Abegondo - Regulamento sobre as normas para a expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalía no Concello de Abegondo

Publicación provisional: 16/12/2009 BOP Nº: 264
Publicación definitiva: 08/03/2010 BOP Nº: 44
Aplicable dende: 26/03/2010

1. OBXECTO

O presente regulamento ten por obxecto a regulamentación da expedición polo Concello de Abegondo das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalía, ao abeiro do disposto nos artigos 27,2 da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e 50.2 e 53.1 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

2. TITULARES

a) Teñen dereito a que se lles expida a tarxeta de estacionamento todas aquelas persoas que estando empadroadas neste municipio, presenten problemas graves de mobilidade con documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorecer o uso de transportes privados e para que o seu titular poida gozar de facilidades de estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.

b) Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física poderá utilizala en calquera vehículo en que se traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa titular o conductor do vehículo ou non. Cando se faga uso dos dereitos que outorga esta tarxeta colocaranse nun lugar visible do vehículo.

3. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR

- Solicitude debidamente cumprimentada

- D.N.I. do titular da tarxeta

- Certificado de empadronamento

- Unha fotografía tamaño carné

- Certificado de minusvalía actualizado e expedido polos equipos de estimación da Xunta de Galicia ou polos autorizados noutras comunidades autónomas, e neste debe figurar se se recoñecen ou non dificultades graves de mobilidade. No caso de que no certificado de minusvalía non conste este dato, o interesado a través do departamento de servizos sociais do Concello, fará a petición oportuna dirixida ao EVO correspondente, co fin de que lle sexa estimado o seu problema de mobilidade.

4. PROCEDEMENTO

A solicitude presentarase no departamento de servizos sociais do Concello, xunto coa documentación necesaria.

Presentada a solicitude, ésta rexistrase no rexistro xeral do Concello.

O/A traballador/a social remitirá copia ao EVO para informe preceptivo e vinculante para a resolución do procedemento, en caso de que o certificado de minusvalía que presente o solicitante non indique a imposibilidade de facer uso do transporte público.

Unha vez recibido informe do EVO, o departamento de servizos sociais emitirá informe-proposta que se elevará á Alcaldía, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada.

A resolución será notificada ao/á interesado/a de acordo co procedemento establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. INDICADORES PARA A CORRECTA UTILIZACIÓN DA TARXETA DE ESTACIONAMENTO

A tarxeta, unha vez concedida, será asinada polo/a titular, que deberá plastificala. Cando se utilice, colocarase na parte dianteira do vehículo, de maneira que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.

A tarxeta é persoal e intransferible e dá dereito á utilización das correspondentes prazas de estacionamento destinadas para uso exclusivo das persoas con minusvalía en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Concello establecerá reserva con carácter permanente das prazas de aparcamento debidamente sinalizadas para vehículos que transporten ás persoas titulares destas tarxetas. Situaranse próximas aos pasos de peóns dentro as zonas destinadas a aparcamentos de vehículos lixeiros, ben sexan interiores ou subterráneos.

6. CADUCIDADE DAS TARXETAS

A tarxeta terá unha validez de dez anos de duración, agás nos casos en que o certificado de minusvalía indique prazos de revisións previstos.

Un mes antes de que caduque a tarxeta, o titular deberá solicitar unha nova, tendo a obriga de entregar a anterior no momento de recibir a actualizada. Seguirase o mesmo procedemento que se segue para o outorgamento da tarxeta inicial.

O Concello terá dereito a controlar que as condicións que deron orixe á expedición da tarxeta continúan vixentes, polo que poderá requirir aos/ás solicitantes, en calquera momento, para que acheguen probas actualizadas de ditas condicións.

Calquera variación das condicións que deron orixe á expedición da tarxeta deberá ser comunicada aos servizos sociais no prazo máximo e improrrogable de un mes; de non ser así, o Concello poderá anular a súa vixencia.

7. DISPOSICIÓN FINAL

O presente regulamento entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia, de conformidade co disposto no artigo 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e transcorra o prazo de 15 días hábiles previsto no aetigo 65.2 da devandita lei, e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.

ANEXO I: SOLICITUDE DA TARXETA DE ESTACIONAMENTO

DATOS DO/A SOLICITANTE:

Don/Dona ________________________________

D.N.I. __________, teléfono _______________

domicilio_____________________________

municipio ____________________________, código postal ________________________

DATOS DO/A BENEFICIARIO:

Don/Dona ________________________

D.N.I. ___________, teléfono ___________

domicilio___________________________

municipio ___________________________, código postal ________________________

EXPÓN:

 Que ten recoñecida a imposibilidade de uso de transporte público e así figura no certificado emitido polo equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente.

 Que está recoñecido/a como minusválido/a ( ¿....... %), pero no certificado non aparece expresamente recoñecida a imposibilidade de uso de transporte público polo Equipo de Valoración e Orientación correspondente.

 Que ten graves problemas de mobilidade pero non ten a condición de minusválido/a por non estar recoñecido polo Equipo de Valoración e Orientación correspondente.

 Que é beneficiario/a dunha tarxeta de estacionamento expedida polo Concello de ¿......... e xa solicitou o traslado do expediente.

SOLICITA:

Que lle sexa expedida a tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez, segundo o modelo establecido no Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras da Comunidade Autónoma de Galicia, comprometéndose a cumprir as normas que regulan a súa expedición.

Abegondo, ¿............ de ¿.......................................... de 20........

Asdo.:

Sr. Alcalde do Concello de Abegondo