Muros - ORDENANZA MUNICIPAL PARA A CLASIFICACIÓN DE OBRAS MENORES E DOCUMENTACIÓN PRECEPTIVA AOS EFECTOS DE SOLICITUDE DE LICENZA

Publicación provisional: 30/09/2011 BOP Nº: 188
Publicación definitiva: 22/11/2011 BOP Nº: 222
Aplicable dende: 22/11/2011

Art. 1. OBXECTO.

A presente ordenanza contén a regulación da clasificación de obras menores e a documentación requirida na tramitación dos procedementos das licenzas no ámbito do Concello de Muros. Desenvolve as normas urbanísticas contidas no Plan xeral de ordenación municipal de Muros de acordo coa lexislación urbanística e de ordenación da edificación.

Art. 2. OBRAS MENORES.

1. As obras menores son aquelas obras caracterizadas pola súa escasa entidade económica e pola súa sinxeleza técnica, que lles exime da necesidade de proxecto técnico, dirixidas á simple construción, reparación, decoración, ornato ou peche.

Inclúese neste concepto obras tales como a construción de pequenos galpóns (que polas súas características non teñen a consideración de edificacións os efectos da lexislación vixente), a revocadura e lucido de tabiques, a substitución de pavimentos, o retellado e reparación de cubertas e azoteas, o peche e valado de fincas particulares, os pequenos movementos de terras, as reposicións de pavimentos na vía pública, a colocación de anuncios, valas de protección e andamios, a instalación de toldos e outras obras análogas.

2. En ningún caso as obras menores poderán supoñer a alteración do volume o da superficie construída, do uso obxectivo, da estrutura portante, da distribución interior, das condicións de habitabilidade ou seguridade, referidos a edificación principal; nin dos elementos comúns dun inmoble, nin a alteración no número de vivendas ou locais que o integran, nin variar seu deseño exterior ou as características arquitectónicas da edificación.

3. De conformidade coa lexislación vixente, nas actuacións en edificacións catalogadas non se poderán conceder obras menores, polo que deberán solicitar licenza de obras maiores acompañando a documentación correspondente.

As actuacións e tramitación de licenzas de obras menores dentro do entorno BIC do Plan Especial de Protección do Conxunto Histórico-Artístico (PEPCHA) de Muros rexeranse pola súas determinacións específicas.

Art. 3. RELACIÓN DE OBRAS MENORES.

A relación de obras menores que se inclúe a continuación, en canto ó seu deslinde coas obras maiores, poderá ser modificada, se así se determina pola modificación da propia ordenanza, do planeamento municipal, lexislación urbanística ou de edificación:

1. Obras de mantemento e conservación.

¿ Obras que teñan por obxecto manter o edificio nas correctas condicións de ornato exterior ou interior e de salubridade, incluído a substitución de elementos danados por outros idénticos, así como os traballos de limpeza no exterior dos edificios, ou de patios ou medianeirías que non recaian á vía pública.

2. Obras de acondicionamento menor en exterior parcelas e solares.

¿ Limpeza e desbroce interior de parcelas e solares sen tala de arboredo.

¿ Peches de parcela, incluído reparación en muros de fábrica: pedra, bloque, ladrillo, etc. (*).

¿ Peches de parcela, incluído reparación en muros non de fábrica.

¿ Galpóns e alpendres, abertos ou pechados nunha superficie inferior a 30 m2 (*).

¿ Pequenos movementos de terras (non vencellados a proxectos de urbanización), sen alteración da rasante natural do terreo en máis de 60 cm (soamente en parcelas de solo urbano e de núcleo rural) (*).

¿ Instalación de depósitos prefabricados (sen estrutura auxiliar de apoio).

¿ Colocación de anuncios ou valas de protección.

¿ Reparación ou reposición de pavimentos na vía pública, incluíndo a realización de vados para o acceso de vehículos.

3. Obras de acondicionamento menor no exteriores dos edificios.

¿ Limpeza, revoco e pintado de fachadas.

¿ Reparacións de marquesiñas, balcóns e elementos saíntes, beirís e cornixas.

¿ Reparación ou substitución de carpintería exterior, portadas, persianas, varandas ou similares.

¿ Reparación ou substitución da cuberta e os seus elementos auxiliares (canalóns, baixantes e sumidoiros).

¿ Substitución puntual de material danado de formación de cubertas ou terrazas.

¿ Colocación de toldos, marquesiñas e outras obras análogas.

¿ Colocación de andamios (*).

4. Obras de acondicionamento menor en interiores dos edificios.

¿ Reparación, renovación, modificación ou substitución de pavimentos, falsos teitos, alicatados, escaiolas, estucados e pinturas.

¿ Reparación ou substitución de carpintería interior.

¿ Reformas en cociñas ou baños que non modifiquen as distribucións interiores.

¿ Obras que teñan por obxecto a supresión de barreiras arquitectónicas para facer accesible ou practicable a vivenda ou local.

5. Obras de acondicionamento menor en instalacións dos edificios.

¿ Reparación, substitución ou renovación das instalacións privativas de vivenda ou local (fontanería, electricidade, saneamento, calefacción, etc.) sen afectar os condutos xerais de saneamento vertical ou de ventilación, nin a instalación de novos condutos de ventilación nin ó aspecto exterior das edificacións.

¿ Mantemento das instalacións comúns do edificio (ascensor, depósitos, caldeiras, etc.)

(*) Para os casos sinalados os solicitantes deberán engadir anexo a documentación preceptiva.

Art. 4. DOCUMENTACIÓN A PRESENTAR.

Os efectos da tramitación das solicitudes de licenzas de obras menores, os solicitantes deberán achegar a seguinte documentación preceptiva:

SOLICITANTE

¿ Impreso de solicitude-xustificante do pagamento de taxas (por duplicado).

¿ Se o solicitante e persoa física, fotocopia DNI, se é persoa xurídica: a persoa que asina a petición achegará documentación acreditativa da súa representación (fotocopia de escritura de constitución da sociedade, poder, etc.).

DOCUMENTACIÓN PRECEPTIVA

¿ Memoria descritiva das obras asinada polo solicitante.

¿ Plano de situación da parcela referido a ordenación urbanística do PXOM a escala 1:5000 ou 1:2000 (segundo o caso) indicando o número da folla, co emprazamento da edificación ou parcela na que se solicita a obra.

¿ Orzamento detallado de execución material das obras asinado polo solicitante.

¿ Reportaxe fotográfica orixinal da edificación ou parcela asinada polo solicitante.

Para os casos particulares sinalados (*), os solicitantes deberán engadir ademais a seguinte anexo á documentación preceptiva, segundo os casos:

ANEXO A DOCUMENTACIÓN

- Proposta de seguro de responsabilidade civil das obras.

* PECHE DE PARCELA

- Muro de fábrica (ladrillo, bloque, pedra, formigón, etc.): memoria urbanística (xustificación cumprimento art. 92.9 PXOM) e construtiva onde se indiquen os materiais a utilizar e plano de planta e alzado tipo a escala.

- Con fronte á vía pública: copia do plano oficial acreditativo da acta de liña e rasante, a cal deberá reflectirse sobre un plano a escala mínima 1:500 cos mesmos parámetros cos que sexa fixado polos técnicos municipais.

- Sen fronte á vía pública: plano de deslinde acoutado, indicando onde se pretende o peche a escala mínima 1:500

* MOVEMENTOS DE TERRAS (ata 60 cm de alteración da rasante en solo urbano e de núcleo rural).

- Memoria detallada que especificará os pormenores do movemento pretendido e das edificacións adxacentes, de ser o caso e Plano sinalando a topografía actual do terreo e a resultante da escavación, en planta e nas seccións necesarias para precisar o alcance da actuación e permitir o seu recoñecemento en obra.

* GALPÓN (ATA 30 M2 DE SUPERFICIE)

- Escritura de propiedade da parcela.

- Plano de deslinde, con indicación do lugar no que se pretende instalar, reflectindo a aliñación cos mesmos parámetros da acta de liña e rasante, acoutando os recadros a lindeiros e vía pública, no seu caso.

- Copia do plano oficial acreditativo da acta de liña e rasante.

- Memoria urbanística e construtiva onde se indiquen os materiais a utilizar e planos de planta, sección e alzados a escala do galpón.

* OBRAS EN FACHADA QUE PRECISEN ANDAMIOS

- Certificado de técnico competente no que se indique que a colocación dos andamios se fai baixo a súa dirección e que reunirán as debidas condicións de seguridade unha vez instalado.

Art. 5. INSTRUMENTOS DE AXUDA.

1. O Concello poderá redactar formularios de axuda para cubrir coa documentación que se achegue polos solicitantes nas solicitudes de licenza de obras menores.

2. O Concello facilitará, previa solicitude, copia a escala correspondente segundo os casos sobre a cartografía oficial, para unir á documentación que se achegue polos solicitantes nas solicitudes de licenza de obras menores.

3. O Concello poderá elaborar un listado de cadros de prezos unitarios das partidas de obra de emprego máis frecuente, co obxecto de facilitar os solicitantes a confección dos orzamentos detallados para acompañar coas solicitudes de licenza de obras menores.

Art. 6. OUTRAS CONSIDERACIÓNS.

O outorgamento da licenza de obras menores implicarán para o solicitante, en todo caso, o cumprimento das seguintes esixencias:

- Que se respectarán as normas urbanísticas do PXOM de Muros.

- Que se respectarán as normas de boa construción, convivencia cidadá e respecto polo descanso dos veciños.

- Que se cumprirán os requisitos da normativa específica de tratamento de residuos.

- Que conta coas autorizacións previas para a ocupación do dominio público ou sectoriais que resulten necesarias.