Carballo - ORDENANZA REGULADORA DA PRESTACIÓN DOS SERVIZOS CONTIDOS NO PROGRAMA CONCILIA E DOS SEUS PREZOS PÚBLICOS
Exposición de motivos
A Área de Muller do Concello de Carballo ten como un dos seus obxectivos a creación de proxectos e programas que concilien a vida laboral e familiar dos veciños e das veciñas deste municipio, que nos últimos anos experimentou un gran crecemento, principalmente de parellas novas con fillos e fillas en idade escolar. Tal e como está formulada a vida hoxe en día, os dous membros da parella teñen que traballar, polo que existen grandes dificultades á hora de compatibilizar o horario laboral co do ritmo habitual da súa familia.
Esta é a razón principal pola que se decidiu crear o "Programa Concilia" nos centros de educación infantil e primaria de Carballo. Este programa consiste en recoller ás nenas e aos nenos, cando así o soliciten os seus pais ou nais, á primeira hora da mañá no seu centro escolar. Haberá un monitor ou monitora que as/os atenderá e realizará con elas e eles actividades de lecer e tempo libre relacionadas cos hábitos saudables e a alimentación. Tamén haberá un camareiro ou camareira que lles servirá o almorzo a aqueles nenos e nenas que o demanden, posto que é voluntario.
En virtude do exposto, e de conformidade coas competencias que en materia de prestación de servizos sociais, por virtude do disposto no art. 25.2.k) da Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases do réxime local, teñen atribuídas as corporacións locais, procédese a regular os servizos incluídos no denominado "Programa Concilia".
Art. 1. Obxecto
O "Programa Concilia" ten como obxectivo principal responder ás necesidades familiares derivadas do desfase existente entre os horarios escolares e laborais, garantindo a atención das nenas e dos nenos por persoas debidamente cualificadas que lles ofrezan actividades encamiñadas a fomentar a súa creatividade, autonomía e interese por coñecer e gozar da súa contorna, cubrindo a necesidade de atención a nenos e nenas antes do inicio das clases pola mañá, así como ofrecer o servizo dun almorzo equilibrado que os pais, nais ou familiares, en moitos casos como consecuencia das súas actividades profesionais e de traballo, vense imposibilitados de prestar axeitadamente, máxime se se ten en conta a importancia que ten o almorzo para o rendemento do neno ou nena durante a xornada escolar.
Os obxectivos específicos son:
a) Aproveitar o tempo para facer actividades lúdicas e recreativas.
b) Colaborar coas familias e co profesorado na adquisición, por parte dos/as escolares, de hábitos saudables de vida, consumo, alimentación e utilización do tempo libre.
c) Brindar unha metodoloxía de traballo que contribúa ao desenvolvemento global dos nenos e das nenas, fomentando a súa creatividade, autonomía, comunicación e socialización.
d) Facilitar o apoio técnico necesario para a posta en marcha, nos centros que o soliciten.
e) Garantir a atención dos/as escolares por persoal debidamente cualificado durante o tempo previo á xornada lectiva.
f) Controlar a calidade e coherencia do servizo prestado a través do seguimento continuado por parte do equipo supervisor do programa.
Art. 2. Prestación dos servizos
1. Os servizos que comprende o "Programa Concilia" prestaranse, de luns a venres, en días lectivos, nos centros educativos de Carballo, nos que se alcance un número mínimo de participantes.
2. Comezará a partir das 7.30 horas da mañá, coa apertura do centro educativo, e finalizará co comezo do horario escolar establecido en cada centro.
Art. 3. Servizos que comprende o Programa Concilia
O programa incluirá, polo menos, os seguintes servizos:
a) Servizo de gardaría.
b) Servizo de almorzo: consistente na elaboración, polos/as monitores/as, do almorzo nas instalacións do centro educativo.
c) Servizo de monitorado: as/os monitoras/es atenderán ao alumnado. Deberán garantir os hábitos de hixiene e facerlles un seguimento especial ás nenas e aos nenos de menor idade ou con dificultades. Á parte disto, realizarán actividades de ocio cos nenos e coas nenas, durante o tempo de duración do servizo.
d) As monitoras e os monitores deixarán limpo o local destinado ao servizo, así como os espazos que ceda o centro para a realización de actividades complementarias.
e) As monitoras e os monitores serán o vínculo entre os/as nenos/as e os pais e as nais. Informarán aos pais e ás nais e aos titores e titoras e/ou ao concello das incidencias que se produzan.
Art. 4. Beneficiarios do Programa Concilia
O "Programa Concilia" está dirixido a todos os alumnos e a todas as alumnas dos centros públicos de educación infantil e primaria do municipio de Carballo nos que se poña en funcionamento o servizo, para o que é requisito esencial estar matriculados/as nun centro escolar de educación infantil e primaria do termo municipal de Carballo. Para iso, deberá acompañarse xunto coa solicitude o certificado de matrícula no centro.
A integración de nenos e de nenas con discapacidade estará supeditada para cada curso escolar á existencia de persoal cualificado e en número suficiente. En todo caso, solicitarase informe médico que acredite o nivel de autonomía para así poder valorar a posibilidade de integrar ao alumno no programa.
Art. 5. Clases de usuarios/as
a) Usuario/a fixo: é aquel alumnado que se matricule no servizo desde setembro a xuño, independentemente de que o utilice todos os días ou días concretos. Pódese dar de alta no momento da matrícula ou, de haber prazas vacantes, con posterioridade. Pode cursarse a baixa no momento que considere oportuno. Para isto, terá que comunicarllo ao coordinador ou á coordinadora do comedor nos últimos dez días do mes anterior a causar a baixa e solicitar por escrito a baixa nas oficinas municipais.
Se o usuario ou usuaria non vai utilizar algún día o servizo deberá comunicarllo ao coordinador ou coordinadora de monitores/as presencialmente ou por teléfono antes das 8.30 h do día que non utilice o servizo.
De non facelo, terá que pagar o custo da comida dese día coma se fose un usuario ou usuaria ocasional.
b) Usuario/a ocasional: aquel alumnado que, habendo praza, desexe utilizar o servizo en días soltos. Debe solicitarllo ao coordinador ou coordinadora, presencialmente ou por teléfono, antes das 20.00 h do día anterior á utilización do servizo.
Art. 6. Tramitación de acceso aos servizos
A petición de admisión realizarase cubrindo o impreso que se lle facilitará na escola ou nas oficinas municipais no período de inscrición. Este período comprenderá desde o inicio do período de inscrición do curso escolar até o inicio do curso escolar. Durante o curso escolar poderanse recoller inscricións en calquera momento, sempre que haxa prazas dispoñibles.
O número máximo de prazas dispoñibles farase público no momento de apertura do prazo de inscrición.
As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do Concello, achegando xunto con elas fotocopia da seguinte documentación, debidamente compulsada:
a) Resgardo de matrícula escolar.
b) Libro de Familia.
c) Título de familia numerosa, de ser o caso.
d) Aqueles/as participantes que teñan problemas alimentarios (celíacos, diabéticos...) achegarán informe médico onde se recollan.
e) Sentenza de separación, divorcio ou xustificante de viuvez.
f) Xustificación de ingresos económicos:
- Se tivo que efectuar declaración de IRPF, copia de cada membro da unidade familiar computable, para os efectos económicos (do ano anterior).
- Se non estivo obrigado/a a presentar declaración: certificado da Axencia Tributaria, do ano anterior; certificado de bases impoñibles; certificación expedida polo organismo competente (INEM, XUNTA, Seguridade Social), se percibiu algunha prestación ou pensión.
g) Cantos outros documentos, nos que consten incidencias familiares, económicas e sociais puntuables segundo o baremo que consta no art. 11.
Art. 7. Dereito de admisión
O Concello e o centro reservan para si o dereito de admisión e de exclusión temporal ou definitiva dos alumnos e das alumnas que se comporten de forma incorrecta. Antes de tomar unha decisión desta índole, darase sempre audiencia aos pais e nais ou a quen teña a patria potestade dos/as menores.
As nenas e os nenos que acudan ao servizo deberán ter adquiridos os hábitos de educación e coñecemento adecuados á súa idade.
Os nenos e as nenas deberán levar un neceser con utensilios de hixiene e limpeza bucal. Os nenos e as nenas de educación infantil, e aqueles/as que se considere oportuno, levarán tamén toalla e mandilón.
Art. 8. Casos especiais
Os usuarios e as usuarias do servizo deberán notificar calquera problema de saúde (alerxias e intolerancias a calquera tipo de alimento) que repercutan na elaboración do almorzo e que serán atendidas especificamente.
En caso dun problema vírico ocasional, no que a usuaria ou o usuario precise dunha dieta adstrinxente, terán que comunicarllo á coordinadora ou coordinador de monitoras/es antes do día para o que se requira a dieta.
Se a alumna ou o alumno ten que medicarse á hora do almorzo, deberá achegar unha certificación médica na que se especifique a cantidade e o medicamento, así como unha autorización dos pais, nais ou titores/as. Non se lles administrarán medicamentos sen o cumprimento destes requisitos.
Non poderán asistir as usuarias e os usuarios con febre ou enfermidades contaxiosas.
Art. 9. Persoal
O persoal encargado do servizo (monitorado) deberá pasar un exame médico previo á incorporación, posuír o carné de manipulador/a de alimentos e acreditar formación como monitor/a de tempo libre ou no ámbito da educación.
Art. 10. Xestión do tempo libre
As actividades que desenvolverán as/os monitoras/es no tempo libre son as seguintes:
a. Actividade de videoteca biblioteca.
b. Xogos cooperativos.
c. Xogos de mesa.
d. Actividades deportivas e de lecer.
Art. 11. Prezos públicos pola utilización do servizo
Prezos
Usuarios fixos.-
a) Con utilización do servizo todos os días: pagarán unha cota mensual de 30€ para o servizo de gardería e de 40€ no caso de gardería e almorzo.
b) Con utilización do servico por días soltos:
1 día á semana:
Servicio de gardería: 8€/mes
Servicio de gardería e almorzo:10€/mes
2 días á semana:
Servicio de gardería: 16€/mes
Servicio de gardería e almorzo:20€/mes
3 días á semana:
Servicio de gardería: 24€/mes
Servicio de gardería e almorzo:30€/mes
4 días á semana:
Servicio de gardería: 27€/mes
Servicio de gardería e almorzo:37€/mes
5 días á semana:
Servicio de gardería: 30€/mes
Servicio de gardería e almorzo:40€/mes
Os usuarios ocasionais pagarán 2,5€/día polo custo do servizo de gardería e almorzo e de 2€/día polo servizo de gardería
Nos periodos vacacionais o prezo do servizo será de 3€/día
Art. 12. Redución nas cotas. Baremo
1. Os usuarios e usuarias poderán acollerse á redución de prezos segundo o seguinte baremo:
A. Situación sociofamiliar:
- Familia monoparental: 6 ptos
- Familia numerosa: 4 ptos
- Dous/dúas ou máis usuarios/as do mesmo núcleo familiar: 3 ptos
- Calquera outra situación familiar susceptible de valoración: 2 ptos
B. Situación laboral-familiar:
- Familia monoparental en situación de desemprego: 6 ptos
- Familia monoparental en situación de emprego: 5 ptos
- Nai e pai en situación de desemprego (baremo por membro da unidade):
a) Sen prestación económica: 3 ptos
b) Con prestación económica: 2 ptos
C. Situación económica:
- Por renda per cápita mensual menor ou igual á pensión non contributiva: 7 ptos
- Por renda per cápita mensual inferior ou igual ao 75% do salario mínimo interprofesional: 6 ptos
- Por renda per cápita mensual inferior ou igual ao 125% do SMI: 5 ptos
- Por renda per cápita mensual inferior ou igual ao 175% do SMI: 4 ptos
- Por renda per cápita maior ao 175% do SMI: 3 ptos
D. Permanencia no programa:
- Por permanencia da alumna ou alumno no programa o curso anterior (todos os meses e días de duración do Programa): 2 ptos
2. Segundo as circunstancias da unidade familiar anteriormente enumeradas, a suma dos seus puntos determinará a redución aplicable, segundo a táboa seguinte:
De 18 puntos en diante: Redución do 50% das cotas.
De 15 a 18 ptos: Redución do 30% das cotas.
De 10 a 15 ptos: Redución do 15% das cotas.
Menos de 10 puntos: Sen dereito a redución.
Art. 13. Valoración do baremo
A valoración da documentación presentada para os efectos das reducións establecidas no art. 11 realizarase na Comisión de Baremación, que estará integrada por:
a) Presidente/a: o alcalde ou concelleiro/a en quen delegue.
b) Vogais: un/unha representante de cada grupo político con representación municipal; un/unha representante dos Servizos Sociais do Concello de Carballo; a persoa responsable da empresa concesionaria do servizo ou do servizo municipal que o xestione.
c) Secretario/a: o da Corporación ou un /unha funcionario/a en quen delegue, con voz e sen voto.
Art. 14. Normas de xestión e ingreso
14.1. Asistencias continuadas
As usuarias ou usuarios fixas/os deberán proceder a ingresar, dentro dos dez días seguintes á notificación da admisión ao programa, a cantidade mensual correspondente en concepto de cota do mes corrente, de acordo coas contías previstas no apartado anterior. O lugar e o medio de realización do ingreso seralles comunicado xunto coa resolución da admisión ao programa.
As cotas mensuais posteriores deberán ser ingresadas dentro dos dez primeiros días naturais de cada mes, no mesmo lugar e polo mesmo medio que se sinale na resolución de admisión ao programa.
No caso de que a solicitude de alta tivese lugar máis aló do día quince de cada mes, a primeira cota mensual a aboar verase reducida nun 50%.
14.2. Asistencias ocasionais
Os usuarios e usuarias ocasionais do servizo deberán adquirir nos lugares sinalados polo Concello o número de bonos individuais correspondentes.
Os usuarios e usuarias ocasionais están obrigados/as a entregarlle á persoa responsable designada para tal efecto polo Concello en cada comedor un bono por cada día que fagan uso do servizo.
14.3. Conforme co previsto no artigo 44.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, os presentes prezos sitúanse por baixo do custo do servizo, con fundamento en motivos de manifesto interese público por razóns de índole social, por tratarse, como se indica na exposición de motivos desta norma, dunha medida de fomento da conciliación da vida laboral e familiar dos cidadáns.
14.4. Están obrigados/as ao pagamento os pais, nais ou titores/as dos beneficiarios e das beneficiarias do servizo, por tratarse de menores de idade.
Art. 15. Lugar de realización das actividades
As actividades desenvolveranse nos espazos cedidos polo centro educativo e aprobados polo seu Consello Escolar, previa petición do Concello.
Art. 16. Extinción dos servizos
1. Serán causas de baixa nos servizos:
a) O incumprimento dos requisitos establecidos.
b) A solicitude dos pais, nais ou representantes legais.
c) A falta de pagamento da cota establecida.
d) A comprobación da falsidade nos documentos ou datos achegados, con independencia das infraccións administrativas e/ou penais que a devandita conduta constitúa.
e) A falta de asistencia continuada durante un mes sen causa xustificada.
2. Igualmente será causa de baixa dos/as participantes no servizo, cursada de oficio pola Administración, aquel suposto en que non se manteña o número mínimo de escolares por centro, nese caso deixarase de prestar o servizo no devandito centro. Neste suposto, non caberá, en ningún caso, a reclamación de responsabilidade patrimonial a esta Administración, ao non tratarse dun servizo municipal de prestación obrigatoria segundo a Lei 7/1985.
DISPOSICIÓN TRANSITORIA ÚNICA
Para os efectos do previsto no artigo 6 da presente Ordenanza, e tan só durante o ano 2006, primeiro exercicio de vixencia, a petición de alta no servizo poderá cursarse até despois da finalización do prazo de inscrición no curso escolar, ou unha vez iniciado o curso.
Para estes únicos efectos, o prazo máximo de presentación de solicitudes será determinado por resolución da Alcaldía, por delegación do Pleno da Corporación.
DISPOSICIÓNS FINAIS
PRIMEIRA
Esta Ordenanza, que consta de dezaséis artigos, unha disposición transitoria e tres disposicións finais, entrará en vigor tras a súa aprobación definitiva, unha vez publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo a que se refire o art. 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, de bases do réxime local.
SEGUNDA
Cada centro escolar deberá ter aprobado no seu Consello Escolar a autorización para a posta en funcionamento deste servizo.
TERCEIRA
A Alcaldía poderá ditar cantas ordes e instrucións resulten necesarias para a adecuada aplicación, interpretación e desenvolvemento desta Ordenanza, dando inmediata conta á Xunta de Goberno Local e ao Pleno da Corporación".