Vilarmaior - Regulamento do centro social
LOCALIZACIÓN
ENTIDADE DA QUE DEPENDE: Concello de Vilarmaior
NIF: P-1509200-J
N.° REXISTRO: E-752
DIRECCIÓN: Armada, 1. 15637
DESTINATARIOS: residentes do Concello de Vilarmaior
LOCALIZACIÓN: o centro social está situado en Pena da Eirexa, sito en Vilarmaior
Centro de carácter polivalente dotado dos recursos materiais, humanos e financeiros a través dos cales se desenvolven programas básicos de actuación do nivel de atención primaria, dirixidos a toda a poboación.
É un establecemento aberto aos usuarios dos servizos sociais. O seu destino e o de prestar atención e asistencia necesaria, así como facilitar a convivencia e propiciar a participación e a integración social. Do mesmo xeito, procúrase a realización de actividades tendentes a conseguir os seguintes obxectivos:
▪ Uns niveis elevados de información.
▪ Fomento da participación persoal e comunitaria.
▪ Estímulo para levar a cabo accións de intercambio, de axuda mutua.
▪ Mellora progresiva da forma de vida.
SERVIZOS QUE OFERTA
▪ Actividades lúdico-deportivas.
▪ Atención social: información, orientación e asesoramento dos recursos sociais comunitarios, derivacións no seu caso, etc.
▪ Actuacións culturais, formativas e educativas.
▪ Terapia ocupacional: psicomotricidade, adaptacións funcionais (posto de traballo ergonómico), hixiene postural, orientación en axudas técnicas.
▪ Atención psicosocial: habilidades cognitivas, talleres de memoria, etc.
▪ Atención sanitaria: colaboración coa sanidade pública en campañas de atención preventiva. Sensibilización de hábitos saudables.
Así como calquera outra actividade que aprobe o Concello.
ORGANIZACIÓN E PERSOAL
A xestión do centro social correrá a cargo do Concello de Vilarmaior.
O Concello de Vilarmaior, contará cos profesionais adecuados para prestar os servizos correspondentes de atención directa, con persoal propio ou concertando os servizos necesarios con empresas privadas ou entidades de iniciativa social.
As actividades e tarefas precisas para o desenvolvemento das atencións e prestacións, serán sempre prestadas por persoal cualificado, e poderá contar coa colaboración do voluntariado organizado para o desenvolvemento de tarefas complementarias en actividades dirixidas á ocupación do ocio, acompañamento dentro e fóra do centro, e outras, sempre cunha intervención programada, coordinadas e supervisadas polo coordinador, sen que en ningún caso exima ao persoal de atención directa da súa realización.
A coordinadora do Centro Social será a Educadora Familiar, contando co resto de profesionais adscritos ao citado centro (animador sociocultural, traballadora social, etc.).
O horario do centro determínao o Concello.
O centro dispón dunha póliza de responsabilidade civil que garante a cobertura das indemnizacións ós/ás usuarios/as e sinistros do edificio. Dita póliza poderá ser requirida polos usuarios/as ou familiares para o seu coñecemento.
REQUISITOS E PROCEDEMENTO DE ADMISIÓN.
Para acceder á condición de usuario do centro social requírese:
▪ Ser residente do Concello de Vilarmaior.
▪ Non padecer enfermidade infecto-contaxiosa, nin psicopatías susceptibles de alterar a normal convivencia do centro.
O usuario inscribirase no Concello, indicando os servizos nos que desexe participar.
O centro dispón dun libro de rexistro de usuarios. Na mesma data de formalización do ingreso farase constar a identidade do usuario/a e data do seu ingreso, así como a data e motivo de baixa. Tamén disporá dun libro de incidencias.
Permitirase a utilización das instalacións a persoas que, sen cumprir os requisitos de acceso, teñan unha situación persoal ou social que así o recomende, ademais dos invitados a participar en actos ofertados desde o centro e o persoal colaborador.
Documentación a presentar:
▪ Solicitude de ingreso.
▪ Certificado de residencia do Concello de Vilarmaior.
▪ Informe médico que acredite que non se padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin psicopatías susceptibles de alterar a normal convivencia do centro.
▪ Fotocopia do DNI.
▪ Fotocopia da tarxeta sanitaria.
▪ Informe socioeducativo para os casos nos que se teña que xustificar a utilización das instalacións sen cumprir os requisitos de acceso pola súa situación persoal ou social.
NORMAS DE CONVIVENCIA:
Os usuarios do centro deberán observar boa conduta moral e as leis máis elementais que a convivencia esixe.
Evitarase todo aquilo que moleste aos demais, que perturbe a paz ou tranquilidade do centro.
Non se tolerará rifar, confrontacións ou altercados con violencia verbal e/ou física. Toda infracción a este respecto obrigará a unha seria advertencia verbal ou escrita se fora necesario. A terceira reincidencia neste aspecto, suporá a baixa do usuario do servizo.
En beneficio de todos esíxese o coidado por parte de todos dos útiles ao seu servizo: mobiliario, economizar a auga, electricidade, etc.
Está totalmente prohibido entregar propinas, regalos, etc. ao persoal do centro.
O centro non se responsabiliza da perda de cartos ou obxectos de valor. En todo caso, se os usuarios os traen consigo, quedarán baixo a garda e responsabilidade exclusiva do seu propietario.
Calquera obxecto que se atope, deberá entregarse ao persoal do centro ou avisar que o recollan, de igual maneira, se alguén perde algo pode comunicalo ao persoal do centro.
PERDA DA CONDICIÓN DE USUARIO OU BENEFICIARIO DO CENTRO SOCIAL:
Os usuarios do centro perderán a súa condición por algunha das seguintes causas:
1. Renuncia expresa do usuario.
2. Falecemento do usuario.
3. Comisión de faltas moi graves.
ASPECTO ECONÓMICO:
O centro poderá facilitar ao usuario do mesmo, servizos de carácter complementario como podoloxía, perruquería, transporte, xantar, cafetería e outros que se poidan concertar.
Os usuarios do centro social contribuirán ao financiamento dos servizos complementarios, segundo os prezos que se aproben ao respecto e que quedarán expostos no taboleiro do centro.
Todos os usuarios recibirán unha factura ou recibo dos pagos efectuados polos diferentes servizos complementarios.
SAÍDAS
O Centro Social ten un carácter aberto, polo que os usuarios poden realizar saídas ao exterior cando o consideren oportuno. Estas saídas, sempre e cando non sexan organizadas polo propio centro, serán de exclusiva responsabilidade do usuario.
RECLAMACIÓNS
O Centro Social conta cun libro de reclamacións a disposición dos usuarios. No suposto de efectuarse algunha reclamación, darase copia da mesma ao reclamante e remitirase unha segunda copia á Xunta de Galicia.
PROTECCIÓN DE DATOS
O Concello de Vilarmaior garantirá o cumprimento da Lei Orgánica 15/99 de Protección de Datos de Carácter Persoal, solicitando ao usuario ou representante a súa autorización para o tratamento automatizado dos seus datos, segundo o disposto na citada lei, e as cesións necesarias para a prestación do servizo que voluntariamente se solicita. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación de datos e oposición poderanse realizar nos termos previstos na citada lei.
DEREITOS E OBRIGAS DOS USUARIOS
DEREITOS
- A acceder ao centro, disfrutar dos servizos e recibir asistencia sen discriminación por razón de sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
- A participar e colaborar nos servizos e actividades que sexan organizados polo centro, aportando iniciativas, suxerencias.
- Á consideración no trato debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal do centro ou servizo coma dos demais usuarios.
- Ao sixilo profesional acerca dos datos do seu historial sanitario e social.
- A realizar saídas ao exterior.
- A manter relacións interpersoais.
- A unha asistencia individualizada acorde coas súas necesidades específicas.
- Á intimidade persoal en función das condicións estruturais dos centros e servizos.
- A que se lle facilite o acceso á atención social, sanitaria, educacional, cultural e, en xeral, a todas as necesidades persoais que sexan precisas para conseguir o seu desenvolvemento integral.
- A deixar de utilizar os servizos ou a abandonar o centro por vontade propia.
- A asociarse co obxecto de favorecer a súa participación na programación e no desenvolvemento de actividades.
OBRIGAS
- Cumprir as normas xerais de convivencia e sobre utilización do centro ou servizo establecida no regulamento de réxime interior.
- Observar unha conduta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encaminada a facilitar unha mellor convivencia, cos compañeiros, e persoal do centro.
- Colaborar na realización de determinadas tarefas que, sen supoñer un risco para a súa saúde nin para a finalidade do tratamento, sirvan para mellorar a súa autonomía persoal e participación na vida do centro, de acordo co disposto no regulamento de réxime interior.
- Gardar as normas de hixiene e aseo, tanto no persoal como nas dependencias do centro.
- Cumprir os horarios establecidos polo centro, que serán determinados polo Concello.
- Colaborar no mantemento e bo uso das instalacións do centro e coidar do mobiliario e enseres do centro, soamente as persoas autorizadas encargaranse da manipulación de diversos aparellos (como TV, etc.).
- Non se permite a entrada de bebidas alcohólicas.
- Está prohibido fumar, de acordo coa lexislación vixente.
- Non se permite o acceso de animais, agás cans-guía.
- Non está permitido entrar na sala de caldeiras e nas estancias sinaladas co cartel de ¿privado".
INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
¿ As infraccións califícanse en leves, graves e moi graves.
Infraccións leves:
- Alterar as normas de convivencia e respeto mutuo creando situacións de malestar no centro.
- Utilizar inadecuadamente as instalacións e medios do centro ou perturbar as actividades do mesmo, falta de colaboración do usuario no desenvolvemento das prestacións do centro.
- Trato desaxeitado, insultos, agresións verbais do usuario a otros usuarios ou persoal do centro.
Infraccións graves:
- A comisión da terceira infracción leve no prazo dun ano.
- A sustracción de bens ou calquera clase de obxecto propiedade do centro, do persoal do centro ou de calquera usuario.
- A neglixencia na utilización do equipamento e material do centro.
- Promover ou participar en altercados, rifas e pelexas de calquera tipo.
- Ocultación ou falseamento de datos.
- Incumprimento das normas de funcionamento do centro.
Infraccións moi graves:
- A comisión da segunda falta grave no prazo dun ano.
- As agresións físicas ou malos tratos a outras persoas usuarias ou ao persoal do centro.
¿ Sancións
Por faltas leves:
- Amonestación verbal privada ou por escrito segundo sexa convinte.
- Expulsión de 1 ou 2 días do centro cando o considere a coordinadora do centro e mediante a tramitación do correspondente expediente sendo competencia do alcalde a súa resolución.
Por faltas graves:
- Expulsión temporal do centro, que poderá chegar ata os seis meses, mediante a tramitación do correspondente expediente sendo competencia do alcalde a súa resolución.
Por faltas moi graves:
- Expulsión definitiva do centro, mediante a tramitación do correspondente expediente sendo competencia do alcalde a súa resolución.
A competencia para a incoación e resolución dos expedientes correspóndelle á Alcaldía.
En canto ao procedemento sancionador estarase ao previsto no título X da Lei 30/1992 e no RD 1398/93, así como no título XI da Lei 7/1985.
As infraccións leves prescriben aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos.
O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día no que a infracción se cometera.
O prazo de prescrición interrumpirase coa recepción polo usuario do escrito no que se comunica a incoación do expediente sancionador.
As sancións por faltas leves prescriben ao ano, por faltas graves aos dous anos e por faltas moi graves aos tres anos.
O prazo de prescrición das sancións comenzará a contarse desde o día seguinte a aquel en que adquira firmeza a resolución pola que se impoñe a sanción.
Interrumpirá a prescrición a iniciación, con coñecemento do interesado, do procedemento de execución.
DISPOSICIÓN FINAL
O presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado no BOP e transcorrido o prazo de quince días previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985 do 2 de abril, de bases do réxime local.