Mazaricos - Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras

Publicación provisional: 25/05/2026 BOP Nº: 96
Publicación definitiva: 17/07/2026 BOP Nº: 134
Aplicable dende: 17/07/2026

Artigo 1. Fundamento e réxime.

1. De conformidade co previsto no artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das bases de réxime local e nos artigos 15.1 e 59.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece o Imposto sobre construcións, instalacións e obras, que se regulará pola presente Ordenanza, redactada conforme ao disposto no artigo 16 do Real Decreto Lexislativo 2/2004 citado.

Artigo 2. Feito impoñible

1. O feito impoñible estará constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtivérase ou non dita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao Concello de Mazaricos.

2. Quedan tamén incluídas no feito impoñible do imposto, as construcións, instalacións e obras que se realicen en cumprimento dunha orde de execución municipal ou aquelas outras que requiran a previa existencia dun acordo aprobatorio ou dunha concesión. Nestes supostos, a licencia aludida no apartado 1 considerarase outorgada unha vez ditada a orde de execución, adoptado o acordo ou adxudicada a concesión polos órganos municipais competentes, con cumprimento da tramitación preceptiva, e legalmente notificado o acto administrativo ao interesado.

Artigo 3. Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, persoas xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

2. No caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte, terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou quen realice as construcións, instalacións ou obras.

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 4. Base impoñible, cota tributaria e devindicación.

1. A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, para estes efectos, o custo de execución material daquela.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.

2. A cota deste imposto será o resultado de aplicar ao total da base impoñible o tipo de gravame.

3. O tipo de gravame do imposto será proporcional, aplicándose en función do importe da base impoñible conforme ao seguinte cadro:

Base impoñible

Tipo de gravame

Ata 1.000.000,00 €

2 %

Desde 1.000.000,01 € en diante

4 %

4. O imposto devindícase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza.

Artigo 5. Xestión tributaria do imposto.

1. Para as actuacións sometidas á obtención de licenza, o imposto esixirase en réxime de declaración. Para as actuacións sometidas á presentación de declaración responsable ou comunicación previa, o imposto esixirase en réxime de auto liquidación.

2. A solicitude de licenza terá valor de declaración tributaria e deberá ir acompañada do correspondente orzamento. A presentación da declaración responsable ou comunicación previa deberá ir acompañada do modelo de auto liquidación.

3. Cando se conceda a licenza preceptiva ou se presente a declaración responsable ou comunicación previa practicarase unha liquidación ou auto liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo fora visado polo Colexio Oficial correspondente cando sexa preceptivo; noutro caso, a base impoñible será determinada polos Técnicos Municipais ou Comisión correspondente.

O prazo de ingreso para as débedas tributarias resultantes das liquidacións practicadas pola Administración será o establecido no artigo 62.2 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.

O prazo de ingreso para as débedas tributarias resultantes das auto liquidacións realizadas polos suxeitos pasivos será de un mes a contar desde a data de presentación da declaración responsable ou comunicación previa.

4. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custe real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa poderá modificar, no seu caso, a base impoñible á que se refiren os apartados anteriores, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.

Artigo 6. Bonificacións.

De conformidade co previsto no artigo 103.2 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, establécense as seguintes bonificacións sobre a cota do imposto:

1. Unha bonificación, previa solicitude do interesado, do 95 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais que xustifiquen tal declaración.

Corresponderá dita declaración ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros.

Para gozar desta bonificación, o solicitante deberá presentar certificado de non ter débedas coa Facenda estatal, autonómica e local, nin coa Seguridade Social.

Artigo 7. Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase de conformidade co previsto na Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento e demais normativa aplicable.

Artigo 8. Infraccións e sancións tributarias.

No referido a infraccións e sancións tributarias, ademais do previsto nesta ordenanza, estarase ao disposto do establecido na Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento e demais normativa aplicable.

Disposición adicional.

Para o non previsto na presente ordenanza estarase ao disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, na Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, no Real decreto 939/2005, de 29 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral de recadación e demais normativa que a complemente ou substitúa.

As modificacións que se introduzan na regulación deste imposto polas leis de orzamentos xerais do Estado, ou por calquera outra lei ou disposición que sexa de aplicación directa producirán, de ser o caso, a correspondente modificación tácita desta ordenanza fiscal.

Disposición derrogatoria.

Coa entrada en vigor da presente ordenanza, queda derrogada a Ordenanza fiscal nº 3 reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras, publicada definitivamente no BOP da Coruña núm. 212, de 05.11.2015.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal, con redacción definitiva aprobada polo Pleno da Corporación na sesión do día 08.05.2026, entrará en vigor o mesmo día súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata a súa modificación ou derrogación expresa.