Boimorto - Ordenanza reguladora da cesión de uso de locais municipais a asociacións cidadás e agrupacións veciñais do Concello de Boimorto.
Título I. Obxecto da ordenanza.
Artigo 1. Obxecto
1. Esta ordenanza ten por obxecto a fixación dos criterios e do procedemento xeral para seguir na cesión de uso dos locais municipais ás asociacións e agrupacións que o soliciten.
Trátase da cesión de uso dun local realizada coa duración que o acordo estableza, con carácter gratuíto e a título de precario, sen que en ningún momento poida considerarse que esta constitúa dereito económico ou de alugueiro a favor de calquera das partes.
2. As cesións de uso proporcionaranlles ás entidades sociais un espazo onde desenvolver as súas actividades e cuxa finalidade será de utilidade pública ou de interese social que redunden en beneficio dos nosos veciños.
3. Quedan excluídas desta ordenanza as cesións temporais destinadas a satisfacer necesidades puntuais ou transitorias, as cales estarán reguladas pola autorización municipal oportuna, ou aqueles inmobles ou equipamentos que dispoñan doutra normativa específica.
Artigo 2. Espazos que se ceden
1. O Concello de Boimorto acordará a cesión, en precario, ás asociacións e agrupacións da localidade que o requiran e dentro das súas posibilidades, dos locais de titularidade municipal susceptibles de cesión de uso en todo ou en parte que non estean afectos ó servizo público.
Artigo 3. Entidades que poden acollerse a esta ordenanza
1. As asociacións constituídas legalmente ó abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, poderán solicitar a utilización dun local municipal para a realización de actividades propias do seu obxecto social; será condición indispensable que a asociación interesada non teña ánimo de lucro e que se atope inscrita no correspondente rexistro público.
Así mesmo poden solicitar a utilización dun local para a realización de actividades de interese xeral de índole social, cultural, ou deportivo, que redunden en beneficio da comunidade, as agrupacións de veciños que non teñan ánimo de lucro, constituídas por un mínimo de catro membros.
2. Considérase que unha asociación ou agrupación non ten ánimo de lucro cando non desenvolva actividade económica ningunha ou, de desenvolvela, o froito desa actividade destínase única e exclusivamente ao cumprimento das finalidades de interese xeral establecidas nos seus estatutos, no caso de asociacións, ou á realización de actividades de interese para a comunidade no caso de agrupacións veciñais, sen repartición de beneficios, directos ou indirectos entre os seus membros.
3. En todo caso, o concello garantirá a prioridade de cesión ás entidades cuxo fin sexa favorecer a igualdade de oportunidades que favorezan a participación igualitaria entre mulleres e homes, non-discriminación, accesibilidade universal das persoas con discapacidade ou outros proxectos de intervención social.
4. Entre os criterios de adxudicación, ademais da finalidade de uso do espazo, teranse en conta tamén a utilización que se vai facer do espazo, (diaria, semanal, quincenal, ¿.), o número de beneficiarios potenciais do servizo, e outros que a criterio técnico se vexan necesarios.
Artigo 4. Solicitudes
As asociacións e agrupacións solicitarán ó concello, por escrito, a cesión dun local, achegando un proxecto anual de actividades e servizos, así como os horarios previsibles, que se desenvolverán no espazo para ceder.
A Alcaldía estudará cada solicitude e, en función da dispoñibilidade de locais, realizará un informe ó respecto, coa colaboración dos técnicos municipais, emitindo unha proposta na que se indicarán as condicións de uso, que deberá someterse á aprobación da Xunta de Goberno Local.
Artigo 5. Cesión
1. Estudada a solicitude, a Alcaldía proporalle á Xunta de Goberno Local a adopción dun acordo polo que se lle permita á entidade social interesada acceder ó uso dos inmobles ou equipamentos obxecto desta ordenanza, en función da natureza do ben, de conformidade co artigo 3.
2. O acordo de cesión de uso deberá expresar a finalidade concreta do destino dos bens e conterá os condicionamentos, limitacións e garantías que se estimen oportunos, cuxo incumprimento dará lugar á reversión do uso. Como norma xeral, a cesión de uso terá un carácter anual con prórrogas ata un máximo de 5 anos. Unha vez superado o dito período, poderá volverse a conceder a cesión de uso se non variaron as condicións polas que o colectivo accedeu a el, pero revisaranse as condicións de cesión.
3. O acordo de cesión pode referirse tamén a outros extremos que afecten á colaboración entre o concello e a entidade beneficiaria.
4. O concello non dirixe nin presta conformidade ás actividades para realizar nos locais cedidos. As asociacións non teñen ningunha relación de dependencia co concello, que non se fai responsable nin directa nin subsidiariamente dos danos materiais, persoais ou morais que poidan producirse dentro do local.
Artigo 6. Obrigacións
1. A asociación ou agrupación beneficiaria dunha cesión de uso está obrigada a cumpri- las disposicións e normas desta ordenanza, así como as que figuren no acordo da Xunta de Goberno Local.
2. Inmediatamente á adopción do acordo de cesión, a entidade beneficiaria disporá dun mes para confirmar o proxecto de actividades e servizos para o ano en que a Xunta de Goberno Local tomou o acordo.
Título II. Das normas xerais de uso de locais.
Artigo 7. Usos
1. Os espazos cedidos para uso exclusivo poderán ser utilizados pola entidade beneficiaria para aquelas funcións ou actividades que lle sexan propias. O acordo de cesión ou a autorización de uso poderá regular máis amplamente esta materia naqueles puntos que se estimen oportunos.
2. Un local pode ser cedido a unha soa entidade individualizadamente ou a varias, de maneira que poidan usalo de forma compartida.
3. Calquera outra utilización diferente ás anteriores deberá ser autorizada polo concello.
Artigo 8. Mantemento
1. As asociacións e agrupacións estarán obrigadas á conservación dilixente dos espazos de uso exclusivo e de uso común, e, en xeral, de todo o inmoble, como tamén do mobiliario, respondendo dos danos que poidan ocasionar os seus membros e usuarios, ben por acción ou por omisión, efectuando de forma inmediata e ó seu cargo, previa autorización do concello, as reparacións necesarias. Este apartado non se aplicará no caso de que as deterioracións lle sobreveñan ó local polo só efecto do uso e sen culpa da entidade beneficiaria ou polo acaecemento dun dano fortuíto.
2. Corresponderá á entidade beneficiaria o mantemento e as reparacións dos bens mobles incluídos na cesión. Velarán pola limpeza e a orde. Despois de cada período diario de uso procederán á súa limpeza e ordenación do mobiliario e elementos interiores.
3. Nos locais cedidos para uso individualizado para unha soa asociación ou agrupación, esta deberá facerse cargo do aboamento das subministracións necesarias para a súa actividade en canto á electricidade, auga, gas, calefacción e limpeza. A alta e aboamento do teléfono fixo, se é o caso, correrá a cargo da asociación correspondente, así como a tramitación dos permisos necesarios.
4. Nos locais de uso compartido, o concello será o encargado de prover estas subministracións, buscándose fórmulas para que cada entidade aboe a parte correspondente ó seu consumo. A limpeza nestes locais compartidos correrá a cargo das asociacións velando pola orde e limpeza, co fin de que podan ser utilizados por outras asociacións ou agrupacións.
5. Unha vez concedido o uso facilitaráselles ós interesados as chaves correspondentes para a apertura e peche dos locais, os que serán responsables da súa custodia e adecuado uso. Absterase de realizar reproducións desta, agás que a Alcaldía o autorice expresamente. En caso de copias, todas serán devoltas ó concello ó termo do período de uso dos edificios e locais.
6. A asociación ou agrupación virá obrigada a cesar temporalmente na súa actividade no local cando fora requirida polo concello, naqueles supostos que se considere necesario para a realización de actos municipais, ou aqueles que lle veñan impostos e sexan de inescusable cumprimento. Nese caso, a asociación deberá deixa-lo local perfectamente ordenado e sen elementos que dificulten a realización da actividade municipal, dentro do prazo que se indique na comunicación que para o efecto se remitirá dende o concello.
Artigo 9. Horarios
1.Uso individualizado.As entidades beneficiarias dun local de uso individualizado poderán fixar libremente o horario de apertura e peche, sempre que sexa compatible coa normativa vixente. Non obstante, no acordo de cesión adoptado pola Xunta de Goberno Local poderá delimitarse outro horario de apertura diferente en atención ás actividades que xustifican a cesión á asociación ou colectivo.
2.Uso compartido.
a)Cando o espazo de uso cedido sexa compartido por diversas entidades, os respectivos acordos de cesión contemplarán os días e horario en que poderá ser utilizado por cada unha delas.
b)Cando se trate de centros abertos ó público en xeral, o concello fixará libremente o horario de apertura ó público.
c)Cando o horario de utilización asignado a cada entidade non coincidira co de apertura ó público, estas poderán facer uso do espazo cedido, pero deberán pechar o acceso ó centro á chegada e saída deste.
d)Para distribuír os días e horarios nos que se poderán utiliza-los equipamentos, será necesario a consulta previa de tódalas asociacións afectadas.
Artigo 10. Espazos comúns
En aqueles locais compartidos por varias entidades, corresponde ó concello establecer cales son os espazos de uso común de cada centro e a finalidade e o uso que se pode facer destes.
Artigo 11. Actividades non permitidas
No interior do local cedido e dentro do respecto á autonomía da asociación, non se poderán realizar actividades que contraveñan os principios de igualdade das persoas, polo que se prohibe a realización de calquera acto de carácter violento ou que atente contra a dignidade persoal ou discrimine a individuos ou grupos por razón de raza, sexo, relixión, opinión, orientación sexual ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Queda prohibida a utilización dos espazos cedidos mediante estes acordos de cesión para a realización de actividades económicas que non se contemplen nos estatutos, no caso de asociacións, ou no proxecto de actividades, no caso de agrupacións veciñais, especialmente aquelas consideradas como molestas, insalubres, nocivas ou perigosas, e tendo en conta en todo caso o disposto no artigo tres desta ordenanza.
Non se poderán almacenar papeis, cartóns nin material inflamable que poida poñer en perigo a seguridade dos usuarios.
Artigo 12. Obras
1.As entidades beneficiarias non poderán realizar no espazo cedido para o seu uso exclusivo, nin nos bens mobles nin, en xeral, en todo o inmoble, ningún tipo de obra ou actuación sen a expresa autorización previa do concello.
2.As obras ou actuacións quedarán en beneficio do ben inmoble, sen dereito a percibir ningún tipo de indemnización ou compensación económica pola súa realización.
3.En caso de contravi-lo disposto no apartado 1 deste artigo, o concello poderá revoga-lo acordo de cesión de uso do local á dita asociación ou tamén poderá ordenar que se restitúa o ben ó seu estado orixinal, sen dereito a indemnización ou compensación económica. En caso de non facelo, o concello poderá executar subsidiariamente as obras de restitución, estando obrigada a entidade a paga-lo custo. Se a restitución fora imposible sen o menoscabo do ben, o causante estará obrigado a indemnizar polos prexuízos ocasionados.
Artigo 13. Responsabilidade civil
1.Cada entidade será responsable directa dos danos e perdas ocasionados a terceiros nos espazos cedidos causados polos seus membros e usuarios, ben por acción ou por omisión, dolo ou neglixencia, tendo a condición de terceiro o propio concello.
2.O concello poderá esixir unha fianza en calquera das formas legalmente permitidas. A fianza responderá do cumprimento das obrigacións do bo uso e restitución dos edificios e locais e instalacións municipais á situación anterior ó momento da cesión. Así mesmo, garantirá a indemnización dos danos e perdas cando deban responde-los usuarios dos que efectivamente se produzan nos edificios, locais e instalacións cedidos. Tamén responderán do pagamento das sancións que poidan impoñerse en virtude da aplicación desta ordenanza. A contía do importe da fianza será determinada pola Xunta de Goberno Local, con base na normativa aplicable.
3.Así mesmo, o concello poderá esixirlles ás entidades beneficiarias a contratación dunha póliza de seguro por todo o tempo que dure a cesión, que cubra tanto os bens que deposite nos locais fronte ós riscos de roubos, incendios, etc., como a responsabilidade civil por danos e perdas que os usuarios poidan causar a terceiros.
Título III. Deberes das asociacións e entidades. Control do cumprimento.
Artigo 14. Deberes das asociacións e entidades
Todas as entidades cidadás e asociacións cumprirán as normas xerais contidas nesta ordenanza, e, en concreto:
a)Respectar os horarios de utilización establecidos no acordo de cesión ou aqueloutros que lle autorice o concello.
b)A destinar o espazo cedido ás finalidades propias da entidade, realizando o seu programa de actividades, como tamén ó que establece o acordo de cesión ou poida autoriza-lo concello.
c)A non realizar en ningún centro ningún tipo de publicidade mercantil de terceiros, salvo con autorización municipal. Entenderase por publicidade toda forma de comunicación que teña por obxecto favorecer ou promover de forma directa ou indirecta a compravenda ou contratación de servizos e/ou bens mobles.
d)A respectar os espazos asignados e a outras entidades ou asociacións que compartan o centro, sen interferir no normal desenvolvemento das súas actividades.
e)A respectar a finalidade e destino dos espazos de uso común.
f)A non causar molestias ós veciños nin perturbar a tranquilidade da zona durante os horarios de utilización, adoptando as medidas oportunas establecidas na normativa vixente.
g)A conservar os espazos asignados para o seu uso en óptimas condicións de salubridade e hixiene.
h)A custodiar as chaves do centro e a pechalo cando sexa a última entidade en usalo, salvo que o acordo de cesión dispoña outra cosa. Ó mesmo tempo velarán polo bo uso dos espazos cedidos, exercendo a vixilancia e o control dos usuarios.
i)A non ceder a terceiros, nin total nin parcialmente, sexa ou non membro da entidade, o uso do espazo que se lle asignara.
j)Cando se trate de centros abertos ó público, a non impedir entrada, dentro do horario de funcionamento, a ningunha persoa por razón de raza, sexo, relixión, opinión, orientación sexual ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
k)A comunicarlle ó concello calquera anomalía, incidencia ou problema que poida xurdir, e con carácter inmediato no suposto de urxencia.
l)A reverterlle ó concello, unha vez extinguido ou revogado o acordo de cesión, o uso dos espazos e bens obxecto da cesión no seu estado orixinario, salvo o desgaste sufrido polo uso.
m) A permitirlle en todo momento ó concello o exercicio da facultade de seguimento e inspección en canto á vixilancia do cumprimento desta ordenanza, da normativa vixente e do acordo de cesión ou autorización de uso, facilitando o acceso ós diversos espazos e proporcionando a información e documentación que sexa requirida. En todo caso, o concello poderá acceder ó local co fin de evita-la producción dun dano inminente ou unha incomodidade grave.
Artigo 15. Réxime de control do cumprimento dos deberes.
Considéranse infraccións das entidades usuarias dos locais as seguintes:
a)Ocupar edificios e locais municipais sen permiso do concello.
b)Non manter diariamente limpo o local ou dependencia ocupados con autorización na forma establecida nesta ordenanza.
c)Causar danos nos locais, instalacións, equipos e demais bens mobles que se encontren nos locais utilizados.
d)Realizar reproduccións de chaves de acceso ós edificios e locais utilizados sen autorización da Alcaldía.
e)Non restituír as chaves de acceso a edificios e locais obxecto de utilización de forma inmediata ó seu desaloxo definitivo.
f)Calquera outra infracción contraria a esta ordenanza.
Artigo 16. Infraccións
As infraccións poderán ser leves, graves ou moi graves.
Serán infraccións leves as establecidas nas letras b), e) e f) do artigo anterior.
Serán infraccións graves as establecidas nas letras c) e d) do artigo anterior.
Serán infraccións moi graves a establecida na letra a) do artigo anterior.
Artigo 17. Sancións
As infraccións serán sancionadas da seguinte forma:
a)As leves, con multas de 100 a 300 euros.
b)As graves, con multas de 301 a 500 euros.
c)As moi graves, con multas de 501 a 1000 euros.
O órgano competente para impoñe-las ditas sancións será a Xunta de Goberno Local. Estas sancións serán independentes da indemnización de danos e perdas que proceda. As responsabilidades e sancións mencionadas anteriormente, en defecto de pagamento voluntario, executaranse pola vía de constrinximento, e, se é o caso, executando a fianza correspondente.
Artigo 18. Facultade inspectora
a)O concello poderá exercer en calquera momento a potestade de inspección daqueles locais cedidos. Se do seu exercicio se derivara a comprobación de incumprimentos moi graves ou graves por parte da entidade beneficiaria, poderá esixir o seu cumprimento ou revoga-la cesión ou autorización de uso.
b)O concello, tras petición xustificada por parte de entidades ou cidadáns, poderá, previo acordo coa asociación ou agrupación cesionaria, autorizar a utilización do local obxecto de cesión para actividades puntuais, sempre respectando as actividades programadas pola asociación ou colectivo beneficiarios do acordo de cesión de uso.
O prazo de autorización para actividades puntuais non superará o período dunha semana. A responsabilidade sobre o uso e conservación do local mentres dure a utilización temporal será dos que puntualmente conten coa dita autorización.
Artigo 19. Obrigacións do concello
O concello ten as seguintes obrigacións:
a)As que se deriven desta ordenanza e da legalidade vixente.
b)Conservar en óptimas condicións de salubridade e hixiene os espazos de uso común de cada centro.
c)As reparacións e reposicións destinadas ó mantemento estrutural do edificio correspóndenlle ó concello, entendéndose por tal o que afecta á estructura do edificio, ás súas fachadas e cubertas e ás acometidas exteriores de servizos, sempre que sexan causa do uso normal e ordinario do centro. Tamén os enganches de auga, luz, calefacción e gas.
Título V. Causas de extinción da cesión de uso.
Artigo 20.
Os locais obxecto desta ordenanza cederanse por parte do concello mediante réxime de cesión en precario. O réxime de cesión en precario extinguirase por decisión motivada da Xunta de Goberno Local do concello, o cal reclamará con dous meses de antelación á entidade beneficiaria mediante o correspondente requirimento.
O acordo de cesión pode extinguirse:
a)Por finalización do seu termo inicial ou as súas prórrogas.
b)Por mutuo acordo entre as partes.
c)Por renuncia da entidade ou por falta de utilización efectiva dos espazos cedidos.
d)Pola realización permanente ou exclusiva de actividades, servizos ou outros non contemplados no acordo de cesión ou que contraveñan esta ordenanza, en especial, actividades económicas con lucro para particulares.
e)Por disolución da entidade.
f)Por necesidade suficientemente motivada de uso do local para a prestación doutros servizos públicos que o requiran.
g)En todo caso, por reiteración dunha moi grave, de máis de dúas graves e seis leves de calquera das infraccións establecidas no artigo 15 desta ordenanza.
Artigo 21.
A extinción da cesión de uso por calquera das causas citadas non dará dereito á entidade ou asociacións afectadas a ningún tipo de indemnización ou compensación económica. Artigo 22. Unha vez resolto ou extinguido o acordo de cesión de uso, a asociación deberá reintegrarlle ó concello o uso do espazo e bens cedidos no prazo máximo de 15 días naturais. En caso contrario, será responsable dos danos e perdas que poida ocasionar a demora.
Disposición transitoria única
As entidades que previa á aprobación desta ordenanza viñeran utilizando locais, edificios ou instalacións municipais, que non sexa debido a necesidades puntuais ou transitorias, ou que non conten con autorización expresa co seu correspondente prego de condicións, deberán presentar solicitude de cesión de uso do local que estean utilizando, no prazo de 2 meses, contados dende a entrada en vigor desta ordenanza, seguíndose logo o procedemento establecido.
Esta ordenanza que contén 21 artigos e unha disposición transitoria única foi aprobada polo Pleno do Concello de Boimorto en sesión ordinaria de data 27/10/2011 e entrará en vigor unha vez transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985 de 2 de abril e trala súa publicación íntegra no Boletín Oficial da Provincia.