Oroso - Ordenanza reguladora da licencia pola tenencia de animais potencialmente perigosos, do seu rexistro e da sección local do Rexistro de animais de compañía.
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.º .-Obxecto.
1.-É obxecto da presente ordenanza a regulación da concesión e renovación das licencias administrativas para a tenencia de calquera aimal clasificado como potencialmente perigoso, a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, así como outros extremos referentes a animais de compañía.
2.-Asemade, créase a sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos (Regiac), que conterá a información referente ós animais de compañía residentes no Concello, que se remita desde o Regiac.
3.-Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, forzas e corpos de seguridade do Estado, corpos da Policía das comunidades autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.
Artigo 2.º .-Definición de animal de compañía e animal potencialmente perigoso.
1.-Terán a consideración de animais de compañía, os animais domésticos das especies canina e felina (Canis familiaris e Felis catus, respectivamente), así como os animais de especies que se críen, xeralmente no propio fogar, co obxecto de optar á súa compañía.
2.-Considéranse animais potencialmente perigosos, todos aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasiona-la morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.
3.-No caso concreto dos cans, entenderase por potencialmente perigosos aqueles nos que concorran calquera das condicións seguintes:
a) Cans que tivesen algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou ás cousas.
b) Cans que fosen adestrados para a garda e defensa.
c) Cans que, polas súas características raciais, puidesen ser aptos para o adestramento, para garda e defensa e, en concreto, os pertencentes ás razas seguintes: american safforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, doberman, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquino (ca de bou), rotweiler, stafforshire bull terrier, tosa inu e akita inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruzamentos en primeira xeración destes, cruzamentos destas razas entre si ou cruzamentos destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.
d) Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia, e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto.
CAPÍTULO II.-DA LICENCIA MUNICIPAL
Artigo 3.º .-Licencia municipal.
1.-A tenencia no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licencia municipal, que se expedirá no Concello de residencia habitual do propietario.
2.-Asemade, están obrigados á obtención da licencia municipal pola tenencia de animais potencialmente perigosos, os establecementos ou asociacións con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos e se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.
3.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente neste e mentres permaneza o animal no termo municipal, a concesión da licencia no municipio de orixe.
4.-Nos casos de inscrición de animais como consecuencia de haber efectuado anteriores ataques a persoas, animais ou cousas, supostos previstos no apartado 3 a), do artigo 2, unha vez coñecida a resolución ou sentencia, de oficio ou a instancia de calquera interesado directo, e previa tramitación de expediente administrativo con audiencia do interesado, requirirá ó propietario mediante resolución da Alcaldía, ó obxecto de que no prazo dun (1) mes proceda á solicitude de licencia, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no artigo 8 desta ordenanza.
5.-Nos supostos previstos no apartado 3 d) do artigo 2, o Concello comunicará os feitos á autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, xuntando os informes esixidos no dito apartado, debidamente motivados. No caso de que se dictara resolución apreciando agresividade o titular diporá do prazo dun (1) mes, que comezará a contar desde a súa notificación, para solicita-la licencia administrativa.
Artigo 4.º .-Requisitos e documentación para a obtención da licencia municipal.
1.-Para a obtención da licencia municipal, ó obxecto da tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade. Requisito que será acreditado coa presentación do documento nacional de identidade (DNI) ou do pasaporte.
b) Non ser condenados por delictos de homicidio, lesións, torturas contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenencia de animais potencialmente perigosos. Este requisito será acreditado mediante o certificado de antecedentes penais expedido polo órgano correspondente.
c) Non ser sancionados por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3, do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenencia de animais potencialmente perigosos. Non obstante, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licencia, ser sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fose cumprida integramente. Acreditarase mediante certificado negativo expedido pola Consellería de Medio Ambiente.
d) Dispoñer de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a tenencia de animais potencialmente perigosos, expedido polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, conforme se recolle nos artigos 4.º , 5.º e 6.º do Real decreto 287/2002, do 22 de marzo.
e) Acredita-la formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causa-lo animal, cunha cobertura mínima de 125.000 euros. Este seguro deberá renovarse anualmente. Acreditarase mediante presentación de copia da póliza de seguro claramente detallada ou certificado da compañía aseguradora.
2.-Os requisitos e documentación esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenencia do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licencia nos termos recollidos no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 5.º .-Órgano competente para a concesión das licencias municipais.
Tramitado o expediente conforme o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza concederase a licencia e o número correspondente desta, mediante resolución de Alcaldía, de acordo co previsto no artigo 21.1 q) da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, sen prexuízo da delegación de competencias prevista no artigo 21.3 da mesma norma.
Artigo 6.º .-Vixencia e renovación das licencias.
1.-As licencias terán unha vixencia de cinco anos, debendo ser renovadas ó final do citado período, mediante a presentación da mesma documentación esixida para a súa obtención e sinalada no artigo anterior. Todo isto coa finalidade de comprobar que o interesado segue a cumpri-los requisitos que se lle esixiron para a súa obtención.
2.-A licencia perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de cumprir calquera dos requisitos establecidos no artigo anterior.
Artigo 7.º .-Acreditación da licencia.
A tenencia da licencia municipal acreditarase mediante a entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado e mediante a entrega dunha tarxeta acreditativa expedida polo Concello, onde se fagan consta-los seguintes datos:
- Número da licencia municipal.
- Data de resolución do correspondente expediente.
- Data de caducidade da vixencia da licencia.
- Nome e apelidos do titular.
- DNI do titular.
- Enderezo do titular
- Fotografía actualizada do titular.
- Selo do Concello.
No dorso, se farán consta-las persoas autorizadas polo titular da licencia, para uso temporal e transporte do animal.
Artigo 8.-Revisión e revogación da licencia.
1.-Calquera variación dos datos que figuran na licencia deberá ser comunicada polo seu titular no prazo de 15 días, contados desde a data en que se produza, ó órgano do Concello competente para súa expedición, para que se proceda a realiza-la revisión correspondente.
2.-A perda polo titular de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4 desta ordenanza dará lugar á revogación da licencia municipal outorgada, previa tramitación de expediente contradictorio.
3.-A revogación da licencia dará lugar á perda do dereito á tenencia do animal e á obriga do propietario a proceder, no prazo máximo de 15 días, á entrega do animal a un novo propietario que posúa licencia en vigor. De non se atopar un novo propietario no prazo referido, farase entrega do animal nun centro de recollida de animais vagabundos ou abandonados, respectando en todo caso o disposto na Lei 1/1993, do 13 de abril, e nos artigos 53 ó 60 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, que a desenvolve.
CAPÍTULO III.-DO REXISTRO MUNICIPAL E SECCIÓN LOCAL DO REGIAC
Artigo 9.º .-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.-Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, no que se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia habitual no Concello.
2.-O rexistro terá un tratamento informatizado, no que se farán constar, de conformidade co disposto no artigo 4.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, como mínimo, os seguintes datos:
a) Datos do animal:
- Número de microchip.
- Nome.
- Especie.
- Raza (no caso de cans).
- Sexo.
- Características externas (tipo e cor da pel, etc.).
- Data de nacemento.
- Función: compañía, garda, defensa, caza, etc.
- Enderezo habitual
- Causa de inclusión no rexistro (sinalar supostos do artigo 2.2 do Decreto 153/1998, do 2 de abril).
- Observacións.
b) Datos do propietario ou posuidor:
- Nome.
- Apelidos.
- DNI.
- Enderezo habitual.
- Teléfonos de contacto.
- Licencia administrativa: número da licencia, data e Concello de expedición.
- Data e forma de adquisición do animal.
1.-A identificación definitiva con microchip dos animais potencialmente perigosos é obrigatoria sen excepcións. A identificación definitiva con microchip de tódolos cans, independentemente da súa raza ou condición, será obrigatoria a partir do 2 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición transitoria segunda do Decreto 153/1998, do 2 de abril.
2.-Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que isto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.
3.-O Rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufrisen calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las accións correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.
4.-En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro realizarase de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.
Artigo 10.º .-Inscrición no rexistro.
1.-Os titulares da licencia administrativa están obrigados a efectua-la inscrición do animal no Rexistro municipal do Concello de residencia habitual do animal, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licencia, tal e como se reflicte na Lei 50/1999, do 23 de abril, artigo 6.2 e no Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, artigo 4.1.
2.-Tamén será obrigatoria, a instancia do propietario, a inscrición do animal no Rexistro municipal deste Concello, cando se efectúe o seu traslado dun Concello a outro por periodo superior a tres meses.
3.-Os datos recollidos no Rexistro municipal, serán remitidos á Consellería de Medio Ambiente no prazo de 15 días computados dende o momento da inscrición dun animal potencialmente perigosos, de conformidade co artigo 4.3 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.
Artigo 11.º .-Acreditación da inscrición no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
A inscrición no rexistro, acreditarase mediante entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado e mediante entrega dunha tarxeta acreditativa, tamaño carné, expedida polo Concello, onde se fagan consta-los seguintes datos:
a) Datos do animal:
- Número do microchip e data de alta no Rexistro municipal.
- Nome, especie, raza, sexo, capa, data de nacemento e enderezo.
b) Datos do propietario:
- Nome, apelidos e DNI.
- Licencia (número, data expedición e Concello).
Artigo 12.º .-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.-A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal (esta última certificada por veterinario o autoridade competente).
2.-Asemade, a perda ou subtracción do animal, por un prazo superior a tres meses, considerarase baixa definitiva do animal no rexistro.
3.-Igualmente procederase á baixa no rexistro, no caso de traslado da residencia habitual do animal a municipio distinto e quede así acreditado polo interesado. Neste caso o propietario deberá dar de alta ó animal no novo Concello de residencia.
4.-Farase figurar no rexistro, como de titularidade municipal, os animais depositados nos centros e instalacións de recollida de animais vagabundos ou abandonados correspondente, como consecuencia da recollida destes da vía pública ou por comiso ó seu titular.
Artigo 13.º .-Comunicación do propietario do animal ó Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.-O propietario do animal deberá comunicar ó rexistro calquera variación dos datos que figuran nel, no prazo de 15 días dende que se producise a modificación.
2.-Deberá comunicarse ó Rexistro municipal a venda, traspaso ou doazón do animal.
3.-Calquera incidente producido por animais potencialmente perigosos, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla rexistral correspondente ó animal, tal e como se recolle no artigo 6.4 da Lei 50/1999, do 23 de decembro. No caso de agresións recolleranse, como mínimo, a seguinte información: data da denuncia, descrición dos feitos e consecuencia xurídicas.
4.-A subtracción ou perda do animal deberá ser comunicada polo titular do animal ó Rexistro municipal, no prazo máximo de 48 horas, dende que se teña coñecemento destes feitos, tal e como recolle o artigo 8.6 do Real decreto 287/2002, do 22 de marzo.
5.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos deberán comunicar ó rexistro, a realización de castración ou esterilización do animal, se esta se producise, remitindo copia da certificación veterinaria acreditativa deste extremo.
Artigo 14.º .-Sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía.
1.-Ó abeiro dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e nos artigos 10 e 55 da Lei 7/1985, 2 abril, reguladora das bases de réxime local, establécese unha sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía e potencialmente perigosos, que formaranse cos datos que para tal efecto se remitan polo Regiac dependente da Consellería de Medio Ambiente. Cos datos contidos na sección do rexistro formarase, en data 31-12 de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998, do 2 de abril.
CAPÍTULO IV.-DAS OBRIGAS DOS POSUIDORES
Artigo 15.º .-Coidados.
Os propietarios, criadores ou posuidores deberán mante-los animais que estean baixo a súa custodia en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento da Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e do Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o regulamento que desenvolve a Lei 1/1993, en concreto nos seus capítulos IV, VII e X.
Artigo 16.º .-Identificación.
A identificación definitiva con microchip dos animais potencialmente perigosos é obrigatoria sen excepcións. A identificación definitiva con microchip de tódolos cans, independentemente da súa raza ou condición, será obrigatoria a partir do 2 de xullo de 2003, segundo a disposición transitoria segunda do Decreto 153/1998, do 2 de abril.
Artigo 17.º .-Circulación e permanencia nas vías públicas.
1.-A presencia de animais potencialmente perigosos nos lugares ou espacios públicos, esixirá que a persoa que os conduza e controle cumpra os seguintes requisitos:
a) Levar consigo a licencia municipal e certificación acreditativa da inscrición do animal no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
b) Con bozo axeitado para a súa raza, atado con cadea ou correa non extensible, de lonxitude non superior a dos metros e, en ningún caso, poderán ser conducidos por un menor de dezaseis anos, segundo o artigo 12.5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.
c) Non pode levar máis dun destes cans ó mesmo tempo.
2.-Así mesmo deberanse cumprir, en xeral, as seguintes determinacións:
d) Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos, sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade previstas na normativa.
e) Queda expresamente prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en toda clase de locais destinados á fabricación, almacenamento, transporte, venda ou manipulación de alimentos.
f) Queda prohibida a entrada ou estancia de animais domésticos en restaurantes, bares, cafeterías e similares.
g) Tamén se prohíbe que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.
g) Queda asemade prohibida a circulación ou a estancia de cans e outros animais nas piscinas públicas e locais de espectáculos públicos, deportivos e culturais e nos recintos escolares. Os titulares de estes locais deberán colocar na entrada dos establecementos e en lugar visible o sinal identificativa de esta prohibición.
h) Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guía que acompañen a persoas invidentes.
i) Queda prohibido deixa-las deposicións fecais dos cans nas vías públicas. Os propietarios de cans son responsables de recoller convenientemente os excrementos e depositalos ben en bolsas de lixo, ou ben naqueles lugares que a autoridade municipal destine expresamente a esta finalidade.
l) Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga amourados ás billas das fontes públicas.
Artigo 18.º .-Instalacións destinadas a albergar animais potencialmente perigosos.
As instalacións destinadas a albergar animais considerados potencialmente perigosos deben reunir, como mínimo, as seguintes características:
a) Paredes e valados altos e consistentes que soporten o peso e a forza do animal.
b) Portas resistentes que os animais non poidan abrir.
c) O recinto estará sinalizado coa advertencia de que se atopa no seu interior un animal considerado potencialmente perigoso.
CAPÍTULO IV.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 19.º .-Infraccións.
1.-En materia de infraccións e sancións rexerá o disposto na Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre réxime xurídico da tenencia de animais potencialmente perigosos e na Lei 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade.
2.-As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.
3.-Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 22 da Lei 1/1993, do 13 de abril.
3.-Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril.
4.-Son infraccións administrativas leves, as previstas no artigo 13.4 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como as establecidas no artigo 20 da Lei 1/1993, do 13 de abril.
Artigo 20.º .-Sancións.
1.-As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas que alcanzarán as contías previstas no artigo 13.5 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, e no artigo 24 da Lei 1/1993, do 13 de abril.
2.-En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta ordenanza poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia para tenencia de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.
Artigo 21.º .-Responsable.
Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión destas, ó propietario ou posuidor dos animais ou, no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos e, neste último suposto, asemade, o encargado do transporte.
Artigo 22.º .-Procedemento sancionador.
O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, de 23 de decembro; a Lei 1/1993, do 13 de abril, así como a Lei 30/92, do 26 de novembro, e normas de desenvolvemento.
Artigo 23.º .-Exercicio da potestade sancionadora.
1.-Os órganos competentes para sancionar, de acordo co artigo 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:
a) Por infraccións leves, o alcalde.
b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.
c) Por infraccións moi graves, o conselleiro do Medio.
2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves, lle corresponde ó Concello. Non obstante, o alcalde poñerá en coñecemento, de xeito fidedigno, do director xeral de Conservación da Natureza, da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.
3.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.
Disposición adicional única.
Quedan excluídos da obriga de obtención de licencia municipal, aqueles exemplares caninos que fosen obxecto de adestramento baixo a supervisión directa de organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha finalidade social.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia nos termos previstos no artigo 70.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e transcurso do prazo ó que se refire o citado artigo en relación co artigo 65 da Lei 7/1985, do 2 de abril, continuando en vigor ata a súa derrogación expresa polo Concello.