Teo - Regulamento para a concesión de axudas e subvencións municipais a entidades sen animo de lucro, disposicións xerais

Publicación provisional: 12/12/2000 BOP Nº: 283
Publicación definitiva: 12/12/2000 BOP Nº: 283
Aplicable dende: 30/12/2000

1.-Obxecto das axudas e subvencións.

O presente regulamento ten por finalidade regula-la concesión de axudas e subvencións municipais destinadas a institucións, asociacións e agrupacións veciñais sen fins de lucro, que promovan o fomento da cultura e o deporte, e os intereses xerais ou sectoriais dos veciños/as.

A convocatoria de axudas e subvencións farase anualmente, cos efectos de abrangue-lo período de cada ano natural comprendido entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro, a conta das partidas do correspondente orzamento.

Para tal efecto, e nos termos previstos presupostariamente coas correspondentes dotacións nas partidas presupostarias, o obxecto das axudas e subvencións abranguerá:

a) Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para promove-las actividades culturais e deportivas nos centros públicos de ensino, escolas, centros e asociacións de pais e nais de alumnos (ANPAs).

b) Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para realizar actividades culturais, asociacións culturais, asociacións de veciños, xuvenís, sindicais, empresariais, profesionais, comisións de festas, etc.

c) Transferencias correntes a entidades sen fin de lucro para realizar actividades deportivas, asociacións deportivas, clubes, etc.

d) Transferencias correntes a entidades e asociacións veciñais para realizar infraestructuras e equipamentos de carácter colectivo e recoñecido ben social.

2.-Destinatarios.

2.1) Poderán concorrer e optar a estas subvencións as entidades, organismos ou asociacións xuridicamente constituídas que teñan os seguintes requisitos e fins:

a) Carecer de fins de lucro.

b) Estar debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e Entidades do Concello, nos termos previstos no artigo 236.2, 3 e 4 do Real decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo cal se aprobou o Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das entidades locais, agás as que estean eximidas da devandita inscrición.

c) Estar ó día das xustificacións de subvencións concedidas en anteriores exercicios ou ter debidamente solicitada unha prórroga debidamente xustificada e aprobada pola Comisión de Subvencións e Axudas Municipais.

d) Excepcionalmente as entidades e institucións sen fins de lucro domiciliadas fóra do Concello que realicen actividades de utilidade ou interese xeral para os veciños deste Concello.

2.2.-As peticións de cultura e deportes poderán ser solicitadas por persoas físicas ou agrupacións veciñais, sempre que cumpran os requisitos sinalados nos puntos a) e c) do apartado anterior.

2.3.-As peticións de axudas e subvencións para a realización de infraestructuras e equipamento de carácter colectivo e recoñecido ben social, tamén poderán ser solicitadas por agrupacións veciñais constituídas para tal efecto, sempre que cumpran os requisitos a) e c) do punto 2.1.

3.-Actuacións subvencionables.

3.1.-As subvencións e axudas que se outorguen en cada convocatoria, ó abeiro do presente regulamento, terán como finalidade a realización de actividades de carácter educativo, social, cultural, deportivo, lúdico e de lecer, de defensa dos intereses de colectivos sociais e dos veciños en xeral, de promoción de infraestructuras de carácter colectivo e recoñecido ben social, e de mantemento das entidades que desenvolvan estas actividades. Inclúense nas actividades subvencionables as festas patronais das parroquias, as festas gastronómicas e de exaltación dos productos da zona, así como aqueloutras destinadas a celebrar distintos aspectos da vida social: festas da terceira idade, do catecismo, da emigración, das nais, etc.

3.2.-Non poderán ser obxecto de axuda ou subvención na correspondente convocatoria as actividades ou investimentos subvencionados no mesmo exercicio, a través doutras convocatorias de subvencións ou de planos doutras administracións públicas, e en concreto da Xunta de Galicia ou da Deputación Provincial, cando o importe destas últimas acade o 100% da actividade a realizar.

En caso contrario poderá ser subvencionable e complementado o importe da actividade na contía restante ata chegar ó total do importe da actuación.

3.3.-As subvencións concedidas non serán invocables como precedente.

3.4.-Non será esixible o aumento ou revisión da subvención polo beneficiario da mesma.

4.-Convocatoria e prazo de solicitudes

4.1) A Comisión de Goberno, en cada exercicio presupostario, procederá a efectuar unha convocatoria de subvencións e axudas, que deberá facerse pública (mediante bandos e coa súa publicación no BOP e prensa local) no último mes do ano.

4.2) O prazo para presentar solicitudes será de trinta días naturais, a partir do seguinte ó da publicación da convocatoria no BOP, debéndose presentar no Rexistro Xeral do Concello, en horas de oficina. Para tal efecto non se terán en conta as solicitudes que se reciban no Rexistro de entrada unha vez rematado o prazo de presentación, agás as presentadas no Rexistro doutras administracións no prazo regulamentario.

No caso de solicitudes defectuosas ou incompletas, concederase un prazo de dez días para a súa corrección ou emenda completa, arquivándose sen máis trámites cando non se emenden os defectos no dito prazo.

5.-Documentación.

As solicitudes de subvención ou axuda deberán presentarse no modelo normalizado que se facilitará no Rexistro Xeral do Concello, que irá acompañada dos seguintes documentos:

1.-Fotocopia compulsada do CIF ou NIF.

2.-Fotocopia compulsada dos estatutos da entidade.

3.-Certificación dos datos bancarios da entidade.

4.-Fotocopia compulsada da tarxeta do NIF do representante legal das entidades ou de tódolos particulares que conformen un agrupamento veciñal para a realización dunha actividade completa.

5.-Certificación acreditativa do acordo de solicitude e do nomeamento dos representantes, no seu caso, para as relacións co Concello.

6.-Declaración xurada ou certificación do representante da entidade segundo se trate de persoas físicas ou xurídicas, de non estar incurso en causas de incompatibilidade ou incapacidade para contratar e percibir subvencións ou axudas da Administración pública, e de aceptación do presente regulamento e da convocatoria específica.

7.-Memoria explicativa das actividades que se van realizar, que fará mención ás persoas beneficiadas directa ou indirectamente pola axuda e o calendario previsto para o desenvolvemento da actividade.

8.-Presuposto da actividade prevista, expresando polo miúdo os gastos e ingresos previstos.

No caso de que os solicitantes o consideren necesario, poderase engadir á documentación unha petición debidamente razoada na que se solicite un adianto de ata un 70% da subvención, que noutro caso será entregada unha vez que se presenten os xustificantes de ter sido realizada.

A documentación sinalada nos apartados 1, 2, 3 e 4 non terá que ser presentada se xa se presentou en anos anteriores e non se produciron variacións na mesma.

A devandita solicitude deberá ser asinada necesariamente polo representante/s da mesma.

6.-Órgano competente e criterios para a concesión de subvencións.

6.1) O órgano encargado do estudio das solicitudes e de propoñer unha resolución sobre as mesmas en cada convocatoria será unha comisión informativa especial denominada Comisión de Subvencións e Axudas Municipais creada especificamente para este fin, gardando a proporcionalidade existente entre os distintos grupos políticos representados na Corporación e na que estarán representados todos eles.

A proposta de subvencións e axudas municipais que elabore a comisión será vinculante e remitirase á Comisión de Goberno para o seu pagamento.

6.2) Para a estimación e resolución das solicitudes, a Comisión de Subvencións e Axudas Municipais atenderá os seguintes criterios:

A) Contemplarase a representatividade da entidade ou colectivo que solicite a subvención.

B) Terase en conta o grao de interese xeral ou sectorial da actividade que se pretenda realizar, e a coordinación e complementariedade cos programas municipais, e mesmo, como o número de posibles beneficiarios directos ou indirectos.

C) Consideraranse as actividades realizadas polos solicitantes con anterioridade e o interese social das súas actuacións.

D) Estimarase a contía total anual investida en actividades.

E) Avaliarase o uso e fomento da lingua galega no ámbito de actuación de cada sociedade.

F) Considerarase a súa capacidade de xeración autónoma de recursos e mailas axudas que reciban doutras entidades públicas.

G) Terase en conta o axeitamento e complementariedade das actividades que se van realizar coas actividades e interese público municipal.

H) Estimarase que as actividades propostas teñan como beneficiarios ós colectivos sociais mais desprotexidos.

I) Estimarase a súa capacidade autónoma.

L) Estimarase o carácter periódico ou permanente das actividades subvencionables.

M) A dificultade na execución da actividade sen a concesión da subvención.

6.3) A obtención concorrente de subvencións doutras administracións ou entidades públicas ou privadas, en ningún caso poderán ser de tal contía que superen o custo da actividade.

7.-Obrigas do beneficiario.

7.1) As entidades que obteñan subvención, quedarán obrigadas a realizar en todo tipo de publicidade que realicen das actividades, que a mesma conta co financiamento do Concello, coa expresión "Coa colaboración do Concello de Teo".

7.2) Asemade, estas entidades subvencionadas fican suxeitas a acredita-lo cumprimento da actividade subvencionada, comunicar ó Concello a concesión doutras subvencións concorrentes por parte doutras administracións ou entidades públicas ou privadas outorgadas para a mesma finalidade, e someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro do Concello, incluída a subministración da información que demande o Consello de Contas de Galicia.

8.-Xustificación das actividades e pagamento das subvencións ou

8.1) As subvencións ou axudas que teñan por finalidade realizar activades de calquera natureza que xeren gastos de persoal, xustificaranse por medio de facturas, nóminas ou recibos, e os gastos de material non inventariable coas correspondentes facturas. En ámbolos dous casos poderanse presentar fotocopias debidamente compulsadas.

8.2) As subvencións que teñan por finalidade a realización de actividades de calquera natureza que xeren gastos correntes, xustificaranse mediante facturas orixinais de gasto ou foocopias debidamente compulsadas.

8.2.1) Nas subvencións que teñan por obxecto a realización de obras, poderase xustificar mediante certificación de obra subscrita por técnico colexiado competente e relación de obra estimada.

8.3) En todo caso, deberase presentar unha certificación do representante da entidade subvencionada, de ter cumprida a finalidade da subvención ou axuda, mediante a realización das actividades para a que foi concedida.

8.4) O prazo de xustificación rematará o trinta e un de outubro de cada exercicio, podendo ser prorrogada ata un máximo de corenta e cinco días naturais por pedimento razoado do solicitante ou de oficio, acordado pola Comisión de Subvencións e Axudas Municipais, que cada ano se reunirá, trimestralmente e unha vez rematado o prazo normal de entrega, para avalia-los xustificantes das subvencións.

Excepcionalmente, e para actividades que necesariamente se desenvolvan no mes de decembro ou garden relación coas festas do Nadal, a data límite para a xustificación non poderá exceder do trinta e un de decembro.

8.5) Para a xustificación do gasto da subvención ou axuda concedida, será requisito inescusable que os conceptos dos xustificantes de gastos se axuste á finalidade para a que foi concedida a mesma, debéndose achegar relación polo miúdo das subvencións ou axudas recibidas doutras administracións públicas ou entidades privadas para a mesma finalidade, ou pola contra, declaración de non ter outras subvencións públicas ou privadas para a mesma finalidade.

Non se admitirán en ningún caso como xustificantes de gastos as cantidades satisfeitas ó Concello polo uso das súas instalacións deportivas, culturais ou pola ocupación de dominio público municipal.

8.6) Á vista da documentación xustificativa presentada, a Comisión de Subvencións e Axudas Municipais, que se reunirá trimestralmente a tal fin, estimará o cumprimento das actividades subvencionadas. No caso de que a subvención municipal en concorrencia con outras concedidas por outras administracións públicas ou privadas sobre o 100% do presuposto da actividade correspondente, a comisión deberá minorala ata chegar ó máximo do 100%.

As subvencións serán minoradas proporcionalmente cando os gastos xustificativos sexan inferiores ó importe da subvención concedida.

A Comisión de Subvencións e Axudas Municipais analizará, na sesión na que se estudien as solicitudes, as peticións razoadas de adianto dun 70% como máximo do importe da subvención, co obxecto de posibilita-la realización de actividades urxentes ou de mantemento anual. Na proposta de subvencións que a comisión debe elevar á Comisión de Goberno, figurará un anexo no que se realicen os adiantos propostos e a súa contía. En ningún caso este adianto da subvención evitará a entrega dos xustificantes solicitados nos prazos sinalados.

O aboamento da subvención ou axuda farase efectivo por medio de ingreso na conta bancaria da entidade solicitante, que aportará certificación da súa entidade financeira na documentación de solicitude. Excepcionalmente, e só para aquelas agrupacións veciñais que se teñan formado expresamente para a promoción dunha obra concreta de interese social e non dispoñan de conta bancaria, o pagamento da subvención poderá ser realizado mediante cheque bancario.

8.7) Vencidos os prazos e prórrogas para a xustificación das actividades, sen que o beneficiario da subvención teña xustificado o cumprimento da finalidade que motivou o seu outorgamento, perderá o seu dereito a esixila e a Comisión de Subvencións e Axudas Municipais procederá a anula-lo correspondente compromiso, notificándollelo ós interesados.

No caso de que unha parte da subvención xa fose adiantada ós solicitantes e estes non presentasen os correspondentes xustificantes, requirirase da entidade a devolución das cantidades non xustificadas. Esta situación impedirá que no ano seguinte lle sexa adiantada cantidade algunha á entidade infractora.

9.-Colaboración do beneficiario.

O beneficiario ficará obrigado a facilitar canta información lle sexa requirida polo Concello de Teo e polo Consello de Contas de Galicia, someténdose á responsabilidade e réxime sancionador establecido no texto refundido da Lei xeral presupostaria, aprobado polo Real decreto lexislativo 1091/1988, do 23 de setembro, e no seu caso, ó disposto no vixente Código penal aprobado pola Lei orgánica 10/1995, do 23 de novembro.

10.-Publicidade das subvencións e axudas.

A resolución anual definitiva das subvencións concedidas polo Concello de Teo, será publicada no prazo de 10 días no Boletín Oficial da Provincia e exposta ó público nos taboleiros de información do Concello durante 15 días.

Asemade o órgano competente comunicará individualmente ás asociacións o importe da subvención concedida.

Derradeira disposición.

O presente regulamento, que consta de dez artigos e unha disposición derradeira, será publicado no Boletín Oficial da Provincia no prazo de dez días trala súa aprobación polo Pleno, entrando en vigor logo de ter decorrido o prazo de quince días dende a súa enteira publicación no BOP.

A asignación de subvencións e axudas municipais que se concedan no ano 2001 deberán aterse xa ó estrictamente regulamentado neste texto.

11.-Modelo de petición.

"A entidade ..., inscrita no Rexistro Xeral de Asociacións do Concello de Teo (ou a agrupación de veciños formada polas seguintes persoas ..., e constituída especificamente para ...), con enderezo en ..., e provista do CIF/NIF ..., e no seu nome e representación don/dona ..., con DNI ..., actuando en calidade de ...

Expón:

- Que, publicada a convocatoria de concesión de subvencións e axudas polo Concello de Teo para o ano ..., segundo anuncio publicado no Boletín Oficial da provincia número ..., de data ..., solicita a concesión dunha subvención ou axuda na contía de ... pesetas, para levar a cabo a/as actividade/s de ...

- Que, para tal efecto, axunta a documentación requirida polo regulamento de concesións de subvencións ou axudas aprobada polo Pleno do Concello na sesión do

día ..., manifestando a aceptación deste.

Teo, ... de ... 2000.

O/a solicitante, asinado.

D. ..., señor alcalde do Concello de Teo".