Carral - ORDENANZA FISCAL Nº 10 REGULADORA DA TAXA PARA A CONCESIÓN DE LICENCIAS DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS.

Publicación provisional: 05/08/2011 BOP Nº: 149
Publicación definitiva: 30/09/2011 BOP Nº: 188
Aplicable dende: 30/09/2011

ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E RÉXIME.

Este Concello, conforme ao autorizado polo artigo 106 da Lei 7/85 do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e dacordo co previsto no artigo 20.4.i) do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba ou Texto refundido da Lei de facendas locais, establece a taxa reguladora de expedición de licenza de apertura de establecementos, que se regulará pola presente ordenanza.

ARTIGO 2º.- FEITO IMPOÑIBLE.

1. Constitúe o feito impoñible deste tributo a prestación da actividade municipal, tanto técnica coma administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outra esixida polas Ordenanzas Municipais ou normas xerais para o seu normal funcionamento, como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da correspondente licencia de apertura.

2. Para os efectos deste tributo, considérase apertura:

a) A instalación por vez primeira dun establecemento.

b) Os traslados de locais.

c) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

d) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no parágrafo 1 deste artigo, esixindo nova verificación das mesmas.

e) Os traspasos ou cambios de titularidade dos establecementos por calquera causa, agás os cambios de denominación social.

3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, aberta ou non ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:

a) Os locais dedicados ao exercicio habitual do comercio. Presumirase dita habitualidade nos casos aos que se refire a lexislación mercantil e fiscal e, especificamente, cando a realización da actividade estea suxeita a tributación polo imposto sobre actividades económicas.

b) Os locais nos que se desenvolva unha actividade económica de carácter comercial, industrial, de servizos, fabril, artesá, da construcción profesional ou artística.

c) Complemente as actividades anteriores, aínda que non se adique ó seu exercicio, ou teña relación coas mesmas de forma que lle proporcionen beneficios ou aproveitamento, coma no caso de delegacións ou sucursais.

d) Toda edificación habitable cuxo destino principal non sexa a vivenda e que se dedique a:

Casinos ou círculos dedicados ao esparexemento ou recreo dos seus compoñentes ou asociados. As distintas dependencias que, dentro dos locais do casino, sociedade ou círculo sexan destinados a explotacións económicas suxeitas a tributación polo Imposto sobre Actividades Económicas serán obxecto de apertura diferente á principal que se refire ao obxecto social de carácter non lucrativo.

Depósito ou almacén, aínda que se atope pechado ao público.

Actividades que, tendo ou non fin lucrativo, impliquen a presencia habitual de persoas no local.

Locais nos que se fagan usos e actuacións contempladas no Regulamento de Actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Locais e recintos nos que se fagan espectáculos públicos.

Oficinas, despachos, bufetes, escritorios, consultorios ou estudos abertos ao público, onde se exerzan actividades artísticas, profesionais ou de ensino con fin lucrativo e suxeitas a tributación polo imposto sobre actividades económicas.

ARTIGO 3º.- SUXEITOS PASIVOS.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así coma as herdanzas xacentes, comunidades de bens e demais entidades que, carentes de personalidade xurídica, constitúan unha unidade económica ou un patrimonio separado susceptible de imposición, titulares da actividade que se pretenda desenvolver ou que de feito desenvolvan, en calquera local ou establecemento industrial ou mercantil.

ARTIGO 4º.- RESPONSABLES.

En materia de responsabilidade aplicaranse os artigos 42 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

ARTIGO 5º.- DEVENGO

1. A obriga de contribuír nacerá no momento de iniciarse a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. A estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da solicitude de licencia de apertura.

2. No caso de facerse a apertura sen licencia previa, o devengo producirase no momento de iniciarse a actividade municipal para determinar se a actividade en cuestión é ou non autorizable, con independencia da instrucción do correspondente procedemento administrativo sancionador, e con independencia do resultado do procedemento para autorizar a apertura ou resolver o peche do local.

3. A obriga de contribuír non se verá afectada pola denegación da licencia ou a súa concesión, condicionada á modificación das características do establecemento.

4.En caso de renuncia ou desestimento formulado polo solicitante con anterioridade á concesión da licencia, as cotas a liquidar, sempre que a actividade municipal se iniciase efectivamente, serán:

a.Do 25 por cento das establecidas se a renuncia ou desestimento se producise no prazo dun mes a partir da solicitante.

b.Do 50 por cento se a renuncia ou desestimento se producise posteriormente a dito mes.

Considerarase iniciada a actividade municipal no momento no que se expida algún dos informes técnicos necesarios.

ARTIGO 6º. TARIFAS.

A) Novas licenzas:

1. Actividades excluídas do procedemento de avaliación de incidencia ambiental, segundo o anexo III do Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental (inocuas): 200,00 €

2. Actividades sometidas ao procedemento de avaliación de incidencia ambiental (clasificadas):

Molestas ou asimilables: 400,00 €

Insalubres ou asimilables: 600,00 €

Nocivas ou asimilables: 800,00 €

Perigosas ou asimilables: 1000,00 €

No suposto que unha actividades estivera comprendida en máis dun suposto dos anteriores, tomarase sempre o valor máis alto.

3. Actividades sometidas ao procedemento de avaliación de efectos ambientais: 1.500,00 €

4. Actividades sometidas ao procedemento de avaliación de impacto ambiental: 2.500,00 €

5. Actividades sometidas ao procedemento de autorización ambiental integrada: 3.000,00 €

No caso de que nun local se pretendan realizar dúas ou máis actividades deberanse liquidar cada actividade de forma independente, segundo a clasificación do presente epígrafe.

B) Cambios de titularidade: 100,00 euros.

C) Modificación ou ampliación de actividades con licenza anterior:

O estipulado no epígrafe do apartado A, no que se clasifique a actividade.

D) Outros:

Antenas de telefonía móbil e similares: 6.000,00 €

Paneis publicitarios con soporte ou estructura: 1.000,00 €

Actividades recreativas ou espectáculos temporais ao aire libre: 100,00 €

Depósitos de combustible a excepción de depósitos de vivendas sen uso industrial: 500,00 €

Os conceptos deste apartado serán aditivos aos que lle corresponda segundo o apartado A, deste artigo

ARTIGO 7º. - EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.

Non se recoñece exención ou bonificación algunha, agás as expresamente previstas en normas con rango de Lei e as derivadas da aplicación de Tratados internacionais.

ARTIGO 8º.- DECLARACIÓN.

1. As persoas interesadas na obtención dunha licencia de apertura de establecementos presentarán no Rexistro Xeral deste Concello a correspondente solicitude, con especificación da actividade ou actividades que se pretendan desenvolver no local, xuntando o proxecto técnico e demais documentos esixibles polas disposicións vixentes.

2. Se despois de efectuada a solicitude de licencia de apertura se varía ou amplía a actividade a desenvolver no establecemento ou se alterasen as características do local, estas modificacións deberán poñerse en coñecemento da Administración Municipal.

3. Consideraranse caducadas as licencias se despois de concedidas transcorren máis de tres meses sen se producir a apertura dos locais (sen causa motivada) ou, despois de abertos, se pechasen por un período superior a seis meses consecutivos (sen causa motivada).

4. Os servizos técnicos do concello en calidade de inspectores e os membros da Policía Local deste Concello, poderán esixir en calquera momento o documento que acredite a concesión da licencia de apertura definitiva.

6. Cando a Administración Tributaria local teña coñecemento da producción dunha alta no Imposto sobre Actividades Económicas nunha actividade que estea suxeita a esta licencia, sen terse solicitado a mesma, procederá de oficio ó inicio, de xeito automático, do correspondente procedemento de Inspección Tributaria.

ARTIGO 9º.- NORMAS DE XESTIÓN E LIQUIDACIÓN.

A taxa polo otorgamento de licenza esixirase en réxime de autoliquidación, debendo o suxeito pasivo, no momento de presentar a correspondente solicitude, acreditar o ingreso do importe total estimado da cota tributaria, a conta da liquidación definitiva que resulte no momento da concesión da licenza.

Se da liquidación definitiva, a taxa resulta unha cota superior ou inferior á derivada da autoliquidación, procederase a requerir o ingreso da diferencia antes de expedir a licenza, no primeiro caso, e a devolución do exceso, no segundo.

Cando por causas no imputables ao suxeito pasivo, a actividade administrativa que constitúe o feito impoñible da taxa non se preste ou desenvolva, procederá a devolución do importe da cota correspondente.

Non se tramitará o expedente correspondente, se non se acredita a autoliquidación e o pagamento da presente taxa.

ARTIGO 10º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

A calificación das infraccións tributarias e as correspondentes sancións rexiranse polo establecido nos artigos 183 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

As cotas tributarias fixadas no artigo 6 desta Ordenanza modificaranse anualmente de acordo coa variación do Índice de Prezos ó Consumo que sinale o Instituto Nacional de Estatística. O resultado da aplicación deste índice redondearase sempre por exceso ou por defecto á centena superior ou inferior.

DISPOSICIÓN DEROGATORIA.

A presente ordenanza derogará calqueira precepto doutra ordenanza ou acordo que se opoña á mesma.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA.

Esta Ordenanza, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial Provincial.