Ordes - REGULAMENTO DO SERVIZO DE TANATORIO MUNICIPAL DE ORDES

Publicación provisional: 11/11/2011 BOP Nº: 215
Publicación definitiva: 12/01/2012 BOP Nº: 8
Aplicable dende: 12/01/2012

CAPÍTULO PRIMEIRO.DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1.

O presente regulamento ten por obxecto regular a prestación polo Concello de Ordes do servizo funerario de tanatorio, para o que ten atribuída competencia ao abeiro do disposto nos artigos 25.2, letra ¿j", da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e 80.2, letra ¿j", da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

A finalidade fundamental do servizo público de tanatorio é facilitar a familiares e achegados dos defuntos unhas condicións dignas para o depósito e vela dos cadáveres ate o ate o momento da súa inhumación, nas debidas condicións de salubridade e hixiénico sanitarias, tanto no suposto de que o posterior enterro se realice no cemiterio municipal de Ordes ou en calquera outro cemiterio encadrado ou non no termo municipal.

Artigo 2.

O citado servizo prestarase no inmoble do tanatorio municipal sito no lugar de O Balado, de titularidade municipal, destinada á prestación do servizo funerario de depósito e velorio de cadáveres que lle é propio.

As instalacións de que consta o citado inmoble son as seguintes:

Dependencia

Superficie útil (m²)

Accesos

Acceso principal

13,37

Acceso aseos dereita

32,27

Acceso aseos esquerda

28,14

Salón de oficios

177,10

Aseos públicos

Distribuidor 1

2,75

Aseos de mulleres

5,20

Aseos de minusválidos

4,66

Distribuidor 2

3,24

Aseos homes

6,00

Servizos funerarios

Antesala

5,46

Depósito

20,91

Oficina forense

7,80

Tanatopraxia

18,27

Aseos

6,54

Servizos relixiosos

Capilla

30,79

Sacristía

7,64

Distribuidor

6,18

Servizos varios

Oficina

10,97

Paso

2,44

Aseo

3,95

Vestiarios

9,86

Autoservizo cafetería

14,70

Cuarto de limpeza

13,70

Almacén

3,30

Velorios

Sala velorio 1

35,83

Sala estar privada 1

12,00

Túmulo 1

7,18

Aseo 1

2,31

Sala velorio 2

36,10

Sala estar privada 2

12,00

Túmulo 2

7,18

Aseo 2

2,31

Sala velorio 3

26,67

Sala estar privada 3

12,00

Túmulo 3

7,77

Aseo 3

2,44

Sala velorio 4

35,81

Sala estar privada 4

12,00

Túmulo 4

7,18

Aseo 4

2,31

Tanto o inmoble como as instalacións afectas ao dito servizo teñen a consideración de bens de dominio público, afecto a un servizo público.

Artigo 3.

O servizo de tanatorio municipal é un servizo público de titularidade municipal que xestionarase de forma directa, de conformidade cos artigos 85.2 da lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, 295.3 da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de administración local de Galicia, e demais normativa que a complementa e desenvolve.

O Concello asumirá a xestión do servizo de conformidade co disposto no presente regulamento, no Decreto 134/1998, de 23 de abril, de policía sanitaria mortuoria da CC.AA. de Galicia e demais normativa que lle sexa de aplicación.

Artigo 4.

O servizo poderá ser solicitado por todos os cidadáns, sen que poida establecerse discriminación ningunha por calquera condición ou circunstancia persoal ou social. En consecuencia serán de aplicación a todos os cidadáns os criterios e requisitos que a lexislación vixente estableza para a prestación dos servizos.

Así mesmo o servizo respectará, en todo caso, o principio de igualdade de acceso de todas as empresas funerarias presentes e futuras ás súas instalacións.

Non obstante o sinalado nos parágrafos precedentes, nos casos de solicitude simultánea de utilización que impidan atender todas as peticións, a orde de preferencia (referida ao defunto) será o seguinte:

1. Titulares de nichos e/ou panteóns no cemiterio municipal.

2. Veciños do Concello de Ordes.

3. Familiares ate o segundo grao de veciños de Ordes.

4. Resto de solicitudes.

A orde de preferencia para a ocupación dos túmulos cando todos estean libres, será a seguinte:

1. Se o funeral vai a celebrarse no tanatorio municipal, ocuparase o túmulo nº 4, despois os nº 1, 2 e 3.

2. Se non se celebra funeral no tanatorio municipal e o defunto era veciño do Concello de Ordes, ocuparase o túmulo nº 1, despois os nº 2, 4 e 3.

3. Se non se celebra funeral no tanatorio municipal e o defunto non era veciño do Concello de Ordes, ocuparase o túmulo nº 1, despois os nº 2, 3 e 4.

Así mesmo non suporá discriminación a existencia de tarifas distintas para os veciños do municipio e os que non ostenten tal condición, toda vez que o custe das instalacións financiáronse con recursos municipais.

Artigo 5.

Pola prestación dos servizos de tanatorio municipal percibiranse unha tarifas en función dos servizos prestados. As ditas tarifas deberán ser ingresadas na tesourería municipal no momento e forma que regule a ordenanza fiscal e/ou de prezo público correspondente.

As tarifas vixentes en cada momento deberán ser previamente aprobadas polo órgano competente do Concello de Ordes, debendo permanecer expostas ao público nun lugar visible das instalacións.

En todo caso serán gratuítos os servizos a favor de persoas acollidas á beneficencia ou asistencia social pola súa carencia de recursos e aqueles outros que resulten necesarios para facer fronte a situacións de emerxencia, accidentes ou ordes de autoridades sanitarias ou xudiciais.

CAPÍTULO SEGUNDO. XESTIÓN DO SERVIZO

Artigo 6.

O Concello disporá do persoal necesario para a prestación do servizo da explotación das instalacións, garantíndose a prestación do servizo todos os días do ano e en todas as horas no que fose requirido.

Sen prexuízo da supervisión dos servizos polo persoal municipal, corresponderá á empresa funeraria que utilice as instalacións a prestación directa dos servizos que teña contratados e, en particular, coidar a boa orde do servizo prestado e a utilización das instalación de conformidade co sinalado no presente regulamento.

A título enunciativo, non excluínte, os servizos a prestar pola empresa funeraria nas instalacións do tanatorio, poderán ser:

1. Informar e asesorar sobre o contido, condicións e alcance dos servizos.

2. A realización dos trámites e dilixencias necesarios para obter a confirmación médica do falecemento ou calquera outra verificación médica ou sanitaria do cadáver, o rexistro da defunción e a xestión da autorización de sepultura, así como de calquera outra autorización que sexa necesaria para o seu traslado, enterramento ou incineración, incluíndo o axenciado e despacho de tales documentos.

3. O acondicionamento sanitario e estético dos cadáveres, de conformidade ao previsto na normativa vixente.

4. A mortalla ou vestido de cadáveres e subministración de mortallas coa devandita finalidade.

5. Salas de velorio, co servizo de tanatorio público de conformidade coa normativa administrativa de aplicación.

6. Realización de trámites necesarios para a prestación do servizo de floraría, subministración de ramos, coroas, cruzamentos, etc., realizados con flores e plantas, que se adaptará ao horario de traballo do persoal municipal.

7. A subministración directa ou a realización dos trámites para a subministración de féretros, ataúdes, arcas, caixas urnas, etc., para ser destinados á condución, traslado e enterramento de cadáveres, restos cadavéricos ou cinzas.

8. Servizo de traslado dos féretros.

9. A organización do acto social e/ou relixioso do enterro.

10. A subministración de recordatorios e similares e a prestación dos servizos de confección e colocación de necrolóxicas, a colocación de mesas e de libros de sinaturas.

11. A publicación de necrolóxicas e notas funerarias en prensa, a radiodifusión destas e en xeral a difusión do falecemento en calquera medio de comunicación.

12. En xeral, a realización de cantas actividades e servizos se consideran propios da técnica e/ou actividade funeraria e dos hábitos sociais en materia de servizos funerarios, tanto actuais como futuros, a subministración dos bens accesorios e/ou necesarios para proceder ao sepelio, enterramento, así como todos aqueles actos, dilixencias ou operacións de prestación ou por axenciado, propios da actividade funeraria ou complementarios a esta.

O exercicio de actividades non funerarias dentro das instalacións do Tanatorio Municipal deberá ser autorizado previamente polo Concello con aplicación da normativa reguladora. En tanto o solicitante non conte coas licenzas preceptivas, non poderá desenvolver actividade algunha o obxecto da cal sexa diferente ao dos servizos considerados no presente regulamento.

Queda expresamente prohibida a utilización das instalacións para outros fines distintos aos do servizo público ao que están afectas.

O Concello de Ordes non será en caso ningún responsable do non cumprimento (ou cumprimento defectuosos) das prestacións contratadas entre os particulares e as empresas funerarias.

Artigo 7.

O Concello asumirá o coidado, limpeza xeral, acondicionamento, mantemento, conservación e vixilancia das instalacións comúns, respondendo dos danos que puidesen producirse nas mesmas pola acción do seu propio persoal ou terceiras persoas, sen prexuízo da posibilidade de repercutir os mesmos sobre as persoas responsables ou causantes destes.

A limpeza e desinfección dos túmulos e doutras instalacións solicitadas correrá a cargo da empresa funeraria solicitante, a cal deberá levar a cabo os traballos necesarios para deixalas en óptimas condicións de utilización.

Artigo 8.

As instalacións do Tanatorio deberán estar abertas e en servizo ao público dende o momento en que sexa requirido o depósito do cadáver ata que teña lugar a inhumación ou traslado do mesmo. En particular, o servizo específico de vela de cadáveres prestarase ordinariamente en horario comprendido entre as 8:00 e as 24:00 horas; non obstante, a petición dos familiares do defunto, o dito servizo poderá prolongarse incluso toda a noite, previo pagamento, de ser o caso, das tarifas correspondentes.

Fóra do horario de atención do persoal municipal, este entregará as chaves das instalacións utilizadas á empresa funeraria, a cal será responsable da utilización das mesmas a partires dese momento.

A estes efectos, a empresa funeraria solicitante deberá poñer a disposición dos usuarios os medios necesarios para garantir a atención permanente e ininterrompida ao público.

Artigo 9.

O Concello de Ordes terá a disposición dos usuarios un libro de reclamacións e suxestións debidamente dilixenciado

Artigo 10.

O Concello levará un libro rexistro, no seu caso en soporte informático, dos servizos prestados, coas prescricións que poidan ser establecidas pola administración sanitaria e no que se conterá como mínimo os seguintes: Data do servizo, identificación do cadáver, descrición do servizo e datos do peticionario.

Artigo 11.

Os ministros ou representantes das distintas confesións relixiosas ou de entidades legalmente recoñecidas poderán dispoñer o que crean máis conveniente para a realización dos servizos relixiosos ou doutro tipo, de acordo coas normas aplicables a cada un dos casos e dentro do respecto debido aos defuntos.

CAPÍTULO TERCEIRO. DEREITOS E DEBERES DOS USUARIOS

Artigo 12.

Os usuarios teñen, con respecto ao Concello, os seguintes dereitos:

a) Todos aqueles derivados ou consecuencia necesaria dos dereitos e obrigas legais ou regulamentarias.

b) Acceder aos servizos descritos no presente Regulamento sen máis limitacións que as legais ou regulamentariamente establecidas.

c) Que os servizos sexan prestados en condicións de respecto á intimidade, dignidade, conviccións relixiosas, filosóficas ou culturais e sentimento das persoas afectadas.

d) Recibir o asesoramento imprescindible para garantir a prestación dos servizos funerarios ata a inhumación ou incineración do cadáver, especialmente o asesoramento e información con respecto aos trámites legais a cumprir en relación cos requisitos e prácticas sanitarias esixibles en materia de policía sanitaria.

e) Formular cantas reclamacións estime oportunas.

Artigo 13.

Os usuarios están obrigados a observar as normas de convivencia, usos e costumes deste municipio en materia de sepelios. O Concello poderá solicitar a inmediata intervención das autoridades pertinentes para previr calquera tipo de disturbios ou alteración da orde e para restituílo se foran alterados.

Co fin de preservar o dereito á intimidade e á propia imaxe dos usuarios, non se poderán obter fotografías, debuxos e/ou pinturas das instalacións, nin vistas xerais ou parciais dos recintos, salvo autorización expresa e escrita, sempre do Concello, oídos os familiares.

CAPÍTULO CUARTO. PERSOAL DO SERVIZO

Artigo 14.

O equipo de persoal para a prestación do servizo de prestación das instalacións será determinado polo Concello de modo que cubra todas as necesidades do servizo; en todo caso garantirase a prestación do servizo todos os días do ano e en todas as horas en que fose requirido.

Prestarase especial celo ao mantemento en óptimas condicións de limpeza e hixiene de todas as dependencias.

CAPÍTULO QUINTO. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 15.

O Concello pode efectuar en calquera momento os labores de inspección control e requirimento que procedan conforme á normativa aplicable.

Artigo 16.

Os servizos municipais exercerán as funcións de inspección e control da actividade obxecto desta Ordenanza e en consecuencia poderán:

a) Acceder libremente ás instalacións.

b) Solicitar información verbal ou escrita, respecto á actividade.

c) Realizar comprobacións e cantas actuacións sexan precisas para o desenvolvemento óptimo da actividade.

d) Levantar actas cando aprecien indicios de infracción. Os feitos que figuren nestas presumiranse certos, salvo proba en contrario.

e) En situacións de risco grave para a saúde pública poderán impartir instrucións ou adoptar medidas preventivas, dando conta inmediata ás Autoridades Municipais.

Artigo 17.

As infraccións que poidan cometerse no exercicio da actividade funeraria regulada nesta Ordenanza cualificaranse como leves, graves e moi graves, atendendo aos criterios de risco para a saúde, alteración do servizo público, grao de intencionalidade e reincidencia.

Artigo 18.

Considéranse faltas leves:

a) O incumprimento leve das condicións pactadas cos usuarios.

b) Falta de corrección leve cos usuarios ou coa Inspección.

Artigo 19.

Considéranse faltas graves:

a) A carencia dos medios persoais necesarios para a correcta prestación dos servizos funerarios.

b) O incumprimento grave das condicións pactadas cos usuarios.

c) A negativa a prestar os servizos ofertados cando fosen requiridas para iso.

d) Falta de corrección grave cos usuarios ou a inspección.

e) Carecer de follas de reclamacións ou negativa a facilitalas.

f) Obstrución ao labor inspector.

g) O incumprimento das disposicións administrativas ou sanitarias que racionalmente non merezan a cualificación de moi grave.

h) A utilización defectuosa das instalacións, de xeito que se produzan danos nelas que non teñan carácter de moi graves, sen prexuízo da obriga de resarcir ao Concello por estes.

i) A falta de garantías protectoras do persoal que resulten esixibles.

j) A reiteración de máis de dúas faltas leves no último ano.

Artigo 20.

Considéranse faltas moi graves:

a) A negativa absoluta a prestar colaboración á actividade inspectora.

b) O incumprimento grave das disposicións administrativas e ordes sanitarias e xudiciais relativas á actividade.

c) A utilización das instalacións para fines distintos ao servizo, ou a súa utilización neglixente de xeito que se produzan danos moi graves nas mesmas, sen prexuízo da obriga de resarcir ao Concello dos danos e prexuízos producidos.

d) A reiteración de dúas faltas graves nos últimos tres meses ou de máis de dúas no último ano.

Artigo 21.

a) 1.As faltas leves serán sancionadas con apercibimento ou multa de ata 300,00 euros.

b) 2.As faltas graves con multa comprendida entre 300,01 e 1.500,00 euros.

c) 3.As faltas moi graves, con multas dende 1.500,01 a 3.000,00 euros.

Artigo 22.

O procedemento sancionador tramitarase conforme ao previsto no Real decreto 1398/1993, de 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora, o Título IX da lei 30/1992, de 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e procedemento administrativo común, e demais réxime xurídico aplicable en xeral para o Concello de Ordes.

DISPOSICIÓN FINAL

Facúltase á Xunta de Gobero Local para ditar cantas instrucións sexan necesarias para a aplicación e desenvolvemento do presente Regulamento.