Índice
Padrón - ORDENANZA REGULADORA DO REXISTRO DE UNIÓNS DE FEITO
Publicación provisional:
27/05/2008
BOP Nº:
120
Publicación definitiva:
12/03/2009
BOP Nº:
58
Aplicable dende:
31/03/2009
ARTIGO 1. Creación, natureza e obxecto.
O Rexistro Municipal de Unións de Feito ten carácter administrativo e nel se inscribirán as unións de feito estables de aquelas persoas que o soliciten expresamente.
ARTIGO 2. Concepto de unión de feito.
Considerarase unión de feito aos efectos desta Ordenanza, a aquelas persoas que convivan en parella, de forma libre, pública e notoria, vinculadas de forma estable, ao menos, durante un período ininterrompido de doce meses, existindo unha relación de afectividade, con independencia da súa orientación sexual.
ARTIGO 3. Ámbito de aplicación.
Terán acceso ao Rexistro do Concello aquelas unións de feito que cumpran cos requisitos establecidos na presente Ordenanza e ámbolos dous membros estean empadroados no Municipio.
ARTIGO 4. Requisitos persoais.
A inscrición no Rexistro de Unións de Feito é voluntaria e constitutiva.
Non poderán constituírse en parella de feito se concorren algunha das seguintes condicións:
- Ser menor de idade, non emancipado.
- Estar ligados polo vínculo do matrimonio.
- Formar unha unión estable con outra persoa ou que teñan constituída unha unión de feito inscrita con outra persoa.
- Ser parentes en liña recta por consanguinidade ou adopción.
- Ser parentes colaterais por consanguinidade ou adopción dentro do terceiro grado.
Non poderá pactarse unha unión de feito con carácter temporal nin someterse a condición.
ARTIGO 5. Tipos de inscrición.
As Inscricións no Libro Rexistro poderán ser de tres tipos:
Constitutivas.
Marxinais.
De baixa.
ARTIGO 6. Inscricións constitutivas.
A inscrición constitutiva é aquela que ten como efecto a constitución dunha unión de feito.
A inscrición constitutiva é a que deixa constancia da existencia da unión de feito e debe recoller os datos persoais suficientes para a correcta identificación dos seus membros, a data de resolución na que se acorde a inscrición e o número de expediente administrativo aberto para cada unión de feito.
Para que se practique a inscrición é necesario que os membros, con independencia da súa orientación sexual, convivan en parella, de forma libre, pública e notoria, vinculados de forma estable por unha relación de afectividade, como mínimo, durante un período ininterrompido de doce meses.
ARTIGO 7. Documentación necesaria.
Para levar a cabo a inscrición constitutiva, a documentación necesaria que deberá aportar cada un dos membros será a seguinte:
Copia do DNI ou pasaporte.
Acreditación da emancipación, no seu caso.
Certificación ou fe de estado civil.
Certificación do Padrón Municipal que acredite que, ao menos, un dos solicitantes ten a condición de veciño do Municipio.
Sentencia de incapacitación que lles considera con capacidade para contraer matrimonio, no seu caso.
A previa convivencia libre, pública, notoria e ininterrompida, en relación de afectividade, acreditarase mediante a declaración de dúas testemuñas maiores de idade en pleno exercicio dos seus dereitos civís.
ARTIGO 8. Solicitude de inscrición.
O procedemento iniciarase sempre a instancia das persoas que pretendan formar a unión de feito, mediante a correspondente solicitude dirixida ó Rexistro Municipal.
A solicitude de inscrición no Rexistro presentarase por escrito e dirixida ó alcalde, e constarán os seguintes datos:
Nome, apelidos dos solicitantes.
Lugar de nacemento, domicilio.
DNI ou pasaporte
Abrirase un expediente administrativo por cada solicitude de inscrición constitutiva dunha unión de feito, o cal quedará integrado pola solicitude e o resto da documentación que acompañe a esta ou se presente posteriormente.
ARTIGO 9. Procedemento de inscrición.
Presentada a solicitude, se o encargado do Rexistro apreciara calquera carencia ou defecto na solicitude ou na documentación presentada, requirirá aos interesados para que no prazo máximo de dez días emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos, advertíndolles que se non o fixeran así, procederase a declarar a caducidade do procedemento.
O prazo do requirimento poderá ser ampliado ata en cinco días máis, a petición do interesado ou a iniciativa do encargado do Rexistro, cando a achega dos documentos requiridos presenten dificultades especiais.
Completa a documentación, o encargado do Rexistro elaborará unha proposta de resolución ó alcalde, que no prazo dun mes desde a súa recepción ditará resolución motivada sobre a concesión ou denegación da solicitude de inscrición, entendéndose a mesma estimada se non se houbese ditado no citado prazo.
Se a mesma se estima, procederase a estender o correspondente asento no Libro Rexistro, que deberá ratificarse conxuntamente polos interesados por medio dunha comparecencia persoal, onde se ratificarán e manifestarán ante o funcionario público o consentimento á inscrición no Rexistro.
Si se desestima, deberá facerse de maneira motivada e notificarase a resolución xunto cos recursos administrativos pertinentes.
ARTIGO 10. Inscricións Marxinais.
Poderán ser obxecto de inscrición marxinal tanto os pactos válidos dos membros da unión de feito sobre as súas relacións económicas durante a súa convivencia e sobre a liquidación das mesmas, como aquelas modificacións que, sen disolver a unión de feito, afecten aos datos da inscrición constitutiva.
Esta inscrición poderá realizarse de maneira simultánea ou posteriormente á inscrición constitutiva e farase en extracto, facendo referencia ó documento que lle sirva de soporte e ó expediente administrativo da unión, onde se arquivará.
Para a inscrición marxinal, as modificacións dos datos persoais e económicos acreditaranse mediante a documentación oficial necesaria e mediante os contratos reguladores das relacións persoais e patrimoniais, que se presentarán persoalmente ou mediante documento notarial.
As solicitudes de inscrición marxinal uniranse ó expediente principal.
ARTIGO 11. Inscricións de baixa.
inscrición de baixa é aquela que ten por obxecto declarar a extinción dunha unión de feito no Rexistro de Unións de Feito, por un dos seguintes motivos:
- De común acordo dos membros da unión de feito.
- Por decisión unilateral dun dos membros da unión, notificada ao outro por calquera medio que deixe constancia da recepción por aquel ou o seu representante, así como da data de recepción, da identidade e do contido da decisión.
- Por falecemento dun ou ambos membros da unión de feito.
- Por separación de feito de máis de seis meses dos membros da unión de feito.
- Por matrimonio dun ou ambos membros da unión de feito.
Inscribirase tamén a baixa, por traslado do domicilio habitual, cando algún dos membros deixe de estar empadroado no Municipio.
Para a inscrición de baixa, será suficiente con realizar unha declaración xurada, individual ou conxuntamente.
A solicitude de inscrición formularase por escrito dirixido ó Rexistro de Unións de Feito, aportando a documentación que xustifique a concorrencia de algunha das causas de extinción da unión de feito.
ARTIGO 12. Publicidade e efectos.
O contido do Rexistro acreditarase mediante certificacións expedidas polo funcionario encargado do mesmo.
Unicamente poderán librarse certificacións a solicitude de calquera dos membros da unión de feito ou das Administracións Públicas cando tales certificacións foran necesarias para o recoñecemento de dereitos aos membros da unión, ou dos Xuíces ou Tribunais de Xustiza.
En aplicación da Normativa municipal e na tramitación de tódolos procedementos de que entenda o Concello, as parellas que formen unións de feito inscritas no Rexistro Municipal, como tales, terán a mesma consideración xurídica e administrativa que os matrimonios.
ARTIGO 13. O Rexistro e a gratuidade.
O Rexistro Municipal de Parellas de Feito estará a cargo da Secretaría Xeral do Concello.
O Rexistro Municipal de Unións de Feito levarase manual ou informáticamente, mediante o Libro Rexistro, no que se practicarán os asentos de inscrición regulados na presente Ordenanza.
Este Libro estará formado por follas móbiles, foliadas e selladas, que se encabezará coas correspondentes dilixencias de apertura e cerre.
A práctica das inscricións e as certificacións das mesmas serán totalmente gratuítas.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA
Apróbanse, xunto con esta Ordenanza, o modelo de solicitude de inscrición de constitución dunha Unión de Feito, o modelo de solicitude de modificación dunha Unión de Feito e o modelo de solicitude de baixa dunha Unión de Feito, que figuran como Anexos I, II e III respectivamente.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA
O tempo transcorrido antes da entrada en vigor desta Ordenanza terase en conta ós efectos do cómputo dos doce meses, se os membros da unión de feito están de acordo.
DISPOSICIÓN FINAL ÚNICA
A presente Ordenanza será obxecto de publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, entrando en vigor unha vez que transcorrera o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/1985, Reguladora das Bases do Réxime Local.
ANEXO
Páxina 51 e seguintes.