Aranga - ORDENANZA FISCAL N.º 14, REGULADORA DA TAXA POLA UTILIZACIÓN DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS E CULTURAIS MUNICIPAIS

Publicación provisional: 09/01/2012 BOP Nº: 50
Publicación definitiva: 17/02/2012 BOP Nº: 34
Aplicable dende: 17/02/2012

ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E RÉXIME XURÍDICO.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, este Concello establece a taxa pola utilización das instalacións deportivas e culturais municipais, de conformidade co establecido nos artigos 57 e 20 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo.

ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible desta taxa a utilización das seguintes instalacións municipais: pavillón polideportivo municipal, campo de fútbol da Posta, locais sociais de Santiso, O Carballal, Orosa e Muniferral, local anexo ao CEIP A Castellana, axencias de lectura de Aranga e do Toxiño e a aula municipal de informática, con motivo de adestramentos, partidos, espectáculos, actos culturais, deportivos e sociais.

ARTIGO 3.-SUXEITOS PASIVOS.

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei xeral tributaria (LXT), que soliciten a utilización ou utilicen as instalacións ás que se refire o artigo 2 da presente ordenanza.

ARTIGO 4.-RESPONSABLES.

Responden solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas ás que se refire o artigo 42 da LXT.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades ou síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da LXT.

ARTIGO 5.-COTA TRIBUTARIA.

A cota tributaria ou taxa pola utilización das instalacións municipais deportivas e culturais será a resultante de aplicar as seguintes tarifas:

Locais

Tarifa por hora ou fracción ( en €)

Tarifa por encontro (en €)

Locais sociais, axencias de lectura, aula de informática e local anexo ao CEIP

5,00

Pavillón polideportivo da Castellana

13,5 (*)

Campo de fútbol da Posta

40,00 (*)

90,00 (**)

(*) Inclúe o dereito de emprego dos vestiarios e duchas (incluíndo o tempo de uso das mesmas no tempo total de emprego das instalacións).

(**) Supón o emprego das instalacións durante dúas horas, incluído o dereito de uso de vestiarios, duchas, banderíns de corner e pintado da liñas de xogo.

ARTIGO 6.-EXENCIÓNS E BONIFICACIÓNS.

Está exento do pagamento da taxa o Concello de Aranga, nas actividades organizadas por este.

Estan exentas as asociacións sen ánimo de lucro inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello de Aranga.

Poderán solicitar exencións as ONG¿S ou entidades sen ánimo de lucro que realicen actividades de recoñecida importancia social, solicitude que será resolta expresamente pola Alcaldía.

ARTIGO 7.-NORMAS DE XESTIÓN.

1. As solicitudes para a utilización das instalacións deportivas e culturais propiedade municipal realizaranse por escrito, o cal irá dirixido ao Sr. alcalde de Aranga polos interesados, concretando a data, a hora, a actividade que se desenvolverá e demais circunstancias de interese. A autorización correspóndelle ao alcalde e o encargado das instalacións non permitirá a súa utilización sen a presentación da autorización municipal e o xustificante de ter ingresada a correspondente taxa.

2. A obriga de pagamento da taxa orixínase no momento no que se autorice a utilización da instalación. O ingreso farase mediante transferencia a calquera das entidades bancarias nas que o Concello ten conta aberta.

3. Cando, por causas non imputables ao obrigado ao pago, non se preste o servizo procederá a devolución do importe correspondente.

4. No caso de coincidir varias solicitudes darase preferencia ás actividades organizadas polo Concello, e entre solicitudes particulares terán preferencia as asociacións inscritas no Rexistro Municipal de Aranga e os empadroados en Aranga.

5. As débedas pola presente taxa poderán esixirse pola vía de prema.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez se publique no Boletín Oficial da Provincia e manterá a súa vixencia indefinidamente en tanto non sexa modificada ou derogada expresamente.