Pontedeume - Regulamento de réxime interno das instalacións deportivas do concello de Pontedeume
CAPITULO I. OBXECTO E FINS.
Artigo 1.- É obxecto do presente regulamento a regulación das instalacións deportivas propiedade do Concello de Pontedeume, así como as futuras instalacións e as alugadas, que xestionará o SERVICIO MUNICIPAL DE DEPORTES DO CONCELLO DE PONTEDEUME, sendo na actualidade as seguintes:
-PAVILLÓN MUNICIPAL POLIDEPORTIVO " A CASQUEIRA".
-PISTAS POLIDEPORTIVAS EXTERIORES.
O presente Regulamento non será de aplicación ás instalacións deportivas da Piscina Municipal que se rexerán polo seu propio Regulamento.
Artigo 2.- Os inmobles onde se ubican as instalacións deportivas municipais, a excepción das alugadas, son bens de dominio público, subgrupo de servicio público e figuran no libro de Inventario e Rexistro de Bens do Concello de Pontedeume.
Artigo 3.- As instalacións municipais destinaranse principalmente á práctica de toda clase de actividades físico-deportivas e recreativas (adestramento, competición, formación ou exhibición-espectáculo), sen prexuízo de utilizalas en determinados momentos para a realización doutras manifestacións artistícas, culturais, sociais ou actividades de relevancia para a comunidade local.
Artigo 4.- De acordo co artigo anterior, as instalacións deportivas municipais poderán utilizarse para os seguintes actos:
a) Actividades e competicións deportivas: baloncesto, balonmán, fútbol-sala, voleibol, ximnasia ritmica e de mantemento, e en xeral calquera deporte oficialmente recoñecido como tal que se adecúe ás características da instalación.
b) Reunións de carácter exclusivamente artístico ou cultural, así como tamén festivais que poida autorizar o Servicio Municipal de Deportes.
c) Actos públicos non incluidos en ningún grupo dos anteriores e que legalmente poidan autorizarse.
O Servicio Municipal de Deportes, atendendo ás circunstancias que o aconsellen, reservarase o dereito de propoñer ó órgano competente a prohibición de celebración de calquera reunión ou manifestación, mediante comunicación previa aos interesados en que así se dispoña.
CAPITULO II. DAS COMPETENCIAS
Artigo 5.- Dentro das súas competencias, o Servicio Municipal de Deportes do Concello de Pontedeume está facultado para realizar todos os actos que se encamiñen ao cumprimento dos fins seguintes:
-A finalidade primordial será a promoción deportiva e o desenvolvemento da cultura física e a práctica deportiva da poboación de Pontedeume.
-A promoción das instalacións, así como a conservación, mantemento e administración das instalacións deportivas propiedade do Concello.
-Facilitar a todos os veciños a utilización das instalacións deportivas municipais con caracter formativo e de espallaento, e sen ánimo de lucro, de xeito que as achegas económicas dos usuarios contribúan a sufragar os gastos de mantemento das mesmas.
-Xestionar o posible uso doutras instalacións deportivas, públicas ou privadas, propias ou alugadas, para o cumprimento dos fins do Servicio Municipal de Deportes.
CAPITULO III. DO PERSOAL ADSCRITO AO SERVICIO.
Artigo 6.-Ademais das funcións propias de cada posto de traballo, co obxecto dunha maior coordinación dos servicios xunto coa boa atención ós usuarios, realizaranse as seguintes:
-Todo o persoal destinado nas instalacións deportivas levará permanentemente, mentres permaneza dentro das instalacións, nun lugar visible a identificación persoal que lle será facilitada polo Servicio Municipal de Deportes, onde figurará a súa fotografia, nome e apelidos, nº DNI e función que desempeña na instalación. O carné de identificación levará unha cor apropiada, co obxecto dunha identificación rápida por parte dos usuarios, para que poidan dirixir as súas consultas á persoa adecuada.
Todo o persoal do servicio vestirá coa indumentaria propia do mesmo.
Regularase co mesmo procedemento ó persoal dos clubs que teñan unha asidua permanencia nas instalacións deportivas, así como o persoal ou directivos en competicións oficiais.
-O persoal destinado nas instalacións deportivas velará para que os usuarios e demais que acudan ás instalacións cumpran o presente Regulamento de réxime interior, corrixindo, polos medios legais, as incidencias que se poidan producir en calquera momento.
CAPITULO IV.
SECCIÓN PRIMEIRA. DOS USUARIOS, ENTIDADES E CLUBS.
Artigo 7.-O acceso ás instalacións farase coa identificación oportuna, respectando os horarios establecidos e a instalación a utilizar, atendendo en todo momento ás modificacións dos empregados do servicio. Será requisito indispensable para poder acceder ás instalacións a presentación da seguinte documentación:
-Abono, naqueles casos en que os usuarios fagan uso desta modalidade.
-Na solicitude de alugueiro de calquera instalación deberá especificarse claramente a actividade a realizar, non podendo realizarse outra distinta a aquela para a que foi alugada.
Cada carné ou abono é exclusivo da zona da instalación e da actividade pola que foi expedido, non podendo utilizarse noutra zona e realizar actividades diferentes ás que sinale.
-Non se poderá introducir dentro das instalacións: bicicletas, motocicletas, motos, ou calquera tipo de máquinas e7ou vehículos similares.
Artigo 8.-Os usuarios respectarán o equipamento deportivo e mobiliario das instalacións, ordenando o material unha vez utilizado.Así mesmo deberán manter unha actitude cívica correcta, evitando actos que sifgnifiquen prexuízo para as instalacións e para o resto dos usuarios.
Artigo 9.-
-Non se permitirá o uso de envases de vidro ou metálicos dentro da instalación deportiva.
-Non se permitirá fumar.
De non cumplirse estos condicionantes de carácter cívico, tanto os usuarios das instalacións como os asistentes aos actos que teñan lugar no interior delas, poderán ser expulsados das mesmas.
Artigo 10.-É obrigatoria a utilización do atuendo deportivo para a práctica e adestramento propio de cada modalidade deportiva, tanto para adestradores, delegados como para os usuarios.
Artigo 11.-O horario de utilización das instalacións deportivas, previa petición de hora dos usuarios, clubs e asociacións deportivas, será confeccionado polos técnicos responsables do Servicio Municipal de Deportes e estará a disposición dos usuarios para que estes coñezan en todo momento o mesmo.
Artigo 12.-Os sábados, domingos e festivos de cada semana, conforme o manual de actividades, reservaranse para competicións. Ditas competicións serán solicitadas polos diferentes clubs deportivos, correspondendo o outorgamento da dita solicitude ó órgano municipal competente, previa proposta de resolución do concelleiro responsable e informe-proposta do Servicio municipal..
No momento que haxa novos deportes regulamentados, establecerase novo horario, seguindo o previsto neste regulamento. O Servicio Municipal de Deportes reservarase o dereito de realizar as posibles modificacións cando, unha vez concedidas as horas, causas maiores e outras así o aconsellen, sempre con aviso aos interesados.
Artigo 13.-
1.-Os usuarios que por calquera causa xustificada non vaian facer uso da instalación, téndoa concedida, deberán comunicalo con 48 horas de antelación ó Servicio, para que este poida dispoñer da súa utilización.
2.-A non utilización das instalacións que se sinalan levará consigo:
A) a non utilización por dúas veces consecutivas e tres alternas, e sen aviso, das instalacións, producirá a perda dos dereitos de utilización pola tempada deportiva.
B) a non utilización por máis dun 40% da sesión mensual na escola deportiva levará consigo o pase do usuario ao final da lista de espera de dita actividade.
c) non se inclúen os usuarios que, ben por accidentes sufridos nas instalacións ou ben por térselle detectado papilomas, fungos, outras lesións ou certificado médico que xustifique a súa ausencia, non puidan acudir ás actividades correspondentes, prevéndose soamente nestes casos a reserva de praza na actividade, previa acreditación fehaciente da imposibilidade referida.
3.-Non se permite o uso das instalacións a terceiros, salvo autorización expresa do responsable do Servicio.
4.-As actividades organizadas polo Concello a realizar no ximnasio e no pavillón municipal, estarán cubertas cunha póliza de responsabilidade civil. Os accidentes ou lesións que se ocasionen os usuarios na práctica deportiva serán asumidos polos seus respectivos seguros particulares.
Artigo 14.- O usuario deberá satisfacer puntualmente as taxas e/ou os prezos públicos correspondentes, que en todo momento se axustarán ás tarifas aprobadas polo Concello nas correspondentes Ordenanzas.
Artigo 15.- O usuario das instalacións farán efectivo a taxa ou prezo público ao que se refire o artigo anterior, no momento de reservar a hora. O incumprimento desta norma cancelará automáticamente a reserva da hora solicitada.
Artigo 16.- Existirá un buzón para que o usuario poida dirixir as súas queixas, críticas ou suxestións acerca do funcionamento das instalacións.
Artigo 17.- Para poñer en funcionamento calquera Escola deportiva, será necesario contar como mínimo cunha inscrición do 100% das prazas prefixadas.
Artigo 18.- Non se permitirá o acceso ás instalacións a ningún tipo de animal doméstico.
Artigo 19.- Os usuarios limitarán a zona de uso da instalación á actividade a realizar, non podendo desprazarse por outras zonas de actividade da instalación.
Artigo 20.-Todos os usuarios das instalacións deportivas municipais deberán coñecer o presente Regulamento de réxime interior. Para iso facilitarase aos usuarios, clubs e asociacións un exemplar do mesmo; así mesmo no taboleiro de anuncios de cada instalación expoñerase un exemplar de dito regulamento.
Calquera alusión ao descoñecemento do dito regulamento non exonera do seu cumprimento e das responsabilidades que houbese lugar.
SECCIÓN SEGUNDA. NORMAS PARA ENTIDADES, CLUBS E PARA TODAS AS INSTALACIÓNS.
Artigo 21.-O club ou entidade faise responsable dos posibles deterioros que se poidan ocasionar durante a utilización das instalacións polos seus compoñentes, e que foran realizadas por neglixencia ou intencionalildade.
Artigo 22.- O uso períodico das instalacións durante unha ou máis tempadas non concede dereito ningún ao club ou entidade para utilizalo na seguinte tempada.
Artigo 23.- O alugueiro e uso das instalacións, tanto por parte dos clubs, entidades e usuarios en xeral, farase conforme aos horarios establecidos segundo o manual de actividades, cuadrante de horarios, etc.. non podendo utilizarse ou alugarse en horarios e períodos de tempo distintos aos sinalados para cada actividade.
Artigo 24.- Se por causas excepcionais houbese que pechar unha instalación, ou algunha das súas zonas, a actividade programada quedará suspendida, non podendo ser recuperada nin prolongada.
No suposto de estarse celebrando competicións oficiais, o Servicio de Deportes poderá reprogramar as actividades co obxecto de que a dita competición se puidese celebrar o antes posible.
Artigo 25.- O club ou entidade usuaria é responsable de que durante os adestramentos ou nos partidos estea no banquiño ou na pista o persoal correspondente.
Non se permitirá que nos adestramentos ou partidos o número de persoas participantes sexa superior ao marcado no regulamento federativo propio de cada actividade.
Artigo 26.- Cada equipo utilizará os vestiarios que se lle designen.
Artigo 27.-Os equipos dos colexios ou clubs compostos por minores de edade que utilicen as instalacións, terán que estar permanentemente acompañados polos profesores, adestradores ou responsables dos mesmos, que serán os encargados de facer cumprir as normas das instalacións.
Artigo 28.- Será responsabilidade do club a colocación e garda do material deportivo utilizado nos adestramentos.
Artigo 29.- O réxime de horario da utilización das instalacións será o seguinte:
a) a petición de hora farase polo representante de cada equipo na data que se sinale, establecéndose a seguinte orde de preferencia:
1- Actos programados polo Concello de Pontedeume
2- Escolas deportivas municipais
3- Clubes deportivos do Concello con categorías inferiores (se están federados ou en competición)
4- Clubes deportivos do Concello sen categorías inferiores (se están federados ou en competición)
5- Uso público
6.-Actos alleos ó deporte organizados por sociedades, partidos políticos e asociacións de todo tipo, festivais e espectáculos artísticos de carácter profesional.
*As asociacións culturais que promovan actividades físico-deportivas para os seus socios terán a consideración sinalada na línea 4 de prioridades.
b) sempre que se estean celebrando competicións, o responsable técnico do servicio poderá poñer dous días para a petición de pista, un para competicións e outro para adestramentos.
Artigo 30.- Os usuarios dos clubs deberán recoller e colocar os diferentes aparatos e material deportivo necesario para a realización das actividades. Dita colocación poderá contar coa supervisión do persoal de mantemento das instalacións.
Artigo 31.- Será responsabilidade do usuario ou club calquera perxuízo que se ocasione, tanto ao propio usuario como a terceiros, por incumprimento das normas e da mala utilización do material de equipamento e deportivo, así como do deterioro que se ocasione a dito material.
SECCIÓN TERCEIRA. NORMAS COMPLEMENTARIAS PARA TODAS AS INSTALACIÓNS EN XERAL.
Artigo 32.- Os gastos do persoal discontinuo como taquilleiros, porteiros, electricistas, acomodadores, vixiantes e calquera outro que se require en función da natureza do acto, correrán por conta dos organizadores do mesmo, sendo da súa exclusiva responsabilidade o cumprimento das obrigas laborais, fiscais ou de outra índole que se deriven de tal relación laboral.
As necesidades de tal tipo de persoal serán fixadas a xuízo dos responsables do Servicio Municipal de Deportes, tendo en conta o acto a celebrar.
Artigo 33.-O Concello, previo informe proposta do Servicio Municipal de Deportes, poderá concertar convenios coas asociacións, federacións, agrupacións, entidades deportivas ou calquera outro ente público ou privado, para o desenvolvemento de programas deportivos. Ditos acordos ou convenios deberán xustificar a obtención, como resultado final das recíprocas contraprestacións, dun equilibrio económico entre as partes.
Artigo 34.- Non están obrigados ao pago de ningunha cantidade as actividades organizadas polo Concello de Pontedeume, ben directamente ou a través doutras entidades ás que se lles conceda o patrocinio municipal.
SECCIÓN CUARTA. NORMAS DE XESTIÓN PARA TODAS AS INSTALACIÓNS EN XERAL
Artigo 35.- Cando se trate da práctica de actividades físico-deportivas e recreativas (adestramentos, competición, formación ou exhibición-espectáculo) por parte de clubs deportivos, asociacións, colexios, etc.. que teñan concedida a utilización periódica das instalacións deportivas municipais, a taxa devengarase de conformidade co establecido no artigo 9 da ordenanza Fiscal nº 24 reguladora da Taxa pola utilización do Pabellón municipal, así como a prestación de serviicos no mesmo.
Artigo 36.-O Servicio Municipal de Deportes estenderá as cartas, boletos, tickets ou calquera outro documento que se estableza como xustificante de pago no caso de actividades e espectáculos deportivos, festivais organizados por colexios e institucións, e outros supostos semellantes.
Artigo 37.- As licencias para utilización das instalaciones deportivas, cando se trate de festivais, actos organizados por colexios e institucións, actos estatutarios de sociedades, asociacións de todo tipo, así como por festivais e espectáculos artísticos, recreativos e deportivos de carácter profesional, solicitaranse por medio de instancia dirixida ó alcalde-presidente do Concello de Pontedeume.
As instancias presentaranse na oficina administrativa do Servicio Municipal de Deportes, sendo tramitadas por este a través do Rexistro Xeral do Concello, e correspondendo ao mesmo emitir informe proposta sobre a procedencia do acto que se pretende celebrar, formulando a correpondente proposta resolución, e así mesmo practicar a liquidación da taxa ou prezo público que proceda.
Artigo 38.- Será potestade do Concello, previo informe proposta do Servicio Municipal de Deportes a fixación das fianzas para a utilización das instalacións ao aire libre.
Artigo 39.-O Servicio Municipal de Deportes nos se fai responsable dos obxectos persoais dos usuarios e acompañantes que se poidan extraviar durante a práctica deportiva..
CAPITULO V. NORMAS PARTICULARES DE USO DAS DIFERENTES INSTALACIÓNS
PAVILLÓN POLIDEPORTIVO " A CASQUEIRA ".
Artigo 40.- Ademais das normas xerais, deberán cumprirse as seguintes:
-Permitirase o acceso dos usuarios con quince minutos ( 15 ) de antelación como máximo ao inicio da actividade.
A saída da instalación, unha vez rematada a actividade, farase como máximo aos trinta minutos ( 30 ) da finalización da mesma.
-Os usuarios non poderán acceder á cancha de xogo ata que remate a actividade que se estea desenvolvendo, podendo facer uso dos pasillos de vestiarios como zona de quencemento, non autorizándose o uso de balóns.
-Os usuarios, clubs e equipos, nos adestramentos deberán abandoar a pista de xogo unha vez rematado o tempo de alugueiro da mesma.
-En competicións oficiais permitirase o acceso á pista de dúas persoas, unha por cada equipo, que farán o labor de auxiliares de pista.
Se as federacións das distintas disciplinas deportivas contemplan unha maior presencia de persoas na competición oficial, estarase ao regulamentado por estas, así como das credenciais que ditas persoas deban posuir.
-Nos adestramentos de clubs no ximnasio, os deportistas estarán permanentemente acompañados dun monitor do club. Dito acompañamento efectuarase dende a entrada ás instalacións. A falta deste requisito anulará o uso da actividade.
NORMAS PARTICULARES PARA O USO DAS PISTAS POLIDEPORTIVAS
EXTERIORES
Artigo 41.- Ademáis das normas xerais o funcionamento rexerase polas seguintes:
1- As pistas polideportivas exteriores serán rexidas polo movemento asociativo ou deportivo, segundo o convenio que se estableza có Concello de Pontedeume.
2- O uso das pistas rexerase polas seguintes prioridades:
-Actos organizados polo Concello.
-Actividades organizadas polo movemento asociativo ou deportivo.
-Resto de actividades.
3- O movemento asociativo ou deportivo que rexa a pista polideportiva exterior farase cargo da limpeza dos vestiarios e do custo do consumo enerxético dos mesmos, auga e outros existentes, así como dos seguros correspondentes.
4- O movemento asociativo ou deportivo que rexa a pista polideportiva exterior será o encargado da adxudicación dos horarios de utilización da pista, baixo a supervisión e visto e prace do Servicio Municipal de Deportes.
5- O movemento asociativo ou deportivo que rexa a pista polideportiva exterior situará, nun lugar visible para os usuarios, unha copia da Ordenanza reguladora do precio público pola utilización da instalación deportiva.
CAPITULO VI. DO MATERIAL DEPORTIVO, MOBILIARIO E DEMAIS ENSERES.
Artigo 42.- Ademais das normas recollidas nos diferentes apartados deste regulamento, deberanse cumprir as seguintes:
-O material deportivo, mobiliario e demais enseres propiedade do Concello de Pontedeume a utilizar dentro de cada instalación deportiva solicitarase para o seu uso aos responsables de mantemento de cada instalación, devolvendo os mesmos a ditos responsables unha vez rematada a actividade.
-O material deportivo, mobiliario e demais enseres propiedade do Concello de Pontedeume que teña que sair dunha instalación deportiva do Concello, ben para outra dependencia, solicitarase por escrito polo usuario, club, agrupación, etc.. na oficina admisnistrativa do Servicio Municipal de Deportes , no impreso correspondente e coa antelación suficiente, correspondendo aos responsables do Servicio aprobar ou denegar o préstamo de dito material.
-Os clubs, agrupacións, entidades,etc.. con sede nas instalacións deportivas do Concello que á entrada en vigor deste regulamento teñan material deportivo, mobiliario e demais enseres da súa propiedade dentro das ditas instalacións, farán un inventario de ditas propiedades sinalando as características de cada elemento e presentarano no Rexistro Xeral do Concello.
Calquera nova incorporación ou baixa das propiedades citadas será inventariada do mesmo xeito.
-Os clubs que incorporen materiais propios á súa actividade dentro dunha instalación deberán comunicalo aos responsables de mantemento; de non facelo, o material que se pretenda sacar dunha instalación, e que previamente non se detallase, quedará consignado na propia instalación ata que se comprobe a titularidade do mesmo.
CAPITULO VII. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 43.-
Consideraranse faltas moi graves as infraccións contidas no artigo 140.1 do Titulo XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local.
Consideraranse faltas graves as seguintes conductas:
a) A falta de respecto cos traballadores das instalacións ou demais usuarios.
b) As accións que impliquen deterioro grave das instalacións ou equipamento, a perturbación grave ocasionada no uso das isntalacións por parte das persoas con dereito a utilizalas e a perturbación grave ocasionada no normal funcionamneto do servicio público.
c) A reiteración de faltas leves.
Consideraranse faltas leves as seguintes conductas:
a) A desobediencia das instruccións e advertencias que o persoal das instalacións deportivas municipais determine co fin de cumpri-lo presente regulamento, en especial os artigos referentes ó comportamento dos usuarios e a utilización das instalacións.
b) As accións que impliquen deterioro das instalacións ou equipamento, a perturbación ocasionada no uso das instalacións por parte das persoas con dereito a utilizalas e a perturbación ocasionada no normal funcionamento do servicio público.
Artigo 44.- Sancións.
As faltas leves serán sancionadas con multa de 30,05 € a 750 €.
As faltas graves serán sancionadas con multa de 750,01 € a 1.500 €.
As faltas moi graves serán sancionadas con multa de 1.500,01 € a 3.000 , e coa prohibición de entrada nas instalacións por un período máximo dun ano, perdendo, no seu caso, a condición de abonado.
Artigo 45..- Procedemento sancionador.
A tramitación do procedemento sancionador acomodarase ó regulado no RD 1398/1993, polo que se aproba o Regulamento do Procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.
En todo caso teranse en conta os principios e circunstancias sinaladas no Título IX da Lei 30/1992 e, no Título XI da Lei 7/1985, de 2 de abril, regulaadora das bases do réxime local.
Os expedientes instruiranse pola Concellería delegada competente resolvéndose pola Alcaldía do Concello.
CAPITULO VIII
Artigo 46.- No expresamente non sinalado neste Regulamento, será de aplicación o establecido na lexislación local relativa ós seus servicios, á que en todo caso se adapatará e á regulación contida na Lei do Deporte.
DISPOSICIÓN FINAL
Este regulamento entrará en vigor unha vez publicado no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo ó que se refire o artigo 70.2 en relación co artigo 65.2 da Lei 7/85, reguladora de bases de réxime local, modificada pola Lei 11/1999, do 21 de abril, e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derogación expresa.
Contra este regulamento poderá interponerse recurso contencioso administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ó da publicación no Boletín Oficial da Provincia.