Tordoia - Ordenanza núm. 19, sobre cota, plantacións e repoboacións forestais no concello
Fundamento
A ordenanza proposta ven no momento que hai un crecemento importante nas plantacións forestais de tódalas especies, e co fin de protexer os camiños, vivendas e núcleos rurais e urbanos do Concello del Tordoia, a paisaxe e o medio ambiente.
Artigo 1.º .
De conformidade co disposto nos artigos 591 do Código civil e 25, 28 e 49 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e no Decreto 2661/1967, do 19 de outubro, o Concello de Tordoia establece a presente ordenanza non fiscal reguladora das plantacións e repoboacións forestais e das distancias que deben manter respecto ás edificacións e respecto a outras plantacións, cultivos ou explotacións, sendo o seu ámbito territorial todo o término municipal.
Artigo 2.º .
1.-As plantacións e repoboacións que se realicen con especies do xénero eucalipto, chopo e especies invasivas de alto risco estarán suxeitas ás seguintes condicións:
Distancia a núcleos urbanos: 75 metros.
Distancia a vivendas: 50 metros.
Distancia a fontes, mananciais e cauces fluviais situados en montes con uso de rego: 10 metros.
Distancia a fontes de traídas: 15 metros.
Distancia a cultivos agrícolas: 25 metros.
Distancia a praderías ou pastizais: 25 metros.
Distancia a camiños e estradas asfaltadas de titularidade municipal, desde a arista exterior da explanación: 5 metros.
Distancia a camiños forestais: 2 metros.
Artigo 3.º .
1.-As plantacións e repoboacións que se realicen con piñeiros e outras especies de resinosas ou coníferas, estarán suxeitas ás seguintes condicións:
Distancia a núcleos urbanos: 60 metros.
Distancia a vivendas: 30 metros.
Distancia a fontes, mananciais e cauces fluviais situados en montes con uso de rego: 10 metros.
Distancia a cultivos agrícolas: 10 metros.
Distancia a praderías ou pastizais: 10 metros.
Distancia a camiños e estradas asfaltadas de titularidade municipal, desde a arista exterior da explanación (exceptúanse as forestais): 4 metros.
Distancia a camiños e estradas non asfaltadas de titularidade municipal, desde a arista exterior da explanación: 2 metros.
Artigo 4.º .
1.-As plantacións e repoboacións que se realicen con especies frondosas (de crecemento lento), estarán suxeitas ás seguintes condicións:
Distancia a núcleos urbanos: 30 metros.
Distancia a vivendas: 30 metros.
Distancia a fontes, mananciais e cauces fluviais situados en montes con uso de rego: 6 metros.
Distancia a cultivos agrícolas: 6 metros.
Distancia a praderías ou pastizais: 6 metros.
Distancia a camiños e estradas asfaltadas de titularidade municipal, desde a arista exterior da explanación (exceptúanse as forestais): 4 metros.
Distancia a camiños e estradas non asfaltadas de titularidade municipal, desde a arista exterior da explanación: 2 metros.
Artigo 5.º .
Quen se considere prexudicado pola existencia dunha plantación forestal, poderá formula-la correspondente denuncia ou reclamación diante do Concello, achegando informe estimado, relativo ós danos e perdas padecidos.
Artigo 6.º .
Queda prohibida calquera plantación que supoña a substitución de especies de crecemento lento, resinosas, ou coníferas, por especies do xénero eucalipto ou especies invasivas de alto risco, sen a previa autorización expresa e escrita do Concello, que non se concederá sen previo estudio detallado da solicitude.
Artigo 7.º .
Non se poderá realizar dentro do término municipal de Tordoia plantación ou repoboación forestal ningunha, sen obter previamente a correspondente licencia ou autorización do Concello, que se solicitará no modelo oficial dispoñible gratuitamente nas súas oficinas.
Artigo 8.º .
Para poder realizar cortas de árbores dentro do término municipal de Tordoia, será necesario que a persoa física ou xurídica responsable da corta cumprimente previamente, cunha antelación mínima dun día, e entregue nas oficinas do Concello o impreso de comunicación de datos que se facilitará gratuitamente a tódolos interesados nesas oficinas. O impreso deberá ser cuberto en tódolos seus apartados, e deberá achegarse ó mesmo fotocopia compulsada do permiso de corta expedido pola autoridade competente.
Artigo 9.º .
Queda prohibido o almacenamento de madeira nas pistas de titularidade municipal.
Artigo 10.º .
Exceptúanse do cumprimento das condicións establecidas no apartado 2 dos artigos 2.º , 3.º e 4.º da presente ordenanza as plantacións ou repoboacións de carácter forestal para as que se presente nas oficinas do Concello, xunto coa solicitude e a fotocopia compulsada sinaladas no artigo 7.º , unha declaración de conformidade asinada polos propietarios dos terreos colindantes e próximos á que vai ser obxecto da actuación de que se trate, nun radio variable en función da especie coa que se trate de realizala plantación ou repoboación, segundo a seguinte táboa:
Especies do xénero eucalipto e especies invasivas de alto risco: 75 metros.
Especies resinosas e coníferas: 30 metros.
Especies de crecemento lento: 15 metros.
Artigo 11.º .
1.-As árbores froiteiras, agás os castiñeiros, cerdeiras e nogueiras, quedan exceptuadas do establecido na presente ordenanza sobre distancias mínimas das plantacións.
2.-As distancias mínimas tampouco serán aplicables ás edificacións que se empracen no medio rural, en zonas nas que xa existan explotacións de carácter forestal na data en que se solicite licencia urbanística.
Artigo 12.º .
Son infraccións da presente ordenanza os actos e omisións que contraveñan o establecido nesta. A comisión de calquera infracción levará aparellada a imposición ós responsables das correspondentes sancións, ademais da obriga de indemnizar ós prexudicados polos danos e perdas derivados da súa comisión.
As infraccións e sancións que lles corresponderán serán as seguintes:
a) Pola omisión da solicitude de plantación ou repoboación contemplada no artigo 7.º : 150€
b) Por non respecta-las distancias mínimas establecidas nos artigos 2.º , 3.º e 4.º : 60 €
c) Por cada unha das árbores plantadas a unha distancia inferior á mínima: 0,60 €. A sanción prevista no presente apartado será compatible coa establecida no apartado b) anterior.
d) Pola omisión da presentación da comunicación de datos sinalada no artigo 8.º : 150 €
e) Por cada unha das árbores cortadas sen a previa presentación da comunicación de datos do artigo 8.º : 6 €. A sanción prevista no presente apartado será compatible coa establecida no apartado d) anterior.
f) As sancións por almacenamento de madeira nas pistas faranse aplicando a Lei de tráfico.
Ás sancións previstas no presente artigo engadirase, no seu caso, a obriga de arrinca-las árbores que non respecten as distancias mínimas.
Artigo 13.º .
Se fose preciso, ante incumprimentos reiterados do establecido na presente ordenanza, e sen prexuízo de que sexan impostas as sancións correspondentes, procederase á execución subsidiaria de conformidade co disposto na lexislación sobre procedemento administrativo, e darase conta dos feitos ás outras administracións públicas con competencias na materia, para os efectos oportunos.
Disposición transitoria.
As plantacións arbóreas e forestais xa existentes na data de entrada en vigor da presente ordenanza, disporán dun período de sete anos, contados desde esa data, para adapta-las características das plantacións ó establecido na ordenanza respecto ás vías públicas.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor o día seguinte ó da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.
A presente ordenanza fiscal aprobada polo Pleno da corporación na sesión celebrada o 20 de Novembro de 2002, será de aplicación a partir do 1º de Xaneiro de 2003, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.