Tordoia - Regulamento do servicio da piscina municipal
CAPÍTULO I.- DISPOSICIÓNS XERAIS.-
Artigo 1º.-
O presente regulamento díctase en virtude das facultades conferidas polos artigos 49 e 84 da LRBRL, en relación co artigo 25.2 de dita lei que fixa a competencia nesta materia ao determinar que a actividade municipal dirixirase á prestación, entre outros, das actividades deportivas.
Artigo 2º.-
Por actividades deportivas no recinto da piscina municipal entenderase todas aquelas susceptibles da súa práctica, tales como cursiños de natación, práctica libre da mesma polos usuarios aboados, escolas de natación ou de deportes, water polo, etc., así como prácticas de rehabilitación-terapéuticas.
Artigo 3º.-
Sen prexuízo das disposicións contidas neste regulamento serán de aplicación as normas autonómicas en materia de piscinas.
CAPÍTULO 2.- DAS CALIDADES DE PRESTACIÓN DO SERVICIO.-
Artigo 4º.-
O servicio de piscina municipal deberá prestarse na modalidade de xestión directa con ou sen órgano especial de administración, ou por xestión indirecta na forma de concesión.
Corresponderá ao pleno da corporación (artigo 22,2,t LRBRL) valorar as circunstancias do momento para optar por unha ou outra modalidade.
CAPÍTULO 3.- DA NON OBRIGATORIEDADE DA PRESTACIÓN DO
Artigo 5º.-
O servicio préstase con carácter xeral non obrigatorio ao non estar comprendido nos servicios de prestación obrigatoria a que fai referencia o artigo 26.1, a) e b) da LRBRL, polo que o mesmo poderá ser suprimido e reconvertidas as instalacións a outros usos cando circunstancias sobrevidas e debidamente ponderadas así o aconsellen.
CAPÍTULO 4.- PROCEDEMENTO DO USO DOS SERVICIOS.-
Artigo 6º.-
As instalacións da piscina municipal funcionan directamente, de luns a venres dende as 15 ata as 20 horas, e sábados e domingos dende as 13 as 19:30 horas, podendo ser utilizadas polos usuarios libremente durante o devandito horario, agás das reservas de horario que poidan establecerse para escolas de natación, impartición de cursiños, etc., que tratarán de adecuarse de tal xeito que non interfiran co libre uso.
Non obstante poderase modificar pola Alcaldía en interese posible a instancia das necesidades.
Artigo 7º.-
Os usuarios do servicio para a súa utilización, virán obrigados a satisfacer o prezo público que estableza o Concello pola utilización do mesmo, tanto na modalidade de entrada ou abono.
Artigo 8º.-
1) Os usuarios só poderán acceder ao interior da sala de baño en traxe de baño e provistos de gorro, debendo utilizar, previa a entrada ao vaso da piscina, as duchas habidas en ámbolos vestiarios.
2) Non se permitirá o acceso de roupas, colchóns, aletas, etc.
3) Os vestiarios, mulleres e homes, haberán de ser utilizados separadamente en razón do sexo dos usuarios.
4) O Concello non será responsable da perda ou deterioro dos utensilios persoais.
5) O Concello poderá establecer normas complementarias do uso que se expoñerán en lugar visible do recinto e, de forma extracta, nos abonos aos usuarios.
CAPÍTULO 5.- DEREITOS E DEBERES DOS USUARIOS.-
Artigo 9º.-
Os usuarios do servicio teñen dereito:
1) A que o concello ou concesionario realice a prestación do servicio nos termos fixados no presente Regulamento e nas condicións hixiénicosanitarias establecidas e cos medios técnicos e persoais precisos nas horas e días sinalados, agás de forza maior.
2) A que a actividade se axeite, en todo o caso ao principio de igualdade ante a lei e sexa congruente cos motivos e fins que o xustifiquen.
3) A que os prezos públicos a satisfacer sexan fixados na Ordenanza fiscal correspondente.
4) Os demais dereitos que se deriven da aplicación deste Regulamento ou veñan fixados nas disposicións legais que lle sexan de aplicación ao servicio por razón da súa natureza e actividade.
Artigo 10.-
Os usuarios do servicio estarán obrigados:
1) A utilización do servicio nas condicións sinaladas no artigo.
2) A respectar as instalacións e facer das mesmas un adecuado uso, evitándose alborotos, utilizacións excluíntes, etc.
3) A satisfacer os prezos públicos na contía e forma prevista na Ordenanza fiscal correspondente.
4) A cumprimentar calquera outra obriga que se derive deste regulamento e de disposicións legais que lle sexan de aplicación.
CAPÍTULO 6.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.-
Artigo 11.-
Os usuarios do servicio serán responsables das infraccións deste Regulamento que cometan eles e, no caso de menores, a responsabilidade (artigo 1903, C.C.) será dos seus pais ou titores.
Artigo 12.-
As infraccións cualifícanse en leves, graves e moi graves.
1) Terán a cualificación de leves:
a) Excederse nos horarios de utilización do servicio.
b) A non observancia das seguintes prescricións no uso do servicio:
-Ducha antes da inmersión na auga do vaso da piscina.-Entrada na zona de baño de roupas ou calzado da rúa. -Beber, fumar ou comer na zona de baño e instalacións do complexo.
-O uso do gorro de baño.
2) Terán a cualificación de graves:
a) A reincidencia de infraccións leves polo usuario nos tres últimos meses.
b) A entrada de animais nas instalacións.
3) Teñen a cualificación de infraccións moi graves:
a) A reiteración de infraccións graves nos últimos tres meses.
b) A irregularidade na utilización do servicio con trascendencia directa a vía pública
Artigo 13.-
Para as infraccións aplicaranse as seguintes sancións:
1) Leves:
Apercibimento.
2) Graves
Multa de 1.000 a 5.000 pesetas.
3) Moi graves Multa de 5.000 a 25.000 pesetas e prohibición do uso do servicio. Artigo 14.- As sancións serán impostas pola Alcaldía previo expediente no que sexa oído o infractor.
CAPÍTULO 7.- RECURSOS E RECLAMACIÓNS.-
Artigo 15.-
Contra calquera orde ou situación de feito que non teña a cualificación de acto administrativo poderá reclamarse perante o Alcalde.
Artigo 16.-
Contra as multas ou resolucións da Alcaldía sobre constitución, organización, modificación ou supresión do servicio poderá recorrerse perante a xurisdicción contencioso-administrativa.
DISPOSICIÓN FINAL.-
O presente regulamento que consta de 16 artigos, entrará en vigor o día seguinte da publicación completa do seu texto no Boletín Oficial da Provincia, transcorrido o prazo a que fai referencia o artigo 65,2, LRBRL, en relación cos artigos 70.2, LRBRL e 196, 2 ROF.