Coirós - Regulamento Orgánico Municipal

Publicación provisional: 04/12/2009 BOP Nº: 258
Publicación definitiva: 02/02/2010 BOP Nº: 21
Aplicable dende: 19/02/2010

TÍTULO PRELIMINAR

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.º .

O Concello de Coirós, no exercicio da potestade regulamentaria e de autoorganización que lle recoñece a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e o artigo 6.1 a) e 59.1 da Lei de Administración Local de Galicia, promove, polo presente regulamento a súa organización e réxime de funcionamento dos órganos básicos e complementarios que no mesmo se establece.

Artigo 2.º .

Na regulación das materias obxecto deste regulamento rexe a seguinte

prelación de fontes:

a) Lei Reguladora das Bases de Réxime Local.

b) Lexislación da Comunidade Autónoma Galega.

c) Regulamento Orgánico Municipal.

d) Lexislación Xeral do Estado, especialmente o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, Real Decreto 2.568/86, do 28 de novembro, para aquelas materias non reguladas polo presente regulamento orgánico ou que o seu desenvolvemento resulte insuficiente.

Artigo 3.º .

Correspóndelle ó alcalde ditar instrucións interpretativas e aclaratorias da normativa reseñada no artigo anterior, para a súa aplicación no municipio.

Artigo 4.º .

Correspóndelle ó Concello pleno o control e fiscalización de tódolos órganos de goberno.

TÍTULO I

DOS GRUPOS MUNICIPAIS

Artigo 5.º .

Os membros da corporación, para os efectos da súa actuación corporativa, constituiranse en grupos, que se corresponderán cos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que obtivesen postos na corporación. Cada partido político, federación, coalición ou agrupación constituirá un único grupo.

Artigo 6.º .

Integraranse, en calquera caso no grupo mixto, os membros dos partidos políticos, federacións, coalicións ou agrupacións que non obtivesen un mínimo de dous escanos.

No suposto de que non existise grupo mixto, este quedará constituído polo membro do partido político, federación, coalición ou agrupación que obtivese un só escano.

Durante o mandato da corporación, ningún membro dela poderá integrarse nun grupo distinto daquel no que o faga primeiramente.

Artigo 7.º .

Os grupos políticos constituiranse mediante escrito dirixido ó presidente e subscrito por tódolos seus integrantes, que se presentarán na Secretaría Xeral do Concello dentro dos cinco días hábiles seguintes á constitución da corporación.

Se algún concelleiro non asinase o escrito de constitución do grupo, isto non impedirá a súa constitución, e os non asinantes integraranse no grupo mixto.

No mesmo escrito de constitución farase consta-la designación do voceiro do grupo, podendo designarse tamén suplentes.

Artigo 8.º .

Da constitución dos grupos políticos e dos seus integrantes e voceiros, o presidente dará conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre tras cumprirse o prazo previsto no artigo anterior.

Artigo 9.º .

Os membros da corporación que adquiran a súa condición con posterioridade á sesión constitutiva deberán incorporarse ó grupo correspondente á lista na que foron elixidos ou, no seu caso, ó grupo mixto. No primeiro suposto terán un prazo de cinco días hábiles, que comezará a contar desde que tomen posesión do seu cargo, para acreditar a súa incorporación ó grupo que corresponda, mediante escrito dirixido ó presidente e asinado, así mesmo, polo correspondente voceiro. Se non se produce a súa integración na forma prevista anteriormente, e salvo que se interpuxese causa de forza maior, integrarase automaticamente no grupo correspondente á lista na que saísen elixidos.

Artigo 10.º .

Correspóndelle ós grupos políticos designaren, mediante escrito do seu voceiro dirixido ó presidente, aqueles dos seus compoñentes que os vaian representar en tódolos órganos colexiados integrados por corporativos pertencentes ós diversos grupos.

TÍTULO II

ORGANIZACIÓN NECESARIA DO CONCELLO

Artigo 11.º .

Son órganos necesarios do Concello:

- O Alcalde.

- Os Tenentes de Alcalde.

- O Pleno.

- A Comisión Especial de Contas.

Artigo 12º

Poden existir na organización municipal os seguintes órganos complementarios, si así o acorda o Pleno:

- A Xunta de Goberno Local

- As Comisións Informativas

- Os Concelleiros Delegados

- A Xunta de Delegados

- A Xunta de Portavoces

Artigo 13.º .

As atribucións dos distintos órganos necesarios son as que veñen determinadas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, así como no texto refundido de disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo R.D.L. 781/1986, do 18 de abril.

Artigo 14.º .

O Pleno e o Alcalde poden efectuar delegacións a prol da Xunta de Goberno Local. Pode tamén o Alcalde efectuar delegacións xenéricas en favor dos membros da Xunta de Goberno Local e delegacións específicas en favor de calquera dos Concelleiros/as, aínda que non pertenzan á devandita Xunta.

Artigo 15.º .

As delegacións xenéricas e especificas referiranse a unha ou varias materias determinadas, abranguendo tanto a facultade de dirixir os servizos correspondentes como a de xestionalos, baixo a supervisión directa do señor alcalde.

De tódalas delegacións e das súas modificacións darase conta ó Pleno na primeira sesión que se faga.

Artigo 16.º .

O órgano delegante poderá avocar en calquera intre as competencias delegadas. Ningún órgano poderá delegar nun terceiro as atribucións ou potestades recibidas por delegación doutro órgano.

Artigo 17.º .

O número e a denominación das distintas áreas de servizos que poden ser obxecto de delegación será de libre determinación do señor Alcalde.

Artigo 18.º .

O nomeamento dos Tenentes de Alcalde será libremente realizado polo Alcalde entre os membros da Xunta de Goberno Local.

O nomeamento, así coma o cesamento, farase mediante resolución do Alcalde, da que se dará conta ó Pleno na primeira sesión que se celebre, facéndose público polos medios de costume; todo iso sen prexuízo da súa efectividade dende o día seguinte á sinatura da resolución, se non se dispuxese outra cosa nela.

Artigo 19.º .

A condición de Tenente de Alcalde pérdese, ademais de polo cesamento decretado pola Alcaldía, por renuncia expresa manifestada por escrito e por perda da condición de membro da Xunta de Goberno Local.

Artigo 20.º .

Correspóndelles ós Tenentes de Alcalde substituír na totalidade das súas funcións, e pola orde do seu nomeamento, ó Alcalde, no caso de ausencia, enfermidade ou impedimento que imposibilite a este para o exercicio das súas atribucións, así como desempeñar as funcións de Alcalde no suposto de vacante na Alcaldía, ata que tome posesión o novo alcalde.

No caso de ausencia, enfermidade ou impedimento, as funcións do alcalde non poderán ser asumidas polo tenente de alcalde a quen corresponda sen expresa delegación da Alcaldía.

Aínda o disposto anteriormente, cando o alcalde se ausente do término municipal sen ter conferida a delegación ou cando por causa imprevista lle resultase imposible outorgala, será substituído polo tenente alcalde que lle corresponda, dando conta posterior á corporación.

Artigo 21.º .

Nos supostos de substitución do alcalde por razóns de ausencia ou enfermidade, o tenente de alcalde que asuma as súas funcións non poderá revoga-las delegacións que outorgase o primeiro.

TÍTULO III

FUNCIONAMENTO DOS ÓRGANOS NECESARIOS

Sección 1.ª. Funcionamento do Pleno.

Artigo 22.º .

Os tipos de sesión e a súa convocatoria rexerase polo establecido na Lei de Administración Local de Galicia, na Lei reguladora das Bases do Réxime Local, o texto refundido das disposicións legais vixentes sobre réxime local e, no non establecido neste regulamento, no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro (ROF).

Artigo 23.º .

O Pleno realizará sesión ordinaria, como mínimo, cada tres meses, e extraordinaria cando así o decida o Presidente ou o solicite a cuarta parte, polo menos, do número legal de membros da corporación. Neste último caso o presidente verase obrigado a convocala dentro dos catro días seguintes á súa solicitude e a súa celebración non poderá demorarse por máis de quince días hábiles dende que foi solicitada.

O Pleno sinalará os días e horas nas que terán lugar ditas sesións, que poderán ser mudados en calquera intre posterior por dito órgano. Igualmente, o Alcalde, por propia iniciativa ou a petición dos voceiros, por causa xustificada, poderá variar o día ou a hora dalgunha sesión, alonxándoo só o imprescindible dos fixados polo Pleno e comunicándollo ós interesados e publicándoo no taboleiro de anuncios coa maior brevidade posible.

Artigo 24.º .

As sesións poderán celebrarse en primeira ou segunda convocatoria. A segunda convocatoria sería dous días despois da sinalada para a primeira ou ó día seguinte hábil se cadrase en festivo. Neste caso non sería necesario o envío da orde do día, pero si a notificación da súa celebración en segunda convocatoria.

Artigo 25.º .

As sesións extraordinarias convocadas con tal carácter a solicitude da cuarta parte, polo menos, do número legal de membros da corporación, deberán pedirse por escrito no que se razoe o asunto ou asuntos que a motiven, asinado persoalmente por tódolos que a subscriben. Tamén deberán achegar a dito escrito tódolos documentos que deban estar a disposición dos señores concelleiros na Secretaría Xeral desde o intre da convocatoria. A relación de asuntos incluídos no escrito non enerva a facultade do Alcalde de determinar os puntos da orde do día, se ben a exclusión neste dalgún dos asuntos propostos deberá ser motivada.

Artigo 26.º .

Toda sesión, sexa ordinario ou extraordinaria, haberá de respectar o principio de unidade de acto e se procurará que acabe o mesmo día do seu comezo. En todo caso, ningunha sesión terá unha duración superior a cinco horas.

Durante o transcurso da sesión, o Presidente poderá acordar interrupcións ao seu prudente arbitrio para permitir as deliberacións dos Grupos por separado sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates.

Artigo 27.º .

A orde do día das sesións será fixado polo alcalde asistido do secretario.

O alcalde, por razóns de urxencia, poderá incluír na orde do día, a iniciativa propia, asuntos que non figurasen previamente, previa ratificación polo Pleno da urxencia do asunto.

Na orde do día das sesións ordinarias incluirase sempre o punto de rogos e preguntas.

Artigo 28.º .

O alcalde convocará ós concelleiros a sesións plenarias, sexan ordinarias ou extraordinarias, polo menos con dous días hábiles de antelación, agás as extraordinarias de carácter urxente, nas que a convocatoria deberá ser ratificada polo Pleno.

A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que servirá como base para o debate, e no seu caso, para a votación, estará a disposición dos señores concelleiros dende o mesmo día da convocatoria, na Secretaría da corporación.

Se varios concelleiros desexasen examina-los expedientes á vez, distribuiranos entre eles mesmos. Se non se puxesen de acordo, requirirán ó secretario para que emita un informe proposta verbal. Se dita proposta tampouco satisfacese ós interesados, someterase á decisión do señor Alcalde, que resolverá distribuíndo o tempo e os expedientes de xeito que estes poidan ser vistos por quen quixese facelo.

Artigo 29.º .

O horario para exame de expedientes será o correspondente ó de oficina. Aínda que, aquel poderá ser ampliado pola presidencia cando o número ou a importancia dos asuntos así o requira. Dita ampliación será posta en coñecemento dos señores concelleiros e da Secretaría Xeral.

Baixo ningún concepto os expedientes poderán sacarse da Secretaría Xeral ou do lugar no que estean postos de manifesto.

Artigo 30.

O quórum mínimo dun terzo do número legal de membros da corporación para poderen celebrar validamente sesión, manterase durante todo o desenvolvemento da mesma. A ausencia dun ou varios concelleiros, unha vez iniciada a deliberación dun asunto, equivale, para os efectos da votación correspondente, á súa abstención.

Artigo 31.º .

O disposto no artigo anterior enténdese sen prexuízo de que os asuntos, ou algún deles, a resolver nunha sesión, esixan un número especial de asistencia para adoptar acordos válidos sobre eles; neste caso, o quórum preciso será o que se estableza con ese número especial.

Artigo 32.º .

No suposto de que no día e na hora sinalados na convocatoria para celebrar sesión non concorresen membros da corporación bastantes, acreditarase tal circunstancia polo secretario mediante dilixencia, na que se expresará o número e nome dos que asistisen e dos que xustificasen a súa ausencia e aplicarase o establecido no artigo 24 deste regulamento.

Artigo 33.º .

O público asistente ás sesións non poderá intervir nos debates, nin tampouco se permitirán manifestacións de agrado ou desagrado, podendo o presidente proceder, en casos extremos, á expulsión do salón de todo aquel que por calquera causa impida o normal desenvolvemento da sesión.

Sección 2.ª. Dos debates e intervencións.

Artigo 34.º .

Aberta a sesión, o secretario procederá á lectura da acta da sesión anterior, excepto que se tivese remitido previamente copia da mesma; nese caso tense por lida, quedando aprobada se ningún dos asistentes formulase reparos. De haber oposición, a corporación decidirá, por maioría simple, a súa aprobación ou modificación, que en ningún caso afectará ó fondo dos acordos adoptados e só se poderán emendar os simples erros materiais ou de feito.

Artigo 35.º .

O estudio dos asuntos iniciarase coa lectura polo secretario de cada un dos puntos da orde do día. Se ninguén pedise a palabra, quedarán aprobados por unanimidade.

Artigo 36.º .

Se se promove debate, as intervencións serán ordenadas polo alcalde, conforme ás seguintes regras:

a) Só poderá facerse uso da palabra previa autorización do presidente.

b) No debate, os diversos grupos consumirán unha primeira quenda, dunha duración proporcional ós resultados electorais, que nunca excederá de cinco minutos.

c) Os concelleiros que consumiron a súa quenda, poderán volver facer uso da palabra para rectificar concisamente, e por unha soa vez, os feitos ou conceptos que se lle tivesen atribuído. Para estes efectos, o Alcalde concederalles a palabra pola metade do tempo anterior como máximo.

d) Aquel que se considerase aludido por unha intervención, poderá solicitar do Alcalde que se conceda unha quenda por alusións, que será breve e concisa, sen que poida exceder de un minuto e medio.

e) O presidente poderá reducir ou ampliar os tempos de intervención nos debates en razón da importancia ou transcendencia do asunto.

f) Non se admitirán outras interrupcións cás do presidente para chamar á orde ou á cuestión debatida. Os membros da corporación poderán en calquera intre do debate pedir a palabra para expoñer unha cuestión de orde, invocando a tal efecto a norma da que se reclama aplicación. O presidente resolverá o que proceda sen que por este motivo se principie debate ningún. O secretario pode intervir cando fose requirido polo Presidente por razóns de asesoramento técnico ou aclaración de conceptos. Cando dito funcionario entenda que no debate se expuxo algunha cuestión sobre a que poida dubidarse da súa legalidade ou puidese ter implicacións económicas, poderá solicitarlle ó presidente o uso da palabra para asesorar á corporación.

Artigo 37.º .

Nas deliberacións poderá intervir cada grupo municipal mediante o voceiro ou outros membros pola orde inversa de representantes na corporación, consumindo quenda en primeiro lugar o grupo mixto, de habelo; logo, os minoritarios, e en último término o maioritario, agás pacto en contrario.

A intervención normal de cada grupo non excederá de cinco minutos. Aínda que, naqueles temas que pola súa importancia ou complexidade así o requiran e a petición de calquera voceiro, o Presidente notificaralle ó Pleno a duración das intervencións antes de comezar estas.

O tempo que corresponda ó grupo mixto poderá repartirse por igual entre os representantes das listas que o integran.

O presidente poderá acordar, durante o transcurso da sesión, que se interrompa a mesma para permitir as deliberacións dos grupos sobre a cuestión debatida ou para descanso dos debates. Estas interrupcións non terán duración superior a dez minutos.

Artigo 38.º .

O Alcalde poderá chamar á orde a calquera membro da corporación que:

a) Profira palabras ou verta conceptos ofensivos ó decoro da corporación ou dos seus membros, das institucións públicas ou de calquera outra persoa ou entidade.

b) Produza interrupcións ou, de calquera outro xeito, altere a orde das sesións.

c) Pretenda facer uso da palabra sen que se lle teña sido concedida ou unha vez que se lle teña sido retirada.

Tras tres chamadas á orde na mesma sesión (ou dúas chamadas á orde no debate dun mesmo asunto), o Presidente poderá ordenar a un concelleiro que abandone o local no que se estea celebrando a reunión. Adoptando as medidas que considere oportunas para facer efectiva a expulsión.

Artigo 39.º .

Nos supostos nos que, de conformidade co establecido no artigo 76 da Lei 7/85, algún membro da corporación deba absterse de participar na deliberación e votación, deberá abandonar o salón mentres se discuta e vote o asunto, agás cando se trate de debater a súa actuación como corporativo, no que terá dereito a permanecer e defenderse.

Artigo 40.º .

Para os efectos do desenvolvemento das sesións e para definir o carácter das intervencións dos membros da corporación, empregarase a seguinte terminoloxía:

1.- PROPOSICIÓN é a proposta que se somete ó Pleno relativa a un asunto incluído na orde do día que acompaña á convocatoria. Conterá unha parte expositiva ou xustificación e un acordo, así mesmo, a adoptar. Non procederá entrar a debater nin votar unha proposición sen que previamente se ratificase, de acordo co disposto na lei, a inclusión do asunto na orde do día.

2.-MOCIÓN é a proposta que se somete directamente a coñecemento do Pleno ó amparo do prevido no regulamento. Poderá formularse por escrito ou oralmente, seguindo o procedemento establecido no artigo 91.4 do ROF.

3.-EMENDA é a proposta de modificación dunha moción ou proposición presentada por calquera membro mediante escrito dirixido ó presidente antes de se iniciar a deliberación do asunto.

4.- ROGO é a formulación dunha proposta de actuación dirixida a algúns dos órganos de goberno municipal. Os rogos formulados no seo do Pleno poderán ser debatidos, pero en ningún caso sometidos a votación.

Poden expoñer rogos tódolos membros da corporación ou grupos municipais a través dos seus voceiros, sempre que os anuncien á Presidencia con 24 horas de antelación ó comezo da sesión.

Os rogos poderán ser efectuados oralmente ou por escrito e serán debatidos xeralmente na sesión seguinte, sen prexuízo de que o poidan seren na mesma sesión que se formulen se o Alcalde o estima conveniente.

5.-PREGUNTA é calquera cuestión exposta ós órganos de goberno no seo do Pleno. Poden facer preguntas tódolos membros da corporación ou grupos municipais a través dos seus voceiros. Serán presentadas con 24 horas de antelación ó comezo da sesión, por escrito.

Sección 3.ª.- Das votacións.

Artigo 41.º .

Rematado o debate dun asunto, procederase a súa votación.

O Alcalde pode alterar a orde dos temas ou retirar un asunto cando para a súa aprobación esixise unha maioría especial e esta non puidese obterse no momento previsto inicialmente na orde do día.

Antes de comezar a votación, o Alcalde expoñerá clara e concisamente os termos da mesma.

Unha vez iniciada a votación non poden interromperse por ningún motivo.

Durante o desenvolvemento da votación, o presidente non concederá o uso da palabra e ningún membro corporativo poderá entrar no salón ou abandonalo.

Artigo 42.º .

O voto dos concelleiros é persoal e indelegable.

Artigo 43.º .

As votacións poden seren ordinarias, nominais e secretas. Son ordinarias as que se manifestan por signos convencionais de asentimento, disentimento ou abstención.

Son nominais aquelas votacións que se realizan mediante chamamento por orde alfabética de apelidos e sempre en último lugar o presidente, e na que cada membro da corporación, ó ser chamado, responde en voz alta ¿si", ¿non" ou ¿abstéñome".

Son secretas as que realizan por papeletas que cada membro da corporación vaia depositando nunha urna ou bolsa.

Artigo 44.º .

O sistema normal de votación será a votación ordinaria.

A votación nominal requirirá a solicitude dun grupo municipal aprobada polo Pleno por unha maioría simple en votación ordinaria, de acordo co disposto nos artigos 46 da Lei 7/85 e 210 da Lei 5/97, do 22 de xullo.

A votación secreta só poderá realizarse para a selección ou destitución de persoas, así como no suposto previsto no artigo 70.1 da Lei 7/85.

Artigo 45.º .

Rematada a votación ordinaria, o presidente declarará o acordado.

Inmediatamente de concluír a votación nominal ou secreta, o secretario, computará os votos emitidos e anunciará en voz alta o seu resultado; en vista disto, o presidente proclamará o acordo adoptado.

Sección 4.ª. Das actas.

Artigo 46.º .

De cada sesión, o secretario estenderá acta na que fará constar tódolos requisitos que sinala o artigo 109 do ROF. De non celebrarse sesión por falla de asistentes ou outros motivos, o secretario suplirá a acta cunha dilixencia autorizada coa súa sinatura, na que consigne a causa e nomes dos concorrentes e dos que escusarán a súa ausencia.

Artigo 47.º .

O secretario redactará a acta de maneira concisa, configurando un extracto do sucedido e recollendo as opinións sintetizadas dos membros da corporación que interviñesen nas deliberacións, plasmando de forma fidedigna os acordos e os orzamentos imprescindibles que lle sirvan de base.

Todo concelleiro que desexe que consten especialmente as súas verbas na acta, deberá solicitalo expresamente do secretario.

Artigo 48.º .

Unha vez aprobada a acta polo Pleno, transcribiranse no libro de actas autorizándoa coa sinatura do alcalde e do secretario.

Sección 5.ª. Da Comisión Especial de Contas

Artigo 49.º.

A Comisión Especial de Contas é de existencia preceptiva, segundo dispón o artigo 116 da Lei 7/1985, do 2 de abril.

Corresponde á Comisión Especial de Contas o exame, estudio e informe de todas as contas, presupostarias e extrapresupostarias, que deba aprobar o Pleno da Corporación, de acordo co establecido na Lexislación reguladora da contabilidade das Entidades Locais.

Para o exercicio das súas funcións, a Comisión poderá requirir, por medio do Alcalde, a documentación complementaria que considere precisa.

Nela estarán representados todos os Grupos Políticos que integren a Corporación Municipal, de forma que a súa composición se acomode á proporcionalidade existente entre os distintos Grupos como resultado das Eleccións, de tal maneira que o Partido ou Agrupación que ostente maioría absoluta na Corporación, manteña a devandita maioría no seo da propia Comisión.

TÍTULO IV

ÓRGANOS COMPLEMENTARIOS

Artigo 50.º.

Son órganos complementarios do Concello:

- A Xunta de Goberno Local

- As Comisión Informativas

- Os Concelleiros Delegados

- A Xunta de Delegados

- A Xunta de Portavoces

Sección 1.ª. Funcionamento da Xunta de Goberno Local.

Artigo 51.º.

A Xunta de Goberno Local celebrará sesión constitutiva á convocatoria do Alcalde dentro dos 15 días seguintes a aquel no que este designase ós membros que a integran.

As sesións ordinarias terán lugar cada 15 días.

Non obstante, á proposta da Presidencia, poderá acordarse pola propia Xunta a celebración de sesións ordinarias semanais.

Corresponde ó alcalde fixar mediante providencia o día e hora das sesións ordinarias.

As sesións extraordinarias e urxentes terán lugar cando con tal carácter sexan convocadas polo alcalde.

O alcalde poderá en calquera momento reunir á Xunta de Goberno Local cando estime necesario coñecer o seu parecer ou pedir a súa asistencia con anterioridade a ditar resolucións no exercicio das atribucións que lle corresponden.

Artigo 52.º.

As sesións da Xunta de Goberno Local axustaranse ó disposto na lexislación vixente e neste regulamento para as sesións plenarias, coas modificacións seguintes:

a) Entre a convocatoria e a celebración da sesión non poderá transcorrer menos de vintecatro horas, agás nos casos das sesións extraordinarias e urxentes, nas que, antes de entrar a coñecer os asuntos incluídos na orde do día, deberá ser declarada a urxencia por acordo favorable da maioría dos membros.

b) As sesións da Xuta de Goberno Local non serán públicas.

c) Para a válida constitución da Xunta de Goberno Local requírese a asistencia da maioría absoluta dos seus compoñentes. Se non existise quórum, constituirase en segunda convocatoria, media hora despois da sinalada para a primeira, sendo suficiente a asistencia da terceira parte dos seus membros.

d) O Alcalde dirixe e ordena ó seu prudente arbitrio os debates no seo da Xunta.

e) Nos casos nos que a Xunta de Goberno Local exerza competencias delegadas polo Pleno, non será preceptivo o previo informe da comisión informativa correspondente no caso de existir estas.

f) As actas das sesión da Xunta de Goberno Local transcribiranse en libro distinto do das sesións do Pleno.

Tanto nas sesións coma nas reunións da Xunta de Goberno Local, o Alcalde poderá requirir a presencia de membros da corporación non pertencentes á Xunta ou de persoal ó servizo da entidade, co obxecto de informar no relativo ó ámbito das súas actividades

Sección 2.ª. Os Concelleiros Delegados

Artigo 53.º.

Os Concelleiros Delegados son aqueles que posúan, dentro das súas respectivas areas de servizos, todas aquelas facultades, dereitos e deberes referidos á materia delegada que corresponden ó órgano que ten asignadas orixinariamente as atribucións.

Se para unha área determinada, non se crease polo Pleno a correspondente comisión informativa, correspóndelles igualmente a competencia para dictaminar os asuntos que pasen a sesión dos distintos órganos colexiados, cando sexa preceptiva a emisión de dito informe..

O Alcalde poderá en calquera momento avocar as competencias delegadas.

Sección 3.ª. Comisións Informativas

Artigo 54.º.

As Comisión Informativas constituirase en tódolos municipios con máis de 5.000 habitantes.

Corresponderalle a estas comisións o estudio e o ditame previo dos asuntos que deban someterse á decisión do Pleno.

Correspóndelle ó Pleno acordar expresamente a súa constitución e determinar o número e a denominación das mesmas e as súas modificacións.

No caso de que o Pleno acorde a constitución destas Comisións, o seu ditame terá carácter preceptivo e non vinculante.

Os voceiros dos distintos grupos políticos deberán reunirse para determina-lonúmero e a denominación das distintas comisións informativas que deban funcionar nesta corporación. No caso de discrepancia, aplicarase o voto ponderado.

Artigo 55.º.

Para asuntos puntuais poderán nomearse Comisións Informativas Especiais.

O alcalde é o presidente nato de tódalas comisións; aínda que, a presidencia efectiva poderá delegala en calquera membro da corporación, e a súa delegación poderá ser avocada en calquera momento.

Cada Comisión estará integrada de forma que a súa composición se acomode á proporcionalidade existente entre os distintos Grupos Políticos representados na Corporación.

A adscrición concreta a cada comisión dos membros da corporación que deban formar parte da mesma en representación de cada grupo, realizarase mediante escrito do voceiro do mesmo dirixido ó alcalde. Poderá designarse, da mesma maneira, un suplente para cada titular.

Artigo 56.º.

As comisións informativas serán convocadas polo seu presidente e para a validez dos seus ditames deberán asistir, en primeira convocatoria, polo menos un terzo dos seus membros, sempre que sexan como mínimo tres.

Artigo 57.º.

Na segunda convocatoria, que será media hora despois da sinalada para a primeira, reunirase cos membros que asistan, calquera que sexa o seu número, debendo asistir, como mínimo, o presidente e o secretario, ou funcionario que lle substitúa.

No informe das Comisións, os discrepantes, poderán formular un voto particular, reservándose o seu dereito a defendelo no Pleno.

Artigo 58.º.

O presidente das comisións poderá requirir a presencia, nas súas sesións, do persoal municipal que estime conveniente, para os efectos informativos.

Sección 4.ª. Da Xunta de Delegados

Artigo 59.º.

A Xunta de Delegados é un órgano complementario do Concello de Coirós do que forman parte tódolos membros da Corporación a favor dos que a Alcaldía delegase competencias con carácter tanto xenérico como especial e mentres estea vixente a delegación.

Dependerá xerárquica e funcionalmente da Alcaldía.

Artigo 60.º.

O Alcalde presidirá a Xunta de Delegados e terá carácter exclusivamente deliberativo, de asesoramento ao Alcalde e á Xunta de Goberno Local, e de coordinación da acción de goberno municipal.

Artigo 61.º.

A Xunta de Delegados reunirase cando o Alcalde o estime oportuno ou a proposta de polo menos unha terceira parte dos seus membros.

A convocatoria da Xunta de Delegados corresponde ao Alcalde, e non precisa de formalidade algunha.

O convido na Xunta de Delegados non precisará a redacción de actas, se ben poderá formalizarse, nalgún caso concreto, en documentos asinados polos intervenientes.

O Alcalde, deberá comunicar, por escrito, ao Secretario-Interventor do Concello as datas de celebración das súas reunións e os membros que asistiron a cada una delas, aos efectos da súa constancia.

Sección 5.ª. Da Xunta de Voceiros

Artigo 62.º.

A Xunta de Voceiros é un órgano complementario do Concello de Coirós, do que forman parte os voceiros dos grupos políticos municipais.

Dependerá xerárquica e funcionalmente da Alcaldía.

Artigo 63.º.

O Alcalde presidirá a Xunta de Voceiros, que ten por funcións o asesoramento e asistencia ao mesmo para a adopción de decisións corporativas, actos de representación institucional e protocolaria da Corporación e relacións dos Grupos Municipais entre si e cos diferentes órganos corporativos.

Artigo 64.º.

A Xunta de Voceiros reunirase cando o Alcalde o estime oportuno ou a proposta de polo menos de dous Grupos Municipais.

A convocatoria da Xunta de Voceiros corresponde ao Alcalde, e non precisa de formalidade algunha.

O convido na Xunta de Voceiros non precisará a redacción de actas, se ben poderá formalizarse, nalgún caso concreto, en documentos asinados polos intervenientes.

O Alcalde, deberá comunicar, por escrito, ao Secretario-Interventor do Concello as datas de celebración das súas reunións e os membros que asistiron a cada una delas, aos efectos da súa constancia.

Disposición transitoria única

Tendo en conta que nestes momentos xa veñen funcionando dous dos órganos complementarios, a Xunta de Goberno Local e a Xunta de Delegados, non será preciso que o Pleno Municipal adopte acordo algún de creación dos mesmos e seguirán funcionando ata a toma de posesión dunha nova Corporación, que decidirá sobre a súa continuación ou non.-

Disposición final.

No non previsto neste regulamento rexerán as disposicións de carácter xeral recollidas no Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, así como a Lei 7/1985, do 2 de abril; e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia, e entrará en vigor aos quince dias da súa completa publicación no Boletín Oficial da Provincia.