Lousame - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DE SERVIZOS EXTRAESCOLARES PARA A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

Publicación provisional: 07/11/2011 BOP Nº: 211
Publicación definitiva: 29/12/2011 BOP Nº: 247
Aplicable dende: 30/12/2011

Artigo 1.- CONCEPTO.

De conformidade co previsto nos artigos 2.e, 41 a 48 e 127 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, o Concello de Lousame establece o Prezo Público pola prestación de servizos extraescolares para a conciliación da vida laboral e familiar, que se rexerá pola presente Ordenanza.

O obxectivo xeral do servizo ¿Lousame Concilia" é facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral das familias de Lousame, coa finalidade de facer compatibles os distintos ámbitos nos que se desenvolven estas familias, sen perder en calidade de vida familiar, mediante a implantación dun servizo de atención e coidado de menores en períodos que faciliten a conciliación entre os horarios laborais e persoais dos proxenitores cos períodos non lectivos dos menores.

O servizo de atención e coidado de menores ofertarase ás familias durante dúas horas (dende as 7:45h ata as 9:45h) en horario anterior ó inicio da xornada lectiva, e tamén durante os meses de xullo e agosto en horario matinal (dende ás 9:00h ata ás 14:00h). Este servizo desenvolverase en locais do centro educativo de Lousame, o uso dos cales será acordado por convenio entre o Concello e o centro educativo de forma previa.

O servizo estará dirixido a menores dende 3 ata 12 anos. Contará cun máximo de 20 prazas durante o curso, sendo atendido o servizo por un monitor/a, e cun máximo de 25 prazas no período estival cando contará coa atención de dous monitores/as.

Co obxectivo de maximizar a eficacia e o alcance do servizo, este ofertarase en dúas modalidades de asistencia:

 Asistencia continua: os nenos/as acoden a diario ó servizo, previa inscrición.

 Asistencia puntual: os nenos/as só usan o servizo cando a familia o necesita por circunstancias diversas (consultas médicas, enfermidades dos coidadores habituais, etcétera...). Para a asistencia puntual non é necesario inscribirse, pero si reservar a praza para a data desexada no teléfono do servizo. Reserváranse cinco prazas sobre o número total para as asistencias puntuais durante todo o ano.

No tempo que os menores estean no servizo realizarán diversas actividades como obradoiros creativos, xogos en inglés, actividades físicas, tamén terán un tempo para realizar tarefas escolares pendentes. Asemade nos meses de xullo e agosto dende o servizo facilitarase, previa autorización e inscrición correspondente nas actividades por parte das familias, a asistencia dos nenos/as a actividades municipais estivais como poden ser natación, informática, inglés e outras que se propoñan. Esta actuación de acompañamento é factible dado que todas estas actividades están programadas en dependencias situadas no entorno do centro educativo onde se desenvolverá o proxecto Lousame Concilia.

Artigo 2.- OBXECTO.

Será obxecto do presente Prezo Público a prestación dos servizos aos que asisten os/as menores que previa solicitude dos seus pais/nais ou titores, cumprindo os requisitos legais, sexan admitidos nalgunha das seguintes actividades que se desenvolvan dende o Concello de Lousame:

a) Actividades de atención e coidado de menores en período extraescolar e/ou vacacional.

b) Actividades e talleres extraescolares de carácter lúdico e/ou socioeducativo.

Artigo 3.- OBRIGA DE PAGAMENTO.

1. Estarán obrigados o pagamento os pais/nais ou titores, na súa calidade de representantes legais dos menores, que soliciten a inscrición en calquera actividade ou servizo descrito no artigo 2º da presente Ordenanza.

2. A obriga de pagamento nace dende o momento no que se inicie a prestación do servizo nas distintas actividades ós menores usuarios do mesmo.

3. A non asistencia do neno/a durante un período determinado, mentres non se formalice a baixa correspondente, non suporá a redución na tarifa a pagar, salvo causa debidamente xustificada.

Artigo 4.- CONTÍA.

1. A contía do prezo público regulado nesta ordenanza consistirá nunha cantidade fixa, de acordo cos seguintes importes:

 Tarifa mensual.- 6 euros/mes para a prestación de servizos, cunha duración de 2 horas diarias.

 Tarifa por asistencia puntual.- No caso de actividades susceptibles de asistencia puntual: 1 euro/día para a prestación de servizos cunha duración de 2 horas diarias.

2. As contías incrementaranse de forma proporcional en función das horas de prestación dos servizos.

Artigo 5.- XESTIÓN.

Os interesados nos servizos a que se refire a presente Ordenanza, presentarán nos Servizos Sociais do Concello a solicitude detallada sobre a natureza, contido e extensión do servizo desexado.

Artigo 6.- ADMINISTRACIÓN E COBRO.

Establecido e en funcionamento o servizo o pagamento dos prezos públicos efectuarase directamente polos suxeitos pasivos no número de conta designado polo Concello nos dez primeiros días do mes seguinte ó da prestación, ou polo sistema que o Concello estableza no seu momento, e serán irreducibles.

Os comprobantes de tales ingresos deberán ser presentados nos Servizos Sociais do Concello para dar constancia dos mesmos, debendo constar o nome do usuario e período da prestación.

Artigo 7.- DEVOLUCIÓN DE PREZOS PÚBLICOS.

Cando por causas non imputables ó obrigado ó pagamento do prezo, o servizo non se preste, procederá a devolución do importe correspondente.

A devolución de prezos públicos deberá ser solicitada polo interesado nas oficinas municipais.

No caso de baixas voluntarias nas prestacións do servizo de carácter mensual, cando a solicitude da baixa e devolución se efectúe cunha antelación inferior a 72 horas, unicamente procederá a devolución dos prezos públicos se as ditas baixas son debidamente xustificadas ou cubertas por outras persoas. Neste caso aplicarase a tarifa por asistencia puntual para os días nos que se prestara o servizo ó menor.

Artigo 8.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

En todo ó relativo ás cualificación de infraccións tributarias e sancións estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e demais normativa aplicable.

DISPOSICIÓN ADICIONAL.

Para todo o non previsto neste texto será de aplicación a regulación contida no Real Decreto 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, o Regulamento de Servizos das Entidades Locais, a Lei 7/1985, Reguladora das Bases de Réxime Local; Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común e Lei de Taxas e Prezos Públicos.

DISPOSICIÓN FINAL.

A presente Ordenanza entrará en vigor ó día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia de a Coruña, e seguirá vixente ata a súa modificación ou derrogación unha vez cumpridos os trámites regulamentariamente establecidos.