Abegondo - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por utilización da piscina municipal
Artigo 1. Fundamento e natureza.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Eepañola e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade con disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola utilización da piscina municipal así como pola prestación de servicios nela, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, atendendo en todo caso ó prevido no artigo 58 da citada Lei 39/88.
Artigo 2. Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización da piscina municipal así como a prestación de servicios nela.
Artigo 3. Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria que soliciten a utilización da piscina municipal ou se beneficien dos servicios prestados polo Concello, a que se refire o artigo anterior.
Artigo 4. Responsables.
1 . Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.
Artigo 5. Cota tributaria.
A cota tributaria determinarase pola aplicación das seguintes tarifas:
a) Cotas ou tarifas de uso da piscina:
1.-0,90 euros por día, en caso de persoas menores de 14 anos.
2.-12,02 euros por día, en caso de persoas desde 14 anos en adiante.
3.-Bono familiar (pais e fillos): 9,02 euros por toda a tempada (15 de xuño a 15 de setembro).
4.-Gratuíto para alumnos participantes nas escolas municipais de verán e as súas familias (pais e irmáns).
b) Cursiños de natación:
1.-15,03 euros por curso (xullo e agosto) para nenos ata 14 anos.
2.-21,03 euros por curso (xullo e agosto) para adultos desde 14 anos inclusive, en adiante.
Artigo 6. Exencións e bonificacións.
Non se concederán máis exencións nin bonificacións en relación á exacción da taxa que as previstas na propia ordenanza fiscal reguladora desta.
Artigo 7. Esixibilidade da taxa.
1. Xérase a obriga de pagamento da taxa e nace a obriga de contribuír cando se inicie a prestación dos servicios ou ben cando se solicite a utilización da piscina municipal ou a prestación de servicios nela, podendo esixirse o depósito previo do seu importe total ou parcial.
2. Non están suxeitos ó pagamento da taxa:
a) Os actos organizados, promovidos ou patrocinados polo Concello, os que sexan consecuencia de intercambios ou convenios con outras institucións, que se rexerán polo respectivo convenio, nin os que sexan declarados de interese deportivo ou cultural por acordo da Comisión de Goberno.
b) As actividades ordinarias escolares de carácter deportivo ou cultural que se realicen dentro da xornada escolar.
3. A Alcaldía poderá acordar a recadación de tarifas previstas para esta taxa tendo en conta criterios xenéricos de capacidade económica dos suxeitos obrigados a satisfacelas. O acordo que se adopte deberá ser motivado e contar cos informes dos servicios municipais correspondentes.
Artigo 8. Normas de xestión recadatoria.
O pagamento da taxa realizarase:
a) Con carácter xeral, mediante ingreso directo na Tesourería municipal.
b) Nos supostos establecidos no artigo 5 a), puntos 1 e 2, nas instalacións da propia piscina municipal pola persoa designada ó efecto pola Alcaldía, que ademais deberá acordar, previo informe da Intervención e da Tesourería, o sistema de ingreso das cantidades correspondentes na Tesourería municipal, así como a rendición das contas e esixencia, no seu caso de eventuais responsabilidades.
As liquidacións efectuadas por tódolos conceptos, e previa conformidade do concelleiro delegado correspondente, deberán ser aprobadas polo órgano competente da Corporación.
Artigo 9. Outras normas de xestión.
As solicitudes de autorización para a utilización da piscina municipal nos supostos contemplados nos artigos 7.2. a) e 7.2. b) desta ordenanza fiscal, presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, cunha antelación mínima de cinco días hábiles.
As autorizacións serán concedidas pola Alcaldía, que poderá condicionalas á previa constitución dunha garantía en metálico, cando a natureza ou circunstancias da utilización solicitada poidan presentar danos por deterioros para as instalacións municipais, sendo o importe da dita garantía ou da estimación dos posibles danos ou deterioros feita polos servicios municipais.
O documento acreditativo da autorización haberá de ser presentado no momento de entrar no recinto da piscina municipal.
As inscricións en cursos e actividades realizarase en termos das correspondentes convocatorias.
Disposición final.
A presente ordenanza, aprobada polo Pleno do Concello en sesión de día 30 de outubro de 2001, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.