Tordoia - Ordenanza núm. 17, reguladora da expedición de tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez
Disposición de Motivos
Ó abeiro do disposto nos artigos 27.2 da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e 50.2 e 53.1 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
1.º .-Obxecto.
A presente ordenanza ten por obxecto a regulamentación da expedición polo Concello de Tordoia das tarxetas de estacionamento para persoas con minusvalidez ó abeiro do disposto nos artigos 27.2 da Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia, e 50.2 e 53.1 do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.
2.º .-Destinatarios.
1.-A tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez concederase ás persoas que, estando empadroadas neste Concello, presenten graves problemas de mobilidade como documento acreditativo da súa situación, con carácter persoal e intransferible, coa finalidade de favorece-lo uso dos transportes privados e para que o seu titular poida gozar das facilidades de estacionamento relacionadas coa devandita tarxeta.
2.-Terán dereito á expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez todos aqueles interesados que teñan recoñecida a imposibilidade do transporte público polos equipos de estimación e orientación (EVO) dependentes das seccións de cualificación e estimación de minusvalidez.
3.- Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física poderá emprega-la tarxeta en calquera vehículo no que se traslade, aínda que este non sexa o propietario do vehículo, ou o conductor deste.
4.- Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica, esta incluirá a matrícula de tódolos vehículos habilitados para o transporte de persoas con graves problemas de mobilidade.
3.º .-Solicitudes.
As solicitudes para a expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con minusvalidez, acompañaranse da seguinte documentación:
1.-Solicitude en impreso oficial normalizado, que se xunta como anexo ás presentes normas, e que se obterá no Departamento dos Servicios Sociais do Concello.
2.-DNI do titular da tarxeta.
3.-Certificado de empadroamento.
4.-Unha fotografía tamaño carné.
5.-Fotocopia do carné de conducir, ben do minusválido, ou ben da persoa que o transporte habitualmente
4º.- Requisitos.
1.- Estar empadroado no Concello de Tordoia
2.- Ter recoñecida a imposibilidade utilización de transportes públicos polo equipo de valoración (EVO), dependente da sección de valoración e cualificación de minusválidos.
5.º .-Procedemento.
1.-Presentada a solicitude á que se fai referencia no punto 30 no Rexistro Xeral do Concello, coa documentación pertinente, remitirase copia da mesma ó equipo de valoración e orientación (EVO) correspondente para a realización do informe preceptivo e vinculante para a resolución do procedemento ó que se refire o artigo 53.1.b) do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro.
2.-Recibido no Concello o informe referido no punto anterior, polo Departamento de Servicios Sociais do Concello, elevarase o expediente completo á Alcaldía-Presidencia, para que dicte a resolución pertinente, concedendo ou denegando a tarxeta solicitada. Esta resolución deberá ser emitida pola Alcaldía, órgano ou persoa na que delegue.
3.-A devandita resolución será notificada ó interesado de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4.-O modelo de tarxeta, que é único para todo o ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, axustarase ás características sinaladas no anexo III do Decreto 35/2000, do 28 de xaneiro, e deberá leva-la sinatura ou marca autorizada do titular da tarxeta.
Cando se utilice a tarxeta deberá colocarse na parte dianteira do vehículo, de maneira que unicamente o anverso da tarxeta sexa claramente visible para o seu control.
6.º .-Validez e caducidade das tarxetas.
1.-As tarxetas concedidas polo Concello, de conformidade co disposto no procedemento regulado no punto 4.º , terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia. Non obstante, no caso de cambio de domicilio do beneficiario dunha tarxeta de estacionamento, este deberá solicita-lo translado do expediente ó novo municipio de residencia.
2.-No caso de que a cualificación da minusvalidez sexa permanente, a tarxeta caducará ós dez anos da concesión e, no caso de que a cualificación da minusvalidez sexa provisional, caducará cando transcorra o prazo que esta indique.
3.-Para a renovación deberase segui-lo mesmo procedemento que se seguise para o outorgamento da tarxeta inicial para tal efecto un mes antes de que caduque a tarxeta o titular deberá solicitar unha nova tarxeta, tendo a obriga de entrega-la anterior no momento de retira-la actualizada.
4.-No caso de que se detecte o uso indebido da tarxeta de maneira reiterada e debidamente probada, con independencia da sanción pecuniaria que puidese recaer no expediente sancionador incoado para tal efecto, a citada tarxeta será retirada durante o prazo de dous anos polo órgano que a outorgase.
Disposición final.
A presente ordenanza foi aprobada polo Pleno da Corporacion na sesión celebrada o día
20 de Novembro 2002, sendo de aplicación a partir do 1º de Xaneiro de 2003, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.