Mesía - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR DISTRIBUCIÓN DE AUGA, INCLUIDOS OS DEREITOS DE ENGANCHE, COLOCACIÓN E UTILIZACIÓN DE CONTADORES
Artigo 1. Fundamento e réxime.
No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da constitución e polo artigo 106 da lei 7/1985, de 2 de abril reguladora das bases do réxime local e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 e 20 a 27 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, que aproba o Texto Refundido regulador das facendas locais, este concello establece a taxa pola distribución de auga, incluídos dereitos de enganche, colocación e utilización de contadores.
Artigo 2. Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal desenrolada con motivo da distribución de auga potable a domicilio, o enganche de liñas á rede xeral e a colocación e utilización de contadores.
Artigo 3. Suxeitos pasivos.-
Son suxeitos pasivos da taxa en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da lei xeral tributaria, que soliciten ou resulten beneficiados polos servizos a que se refire esta ordenanza.
Terán consideración de substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas ou locais ás que se provea do servizo, as cales poderán repercutir, no seu caso, as costas sobre os respectivos beneficios.
Artigo 4. Responsables.-
Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da lei xeral tributaria.
Serán responsables subsidiarios das obrigas tributarias as persoas ou entidades nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da lei xeral tributaria.
Artigo 5. Base impoñible e base liquidable.-
A base do presente tributo estará constituída por:
Nas acometidas á rede xeral: o feito da conexión á rede por cada vivenda, local ou industria.
No subministro ou distribución de augas: os metros cúbicos de auga consumida no inmoble onde estea instalado o servizo.
Na colocación e utilización de contadores: o custo do contador, a súa instalación e mantemento.
6.- Cota tributaria.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a establecida nas seguintes tarifas:
Usos domésticos, agrícolas, gandeiros e comerciais | |
Cota fixa trimestral | 3 euros/abonado trimestre |
Consumo | |
De 0 a 30 m3/ abonado trimestre | 0,30 €/m3 |
De 31 a 60 m3/abonado trimestre | 0,45 €/m3 |
Máis de 60 m3/abonado trimestre | 0,65 €/m3 |
Usos industriais | |
Cota fixa trimestral | 4,50 €/abonado trimestre |
Consumo | |
De 0 a 30 m3/ abonado trimestre | 0,35 €/m3 |
De 31 a 60 m3/abonado trimestre | 0,50 €/m3 |
Máis de 60 m3/abonado trimestre | 0,70 €/m3 |
Usos para obras: | |
Cota fixa trimestral | 5 €/abonado trimestre |
Consumo | |
De 0 a 30 m3/ abonado trimestre | 0,40 €/m3 |
De 31 a 60 m3/abonado trimestre | 0,55 €/m3 |
Máis de 60 m3/abonado trimestre | 0,75 €/m3 |
Dereitos de acometida á rede municipal | 200,00 € |
Subministro e instalación de contador, válvula de corte, válvula antirretorno e racores necesarios para a conexión | 72,00€ |
Exceso de 5 metros á rede en entubado de 1" facturarase previo orzamento realizado polo concello. (para diámetros diferentes a 1" realizarase estudio específico) | 11,00 €/m en terra 21,00 €/m en asfalto 24,00 €/m en aceiras |
As tarifas veranse incrementadas, no seu caso, co correspondente IVE.
Artigo 7.-Devengo.
A obriga de contribuír nacerá no momento de prestarse o servizo previa a correspondente solicitude ou desde que se utilice este sen obter a previa autorización, debendo depositarse previamente o pago correspondente ó enganche e contadores.
Artigo 8.-Exencións e bonificacións.
De conformidade co disposto no artigo 9 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, non se recoñece beneficio tributario algún, salvo os expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.
Artigo 9.-Normas de xestión.
1.- Os solicitantes de acometida de enganche farán constar ó fin a que destinan a auga, advertíndose que calquera infracción ou aplicación diferente de aquela para a que se solicita, será sancionado cunha multa na cantidade que resulte da liquidación do fraude, sen prexuízo de retirarlle o abastecemento de auga. Tódalas concesións, responden a unha póliza ou contrato subscrito polo particular e o Concello que se fará por duplicado exemplar.
2.- A concesión do servizo outorgarase mediante acto administrativo, previa solicitude do interesado no concello, e quedará suxeito ás disposicións da presente ordenanza e as que se fixasen no oportuno contrato. Será por tempo indefinido en tanto as partes non manifesten por escrito a súa vontade de rescindir o contrato e por parte do subministrador se cumpran as condicións prescritas nesta ordenanza e o contrato que queda dito.
3.- Ningún abonado pode dispoñer da auga máis que para aquilo que lle foi concedida salvo causa de forza maior, quedando terminantemente prohibido, a cesión de balde ou a rebenta de auga.
4.- O Concello por providencia do señor alcalde, pode, sen outro trámite, cortar o abastecemento de auga a un abonado cando negue a entrada ó domicilio para o exame das instalacións, cando ceda a título de balde e onerosamente a auga a outra persoa, cando non pague puntualmente as cotas de consumo, cando exista rotura de precintos, selos ou outra marca de seguridade posta polo Concello.
5.- O cobro da taxa por consumo farase mediante recibos trimestrais previa aprobación e publicación do correspondente Padrón. Os dereitos de enganche e de contadores faranse efectivos unha vez aprobada a solicitude.
6.-As débedas por esta taxa poderán esixirse polo procedemento administrativo de constrinximento, de acordo co Regulamento xeral de recadación.
7.-En caso de que por escaseza de caudal, augas sucias, sequías, xeadas, reparacións, etc., o Concello tivera que suspender total ou parcialmente o subministro, os abonados non terán dereito a reclamación algunha, nin indemnización por danos, prexuízos ou calquera outros conceptos, entendéndose neste sentido que a concesión faise a título precario.
Artigo 10. Infraccións e Sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así coma das sancións que ós mesmos correspondan en cada caso, estarase ó disposto no artigo 77 e seguintes da lei xeral tributaria.
Disposición Final.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada inicialmente polo Pleno da corporación na sesión celebrada o día 15 de marzo de 2011 e entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.