Boqueixón - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración Local, faculta aos concellos para a avaliación e información de situacións de necesidade social e a atención inmediata a persoas en situación ou risco de exclusión social.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, regula o dereito de todas as persoas aos servizos sociais, correspondéndolles aos poderes públicos garantir este dereito, posibilitando así que as liberdades e igualdades entre individuos sexan reais e efectivas, tal e como consagra a propia Constitución Española.
A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, establece no seu capítulo II do Título I, o catálogo de servizos sociais, onde define o servizo de axuda no fogar coma un servizo consistente en ofrecerlles un conxunto de atencións ás persoas ou familias no seu propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e permanencia no seu contorno habitual. Esta mesma lei establece no seu artigo 11.f) que é función dos servizos sociais comunitarios básicos a xestión da axuda no fogar.
Coa entrada en vigor da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, así como a normativa estatal e galega que a desenvolve, fíxose necesario establecer un novo marco regulador de carácter básico dos contidos, formas de prestación e aspectos procedementais e organizativos de axuda no fogar de maneira que coa aprobación da Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar, se establecen pautas de carácter xeral para asegurar un nivel equitativo de atención a todas as persoas que tiñan limitada a súa autonomía persoal.
O Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia, establece no seu artigo 7.b) como requisito xeral dos centros e programas de servizos sociais, dispoñer dunhas normas de funcionamento, visadas polo órgano competente, en materia de autorización e inspección de servizos sociais da Xunta de Galicia, que garantan o respecto ao dereito das persoas usuarias e establezan as condicións de prestación e desenvolvemento dos servizos.
Co Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento, faise necesario adaptar a normativa municipal existente en materia de axuda no fogar co fin de dar cumprimento ao establecido na súa disposición derradeira primeira.
O Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo, dálle unha nova redacción aos artigos 14.2, 59 e 61 do Decreto 99/2012, do 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento. Por outra parte, a Lei 10/2023, de 28 de decembro, de medidas fiscais y administrativas, tamén modifica o citado Decreto 149/2013, de 5 de decembro, pola necesidade de adaptar a normativa autonómica ao disposto no Real decreto 675/2023, de 18 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1051/2013, de 27 de decembro, polo que se regulan as prestacións do Sistema para a autonomía e atención a dependencia, establecidas na Lei 39/2006, de 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención as persoas en situación de dependencia.
A Orde do 2 de xuño de 2023 pola que se modifica o módulo de financiamento do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia.
O Decreto 142/2023 do 21 de setembro, polo que se regulan o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito as prestacións do Sistema para autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos competentes.
A Orde do 30 de novembro de 2023 pola que se modifica a Orde do 2 de xaneiro do 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito as prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e procedemento dos órganos técnicos competentes.
A Lei 5/2024 do 27 de decembro , de medidas fiscais e administrativas, pola que se modifica a Lei 13/2008, do 3 de decembro de Servizos Sociais de Galicia, no relativo aos órganos consultivos e de participación; polo que se modifica o Decreto 142/2023 do 21 de setembro polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito as prestacións do Sistema para a Autonomía e a atención a dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.
En consecuencia, e coa finalidade de garantir unha equidade, calidade e intensidade homoxéneas nos tipos de atención e os criterios de participación económica das persoas usuarias, o Concello de Boqueixón, de conformidade co marco normativo referenciado que confire aos concellos a potestade regulamentaria e de autoorganización dentro da esfera das súas competencias, regula os requisitos e condicións da prestación do servizo de axuda no fogar municipal a través da presente ordenanza.
Capítulo I. Disposición xerais
Artigo 1. Obxecto
É obxecto desta ordenanza a regulación do servizo de axuda no fogar desenvolvido polo concello de Boqueixón.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
O establecido nesta ordenanza é de aplicación ao servizo de axuda no fogar que se desenvolve no concello de Boqueixón.
Artigo 3. Natureza, definición e obxectivos do servizo
1 O servizo de axuda no fogar é un servizo público de carácter local, consistente en ofrecer un conxunto de atencións ás persoas ou unidades de convivencia no propio domicilio, para facilitar o seu desenvolvemento e a permanencia no seu contorno habitual.
2 O servizo de axuda no fogar poderá prestarse a calquera persoa ou unidade de convivencia, para as cales, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu medio inmediato.
3 O servizo de axuda no fogar ten por obxecto prestar un conxunto de atencións ás persoas no seu domicilio, desde unha perspectiva integral e normalizadora, naquelas situacións en que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desestruturación familiar.
Son obxectivos do servizo de axuda no fogar:
· Mellorar a calidade de vida das persoas usuarias.
· Posibilitar a permanencia das persoas no seu contorno de convivencia habitual.
· Favorecer e potenciar a autonomía persoal no propio domicilio.
· Manter, mellorar e recuperar as redes de relación familiar e social.
· Previr situacións de dependencia ou exclusión social.
· Retardar ou evitar a institucionalización.
· Reforzar a solidariedade e potenciar o voluntariado social.
Artigo 4. Contido do servizo
1 De conformidade coa valoración técnica realizada en cada caso polos servizos sociais, no marco do servizo de axuda no fogar poderán prestarse os seguintes tipos de atención de carácter básico:
o Atencións de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria no propio domicilio, tales como:
· Asistencia para levantarse e deitarse.
· Tarefas de coidado e hixiene persoal, así como para vestirse.
· Control do réxime alimentario e axuda, se é o caso, para alimentarse.
· Supervisión, cando proceda, das rutinas de administración de medicamentos prescritas por facultativos.
· Apoio para cambios posturais, mobilizacións, orientación espazo-temporal.
· Apoio a persoas afectadas por problemas de incontinencia.
· Outras tarefas para favorecer a atención integral da persoa usuaria.
o Acompañamento persoal na realización doutras actividades necesarias da vida diaria:
· Seguimento das intervencións realizadas polo sistema sanitario.
· Apoio en trámites urxentes de carácter administrativo, xudicial e similares.
o Atención das necesidades de carácter doméstico e da vivenda que incidan e axuden na mellora do contorno das persoas usuarias e da súa familia , tales como:
· Limpeza e mantemento da hixiene e salubridade da vivenda.
· Compra de alimentos e outros produtos de uso común.
· Preparación dos alimentos.
· Lavado e coidado das pezas de vestir, así como do enxoval doméstico.
· Apoio á unidade familiar.
· Coidados e mantemento básico da vivenda.
Este tipo de atención poderá ser facilitado en parte, se é o caso, por programas específicos de lavandaría ou alimentación a domicilio.
o Atencións de carácter psicosocial e educativo: intervencións técnico-profesionais formativas e de apoio ao desenvolvemento das capacidades persoais, á afectividade, á convivencia e á integración na comunidade así como á mellora da estruturación familiar.
2 Con carácter complementario, unha vez garantido o nivel básico de atención, o servizo de axuda no fogar poderá incorporar, entre outros, as seguintes actuacións e servizos:
1. Actividades de acompañamento, socialización e desenvolvemento de hábitos saudables.
2. Servizo de préstamo de axudas técnicas para persoas en situación de dependencia ou dependencia temporal. Para estes efectos enténdese por axuda técnica calquera produto, dispositivo, equipamento, instrumento, tecnoloxía ou software, fabricado especialmente ou dispoñible no mercado, para previr, compensar, controlar, mitigar ou neutralizar deficiencias ou limitacións na actividade e restricións na participación social das persoas.
3. Prestación de atención a distancia mediante dispositivos de teleseguimento, teleasistencia e similares.
4. Adaptacións funcionais do fogar.
5. Servizo de podoloxía.
6. Servizo de fisioterapia.
7. Terapia ocupacional.
3 Poderán integrarse, ademais, dentro do servizo de axuda no fogar, determinadas atencións e actividades que se desenvolvan fóra do marco do domicilio da persoa usuaria, sempre que, de acordo coa prescrición técnica sobre o contido do servizo, incidan de maneira significativa na posibilidade de permanencia no fogar e na mellora da autonomía e calidade de vida.
4 En todo caso, as atencións prestadas terán un carácter de reforzo e non substitutivo das propias capacidades da persoa usuaria ou doutras persoas do seu contorno inmediato, de maneira que se facilite e promova a súa autonomía.
5 En ningún caso poderán formar parte das actuacións desenvolvidas polo servizo:
a) A realización de actividades domésticas que non fosen incluídas no proxecto de intervención.
b) Actuacións, que polo seu carácter sanitario, deban en todo caso ser realizadas por persoal facultativo.
c) A atención doutros membros da familia que residan no domicilio e que non fosen expresamente incluídos no proxecto de intervención.
d) A realización de tarefas de tipo agrícola e/ou gandeiro ou xardinería.
e) Todas aquelas actividades de mantemento complexo da vivenda (pintura, electricidade, fontanería, etc).
Artigo 5. Persoas destinatarias
1 O servizo de axuda no fogar estará aberto a todas as persoas ou unidades de convivencia para as que, de acordo coa valoración técnica correspondente, supoña un recurso idóneo de atención. De xeito particular, o servizo atenderá persoas maiores con déficits de autonomía e persoas con discapacidade, especialmente cando carezan de apoio persoal no seu contorno inmediato, así como fogares con menores, en que se observe a necesidade dunha intervención de carácter socioeducativo. Tamén poderá dar unha resposta preventiva, educativa e socializadora a diversas situacións de familias en risco de exclusión social.
2 En todo caso, darase prioridade de acceso ao servizo ás persoas que teñan un dereito recoñecido de atención dentro do sistema de autonomía e atención á dependencia.
Artigo 6. Dereitos das persoas usuarias
As persoas usuarias do servizo, no marco dos dereitos que con carácter xeral se lle recoñecen na lexislación aplicable sobre servizos sociais e, se é o caso, sobre o procedemento administrativo común, terán dereito:
o A seren tratadas co respecto debido á súa dignidade, intimidade e autonomía.
o A accederen e utilizaren o servizo en condicións de igualdade e non discriminación.
o A recibiren unha atención individualizada e adaptada ás súas necesidades, coa calidade e duración determinadas en cada caso.
o A recibiren unha información de xeito áxil, suficiente, veraz e comprensible sobre os recursos e as prestacións do sistema galego de servizos sociais, así como a que sexan asistidas e orientadas nos trámites necesarios de cara ao seu acceso aos demais sistemas de benestar social.
o A teren asignada unha persoa profesional de referencia que actúe como interlocutora principal e que asegure a coherencia da intervención.
o A coñeceren a organización e o regulamento do servizo.
o Ao tratamento confidencial dos seus datos, de acordo co disposto na Lei orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
o A coñeceren a situación do seu expediente.
o A seren informadas, de xeito claro e preciso, sobre a intervención prevista e elixir libremente, dentro da capacidade de oferta do sistema e logo da valoración técnica, o tipo de medidas ou de recursos adecuados para o seu caso, así como a participar na toma de decisións que modifiquen o proceso de intervención acordado.
o Á calidade dos servizos recibidos e a presentaren queixas e suxestións á persoa coordinadora do servizo.
o Ao respecto dos seus dereitos lingüísticos, garantindo, en todo caso, o desenvolvemento da actividade do servizo dende a práctica dunha oferta positiva do idioma galego.
Artigo 7. Deberes das persoas usuarias
As persoas usuarias, no marco dos deberes que con carácter xeral se establecen no artigo 7 da Lei 13/2008, de servizos sociais de Galicia, e, se é o caso, na lexislación vixente sobre o procedemento administrativo común, terán os seguintes deberes:
· Cumprir as normas, requisitos e procedementos para o acceso aos diferentes servizos.
· Facilitar a información precisa e veraz sobre as circunstancias determinantes para o acceso e utilización dos servizos, así como comunicar ao persoal de referencia, os cambios de circunstancias familiares, sociais ou financeiras que puideran resultar relevantes na asignación, modificación, suspensión ou extinción das prestacións ou servizos.
· Cumprir coas condicións do servizo, facilitando e colaborando na execución das tarefas do persoal ao seu cargo e poñendo á súa disposición, cando se trate dun servizo realizado no domicilio, os medios materiais necesarios.
· Colaborar co persoal encargado do seu caso, acudindo ás entrevistas programadas, seguindo as orientacións e participando no desenvolvemento das actividades incluídas no servizo, centro ou programa en función das súas capacidades e nos termos acordados en cada caso.
· Manter unha actitude positiva de colaboración coas persoas profesionais dos servizos sociais comunitarios, participando activamente no proceso pautado de mellora, autonomía persoal e inserción social.
· Facilitar e cooperar no seguimento, avaliación e inspección do servizo.
· Respectar a dignidade persoal e profesional das persoas que lles presten o servizo, así como respectar os límites das súas obrigas laborais.
· Participar no pagamento dos servizos sociais naqueles supostos concretos que se establezan nas normas que regulan o servizo e nas normas municipais correspondentes que o desenvolvan.
· A comunicar, con dez días de antelación, en circunstancias ordinarias e previsibles, calquera ausencia temporal que puidese impedir ou dificultar a execución dos servizos que, se fose o caso, se prestasen no seu domicilio.
Artigo 8. Causas de extinción e modificación do servizo
1 Son causas de extinción do servizo de axuda no fogar as seguintes:
· A renuncia da persoa usuaria.
· O cambio de programa individual de atención ou do proxecto de intervención que implique un cambio de asignación de recurso e a súa incompatibilidade co servizo de axuda no fogar.
· Traslado definitivo da súa residencia a outro concello.
· Falecemento da persoa usuaria.
· Incumprimento reiterado dos deberes e obrigas establecidas para as persoas usuarias na prestación do servizo.
· A falta reiterada de pagamento do servizo.
· Desaparición das causas que motivaron a prestación do servizo.
2 Ademais, con carácter xeral, a alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión do servizo, poderá dar lugar á modificación das condicións de prestación nas que fora concedido inicialmente. Os cambios de circunstancias, en calquera caso, deberán recollerse no expediente individual, mediante un novo informe social.
3 Cando se trate dun servizo público de axuda no fogar, asignado a persoas en situación de dependencia, na correspondente resolución do Programa Individual de Atención - de acordo ao establecido na Orde do 2 de xaneiro de 2012, de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do Programa Individual de Atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, modificado polo Decreto 148/2011, do 7 de xullo -, corresponde á entidade titular do servizo a solicitude de incoación do expediente sancionador que deberá dirixirse, acompañado da documentación que se indique ao inicio do dito expediente, ao órgano competente da Consellería de Política Social e Igualdade para ditar a correspondente resolución sancionadora, así como as medidas cautelares pertinentes, de ser o caso.
Artigo 9. Causas de suspensión temporal do servizo
Son causas de suspensión temporal do servizo, logo da tramitación do correspondente expediente e informe razoado do persoal técnico coordinador do servizo, que deberá incorporarse ao expediente persoal, as que seguen:
a) Ausencia temporal do domicilio: neste caso o servizo poderá suspenderse por un máximo de tres meses para as persoas usuarias que accedan ao servizo polo sistema de libre concorrencia e por un máximo de dous meses para as persoas usuarias de dependencia, debendo acreditar a persoa usuaria as causas que motivan a súa ausencia.
b) Modificación temporal das causas que motivaron a necesidade do servizo: poderá suspenderse o servizo en tanto persista o cambio de circunstancias causante da suspensión, coa excepción das prazas vinculadas a un dereito exercido dentro do sistema de autonomía e a atención á dependencia, suposto no que se estará ao disposto na correspondente normativa reguladora.
Capítulo II. Da prestación do servizo
Sección 1ª. Disposicións comúns
Artigo 10. Formas de prestación do servizo
O servizo público de axuda no fogar será prestado polo concello de Boqueixón, ben directamente, ou ben mediante as diversas modalidades de contratación da xestión de servizos públicos, regulados na normativa vixente sobre contratos do sector público, a través de entidades privadas debidamente autorizadas.
Artigo 11. Requisitos específicos
1 Existirá un profesional de referencia, que actuará como coordinador do servizo e que deberá estar en posesión dunha cualificación mínima de diplomatura ou grao universitario na área de servizos sociais. No caso de que o número de persoas usuarias sexa menor de 50, o persoal técnico mínimo exixible será de 0,02 profesionais en cómputo de xornada completa por persoa usuaria. Nos demais casos aplicarase a seguinte táboa:
Número de persoas usuarias | Persoal técnico mínimo |
50 a 99 | 1 técnico/a titulado/a xornada completa |
100 a 199 | 2 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
200 a 399 | 3 técnicos/as titulados/as a xornada completa |
Incrementos sucesivos | Por cada grupo de 200 persoas usuarias corresponderá un incremento de 1 técnico/a titulado/a a xornada completa |
2 O persoal que presta atención directa nos domicilios das persoas usuarias estará formado por auxiliares de axuda no fogar que, no caso de prestar o servizo a persoas en situación de dependencia valorada, deberán estar en posesión das titulacións que estableza a normativa autonómica vixente en cada momento.
3 O seguimento da prestación do servizo nos domicilios das persoas usuarias realizarase polo persoal coordinador, sempre que as circunstancias o fagan necesario e, como mínimo, con carácter bimestral. Da supervisión realizada quedará constancia no correspondente expediente individual. Mediante esta supervisión revisarase e axustarase, se fose o caso, o contido das prestacións expresado no proxecto de intervención e no acordo de servizo.
4 O Concello de Boqueixón e, de ser o caso, a entidade prestadora en réxime privado do servizo, abrirá un expediente por cada persoa usuaria ou por cada unidade de convivencia á que presta o servizo, no cal constará, cando menos:
a) Un informe social, asinado por un traballador ou traballadora social da entidade titular do servizo.
b) Un proxecto de intervención, asinado polo técnico responsable.
c) Un acordo de servizo asinado entre o Concello de Boqueixón e a persoa usuaria.
d) Informes de seguimento periódicos, que terán un carácter bimestral, ou extraordinarios, cando as circunstancias así o aconsellen.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal (Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais e garantía dos dereitos dixitais).
Sección 2ª. Da prestación do servizo
Artigo 12. Modalidades de acceso ao servizo, organización e procedemento
O acceso ao servizo de axuda no fogar municipal producirase de acordo co seguinte:
1 O acceso será prioritario e directo para as persoas que, tendo recoñecida unha situación de dependencia, se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución do programa individual de atención (PIA), e segundo a aplicación do programa de asignación de recursos (PAR), de acordo ao establecido no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos. Para estes efectos, o concello de Boqueixón, cando sexa o caso, procederá a dar de alta ás persoas en agarda, de acordo coa orde de prelación establecida no programa de asignación de recursos. As persoas para as que o programa individual de atención determine o servizo de axuda no fogar como recurso principal ou idóneo terán, en todo caso, preferencia sobre aquelas ás que se lles asigne o servizo de axuda no fogar como respiro do coidador.
2 Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia o acceso ao servizo, logo da prescrición técnica do profesional de referencia, resolverase en réxime de libre concorrencia, segundo o seguinte procedemento:
a) Presentación da solicitude, segundo o modelo normalizado, dirixida á alcaldía no Rexistro Municipal do Concello, acompañada da seguinte documentación:
1 Fotocopia do DNI da persoa solicitante e das persoas que convivan no mesmo domicilio, de ser o caso.
2 Fotocopia da tarxeta sanitaria da persoa solicitante.
3 Volante de empadroamento colectivo.
4 Certificación do número de conta bancaria.
5 Informe de saúde da persoa solicitante, segundo o modelo normalizado.
6 Certificado de discapacidade e/ou resolución de recoñecemento de dependencia, de ser o caso.
7 Xustificantes de ingresos da persoa solicitante e do resto dos membros da unidade de convivencia:
a) Fotocopia da última declaración da renda, ou no seu defecto, certificado de imputacións do IRPF, expedido pola Axencia Tributaria correspondente.
b) Certificados de todos os ingresos procedentes de salarios, pensións, subsidios e outros bens que posúan.
c) Información fiscal de rendementos bancarios.
d) Calquera outra documentación que sexa requirida polo traballador/a social para a valoración do seu expediente.
3 Cando as circunstancias debidamente acreditadas no expediente así o xustifiquen, o procedemento de acceso ao servizo poderá iniciarse de oficio.
En todo caso, o tratamento da información contida nos expedientes individuais, realizarase de acordo coa normativa vixente en materia de protección de datos de carácter persoal.
As solicitudes incompletas contarán cun prazo de 10 días para emendar deficiencias; en caso de non facelo, serán arquivadas sen máis trámite tal como se establece na lexislación que regula o procedemento administrativo.
1. As solicitudes presentadas serán valoradas polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do Concello, que, unha vez realizada a correspondente visita domiciliaria, determinará, mediante o informe técnico, a idoneidade do servizo, así como a intensidade recomendable para cada caso concreto, tendo en conta todas as circunstancias de necesidade e a aplicación do baremo establecido a tal fin.
2. O departamento de Servizos Sociais elaborará un informe ¿ proposta que será elevado ao órgano competente para ditar resolución. O prazo máximo para resolver será de tres meses.
No caso de que sexa favorable, esta terá a consideración de alta no servizo. En caso de non existir dispoñibilidade, a solicitude pasará a integrarse na lista de agarda, nunha orde de prioridade determinada pola puntuación que obtivese na aplicación do baremo. No caso de empate da puntuación, atenderase por orde temporal da demanda.
3. Cando concorran circunstancias que aconsellen a intervención inmediata do servizo, a Alcaldía resolverá o expediente, á vista do informe-proposta do/a traballador/a social. Este informe conterá as causas que motiven a tramitación pola vía de urxencia. O procedemento de urxencia terá validez mentres se manteña a situación desencadeante. A desaparición desta, levará consigo a extinción do servizo e a tramitación pola vía ordinaria.
4. Para o inicio da prestación do servizo será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo normalizado.
5. Anualmente, farase unha revisión de todas as persoas beneficiarias do servizo de libre concorrencia, co fin de comprobar que cumpren as condicións para a continuidade do mesmo. Para a renovación anual do servizo, as persoas beneficiarias deberán presentar a documentación establecida no apartado a) deste artigo, agás aquela que xa conste no seu expediente individual.
Artigo 13. Desenvolvemento da prestación do servizo
O prazo de alta no servizo será, como máximo, dunha semana desde que á persoa usuaria se lle asigna o recurso desde o Programa de Asignación de Recursos para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de dependencia, ou desde que se dita resolución por parte da Alcaldía, para as persoas que acceden ao servizo na modalidade de libre concorrencia. Para as persoas usuarias ás que se lles concede o servizo pola vía de urxencia, o prazo de alta será como máximo de dous días.
Previo ao inicio do servizo, o persoal técnico realizará unha avaliación da situación e establecerá un consenso coa persoa usuaria, sobre as actuacións e tarefas a desenvolver no domicilio. Designarase tamén a persoa profesional de referencia.
A asignación do persoal de atención directa farase en base ao perfil requirido para cada caso concreto, e realizarase unha visita domiciliaria para a presentación do persoal de atención directa á persoa usuaria.
Se a persoa beneficiaria rexeita á persoa auxiliar de axuda no fogar que se lle asigna, sen razón suficientemente xustificada, pasará á lista de agarda ata que se lle asigne outra auxiliar, sempre que sexa tecnicamente posible.
Os cambios no persoal técnico asignado, así como nos horarios de prestación do servizo que deban efectuarse por circunstancias e necesidades de organización do servizo, comunicaranse á persoa beneficiaria, seguindo en vigor o acordo asinado.
Para o inicio da prestación do servizo, será requisito previo asinar o acordo de servizo, segundo o modelo normalizado.
O persoal técnico elaborará un proxecto de intervención que deberá conter: días da semana de atención, horario concreto no que se desenvolverá a prestación, identidade do persoal de atención directa responsable da execución do proxecto, obxectivos e tarefas a desempeñar no domicilio, e o seguimento efectivo da prestación no domicilio do usuario, con carácter mínimo bimestral.
Farase entrega á persoa usuaria dunha copia da ordenanza municipal de axuda no fogar, debidamente visada polo órgano competente.
Así mesmo, entregarase á persoa usuaria e ao persoal de atención directa o documento que conteña as tarefas a desenvolver no domicilio.
Informarase ás persoas usuarias da existencia dun libro de reclamacións, que estará á súa disposición para calquera queixa ou reclamación. No caso de queixa ou reclamación, facilitarase unha copia da queixa á persoa usuaria e remitirase unha copia ao servizo de inspección no prazo de tres días, xunto cun informe do caso, segundo establece o artigo 6.i) do Decreto 254/2011, do 23 de decembro, polo que se regula o réxime de rexistro, autorización, acreditación e a inspección dos servizos sociais en Galicia.
Artigo 14. Intensidade na prestación do servizo
A intensidade do servizo determinarase, con carácter xeral, en horas mensuais de atención, distribuídas en función das necesidades da persoa usuaria e do informe técnico.
Para as persoas atendidas no marco do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, a intensidade do servizo de axuda no fogar estará predeterminada no seu programa individualizado de atención. A súa aplicación horaria será flexible e conforme co proxecto de intervención, de xeito que, cando menos, se garanta a cobertura das necesidades de atención de carácter persoal na realización das actividades básicas da vida diaria, relacionadas no artigo 4.1º a) da Orde de 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar, todos os días da semana.
Con carácter xeral, as horas mensuais de atención distribuiranse de forma proporcional no conxunto do mes. Cando se fixen varios momentos de atención dentro dun mesmo día non se realizará por fraccións inferiores a 45 minutos, salvo excepción xustificada tecnicamente que obedeza ao imprescindible apoio na cobertura de necesidades básicas da vida diaria.
Nos restantes casos, a intensidade do servizo virá determinada na prescrición efectuada polos servizos sociais comunitarios, quedando excluídas as fins de semana e os días festivos. Con carácter excepcional, e sempre que conte coa proposta técnica da traballadora social municipal, poderá autorizarse puntualmente a prestación do servizo en fins de semana e días festivos.
Como norma xeral o servizo prestarase entre as 7:00 e as 22:00 horas.
Artigo 15. Capacidade económica das persoas usuarias do servizo e participación no sistema de financiamento deste
En todo o relativo á determinación da capacidade económica das persoas usuarias para os efectos de participar no financiamento do servizo de axuda no fogar estarse ao disposto na Ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do Servizo de Axuda no Fogar do Concello de Boqueixón.
Artigo 16. Da coordinación coas entidades privadas que atendan a persoas usuarias financiados total ou parcialmente con fondos públicos
No caso das entidades privadas que presten o servizo de axuda no fogar, mediante financiamento total ou parcial con fondos públicos, ou que atendan a persoas usuarias derivadas do sistema de autonomía persoal e atención á dependencia, atenderán os requirimentos de coordinación efectiva cos servizos sociais comunitarios municipais e establecerán un protocolo de comunicación de altas no servizo de cada persoa usuaria dirixido aos servizos sociais comunitarios do concello, así como información actualizada da intervención levada a cabo.
Artigo 17. Infraccións e sancións
O incumprimento das obrigas e requisitos das persoas beneficiarias establecidas nesta Ordenanza quedará sometido ao recollido no Titulo X da Lei 13/2008, de 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
Disposición adicional
No non previsto expresamente na presente Ordenanza estarase ao disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no Decreto 99/2012, de 16 de marzo, polo que se regulan os servizos sociais comunitarios e o seu financiamento e a Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar.
Disposición derrogatoria
Esta ordenanza derroga expresamente a Ordenanza reguladora da prestación do servizo de axuda no fogar publicada no BOP nº 175 do 13 de setembro de 2013, e as modificacións desta publicadas no BOP nº 246 do 27 de decembro de 2013 e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que sexa contraria á mesma.
Disposición derradeira
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez publicado o seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia da Coruña e permanecerá en vigor até a súa modificación ou derrogación expresa.