Baña A - PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DO CONCELLO DA BAÑA
Artigo 1.- Obxecto
O presente acordo ten por obxecto regular o prezo público pola prestación do servizo da Escola Infantil Municipal do Concello da Baña, de conformidade co disposto nos artigos 41 a 47 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.
As tarifas aplicables son as recollidas no artigo 4 deste acordo.
Artigo 2.- Persoas obrigadas ao pagamento
Están obrigadas ao pagamento do prezo público regulado neste acordo as persoas físicas beneficiarias do servizo da Escola Infantil Municipal, nas condicións establecidas na ordenanza reguladora do funcionamento da Escola Infantil Municipal.
Estas persoas terán a consideración de suxeitos pasivos do prezo público. Constitúe o feito impoñible deste prezo público a prestación do servizo de atención na Escola Infantil Municipal.
Artigo 3.-Regras de definicións para a determinación do importe a aboar
a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:
os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.
b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Documentación acreditativa da situación económica
Copia cotexada da última declaración da renda de todos os membros da unidade familiar. Para o suposto de que non se teña presentada, o/a interesado/a deberá asinar a correspondente autorización ao Concello da Baña para obter da AEAT os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda da unidade familiar. A estes efectos todos os membros con ingresos, que compoñen a unidade familiar, deberán asinar a dita solicitude.
No suposto de percibir pensión, certificado expedido polo Instituto Nacional da Seguridade Social ou da administración autonómica pagadora da mesma.
Nos casos de nulidade matrimonial, separación ou divorcio considerarase a renda de quen exerza a garda e custodia do/a menor e as pensións compensatorias que perciba o cónxuxe que a ostente e de alimentos dos/as fillos/as ao seu cargo. No caso de non as percibiren, acreditarase esta circunstancia coa copia da reclamación xudicial presentada ao efecto.
A documentación citada anteriormente fará referencia ás circunstancias existentes ao momento de apertura do prazo de renovación de praza, preinscrición e matrícula.
De carecer de acreditación documental dalgunha das incidencias alegadas neste artigo, poderase presentar informe dos servizos sociais do concello correspondente. A falta de presentación dalgún destes documentos dentro do prazo de solicitude establecido suporá a renuncia implícita a ser valorado no apartado correspondente do baremo aplicable.
Cando se produzan causas sobrevidas que afecten aos recursos da unidade familiar, poderán presentar outros documentos que acrediten oficialmente a situación económica, sempre e cando as variacións de ingresos supoñan unha diminución ou un incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza, variacións que deberán ter unha duración dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta.
c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o/a outro proxenitor/a non contribúa economicamente ao seu sustento.
d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.
Artigo 4.- Tarifas
Mentres a Xunta de Galicia financie o 100 % da atención educativa nas escolas infantís, non se aplicarán as tarifas recollidas neste artigo.
O prezo da atención educativa en xornada completa na Escola Infantil Municipal fíxase en 169,26 euros mensuais.
En función da renda per cápita mensual da unidade familiar, aplicaranse as reducións que se especifican a continuación:
RPC/MES | Prezo praza 100% xornada | Prezo praza 50% xornada |
Inferior ó 30% do IPREM | 0€ | 0€ |
Entre o 30% e inferiores ao 50% do IPREM | 0€ | 0€ |
Entre 50% e inferiores ao 75% do IPREM | 34,91€ | 17,45€ |
Entre o 75% e inferiores ao 100% do IPREM | 69,81€ | 34,90€ |
Entre o 100% e inferiores ao 125% do IPREM | 112,13€ | 56,06€ |
Entre o 125% e inferiores ao 150% do IPREM | 133,29€ | 66,44€ |
Entre o 150% e o 200% do IPREM | 147,05€ | 73,52€ |
Rendas superiores ao 200% do IPREM | 169,26€ | 84,63€ |
Descontos
Sobre o importe resultante da aplicación das tarifas anteriores aplicaranse os seguintes descontos, que non serán acumulables entre si:
a) 20 % para nenos/as pertencentes a familias numerosas.
b) 20 % para nenos/as pertencentes a familias monoparentais.
c) 20 % pola matriculación do segundo fillo ou filla e sucesivos/as da mesma unidade familiar sobre a tarifa correspondente á atención educativa.
Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.
Para a aplicación dos descontos terase en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na EIM que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.
Artigo 5. Revisión de tarifas
Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, tanto a petición dos usuarios coma por propia iniciativa do concello, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:
a) Modificación das variables que determinan as persoas que, convivindo no mesmo domicilio, teñen ingresos inferiores o salario mínimo interprofesional anual vixente.
b) Variacións nos seus ingresos que supoñeren unha diminución ou incremento do 25% fronte aos ingresos tidos en conta para a fixación inicial de cota, comparados en un período mínimo de 4 meses. Para xustificar as ditas variacións deberanse aportar a xustificación documental precisa solicitada (nóminas, certificado de empresa do cambio de circunstancias na situación laboral e económica, certificado do INEM, etcétera.).
No caso de revisión de tarifas á baixa, os usuarios non poderán esixir o reintegro total ou parcial das cotas xa devengadas no momento da solicitude, cando a súa contía e determinación derivasen de documentación ou circunstancias que puidesen ser alegadas polo propios interesados no seu momento, ou por erros atribuíbles ós propios usuarios.
No caso de revisión de tarifas en incremento, estas só serán esixibles de cara ás cotas a devengar no futuro.
En todo caso, e con independencia do exposto nos puntos anteriores, cando por ocultación ou falsidade nos datos e documentación determinante de encadramento nunha determinada tarifa, as tarifas cobradas fosen inferiores a contía sinalada na presente ordenanza, poderase esixir o deixado de cobrar por parte do concello.
A modificación da tarifa, será acordada polo alcalde á proposta da comisión de baremación da Escola Infantil Municipal previa audiencia dos interesados.
As tarifas actualizaranse anualmente de xeito equivalente á derivada do réxime de prezos establecido pola Xunta de Galicia nas escolas infantís de titularidade autonómica.
Disposición derogatoria
Quedan derogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste acordo e, en particular, a Ordenanza fiscal reguladora do prezo público pola prestación do servizo do Punto de atención á infancia, publicada no BOP núm. 56, do 25 de marzo de 2021.
Disposición derradeira
O presente acordo entrará en vigor e será de aplicación dende o 1 de setembro de 2026.