Rianxo - ORDENANZA REGULADORA DA EXPEDICIÓN DAS TARXETAS DE ESTACIONAMENTO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE
Artigo 1.- Obxecto
Esta ordenanza ten por obxecto a regulación a nivel municipal da expedición da tarxeta de estacionamento para persoas con discapacidade prevista no artigo 27 da Lei 8/97, de 20 de agosto, de Accesibilidade e Supresión de Barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia e nos artigos 50 e 52 do Decreto 35/2000, de 28 de xaneiro, polo que se aproba respectivamente o regulamento de desenvolvemento e execución da Lei antes citada, co fin de favorecer o uso dos transportes privados por persoas con graves problemas de mobilidade e para que o seu titular poida gozar de facilidades de estacionamento.
Artigo 2.- Beneficiarios
Poderán ser beneficiarios da tarxeta de estacionamento con carácter persoal e intransferible, aquelas persoas con discapacidade que teñan recoñecida a imposibilidade de uso do transporte público polo Equipo de Valoración e Orientación (EVO), dependentes das seccións de cualificación e valoración de discapacidades da Consellería ou órgano autonómico competente.
Artigo 3.- Solicitudes
A solicitude formularase segundo o modelo oficial anexo, achegándose ao rexistro municipal coa seguinte documentación:
·Fotocopia do D.N.I., NIE ou pasaporte do solicitante ou representante legal.
·Certificado de discapacidade.
·Unha fotografía tamaño Carnet.
·Certificado de empadroamento.
Artigo 4.- Dereitos derivados das tarxetas
4.1. A titularidade da tarxeta de estacionamento dá dereito a:
·Reservas con carácter permanente de prazas de aparcamento.
·Autorización para que os vehículos ocupados por ditas persoas poidan deterse na vía pública durante o tempo imprescindible e sempre que non entorpezan a circulación rodada ou peonil.
4.2. Cando se faga uso dos dereitos que confire esta tarxeta, esta colocarase na parte interior do parabrisas dianteiro de forma que resulte claramente visible dende o exterior.
Artigo 5.- Modalidades da tarxeta de estacionamento
5.1. Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física, poderá utilizala en calquera vehículo no que se traslade, sexa ou non da súa propiedade, e sexa o titular da tarxeta o conductor do vehículo ou non.
5.2. Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica deberá incluír a matrícula ou matrículas dos vehículos habilitados para transportar ás persoas con graves problemas de mobilidade.
Artigo 6.- Expedición das tarxetas
6.1. O expediente iniciarase a instancia da persoa interesada.
6.2. O Concello de Rianxo resolvera sobre a dita solicitude en atención a acreditación de mobilidade do Equipo de Valoración e Orientación (EVO) da Consellería ou órgano autonómico competente que se achegue pola persoa interesada. De non constar especificado ese aspecto, solicitarase ao mencionado órgano autonómico un informe ao respecto, que será vinculante para a resolución do procedemento.
Será competente para a súa concesión ou denegación a Alcaldía do Concello de Rianxo, sendo delegable dita atribución.
6.3. O modelo de tarxeta axustarase as características sinaladas no anexo III do Regulamento, que se establece no Decreto 35/2000 do 28 de xaneiro, da Consellería ou órgano autonómico competente.
6.4. En caso de cambio de domicilio do beneficiario deberá solicitar o traslado do expediente ao novo municipio de residencia.
6.5. En caso de que a cualificación da discapacidade sexa permanente, a tarxeta caducará aos dez anos da concesión, e en caso de que a cualificación da discapacidade sexa provisional, caducará cando remate o prazo que esta indique.
6.6. Para a renovación seguirase idéntico procedemento que para a concesión inicial.
Artigo 7.- Réxime sancionador
No suposto de que se detecte o uso indebido da tarxeta de estacionamento de maneira reiterada e debidamente probada, a citada tarxeta será retirada durante un prazo de dous anos, debendo o interesado volver iniciar o procedemento para a súa nova expedición.
Disposición final
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez se publique integramente no B.O.P, e transcorrido o prazo de 15 días previsto no artigo 65.2º da Lei 7/85, sendo de aplicación a partir dese día ata a súa derrogación ou modificación expresa.