Santa Comba - Ordenanza fiscal nº 7, reguladora da taxa por licenza de apertura de establecementos
Artigo 1º. Natureza e fundamento.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e 19 do Texto refundido da Lei de Facendas Locais aprobado por Real Decreto Legislativo 2/2004, este concello establece a taxa pola licencia de apertura de establecementos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ó previsto no artigo 57 do Texto refundido da Lei de Facendas Locais aprobado por Real Decreto Legislativo 2/2004, así coma polo previsto na Ordenanza Xeral de xestión, recadación e inspección dos tributos municipais.
Artigo 2º. Feito impoñible.
1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica coma administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outra esixida polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este concello da licencia de apertura a que se refire o artigo 22 do Regulamento de servicios das corporacións locais.
2. A tal efecto, terá a consideración de apertura:
a) A instalación por primeira vez do establecemento para dar comezo ás súas actividades.
b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.
c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leva a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas.
d) Os traspasos e cambios de titularidade dos establecementos por calquera causa, incluídos os cambios de denominación social.
3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ó público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:
a) Se dedique ó exercicio dalgunha actividade empresarial, fabril, artesá, de construcción, comercial e de servicios.
b) Aínda sen desenvolver as actividades anteriores, sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas de forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo: sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, oficinas, despachos ou estudios.
Artigo 3º. Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 (35.4) da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, de ser o caso, desenvolvida en calquera establecemento industrial ou mercantil.
Artigo 4º. Base impoñible.
1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.
2. A cota da tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.
Artigo 5º. Cota tributaria.
1. As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:
a) Licenzas de tramitación ordinaria para establecementos de ata 200 m2 construidos: 188,16 euros.
b) Licenzas de tramitación ordinaria para establecementos de máis de 200 m2 construídos: 268,58 euros.
c) Licenzas para actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e outras de tramitación especial en establecementos de ata 200 m2 construídos: 322,51 euros.
d) Licenzas para actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas e outras de tramitación especial en establecementos de máis de 200 m2 construídos: 483,92 euros.
e) Licenzas para actividades gandeiras suxeitas ó RAMINP: 107,54 euros.
f) Cambios de titularidade ou calquera outro suposto de tramitación equivalente que non requira informes técnicos: 64,50 euros.
g) Cambios de licenza municipal de apertura: Devengarase a tasa que corresponda á tramitación da nova licenza que se solicita.
h) O custo das publicacións de edictos nos boletíns oficiais, para aquelas actividades que o necesiten, serán por conta do interesado e cobraranse coa liquidación da taxa correspondente.
3. Cando nun establecemento ou local que pertenza a un só titular se vaia a exercer máis dunha actividade industrial ou mercantil e, polo tanto, sexa necesaria a obtención de varias licencias e o conseguinte pagamento de distintas taxas de apertura, a cota a satisfacer será a maior que corresponda, aplicándolle un recargo do 50 por 100.
4. No caso de desestimento formulado polo interesado con anterioridade á concesión da licencia, sempre que a actividade municipal xa se tivese iniciado, as cotas a liquidar serán:
- Do 20 por 100, se se produce no prazo dun mes desde a solicitude.
- Do 50 por 100, se se produce con posterioridade.
Artigo 6º . Devengo.
1. A presente taxa devéngase e nace a obriga de contribuír cando se inicia a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da solicitude da licencia de apertura.
2. De facerse a apertura sen licencia previa, a taxa devengarase ó iniciarse a actividade municipal para determinar se o establecemento reúne ou non as condicións esixibles, con independencia da iniciación do procedemento administrativo que se instrúa para autorizar a apertura ou resolver o peche do local.
3. A obriga de contribuir, unha vez nacida, non se verá afectada pola denegación da licencia solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento, nin por renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licencia.
Artigo 7º. Normas de xestión.
1. As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecemento industrial ou mercantil presentarán, previamente, no Rexistro Xeral deste concello, a oportuna solicitude, con especificación da actividade ou actividades a desenvolver no local, ademais da seguinte documentación, dependendo do concepto:
a) Licencia para actividades clasificadas: proxecto por triplicado.
b) Licencia de apertura: estudio técnico por duplicado.
2 . Se despois de formulada a solicitude de licencia de apertura, se variase ou ampliase a actividade a desenvolver no establecemento, se alterasen as condicións proxectadas por aquel ou ben se ampliase o local inicialmente previsto, estas modificacións deberán poñerse en coñecemento da Administración municipal co mesmo detalle e alcance que se esixan na declaración prevista no número anterior.
Artigo 8º . Caducidade.
1. Consideraranse caducadas as licencias e taxas satisfeitas por estas se, despois de notificada a súa concesión de xeito legal, non se tivese procedido á apertura do establecemento, por calquera causa, no prazo de tres meses, ou se os interesados non se fixeran cargo da documentación nas oficinas municipais dentro do devandito prazo.
2. Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, sempre que se solicite dentro do prazo anterior e se estivese ó corrente o pagamento das obrigas económicas, que será por outros tres meses. Transcorrido un e outro prazo xorde novamente a obriga de solicitar a licencia.
3. Tamén se producirá a caducidade da licencia se despois de abertos os establecementos pechasen e/ou estivesen dados de baixa polo prazo dun ano, salvo que esto obedeza a unha causa que xustifique adecuadamente o peche, a cal será apreciada pola Comisión Municipal de Goberno.
Disposición adicional única.
As modificacións que se introduzan na regulación do establecido nesta ordenanza pola lei de orzamentos xerais do Estado ou por calquera outra lei ou disposición, e que resulten de aplicación directa, producirán, no seu caso, a correspondente modificación tácita da presente ordenanza fiscal.
Disposición derrogatoria única.
A partir da data da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal quedará derrogada a ordenanza fiscal número 4-T reguladora da taxa pola licencia de apertura de establecementos no Concello de Santa Comba.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno da corporación na sesión que tivo lugar o día 26 de novembro de 2003, entrará en vigor no día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2004, continuando o vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación. No caso de modificación parcial desta ordenanza fiscal os artigos non modificados continuarán vixentes.
Por acordo plenario celebrado o día 29 de novembro de 2005 (BOP nº 33 do 9 de febreiro de 2006) modificouse o artigo 5º.
O presente texto entrará en vigor o 1 de Xaneiro de 2007, continuando o vixente en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.