Muxía - Ordenaza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizo de auga a domicilio

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 11/10/2004

Artigo 1.-Fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa por distribución de auga, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, a cal contén unhas normas que atenden ó previsto no artigo 58 da cita Lei 39/1988, e o 20 do mesmo texto legal na redacción que dá a lei 25/98.

Artigo 2.-Feito imponible.

Está constituído pola actividade municipal desenvolvida con motivo da distribución da auga a domicilio.

Artigo 3.-Retribución.

Ó tratarse dunha taxa de retribución periódica, a retribución ten lugar o 1 de xaneiro de cada ano, salvo nos supostos de inicio ou remate da actividade, nos que se presentará por trimestres naturais.

Para o cobramento periódico procederase conforme ó artigo 7.

Artigo 4.-Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas, así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas polos servicios a que se refire a presente ordenanza.

Terán a consideración de substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas ou locais ó que se dote do servicio.

Os propietarios con vivendas alugadas deberán de facilitar a este Concello os datos do inquilino se desexa que os recibos se xeren a nome deste, así como comunicar no seu momento o fin da relación de arrendamento con motivo de xerar de novo os recibos ó seu nome (propietario).

Artigo 5.-Base imponible.

Está constituída polo custo da auga a subministrar, así como pola utilización do servicio.

Artigo 6.-Exención, reducción e demais beneficios.

De conformidade co disposto no artigo 9 da Lei 39/88, non se recoñece ningún beneficio tributario, salvo os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais, ou os expresamente previstos en normas con rango de lei.

Artigo 7.-Solicitude.

Realizarase por escrito ó Concello, que se outorgará polo órgano competente tralo informe técnico. Unha vez concedida, e tralo pagamento das taxas ou gravames, se os houber, incluirase no padrón correspondente.

Artigo 8.-Normas de xestión.

A día 1 de xaneiro de cada ano establecerase o padrón xeral, que incluirá a tódolos contribuíntes.

A finais de cada trimestre, tras efectuarse a lectura correspondente, formaranse os padróns cobratorios que incluirán os datos do trimestre anterior e as altas e baixas que se produzan durante o período.

Este padrón será aprobado polo órgano competente, e remitirase un edicto ó BOP para que proceda á súa publicación.

Despois da aprobación definitiva, procederase ó seu cobramento conforme ás normas da Lei Xeral Tributaria.

O prazo de ingreso en período voluntario da presente taxa será de 3 meses contados desde a aprobación definitiva.

Artigo 9.-Cotas tributarias.

A) Suministro de auga con estación de bombeo:

-consumo mínimo: de menos de 21 m3 trimestre: 4,42 euros.

-consumo normal: entre 21 m3 e 54 m3 trimestre: 0,27 euros/m3

-consumo de exceso: superior a 54 m3 trimestre: 0,36 euros/m3

B) Suministro de auga sen estación de bombeo.

-consumo mínimo: de menos de 21 m3 trimestre: 4,42 euros.

-consumo normal: entre 21 m3 e 54 m3 trimestre: 0,21 euros/m3

-consumo de exceso: superior a 54 m3 trimestre: 0,28 euros/m3

Artigo 10.-Suspensión.

O Concello, tralo cumprimento dos requisitos legais, poderá suspende-lo subministro nos casos seguintes:

- Cando se ceda por calquera título a un terceiro a auga, quedando por tanto prohibida esta práctica.

- Cando se entorpeza ou negue a lectura ou manipulación do contador por parte do empregado municipal.

- Cando se teñan indicios de manipulación dos precintos ou selos postos polo Concello.

Se posteriormente se procede a reanuda-lo servicio, dará lugar á retribución da taxa por conexión da rede de distribución da auga, se existise.

Artigo 11.

Ningún usuario poderá facer uso da auga para fins distintos a aqueles para a que se lle concedeu, salvo casos moi excepcionais que apreciará en cada caso o Concello.

Artigo 12.

Cando por causas non imputables ó suxeito pasivo o servicio de prestación domiciliaria de auga non se preste durante un mínimo de 7 días ininterrompidamente, procederase á devolución do recibo semestral correspondente.

Disposición final.

Esta ordenanza entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no BOP e será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 1999, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.