Bergondo - REGULAMENTO DE FUNCIONAMENTO E ORGANIZACIÓN QUE REXERÁ A PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE BERGONDO
PREÁMBULO
A escola infantil municipal do Concello de Bergondo ofrece un servizo educativo regulado a nivel municipal en cumprimento coa normativa autonómica vixente:
· Lei 13/2008 , do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.
· Artigo 7 do Decreto 143/2007, do 12 de xullo, polo que se regula ó réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais.
· Artigo 20.4) do Decreto 329/2005, do 28 de xullo polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia, artigo 38 da Lei 4/1997.
O presente texto trata de regular o funcionamento e a organización da Escola Infantil Municipal do Concello de Bergondo a través dos seguintes contidos:
TÍTULO I: FUNCIONAMENTO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL
Capítulo I: Disposicións Xerais
Capítulo II: Admisión, ingreso e baixa dos menores
Sección 1ª.- Requisitos e documentación
Sección 2ª.- Procedemento de admisión: Renovación, solicitudes de novo ingreso, baremación, exame e relación provisional de admitidos/as, reclamacións, relación definitiva e listaxe de espera.
Sección 3ª.- Ingreso: formalización da matrícula e baixa
Sección 4º: Prazo extraordinario e solicitudes fora de prazo
Capítulo III: Obxectivos, capacidade, servizos, calendario, horarios, réxime de saídas, horario de visitas e período de adaptación
Capítulo IV: Réxime de cobramento
TÍTULO II: ESTRUCTURA ORGANIZATIVA DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL
Capítulo I: Órganos de goberno
Sección 1ª.- Órganos unipersoais de goberno
Sección 2ª.- Órganos colexiados de goberno
Capítulo II: Órganos docentes
Capítulo III: Outros órganos non docentes.
TÍTULO III: NORMATIVA REFERENTE Á COMUNIDADE EDUCATIVA E A INFRAESTRUCTURA DA ESCOLA
Capítulo I: Normativa referente ó persoal
Capítulo II: Normativa referente ós menores
Capítulo III: Normativa referente á familia
Capítulo IV: Normativa referente á infraestrutura da escola
TÍTULO I: FUNCIONAMENTO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL
Capítulo I.- Disposicións Xerais
Artigo 1.- Obxecto.
O presente regulamento ten por obxecto establecer a organización e funcionamento da Escola Infantil Municipal do Concello de Bergondo coa finalidade de acadar unha mellora constante na actuación educativa e nas relacións entre a administración titular do centro, o persoal da escola e as familias así como regular o procedemento de adxudicación de prazas e as condicións de uso ó longo do curso.
Artigo 2.- Ámbito de aplicación
Constitúe o ámbito de aplicación do presente regulamento da Escola Infantil Municipal do Concello de Bergondo que se configura como un servizo público socioeducativo dirixido a primeira infancia (0-3 anos).
Artigo 3.-Concepto de renda per cápita
1.- Entenderase por renda per cápita mensual e familiar o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar, entendida esta como a parte xeral da renda do período.
2.-Terá a consideración de ingresos, segundo a normativa autonómica vixente a suma da parte xeral mais base impoñible do aforro do imposto sobre a renda das persoas físicas.
3.- Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles á que se fai referencia obteranse como resultado de aplicar ós datos existentes na Administración Tributaria os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Artigo 4.-Concepto de unidade familiar
1.- Entenderase por unidade familiar, ós efectos da aplicación deste regulamento, a formada polos pais, nais ou titores e os fillos/as menores de dezaoito anos ou fillos/as maiores de dezaoito anos cunha minusvalidez superior ó 33%.
2.- No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o artigo anterior, incrementarase o número real de membros que compoñen a unidade familiar pola aplicación dun coeficiente de 0,8.
Artigo 5.-Concepto de familia numerosa
1.-Ós efectos deste Regulamento o concepto de familia numerosa, interpretarase conforme a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de Protección ás familias numerosas e o seu regulamento, aprobado polo decreto 1621/2005, do 30 de decembro.
2.- Para os efectos deste regulamento, asimilarase a descendente o fillo ou a filla concibido ou concebida. Para a xustificación deste extremo deberase achegar certificación médica que acredite o embarazo no momento da presentación da solicitude do beneficio.
3.- Non obstante, para a aplicación do baremo, unicamente teranse en conta para a consideración como familia numerosa, aqueles membros da unidade familiar que consten empadroados no domicilio que corresponda.
Artigo 6.- Concepto de familia monoparental
1.- Enténdese por familia monoparental o núcleo familiar composto por un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos ou as fillas menores ao seu cargo.
2.- A efectos deste regulamento esíxese que a responsabilidade no coidado dese menor sexa en solitario. Considerarase unha asunción en solitario cando das medidas paterno filiais establecidas na sentencia de separación , a pensión alimenticia coa que se obrigue a un dos proxenitores sexa inferior ao salario mínimo interprofesional.
Artigo 7.- Integración dos nenos e nenas con minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais
1. Poderán integrarse nas Escolas infantís municipais nenos e nenas con minusvalía física psíquica ou sensorial, sempre que o centro conte coa infraestrutura idónea e co persoal axeitado e suficiente no cadro do persoal do centro.
2. En ningún caso poderá haber máis dun neno ou nena de integración por aula. A efectos de ratio, estas prazas contabilizaranse como dúas.
Artigo 8.-Agrupación de alumnos/as
A agrupación de alumnado axustarase, estritamente, ás ratios ¿unidade escolar/alumno/a ¿ que estableza a normativa vixente.
Artigo 9.- Definición
A Escola Infantil de Bergondo é un equipamento diúrno e pretende acoller, coidar e educar á poboación infantil de 0-3 anos. Por outra banda este servizo público ten un carácter social xa que permite prestar un apoio ás familias que teñen que conciliar a vida laboral coa vida familiar.
Artigo 10.- Datos identificativos
Enderezo.-A escola está ubicada na parroquia de Guísamo, na rúa Corral da Igrexa nº 2, con código postal 15640
Teléfono e fax. 981780537
A responsabilidade do correcto funcionamento do centro educativo recae na figura de Dirección da escola (tanto si é xestión directa como indirecta).
A responsabilidade subsidiaria (en caso de xestión indirecta) recae no Concello de Bergondo a través do seu representante legal que é a Alcaldía.
Artigo 11.- Titularidade e autorizacións que ten concedidas
Entidade titular: Concello de Bergondo
Representante Legal: Alcaldía de Bergondo.
Nº de rexistro como entidade prestadora de servizos sociais: E-548
Autorización de permiso de inicio de actividade o 22 de setembro de 2005 con nº de identificación F-488-C-001. ditada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.
Artigo 12.- Tipo de xestión
Actualmente a Escola Infantil Municipal de 0-3 anos ten un réxime de xestión indirecta. Corresponde en todo caso ao concello a fiscalización e control da xestión económica e socioeducativa tal como queda acreditado en distintos apartados deste regulamento.
Capítulo II .- Admisión, ingreso e baixa dos menores
Sección 1ª.- Requisitos e documentación
Artigo 13.- Requisitos
1.- Os pais-nais, titores ou representantes legais así como o menor obxecto da solicitude, deberán estar empadroados no termo municipal de Bergondo e deberán manter o empadroamento de toda a unidade familiar durante o curso escolar.
En caso de que algún dos membros da unidade familiar obxecto da solicitude non estea empadroado no concello de Bergondo, a súa valoración formará parte do suposto seguinte (13.2).
2.- Tamén poderán acceder ós servizos da escola infantil municipal as persoas que, estando empadroados noutro concello, teñan os seus postos de traballo regular neste termo municipal, que acreditarán segundo o disposto no artigo 14, aínda que non serán obxecto de valoración agás no caso de que resultasen prazas vacantes no suposto anterior.
3.- En último caso, poderán solicitar pais/nais ou representantes legais de menores de concellos limítrofes (tendo preferencia aqueles que non posúan escola infantil no seu concello de procedencia) aínda que non serán obxecto de valoración agás no caso de que resultasen prazas vacantes nos supostos 1 e 2 do presente artigo anteriormente mencionados.
4.- Para obter praza os menores deberán cumprir os seguintes requisitos de idade:
a) Idade mínima: Ter cumprido os tres meses na data de ingreso ó inicio de curso, agás situacións especiais que estimará a comisión mixta.
b) Idade máxima: Non ter cumpridos os tres anos de idade ó 31 de Decembro do ano que se solicita praza.
No obstante, poderán ser eximidos do límite de idade os nenos e nenas de integración logo da emisión do ditame do equipo de orientación específica do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, a petición das nais/pais ou representantes legais.
5.- Non se permite a adxudicación de praza de nenos/as non nacidos que non teñan cumpridos os tres meses no primeiro día de comezo do curso escolar.
6.- No caso concreto de nais xestantes na data de efectuar a solicitude, a mesma será considerada e baremada, pero non se adxudicará praza a eses nenos/as ata que nazan, quedando mentres tanto en lista de reserva.
Artigo 14.-Documentación
Os pais/nais/representantes legais do neno/a presentarán para o ingreso do seu fillo/a os seguintes documentos
a. Documentación xeral
· Modelo de solicitude
· Fotocopia cotexada do libro de familia
· Fotocopia simple do DNI do pais/nai/ representante legal.
· Volante de empadroamento do Concello de Bergondo que será tramitado e expedido polo Concello.
· Certificado de empresa, contrato laboral, ou última nómina que xustifique o posto de traballo no termo municipal de Bergondo.
· Volante de empadroamento doutros concellos se fose o caso.
b. Documentación que xustifica a situación socio-familiar
· Fotocopia da sentencia de separación ou divorcio( válido achegar copia da demanda onde se recolla o selo de entrada da demanda no xulgado,sempre e cando á hora de formalizar a matrícula se presente na escola o convenio regulador).
· Certificado de convivencia que será tramitado polo Concello (en caso de familias monoparentais)
· En caso de ruptura de parella de feitos con fillos: fotocopia da sentencia sobre medidas paterno filiais onde se recollen as mesmas medidas que se ditan con fillos/as no caso de rupturas matrimoniais ou no seu defecto o convenio regulador.
· No caso de fillos/as non recoñecidos, a fotocopia do libro de familia será a proba de monoparentalidade.
· Para pais/nais de acollida fotocopia do documento que xustifique o acollemento do menor
· Fotocopia do certificado expedido polo equipo de valoración sobre o grado de minusvalía no caso de discapacidades dos membros da unidade familiar ou fotocopias dos informes médicos que xustifiquen enfermidades crónicas.
· Fotocopia do libro de familia numerosa
· Verificación da asistencia doutros irmáns no centro a través de informe da dirección da escola.
· No caso de neno/as con minusvalideces físicas, psíquicas e sensoriais, certificado expedido polo organismo competente.
· Fotocopia da orde de protección ou da medida cautelar, ou tamén fotocopia da sentencia de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia en calquera das modalidades definidas na Lei 11/2007, de 27 de xullo, galega para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero (Diario oficial de Galicia nº 152, do 7 de agosto).
c. Documentación que xustifica a situación socio-económica e laboral da unidade familiar
· Fotocopia da última nómina ou no seu caso, certificación acreditativa do INEM de estar en situación de desemprego con percepción ou non de prestacións de tódolos membros da unidade familiar.
· Informe de vida laboral actualizado.
· Persoas que presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas:
- Copia da ultima declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas da unidade familiar.
- En caso de declaracións individuais última declaración de cada persoa da unidade familiar obrigada a declarar.
· Persoas que non presentaron declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas:
- Os solicitantes da devolución rápida, presentarán copia da comunicación que lles enviou a Axencia Estatal de Administración Tributaria en aplicación do artigo 81 da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.
- As persoas non obrigadas a declarar e que non solicitan a devolución rápida presentarán certificación dos datos existentes na Administración Tributaria, que en aplicación do artigo 16 da Lei 1/1998, de 26 de febreiro, de dereitos e garantías dos contribuíntes, expide a Axencia Estatal da Administración Tributaria.
· Fotocopia de certificados de pensións de membros da unidade familiar, etc.
· Os profesionais autónomos presentarán fotocopia das declaracións trimestrais de IVA e renda segundo corresponde do ano no que se efectúe a solicitude.
· Certificado de intereses e retencións bancarias.
· Fotocopia da declaración do imposto de patrimonio
· Nos casos de nulidade matrimonial, separación ou divorcio considerarase a renda de quen exerza a custodia. En caso de que a custodia sexa compartida presentarase a renda dos dous pais.
d. Outros documentos, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuabeis no baremo.
e. Informe dos servizos sociais nos que sexa necesario por falta de acreditación documental suficiente ou pola situación especial na que viva a unidade familiar.
Sección 2ª.- Procedemento de admisión: Renovación, solicitudes de novo ingreso, baremación, exame e relación provisional de admitidos/as, reclamacións, relación definitiva e listaxe de espera
Artigo 15.- Renovación de praza ordinaria
O prazo de presentación de solicitudes de renovación de praza farase na segunda quincena de febreiro, previo decreto da alcaldía.
Ós/ás pais/nais/, titores legais, ou pais/nais de acollida dos menores matriculados con praza nesta Escola facilitaráselles o impreso de solicitude de renovación de praza na propia escola. Aqueles alumnos que fosen admitidos con anterioridade e sigan cumprindo cos requisitos establecidos neste regulamento, terán garantido o acceso ós novos cursos sen necesidade de someterse a ningún proceso de admisión.Tendo que acreditar, en todo caso, as condicións económicas, familiares e laborais que permitan establecer as taxas e descontos correspondentes.
Para a renovación de praza é requisito estar ao día no pagamento das taxas mensuais na data de presentación da solicitude calquera que sexa o curso escolar.
Na renovación de praza poderanse solicitar cambios no servizos de comedor, cambio de xornada de mañá a escolar e viceversa. Tamén é posible cambiar estas por xornada de tarde.
En ningún caso se poderá cambiar de xornada cando o/a menor fose admitido en xornada de tarde.
Artigo 16.- Solicitude de praza de novo ingreso
1.- As solicitudes de novo ingreso faranse no modelo oficial e presentaranse nos servizos sociais do Concello, en horario de oficina, desde ás 9:00 ata ás 15:00 horas, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de Novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
2.- O prazo para solicitar praza de novo ingreso será do 1 ó 31 de marzo e será publicitado coa suficiente antelación.
3.-Na solicitude farase constar o tipo de xornada así como o servizo de comedor.
Artigo 17.-Baremo de admisión
a) Procedemento ordinario
1.-Unha vez adxudicadas as prazas correspondentes á renovación de praza do ano anterior , as prazas vacantes cubriranse cos solicitantes de novo ingreso tendo preferencia as unidades familiares empadroadas no Concello de Bergondo segundo a puntuación obtida por aplicación do baremo correspondente da xunta de Galicia, mediante o que se avaliará os factores sociofamiliares, laborais e económicos da unidade familiar.
2.- No caso de igualdade na puntuación do baremo, primarase ó solicitante que teña un irmán/a con praza renovada na escola infantil, de non ser así terase en conta, en primeiro lugar a renda per cápita máis baixa, e en segundo a suma maior dos criterios socio-familiares, e, en último lugar, por sorteo.
b) Procedemento extraordinario (entrada directa para casos urxentes)
1.- Fillos/as de mulleres que se encontran nunha casa de acollida y/o sexan vítimas de violencia de xénero.
2.- Outros que concorran en circunstancias socioeconómicas e familiares que requiran unha intervención inmediata.
Artigo 18.- Exame das solicitudes e relación provisional de admitidos/as e non admitidos/as
1.- Simultaneamente ó prazo de presentación de solicitudes, éstas serán examinadas polos servizos sociais municipais, quen, nun primeiro momento, comprobarán que aquelas estean correctamente formuladas e vaian acompañadas dos documentos necesarios.
Cando as solicitudes estiveran incompletas, ben por falta de datos necesarios, ben pola ausencia de documentos necesarios, requirirase ós/ás interesados/as para que no prazo de 10 días hábiles desde que reciben a notificación, corrixan os defectos existentes aportando os datos ou os documentos necesarios, coa advertencia de que de transcorrer o prazo indicado sen que se teñan corrixidas as deficiencias, entenderase que desisten da súa solicitude e se arquivará o procedemento.
2.- Rematado o prazo concedido para a corrección de deficiencias, a Comisión Mixta procederá a aprobar a proposta de valoración ou baremación e fará pública a relación provisional na que se enumerarán os admitidos/as e non admitidos/as , coa puntuación obtida por cada un, detallado segundo os criterios de baremación, e os interesados/as que pasan a integrar a lista de espera. Esta relación exporase na escola infantil, no taboleiro de anuncios e na páxina Web do Concello.
Artigo 19.- Reclamacións
1.- Coa publicación da listaxe provisional abrirase un período para que os interesados poidan presentar as reclamacións que estimen oportunas. Non se admitirá a presentación de documentos dos que o interesado dispuxera ou puidera dispoñer na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.
2.- Os/as interesados/as disporán dun prazo de 10 días hábiles a contar desde o día seguinte ó da data de publicación da relación provisional para presentar as reclamacións que teñan por oportunas, de acordo co artigo 84 da Lei 30/1992, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común. As reclamacións serán resoltas pola Alcaldía previo informe proposta da Comisión Mixta.
Artigo 20.- Relación definitiva de admitidos e lista de espera
1.- Transcorrido o prazo de presentación de alegacións, estas serán examinadas polos servizos sociais do Concello e á vista dos informes, a Comisión mixta proporá ó órgano competente do Concello a resolución das alegacións presentadas e a aprobación definitiva de admitidos e non admitidos.
2.- Xunto coa relación de admitidos/as e non admitidos/as publicarase unha listaxe de espera, integrada por aqueles solicitantes que non obtiveran praza ordenados segundo a puntuación obtida no baremo.
Sección 3ª.- Ingreso: formalización da matrícula e baixas
Artigo 21.-Formalización da matrícula
1.- Os admitidos/as deberán achegar o modelo de matrícula e a seguinte documentación complementaria na Escola Infantil Municipal en horario de 9:00 a 13:30 e de 15:00 a 17:00 horas, no cal conste a data de presentación.
- Certificado ou informe médico do/da neno/a
- Copia da tarxeta sanitaria
- 3 Fotografías tamaño carné
- xustificante do horario laboral dos pais, no caso de que se solicite a estancia do neno/a na escola por máis de 8 horas.
- Impreso de domiciliación bancaria
- Modelo de entrega e aceptación do regulamento.
- Autorización por escrito dos pais/nais ou titores do neno ou nena para a administración de medicamento
- Autorización por escrito dos país/nais ou titores do neno/a para ser recollido na escola por unha terceira persoa.
- Autorización por escrito dos país/nais do neno ou nena para a realización de reportaxes, visuais ou fotográficas
- No caso de ter o menor algunha alerxia ou intolerancia alimentaria que implique a variación de menús escolares, deberá achegar informe médico que o xustifique.
- Autorización para o tratamento de datos de carácter persoal
2.- A matrícula formalizarase dentro do prazo que se indique mediante resolución da alcaldía e que necesariamente será dentro do mes de xuño.
3.- Se finalizado o período de matrícula, esta non fose formalizada, decaerá o dereito á praza obtido e tampouco quedará en lista de reserva.
4.- No caso de que faltase documentación, requirirase ós/ás interesados/as para que no prazo de 10 días hábiles desde que reciben a notificación, corrixan os defectos existentes aportando os documentos necesarios, coa advertencia de que de transcorrer o prazo indicado sen que se teñan corrixidas as deficiencias, entenderase que desisten do dereito a praza, pasando o seguinte na lista de reserva.
Artigo 22 - Causas de Baixas
1.- Causará baixa na escola infantil municipal por algunha das causas seguintes:
a. Por cumprimento da idade máxima regulamentaria, agás nos casos dos menores con minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais, debidamente estimadas polo equipo de orientación específico do departamento territorial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
b. Por solicitude dos pais/nais ou representantes legais, segundo o modelo aprobado de acordo co establecido neste regulamento.
c. Pola falta de pagamento da cota establecida durante dous meses consecutivos, ou tres alternos, calquera que sexa o curso escolar que se refire a débeda.
d. Por comprobación de falsidade, ocultación ou manipulación nos documentos ou datos presentados.
e. Pola utilización instrumental ou fraudulenta do Padrón Municipal.
f. Por incompatibilidade ou inadaptación absoluta do neno/a para permanecer no centro.
g. Pola falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada
h. Pola non presentación da documentación que lle sexa requerida dentro do prazo establecido regulamentariamente.
i. Por calquera outra causa que sexa considerada da suficiente entidade, previo informe favorable á baixa da comisión mixta.
2.- As baixas resolveranse en calquera caso, previa audiencia do pai/nai/titor/a legal ou pai/nai de acollida, polo órgano municipal competente a Alcaldía e previo informe favorable do técnico municipal, membro da comisión mixta, que realiza o seguimento e supervisión da escola co conforme da Dirección da escola e da Intervención municipal.
3.- As baixas producidas por calquera dos motivos anteriores expostos, cubriranse cos incluídos na listaxe de espera en cada grupo de idade, por rigorosa orde de puntuación.
Se non houbera candidatos na listaxe aprobada pola comisión mixta acudirase á listaxe elaborada de acordo co artigo 24 deste Regulamento
Sección 4ª.- Prazo extraordinario e solicitudes fora de prazo
Artigo 23.- Prazo extraordinario de solicitude
No caso de que coa listaxe de menores da relación definitiva de admitidos non se cubrisen tódalas vacantes, e non houbese ningún menor en lista de espera, poderase proceder á apertura dun prazo extraordinario de solicitude de praza.
Tamén poderase abrir un prazo extraordinario para que as familias que non obtiveran praza en xornada de mañá e/ou escolar poidan solicitar praza en xornada de tarde e continuarán na listaxe de espera ata que se produza unha baixa na xornada de mañá ou escolar solicitada.
Artigo 24. - Solicitudes fora de prazo
1.- As solicitudes presentadas trala aprobación definitiva de alumnos/as admitidos/as e de integrantes de listaxe de espera pasarán a formar parte dunha nova listaxe na que se irán integrando, ordeados segundo puntuación que lles corresponda por aplicación do baremo establecido.
2.- Os membros desta listaxe só poderán optar á concesión dunha praza cando non queden solicitantes para esa praza dentro da 1ª listaxe de espera que estará en vigor ata o remate do curso.
Capítulo III: Obxectivos, capacidade, servizos, calendario, horarios, réxime de saídas, horario de visitas e período de adaptación
Artigo 25.- Obxectivos da escola infantil
1.- Facilitar o desenvolvemento físico, afectivo, intelectual, moral e social dos menores, nun ambiente axeitado ás súas necesidades e en contacto con outros nenos e nenas.
2.- Promover a comunicación e a participación activa da comunidade escolar.
3.- Prestar especial atención á diversidade de alumnos/as, respectando as diferenzas que existen entre eles, tanto físicas e intelectuais como culturais facilitando a súa integración.
Artigo 26.- Capacidade
A escola infantil municipal de Bergondo ten unha capacidade máxima de 40 prazas repartidas en tres unidades:
1 Unidade de 0-1 anos: 8 prazas
1 Unidade de 1-2 anos: 13 prazas
1 Unidade de 2-3 anos: 19 prazas
Artigo 27.- Descrición dos servizos que oferta
1.- Servizo de comedor
1.- Mediante este servizo os nenos e nenas poden almorzar, xantar e merendar no centro educativo respectando os seguintes horarios:
Almorzo: De 7:45 a 9:30
Xantar: De 12:00 a 12:30 aula de bebés e os nenos/as de 1-2 anos
De 12:30 a 13:00 os nenos e nenas de 2-3 anos
Merenda: De 16:00 a 16:30 aula de bebés e aula de 1-2 anos
De 16:30 a 17:00 aula de 2-3 anos
2.- No caso da merenda poderase agrupar os nenos nunha única rolda respectando a ratio correspondente.
3.- As comidas son elaboradas por persoal de cociña do centro e o servizo é atendido por educadoras, co fin de adquirir hábitos relacionados coa alimentación e coa autonomía persoal.
2.- Servizo de Orientación Pedagóxica
1.- As funcións do servizo de orientación pedagóxica son as seguintes:
a) Orientar e asesorar a tódolos membros da comunidade educativa sobre aspectos que afecten ó desenvolvemento evolutivo e psicoeducativo dos nenos e nenas.
b) Detectar situacións carenciais, tanto individuais como familiares e sociais que afecten ó alumnado e que requiran un tratamento especializado e/ou personalizados.
2.- Os ámbitos de intervención de dito servizo serán os seguintes:
a) Individual, dirixido directamente ós menores cando se considere que deben recibir un tratamento individualizado e personalizado co fin de compensar determinadas situacións carenciais.
b) Familiar, encamiñado a traballar coordinadamente coa unidade familiar do alumno ou da alumna naquelas cuestións que sexan de interese para o seu correcto e harmonioso desenvolvemento evolutivo e socioeducativo.
c) Docente, coa finalidade de informar, orientar e asesorar ós titores e titoras e ó persoal de apoio en todo o que atinxe á unha escolarización e integración satisfactorias do alumnado.
c) Institucional, coa finalidade de manter contactos permanentes con outras entidades e recursos que directa ou indirectamente colaboran coa escola infantil para ofrecer unha maior calidade na atención dos nenos e das nenas.
3.- Escola de Verán
Nos meses de verán (xullo e agosto) a escola permanecerá aberta e se organizarán obradoiros lúdicos e motivadores, facendo fincapé en actividades de lecer, construción de xoguetes, obradoiros de cociña, reciclaxe, saídas, etc.
Os horarios de verán modificaranse tendo en conta a tipoloxía de actividades que se organizan e as necesidades das familias.
4.- Escola de Pais e Nais
Mediante boletíns temáticos e reunións grupais debatérase sobre aqueles temas que son do interese dos pais, nais ou titores legais con respecto ao desenvolvemento persoal e social dos menores nesta etapa.
Artigo 28.- Calendario e horarios de funcionamento
1.- Tipoloxía de xornadas e horarios
1.- A escola infantil prestará diariamente o servizo de luns a venres en horario de 7:45 a 20:15 da tarde de xeito ininterrompido de setembro a xuño do curso escolar, agás os días sinalados como festivos no calendario laboral.
2.- A atención educativa dos menores prestase a través de 3 tipos de xornadas:
Xornada de mañá (De 7:45 a 15:00)
Nesta xornada poderán deixar ós menores desde as 7:45 ata as 10:00.
Os pais e nais que elixiron esta xornada con comedor poderán recoller a seus fillos e fillas a partir das 13:15 ata ás 15:00.
Si os nenos/as teñen esta xornada sen comedor os pais e nais deberán recollelos ás 12:00 no caso de nenos/as de 3 meses a 2 anos, e ás 12:30 os de 2 a 3 anos.
Xornada Escolar: De 10:00 a 18:00 / De 10:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00.
Pode ser xornada continua de 10:00 a 18:00. Con esta elección é recomendable xantar e merendar no centro.
Si a elección é xornada partida:
a) Pola mañá e sen servizo de xantar. Os nenos entrarán pouco antes das 10:00 e sairán ás 12 os menores de 0-2 anos e 12:30 os menores de 2-3 anos.
b) Pola mañá e con servizo de xantar. A entrada pouco antes das 10 e a recollida a partir das 13:15.
c) Pola tarde con servizo de merenda. A entrada desde as 15:30 ata as 16:00, para que comece a xornada educativa de 16:00 a 18:00.
d) Pola tarde sen servizo de merenda, os menores entrarán na escola a partir das 17:00 h.
Xornada de tarde: De 15:30 a 20:15
O horario de entrada desde as 15:30 ata as 16:00.
De 16:00 a 18:00 ten lugar a xornada educativa a través de diferentes actividades, e polo tanto non se pode interromper.
Por norma xeral, poderán saír a partir das 18:00 h ata a hora de peche 20:15.
3.- O horario máximo de permanencia dos nenos/as na Escola Infantil Municipal será con carácter xeral de oito horas diarias, agás causas excepcionais e convenientemente xustificadas, a valorar polo técnico municipal da Comisión Mixta encargado/a da supervisión da escola durante o curso escolar. A tal efecto deberá realizar un informe previo con proposta que será resolto pola Alcaldía.
Dita autorización só terá validez mentres persista a situación que a motivou. No caso de producírense cambios nas circunstancias que xustifican a ampliación do horario por máis de 8 horas, as familias estarán obrigadas a a informar sobre os mesmos á escola infantil.
4.- O horario de entrada-saída dos nenos/as débese caracterizar pola flexibilidade que requiran as necesidades da familia, sempre que non leve consigo alteración das actividades dos demais nenos/as e do funcionamento normal do centro. Por este motivo, unha vez acordados ca Escola os horarios, as familias procurarán respectalos. En caso de retrasos inxustificados e reiterados, a dirección da Escola Infantil está obrigada a adoptar as medidas oportunas poñéndoo en coñecemento do/da responsable técnico/a municipal que supervisa o funcionamento da escola, que realizará o informe proposta previo á resolución de Alcaldía (si é o caso).
2. Calendario e período vacacional
1.- Aínda que a escola infantil permanecerá aberta todo o ano os nenos/as non poderán asistir máis que 11 meses, é dicir, deberán dispoñer dun mes de vacacións mínimas obrigatorias. Só por causas debidamente xustificadas pódese admitir a asistencia durante 12 meses. En tales circunstancias, deberán formular unha solicitude que será autorizada ou non pola Alcaldía, previo informe do técnico/a municipal responsable da supervisión da escola.
2.- As vacacións poderán ser dun mes enteiro ou repartidas en dúas quendas de 15 días. Na primeira semana de marzo a escola facilitaráselles ós pais e nais a solicitude do período vacacional tendo que entregala antes do 31 de marzo, sen prexuízo de que os pais/nais queiran dispoñer das mesmas antes desta data.
As vacacións escollidas non se poderán cambiar a partir do 31 de maio, salvo causas debidamente xustificadas.
No Nadal desde a escola achegarase unha enquisa de asistencia para organizar o servizo tendo en conta a ratio de menores que vaian a acudir neste período vacacional.
3.- Durante os meses de xullo e agosto, a escola manterá horario reducido de 7:45 á 16:00 h.
4.- En todo caso o Concello resérvase o dereito de adoptar as decisións oportunas en canto ao peche do centro en caso de non ter demanda suficiente nos períodos vacacionais (estival, Nadal etc) ou ben por outro tipo de circunstancias como a realización de obras, mantemento do centro e instalacións, etc.
5.- O calendario aprobarase cada ano polo consello escolar a proposta da dirección do centro ou polo Concello si é o caso. O calendario estará exposto no taboleiro de anuncios do centro.
6.- A escola poderá fixar libremente dous días non lectivos ó ano que non poderán ser consecutivos.
7.- A escola permanecerá pechada os festivos nacionais, autonómicos e locais así como os días 24 e 31 de decembro.
Artigo 29.- Réxime de saídas
1.-Ó remate da xornada os nenos/as serán entregados os pais/nais, titores ou representantes legais. Nos casos de ser outras persoas deberán cubrir unha autorización achegando a copia do documento que acredite a identidade da persoa ou persoas autorizadas.
Esta autorización estará vixente mentres non sexa expresamente revocada por escrito pola persoa que a asinou, ou por sentencia xudicial ou resolución administrativa. Non se admitirán nin autorizacións nin revocacións verbais.
2.-Os pais, nais ou titores do/a menor teñen a obriga de comunicar ó centro calquera cambio na situación de custodia do/a menor. Estes cambios deberán acreditarse mediante a sentencia xudicial ou o documento que acredite a situación correspondente.
3.-Non se autorizará a saída do neno ou nena do centro con persoas que non estean autorizadas pola pai ou nai, ou polo titor ou titora legal segundo o establecido nos apartados anteriores, exceptuándose o persoal da escola infantil municipal nos casos de forza maior. En previsión destas circunstancias extraordinarias, os pais, nais, ou representantes legais dos nenos/as autorizarán por escrito ó persoal da escola para que poidan acompañar ó neno/a fora do centro escolar.
4.- Os menores realizarán as saídas socioeducativas en autobús establecidas na programación do curso previa autorización por escrito por parte dos país,nais ou representantes legais.
Artigo 30.- Horario de visitas
Os pais/nais e representantes legais poderán solicitar unha reunión coa Dirección ou coas educadoras no horario establecido para tal fin, ou concertar outra hora sempre e cando non se dificulte a boa marcha do centro.
Artigo 31.- Período de adaptación
A asistencia por primeira vez a un centro educativo enfronta ao neno/a a un ambiente novo e estraño. Este feito fai que sexa frecuente e normal que nos primeiros días rexeiten acudir á escola, por iso precisan un período de adaptación.
Para facilitar o proceso recóllense unha serie de medidas que deberán ser postas en coñecemento dos país/nais ou titores legais por parte da Dirección da escola:
Incorporación progresiva. Como mínimo durante a primeira semana, irán en aumento pouco a pouco os tempos de estancia, e graduarase a incorporación dos nenos/as en distintos días. Poderase aumentar este período en función das necesidades específicas de cada menor.
O mes de setembro será utilizado como período de adaptación para os menores de novo ingreso. Aqueles menores que ingresen nun mes distinto utilizarán o mesmo sistema.
Evitar todo tipo de manifestacións que poidan transmitir ao neno ou nena sensación de angustia ou inseguridade procurar pola contra transmitir expectativas positivas e interese especial por todo o relacionado coa escola.
É recomendable que a asistencia sexa o máis regular posible de tal maneira que chegue a converterse nun hábito de vida do menor.
Capítulo IV.- Réxime de cobramento
Artigo 32.- Financiamento do servizo
A escola infantil municipal financiarase por medio das cotas aboadas polos pais,nais ou representantes legais dos menores, polas achegas municipais e por aquelas contribucións externas, subvencións ou axudas que se concedan ó Concello de Bergondo por parte doutros organismos.
Artigo 33 .-Tarifas
1.- As tarifas resultantes son as establecidas e aprobadas polo Concello en Pleno de data 29 de xullo de 2.004, mediante a Ordenanza fiscal reguladora da ¿Taxa pola prestación do servizo público de Escola Infantil Municipal de Bergondo".
2.- Rematado o proceso de admisión, os pais, nais ou titores do menor deberán presentar unha fotocopia da declaración da renda actualizada de tódolos membros da unidade familiar, correspondente ó último exercicio liquidado, para aplica-la tarifa que corresponda. Os/as interesados/as que non poidan dispoñer da documentación por causas alleas á súa vontade presentarán anualmente no mes de outubro, os documentos que acrediten os ingresos actualizados da unidade familiar mencionados no artigo 14.
3.- Cando algún recibo sexa devolto pola entidade bancaria, xirarase un novo recibo no que se cargarán os gastos bancarios xerados pola devolución do anterior.
4- A tarifa fixada inicialmente poderá variarse durante o curso cando se produzan e xustifiquen variacións naquelas circunstancias económicas ou familiares dos/as interesados/as que serviron de base para o cálculo daquela.Os/as interesados/as están obrigados/as a comunicar ó Centro calquera variación que se produza nas circunstancias económicas e familiares. O procedemento de revisión das tarifas poderá incoarse de oficio polo Concello cando teña coñecemento da variación naquelas circunstancias
O pagamento de tarifas será mensual e deberanas aboa-los interesados/as nos primeiros dez días de cada mes. O modo de pago será mediante domiciliación bancaria aínda que excepcionalmente poderase articular outro medio de pago, cando se produzan circunstancias que sexan da suficiente entidade que fagan necesario habilitar un medio de pago axeitado ó caso concreto
Artigo 34.- Réxime de actualización de prezos
Sempre e cando se recolla no prego de cláusulas económico-administrativas que rexerá a prestación do servizo público de escola infantil municipal de Bergondo, a empresa concesionaria poderalle solicitar anualmente ó Concello a revisión destas tarifas mediante o I.P.C.
Artigo 35 .- Réxime de reserva de praza en caso de ausencias e/ou vacacións.
A non asistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón redución nin extinción da tarifa mentres non se formalice a baixa correspondente. Por outra banda, con carácter excepcional, poderá eximirse do pagamento do servizo de comedor, aqueles usuarios/as que por motivos de saúde(ou calquera outro debidamente xustificado) non poidan asistir o centro durante un período superior a quince días continuados. Nestes casos a correspondente solicitude deberá presentarse por escrito ante a Dirección do centro xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, sendo a Alcaldía a que resolva previo informe do persoa técnico municipal encargado da supervisión e seguimento da escola infantil.
Durante o período de vacacións non se aboará a tarifa correspondente.
TÍTULO II: - ESTRUCTURA ORGANIZATIVA DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL DE BERGONDO
CAPÍTULO I: Órganos de goberno
Artigo 36 .- Órganos de goberno
1. Os órganos de goberno da escola infantil municipal son unipersoais e colexiados.
2. Son órganos unipersoais de goberno a Dirección e a Secretaría da escola.
3. Son órganos colexiados de goberno o Consello Escolar e o Equipo Educativo.
Sección 1ª: Órganos unipersoais de goberno
Artigo 37.- O/A Director/a: designación e nomeamento
1.- Cando a prestación do servizo da escola infantil a faga o Concello por medio dunha xestión indirecta, o Director/a da escola será designado/a pola empresa encargada da prestación do servizo de acordo co prego de condicións que rexan o contrato. A empresa comunicará ó Concello a designación da persoa que asumirá a dirección do centro de acordo co establecido no prego de condicións.
2.- Cando a prestación do servizo sexa asumida polo Concello por medio dunha modalidade de xestión directa, o/a Director/a da escola será elixido/a de xeito democrático polo Consello Escolar entre os seus compoñentes, de acordo co seguinte procedemento:
a) Os/as candidatos/as poderán presentar por escrito a súa solicitude cunha antelación mínima de corenta e oito (48) horas con relación á data de celebración da sesión do Consello. O escrito presentarase na Secretaría da escola e os/as interesados/as terán dereito a que se lles expida un xustificante da presentación, que poderá consistir nunha copia do escrito presentado na que se faga consta-la data na que se presentou.
b) Será elixido Director/a aquel/a dos/as candidatos/as que obtivera maioría absoluta na primeira votación. No caso de que ningún dos/as candidatos/as obtivera esta maioría, pasarase de seguido a unha segunda votación entre os dous candidatos/as máis votados/as, e abondará neste caso con maioría simple dos votos emitidos para que se teña por elixido para o cargo a aquel dos/as candidatos/as que os obtivera. No caso de empate nesta segunda votación a elección farase ó chou.
c) O/A Director/a será nomeado/a pola Alcaldía do Concello, á vista do resultado da elección realizada no Consello escolar. A duración do seu mandato será de dous (02) anos, prorrogables polo mesmo período de tempo de xeito que a duración total do mandato será de catro (04) anos.
3.- No caso de xestión directa do servizo a Alcaldía nomeará ó/á Director/a con carácter provisional por un período máximo de seis meses nos seguintes supostos:
a) Ausencia de candidatos/as.
b) Cando se produza o cese ou destitución do/a Director/a.
c) Cando o Director/a atópese en situación de baixa laboral
e) Nos casos de morte, incapacidade, xubilación ou traslado do Director/a
4.- No caso de xestión indirecta do servizo, a empresa encargada da prestación designará un/ha Director/a que asuma as funcións durante a baixa do/a titular, dando conta da designación ó Concello.
Artigo 38.- Facultades do/a Director/a
O/a Director/a terá as seguintes facultades:
A. Funcións administrativas:
a) Representar oficialmente á escola.
b) Cumprir e facer cumpri-las disposicións legais vixentes.
c) Exerce-la xefatura de todo o persoal adscrito á escola, o que implica a ordenación do traballo a impartición de instrucións e a supervisión do persoal contratado. No caso de xestión indirecta esta facultade entenderase sen prexuízo da xefatura de persoal que corresponda a Xerencia da empresa concesionaria.
No caso de xestión directa esta facultade entenderase sen prexuízo da xefatura de persoal que corresponde á Alcaldía da Corporación.
d) Executa-los acordos adoptados polos órganos colexiados no ámbito das súas competencias.
e) Levar a cabo a xestión económica, autoriza-los gastos de acordo co orzamento da escola, ordena-los pagos, render contas ó Concello cando o servizo se preste por unha modalidade de xestión directa e elaborar o proxecto de orzamento da escola.
f) Ordena-lo réxime administrativo da Escola.
g) Coordina-la elaboración do Inventario Xeral de bens e dereitos da escola.
h) Convocar e presidi-los actos e sesións dos órganos colexiados da escola.
i) Prestar apoio, asesoramento e colaboración ó persoal da escola.
j)- E cantos outros se deriven do posto que desempeña e todas aquelas funcións non atribuídas expresamente a outro órgano de goberno.
B. Funcións pedagóxicas:
a) Executa-los acordos adoptados por outros órganos de goberno no ámbito das súas competencia.
b) Elaborar, xunto co claustro docente, o proxecto educativo da escola.
c) Elevar ó Concello a memoria pedagóxica anual das actividades efectuadas ó longo do curso.
d) Promover e impulsa-las relacións da escola coas institucións e recursos do entorno, especialmente coas que desenvolvan actividades con fins educativos e/ou sociais.
e) Coordinar e fomenta-la participación dos distintos sectores implicados na escola infantil, procurando os medios precisos para un mellor desenvolvemento das súas funcións.
Artigo 39.- Remate nas funcións do Director/a
1.- No caso de xestión directa do servizo o/a Director/a rematará nas súas funcións ó termo do seu mandato ou cando se produzan algunha das circunstancias seguintes:
a) A renuncia motivada aceptada polo/a Alcalde/sa.
b) A destitución acordada polo/a Alcalde/sa, a proposta do Consello escolar.
c) A morte, xubilación ou incapacidade sobrevida.
d) Polo comezo da prestación do servizo por unha modalidade de xestión indirecta.
2.- Cando o Director/a remate nas súas funcións de acordo co disposto no apartado anterior, a Alcaldía poderá nomear de xeito provisional unha persoa que asuma as tarefas de Dirección, de acordo co disposto no artigo 38 , ata a designación do novo titular da dirección do centro. No caso de remate do mandato, a Alcaldía poderá acordar que o/a titular anterior continúe de xeito provisional nas súas funcións ata a designación dun novo/a director/a.
3.- No caso de xestión indirecta do servizo o remate das funcións do Director/a designado pola empresa encargada da xestión producirase nos casos seguintes:
a) Pola súa destitución acordada pola empresa encargada da prestación do servizo, do que deberá dar conta ó Concello.
b) O Concello poderá requirir á empresa encargada da prestación do servizo para que destitúa ó Director/a cando considere que existe un incumprimento reiterado e grave das súas funcións.
c) Por extinción do contrato de prestación do servizo.
d) Morte, xubilación ou incapacidade.
4.- Cando o/a director/a remate nas súas funcións de acordo co apartado anterior, a empresa encargada da concesión nomeará outro/a director/a que deberá comunicar ó Concello.
Artigo 40.- O/A Secretario/a da escola: designación e nomeamento
1.- Cando a prestación do servizo da escola infantil a faga o Concello por medio dunha xestión indirecta, o/a Secretario/a da escola será designado/a pola empresa encargada da prestación do servizo de acordo co prego de condicións que rexan o contrato. A empresa comunicará ó Concello a designación da persoa que asumirá a Secretaría do centro de acordo co establecido no prego de condicións.
2.- Cando a prestación do servizo sexa asumida polo Concello por medio dunha modalidade de xestión directa, o/a Secretario/a da escola será elixido/a polo Consello escolar entre os membros do claustro a proposta do/a Director/a e nomeado polo/a Alcaldía por un período de dous (02) anos, e poderá ser reelixido/a polo mesmo período de tempo, de xeito tal que a duración total do seu mandato será dun máximo de catro (04) anos. A súa elección farase por sufraxio directo. Será precisa a maioría absoluta dos membros do Consello Escolar na primeira votación. No caso de non producirse dita maioría, abondará para a súa designación a maioría simple en segunda votación. No caso de empate nesta segunda votación a elección farase ó chou.
3.- De non resultar elixido/a ningún dos candidatos propostos, a Alcaldía poderá designar un Secretario/a de xeito provisional por un período de seis meses a proposta do/a Director/a.
4.- No caso de xestión directa, cando concorra unha imposibilidade temporal para o desempeño das súas funcións, a función de Secretaría poderá ser asumida de xeito provisional e polo tempo que dure a baixa do titular, por un dos membros do Consello escolar designado polo Director, que deberá dar conta desta decisión ó Consello escolar na primeira sesión que este celebre.
Artigo 41.- Secretario/a da escola: atribucións
1.- As atribucións do Secretario/a da escola serán as seguintes:
a)- Ordena-lo réxime administrativo da escola, de acordo coas directrices da dirección.
b)- Actuar como Secretario/a dos órganos de goberno colexiados, levantar acta das sesións e certificar dos acordos, co visto e prace do/a Director/a.
c)- Levar e custodiar os libros e arquivos da Escola.
d)- Formalizar a matrícula dos/as alumnos/as.
e)- Expedir as certificacións que soliciten as autoridades e os interesados/as.
f)- Realizar o inventario xeral da Escola e mantelo actualizado, e custodialo.
g)- Custodiar e dispoñer a utilización dos medios audiovisuais e do material didáctico.
h)- Levar á práctica as instrucións do Director en materia de persoal. Exercer, por delegación do/a Director/a e baixo a súa autoridade, a xefatura do persoal de administración e de servizos adscrito á Escola.
i)- Elaborar o anteproxecto de orzamento da Escola.
j)- Ordena-lo réxime económico da escola de conformidade coas instrucións do/a Director/a e leva-la contabilidade.
k)- Velar polo mantemento do material da Escola en tódolos seus aspectos, de acordo coas instrucións do/a Director/a.
l)- Calquera outra función que lle encomende o/a Director/a dentro do seu ámbito de competencia.
Artigo 42 .- Remate das funcións do Secretario/a
1.- No caso de xestión directa do servizo o/a Secretario/a rematará nas súas funcións ó termo do seu mandato ou cando se produzan algunha das circunstancias seguintes:
a) Por renuncia motivada aceptada polo/a Director/a.
b) Polo cese ou destitución do Director/a, sen prexuízo de que continúe exercendo as súas funcións de xeito provisional ata a designación dun novo Director/a.
c) Cando non vaia a prestar servizo na Escola no curso académico seguinte á súa toma de posesión como Secretario/a.
d) A proposta do/a Director/a mediante informe razoado, coa aprobación da maioría simple dos membros do Consello Escolar e audiencia do/a interesado/a.
2.- No caso de xestión indirecta do servizo o Secretario/a rematará nas súas funcións cando concorran os mesmos supostos indicados no artigo 39 para o Director/a.
3.- No caso de xestión directa, cando remate do/a Secretario/a nas súas funcións débase a algunha das causas indicadas no apartado primeiro o/a Director/a deberá convocar unha sesión do Consello escolar para cubri-lo cargo vacante. A sesión ha ter lugar dentro do prazo de quince (15) días desde que se produza a vacante.
4.- En caso de ausencia ou enfermidade do Secretario/a, farase cargo das súas funcións o docente que designe o/a Director/a, comunicándoo ós membros do Consello Escolar da Escola e ó Concello.
5.- Nos casos de xestión directa do servizo, tralo remate das funcións polo Secretario/a o Alcalde/sa poderá nomear de xeito provisional a un dos membros do Consello escolar, a proposta da Dirección do centro, ata a designación dun novo titular para o posto. No caso de xestión indirecta, a designación provisional corresponderá á empresa xestora, e da decisión deberá dar conta ó Concello e ó Consello escolar.
Sección 2ª: Órganos colexiados de goberno
Artigo 43.- O Consello escolar: composición
1. O Consello Escolar da escola é o órgano de participación dos diferentes membros da comunidade educativa.
2. O Consello escolar estará integrado polos seguintes membros:
Presidente/a:
a) Corresponderá a Presidencia do Consello á Alcaldía.
- Vogais: formarán parte do consello como vogais:
a) A Dirección da escola infantil (xestión directa ou indirecta)
b) Un membro en representación do persoal docente da escola (xestión directa ou indirecta)
c) Un membro en representación da empresa xestora do servizo (cando se preste por medio de xestión indirecta).
c) Tres persoas en representación do Concello de Bergondo:
- O/A Concelleiro/a designado pola Alcaldía ou persoa en quen delegue
- A técnico/a municipal designado pola Alcaldía debendo sinalar un substituto para casos de vacante, enfermidade ou ausencia do titular
- Un representante da ANPA (no caso de estar constituída e inscrita no rexistro de asociacións municipais)
- Un/ha representante dos/das pais/nais de alumnos/as, designado/a segundo o disposto no artigo 44.
3. Poderá asistir ás reunións do Consello Escolar, con voz per sen voto, tanto persoal do Concello, como persoal xestor dos asuntos da escola infantil, para un mellor asesoramento para temas concretos a tratar.
4. A duración do mandato dos membros elixibles do Consello escolar será de dous anos prorrogables polo mesmo período de tempo, de xeito que a duración total do mandato, prórrogas incluídas, non pode exceder de catro anos.
Artigo 44.- Elección dos membros do Consello Escolar
1.- A elección dos membros do Consello escolar suxeitos a este sistema (persoal docente, pais e nais) realizarase dentro do primeiro trimestre do curso académico.
2.- O/a docente membro do Consello Escolar será elixido/a polo claustro entre os seus membros, de acordo coas regras seguintes:
a)- O voto será directo, segredo e non delegable.
b)- Serán electores/as tódolos membros do claustro e poderán ser elixidos/as os/as que se teñan presentado como candidatos/as.
c)- Os/as interesados/as presentarán a súa candidatura por escrito na Secretaría da escola, cunha antelación mínima de cinco días con relación á data da sesión do claustro na que se designará ó representante no Consello escolar.
d)- Para designar ó/á representante dos/as docentes no Consello escolar o/a Director/a convocará unha sesión extraordinaria do claustro, no que figurará como único punto da orde do día a elección do/a docente que se integrará no Consello Escolar.
e)- O quórum de asistencia para a válida celebración da sesión será da metade máis un dos membros do claustro. De non acadarse o quórum establecido, a sesión entenderase convocada de xeito automático para a mesma hora o día seguinte. Para a válida constitución do claustro na segunda convocatoria abondará cun mínimo de tres membros, entre os que necesariamente hase atopa-lo/a Presidente/a e o/a Secretario/a.
f)- Cada membro do claustro fará constar na súa papeleta un máximo de dous nomes, e será elixido/a aquel candidato/a que obteña maior número de votos. No caso de empate procederase a unha nova votación, e de non resultar elixido ningún candidato/a, a designación farase ó chou entre os/as candidatos/as presentados/as.
3.- O/A representante dos pais/nais no Consello escolar corresponderá a estes ou ós/ás representantes legais dos/as alumnos/as, con independencia do número de fillos/as escolarizados/as na escola. A elección farase de acordo coas normas seguintes:
a)- Serán electores e elixibles tódolos pais/nais ou titores/as legais dos alumnos/as que estean matriculados/as na escola.
b)- Os/as interesados/as en seren elixidos/as presentarán a súa candidatura por escrito na Secretaría da escola cunha antelación mínima de cinco (05) días con relación ó designado para a votación.
c)- Rematado o prazo de presentación de candidaturas publicarase no taboleiro de anuncios da escola a relación de candidatos/as presentados/as.
d)- A votación farase na Secretaría da escola mediante o depósito do voto na furna que ó efecto estará disposta. O escrutinio será público e farao o Director/a en presenza do Secretario/a, quen deixará constancia do resultado nunha acta na que deberá quedar constancia dos votos emitidos, dos que correspondan a cada un dos/as candidatos/as, dos votos nulos. Á vista do resultado o Director/a proclamará o/a candidato/a que obtivera maior número de votos.
4.- Un representante da ANPA que poderá ser elixido/a pola asemblea do ANPA ou pola Xunta directiva.
a) O voto será directo, secreto e non delegable. Cada elector/a fará constar na súa papeleta un máximo de tres nomes. Cada elector/a deberá acreditar a súa identidade mediante a presentación do documento nacional de identidade. No suposto de que exista empate nas votacións a elección se dirimirá por sorteo.
b) En prevención de substitucións futuras farase constar na acta o nome e o número de votos obtidos por cada un dos candidatos/as.
5.- Os/as representantes dos pais/nais e o/a docente que no transcurso deste período deixaran de ostenta-los requisitos necesarios para pertencer a dito órgano, serán substituídos/as polos seguintes candidatos/as de acordo co número de votos obtidos. Seguirase o mesmo procedemento para cubri-las vacantes que se produzan por calquera outra circunstancia.
Artigo 45.- Constitución do Consello escolar
1.- Dentro dos dez (10) días que sigan á data de proclamación de candidatos/as electos/as, o/a Director/a convocará a sesión de constitución do Consello Escolar.
2.- Os membros do Consello escolar deberán acredita-la súa condición antes do comezo da sesión constitutiva, mediante a exhibición do documento no que foran designados ou ben do que xustifique o resultado da elección realizada.
Artigo 46.- Funcionamento do Consello escolar
1.- O Consello escolar terá sesións ordinarias, extraordinarias e urxentes.
2.- Serán sesións ordinarias aquelas que teñan unha periodicidade preestablecida, que será determinada polo Consello na súa sesión constitutiva por maioría absoluta dos seus membros. O Consello poderá modifica-la periodicidade das sesións ordinarias por medio dun acordo adoptado con aquela mesma maioría. O Consello escolar reunirase de xeito ordinario unha vez cada semestre do ano, no día e hora que acorde na sesión constitutiva.
3.- Serán sesións extraordinarias as que se convoquen fora da periodicidade establecida para as ordinarias, ben por iniciativa do/a Director/a, ben a proposta dun terzo dos membros do Consello. Neste caso os solicitantes deberán acompañar coa súa solicitude unha orde do día coa relación de asuntos a tratar. Neste último caso o Director/a deberá convoca-la sesión dentro dos cinco días seguintes ó de presentación da solicitude, e a sesión terá lugar dentro dos quince (15) días seguintes.
4.- Non obstante ó disposto no apartado anterior, cando a Alcaldía que integra o Consello Escolar solicite a convocatoria dunha sesión, o/a Director/a deberá convocala no prazo de cinco (05) días hábiles seguintes á solicitude para que teña lugar dentro dos quince (15) días seguintes.
5.- A convocatoria incluirá a orde do día coa relación dos asuntos a tratar e indicará o lugar, día e hora no que terá lugar a sesión. Entre a convocatoria e a data de celebración deberán transcorrer dous días hábiles completos. A notificación da convocatoria corresponderá á Secretaría da escola, que poderá realizala por medio de fax ou correo electrónico, sempre neste último caso que quede constancia da súa práctica. A documentación correspondente ós asuntos incluídos na orde do día da sesión estará a disposición dos membros do Consello na Secretaría da escola desde o mesmo día da convocatoria.
6.- Serán de aplicación ó funcionamento do Consello escolar as normas contidas nos artigos 22 a 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Artigo 47.- Funcións do Consello escolar
Serán funcións do Consello escolar as seguintes:
a)- Elixir ó/á Director/a e ó/á Secretario/a da escola, elevando á Alcaldía do Concello a proposta de nomeamento dos/as elixidos/as, cando o servizo se preste por unha modalidade de xestión directa.
b)- Propoñe-la destitución do cargo de Director/a e Secretario/a da escola, elevando a proposta á Alcaldía, cando o servizo se preste por unha modalidade de xestión directa.
c)- Aproba-lo proxecto educativo da escola, respectando en todo caso os aspectos docentes que competen ó claustro.
d)- Propoñe-la renovación do/a Director/a e do Secretario/a, previo acordo dos seus membros, adoptado pola maioría absoluta, cando o servizo se preste por unha modalidade de xestión directa.
e)- Formular propostas para a programación e desenvolvemento das actividades escolares complementarias, comedor e obradoiros de verán (si procede)
f)- Establece-los criterios sobre a participación da escola en actividades culturais, deportivas e recreativas, e en aquelas accións asistenciais ás que a Escola puidera prestar a súa colaboración.
g)- Establece-las relacións de colaboración con outros centros, con fines culturais e educativos.
h)- Promove-la renovación das instalacións e equipo escolar, e vixiar a súa conservación.
i)- Supervisa-la actividade xeral da escola en aspectos administrativos e docentes.
l)- Aproba-la memoria anual sobre as actividades e situación xeral da escola.
m)- Coñece-las relacións da escola coas institucións do seu entorno.
n)- Analizar e valora-los resultados da avaliación que da escola realice o Concello ou calquera informe referente á marcha da mesma.
ñ)- Aproba-lo orzamento anual da escola infantil cando o servizo se preste por xestión directa, segundo a modalidade elixida.
o)- Aproba-lo calendario escolar.
p)- Calquera función análoga ás anteriores, encadrada dentro do ámbito das súas funcións.
Artigo 48.- O equipo educativo: composición e funcións
1.- O equipo educativo, órgano propio de participación dos/das docentes da escola, ten a responsabilidade de planificar, coordinar, informar e decidir sobre tódolos aspectos docentes de aquela.
2.- O equipo educativo será presidido polo/a Director/a e estará integrado por tódolos docentes que presten servizos na escola. Un dos membros do equipo educativo asumirá ademais as funcións de Secretaría deste órgano colexiado.
3.- As funcións do equipo educativo serán as seguintes:
a)- Elevar ó equipo directivo propostas para a elaboración do proxecto educativo de centro e da programación xeral anual.
b)- Establece-los criterios para a elaboración da proposta pedagóxica de ciclo, aprobala, avaliala e decidir as posibles modificacións da mesma.
c)- Aproba-los aspectos docentes da programación xeral anual da escola e informala antes da súa presentación ó Consello escolar.
d)- Promover iniciativas no ámbito da experimentación e da investigación pedagóxicas.
e)- Elabora-lo plan de formación do profesorado da escola.
f)- Elixir ós seus/súas representantes ó Consello escolar.
g)- Coñece-las candidaturas á Dirección e os programas presentados polos/as candidatos/as.
h)- Aproba-los criterios pedagóxicos para a elaboración dos horarios das actividades dos/as alumnos/as e designa-lo persoal de apoio e os titores.
i)- Aproba-la planificación xeral das sesións de avaliación.
l)- Analizar e avalia-la consecución dos obxectivos xerais da escola.
m)- Coñece-las relacións da escola coas institucións do seu entorno.
n)- Analizar e avalia-los resultados da avaliación que da Escola realice o Concello ou calquera informe referente á marcha da mesma.
Artigo 49.- O equipo educativo: réxime de funcionamento
1.- O equipo educativo reunirase, como mínimo, unha vez ó trimestre con carácter ordinario, nos días e horas que acorde por maioría absoluta dos seus membros na primeira sesión que celebre. Con posterioridade a este acordo poderá modifica-lo seu réxime de celebración de sesións ordinarias mediante acordo adoptado coa mesma maioría.
2.- O equipo educativo reunirase con carácter extraordinario sempre que o convoque o/a Director/a fora da periodicidade establecida para as sesións ordinarias ou ben o solicite un terzo, alomenos, dos seus membros.
3.- En todo caso, o equipo educativo celebrará unha sesión no primeiro mes do curso escolar e outra ó remate.
4.- A convocatoria corresponderá ó/á Director/a e deberá incluír unha orde do día cos asuntos a tratar na sesión. A convocatoria realizarase cunha antelación mínima de dous días hábiles con relación á data da sesión. Corresponderá á Secretaría do equipo educativo a notificación da convocatoria.
5.- O funcionamento do equipo educativo axustarase ás normas incluídas nos artigos 22 a 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.
Capítulo II.- órganos docentes
Artigo 50.- Persoal do equipo educativo
O persoal do equipo educativo será o que estando en posesión da titulación ou habilitación correspondente realice funcións de acordo a súa categoría profesional, e establecidas na correspondente lexislación aplicable e convenio colectivo.
O equipo educativo, será como mínimo o que se especifica no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia e demais normativa que estea en vigor.
Artigo 51.- Organización do persoal do equipo educativo
Para un mellor funcionamento a nivel de centro establécense as figuras do titor/a e do persoal de apoio.
O titor/a terá a seu cargo a atención persoal dun grupo de alumnos/as e será designado polo Claustro.
As súas funcións:
Manter relacións e contactos continuados cos pais e nais do alumnado, dando información puntual sobre o desenvolvemento dos seus fillos e fillas, obtendo desta maneira información precisa para un mellor coñecemento do alumnado.
Coñece-las características persoais de cada alumno/a a través da análise do expediente persoal e outros instrumentos válidos.
Coñece-los aspectos da situación familiar e escolar que repercuten no desenvolvemento de cada alumno/a.
Efectuar un seguimento global dos procesos de ensinanza-aprendizaxe dos alumnos/as.
Face-la integración do alumnado no grupo e fomenta-la participación nas actividades do centro.
Controlar a asistencia ou puntualidade do alumnado
Elaborar e levar a cabo as programación e actividades de aula, baixo as directrices da Dirección.
Elaboración do material para o aula
Titorías de atención a nais/pais
Realización de tarefas de formación e documentación
Colaborar co Departamento de Orientación no diagnóstico e seguimento de cada un dos alumnos/as.
Coordina-lo proceso de axuste de diferentes metodoloxías para o mesmo grupo.
Colaborar co resto dos titores/as no proxecto educativo e curricular de centro.
Persoal de apoio: Será aprobado polo Equipo Educativo por designación da Dirección.
As suas funcións:
Prestar apoio no grupo/s que se lle designe.
Traballarán conxuntamente cos titores/as do nivel para realizar as pogramacións.
Transmitir ós/ás titores/as toda aquela información que se deriven dos alumnos/as do grupo.
Levar a cabo, as tarefas que lle sexan encomendadas polo titor/a
Cooperará en tódolos traballos e servizos que presta a Escola
Función xerais para o persoal educativo de atención directa: mestres e educadores:
a) Colaborar coa dirección pedagóxica na elaboración e actualización do Proxecto Educativo e a Proposta Pedagóxica do centro.
b) Fixar os criterios para o seguimento e avaliación deste documentos.
c) Realizar as funcións educativas incluídas na lexislación vixente para o ciclo educativo no referente ao desenvolvemento das crianzas, á preparación e ao deseño de propostas pedagóxicas, coordinación coas familias, hixiene, alimentación e sono dos nenos, organización de espazos e materiais pedagóxicos, etc.
d) Establecer criterios xerais ós que deben adaptarse as intervencións educativas de cada un dos grupos de idade.
e) Participar en actividades de formación permanente
f) Prestar especial atención ó período de adaptación.
g) Avaliar o funcionamento e a organización da escola e propoñer iniciativas para a mellora do seu funcionamento ante a dirección desta.
Capítulo III.- órganos non docentes
Artigo 52.- Persoal de servizos
O persoal de servizos xerais estará integrado polo persoal de cociña e limpeza e realizarán as funcións que segundo a súa categoría profesional se estableza na correspondente normativa, no convenio colectivo, así como as que lle encomende a Dirección.
O persoal de servizos cumprirá cos requisitos que se especifican no Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia e demais normativa en vigor.
Artigo 53. -Asociación de pais/nais
A Asociación de pais e nais de alumnos estará integrada polos pais, nais, representantes legais ou titores dos menores que estean matriculados na escola.
2.- A Asociación de pais e nais de alumnos da escola infantil municipal constituirase de acordo coas normas aplicables e debe estar inscrita no rexistro municipal de asociacións.
3.- As atribucións desta asociación serán as seguintes:
a)- Elevar ó Consello escolar propostas para a elaboración do proxecto educativo e da programación anual.
b)- Informar ó Consello escolar daqueles aspectos da marcha da Escola que considere oportunos.
c)- Informar ós pais/nais da súa actividade.
d)- Recibir a convocatoria da orde do día coa suficiente antelación á realización do Consello Escolar.
e)- Elaborar informes ó Consello escolar a iniciativa propia ou a petición de este.
g)- Formular propostas para a realización de actividades complementarias que, unha vez aceptadas, deberán figurar na programación xeral anual.
h)- Recibir un exemplar do proxecto educativo de centro, da proposta pedagóxica e das súas modificacións.
i)- Recibir información sobre as actividades e sobre os materiais didácticos adoptados pola Escola.
l)- Fomenta-la colaboración entre pais/nais e os/as educadores/as da Escola para un bo funcionamento da mesma.
3.- A Asociación de pais e nais de alumnos poderá solicitar ó Concello, por medio da Dirección, o uso das instalacións da escola. A solicitude será informada polo/á técnico/a municipal correspondente antes de que o órgano municipal ó que lle corresponda resolva sobre a petición.
Artigo 54.- Comisión Mixta
1.- Composición
Presidencia: Alcaldía do Concello de Bergondo ou persoa en quen delegue.
- Vocais:
· Concelleiro/a designada pola Alcaldía ou persoa en quen delegue.
· Traballadora Social do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Bergondo ou persoa en quen delegue.
· Técnica de Apoio Social do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Bergondo ou persoa en quen delegue.
· Director/a da Escola Infantil (de xestión directa ou indirecta) ou persoa en quen delegue.
· Representante da empresa adxudicataria en caso de xestión indirecta ou persoa en quen delegue.
· Intervención Municipal.
· Secretaría Municipal.
- Secretario/a: Funcionario/a municipal designado/a pola Alcaldía que realizará as funcións de Secretaría da comisión.
2.- Funcións xenéricas
1.- No proceso de adxudicación de prazas
a) Valoración das solicitudes dentro do prazo establecido de acordo co baremo que determine en cada momento a Xunta de Galicia.
b) A aprobación das listaxes provisional e definitiva de alumnos admitidos/as na escola infantil e dunha listaxe de espera
2.- Seguimento e supervisión durante o curso escolar
a) Velar polo cumprimento do prego de condicións e efectua-la inspección necesaria sobre a subvención municipal
b) Garantir a axeitada implantación deste regulamento, e o seu cumprimento
c) Velar polo cumprimento do proxecto educativo, garantindo a unidade dos criterios psico-pedagóxicos básicos.
d) Adaptar o funcionamento e a organización as reformas que se vaian producindo.
3.- Réxime de funcionamento da Comisión Mixta
1.- Aspectos xerais
a) A convocatoria das sesións da comisión corresponderá á Presidencia, incluirá a orde do día coa relación de asuntos a tratar, e indicará o lugar, día e hora para a celebración da sesión en primeira convocatoria. Para a válida celebración da sesión en primeira convocatoria requirirase que estean presentes, como mínimo, a maioría absoluta dos seus membros (a metade máis un do número de membros que a integren), e en todo caso do/a Presidente/a e do/a Secretario/a da Comisión.
b) De non acadarse o quórum de asistencia en primeira convocatoria, a sesión poderá ter lugar validamente en segunda convocatoria media hora despois da indicada para a primeira, e neste caso abondará con que estean presentes un terzo do número de membros que a compoñen, sempre que esa cifra non sexa inferior a tres , entre os que necesariamente estarán o/a Presidente/a e o/a Secretario/a da Comisión.
c) De cada sesión que celebre a comisión o/a secretario/a estenderá unha acta na que recolla de xeito fiel os acordos adoptados. Cada acta será sometida a aprobación dos membros da comisión na mesma o una seguinte sesión que se celebre.
d) Os membros da comisión mixta deberan gardar reserva sobre os datos dos/as solicitantes ós que teñan acceso no desempeño das súas funcións, conforme o establecido pola normativa sobre protección de datos de carácter persoal.
i) A comisión mixta poderá excluír do procedemento de valoración unha solicitude, cando exista proba fundada de que existe unha utilización fraudulenta ou instrumental do Padrón Municipal co obxecto de obter algún beneficio, unha vez realizadas as averiguacións pertinentes polo órgano municipal competente.
2- Funcionamento da comisión mixta no proceso de adxudicación de prazas
a) A traballadora social municipal será a profesional responsable de tramitar e baremar as solicitudes de novo ingreso conforme ó baremo e presentará un informe no que fará constar a valoración de tódalas solicitudes e unha proposta de relación provisional de admitidos/as e non admitidos, coa puntuación obtida.
b) A comisión estudará, revisará e debaterá esta proposta e unha vez rematado o debate pasarase á votación. Como regra xeral, os acordos adoptaranse por maioría simple, resolvendo, en caso de empate, a Presidencia da Comisión. Os membros da Comisión que discrepen do acordo maioritario poderán facer constar o seu voto particular de acordo co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro.
c) Unha vez aprobada pola comisión a relación provisional de admitidos/as e non admitidos e a listaxe de reserva común, coa puntuación obtida, farase pública no taboleiro da escola , no taboleiro e na páxina Web do concello.
d) As reclamacións e a listaxe definitiva seguirán o procedemento dos artigos 21.5 e 21.6.
3- Funcionamento da comisión mixta no seguimento e supervisión durante o curso escolar
a) A alcaldía mediante decreto nomeará a técnica de apoio social membro da comisión como o técnica responsable para realizar a supervisión e o seguimento do funcionamento da escola infantil nos aspectos educativos, para a implantación do regulamento así como o cumprimento do prego de prescricións técnicas.
b) A intervención municipal será a encargada do seguimento a nivel económico segundo as condicións establecidas no prego de cláusulas administrativas e as prescricións técnicas.
c) Ante as posibles solicitudes de cambios durante o curso escolar de horarios, servizo de comedor, baixas, ou outro tipo de circunstancias será a técnica de apoio social quen realizará o informe proposta co conforme da Dirección da escola e da Intervención Municipal para que a Alcaldía resolva mediante decreto de maneira favorable ou desfavorable.
TÍTULO III.- NORMATIVA REFERENTE Á COMUNIDADE EDUCATIVA E A INFRAESTRUCTURA DO CENTRO
Capítulo I.- Normativa referente ó persoal
Artigo 55- Dereitos e obrigas do persoal
Son dereitos do persoal da Escola Infantil Municipal:
a) Recibir regularmente información da marcha e do funcionamento da escola, a través da dirección.
b) Presentar propostas que contribúan a mellorar o funcionamento da escola e a atención prestada ós menores.
c) Para o persoal educativo, desenvolver as súas funcións educativas segundo o seu criterio persoal, sempre que se axusten ao proxecto educativo e á programación anual da escola.
d) A que lle sexan proporcionados, dentro das posibilidades da escola, os recursos e medios precisos para desenvolver as súas funcións axeitadamente en beneficio do alumnado que ten ao seu cargo.
Son obrigas do persoal da Escola Infantil Municipal:
a) Cumprir e facer cumprir de acordo coas súas funcións o presente regulamento
b) Velar polo respecto aos dereitos dos/as menores recollidos no presente regulamento e aqueles outros recoñecidos na lexislación vixente.
c) Gardar estrito sixilo profesional sobre os datos persoais dos/das menores e das súas familias aos que teñan acceso en razón das súas funcións.
d) Cumprimento das tarefas e responsabilidades derivadas do seu posto de traballo.
e) O persoal educativo deberá desenvolver o seu labor de acordo co marco lexislativo vixente para o tramo de idade de 0-3 anos.
Todo o persoal que realice funcións educativas de coidado e vixilancia dos menores deberá acredita-lo seu correcto estado de saúde e periodicamente someterse a un recoñecemento médico axeitado para acreditar que non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico que impida ou dificulte as súas funcións. Será igualmente preceptiva a vacinación do persoal contra a rubéola co especial compromiso das mulleres en idade fértil de adopta-las medidas sanitarias e preventivas que corresponda durante os tres meses despois da vacinación
Artigo 56.- Procedemento para substitucións e imprevistos de persoal
Para a xestión indirecta, a substitución do persoal farase pola empresa concesionaria, debendo comunicalo ao Concello no prazo de dous días dende que se produza. Establécese un prazo desde a ausencia para substituír ao persoal de 48 horas previo informe da persoa responsable da empresa.
Capítulo II.- NORMATIVA REFERENTE ÓS MENORES
Artigo 57- Dereitos dos menores
a) Acceso á escola e a recibir información sen discriminación por razón de nacionalidade, sexo, raza, relixión, ideoloxía ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
b) A consideración no trato debida á dignidade da persoa, tanto por parte do persoal da escola como das demais persoas usuarias.
c) A garantirlle a confidencialidade dos seus datos de carácter persoal, tanto o seu historial sanitario como sociofamiliar, que figurarán no expediente que se lles abra no momento do seu ingreso, no que constarán: datos de filiación, sanitarios, enderezo, teléfonos para avisos en casos de urxencia, así como cantas circunstancias aconsellen unha atención educativa.
d) A intimidade persoal
e) A teren unha atención individualizada acorde coas súas necesidades específicas.
f) A que se lles facilite o acceso á atención social, sanitaria, educativa, cultural e en xeral a todas as necesidades persoais que fosen necesarias para acadar o seu desenvolvemento integral.
g) A ser avaliado obxectivamente
h) A recibir orientación escolar
i) A recibir axudas necesarias que completen posibles carencias de índole familiar, psicoafectivas, socioculturais ou económicas.
Artigo 58- Normas de funcionamento
1 .- Normas de saúde e hixiene persoal
1.- Os nenos/as deberán acudir á Escola Infantil en condicións correctas de saúde e hixiene.
2.- Non serán admitidos na Escola Infantil os nenos/as que padezan enfermidades infecto-contaxiosas. A aparición destas enfermidades deberá ser comunicada polos pais-nais, titores ou representantes legais á dirección do centro que, a súa vez, o poñerá de inmediato en coñecemento do persoal técnico municipal encargado da supervisión e das autoridades sanitarias (se fose o caso).
3.- No caso de observarse síntomas dun proceso infecto-contaxioso nos nenos/as na propia Escola Infantil, informarase á Dirección desta, e avisaranse os seus pais, representantes legais ou titores, co fin de evita-la propagación da enfermidade entre os demais nenos/as. O reingreso no centro só será posible logo de transcorrido o período de contaxio axuntando o informe médico que acredite tal circunstancia.
Ó comezo do curso a dirección fará entrega dun boletín con normativa sanitaria de exclusión da Xunta de Galicia.
4.- No caso de enfermidade ou accidente sobrevido na Escola Infantil, despois das primeiras atencións ¿in situ" e á maior brevidade posible, poñerase dita circunstancia en coñecemento dos pais, titores ou representantes legais do neno/a que deberán acudir á escola para se facer cargo do neno/a. No caso de non se poder desprazar ás escola, ou por circunstancias concretas do accidente ou enfermidade o requirise, garantirase que o neno/a reciba a atención médica axeitada, e por este motivo, a Dirección do centro está facultada para autorizar os desprazamentos necesarios.
5.- Cando se produza a falta de asistencia á Escola Infantil por un período superior a tres días, debido a enfermidade ou outras circunstancias, os pais, titores ou representantes legais deberán comunicar este feito á dirección do centro.
6.- Nos casos nos que se deban administrar medicinas ós nenos/as, deberán ir acompañadas da receita médica, actualizada á data do tratamento na que constará o nome do neno/a, o nome do medicamento, forma, dose e periodicidade de administración. Non se lles administrará ningunha medicación que non veña acompañada da autorización asinada a tal efecto.
7.- Todos os menores que usen cueiros deberán traer un paquete deles e un bote de toallas hixiénicas. Este material repoñerase cando fora necesario.
8.- Os menores terán sempre unha muda completa de reposto e unha manta para durmiren.
9.- No caso de observarse repetidamente síntomas de falta de atención no coidado dos nenos/as (falta de hixiene, nutrición,etc) poñerase en coñecemento do Departamento de Servizos Sociais , na procura de realizar a intervención social necesaria cos pais-nais, titores ou representantes legais.
2.- Normas de alimentación
1.- A Escola Infantil publicará no taboleiro de anuncios e/ou facilitará os pais/nais/titores ou representantes legais unha relación dos menús previstos que previamente serán supervisados por un/ha especialista en nutrición infantil, que proporcionarán unha dieta equilibrada e axeitada ás idades dos nenos/as.
2.- No caso de que algún neno/a presente necesidades alimenticias especiais por circunstancias de saúde, relixiosas e culturais, a escola infantil municipal facilitará ós responsables deses nenos e nenas os menús previstos para o mes de xeito que poidan preparar a comida do neno e nena para ese día, que enviarán á escola con suficiente antelación.
3.- Uniforme
Os pais/nais ou titores legais teñen liberdade para a elección do vestiario. Agora ben é importante que a roupa elixida sexa cómoda (sin petos, nin cintos, nin tirantes). Os zapatos preferiblemente de pegar con tiras adhesivas ou belcro.
A roupa deberá estar marcada co seu nome e apelidos do/da menor.
4.- Uso das dependencias e materiais
Por norma xeral, as dependencias da escola son utilizadas segundo a actividade e horario establecido. Enténdese que o espazo dedicado ó 1º ciclo de educación infantil é de uso común e non de exclusividade de ningún grupo, polo tanto poderase utilizar o comedor, xardín ou patio exterior, patio interior para actividades de tipo pedagóxico.
Será responsabilidade de cada educadora ou do persoal de apoio que faga uso de calquera dependencia, o deixar todo o material e mobiliario en orde.
Por último, as profesionais dos ciclos de 1º e 2º de Educación Infantil, deberán coordinarse para garantir un bo funcionamento do centro educativo sobre todo na utilización de espazos comúns como son: sala de profesoras, zona de recepción e disfrute do patio interior (este último cando o tempo non permite saír ó exterior).
5.- A lingua
A lingua utilizada en cada grupo será a lingua materna predominante entre os nenos/nenas promovendo en todo caso o coñecemento da outra lingua oficial de Galicia. En calquera caso estimularase o coñecemento da lingua galega polas súas avantaxes culturais, intelectuais e lingüísticas.
6.- Fomento de Valores Básicos
A escola deberá fomentar a realización de actividades que teñan en conta o seguinte:
A coeducación: o persoal do centro poñerá especial coidado nas actitudes, linguaxe, utilización de materiais didácticos, etc para que non se reproduzan estereotipos sexistas.
A diversidade: o recoñecemento e o respecto do ¿diferente" como positivo e enriquecedor.
Educación para a paz, a solidariedade a cooperación, co fin de formar persoas solidarias, tolerantes e respectuosas cos demais.
As ditas actividades deberán aparecer nos proxecto educativos e curriculares e tamén nas propostas pedagóxicas.
Capítulo III.- Normativa referente á familia
Artigo 59.- Dereitos e obrigas dos pais/nais/titores
Os pais, nais, titores ou representantes legais, terán os seguintes dereitos:
a) A que os/as fillos/as reciban a educación definida nos principios constitucionais, e nas leis educativas que os desenvolven, así como o recollido no Proxecto Educativo e Proxecto Curricular contidos no Plan de Centro.
b) A participar na comunidade educativa a través do Consello Escolar e da Asociación de nais e pais.
c) A darse de baixa na escola por vontade propia.
d) A teren información comprensible das medidas adoptadas respecto dos/as menores e a pediren explicación de canto afecte a súa propia educación.
e) A participaren nas actividades previamente planificadas polo persoal docente, tanto relacionadas coas festas tradicionais como de calquera outra índole.
Os pais, nais, titores ou representantes legais, terán as seguintes obrigas:
a) Cumprir as normas que estableza a escola para o seu bo funcionamento recollidas no presente regulamento.
b) Manter e observar unha conduta inspirada no mutuo respecto, tolerancia e colaboración, encamiñada a facilitar unha mellor convivencia.
c) Participar na vida da escola, de acordo co que se dispoña neste regulamento.
d) Responsabilizarse daquelas situacións en que por motivos de saúde ou malestar sexa conveniente que o alumnado abandone a escola.
Artigo 60.- Fomento da participación e da relación da escola infantil municipal coa anpa
O Concello e a Dirección da escola infantil fomentará a colaboración dos nais, pais e titores legais, así coma a súa participación nos órganos da mesma, facilitando os contactos e reunións do persoal con eles.
A relación cas nais, pais, titores ou representantes legais, que deberá ser fomentada pola dirección da escola, ten como principais obxectivos:
- O intercambio de criterios educativos.
- A transmisión mutua de información sobre actitudes e comportamento dos nenos/as.
- O compartir pareceres sobre incidentes, preocupacións, ilusións, actividades, etc.
Artigo 61.- Información ás nais, pais ou titores legais
Có fin de garantir a necesaria cooperación cos pais, titores ou representantes legais dos nenos/as, realizaranse reunións xerais e por niveis, segundo a natureza dos temas que se vaian tratar que terán lugar nas dependencias da Escola Infantil Municipal, logo da convocatoria por escrito.
En todo caso, a dirección da escola informará por escrito ó principio do curso dos horarios de atención e información ós pais, titores ou representantes legais dos nenos/as.
Capítulo IV: Normativa referente á infraestructura do centro
Artigo 62.- Prevención de risco e plan de autoprotección e evacuación
A Escola Infantil Municipal dispón dun Plan de prevención de risco, emerxencia e saúde, baseado na normativa vixente e conta co asesoramento técnico contratado para tal fin.
Este Plan garante unha metodoloxía preventiva que mantén dispositivos contrastados e activados periodicamente para comprobar a súa operatividade.
Artigo 63.- Póliza de responsabilidade civil e de accidentes
Na xestión indirecta a empresa concesionaria contará cunha póliza de accidentes e outra de responsabilidade civil que dará cobertura ós posibles riscos segundo a normativa vixente.
Artigo 64.- Libro de reclamacións e libro de rexistro de usuarios
1.- A Escola Infantil Municipal de Bergondo conta cun Libro de reclamacións a disposición das familias. A dirección do centro poñerá en coñecemento do Concello de Bergondo o contido das reclamacións no prazo máximo de tres días contados a partir da súa presentación, agás nos casos en que se requira unha comunicación inmediata.
2.- Tamén se dispón dun buzón de suxestións é atópase nun lugar visible así como o Libro de Rexistro de Usuarios.
Artigo 65.- Proxecto educativo de Centro
A escola dispón dun Proxecto Educativo de Centro e unha proposta pedagóxica por cada nivel educativo dispoñible para as familias e do que teñen coñecemento dende a formalización da matrícula.
A Dirección remitirá ó Concello antes do 15 de xullo o Proxecto Educativo de Centro e a proposta pedagóxica , logo de ser aprobado polo Consello Escolar.
Artigo 66.- Expediente individual
Ó comezo da escolarización a Dirección abrirá un expediente persoal para cada neno/a que terá carácter estritamente confidencial. Dito expediente comprenderá, alomenos, ficha de entrevista de avaliación inicial, datos de filiación, sanitarios, enderezo e teléfonos para avisos en casos de urxencia, autorizacións e demais documentación que se recolle no artigo 21.1.
Disposicións adicionais
Primeira.- Modificacións normativas
As referencias contidas neste regulamento a preceptos doutras normas legais ou regulamentarias entenderanse feitas de xeito automático a aqueles preceptos que os substitúan ou modifiquen.
Segunda.- Aprobación de modelos
Facúltase á Alcaldía da Corporación para aprobar mediante Decreto os modelos de documentos a utilizar para as diversas xestións enunciadas neste Regulamento.
Terceira.- Ficheiro de datos persoais
Facúltase á Alcaldía do Concello para crear por medio dun Decreto o ficheiro ou ficheiros de datos de carácter persoal que se deriven da aplicación das disposicións deste Regulamento, de acordo co que dispón o artigo 20 da Lei Orgánica 15/1999, de 13 de decembro, de tratamento automatizado de datos de carácter persoal, créase o ficheiro de datos persoais, así como a modificalos ou suprimilos cando concorran os requisitos establecidos na normativa citada.
Disposición derogatoria
Unha vez producida a entrada en vigor parcial e total do presente regulamento, queda derrogado o regulamento de Funcionamento e Organización que rexe a prestación do servizo público da Escola Infantil Municipal de Bergondo, aprobado polo pleno Municipal de data do 7 de outubro de 2004 e publicado no BOP nº2 de 4 de xaneiro de 2005.
Disposición final: Entrada en vigor
A partir do día 1 de febreiro de 2012 entran en vigor os artigos do 1 ó 24 e aplicaranse de cara as solicitudes do curso 2012-2013 en diante. O resto do articulado entrará en vigor a partir do 1 de setembro de 2012, aplicándose mentres tanto o Regulamento actualmente vixente.