Teo - Ordenanza municipal de posesión e custodia de animais
CAPÍTULO I.-DISPOSICIÓNS XERAIS
Artigo 1.º .-Obxecto.
1.-É obxecto da presente ordenanza, a regulación da concesión e renovación das licencias administrativas para a tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso, ó que se refire o Decreto 90/2002, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenencia de animais potencialmente perigosos na comunidade autónoma de Galicia, así como a regulación do Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos e a inscrición na sección local do Rexistro galego de animais de compañía, así como a posesión e custodia doutros animais.
2.-Quedan excluídos da aplicación da presente ordenanza os cans e animais pertencentes ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial.
Artigo 2.º .
1.-Con carácter xeral autorízase a posesión de animais domésticos de compañía nos domicilios particulares, estando condicionada a que as circunstancias hixiénicas do seu aloxamento sexan óptimas, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de perigos ou molestias evitables para os veciños ou para outras persoas.
2.-Con tal finalidade, desde as 22:00 ata as 8:00 horas prohíbese deixar nos patios, terrazas, galerías ou balcóns, aves e animais en xeral que cos seus sons, ouveos ou cantos perturben o descanso ou tranquilidade dos veciños. No resto do día os propietarios tamén tomarán as medidas precisas para que non se produzan molestias á veciñanza".
3.-O número de animais que poden aloxarse en cada domicilio ou inmoble poderá ser limitado pola autoridade competente con base en informes técnicos motivados e atendendo ás características da vivenda e á biomasa dos animais aloxados.
4.-O posuidor dun animal salvaxe en catividade é responsable da súa protección e coidado, así como do incumprimento das obrigas previstas nesta ordenanza.
CAPÍTULO II.-DA LICENCIA MUNICIPAL
Artigo 3.º .-Licencia municipal
1.-A tenencia no municipio de animais clasificados como potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licencia municipal, que se expedirá no concello de residencia habitual do propietario.
2.-Están obrigados á obtención de licencia municipal para a tenencia de animais clasificados como potencialmente perigosos os propietarios ou posuidores destes incluídos no padrón de habitantes, así como os establecementos ou asociacións, con sede neste municipio, que alberguen animais potencialmente perigosos ós que se refire o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma galega, e que se dediquen á súa explotación, cría, comercialización ou adestramento, incluídos os centros de adestramento, criadeiros, centro de recollida, residencia, centros recreativos e establecementos de venda colocados neste municipio.
3.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos non aveciñados neste municipio deberán acreditar, cando se encontren residindo temporalmente neste e mentres permaneza o animal no termo municipal, a tenencia da licencia no municipio de orixe.
4.-Nos supostos de cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia, e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para tal efecto, no caso de que se dictara resolución apreciando agresividade, o titular disporá do prazo dun mes, a contar desde a súa notificación, para solicitar a licencia administrativa, efectuándose en caso contrario a retirada e depósito do animal de conformidade co establecido no
artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 4.º .-Requisitos para a obtención da licencia.
1.-Para a obtención da licencia administrativa con destino á tenencia de calquera animal clasificado como potencialmente perigoso será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:
a) Ser maior de idade e non estar incapacitado para proporciona-los coidados necesarios ó animal.
b) Non ter sido condenados por delictos de homicidio, lesións, torturas contra a liberdade ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenencia de animais potencialmente perigosos.
c) Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico de animais potencialmente perigosos.
Nembargantes, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licencia, ter sido sancionado coa suspensión temporal desta, sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fora cumprida integramente.
d) Dispor de certificado de aptitude psicolóxica e de capacidade física para a tenencia de animais potencialmente perigosos.
e) Acreditar a formalización dun seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poidan causar os seus animais, cunha cobertura mínima de 125.000 Euros. Este seguro deberá renovarse anualmente.
2.-Os requisitos esixidos deberán manterse vixentes durante todo o período da tenencia do animal; a perda destes dará lugar á revisión da licencia nos termos recollidos no artigo 9.º desta ordenanza.
Artigo 5.º .-Vixencia das licencias.
1.-As licencias terán unha vixencia de cinco anos. Transcorrido este período deberán ser obxecto de renovación, por período de igual duración, mediante a presentación da mesma documentación esixida para a súa obtención e sinalada no artigo anterior.
2.-A condena por calquera dos delictos recollidos no apartado b) do artigo anterior dará lugar á retirada da licencia polo Concello.
Artigo 6.º .-Tarxeta acreditativa da licencia.
A tarxeta acreditativa expedida polo concello de residencia do propietario, constará dos seguintes datos:
a) Número de licencia municipal.
b) Data de resolución do expediente de solicitude da licencia.
c) Data de caducidade da vixencia da licencia.
d) Nome e apelidos do titular.
e) DNI do titular.
f) Enderezo do titular.
g) Fotografía actualizada do titular.
h) Selo do concello.
Artigo 7.º .-Documentación acreditativa da licencia.
A tenencia da licencia municipal acreditarase mediante copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante a entrega da tarxeta acreditativa referenciada no artigo anterior.
Artigo 8.º .-Órgano competente para a concesión das licencias municipais.
1.-As licencias Municipais para a tenencia de animais potencialmente perigosos, se concederán mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia en materia de licencias, previa acreditación da incorporación da documentación esixida na presente ordenanza.
Artigo 9.º .-Revisión, perda de licencias e depósito de animais.
1.-A perda de calquera dos requisitos esixidos no artigo 4.º desta ordenanza, dará lugar á revisión das licencias municipais concedidas e a súa retirada previa tramitación de expediente contradictorio.
2.-A retirada da licencia dará lugar á perda do dereito á tenencia do animal e a obriga do interesado de proceder, no prazo máximo de dez días a contar dende a recepción do requirimento, á súa entrega e depósito no establecemento adecuado para tal efecto, ata a obtención desta, salvo que o animal sexa obxecto de entrega a outro propietario ou sacrificio nos termos establecidos nos artigos 58, 59 e 60 do Decreto 153/1998, da comunidade autónoma de Galicia.
3.-En caso de incumprimento da obriga de depósito procederase á súa execución subsidiaria polo Concello, ou a Comunidade Autónoma, a través dos seus servicios ou mediante empresa contratada, sendo os gastos que tal actuación comporta a cargo e conta do antigo titular da licencia.
4.-O Concello poderá retirar dos espacios públicos e depositar de oficio en establecemento adecuado, sen necesidade de previo requirimento, a aqueles animais potencialmente perigosos nos que se aprecie unha situación de abandono ou perigosidade para os usuarios das vías e espacios de uso común ou circulen por estes sen a debida protección ou control do seu propietario ou posuidor.
5.-Igualmente o Concello poderá retirar e depositar en establecemento adecuado aqueles animais potencialmente perigosos que non dispoñan da correspondente tarxeta de identificación no municipio de orixe ata tanto se acredite tal circunstancia polo titular deste.
6.-A falta de licencia municipal para a tenencia de animais potencialmente perigosos dará lugar a un único requirimento municipal para a súa obtención no prazo de dez días e á retirada e depósito dos animais, nos termos establecidos neste artigo.
CAPÍTULO III.-DO REXISTRO MUNICIPAL
Artigo 10.º .-Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.-Créase o Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos, que o tratamento será informatizado, no que se fará constar con carácter obrigatorio de acordo co Decreto 90/2000, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, a seguinte documentación:
Datos do animal:
a) Número de "microchip".
b) Nome do animal.
c) Especie.
d) Raza. En cruzamento de primeira xeración especificaranse as razas de procedencia.
e) Sexo.
f) Características externas (descrición da capa, tipo e cor da pel, etc.).
g) Data de nacemento do animal.
h) Dirección habitual do animal.
i) Outros signos identificativos non definitivos (tales como unha tatuaxe ou un número de chapa se o animal foi censado nun censo municipal anteriormente).
l) Especificación de se o animal está destinado a convivir con seres humanos ou se teñen finalidades distintas como a garda, defensa ou outra que se indique.
m) Nome e apelidos do propietario do animal.
Datos do propietario ou posuidor:
n) DNI.
ñ) Nome e apelidos.
o) Dirección do propietario do animal.
p) Teléfonos de contacto do propietario do animal.
q) DNI do propietario do animal.
r) Nome, dirección, número de colexiado e número de veterinario colaborador que realiza a marcaxe.
s) Data na que se realiza a implantación da identificación e a entrega do documento ó propietario.
t) Data de alta no rexistro.
u) Certificado sanitario, expedido por un veterinario, que acredite con periodicidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou síntomas que poidan facelo potencialmente perigoso, así como unha certificación de que o animal carece de lesións ou cicatrices que puidesen estar relacionadas coa utilización do animal en pelexas ou outras actividades prohibidas.
v) Libreta sanitaria actualizada nos tratamentos preceptivos e preventivos propios da especie e idade. Na libreta sanitaria figurará a catalogación de animal potencialmente perigoso.
w) Copia da licencia municipal de tenencia de animais potencialmente perigosos, a nome do propietario. Acompañarase de copia da póliza que xustifique ter formalizado o seguro de responsabilidade civil.
x) Datos do centro de adestramento, se fose o caso.
z) Incidentes de agresión, se fose o caso.
2.-Os propietarios dos animais serán os responsables de identifica-los animais e de sufraga-los gastos que esto ocasione, independentemente do lugar de residencia das ditas persoas. A identificación definitiva suporá un requisito previo e obrigatorio para realizar calquera transacción do animal.
3.-O rexistro municipal é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as Administracións Públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes neste. Para estes efectos considerarase, en todo caso, interese lexítimo o que ostenta calquera persoa física ou xurídica que desexe adquirir un animal destas características, así como aquelas que sufriran calquera tipo de agresión polo animal e desexen exerce-las acción correspondentes en calquera vía xurisdiccional, para o que deberán acreditar previamente a interposición da correspondente denuncia.
4.-En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no rexistro será de acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos persoais.
5.-A identificación definitiva con "microchip" dos animais potencialmente perigosos é obrigatoria sen excepcións. A identificación definitiva con "microchip" en tódolos cans, independentemente da súa raza ou condición, será obrigatoria a partir do 2 de xullo de 2003, tal e como se recolle na disposición transitoria segunda do Decreto 153/1998, do 2 de abril.
Artigo 11.º .-Inscrición no Rexistro.
1.-A inscrición no Rexistro de animais potencialmente perigosos efectuarase de oficio polo Concello de residencia habitual do animal, no prazo de 15 días contados a partir da concesión da licencia municipal regulada no artigo 3º da presente ordenanza.
2.-Nembargantes, será igualmente obrigatoria a instancia do interesado, a inscrición no Rexistro municipal, en sección aberta para tal efecto, cando se efectúe o traslado dun animal potencialmente perigoso a este municipio, sexa con carácter permanente ou por período superior a tres meses, debendo proceder á inscrición no prazo máximo de dez días a contar dende o inicio da residencia no municipio.
3.-Das inscricións que se efectúen no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos darase traslado ó órgano correspondente da Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 12.º .-Baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.
1.-A baixa no Rexistro municipal de animais potencialmente perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da venda, traspaso, cesión ou morte do animal.
2.-Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado da residencia habitual do animal a municipio distinto e así quede acreditado xa sexa a instancia do interesado ou de oficio polo Concello. Neste caso o propietario deberá dar de alta ó animal no novo concello de residencia deste.
3.-Farase figurar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados nas súas instalacións como consecuencia de recollida destes da vía pública ou por perda da licencia do seu anterior titular.
Artigo 13.º .-Sección local do Rexistro galego de identificación de animais de compañía.
1.-Ó amparo dos principios de lealdade institucional, cooperación e colaboración previstos no artigo 4 da Lei 30/1992, establécese unha sección local do Rexistro de identificación de animais de compañía, limitada ós cans residentes no termo municipal, que se formarán cos datos que para tal efecto se remitan polo Rexistro galego. Cos datos contidos na sección do Rexistro, formaranse en data 31-12 de cada ano, o censo ó que se refire o artigo 27 do Decreto 153/1998.
2.-Neste Rexistro farase constar a información contida no apartado 5 do artigo 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, e que se recollen tamén nas letras da a) ó u) do apartado 1 do artigo 10 da presente ordenanza.
Artigo 14º ..-Circulación e permanencia do can en vías públicas e locais.
1.-Nas vías públicas e os espacios naturais protexidos os cans irán suxeitos con cadea ou correa.
2.-Os cans guía poderán circular libremente nos transportes públicos urbanos sempre que vaian acompañados polo seu dono e cumpran as condicións hixiénicas, sanitarias e de seguridade que prevén as ordenanzas.
3.-Queda absolutamente prohibida a entrada e permanencia de animais en toda clase de locais dedicados á fabricación, venda, almacenamento, transporte ou manipulación de alimentos. Non obstante, en restaurantes, bares, cafeterías ou semellantes, a entrada e permanencia de animais estará condicionada ó criterio do dono do establecemento sempre e cando non supoña ningún tipo de incomodidade ou molestia para os concorrentes, sendo o propietario do animal o responsable dos seus actos.
4.-Prohíbese a circulación e permanencia de cans e outros animais nas piscinas públicas durante a tempada de baño.
5.-Queda prohibida a entrada de animais en recintos de prácticas de deportes e de xogos infantís ou naqueloutras zonas que o Concello determine atendendo ás súas dimensións ou réxime de usos.
6.-Queda expresamente prohibido que os cans accedan ás zonas de xogo infantil das prazas e parques do municipio.
7.-Prohíbese lavar animais na vía pública e fontes, así como darlles de beber auga amourados ás billas das fontes públicas.
8.-Autorízase o traslado de animais nos medios de transporte público, sempre e cando se realice en cestas ou gaiolas. No caso dos taxis queda a criterio do conductor. Ámbolos casos estarán sempre condicionados a que sexan sostidos polos seus donos de forma que non ocupen os asentos.
9.-O transporte de animais en vehículos particulares realizarase de forma que non poidan perturbar a acción do conductor nin se comprometa a seguridade do tráfico e de acordo coas normas previstas no Código de circulación.
10.-Quedan exentos das prohibicións anteriores os cans guías que acompañen a persoas invidentes.
11.-Conforme ó establecido no artigo 112 apartado 5 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia, os cans catalogados como potencialmente perigosos terán que circular polas vías públicas e en lugares e espacios de uso público en xeral, atados con cadea ou correa non extensible, de lonxitude superior a dous metros, provistos da correspondente buceira homologada e adecuada para a súa raza.
CAPÍTULO IV.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 15.-Infraccións.
1.-Os axentes da autoridade e cantas persoas presencien ou coñezan feitos contrarios ó establecido nesta ordenanza teñen o deber de denunciar aos infractores.
2.-As infraccións que se cometan contra o disposto nesta ordenanza clasifícanse en moi graves, graves e leves.
3.-Terán a consideración de infraccións administrativas moi graves, as previstas no artigo 13.1 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 22 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
4.-Terán a consideración de infraccións administrativas graves, as previstas no artigo 13.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, así como as establecidas no artigo 21 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia.
5.-Son infraccións administrativas leves o incumprimento de calquera das obrigas establecidas nestas ordenanza, na Lei 50/1999, do 23 de decembro, do Estado, e na Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, non comprendidas nos parágrafos anteriores e que a competencia corresponda ó Concello, conforme o previsto no artigo 20.3) do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, da comunidade autónoma de Galicia.
Artigo 16.-Sancións.
1.-Consonte o establecido na Lei 1/93, do 13 de abril, as infraccións indicadas no artigo anterior serán sancionadas coas multas que seguen:
a.-As leves, de 30,00 a 300,00 euros.
b.-As graves, de 300,01 a 3.000,00 euros.
c.-As moi graves, de 3.000,01 a 15.000,00 euros.
2.-En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no Artigo anterior desta ordenanza, poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, comiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licencia para tenencia de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.
Artigo 17.º .-Responsable.
1.-Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión destas, ó propietario ou posuidor dos animais, ou no seu caso, ó titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, asemade, ó encargado do transporte.
Artigo 18.º .-Procedemento sancionador.
1.-O procedemento sancionador aplicable rexerase polo establecido na Lei 50/1999, do 23 de decembro, así como a Lei 30/92, do 26 de novembro, e normas de desenvolvemento.
Artigo 19.º .-Exercicio da potestade sancionadora.
1.-Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos Artigos 24.2 da Lei 1/1993, do 13 de abril, da comunidade autónoma de Galicia, serán:
a) Por infraccións leves, o alcalde.
b) Por infraccións graves, o director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.
c) Por infraccións moi graves, o conselleiro do Medio.
2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ó Concello.
Nembargantes, o alcalde porá en coñecemento de xeito fidedigno, do director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente, toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.
3.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.
Artigo 20.º .
1.-As infraccións previstas nesta ordenanza prescribirán, no caso das leves ós seis meses, das graves ós doce meses e das moi graves ós dous anos.
DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA
Quedan excluídos da obriga de obtención de licencia municipal aqueles exemplares caninos que foran obxecto de adestramento baixo a supervisión directa da ONCE e sexan destinados á guía de persoas invidentes.
DISPOSICIÓN FINAL
1.-A presente ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia da Coruña do acordo plenario de aprobación definitiva.
Esta ordenanza municipal de posesión e custodia de animais foi aprobada inicialmente polo Pleno da Corporación de Teo o 25 de outubro 2002.