Índice

Carral - ORDENANZA MUNICIPAL DE PROTECCIÓN E TENZA DE ANIMAIS DE COMPAÑÍA

Publicación provisional: 30/03/2011 BOP Nº: 61
Publicación definitiva: 15/06/2011 BOP Nº: 113
Aplicable dende: 02/07/2011

ÍNDICE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS (Art. 1 ao 5)

-Capítulo I: Obxecto e ámbito de aplicación

-Capítulo II: Das asociacións de animais domésticos e salvaxes en catividade

-Capítulo III: Definicións

TÍTULO II: DAS OBRIGAS DOS POSUIDORES (Art 6 a 22)

-Capítulo I: Das obrigas de pusuidores de animais e das actividades prohibidas

-Capítulo II: Normas para tránsito de animáis.

-Capítulo III: Da tenza de animais domésticos e animais salvaxes en catividade

-Capítulo IV: Da responsabilidade dos pusuidores dos animais.

-Capítulo V: Do rexistro municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade.

-Capítulo VI: Da identificación dos animais

TÍTULO III: DA TENZA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS. (Art 23 ao 44)

-Capítulo I: Animais considerados potencialmente perigosos

-Capítulo II: Da licenza municipal.

-Capítulo III: Do rexistro municipal de animais potencialmente perigosos.

-Capítulo IV: Das obrigas dos veterinarios, propietarios e tedores de animais potencialmente perigosos.

TITULO IV: DAS AGRESIÓNS A PERSOAS (Art. 45 ao 49)

TÍTULO V: DAS MEDIDAS DE PROTECCIÓN (Art 50 ao 59)

-Capítulo I: Medidas de protección fomentadas polo Concello

-Capítulo II: Dos establecementos

- Capítulo III: Do transporte dos animais

-Capítulo IV: Da experimentación

-Capítulo V: Controis sanitarios

-Capítulo VI: Da inspección e vixilancia

TÍTULO VI: DOS ANIMAIS ABANDONADOS (Art. 60 ao 65)

TÍTULO VII: CONCURSOS E EXPOSICIÓNS (Art. 66)

TÍTULO VIII: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS (Art. 67 ao 76)

-Capítulo I: Infraccións

TÍTULO IX: DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE LICENZA, RENOVACIÓN, INSCRICIÓNS REXISTRAIS E AS SÚAS MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓNS (Art. 77 ao 84).

DISPOSICIÓN TRANSITORIA

DISPOSICIÓN DERrOGATORIA

DISPOSICIÓN FINAL

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Na Lei 1/1993 do 13 de abril de 1993 de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia establécese como obxectivo fundamental a protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade baixo a posesión ou protección do home, especificándose nela as atencións mínimas que recibirán os animais, desde o punto de vista hixiénico- sanitario, así como a venda, tenza ou mantemento destes, co fin de garantir uns mínimos de bo trato dos animais, regulándose a dito obxecto a inspección e vixilancia, as obligacións dos posuidores, os centros de recollida e albergues ou as instalacións para o seu mantemento temporal.

O principio fundamental desta Lei 1/1993, do 13 de abril de 1993, de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia é a posesión ou tenza responsable.

Ademais a Lei 1/1993, do 13 de abril de 1993, de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 153/1998 que a desenvolve obriga a censar a nivel municipal a todos os animais da especie canina.

Posteriormente o Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia, en desenvolvemento da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos, establece unha normativa que regula a tenza de animais potencialmente perigosos e as accións e medidas necesarias a levar a cabo para garantir unha coexistencia segura para as persoas e bens e outros animais.

A aparición de nova lexislación e as novas circunstancias sociais crean a necesidade de que, de acordo cos poderes que lle confiren a esta administración local a Ley 7/1985, de 2 de abril, Reguladora as Bases de Réximen Local e a Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración Local de Galicia, se estableza a seguinte Ordenanza para:

-Unir toda a normativa existente estatal e autonómica existente referente a esta temática nunha ordenanza que facilite a aplicación da lexislación.

-Garantir a protección dos animais no municipio de Carral.

-Asegurar ao mesmo tempo a seguridade das persoas.

-Facilitar unha boa convivencia entre animais e persoas.

-Aumentar a concienciación da poboación no respecto e coidado dos animais.

TÍTULO I: DISPOSICIÓNS XERAIS

CAPÍTULO I: OBXECTO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 1º

Este Regulamento ten por obxecto establecer as normas para a protección de animais domésticos e salvaxes en catividade no municipio de Carral. Quedan excluídos desta regulación os animais que sexan obxecto da súa regulación específica, como os animais salvaxes ou os criados en explotacións gandeiras para aproveitamento da súa produción.

CAPÍTULO II: DAS ASOCIACIÓNS DE PROTECCIÓN E DEFENSA DOS ANIMAIS DOMÉSTICOS E SALVAXES EN CATIVIDADE.

Artigo 2º

Considéranse asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade aquelas que se constitúan legalmente, sen fin de lucro, tendo como obxectivo fundamental a defensa e protección dos animais no medio no que viven, sendo consideradas de utilidade pública.

Artigo 3º

As asociacións de protección e defensa dos animais domésticos e salvaxes en catividade deberán de cumprir os requisitos esixidos pola normativa autonómica co fin de ser consideradas como tales, e actuarán coa colaboración do Concello na realización dos seus fins.

Artigo 4º

As asociacións teñen a obriga de denunciar os feitos que consideren infracción, de acordo co establecido no presente regulamento.

CAPÍTULO III: DEFINICIÓNS

Artigo 5º

Para os efectos do establecido no presente Regulamento entenderase por:

a)Animais domésticos: os que pertenzan a especies que habitualmente se críen, reproduzan e convivan co home, con fins educativos, sociais ou lúdicos, sen ningunha actividade lucrativa e que non son susceptibles de ocupación.

b)Animais de compañía: os animais domésticos das especies canina e felina, así como doutras especies que se críen, xeralmente no propio fogar, con obxecto de obter a súa compaña.

c)Animais salvaxes en catividade: os que, sendo libres pola súa condición, sexan obxecto de captura no seu medio natural, manténdose nun grao absoluto de dominación.

d)Animal abandonado: todo animal de compañía que non teña fogar ou non se atope no fogar do seu propietario ou posuidor e non estea baixo control ou vixilancia.

e)Animais potencialmente perigosos: considéranse animais potencialmente perigosos todos aqueles que pertencendo á fauna autóctona ou alóctona, independentemente da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertencen, e convivindo no contorno humano como animais domésticos ou de compañía, sexan susceptibles de ocasionar a morte, ou lesións ás persoas ou a outros animais, ou de producir danos de certa entidade ás cousas.

f)Marcaxe: acto cirúrxico que consiste en implantar ou asignar a un animal un código de identificación individual que o permita diferenciar doutro animal.

g)Identificación: dotar un animal dunha marca que o permita recoñecer e probar a súa identidade.

h)Identificación definitiva: dotar un animal dunha marca indeleble, fiable, estandarizada, duradeira e practicamente inviolable, que permita recoñecer e probar a súa identidade.

i)Sistema de identificación: medio que se utiliza para a marcaxe dun animal para os efectos de poder recoñecelo e probar a súa identidade.

j)Microchip ou transponder: cápsula portadora dun dispositivo electrónico que contén un código alfanumérico identificativo susceptible de ser lido mediante un equipo lector específico.

TÍTULO II: OBRIGAS DOS PUSUIDORES

CAPÍTULO I: DAS OBRIGAS DE PUSUIDORES DE ANIMAIS E DAS ACTIVIDADES PROHIBIDAS

Artigo 6º

Os pusuidores de animais dentro do ámbito de aplicación da presente Lei estarán obrigados a:

A)Mantelo en boas condicións hixiénico- sanitarias e realizar calquera tratamento preventivo ou vacinacións que se declararan obrigatorias, ou que sexan necesarias para o seu benestar ou a protección da saúde pública.

B)Proporcionarlle a alimentación, a auga e os coidados que estean en consonancia coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas do animal.

C)Facilitarlle un aloxamento que deberá proporcionarlle un ambiente adecuado, cómodo e hixiénico.

D)Non maltratalo nin sometelo a ningunha práctica que lle poida producir sufrimento ou danos inxustificados.

E)Non subministrarlle sustancias que poidan causarlle sufrimento ou danos innecesarios, nin aquelas que se empreguen para modificar o comportamento do animal coa finalidade de aumentar o seu rendemento, salvo que se efectúe por prescrición facultativa.

F)Non abandonalo

G)Adoptar as medidas necesarias para impedir que lixen as vías e espazos públicos de zonas urbanas, debendo recoller os excrementos que os animais depositen nas beirarrúas, vías e espacios públicos , fora dos lugares contados para o efecto.

H)Adoptar as medidas necesarias para impedir que o animal poida acceder libremente ás vías e espacios públicos ou privados, así como impedir o seu libre acceso ás persoas, animais ou cousas que se atopen neles.

I)Os posuidores de animais que se atopen en liberdade en predios ou recintos deberán dispor dos medios adecuados para evitar que poidan ocasionar danos ou molestias aos viandantes. Ademais, procurarán que a circulación e o transporte dos animais pola vía pública se leve a cabo coas adecuadas medidas de protección.

J)No caso de animais que pertenzan a especies recollidas no Regulamento 3626/82/CEE (CITES) deberán de ser censados nos rexistros da delegación provincial e posuír o seu correspondente pasaporte ou cartilla sanitaria.

Artigo 7º

Queda prohibido, con carácter xeral e respecto de todos os animais:

A)Maltratar ou agredir fisicamente os animais ou sometelos a calquera outra práctica que lles supoña sufrimentos ou danos inxustificados.

B)Abandonalos

C)O uso de toda sorte de mecanismos que, destinados a limitar ou impedir a mobilidade dos animais, lles produzan a estes danos ou sufrimentos innecesarios, en especial os que lles impidan manter a cabeza na súa posición natural.

D)Desatender a súa alimentación ou reducila a un nivel de simple subsistencia que poida implicar riscos para a saúde do animal ou que resulte innecesaria para as súas características fisiolóxicas.

E)Mantelos en condicións inadecuadas desde o punto de vista hixiénico- sanitario ou desatender a práctica do coidado e atención necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e etolóxicas segundo raza e especie.

F)Obrigalos a traballar ou producir en caso de enfermidade, desnutrición, así como cando exista o risco dunha sobreexplotación que poña en perigo a súa saúde.

G)Subministrarlles substancias non permitidas coa finalidade de aumentar o seu rendemento ou produción.

H)Practicarlles mutilacións aos animais, salvo as supervisadas por un facultativo competente en caso de necesidade a conseguir a presentación habitual da raza.

I)Vendelos ou cedelos a laboratorios, clínicas e particulares co obxeto de seren utilizados en experimentación sen a correspondente autorización.

J)Vendelos a menores de 14 anos e a incapacitados, sen a autorización daqueles que teñan a potestade paterna ou custodia.

K)Exercer a venda ambulante de animais sen a correspondente autorización municipal, ou fóra dos lugares marcados para iso.

L)O sacrificio eutanásico dos animais de compañía.

M)A celebración de certames, concursos, exposicións ou concentracións de animais sen a autorización previa do organismo autonómico competente na materia.

N)A posesión, exhibición, compravenda, cesión, circulación, doazón ou calquera outra forma de transmisión de especies protexidas pola normativa vixente, incluídos os convenios internacionais, sen as correspondentes autorizacións expedidas polas autoridades competentes.

O)A tenza de animais perigosos para o home sen dispor de recintos apropiados e a súa circulación en espazos públicos ou en locais abertos ao público sen as debidas garantías de seguridade.

P)Calquera outra acción ou omisión tipificada como infracción neste Regulamento.

Artigo 8º

Con carácter específico prohíbese tamén:

A)A utilización de animáis en pelexas, festas, espectáculos, e outras actividades que leven consigo maltrato, crueldade ou sufrimento dos animais.

B)A filmación ou realización de escenas de cine, televisión ou calquera outro medio audiovisual que recolla escenas de crueldade, maltrato, ou sufrimento de animais, salvo autorización expresa do órgano competente, que verificará que o dano aparente causado aos animais sexa, en todo caso, simulado.

C)A utilización ambulante de animais como reclamo publicitario.

D)Mendigar na vía pública utilizando como reclamo calquera animal.

E)Alimentar os animais na vía pública, sobre todo, aqueles que teñan propietario coñecido.

F)O traslado de animais nos medios de transporte público, a excepción dos servizos de taxi, a criterios do condutor, e a excepción dos cans guía de persoas con deficiencias visuais que estean co seu dono e garden as condicións hixiénico-sanitarias e de seguridade.

G)A entrada e permanencia de animais en establecementos destinados á fabricación, manipulación, almacenamento, transporte e venda de produtos alimenticios, agás os cans de persoas con deficiencias visuais.

H)A entrada de animais en espectáculos públicos deportivos e culturais, en recintos de práctica de deporte ou piscinas, así como nos espazos destinados especialmente a xogos ou espallamento infantil, agás os cans guía de persoas con deficiencias visuais.

I)A entrada de animais en establecementos públicos ou aloxamentos hoteleiros, cámpings, etc. agás os cans guía de persoas con deficiencias visuais, sen prexuízo de que os donos dos citados establecementos poidan permitir, baixo o seu criterio e responsabilidade, a entrada de animais aos mesmos.

Artigo 9º

1.-O acceso e permanencia dos animais en lugares comunitarios privados ou nas súas dependencias, tales como sociedades culturais, recreativas ou similares, zonas de uso común de comunidades de veciños ou outras, estará suxeito ás normas que rexan nas devanditas entidades.

2.-No caso de posesión de animais aloxados en edificacións destinadas a vivenda humana deberán cumprirse as condicións hixiénicas axustadas ao seu aloxamento garantindo a ausencia de riscos sanitarios e que non se ocasionen perigos ou lles produzan molestias aos veciños.

3.-En todo caso, desde as 22:00 h. ata as 8:00 h os propietarios dos animais que habiten nas propias vivendas coidarán de que estes non causen molestias por ladridos ou ruídos.

Artigo 10º

De forma expresa, no referente aos cans,

1.- Queda prohibido deixar as deposicións dos animais nas beirarrúas ou nas zonas de paso de peóns e, en xeral, en toda a vía pública. Os propietarios dos animais son responsables da eliminación destas deposicións de forma hixiénica.

2.- As persoas que empreguen cans para a vixilancia de predios, obras ou calquera outra propiedade, estando estes en liberdade, deberán dispor os medios adecuados para evitar que poidan ocasionar danos ou molestias aos viandantes e, en todo caso, daranlles alimento, aloxamento, espazo e curas axeitadas, ademais de telos censados e identificados.

3.- Os cans ceibes en vivendas con acceso á vía pública deberán estar cercados de xeito que non poidan asustar aos viandantes.

4.- Deberá advertirse en lugar visible a existencia dun can de garda.

CAPÍTULO II: NORMAS PARA TRÁNSITO DE ANIMÁIS

Artigo 11º

1- Todos os animais, cando transiten por vías públicas ou zonas verdes, teñen que ir debidamente controlados mediante cadea, correa e colar, ou outro medio máis axustado para cada especie.

2- Os animais que transiten por vías públicas ou zonas verdes deberán contar coa correspondente identificación, habilitando como válidas as identificacións levadas a cabo con métodos homologados segundo normas comunitarias.

Artigo 12º

Os cans que transiten por vías públicas ou zonas verdes irán provistos de buceira, ademais de cumprir o disposto no artigo precedente.

Artigo 13º

1- Exceptúanse do uso de correa, subxección e buceira os cans que se empreguen nas tarefas agrícolas ou gandeiras mentres desenvolvan as súas actividades no ámbito rural, e aqueles que se empreguen na caza en tempo e forma legal. Tamén no caso dos que circulen fóra dos núcleos urbanos por terreos agrícolas en compaña dunha persoa responsable, ou en terreos forestais ou costeiros sempre que non concorran coa presenza de terceiras persoas.

2- A excepción do artigo anterior tamén se aplicará no caso dos cans guía de persoas con deficiencias visuais.

CAPÍTULO III: DA TENZA DE ANIMAIS DOMÉSTICOS E ANIMAIS SALVAXES EN CATIVIDADE

Artigo 14º

A tenza de animais domésticos de compaña en vivendas urbanas queda condicionada ás circunstancias hixiénicas óptimas de aloxamento, á ausencia de riscos no aspecto sanitario e á inexistencia de molestias para os vecinos.

Artigo 15º

Queda expresamente prohibida a presenza de animais nos parques, piscinas e espazos públicos, especialmente os frecuentados por nenos. Exceptúanse os cans guía de persoas con deficiencias visuais.

CAPÍTULO IV: DA RESPONSABILIDADE DOS PUSUIDORES DOS ANIMAIS.

Artigo 16º

O posuidor dun animal, sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria do propietario, será responsable dos danos e molestias que ocasione ás persoas, animais, cousas, espazos públicos e ao medio natural en xeral, de acordo co establecido no artigo 1905 do Código Civil, e con subxección á lexislación aplicable no seu caso.

CAPÍTULO V: DO REXISTRO MUNICIPAL DE ANIMAIS DOMÉSTICOS E SALVAXES EN CATIVIDADE

Artigo 17º

1- Todos os animais da especie canina do termo municipal deberán estar censados no Rexistro de animais domésticos e salvaxes en catividade do Concello.

2- Será obrigatorio o censo de animais doutras especies diferentes da canina no suposto de que así o dispoña a administración competente.

3- O censo municipal de animais domésticos e salvaxes en catividade será levado polo Concello, podendo contar coa colaboración de veterinarios autorizados.

4- Os datos que consten no censo municipal serán comunicados periodicamente ao órgano autonómico competente para a formación do censo ao que se refire o artigo 7 da Lei 1/93, de 13 de abril, de Protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, e dos demais censos que correspondan.

Artigo 18º

1- Para que figuren no Rexistro os animais deberán estar identificados individualmente, mediante tatuaxe lexible na súa pel ou identificación electrónica mediante a implantación dun microchip.

2- No caso da morte ou desaparición do animal o propietario comunicará esta circunstancia ao Rexistro municipal no prazo máximo de 15 días, causando baixa.

3- Se se transfire a propiedade do animal ou varia de domicilio ou de poboación tamén se está obrigado a comunicalo no prazo máximo de 15 días, causando baixa.

4- No rexistro levaráse nota de baixas, perdas, traslados fóra do Concello, así como dos cambios de titularidade.

5- Todos os animais inscritos dispoñerán da correspondente cartilla sanitaria na que constarán todos os antecedentes de identificación e sanitarios desde a primeira inscrición ata a morte do animal. A devandita cartilla deberá estar a disposición das autoridades para a súa comprobación cando fose requirido o posuidor para a súa presentación.

Artigo 19º

No Rexistro de animais domésticos e salvaxes en catividade do Concello deberán figuran os seguintes datos:

a)Identificación do animal: especie, raza, idade, nome.

b)Identificación do propietario: nome, DNI, dirección, número de teléfono

c)Número e data de expedición da cartilla sanitaria expedida polo veterinario que identificou o animal e as sucesivas.

CAPÍTULO VI. DA IDENTIFICACIÓN DOS ANIMAIS

Artigo 20º.

Obriga de identificación

1. Os propietarios, criadores ou posuidores dos animais aos que se refire esta Ordenanza, terán a obriga de identificalos, ben nos seus tres primeiros meses de vida ou ben no mes seguinte ao da súa adquisición.

2. Como norma xeral, a identificación consistirá na implantación dun microchip portador dun código alfanumérico cun número de díxitos tal que sexa único para cada animal. Este tipo de identificación con microchip é obligatorio sen excepción para todos os animais da especie canina.

3. Sen prexuízo da identificación sinalada no apartado anterior, os cans de asistencia deberán de ser identificados como tales en todo momento, mediante a colocación en lugar e forma visible do distintivo oficial correspondente.

4. Os animais silvestres en catividade deberán estar identificados co sistema (anel, marca auricular, microchip, etc.) que habitualmente utilice para cada especie a Delegación Provincial de Medio Ambiente, único órgano substantivo medioambiental competente para autorizar a súa tenza.

Artigo 21º

Características do microchip

1. Deberá estar programado cun código alfanumérico único para cada animal, que en ningún caso poida ser susceptible de modificar.

2. A estrutura do código alfanumérico que incorpore deberá cumprir co establecido na norma ISO 11.784, e o sistema de intercambio de enerxía entre o dispositivo e mailo lector deberá cumprir coa norma ISO 11.785.

3. O seu tamaño será inferior a 12 mm. de longo e 2,5 mm. de ancho.

4. Estarán dotados dun sistema antimigratorio e o seu recubrimento deberá ser biocompatible.

Artigo 22º.

Procedemento de identificación

1.A implantación do microchip ten que ser efectuada por un veterinario acreditado diante da Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia para participar no proceso de identificación de animais de compañía.

2.O animal deberá ser identificado en presenza do seu propietario, figurando os seus datos e a súa sinatura no impreso oficial de identificación.

TÍTULO III: DA TENZA DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS.

CAPÍTULO I: ANIMAIS CONSIDERADOS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Artigo 23º

1.-Considéranse animais potencialmente perigosos os definidos como tal no artigo 5º de definicións e ademais se consideran cans potencialmente perigosos os seguintes:

a)Cans que tiveran algún episodio de agresións a persoas ou ataques de certa entidade a animais ou a cousas.

b)Cans que foran adestrados para a garda e defensa.

c)Cans que polas súas características raciais puidesen ser aptos para o adestramento para garda e defensa, e en concreto, os pertencentes ás razas seguintes: American Stafforshire Terrier, Pit Bull Terrier, Bullmastif, Doberman, Dogo Arxentino, Dogo de Bordeos, Dogo do Tíbet, Fila Brasileiro, Mastín Napolitano, Presa Canario, Presa Mallorquín (Ca de Bou), Rottweiler, Stafforshire Bull Terrier, Tosa Inu e Akita Inu. Tamén serán considerados neste apartado os cruces en primeira xeración destes, cruces destas razas entre sí ou cruces destes con outras razas, obtendo unha tipoloxía similar a algunha das razas anteriormente descritas.

d)Cans que manifesten unha marcada agresividade natural ou inducida mediante adestramento, malos tratos ou calquera outro medio. A dita agresividade será apreciada pola autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, de oficio ou logo de notificación ou denuncia, e logo de informe dun adestrador ou veterinario designado para o efecto.

2.-Tamén serán considerados potencialmente perigosos os cans que presenten unhas características físicas apreciadas pola autoridade competente, ben de oficio ou logo de denuncia, sempre baixo a existencia de informe veterinario. As características físicas que se mencionan son todas ou algunhas das seguintes:

a) Forte musculatura, aspecto poderoso, robusto, configuración atlética, axilidade, vigor e resistencia.

b) Marcado carácter e gran valor

c) Pelo curto.

d)Perímetro torácico comprendido entre 60 e 80 cm., altura de cruz entre 50 e 70 cm. e peso superior a 20 Kgs.

e)Cabeza voluminosa, cuboide, robusta, con cráneo ancho e grande e meixelas musculosas e abombadas. Mandíbulas grandes e fortes, boca robusta, ancha e profunda.

f) Pescozo ancho, musculoso e corto.

g) Peito macizo, ancho, grande, profundo, costelas arqueadas e lombo musculado e corto.

h) Extremidades anteriores paralelas, rectas e robustas, e extremidades posteriores moi musculosas, con patas relativamente longas formando un ángulo moderado.

CAPÍTULO II.- DA LICENZA MUNICIPAL.

Artigo 24º

Licenza Municipal.

1.-A tenza de animais potencialmente perigosos requirirá a obtención, con carácter previo á adquisición do animal, da correspondente licenza municipal, que se expedirá no concello de residencia habitual do propietario.

2.-Nos supostos previstos no apartado 2.a) do artigo 23, o titular do can disporá do prazo dun mes para solicitar a licenza administrativa, a contar desde a resolución ditada para tales efectos.

3.-Nos supostos previstos no apartado 2.d) do artigo 23, o Concello comunicará os feitos á autoridade competente da Consellería de Medio Ambiente, xuntando os informes esixidos no dito apartado, debidamente motivados. No caso de que se ditara resolución apreciando agresividade, o titular disporá do prazo dun mes, a contar desde a súa notificación, para solicitar a licenza administrativa.

Artigo 25º

Órgano competente para a concesión da licenza.

Tramitado o expediente conforme ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de Réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, concederase a licenza e o número correspondente da mesma mediante resolución do órgano que teña atribuída a competencia.

Artigo 26º

Requisitos e documentación para a obtención da licenza municipal.

1.-Para a obtención da licenza municipal será necesario o cumprimento dos seguintes requisitos:

a)Ser maior de idade.

Acreditarase mediante fotocopia do D.N.I. ou do pasaporte.

b)Non ter sido condenado por delitos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade ou contra a integridade moral, a libertade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico, así como non estar privado por resolución xudicial do dereito á tenza de animais potencialmente perigosos.

-Acreditarase mediante certificado de antecedentes penais.

c)Non ter sido sancionado por infraccións graves ou moi graves con algunha das sancións accesorias das previstas no apartado 3 do artigo 13 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos. Poren, non será impedimento para a obtención ou, no seu caso, renovación da licenza, ter sido sancionado coa suspensión temporal da mesma sempre que, no momento da solicitude, a sanción de suspensión anteriormente imposta fora cumprida integramente.

-Acreditarase mediante certificado negativo expedido pola Consellería de Medio Ambiente.

d)Dispoñer de certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica para a tenza de animais potencialmente perigosos expedido polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente autorizado, conforme se recolle nos artigos 4º, 5º e 6º do RD 287/2002, do 22 de marzo.

e)Acreditación de ter formalizado un seguro de responsabilidade civil por danos a terceiros que poida causar o animal, cunha cobertura mínima de 125.000 Euros. Este seguro deberá renovarse anualmente.

-Acreditarase mediante presentación de copia da póliza de seguro claramente detallada ou certificado da compañía aseguradora.

Artigo 27º

Vixencia e renovación das licenzas.

1.-As licenzas terán unha vixencia de cinco anos. Transcorrido este período deberán ser obxecto de renovación, por período de igual duración, mediante a presentación da mesma documentación esixida para a súa obtención e sinalada no artigo anterior.

2.-A licenza perderá a súa vixencia no momento no que o seu titular deixe de cumprir calquera dos requisitos establecidos no artigo anterior.

Artigo 28º

Acreditación da licenza.

A tenza da licenza municipal acreditarase mediante a entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante a entrega dunha tarxeta acreditativa expedida polo Concello, onde se fagan constar os seguintes datos:

-Número de licenza municipal.

-Data de resolución do expediente de solicitude da licenza.

-Data de caducidade da vixencia da licenza.

-Nome e apelidos do titular.

-D.N.I. do titular.

-Enderezo do titular.

-Selo do Concello.

Artigo 29º

Revisión e revogación da licenza.

1.-Calquera variación dos datos que figuran na licenza deberá ser comunicada polo seu titular no prazo de 15 días, contados desde a data en que se produza, o órgano competente do Concello o que corresponda a súa expedición para que se proceda a realizar a revisión correspondente.

2.-A perda polo titular de calquera dos requisitos esixidos no artigo 5º dará lugar á revogación da licenza municipal outorgada, previa tramitación de expediente contraditorio.

A revogación da licenza dará lugar á perda do dereito á tenza do animal. O propietario procederá, no prazo máximo de quince días, á entrega do animal a un novo propietario que posúa licenza en vigor. De non atoparse un novo propietario no prazo referido, farase entrega do animal no centro de recollida de animais vagabundos ou abandonados dependente do Concello, respectando en todo momento o disposto na Lei 1/1993, do 13 de abril, e nos artigos 53 ao 60 do Decreto 153/1998, do 2 de abril, que a desenvolve.

CAPÍTULO III.- DO REXISTRO MUNICIPAL DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS

Artigo 30º

Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

1.-Créase o Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos no que se inscribirán os animais potencialmente perigosos que teñan a súa residencia habitual no concello.

2.-O Rexistro terá un tratamento informatizado no que se farán constar, de conformidade co disposto no artigo 4.2 do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, como mínimo, os seguintes datos:

Datos do animal:

-Número de microchip.

-Nome do animal.

-Especie.

-Raza (no caso de cans).

-Sexo.

-Características externas (descrición da capa, tipo e cor da pel, etc..).

-Data de nacemento.

-Aptitude (función do animal): compañía, garda, defensa, caza, etc...

-Causa de inclusión no rexistro (sinalar supostos do artigo 2.2 do Decreto 90/2002).

-Enderezo habitual do animal.

-Data de adquisición do animal.

-Forma de adquisición do animal (cría, doazón, traspaso, venda, outras: especificar).

-Observacións.

Datos do propietario, posuidor ou tenedor:

-D.N.I.

-Apelidos.

-Nome.

-Enderezo habitual.

-Teléfonos de contacto.

-Licenza administrativa: número de licenza, data de expedición e Concello de expedición.

2.-A identificación definitiva con microchip dos animais potencialmente perigosos é obrigatoria sen excepcións. A identificación definitiva con microchip de todos os cans, independentemente da súa raza ou condición, será obrigatoria a partir do 2 de xullo de 2003, tal e como se recolle na disposición transitoria segunda do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.

2.-O Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos é un rexistro de carácter público, ó que terán acceso as administracións públicas e autoridades competentes, así como aquelas persoas físicas ou xurídicas que acrediten ter interese lexítimo no coñecemento dos datos obrantes no mesmo. En todo caso, o uso e tratamento dos datos contidos no Rexistro será conforme o disposto na Lei Orgánica 15/1999, de Protección de datos personais.

Artigo 31º.-Inscrición no Rexistro.

1.-Os titulares da licenza administrativa están obrigados a efectuar a inscrición do animal no Rexistro Municipal do concello de residencia habitual do animal, no prazo de 15 días contados a partir da obtención da licenza, tal e como se recolle no artigo 6.2º da Lei 50/1999, do 23 de decembro, e no artigo 4.1º do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro.

2.-Tamén será obrigatoria, a instancia do propietario, a inscrición do animal no Rexistro Municipal do concello correspondente cando se efectúe o seu traslado dun concello a outro por período superior a tres meses.

3.-Conforme se dispón no artigo 4.3º do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, os datos recollidos no rexistro municipal serán remitidos á Consellería de Medio Ambiente, no prazo máximo de 15 días, contados desde o momento da inscrición dun animal potencialmente perigoso.

Artigo 32º

Acreditación da inscrición no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

A inscrición no rexistro acreditarase mediante entrega dunha copia da resolución do expediente administrativo iniciado a solicitude do interesado, e mediante entrega dunha tarxeta acreditativa, tamaño carné, expedida polo Concello, onde se fagan constar os seguintes datos:

-Número do microchip e data de alta do animal no rexistro municipal.

-Nome, especie, raza, sexo, capa e data de nacemento do animal.

-Enderezo do animal.

-Nome, apelidos do propietario.

-Licenza do propietario (número, data de expedición, concello).

-DNI do propietario.

Artigo 33º

O Concello remitirá os datos do Rexistro municipal o Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compaña e Potencialmente perigosos.

Artigo 34º

Nas follas rexistrais de cada animal farase constar o certificado de sanidade expedido por veterinario colexiado competente que acredite, con periocidade anual, a situación sanitaria do animal e a inexistencia de enfermidades ou transtornos que o fagan especialmente perigoso.

Artigo 35º

Baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

1.-A baixa no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos efectuarase a instancia do interesado, previa acreditación da morte do animal (esta última certificada por veterinario ou autoridade competente).

2.-Igualmente procederase á baixa no Rexistro no caso de traslado de residencia habitual do animal a municipio distinto, que así quede acreditado a instancia do interesado. Neste caso o propietario deberá dar de alta ó animal no novo concello de residencia.

3.-A perda ou substracción do animal, por un prazo superior a tres meses, considerarase baixa definitiva do animal no Rexistro.

4.-Farase constar no Rexistro como de titularidade municipal aqueles animais depositados no centro de recollida de animais vagabundos ou abandonados dependente do concello, como consecuencia da recollida dos mesmos da vía pública, que carezan de dono ou que sendo este identificado non o reclamase no prazo de 10 días do aviso efectuado, conforme o previsto no artigo 53 do Decreto 153/1998, do 2 de abril. Así mesmo, constarán como de titularidade municipal os que foran obxecto de decomiso definitivo ao propietario.

Artigo 36º

Comunicacións do propietario do animal ao Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos.

1.-O propietario do animal deberá comunicar ao Rexistro calquera variación dos datos que figuran nel, no prazo de 15 días desde que se producise a modificación.

2.-Deberá comunicarse ao rexistro municipal a venda, traspaso ou doazón do animal.

3.-Calquera incidente producido por animais potencialmente perigosos ao longo da súa vida, coñecidos polas autoridades administrativas ou xudiciais, faranse constar na folla rexistral de cada animal, tal e como se recolle no artigo 6.4º da Lei 50/1999, do 23 de decembro. No caso de agresións recollerase, como mínimo, a seguinte información: data da denuncia, descrición dos feitos e consecuencias xurídicas.

4.-A substracción ou perda do animal deberá ser comunicada polo titular do animal ao Rexistro Municipal, no prazo máximo de 48 horas desde que se teña coñecemento destes feitos, tal e como se recolle no artigo 8.6º do RD 287/2002, do 22 de marzo.

5.-Os propietarios de animais potencialmente perigosos deberán comunicar ao Rexistro a realización de castración ou esterilización do animal, se ista se producise, remitindo copia da certificación veterinaria correspondente que acredite este feito.

Artigo 37º

Circulación e permanencia dun can potencialmene perigoso en vías públicas e locais.

1.-Os propietarios, criadores ou tedores deberán manter os animais que estean baixo a súa custodia en axeitadas condicións hixiénico-sanitarias e cos coidados e atencións necesarios de acordo coas necesidades fisiolóxicas e características propias da especie ou raza do animal, en cumprimento da Lei 1/1993, do 13 de abril e do Decreto 153/1998, do 2 de abril, en concreto nos seus capítulos IV, VII e X.

2.-A presenza de animais potencialmente perigosos en lugares ou espazos públicos esixirá que a persoa que os conduza e controle leve consigo a licenza municipal e a certificación acreditativa da inscrición do animal no Rexistro Municipal de Animais Potencialmente Perigosos. Os devanditos documentos poderán ser requiridos en todo momento pola autoridade municipal.

3.-Os cans potencialmente perigosos, en lugares e espazos públicos, deberán levar obrigatoriamente buceira apropiada para a tipoloxía racial de cada animal.

4.-Os cans potencialmente perigosos deberán ser conducidos e controlados con cadea ou correa non extensible de menos de 2 metros, sen que poida levarse máis dun destes cans por persoa.

5.-O Concello poderá regular as condicións en que se autorice a circulación e estadía dos animais potencialmente perigosos en rúas, parques, e vías públicas, podendo determinar, por razóns de seguridade e orde pública, as zonas en que se prohíba a súa estadía e circulación.

6.- Os animais potencialmente perigosos que se atopen nunha finca, casa de campo, chalé, parcela patio ou terraza deberán dispor dun habitáculo coa superficie, fortaleza, altura e peche axeitado para evitar fugas, protexer as persoas ou animáis que accedan ou se acheguen a estes lugares.

CAPÍTULO IV: DAS OBRIGAS DOS VETERINARIOS, PROPIETARIOS E TEDORES DE ANIMAIS POTENCIALMENTE PERIGOSOS.

Artigo 38º

Os veterinarios que prestaren asistencia sanitaria a un animal sospeitoso de ser empregado en pelexas, ou que observaran que o animal presente cicatrices ou lesións relacionadas con esta práctica ou con outras actividades prohibidas, deberán de poñelo en coñecemento do Rexistro Galego de identificación de Animais de Compaña e Potencialmente perigosos. Tamén farán esta comunicación cando coñezan a existencia dunha mordedura ou agresión provocada por un animal potencialmente perigoso.

Artigo 39º

1.-Con carácter xeral, os propietarios e posuidores de animais potencialmente perigosos estarán suxeitos ás obrigas e prohibicións establecidas no Capítulo I do Título II do presente Regulamento.

2.-Os propietarios ou posuidores de animais potencialmente perigosos están obrigados a solicitar licenza e a inscribilos no rexistro conforme as determinacións anteriormente establecidas neste Regulamento.

Artigo 40º

1.-Os propietarios, criadores ou tedores dos animais potencialmente perigosos terán a obriga de identificar os mesmos cun microchip nos seus tres primeiros meses de vida ou nun mes despois da súa adquisición. A identificación dos animais da especie canina, coa debida garantía, é obrigatoria sen excepcións.

2.-A identificación mediante microchip ou transpónder farase baixo o cumprimento das características e do procedemento regulados nos artigos 9 e 10, do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 41º

Os propietarios, criadores ou tedores de animais potencialmente perigosos terán a obriga de cumprir todas as normas de seguridade cidadá, establecidas na lexislación vixente, de xeito que garantan a óptima convivencia destes animáis cos seres humanos e se eviten molestias á poboación.

Artigo 42º

A responsabilidade dos posuidores de animais potencialmente perigosos rexerase segundo o disposto no artigo 16 do presente Regulamento.

Artigo 43º

Quedan exceptuados da aplicación destas determinacións os propietarios de animais pertencentes ás Forzas Armadas, Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Corpos da Policía das Comunidades Autónomas, Policía Local e empresas de seguridade con autorización oficial

Artigo 44º

1-Queda prohibido o adestramento de animais dirixido exclusivamente a acrecentrar e reforzar a sua agresividade para as pelexas ou para o ataque.

2-En todo caso a actividade de adestramento farase de conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 50/1999, de 23 de decembro, de Réxime Xurídico da Tenza de Animais Potencialmente Perigosos, e no capitulo IV do Decreto 90/02, de 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autonoma de Galicia.

TITULO IV: DAS AGRESIONS A PERSOAS

Artigo 45º

1.-As persoas que fosen agredidas por un animal darán conta disto ás autoridades sanitarias.

2.-Os propietarios ou posuidores de animais agresores están obrigados a facilitar os datos correspondentes do animal agresor tanto á persoa agredida como aos seus representantes legais e ás autoridades competentes que o soliciten.

3.-Calquera persoa que advirta un risco posible para a saúde poderá dar conta disto ás autoridades sanitarias e, en todo caso, a obrigación dos sanitarios ou dos centros que atendan aos agredidos efectuar a correspondente denuncia.

Artigo 46º

1-Os animais que agrediran a unha persoa e que, a xuízo dun servizo veterinario oficial poidan ser sospeitosos de transmitir enfermidade infecto-contaxiosa, poderán ser retidos polos servizos municipais coa colaboración, no seu caso, das asociacións de protección e defensa dos animais, e manteránse en observación veterinaria durante 14 días.

2-Esta retención e observación poderá levarse a cabo no propio domicilio ou noutra instalación do posuidor do animal.

3-Cando estea provada a agresividade dun animal de xeito fidedigno, será retirado polos servizos correspondentes previo informe técnico no que se determinará o destino final do animal.

Artigo 47º

No caso de animais considerados potencialmente perigosos, será da responsabilidade do propietario, tedor ou criador dun animal que agreda a persoas ou outros animais causándolles feridas de mordedura, que o animal sexa sometido a recoñecemento dun veterinario en exercicio da libre profesión, en dúas ocasións dentro dos 15 días seguintes á agresión. Neste recoñecemento o veterinario responsable emitirá un certificado no que conste se o animal presenta ou non síntomas de enfermidade infecto- contaxiosa.

Artigo 48º

Todos os gastos ocasionados ao Concello pola retención e control dos animais agresores abandonados, extraviados ou feridos serán por conta dos propietarios dos mesmos.

Artigo 49º

A esterilización dos animais considerados potencialmente perigosos, ademais de poderse facer por vontade dos seus propietarios, realizarase obrigatoriamente por mandato xudicial ou resolución administrativa nos supostos de reiteradas agresións ás persoas ou danos a outros animais ou ás cousas, de acordo co procedemento regulado no Capítulo IV do Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente perigosos na Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO V: DAS MEDIDAS DE PROTECCIÓN

CAPÍTULO I: MEDIDAS DE PROTECCIÓN FOMENTADAS POLO CONCELLO

Artigo 50º

1.-O Concello fomentará o estudo, divulgación e realización de actividades encamiñadas a difundir entre o vecindario coñecementos específicos e actitudes positivas con respeto á fauna salvaxe do termo municipal.

2.-Prohíbense as actividades susceptibles de causar molestias nas zonas de reproducción, aniñación e cría da fauna salvaxe. Regularase por parte do Concello a realización de podas e cortes de plantas silvestres e domésticas sitas xunto a camiños públicos ou susceptibles de constituír perigo por causa de incendio ou outra, nos períodos que non interrompan a aniñación e cría de especies silvestres.

3.- O Concello potenciará a diversidade biolóxica das áreas axardinadas, empregando especies vexetais autóctonas, como garantía de preservación da fauna salvaxe. O Concello fomentará a proliferación de especies que sirvan de alimento e refuxio á fauna salvaxe.

4.- Prohíbese a utilización de velenos, insecticidas ou herbicidas que supoñan un perigo para a supervivencia.

5- O Concello promoverá o estudo e fomentará a realización de accións repoboadoras de especies autóctonas en perigo de desaparición no termo municipal.

6- O Concello fomentará a sinalización adecuada e pasos alternativos nas zonas de tránsito habitual da fauna salvaxe por estradas do termo municipal.

CAPÍTULO II: DOS ESTABLECEMENTOS

Artigo 51º

1.-Estarán suxeitos á obtención da preceptiva licenza municipal de apertura todas as actividades económicas, profesionais, comerciais e de explotación relacionadas ca tenza de animais. A súa implantación, requisitos e condicións rexerase en primeiro termo polo disposto no planeamento urbanístico do Concello de Carral vixente, pola lexislación sectorial vixente de aplicación e polo Decreto 133/2008 de avaliación de incidencia ambiental de Galicia.

2- Con carácter xeral, considéranse suxeitas á obtención da previa licenza municipal de apertura as actividades seguintes:

a) Establecementos hípicos, sexan ou non de temporada, con instalacións fixas que alberguen cabalos para a práctica da equitación con fins deportivos, recreativos ou turísticos.

b) Os centros para o coidado de animais de compaña e os destinados á reprodución, aloxamento temporal ou permanente e/ou subministro de animais para vivir en domesticidade. Divídense en: lugares de crianza para reprodución ou subministro de animais a terceiros e establecementos destinados á práctica do deporte en canódromos.

c) Entidades ou agrupacións diversas non comprendidas entre as citadas anteriormente. Divídense en: actividades para a produción e/ou subministro de pequenos animais (cans, aves, gatos, etc.) destinados a fogares; subministradores de laboratorio; canís deportivos, que son os establecementos destinados á garda de cans de caza ou de calquera outro tipo de actividade deportiva, salón de peiteados caninos, clínicas e hospitais veterinarios, zoos ambulantes, circos ou similares, tendas para a venda de animáis de acuario ou terrario como peixes, serpentes ou arácnidos, instalacións de crías de animais para aproveitamentos.

d) Calquera outra que precisen da implantación nun local axeitado ao uso relacionado coa permanencia, tenza ou explotación dos animais que son obxecto do presente regulamento.

CAPÍTULO III: DO TRANSPORTE DOS ANIMAIS

Artigo 52º

O transporte dos animais obxecto deste Regulamento realizarase coas debidas condicións hixiénicas e sanitarias, debendo respectarse en todo caso as condicións específicas previstas na normativa vixente sobre protección dos animais durante o transporte.

Artigo 53º

Prohíbese o transporte de animais se estes non están en condicións de realizar o traxecto previsto e se non se adoptaron as disposicións oportunas para o seu coidado durante o transporte e a chegada ao lugar de destino. Os animais enfermos e feridos non se consideran aptos para o transporte, salvo que o obxecto do mesmo sexa sometelos á atención e tratamento veterinarios ou que o transporte non sexa causa de sufrimentos innecesarios.

CAPÍTULO IV: DA EXPERIMENTACIÓN

Artigo 54º

Toda actividade experimental con animais que lles poida causar dor, sufrimento, lesión ou morte, adecuarase á súa normativa específica e requerirá, no seu caso, autorización previa do órgano autonómico competente.

Artigo 55º

1.-Os animais destinados a experimentos serán obxecto de protección e coidados previstos nas disposicións correspondentes.

2.-Os animais que, como resultado da experimentación, non poidan desenvover unha vida normal serán sacrificados de forma rápida e indolora.

CAPÍTULO V: CONTROIS SANITARIOS

Artigo 56º

Os plans, programas e disposicións de execución para o control, loita e erradicación de zoonoses e epizootias dos animais domésticos e salvaxes en catividade do termo municipal serán os establecidos polo órgano autonómico competente, sen prexuízo da normativa estatal ou comunitaria en vigor.

Artigo 57º

O Concello poderá ordenar o illamento e internamento dos animais domésticos e salvaxes en catividade no caso de que se lles diagnosticasen enfermidades transmisibles, co obxecto de sometelos a tratamento curativo ou cando isto non fose posible, proceder ao seu sacrificio. Para a adopción destas medidas será preciso que o diagnóstico das enfermidades ou a detección de portadores sexan confirmados polos servizos veterianarios oficiais.

CAPÍTULO VI: DA INSPECCIÓN E VIXILANCIA

Artigo 58º

É competencia dos servizos veterinarios oficiais a comprobación do cumprimento das obrigas e requisitos esixidos polo presente Regulamento, así como do resto da normativa vixente en materia de sanidade animal e de protección dos animais domésticos e salvaxes en catividade. Tamén levarán a supervisión e control dos programas zoosanitarios.

Artigo 59º

O Concello facilitaralle aos veterinarios oficiais información e axudas para levar a cabo as funcións mencionadas no artigo anterior.

TÍTULO VI: DOS ANIMAIS ABANDONADOS

Artigo 60º

1.-Correspóndelle ao Concello a recollida dos animais abandonados ou vagabundos do termo municipal que os reterá ata que sexan reclamados, acollidos ou sacrificados.

2.-Se o animal non está identificado reterase por un prazo de 20 días, transcorrido o cal os centros de acollemento poderán darlle o destino máis axeitado, e só no último caso o sacrificio. Este realilzaráse baixo o control da inspección veterinaria, que poderá utilizar as medidas que estime oportunas para evitar o sufrimento do animal.

3.-Se o animal está identificado avisarase ao propietario, quen dispoñerá dun prazo de 10 días para recuperalo, unha vez, satisfeitos os gastos orixinados pola súa mantenza e recollida. Transcorrido este prazo sen que o propietario satisfaga o pago dos sinalados, o centro de acollemento procederá de acordo co sinalado no apartado anterior.

Artigo 61º

1.-Transcorridos os prazos previstos no artigo anterior, os animais abandonados serán postos a disposición de quen os solicite durante un prazo mínimo de tres días.

2.-O adquirinte do animal deberá comprometerse ao cumprimento das obras propias dos posuidores de animais, a regularizar a súa situación sanitaria e a aboar os gastos debidos polas atencións veterinarias.

Artigo 62º

1.-Os animais que non sexan retirados polos seus donos nin cedidos en adopción no prazo de tres meses, ou antes nos supostos de urxencia, poderán sacrificarse por procedementos autorizados e baixo control veterinario.

2.-Os cadáveres dos animais mortos ou sacrificados deberán ser destruídos por enterramento hixiénico ou por incineración.

Artigo 63º

Os animais potencialmente perigosos poderán ser cedidos en adopción cando as probas de socialización demostren que o animal non é perigoso para a seguridade das persoas, animais ou cousas e sen prexuízo das obrigas legais.

Artigo 64º

O Concello poderá concertar as atencións de recollida e acollemento preceptuados neste Título con establecementos recoñecidos para a realización das mesmas, podendo estes ser de titularidade pública ou privada.

TÍTULO VII: CONCURSOS E EXPOSICIÓNS

Artigo 65º

A celebración de concursos, exposicións ou calquera outro tipo de certames ou eventos coa concorrencia dos animais obxecto deste Regulamento, esixirá a autorización previa do órgano competente na materia, sen prexuízo de calquera outra autorización municipal preceptiva.

TÍTULO VIII: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

CAPÍTULO I: INFRACCIÓNS

Artigo 66º

1-A efectos do presente regulamento considérase infracción administrativa o incumprimento das obrigas, prohibicións ou requisitos establecidos no mesmo, así como as condicións impostas nas autorizacións administrativas outorgadas ao seu amparo.

2-A responsabilidade administrativa será esixible sen prexuízo da que lle puidera corresponder no ámbito civil ou penal.

3- No caso de celebración de espectáculos prohibidos, incorrerán en infracción administrativa non so os seus organizadores, senón tamén os propietarios dos locais ou terreos que llos cedesen, a título oneroso ou gratuito.

Artigo 67º

As infraccións clasifícanse en leves, graves ou moi graves.

Artigo 68º

Son infraccións leves:

a)O maltrato dos animais que non lles cause dor.

b)A venda, doazón ou cesión de animais a menores de catorce anos ou incapacitados, sen autorización de quen teña a súa patria potestade, tutela ou custodia.

c)A doazón de animais de compaña como premio.

d)Non manter o animal en boas condicións hixiénico sanitarias.

e)Manter os animais en instalacións inadecuadas.

f)Non facilitarlles a alimentación adecuada ás súas necesidades.

g)O emprego de animais en traballos que os inmobilicen causándolles dor.

h)Exercer a venda ambulante de animais fóra dos mercados e feiras autorizados.

i)A carencia ou tenza incompleta do arquivo de fichas clínicas dos animais obxecto de tratamento obrigatorio ou vacinación.

j)A posesión dun can non censado.

k)O sacrificio de animais en lugares públicos.

l)A non recollida inmediata dos excrementos evacuados por un animal de compaña na vía pública.

m)A entrada de animais nos espazos destinados especialmente a xogos ou espallemento infantil e nas piscinas, agás os cans guía de persoas con deficiencias visuais.

n)Calquera outra actuación que vulnere o disposto nesta Lei e que non estea tipificada como grave ou moi grave.

Artigo 69º

Son infraccións graves:

a)O maltrato dos animais que lles cause dor ou lesións.

b)Mutilalos sen necesidade ou sen o adecuado control veterinario.

c)Abandoalos

d)A venda ambulante, reiterada, de animais en xeral, fóra dos establecementos, feiras e mercados legalmente autorizados.

e)A venda de animais salvaxes en catividade fóra dos establecementos autorizados.

f)O incumprimento das obrigas sobre establecementos, traslados e experimentación de animais sinaladas nos artigos 51, 52, 53 e 54 deste Regulamento.

g)O subministro de estimulantes non autorizados ou substancias que poidan atentar contra a saúde, agás cando sexa por prescripción facultativa.

h)A non vacinación ou o non tratamento obrigatorio dos animais.

i)A venda de animais doentes, agás que se trate dun vicio oculto, non coñecido polo vendedor.

j)A cría ou comercialización de animais sen cumprir os requisitos correspondentes.

k)A tenza de animais perigosos sen as medidas de protección que se fixan.

l)O incumprimento de calquera outra das condicións impostas nas autorizacións administrativas.

m)Deixar ceibe un animal potencialmente perigoso ou non ter adoptado as medidas necesarias para evitar a súa fuxida ou perda.

n)Incumprir a obligación de identificar o animal.

o)Omitir a inscrición no Rexistro.

p)Atoparse un can potencialmente perigoso en lugares públicos sen buceira ou non suxeito con cadea.

q)O transporte de animais potencialmente perigosos con vulneración do disposto no artigo 52 desta Lei.

r)A negativa ou resistencia a subministrar datos ou facilitar a información requirida polas autoridades competentes ou os seus axentes, en orde ao cumprimento das función establecidas para estes, así como o subministro de información inexacta ou de documentación falsa.

s)A reincidencia en infracción leve, entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á súa notificación, e sempre e cando a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Artigo 70º

Son infraccións moi graves:

a)O maltrato dos animais que lles cause a morte.

b)A organización e celebración de espectáculos, pelexas ou outras actividades con animais que impliquen crueldade ou maltrato ou poida ocasionarlles sufrimentos.

c)A venda de animais con enfermidades infecto- contaxiosas coñecidas.

d)A venda de animais para experimentación sen a debida autorización ou a centros non autorizados.

e)A esterilización ou o sacrificio de animais sen control facultativo.

f)Abandonar un animal, entendéndose por animal abandoado, tanto aquel que vaia preceptivamente identificado, como os que non leven ningunha identificación sobre a súa orixe ou propietario, sempre que non vaian acompañados de persoa algunha.

g)Ter cans ou animais potencialmente perigosos sen licenza.

h)Vender ou transmitir por calquer título un can ou animal potencialmente perigoso a quen careza de licenza.

i)Adestrar animais para activar a súa agresividade ou para finalidades prohibidas.

j)Adestrar animais potencialmente perigosos por quen careza do certificado de capacitación.

k)A organización ou celebración de concursos, exercicios, exhibicións ou espectáculos de animais potencialmente perigosos, ou a súa participación neles, destinados a demostrar a agresividade dos animais.

l)A reincidencia en infracción grave entendendo que existe tal reincidencia cando se comete unha infracción leve do mesmo tipo que a que motivou unha sanción anterior no prazo de trescentos sesenta e cinco días seguintes á súa notificación, e sempre e cando a resolución sancionadora adquirise firmeza.

Artigo 71º

Prescrición

As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos doce meses e as moi graves aos dous anos.

Artigo 72º

Das sancións pecuniarias

1-As infraccións tipificadas no artigo anterior serán sancionadas con multas de:

a)Leves, de 30,05 a 300,50 euros

b)Graves, de 300,51 euros a 3.005,06 euros

c)Moi graves, de 3.005,07 a 15.025,30 euros.

Artigo 73º

1-O procedemento sancionador axustarase ao disposto na potestade sancionadora recollida na Lei 30/1992 de 26 de noviembre de Réximen Xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e no RD 1398/93, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 74º

Das sancións non pecuniarias

En todo caso, as infraccións graves e moi graves tipificadas no artigo anterior desta Ordenanza poderán levar aparelladas como sancións accesorias a confiscación, decomiso, esterilización ou sacrificio dos animais potencialmente perigosos, a clausura do establecemento e a suspensión temporal ou definitiva da licenza de animais potencialmente perigosos ou do certificado de capacitación do adestrador.

Artigo 75º

Considéranse responsables das infraccións os que por acción ou omisión participaran na comisión das mesmas, o propietario ou tedor dos animais ou, no seu caso, o titular do establecemento, local ou medio de transporte no que se produzan os feitos, e neste último suposto, o encargado do transporte.

Artigo 76º

1.-Os órganos competentes para sancionar, de acordo cos artigos 24.2º da Lei 1/1993, do 13 de abril, serán:

a)Por infraccións leves, o alcalde.

b)Por infraccións graves, o Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente.

c)Por infraccións moi graves, o Conselleiro de Medio Ambiente.

2.-A incoación e tramitación dos expedientes polas infraccións tipificadas como leves correspóndelle ao Concello. Porén, o alcalde poñerá en coñecemento, de xeito que faga fe, do Director Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente toda acción ou omisión que poida ser tipificable como infracción grave ou moi grave.

3.-Cando as circunstancias de perigo así o aconsellen, o alcalde poderá proceder á retirada ou custodia dun animal potencialmente perigoso, a cargo do propietario, como medida de carácter provisional durante a tramitación dun expediente sancionador.

TÍTULO IX.-DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE LICENCIA, RENOVACIÓN, INSCRICIÓNS REXISTRAIS E AS SÚAS MODIFICACIÓNS E CANCELACIÓNS.

Artigo 77º

Obxecto.

De conformidade co disposto nos artigos 15º ao 19º en relación co artigo 20º da Lei 39/1988, do 28 de decembro, Reguladora das Facendas Locais, establécese a taxa por prestación de servizos especiais de expedición de licenza, as súas renovacións, inscricións rexistrais e as súas modificacións e cancelacións.

Artigo 78º

Feito impoñible.

O feito impoñible da taxa é a actividade municipal conducente á verificación do cumprimento das condicións reguladas nesta Ordenanza para a concesión da licenza indicada, a actividade de control que se efectuará nas renovacións que da mesma deban verificarse, a tramitación, control e custodia que dela se establece e aqueles outros servicios que se recollen nas Tarifas desta Ordenanza.

Artigo 79º

Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos da taxa os propietarios de animais que soliciten a inscrición no rexistro municipal, e os propietarios que soliciten a expedición da licenza ou que renoven a mesma.

Artigo 80º

Responsables.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1º e 39º da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedade e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40º da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 81º

Devengo.

1.-O devengo da taxas producirase coa solicitude de calquera dos actos aos que se refire o feito impoñible.

2.-A non concesión da licenza, cando non sexa debido a incumprimentos formais do suxeito pasivo, dará lugar á devolución das cantidades autoliquidadas.

Artigo 82º

Tarifas.

1.-Licenza de Cans Potencialmente Perigosos. 16 euros

2.-Renovación de Licenzas. 8 euros

3.-Inscrición no Rexistro de Animais Potencialmente Perigosos. 5 euros

4.-Modificacións rexistrais. 1 euros

5.-Cancelación rexistral. 3 euros

6.- Inscrición no Censo de Animais de Compañía. 3 euros.

Artigo 83º

Ingreso da Taxa.

O ingreso da taxa efectuarase en réxime de autoliquidación e con carácter previo ao acto que o motiva.

Artigo 84º

Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas corresponden en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77º e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

DISPOSICIÓN ADICIONAL ÚNICA.

Quedan exentos da obriga de obtención de licenza municipal, aqueles exemplares caninos que foran obxecto de adestramento baixo a supervisión directa de organismos públicos ou privados que utilicen estes animais cunha finalidade social.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA.

Queda derrogada a Ordenanza municipal reguladora da licenza pola tenza de animais potencialmente perigosos, do seu rexistro, da sección local do rexistro de animais de compañía e das taxas pola prestación de tales servizos aprobada polo Pleno do Concello de Carral do 27/12/2002.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente Ordenanza entrará en vigor coa súa publicación íntegra no Diario Oficial correspondente e transcurso do prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, continuando en vigor ata a súa derrogación expresa polo Concello.