Cee - ORDENANZA MUNICIPAL DE EMERXENCIA SOCIAL

Publicación provisional: 07/12/2010 BOP Nº: 232
Publicación definitiva: 31/01/2011 BOP Nº: 20
Aplicable dende: 17/02/2011

TÍTULO 1.- DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.- Réxime Xurídico

A concesión das prestacions municipais baixo a denominación de emerxencia Social-Inserción social, rexeranse polo disposto na presente Ordenanza e nas disposicións que se adopten para a súa aplicación e desenvolvemento.

Artigo 2.- Obxecto

A axudas de emerxencia social – inserción social teñen como finalidade paliar situacións carenciais transitorias e imprevistas ou excepcionais, así como prever o seu agravamento. En particular, estas axudas tenderán a cubrir o financiamento total ou parcial dos gastos derivados das seguintes situacións:

a) Situación de ingresos insuficientes que provocan unha situación temporal de insuficiencia de recursos económicos para cubrir as necesidades primarias.

b) Situación de necesidade provocada por catástrofes, epidemias, intoxicacións e outras análogas de carácter excepcional que provoquen dificultades para satisfacer as necesidades primarias.

Artigo 3.- Criterios xerais para a concesión das axudas

Para a concesión de axudas económicas teranse que cubrir os seguintes criterios xerais:

a) Situacións acreditadas de necesidade.

b) Que a necesidade obxecto da axuda estea valorada por un técnico de Servizos Sociais e integrada nun proceso de intervención social.

c) O pago da axuda efectuarase sempre á entidade ou profesional prestador do servizo, cabendo a excepción a este requisisto en casos moi xustificados e debidamente sinalados no expediente para a cobertura de necesidades básicas como roupa, alimentos ou outras que poderían ser abonadas ao solicitante.

Artigo 4.- Incompatibilidade das axudas

Será incompable a concesión da axuda económica co desfrute gratuíto de servizos que cubran as mesmas necesidades. Así mesmo, non poderán outorgarse axudas polo mesmo concepto que fosen concedidas por outras Administracións ou organismo público. Exceptuarase este último requisito se a axuda concedida non cubrise a necesidade, podendo neste caso, complementarse desde esta Adminsitración sen que, en ningún caso, poida superar o custe total do obxecto da axuda.

Artigo 5.- Clasificación das prestacións

a) Necesidades básicas:

· Cobertura de necesidades básicas con carácter xeral: alimentos, vestiario, aloxamento e demais indispensables para o desenvolvemento da vida diaria.

· Gastos sanitarios: próteses oculares, prótese e arranxos dentais e gastos farmacéuticos e outros de análoga natureza.

· Gastos derivados da manutención e coidado dos fillos menores dun ano a cargo: cueiros e leite.

b) Axudas de uso e mantemento de vivenda:

· Fianzas para alugueres de vivendas.

· Importe pendente en evitación de desafiuzamento.

· Pequenos arranxos na vivenda habitual cando estes se consideren imprescindibles para a permanencia no domicilio.

· Limpezas e rebo en vivendas.

· Impago de subministracións (luz, auga, gas, comunidade de veciños...).

· Equipamento básico para o fogar tal como mobiliario e electrodomésticos básicos de primeira necesidade.

· Lugar alternativo de aloxamento cando é inviable a permanencia da persoa no seu domicilio habitual por situación de catástrofe, violencia de xénero e/ou a situación persoal, familiar, sanitaria e/ou social e cando se poida acreditar a inexistencia ou falta de praza destes centros para cubrir a necesidade de aloxamento.

c) Atención ao menor:

· Libros e material escolar.

d) Outros gastos excepcionais, valorados polos técnicos municipais de Servizos Sociais como indispensables para previr a marxinación e favorecer a normalización de individuos e familias.

· Desprazamentos de urxencia.

Artigo 6.- Criterios de valoración

Os criterios a valorar para a concesión destas axudas son os recollidos no artigo 11 desta Ordenanza.

TÍTULO II.- BENEFICIARIOS DAS AXUDAS

Artigo 7.- Tipos de beneficiarios

Poderán ser beneficiarios desta axuda as persoas físicas para si ou a súa unidade familiar que reúnan os requisitos que se mencionan no apartado seguinte. Enténdese por unidade familiar a formada por máis dunha persoa cuxos membros, convivan no mesmo domicilio con relación de parentesco e/ou relación análoga á conxugal. Só poderá ser beneficiario un membro por unidade familiar.

Artigo 8.- Requisitos dos beneficiarios

1. Ser maior de idade ou menor emancipado.

2. Estar empadroado no municipio de Cee de forma ininterrompida ao menos con seis meses de antigüidade. Excepcionalmente, poderán ser beneficiarios, previo informe dos técnicos municipais de Servizos Sociais, aquelas persoas que, non cumprindo este requisito de temporalidade, a súa situación de urxencia social fagan necesaria esta axuda (por exemplo, emigrantes retornados, vítimas de violencia de xénero e persoas que estivesen acollidas en recursos de aloxamento institucional).

3. Acreditar a situación de necesidade.

4. Aportar a documentación requirida en cada caso.

5. Aceptación expresa, por parte do usuario, das condicións que figuran no deseño de intervención social no caso de que se lle requiran.

6. Acreditar mediante documento de declaración responsable de estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social, así como declaración xurada ou promesa na que se faga constar que non se recibiu doutros organismos e, para a mesma finalidade, a axuda solicitada.

TÍTULO III.- XESTIÓN E PROCEDEMENTO PARA A CONCESIÓN DE AXUDAS

Artigo 9.- Documentación

1. Orixinal e fotocopia para compulsar o Documento Nacional de Identidade dos membros da unidade familiar que o posúan. No suposto de estranxeiros, tarxeta de residente, de asilo ou refuxio ou calquera outro documento que permita a súa estancia legal no país.

2. Orixinal e fotocopia para compulsar do Libro de Familia ou calquera outro documento que acredite filiación.

3. Acreditación dos ingresos económicos de tódolos membros da unidade familiar a través de:

a. Nóminas, recibos, xustificantes de pensións, certificados do INEM ou calquera outro documento que acredite os ingresos da persoa ou unidade familiar.

b. Declaración responsable do interesado na que se faga constar, no seu caso, a carencia absoluta de rentas familiares.

c. Declaración do interesado de estar ao corrente das obrigas fiscais e coa Seguridade Social (artigo 24.4 e 24.5 do Real Decreto 887/206 do 21 de xullo polo que se aproba o Regulamento Xeral de Subvencións), así como declaración xurada ou promesa na que se faga constar que non se recibiu doutros organismos, e para a mesma finalidade e alcance, a axuda que se solicita.

d. Declaración de non estar incurso en ningunha das causas de prohibición para obter a condición de beneficiario da axuda.

4. Certificado de empadroamento individual do solicitante con indicación da data de alta e certificado de empadroamento colectivo.

5. Certificado de titularidade de vehículos.

6. Compromiso de destinar a axuda para o que é concedida.

7. Outro tipo de documentación que acredite circunstancias tales como: discapacidade, enfermidade, violencia de xénero, separación ou divorcio e outros que, a xuizo do técnico/instrutor do procedemento se estimen necesarios para a valoración da solicitude.

8. Xustificantes de gastos de vivenda: contrato de aluguer, recibos de aluguer, xustificantes de préstamos hipotecario, etc.

9. En caso e solicitar axuda para tratamento farmacolóxico, deberá aportar receita médica e documentación acreditativa da farmacia do custe do produto.

10. Orzamento da obra / servizo /subministración ou actividade a solicitar.

11. Última declaración da renda ou certificación negativa.

12. Certificado do banco que acredite os rendementos efectivos xerados por capital mobiliario do ano anterior dos maiores de 18 anos.

13. Xustificantes de patrimonio rural ou urbano.

Artigo 10.- Procedemento para a concesión das axudas

A tramitación das axudas de emerxencia social-inserción social axustarase ao seguinte procedemento:

1. Inicio: o procedemento iniciarase mediante unha solicitude do interesado en obter a axuda de emerxencia social-inserción social. Así mesmo, poderase tamén iniciar de oficio, mediante informe emitido polo técnico de Servizos Sociais que iniciará o expediente a tódolos efectos. A solicitude dirixirase ao alcalde e será obxecto de rexistro. Coa solicitude achegarase a documentación que acredite a situación carencial. O prazo de presentación de solicitudes permanecerá aberto todo o ano.

2. Instrución: o alcalde transladará a solicitude ao departamento de Servizos Sociais. O técnico emitirá o correspondente informe-proposta no que valorará debidamente a situación que interesado acreditou documentalmente e cuantifica. Ademais, no informe técnico cuantificarase o importe da axuda. Unha vez completo o expediente, o departamento de Servizos Sociais remitirao á Intervención Municipal para a súa fiscalización previa.

3. Resolución: Logo que a Intervención Municipal realice a fiscalización previa, remitiralle o expediente ao alcalde (ou órgano que teña delegada a competencia) para que dite a correspondente resolución administrativa. Sen prexuízo do que dispoñan os parágrafos anteriores, o técnico de Servizos Sociais, logo de emitir o correspondente informe-proposta, poderá pagarlle a axuda inmediatamente ao interesado ou provedor utilizando as cantidades percibidas en concepto de anticipo de caixa fixa. Para que poida realizarse esta posibilidade, antes haberá que constituír para o efecto o correspondente anticipo de caixa fixa seguindo as normas reguladoras contidas nas Bases de Execución do Orzamento Municipal.

Sen prexuízo do procedemento anterior e unicamente para os casos de alimentos ou comidas, o técnico deberá entregar ao beneficiario un vale orixinal asinado, deixando copia no departamenteo. O ususario entregará o vale nos centros concertados. O establecemento concertado remitiralle os vales ao concello que se contrastarán e revisarán coa copia reservada a cada un deles.

TÍTULO IV.- CRITERIOS DE VALORACIÓN

Artigo 11.- Indicadores

Par a concesión da axuda de emerxencia social, teranse en conta os seguintes indicadores:

a. Indicador económico. Con carácter excluínte.

A súa aplicación ven determinada en función ao sinalado no IPREM Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples (IPREM) anual.

Será requisito imprescindible para a obtención da correspondente condición de beneficiario ter unha renda per capita mensual igual ou inferior ao 50% do IPREM, deducidos os gastos de aluguer ou amortización de vivenda.

Quedarán excluídos da condición de beneficarios aquelas persoas ou unidades familiares nas que concorran algunhas destas situacións:

- Ter máis dun vehículo (excluídos os vehículos de dúas rodas).

- Que o saldo nas contas bancarias da unidade familiar non reflectan un saldo positivo superior a nove veces o IPREM. No caso de vítimas de violencia de xénero, poderá exluírse deste requisito previa xustificación da urxencia do caso.

Artigo 12.- Contía da axuda

Establécense diversas contías anuais a percibir en función do concepto da axuda.

A saber:

1. Necesidades básicas (alimentación, hixiene, etc.): ata o máximo do 100% do IPREM ao ano. Este importe incrementarase un 10% por cada fillo menor a cargo. Este importe poderá repartirse en diferentes vales ao longo do ano. As cantidades fixaranse a proposta do instrutor do procedemento que valorará as dispoñibilidades moetarias e a situación familiar.

2. Leite maternizado e cueiros ata un máximo do 50% do IPREM ao ano. É necesario informe médico que prescriba a necesidade de leite maternizado.

3. Medicación: ata un máximo do 25% do IPREM ao ano. É imprescindible a presentación de receita médica/informe médico. A axuda cubrirá a parte non financiada pola seguridade social.

4. Outros gastos sanitarios non cubertos pola Seguridade Social: máximo do 100% do IPREM ao ano.

5. Vivenda:

Mobiliario e equipamento básico: importe máximo do 60% do IPREM ao ano.

Habitabilidade: 100% do IPREM ao ano.

Alugueres, gastos hipotecarios: 125% do IPREM ao ano como importe máximo a percibir.

Subministración: luz, auga, gas, comunidade: ata o 60% do IPREM ao ano.

Outros a xustificar: ata o 60% do IPREM ao ano.

6. Gastos de transporte (motivos sanitarios, sociais e vítimas de violencia): ata o 40% do IPREM ao ano.

7. Aloxamento/manutención en situación de urxencia (vítimas de violencia de xénero e vítimas de catástrofes e emerxencia):

Aloxamento: ata o 10% do IPREM cun máximo de tres días.

Manutención: ata o 5% do IPREM máis un 2,5% do IPREM por cada fillo menor ou persoa dependente ao cargo.

8. Libros de texto e material escolar: sempre que non entren nun programa de gratuidade públicos. No primeiro caso, segundo o orzamento e cun máximo do 40% do IPREM. Para material escolar, un máximo do 10% do IPREM.

9. Limpezas e rebo: segundo orzamento presentado e función das dispoñibilidades moetarias.

10. Outras situacións de necesidade debidamente xustificadas: ata un máximo do 150% do IPREM ao ano.

O conxunto de axudas concedidas non poderá superar por diferentes conceptos e por unidade familiar o 200% do IPREM.

TÍTULO V.- XESTIÓN ORZAMENTARIA E XUSTIFICACIÓN

Artigo 13.- Abono da axuda

A xestión orzamentaria das axudas recollidas na presente Ordenanza efectuarase pola Intervención Municipal quen, unha vez realizada a fiscalización, comprobada a resolución, remitirá á Tesourería para a emisión da orde de pago e transferencia con cargo á partida destinada a este fin e co límite dos créditos consignados na mesma. Tamén se poderán facer efectivas a través do sistema de pago a xustificar e/ou anticipo de caixa fixa de conformidade co establecido no Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais; o RD 500/1990; e as bases de execución do Orzamento Municipal deste Concello.

Artigo 14.- Xustificación do gasto

A xustificación do gasto acreditarase mediante as facturas dos pagos e gastos realizados que deberán cumprir os requisitos regulamentarios establecidos, ou mediante outros documentos de valor probatorio equivalente con validez no tráfico xurídico mercantil.

Intentarase, na medida do posible, realizar o pago ao acredor do servizo en función das características da emerxencia. Se isto non é posible ou dificulta a tarefa administrativa, realizarase o pago ao peticionario que dispoñerá dun prazo máximo de 8 días para xustificar – mediante factura – o importe da axuda.

Artigo 15.- Obrigas dos beneficarios.

o Permitir e facilitar o labor das persoas designadas para verificar a súa situación famliar e económica.

o 2. Permitir e facilitar o labor das persoas designadas para verificar a súa situación famliar e económica.

o Cumprimento do proxecto de intervención naqueles casos que as axudas teñan uns obxectivos concretos, previo informe do técnico social.

o Reintegro dos importes concedidos cando impliquen para os fins para os que se concederon.

o Comunicar ao departamento municipal de Servizos Sociais todas aquelas variacións habidas na situación sociofamiliar que poidan modificar as circunstancias que motivaron a solicitude.

Artigo 16.- Cofidencialidade

Garántese a cofidencialidade dos datos obtidos na tramitación dos expedientes. Estarase ao disposto na lexilación de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 17.- Límite orzamentario

Estas axudas estarán supeditadas ás limitacións orzamentarias que anualmente se establezan.

Artigo 18.- Inspección e Control

O concello poderá realizar as comprobacións que estime oportunas respecto dos conceptos subvencionados e terá acceso a toda a documentación xustificativa dos mesmos, así como requirir aos beneficiarios nos termos que precise todo aquilo de acordo co disposto no Título III da Lei 38/2003.

Artigo 19.- Extinción

Serán causas de extinción das axudas concedidas:

1. Falseamento ou ocultación de datos para obter ou conservar o dereito á axuda.

2. Desaparición das circunstancias que deron lugar a súa concesión.

3. Baixa no padrón muniicpal.

4. Non presentación das facturas que deron lugar á axuda concedida.

5. Cumprimento do prazo de duración da prestación económica.

6. Incumprimento reiterado dos obxectivos que, de ser o caso, se marcasen no proxecto de intervención.

7. Falecemento do beneficiario.

Disposición final única

A presente Ordenanza entrará en vigor aos quince días da publicación no Boletín Oficial da Provincia do acordo plenario de aprobación definitiva.

ANEXO I: Alimentos que poderán adquirir con vale nos establecementos concertados.

DON/DONA ..........................................................................................................................................................

CON DNI ................................................ AOS EFECTOS DA SOLICITUDE DE AXUDA POR EMERXENCIA-INSERCIÓN SOCIAL, DECLARO BAIXO XURAMENTO:

1. Non estar incurso en prohibición para obter a condición de beneficario da axuda.

2. Estar ao corrente coas obrigas tributarias e coa Seguridade Social.

3. Non ter débeda pendente co Concello de Cee.

4. Non recibir axuda doutra entidade ou organismo coa mesma finalidade e alcance.

5. Comprometerme a destinar a axuda á finalidade para que foi concedida.

6. Coñecer e aceptar tódalas condición se termos da subvención que solicito.

 Acepto as condicións que figuran no deseño de Intervención Social.

En Cee, ........................... de ............................................ de 20

(Sinatura)”