previstas na presente ordenanza e/ou das sancións que se poidan impoñer. Especialmente, pero non de xeito excluínte, responderán nos supostos nos que se descoñeza ou resulte imposible identificar ou localizar á empresa madeireira ou persoas que levaron a cabo as actividades forestais reguladas na presente ordenanza.

Artigo 4. Obrigas.

1.-A empresa madeireira ou persoas responsables estarán obrigados a asumir os custes da reparación dos estragos producidos nas vías, nas estruturas anexas ou noutros elementos do dominio público local. Cando dita reparación non resultase posible estarán obrigadas á indemnizar ao Concello polos danos causados.

2. A empresa madeireira ou persoas responsables, fican obrigados á limpeza e retirada dos residuos da corta de madeira, de xeito que as pistas, camiños ou espazos públicos queden en todo momento no mesmo estado de limpeza e conservación que tiñan antes de levarse a cabo as operacións de corta e saca de madeira. A obriga de limpeza deberá cumprirse todos os días ao final da xornada de traballo.

3. Os depósitos de rolla, pólas, podalla ou demais restos non poderán invadir as zonas de circulación viaria, nin menoscabar a funcionalidade das cunetas, gabias, canalizacións, pontellas ou calquera outra infraestrutura auxiliar ou anexa ós camiños ou vías, de cara a evitar riscos para as persoas usuarias.

4. Prohíbese que os refugallos que non sexan estritamente vexetais fiquen ou se depositen no monte, vías ou lugares non autorizados. Os residuos asimilables ós urbanos seleccionaranse e depositaranse no contedor municipal adecuado. Os residuos industriais, especialmente, aceites usados, entregaranse a un xestor autorizado de residuos.

5. As empresas madeireiras e as persoas responsables e/ou as persoas propietarias dos montes tratarán os restos forestais de maneira que minimicen o risco de incendio, dando prioridade aos tratamentos que supoñan a incorporación dos ditos restos ao ciclo produtivo agroforestal ou ao aproveitamento de biomasa forestal residual nas súas distintas variantes.

6. A empresa madeireira ou persoas responsables estarán obrigados a sinalizar as vías situadas nas zonas de extracción e depósito de madeira conforme ao establecido na normativa vixente en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria.

7. Prohíbese o uso das vías públicas para almacén ou depósito irregular da madeira.

8. A empresa madeireira deberá derrubar e repor ao seu estado anterior as ramplas abertas para facilitar o acceso ao terreo ou ao monte, co obxecto de que, cando chova, a auga e a terra arrastrada non asolague e cause danos nas pistas ou camiños municipais.

9. As limpezas e retiradas de residuos, por esixencias da seguridade vial, deberán realizarse de xeito inmediato ao obxecto de evitar accidentes de tráfico no vial público. Diariamente, cando a empresa madeireira remate as tarefas de limpeza, deberá avisar ao concello de xeito telefónico ou vía e-mail nos números e enderezos que se designen ao obxecto de que polos servizos municipais se poida levar a cabo a comprobación das mesmas. En caso de incumprimento das tarefas de limpeza, as mesmas serán realizadas de xeito inmediato polo concello e o custo será sufragado pola empresa madeireira ou persoas responsables

10. As reparacións deberanse realizar nun prazo máximo de 48 horas a partir da retirada da madeira. Transcorrido dito prazo, as reparacións serán realizadas polo concello e o custo será sufragado pola empresa madeireira ou persoas responsables.

11. A Policía Local estará facultada para adoitar as medidas de carácter provisional que estimen necesarias, incluído o decomiso ou precinto tanto de maquinaria como de material forestal para evitar que se continúe a causar un dano que se poida estimar como grave para as persoas ou as infraestruturas públicas. O Alcalde da corporación no prazo máximo de 5 días deberá confirmar, modificar ou deixar sen efecto as ditas medidas.

12. As presentes obrigas será complementarias das restantes obrigas que lle veñan impostas pola lexislación vixente en cada momento.

Artigo 5. Infraccións.

1. Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nesta.

A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición aos responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar aos prexudicados polos danos derivados da súa comisión ou da reposición dos elementos danados ao seu estado orixinal.

2. As infraccións a esta ordenanza cualifícanse en moi graves, graves e leves.

3. Constitúen infraccións moi graves:

a) Non presentar, no prazo que se lle indique, o escrito de posta en coñecemento, unha vez requirido para iso polo Concello.

b) Deixar as vías municipais nun estado de sucidade que supoña unha situación de risco para a seguridade viaria, segundo o informe municipal emitido para o caso.

c) Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor superior a 6.000,00 €.

d) Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas graves firmes na vía administrativa

4. Son infraccións graves:

a) Non presentar o escrito de comunicación previa.

b) Deixar as vías municipais en deficiente estado de sucidade, segundo o informe municipal emitido para o caso.

c) Causar danos nas estradas, pistas, camiños ou noutros elementos do dominio público local por valor inferior a 6.000,00 €.

d) Non demoler ou non repor ao seu estado orixinal as ramplas ou accesos que se abriran para acceso aos terreos forestais.

e) Cometer, nun prazo dun ano, dúas faltas leves, firmes na vía administrativa.

5. Considéranse infraccións leves calquera outro incumprimento desta ordenanza que non estea cualificado como moi grave ou grave e cuxa sanción corresponda ao Concello.

Artigo 6. Prescrición das Infraccións

1. As infraccións previstas na presente ordenanza prescribirán nos seguintes prazos:

a) as infraccións moi graves, aos tres anos.

b) as infraccións graves, aos dous anos.

c) as infraccións leves, aos seis meses.

2. O prazo de prescrición comezará a contar desde o día en que a infracción se houbera cometido.

3. Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da parte interesada, do procedemento sancionador, reanudándose o prazo de prescrición se o expediente sancionador estivera paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á parte presuntamente responsable.

Artigo 7. Sancións.

As infraccións á presente ordenanza serán sancionadas do seguinte xeito:

a) As leves, con multa de 600,00 euros a 750,00 euros.

b) As graves, con multa de 750,01 euros a 1.500,00 euros.

c) As moi graves, con multa de 1.500,00 euros a 3.000,00 euros.

2.- Gradación das sancións. Para a gradación das multas atenderase:

a) á natureza do risco ou dano ocasionado.

b) á súa repercusión e transcendencia polo que respecta ó prexuízo causado.

c) o custo de restitución.

d) a existencia de intencionalidade ou reiteración na comisión de infraccións a esta ordenanza.

e) o retraso inxustificado na reparación dos elementos danados.

Artigo 8. Procedemento.

1.-Os procedementos iniciaranse de oficio por acordo do órgano competente, ben por propia iniciativa, a petición razoada de outros órganos o por denuncia.

2.-O exercicio da potestade sancionadora prevista nesta ordenanza requirirá a incoación e instrución do correspondente expediente administrativo de conformidade co disposto na Lei 39/2015, de 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas e nos artigos 25 a 31 da Lei 40/2015, de 1 de outubro, do Réxime Xurídico do Sector Público ou a normativa que a substitúa.

3.-Atribúese á Policía Local a competencia para denunciar os procedementos sancionadores derivados dos incumprimentos da presente ordenanza.

A instrución dos mesmos levarase a cabo por un funcionario de carreira do Concello de Oroso.

4.-As multas e sancións impostas ao amparo da presente ordenanza reduciranse na súa contía nun 50% no caso de seren aboadas no prazo de 15 días a partir da notificación da multa ou sanción, e se a persoa infractora mostra por escrito a súa conformidade con estas, e renuncia expresamente ao exercicio de toda acción de impugnación no citado prazo.

5.-O pagamento das multas poderase esixir pola vía administrativa de constrinximento, sen prexuízo da esixencia, se for o caso, das correspondentes responsabilidades civís e penais.

6.-As sancións serán independentes da reparación do dano causado e da indemnización de danos e perdas a que houber lugar.

7.A resolución do expediente sancionador corresponderá á Alcaldía ou quen teña a competencia delegada.

Artigo 9. Obriga de repoñer e indemnizar os danos.

1. Sen prexuízo da sanción administrativa que se impuxera, quen infrinxa a presente ordenanza terá a obriga de repoñer e restaurar as cosas ao ser e estado anteriores a infracción cometida e dos danos e prexuízos causados, na forma e condicións establecidas polo órgano competente.

A tal fin, por parte do órgano competente da corporación se lle requirirá á persoa ou persoas responsables concedéndoselle un prazo razoable para que proceda á reposición dos elementos danados prazo durante o cal tamén se poderán formular as alegacións que se estimen oportunas. Transcorrido dito prazo se non se tiveran reposto os danos por parte do Concello se procederá a comunicar a execución subsidiaria comunicándolle o custo estimado de dita execución e concedéndolle un prazo de dez días para formular cantas alegacións se estimen oportunas. Finalmente resolverase polo órgano competente a execución subsidiaria dos traballos que serán repercutidos na persoa ou persoas responsables.

2.-No caso de que os elementos deteriorados non podan ser repostos ao seu estado orixinal estes serán valorados polos técnicos municipais e o seu importe será obxecto de reclamación á persoa ou persoas responsables, concedéndolles un prazo de 10 días para que formulen cantas alegacións estimen oportunas e transcorrido o cal se procederá a ditar resolución polo órgano competente.

3. A prescrición de infraccións e sancións non afectará á obriga de repoñer ou restaurar as cousas ao seu ser e estado primitivo, nin a de indemnizar polos danos e prexuízos causados.

Disposicións finais

1. A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e transcorra o prazo de quince días hábiles previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa.

2. A Alcaldía queda facultada para ditar cantas ordes ou instrucións resulten necesarias para a adecuada interpretación, desenvolvemento e aplicación desta ordenanza, incluída a posibilidade de introducir modificacións no Anexo I que acompaña á presente ordenanza.

Anexos

ANEXO I.

MODELO DE COMUNICACIÓN PREVIA DAS OPERACIÓNS PARA O CORTE E SACA DE MADEIRA.

CANLE DE NOTIFICACIÓN.

  Notificación Postal   Notificación telemática

DATOS DA PERSOA QUE PRESENTA

NIF........................

Nome..........................

Primeiro apelido............................

Segundo apelido.................................

Teléfono................................

Correo electrónico........................................

Domicilio de notificación......................................

Código Postal..........................

Concello....................................

Provincia................................

ACTUANDO

  Actuando en nome propio    Representando, en calidade de

Tipo de representación:..............................(posibles valores representante legal, titor/a legal, herdeiro/a legal, REA-Rexistro Electrónico de Apoderados, Outros, Certificado de representación. Xestoría).

Empregado/a de....................................

DATOS DO PROPIETARIO DA PARCELA

NIF........................

Nome..........................

Primeiro apelido............................

Segundo apelido.................................

Teléfono................................

Correo electrónico........................................

Domicilio de notificación......................................

Código Postal..........................

Concello....................................

Provincia................................

DATOS DO MADEIREIRO

NIF..............................

NOME OU RAZÓN SOCIAL DO MADEIREIRO.........................

NIF REPRESENTANTE.........................

NOME REPRESENTANTE..........................

APELIDOS REPRESENTANTE..............................

DIRECCIÓN...........................................

CONCELLO........................

PROVINCIA..............................

TELÉFONO...................................

CORREO ELECTRÓNICO..................................

 
DATAS TRABALLOS TALLA E EXTRACCIÓN.

Inicio..........................

Fin.............................

DATOS DE PARCELAS AFECTADAS (POLÍG/REF.CATASTRAIS)

...................

DATOS DE VEHÍCULOS QUE SE VAN A EMPREGAR (modelo e matrícula)

......................

DATOS DE ESPECIES E CANTIDADES A EXTRAER.

.....................

LUGARES PREVISTOS DEPÓSITO MADEIRA EN ESPERA

.....................

DOCUMENTACIÓN QUE SE XUNTA (imprescindible copia seguro responsabilidade civil).

DECLARO BAIXO A MIÑA RESPONSABILIDADE

1.-Que son certos cantos datos e manifestacións foron expostos na presente comunicación e na documentación que se achega.

2.-Que as actuacións que se detallan nesta comunicación previa cumpren coa normativa de aplicación neste concello.

3.-Que se obtiveron todas as autorizacións preceptivas necesarias para a actuación que se pretende.

DATA E SINATURA

En ............................................., a ..............de............................de 20.........

Asinado.

Informámoslle de que os datos facilitados serán tratados pola Entidade Local coa finalidade de poder atender a súa solicitude. A lexitimación para o tratamento dos datos de contacto e os que figuran na solicitude é o cumprimento dunha obrigación legal e aqueloutra que figure para esta actividade de tratamento no RAT desta Administración. Os datos poderán ser comunicados ás Administracións Públicas para o exercicio das súas competencias e serán conservados de acordo co establecido na normativa de arquivo. Pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, supresión, oposición, limitación ao tratamento e portabilidade dos datos a través da nosa sede electrónica ou presencialmente nos lugares e rexistros establecidos na normativa reguladora do procedemento administrativo común. Así mesmo, se considera que o tratamento incumpre o establecido no RGPD pode reclamar ante a AEPD

 

Anexo Informativo

Descrición

O procedemento de Comunicación Previa para a Talla e Saca de Madeira regula a obriga de presentar nas oficinas municipais unha comunicación previa por escrito antes do comezo das actividades. Isto farase sen prexuízo da necesaria obtención, con carácter previo, doutros permisos ou autorizacións que sexan necesarios conforme á normativa vixente.

Documentación

+ Solicitude Comunicación Previa para a Talla e Saca de Madeira.

+ Autorización da Xunta de Galicia. Autorización para proceder á corta, expedida pola Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia.

+ Plano de situación. Plano detallando a localización xeográfica onde se realizará a corta, e zonas de ocupación da vía pública, se fose necesaria.

+ Fotocopia do Seguro de Responsabilidade Civil.