Teo - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola utilización das piscinas de titularidade municipal
Artigo 1.-Réxime xurídico.
De conformidade co disposto no artigo 20.1 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, en relación co artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, o Concello de Teo establece a taxa por utilización das piscinas de titularidade municipal, que se regulará pola presente Ordenanza Fiscal, e no seu defecto, polo disposto no Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, a Lei 58/2003, Xeral Tributaria, Regulamento Xeral de Recadación, RD 939/2005, de 29 de xullo, o RD 520/2005, de 13 de maio.
Artigo 2.º.-Feito impoñible.
1.-A taxa regulada nesta Ordenanza Fiscal constitúe unha prestación patrimonial de carácter público que satisfarán os usuarios que voluntariamente soliciten a utilización das piscinas municipais que de seguido se detallan:
1.1.-Piscina municipal descuberta da Insua-Luou.
1.2.-Piscina municipal descuberta dos Tilos.
Artigo 3.º.-Suxeitos pasivos e responsables.
1.-Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 36 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que utilicen as instalacións deportivas enumeradas no artigo anterior.
2.-Serán responsables solidarios das obrigas tributarias dos suxeitos pasivos as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigos 41 e 42 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria.
Serán responsables subsidiarios os administradores de feito e de dereito das persoas xurídicas, os integrantes da administración concursal e os liquidadores de sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.
Artigo 4.º.-Cota tributaria. Tarifas.
O importe da taxa pola utilización das piscinas municipais, cinguirase ás seguintes tarifas:
1. Expedición do carné de usuario:
Primeiro membro da unidade familiar: 15 euros.
Segundo membro da unidade familiar: 10 euros.
Terceiro membro da unidade familiar: 5 euros.
Seguintes membros da unidade familiar: de balde.
Os/as menores de 5 anos e os/as maiores de 60 anos poderán acceder ó carné de usuario de xeito gratuíto.
Enténdese por unidade familiar a formada polos proxenitores e mailos seus fillos e fillas.
2. Entrada.
A entrada solta terá o prezo de 2 euros.
Artigo 5.º.-Devengo.
A taxa devengarase cando se solicite a expedición do carné de usuario ou da entrada solta. Cando se utilicen as instalacións enumeradas no artigo 2 sen a previa autorización do órgano competente da administración municipal, a taxa devengárase cando se inicie a efectiva utilización.
Artigo 6.º.-Normas de xestión.
1.-As solicitudes para a expedición do carné de usuario das piscinas serán realizadas nun escrito dirixido ó Departamento de Deportes, cunha antelación mínima de 3 días hábiles en relación ó momento no que se pretenda a súa utilización.
2.-A autorización corresponderá a Concellaría delegada de Cultura e Deportes. O carné non se entregará sen a presentación do xustificante de ter ingresado a correspondente taxa.
3.-A liquidación da taxa realizarase mediante modelo de autoliquidación facilitado nas oficinas municipais e o ingreso farase nunha conta a nome do concello de Teo nas oficinas bancarias que se determinen.
4.-As entradas soltas poderán adquirirse nos postos de control das propias piscinas. O usuario recibirá unha copia da súa entrada en que deberá aparecer o prezo e a data en que se produce o uso.
Artigo 7.º.-Exencións.
Estarán exentos do pagamento os solicitantes que conten un informe favorable ó respecto expedido polos Servizos Sociais do Concello. ¿Tamén estarán exentos do pagamento da taxa aquelas familias que acrediten que teñen a todos os seus membros en paro.
Disposición derradeira.
A presente Ordenanza Fiscal entrará en vigor a partir do día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e manterá a súa vixencia indefinidamente en tanto non sexa modificada ou derrogada expresamente.