Val do Dubra - Ordenanza fiscal núm. 1, reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos

Publicación provisional: 04/02/2006 BOP Nº: 29
Publicación definitiva: 04/02/2006 BOP Nº: 29
Aplicable dende: 12/04/2009

Artigo 1º.- Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a Taxa por expedición de documentos administrativos que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2º.- Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da Taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes de que entenda a Administración ou as autoridades municipais.

2. Para estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fora provocada polo particular ou redunde no seu beneficio aínda que non mediara solicitude expresa do interesado.

3. Non estará suxeita a esta taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servizos ou realización de actividades de competencia municipal e á utilización privativa ou o aproveitamento especial de bens do dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal ou polos que se esixa un prezo público por este Concello.

Artigo 3º.- Suxeito pasivo

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria que soliciten, provoquen ou en cuxo interese redunde a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Artigo 4º.- Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administrativos das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5º.- Exencións subxectivas

Gozarán de exención as fotocopias compulsadas das follas de saneamento gandeiro.

Artigo 6º.- Cota Tributaria

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota de tarifa corresponde á tramitación completa, en cada instancia, do documento ou expediente do que se trate, dende a súa iniciación ata a súa resolución final, incluida a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

3. As cotas resultantes por aplicación das anteriores tarifas incrementaranse nun 50 por 100 cando os interesados solicitasen con carácter de urxencia a tramitación dos expedientes que motivasen o devengo.

Artigo 7º.- Tarifa

A Tarifa a que se refire o artigo anterior estrutúrase nos seguintes epígrafes:
Epígrafe Primeiro: Empadroamento de habitantes:
Expedición de documentos relativos ao censo de poboación: 1,11 euros.
Informacións testificais de calquera clase: 3,34 euros.
Epígrafe Segundo: Certificacións, expedicións doutros documentos e Compulsas:
Certificacións e expedición doutros documentos: 5,25 euros.
Compulsas: 3,34 euros.
Bastanteo de poderes: 33,35 euros.
Epígrafe Terceiro: Documentos expedidos ou estendidos polas Oficinas Municipais:
Cambios de titularidade e nome en licenzas de apertura: 44,47 euros.
Pola busca de documentos nos arquivos ou oficinas municipais, dentro do último quinquenio: 3,34 euros.
Por cada cinco anos anteriores a este, incrementarase na cantidade de 2,22 euros/quinquenio, sen exceder de: 6,67 euros.
Por tramitación de documentos de casamentos: 33,35 euros.
Por cada documento que se expida en fotocopia, por folio
-Tamaño DIN A4: 0,10 euros
-Tamaño DIN A3: 0,22 euros
Epígrafe Cuarto: Documentos relativos a Servizos de Urbanismo:
Por cada certificación ou informe que se expida polos servizos urbanísticos solicitada a instancia de parte:
.- Con visita de comprobación: 83,39 euros.
.- Sin visita de comprobación: 33,35 euros.
Por cada expediente de segregación, división ou agrupación: 100,05 euros.
Por cada expediente acreditativo da antigüidade das edificacións sobre incoación ou non de expediente de reposición da legalidade ou sancionador: 111,17 euros.
Tramitación de instrumentos de xestión:
-Estudos de detalle: 277,93 euros.
-Equidistribución: 333,52 euros.
-Proxectos de compensación: 333,52 euros.
-Proxectos de parcelación e reparcelación: 333,52 euros.
Epígrafe Quinto: Contratación Obras e Servizos:
Por cada contrato administrativo que se suscriba de obras, bens ou servizos: 0,5% do importe da adxudicación.
Epígrafe Sexto: Dereitos de exame:
Participación en procesos selectivos de persoal:
1. Posto de traballo grupo A: 22,24 euros.
2. Posto de traballo grupo B: 18,90 euros.
3. Posto de traballo grupo C: 15,57 euros.
4. Posto de traballo grupo D: 12,23 euros.
5. Posto de traballo grupo E: 8,90 euros.

Artigo 8º.- Bonificacións da cota

Non se concederá ningunha bonificación dos importes das cotas tributarias sinaladas na tarifa desta taxa.

Artigo 9º.- Devengo

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuir cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ao tributo.

2. Nos casos ao que se refire o número 2 do artigo 2.º, o devengo prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que provean a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen previa solicitude do interesado pero redunde no seu beneficio.

Artigo 10º.- Declaración e ingreso

1. A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, polo procedemento do selo municipal adherido ao escrito do solicitude da tramitación do documento ou expediente, ou nestes mesmos se aquel escrito non existira, ou a solicitude non fora expresa.

2. Os escritos recibidos polos condutos a que fai referencia o artigo 66 da Lei de procedemento administrativo, que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisionalmente, pero non poderán dárselle curso, sen que se emende a deficiencia, a cuxo fin se requirirá ao interesado para, no prazo de dez días aboe as cotas correspondentes co apercibimento de que, transcorrido o dito prazo sen efectualo, teranse os escritos por non presentados e arquivarase a solicitude.

3. As certificacións ou documentos que expida a Administración municipal en virtude de oficio de xulgados ou tribunais para toda clase de pleitos, non se entregarán nin remitirán sen que previamente fora satisfeita a correspondente cota tributaria.

Artigo 11º.- Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal, cuxa redacción definitiva se aprobou polo Pleno da Corporación na sesión do día 20 de decembro de 2007, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín da Provincia e será de aplicación a partir do día seguinte de publicarse, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.