Boimorto - Ordenanza fiscal nº 7, reguladora da taxa da rede de sumidoiros

Publicación provisional: 11/11/1998 BOP Nº: 259
Publicación definitiva: 24/12/1998 BOP Nº: 294
Aplicable dende: 01/01/2004

Artigo 1º .-Fundamento legal.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 en relación co 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa da rede de sumidoiros, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.

Artigo 2º .-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa:

a) A actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se se dan as condicións necesarias para autoriza-la acometida á rede de sumidoiros municipal.

b) A prestación dos servicios de evacuación de excretas, augas pluviais, negras e residuais, a través da rede de sumidoiros municipal, e o seu tratamento para depuralas.

2. Non estarán suxeitas á taxa as fincas derruídas, declaradas ruinosas ou que teñan a condición de solar ou terreo.

Artigo 3º .-Suxeito pasivo.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria que sexan:

a) Cando se trate de concesión de licencia de acometida á rede, o propietario, usufructuario ou titular do dominio útil da finca.

b) No caso de prestación de servicios do número 1.b) do artigo anterior, os ocupantes ou usuarios das fincas do término municipal beneficiarias de ditos servicios, calquera que sexa o seu título: propietarios, usufructuarios, habitacionistas ou arrendatarios, incluso en precario.

2. En todo caso, terá a consideración de suxeito pasivo substituto do ocupante ou usuario das vivendas ou locais o propietario destes inmobles, quen poderán repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.

Artigo 4º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigacións tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos. Interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º .-Cota tributaria.

1. A cota tributaria correspondente á concesión de licencia ou autorización de acometida á rede de sumidoiros esixirase por unha soa vez e consistirá na cantidade fixa de cincuenta euros (50 euros.) por vivenda ou local.

2. A cota tributaria a esixir pola prestación dos servicios de sumidoiros e depuración será a resultante de aplica-la seguinte tarifa:

a) Vivendas: 2 euros/trimestre.

b) Fincas e locais non destinados exclusivamente a vivenda. (usos industriais): 3 euros/trimestre.

Artigo 6º .-Exencións e bonificacións.

Non se contempla ningún tipo de exención, reducción ou bonificación na presente taxa.

Artigo 7º .-Retribución e período impositivo.

A retribución da presente taxa terá lugar o 1 de xaneiro de cada ano, e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo no suposto de inicio ou cese na utilización privativa ou aproveitamento especial, en tal caso o período impositivo axustarase a esta circunstancia co conseguinte prorrateo da cota por trimestres naturais.

Artigo 8º .-Declaración, liquidación e ingreso.

1. Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte formularán as declaracións de alta e baixa no censo de suxeitos pasivos da taxa, no prazo que media entre a data en que se produza a variación na titularidade da finca e o último día do mes natural seguinte. Estas últimas declaracións producirá efecto a partir da primeira liquidación que se practique unha vez finalizado o prazo de presentación de ditas declaracións de alta e baixa.

A inclusión inicial no censo farase de oficio unha vez concedida a licencia e acometida á rede.

2. As cotas esixibles por esta taxa liquidaranse e recadarán polos mesmos períodos e nos mesmos prazos que os recibos de recollida de lixo.

3. No suposto de licencia de acometida, o contribuínte formulará a oportuna solicitude e os servicios tributarios deste Concello, unha vez concedida aquela, practicarán a liquidación que proceda, que sexa notificada para ingreso directo na forma e prazos que sinala o Regulamento Xeral de Recadación.

Artigo 9º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e será de aplicación a partir do 1 de xaneiro de 2004, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.