Betanzos - ORDENANZA DE LIMPEZA VIARIA DO CONCELLO DE BETANZOS

Publicación provisional: 24/02/2011 BOP Nº: 38
Publicación definitiva: 16/04/2012 BOP Nº: 71
Aplicable dende: 04/05/2012

PREÁMBULO

A presente ordenanza municipal de limpeza viaria ten por obxecto regular, dentro da esfera das competencias municipais, a limpeza das vías, e ornato público establecendo unhas normas xerais de actuación ao respecto, así como un sistema de infraccións e sancións para o caso de incumprimento.

Con iso, preténdese facer do municipio de Betanzos un lugar máis hixiénico, máis limpo e habitable, de maneira que a veciñanza poida colaborar e ser partícipe da mellora hixiénica que o aumento e crecemento continuo do concello require.

A razón desta Ordenanza é, esencialmente, orientar, informar e, no seu caso, sancionar á cidadanía, no seu desenvolvemento cotián no medio en que está inserido, no ámbito municipal, en todo o relativo á limpeza viaria, así como, a través de unha maior concienciación cidadá, colaborar para que noso municipio permaneza limpo, evitando con iso que os custos de limpeza viaria se disparen por ter que recorrer a un aumento desorbitado dos medios.

Así pois, o Concello de Betanzos, no exercicio das potestades regulamentaria e de autoorganización, aproba a seguinte Ordenanza:

TÍTULO I: PRELIMINAR

Artigo 1.º OBXECTO DA ORDENANZA

A presente ordenanza ten por obxecto mellorar a calidade de vida no Concello de Betanzos e alcanzar un alto nivel de protección do ambiente regulando, no ámbito de competencias do Concello, as seguintes actividades, comportamentos ou situacións:

1. A limpeza da vía pública no que se refire ao uso común xeral da cidadanía e a limpeza dos soares de propiedade municipal. Así mesmo, a inspección e a realización subsidiaria da limpeza dos soares e terreos de propiedade pública ou privada.

2. A prevención do estado de sucidade da cidade producida como consecuencia de manifestacións públicas na rúa, e a limpeza dos bens de dominio municipal no que respecta ao seu uso común especial e privativo.

3. O mantemento do estado xeral de limpeza e ornato dos espazos públicos e dos bens municipais.

Artigo 2.º OBRIGAS

Tanto as persoas físicas coma xurídicas do municipio, están obrigadas, no que concerne á limpeza do concello, a observar unha conduta encamiñada a evitar e previr a sucidade. En igual medida están obrigados os visitantes e transeúntes naqueles aspectos desta ordenanza que lles afecten.

Así mesmo, en cumprimento de deber cívico, poderán denunciar á autoridade municipal as infraccións que en materia de limpeza pública presencien ou das que teñan coñecemento certo.

A Alcaldía ou concelleiro en quen delegue, de oficio, ou por proposta dos servizos municipais correspondentes, sancionará os que co seu comportamento contraviñeran o disposto na presente Ordenanza.

Artigo 3.º ACTUACIÓNS SUBSIDIARIAS DO CONCELLO

1. O Concello poderá realizar subsidiariamente os traballos de limpeza que, segundo a presente Ordenanza correspondan efectuar directamente a cidadanía, imputándolles o custo dos servizos prestados, e sen prexuízo das sancións que en cada caso corresponda.

2. Os servizos municipais, poderán sempre que sexa preciso, proceder á limpeza da vía pública afectada ou dos seus elementos estruturais, ao mantemento, reparación e limpeza dos elementos e partes exteriores dos inmobles e ao cargamento, retirada, transporte e eliminación dos materiais residuais abandonados.

3. O Concello realizará a prestación dos servizos, en todos os supostos previstos na presente Ordenanza, mediante os procedementos técnicos e as formas de xestión que en cada momento considere conveniente para os intereses da cidade.

4. Tanto os particulares coma os organismos públicos, empresas, concesionarios de servizos e calquera outras entidades deberán colaborar coa actuación inspectora en materia de limpeza dos policías locais, entregándolles a información ou documentos necesarios e facilitándolles o acceso aos lugares onde haxan de realizar comprobacións necesarias e o emprego dos instrumentos técnicos que resulten precisos.

TÍTULO II: DA LIMPEZA VIARIA

CAPÍTULO I. DA LIMPEZA DA VÍA PÚBLICA COMO CONSECUENCIA DO USO COMÚN XERAL DA CIDADANÍA

Artigo 4.º ZONAS DE LIMPEZA PÚBLICA

O servizo de limpeza pública efectuarase nas zonas urbanizadas do termo municipal, incluíndose ademais aquelas zonas non urbanizadas, pero que polo seu uso, impacto, situación ou calquera outra razón que a xuízo do Concello sexa conveniente limpar.

As operacións de limpeza aplicaranse ás calzadas e as beirarrúas das vías públicas, prazas e paseos, e incluirán tamén a limpeza das gabias situadas nas beirarrúas, así como o baleirado das papeleiras e colectores.

Para os efectos de limpeza, considéranse como vía pública: as avenidas, prazas, paseos, rúas, beirarrúas, travesías, camiños, xardíns e zonas verdes, zonas terrosas, xardíns, pontes, túneles, viarios e demais espazos de uso público municipal destinado directamente ao uso común xeral da cidadanía.

Artigo 5.º ACTUACIÓNS SOBRE O USO COMÚN XERAL

Queda prohibida calquera operación que poida lixar as vías e espazos libres públicos, e, en especial:

1. Botar ou abandonar na vía pública toda clase de produtos en estado sólido, líquido ou gasoso. Os residuos sólidos de pequeno formato como papel, envoltorios e similares depositaranse nas papeleiras instaladas ao efecto. Tirar na vía pública cascas e gomas de mascar. Do mesmo modo prohíbese baleirar o contido das papeleiras na vía pública.

2.Os materiais residuais voluminosos, ou os de pequeno tamaño pero en gran cantidade, deberán ser obxecto de libramento ordenado os servizos de recollida de refugallos.

3. Depositar petardos, cigarros puros, cabichas de cigarros, brasas, cinzas ou outras materias acendidas ou inflamables nas papeleiras e demais colectores viarios. En todo caso deberán depositarse unha vez apagadas.

4. Botar non chan calquera clase despoxo dende os vehículos, xa estean detidos ou en marcha.

5. Regar as plantas colocadas no exterior dos edificios se a consecuencia desta operación se producen verteduras e salpicaduras sobre a vía pública ou sobre seus elementos. O rego farase dende as 22:00 h, ata as 08:30 h da mañá do día seguinte e sempre coa debida precaución e coidado de non producir molestias á veciñanza e peóns.

6. Cuspir e facer as necesidades fisiolóxicas na vía pública.

7. Espilir a roupa ou alfombras sobre a vía pública, nin tampouco desde balcóns ou terrazas fóra do horario seguinte: dende as 22.00 h ata ás 08.30 h da mañá. Esta operación, no horario permitido, realizarase de xeito que non cause danos nin molestias a persoas ou cousas.

8. Botar nas papeleiras obxectos voluminosos que poidan colapsalas e/ou inutilizalas.

Artigo 6.º LIMPEZA DE ZONAS DE DOMINIO PARTICULAR

1. Corresponde aos particulares a limpeza das pasaxes particulares, os patios interiores de mazá, os soares particulares, as galerías comerciais e similares. O Concello poderá asumir a limpeza de espazos de titularidade privada que se encontren abertos e destinados ao uso público se iso está xustificado por motivos de interese público.

2. Así mesmo, é obriga da propiedade do inmoble manter en condicións axeitadas as chemineas, baixantes e canles de auga, acometidas de saneamento, tellados, antenas de televisión e calquera outra instalación complementaria.

3. Corresponde aos titulares de establecementos que ocupan a vía pública, en horario de apertura e o posterior que sexa necesario para deixar limpa a zona, a limpeza da vía pública afectada polas súas instalacións. Os devanditos titulares serán responsables únicos ante a Administración municipal.

4. O Concello exercerá o control sobre estas obrigas, podendo exixir aos seus titulares a adopción das medidas necesarias. Así mesmo, poderá o Concello, logo de trámite de audiencia aos interesados, requirilos para que, no prazo que se sinale, realicen as obras ou reparacións necesarias advertíndolles que, en caso de incumprimento da orde de execución, procederase á execución subsidiaria ou á execución forzosa mediante a imposición de multas coercitivas, reiterables ata lograr a execución do ordenado, sen prexuízo, no seu caso, da apertura do correspondente expediente sancionador.

Artigo 7.º NOVAS URBANIZACIÓNS

Nas novas urbanizacións non se realizarán os servizos comprensivos da limpeza viaria, conservación e mantemento ata que non se acredite a obtención da correspondente acta de recepción da urbanización.

Ata que non se acredite co mencionado documento, a limpeza, mantemento e conservación correrá por conta do promotor da urbanización.

Artigo 8.º OBRIGA DA ADMINISTRACIÓN MUNICIPAL

Corresponderá á Administración municipal a limpeza de beirarrúas, calzadas, bordos, paseos, paredes, gabias das árbores, zonas terrosas, papeleiras, rótulos de identificación de vías públicas e restantes elementos do mobiliario urbano de responsabilidade municipal, sen prexuízo das modificacións do servizo que en circunstancias especiais determine a Corporación municipal.

Cando se trate de pasaxes particulares, patios interiores de mazá, soares particulares, zonas verdes particulares, galerías comerciais e similares, e/ou comunidade de propietarios, corresponderá a limpeza da propiedade. En caso de copropiedade dos elementos sinalados, a responsabilidade de limpar corresponderá solidariamente a toda a titularidade. E iso seguindo as orientacións que estableza o servizo municipal de limpeza para conseguir uns niveis axeitados e coordinar a recollida dos residuos destas co servizo de recollida. Cando os propietarios non cumpran debidamente esta obriga, a limpeza poderá ser efectuada polo servizo municipal, e os devanditos propietarios estarán obrigados a pagar o importe das correspondentes taxas municipais, independentemente das sancións a que houbese lugar.

Nas urbanizacións privadas os refugallos de todo tipo haberán de liberarse conforme ás normas de recollida establecidas polo Concello, sen que poidan depositarse ou acumularse.

Artigo 9.º LIMPEZA DAS RÚAS

A limpeza dos elementos destinados ao servizo do cidadán situados na vía pública, mais que non estean baixo a responsabilidade municipal, corresponderá efectuala aos titulares administrativos dos respectivos servizos.

Por proposta do servizo de limpeza pública, poderase indicar a prohibición de aparcar, naquelas rúas en que o seu estado de limpeza o requira, co fin de efectuar unha limpeza a fondo das rúas sinaladas, en días determinados, mediante sinais regulamentarios portátiles, nos que figurará claramente indicada a lenda ¿LIMPEZA PÚBLICA", e o día e a hora da operación.

Os devanditos sinais deberán ser colocados coa suficiente antelación, con polo menos 48 horas de antelación, salvo en casos de emerxencia.

CAPÍTULO II. DA SUCIDADE DA VÍA PÚBLICA A CONSECUENCIA DE OBRAS E ACTIVIDADES DIVERSAS

Artigo 10.º OBRIGA XERAL

Os titulares das actividades, calquera que sexa o lugar en que se desenvolvan e sen prexuízo das licenzas ou autorizacións que en cada caso sexan procedentes, teñen a obriga de adoptar as medidas necesarias para evitar a sucidade na vía pública, e zonas comúns, así como a de limpar a parte dela e dos seus elementos estruturais que se tivesen visto afectados, e a de retirar os materiais residuais resultantes. O incumprimento do precitado, supoñerá no seu caso, a suspensión na actividade, que será ordenada pola Alcaldía, sen prexuízo das sancións que procedan.

Artigo 11.º TRABALLOS OU OBRAS QUE AFECTEN Á VÍA PÚBLICA

1. Para previr a sucidade, as persoas que realicen obras na vía pública deberán proceder á protección desta mediante a colocación de elementos adecuados arredor dos derrubamentos, terras e outros materiais sobrantes da obra, de modo que se impida a diseminación e verteduras destes materiais fóra da estrita zona afectada polos traballos.

2. En especial, as superficies inmediatas aos traballos de gabias, canalizacións e conexións realizadas na vía pública, deberán manterse sempre limpas e exentos de toda clase de materiais residuais. As terras extraídas deberán protexerse en todo caso segundo determine o número un anterior.

3. Cando se tratar de obras na vía pública ou confrontantes ademais das medidas de seguridade viaria, deberán instalarse valos e elementos de protección, así como canalizacións, para o cargamento e descargamento de materiais e produtos de derrubamentos, que deberán reunir as condicións necesarias para impedir que se lixe a vía pública e que se causen danos ás persoas ou cousas.

Os devanditos elementos de protección deberían instalarse de acordo coas prescricións establecidas polo servizo municipal correspondente en virtude dos riscos que podería derivarse da súa deficiente colocación, mantemento, substitución, retirada, etc...

Será obrigatoria a correspondente autorización municipal, logo de informe dos servizos municipais de tráfico.

O titular da licenza de obra, construtor ou contratista, promotor ou propietario de calquera obra, e as empresas propietarias dos colectores de obra se estes estivesen na vía pública, serán responsables solidarios da falta de limpeza da vía pública ou a parte desta que se tivese ensuciado como consecuencia das obras e de utilizar os materiais vertidos. Debe procederse ao cumprimento desta obriga diariamente, e unha vez finalizada calquera operación de carga, descarga, saída ou entrada de vehículos ao lugar da obra.

Así mesmo, serán responsables de asegurar o cargamento que se transporte nos vehículos e proceder á limpeza das rodas ou calquera parte do vehículo susceptible de producir sucidade na vía pública.

O transporte de materiais susceptibles de producir po ou de lixar a vía pública farase cubrindo o cargamento con lonas ou toldos, e deberán adoptarse as medidas necesarias para evitar que diversos materiais se depositen na vía. O cargamento de materiais non debe superar os extremos superiores do cargamento do camión nin se poderán utilizar suplementos adicionais para aumentar a capacidade de cargamento dos vehículos.

Artigo 12.º EDIFICIOS E INMOBLES EN CONSTRUCIÓN

Cando se trate de edificios en construción, rehabilitación, reforma ou derrubamento, a obriga de limpar a vía pública corresponderá ao contratista da obra e subsidiariamente ao promotor desta. Así como da limpeza de camiños e rúas en todo o percorrido polo termo municipal que efectúen os vehículos adscritos ás obras.

Artigo 13.º UTILIZACIÓN DE COLECTORES

Queda terminantemente prohibido depositar na vía pública, non acoutada pola obra, todo tipo de materiais, mesmo terras, areas, gravas e demais materiais e elementos mecánicos de contención e escavación.

A utilización de colectores para obras será sempre preceptiva, requiríndose a correspondente autorización municipal, agás as obras de urbanización na vía pública ou de realización de gabias ou canalizacións.

Cando pola entidade das obras, estas requiran da utilización de colectores para a almacenaxe de entullos, a vía pública estará libre destes elementos durante as fins de semana e festivos, para o que os colectores e provisións de material deberán retirarse antes das 19:00 horas do venres do día anterior ao festivo correspondente.

Os colectores para obras deberán retirarse da vía pública nos supostos que se expresan a continuación:

-Ao expirar o termo da concesión da licenza de obra.

-En calquera momento, por requirimento dos axentes da autoridade municipal.

-En canto estean cheos para proceder ao seu baleirado.

-E, en todo caso, dentro das vinte e catro horas seguintes ao remate dos traballos.

Rematada a xornada laboral, deberase cubrir o colector debidamente, para evitar que se boten lixos polos veciños, desperdicios e similares, para o que ademais se deberá colocar rótulos indicativos de prohibición de botar tales residuos. Todo iso será responsabilidade da empresa construtora, e no seu defecto da propietaria do colector, os que serán responsables das consecuencias derivadas do incumprimento.

Artigo 14.º CARGAMENTO E DESCARGAMENTO DE VEHÍCULOS

Rematadas as operacións de cargamento, descargamento, saída ou entrada a obras ou almacéns, etc., de calquera vehículo susceptible de producir sucidades na vía pública, o persoal responsable das ditas operacións e, subsidiariamente, os titulares dos establecementos e obras onde se efectuaron, e, en derradeiro termo, o propietario ou condutor do vehículo, procederán á limpeza das rodas, da vía pública e dos elementos desta que se lixaron, así como á retirada dos materiais verquidos.

As persoas mencionadas no apartado anterior, e pola mesma orde, serán as responsables das infraccións que polos conceptos citados se fixeran á presente ordenanza, e dos danos que destas se deriven.

Artigo 15.º TRANSPORTE DE FORMIGÓN

1. Prohíbese o transporte de formigón con vehículo formigoneira sen levar pechada a boca de descargamento cun dispositivo que impida o vertedura de formigón na vía pública.

2. Prohíbese limpar as formigoneiras e calquera vehículo en xeral, na vía pública.

3. Do incumprimento dos apartados anteriores serán responsables o dono ou o condutor do vehículo, e quedan obrigados á limpeza do formigón que se verta, á limpeza de toda a parte da vía pública afectada e a reparación dos danos causados, sen prexuízo das sancións que correspondan.

Artigo 16.º MANIPULACIÓN DE MATERIAL RESIDUAL

Prohíbese a manipulación e selección dos materiais residuais depositados na vía pública á espera de ser recollidos polos servizos correspondentes.

Artigo 17.º LIMPEZA DE ESCAPARATES, TENDAS E ESTABLECEMENTOS COMERCIAIS

A limpeza de escaparates, tendas, postos de venda, establecementos comerciais, etc., efectuada polos particulares levarase a cabo de tal maneira que non quede sucidade na vía pública, depositándose os residuos xerados por esta operación en bolsas e nos colectores. O titular da actividade será responsable disto.

Artigo 18.º TALLERES E APARCADOIROS

1. Están obrigados a limpar os espazos ocupados habitualmente, na vía pública, por vehículos de tracción mecánica, na vía pública, os responsables dos establecementos e industrias que o utilicen para o seu servizo, en especial en canto se refire a verteduras de aceites, graxas ou produtos similares. Os titulares de talleres ou actividades de reparación, mantemento e limpeza de vehículos, os de vaos e aparcadoiros, así como os concesionarios de aparcadoiros públicos deberán manter limpas as beirarrúas e ramplas de acceso a estes.

2. Esta obriga afecta tamén aos espazos reservados para estacionamento de camións, camionetas, autocares de aluguer ou similares, sendo os seus propietarios ou titulares os responsables da limpeza dos espazos ocupados.

Artigo 19.º PROHIBICIÓNS XERAIS NA VÍA PÚBLICA

Prohíbese realizar na vía pública, os actos especificados a continuación:

1. Baleirar, verter ou depositar calquera clase de materiais residuais, tanto en calzadas, como beirarrúas, alcorques, soares sen edificar, rede de sumidoiros e en especial, depositar envases e embalaxes de cartón, plástico, madeira ou outros.

2. Verter calquera clase de auga sucia sobre as calzadas, beirarrúas, bordos, alcorques e soares sen edificar.

3. A vertedura de calquera clase de produto industrial líquido, sólido ou solidificable que, pola súa natureza, sexa susceptible de producir danos aos pavimentos ou afectar á integridade e seguridade das persoas e das instalacións municipais de saneamento, sumidoiros e depuración.

4. O abandono de animais mortos, ou os seus despoxos.

5. A limpeza de animais na vía pública. Queda prohibido que os donos dos animais os introduzan nas fontes ou estanques públicos. Queda prohibido bañar ou lavar os animais na vía pública.

6. Lavar os vehículos na vía pública.

7. Reparar vehículos na vía pública, agás en actuacións puntuais de emerxencia, debendo en todo caso proceder á limpeza da zona afectada, sendo os seus titulares ou propietarios responsables das infraccións.

8. Realizar calquera acto que produza sucidade ou sexa contrario á limpeza e decoro da vía pública como por exemplo, bañarse, lavarse ou enxaugarse nas fontes, lavar roupa ou outros aparellos na vía pública.

9. Botar calquera obxecto, incluídos residuos ou restos de obras, lixo, comida, papeis, cartóns, plásticos e análogos, que lixen a vía pública, ou constitúan un risco para a integridade das persoas, plantas, vehículos ou cousas.

10. Dar de comer os animais na vía pública.

11. Facer lumeiradas ou queimas de calquera clase en vía pública, agás autorización expresa municipal para eventos sinalados, que indicará os lugares e condicións en que estas accións terán lugar.

Artigo 20.º ABANDONO DE MOBLES E TRASTES NA VÍA PÚBLICA

1. Prohíbese o abandono de mobles e aparellos particulares na vía pública, agás os que estean en espera de ser retirados polo servizo especial de recollida destes, nas horas, que se indicase.

2. Igualmente, prohíbese depositar na vía pública barrís de bebidas a granel, caixas de bebidas cheas ou baleiras, caixas e paquetes de calquera produto industrial ou comercial, cadeiras e mesas, máquinas expendedoras de bebidas alcohólicas ou refrescos, obstaculizando o paso de peóns ou vehículos, sen licenza, autorización ou permiso da autoridade municipal competente.

3. Será potestade dos servizos municipais a retirada, sen previo aviso, de todo obxecto de material abandonado cando dificulte o paso libre circulación ou poida ser causa de afección á seguridade, á limpeza ou o decoro da vía pública.

4. Os materiais sinalados nos apartados precedentes, serán trasladados para o seu depósito ou eliminación, aos lugares ou equipamentos previstos para o efecto pola autoridade municipal.

5. Os gastos producidos polo traslado, depósito e custodia destes materiais serán por conta dos seus propietarios ou produtores, sen prexuízo das sancións a que haxa lugar.

CAPÍTULO III. DA LIMPEZA E MANTEMENTO DOS ELEMENTOS E PARTES EXTERIORES DOS INMOBLES

Artigo 21.º OBRIGAS DOS PROPIETARIOS

Os propietarios de inmobles ou, subsidiariamente, os usuarios e administradores, están obrigados a mantelos nas debidas condicións de seguridade, limpeza e ornato público.

Artigo 22.º OBRIGAS DAS COMUNIDADES DE PROPIETARIOS

1. Os propietarios, comunidades de propietarios, inquilinos ou arrendatarios, titulares de negocios, e/ou administradores dos edificios, terreos, vivendas e establecementos ou locais, están obrigados a manter limpas as fachadas, os rótulos de numeración das rúas, rótulos anunciadores, toldos, medianeiras descubertas, entradas, escaleiras de acceso e en xeral, todas as partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pública.

2. En todo o que se refira ao apartado precedente, os propietarios, comunidade de propietarios, inquilinos, arrendatarios, titulares de negocios e/ou administradores, deberán proceder aos traballos de mantemento, limpeza, renovado e estucado cando por motivos de ornato público, sexa necesario e o ordene a autoridade municipal, logo de informe dos servizos municipais competentes.

3. Os propietarios (particulares ou promotores e contratistas) dos baixos deberán pechalos debidamente, de acordo cos parámetros establecidos na normativa urbanística vixente no Concello de Betanzos.

4. Os propietarios, comunidade de propietarios e no seu caso, inquilinos, arrendatarios, titulares de negocios e/ou administradores, están obrigados a manter limpas as chemineas, depósitos, conducións de auga e de gas, desaugadoiros, pararraios, antenas de televisión e calquera outra instalación complementaria dos inmobles.

5. O Concello, nos supostos recollidos nos apartados precedentes e previo trámite de audiencia aos interesados, requirirá os responsables antes mencionados para que, no prazo que se lles sinale, realicen as obras ou operacións necesarias, sen prexuízo das sancións a que haxa lugar, caso de incumprimento.

6. Os que estean á fronte de quioscos, casetas de venda, espectáculos ou atraccións, situados na vía pública, están obrigados a manter limpo o espazo en que se desenvolva o seu labor, durante o horario que realicen a súa actividade e deixalo no mesmo estado unha vez finalizada esta (realizarase no prazo dunha hora, contada a partir da hora de peche do establecemento). A mesma obriga incumbe aos donos dos cafés, bares, e establecementos análogos, en canto á superficie de vía pública, que ocupen con veladores, terrazas e cadeiras, etc, así como á beirarrúa correspondente á lonxitude da súa fachada.

7. Os titulares de establecementos, quioscos ou postos, así como os concesionarios de expendedurías de tabacos, lotería nacional e bancos ou caixas de aforros que dispoñan de caixeiro automático de acceso dende as vías públicas, deberán instalar pola súa conta e cargo as papeleiras necesarias.

8. O incumprimento do ordenado determinará de forma inmediata a aplicación por falta de limpeza e decoro nos elementos ou partes exteriores do inmoble, se é o caso, das sancións administrativas que correspondan, logo de incoación do oportuno expediente sancionador, pola autoridade municipal.

9. Cando as circunstancias o fagan aconsellable por desobediencia dos obrigados e para obter melloras de interese xeral, o Concello poderá efectuar as obras e operacións de conservación e limpeza a que se refire o presente artigo, imputando o custo aos propietarios dos edificios se este se adecúa ao deber de conservación que lles corresponde, e con cargo a fondos municipais cando o superen.

10. Prohíbese terminantemente fixar carteis e pasquíns de todo tipo, así como realizar pintadas, murais ou inscricións nas fachadas, muros, cerrumes e valos, de edificios, quioscos e cabinas, recaentes á vía pública, sen licenza municipal.

11. As bandeiriñas e motivos de adornos para festas populares, pancartas e bandeirolas de propaganda, só poderán ser colocadas previa a oportuna autorización municipal, e haberán de ser retiradas dentro dos 5 días seguintes ao remate dos actos para que foron colocadas, agás cando se trate de instalacións luminosas, que deberán retirarse no prazo máis breve posible, nunca maior de 30 días, cumprindo as normas e trámites aplicables. Podendo, se é o caso, ser retiradas polo Concello, con cargo ás asociacións, comunidades ou persoas responsables, sen prexuízo das sancións que procedan.

CAPÍTULO IV. DA LIMPEZA E MANTEMENTO DE SOARES E FINCAS

Artigo 23.º LIMPEZA DE SOARES

1. Os propietarios de soares e terreos deberán mantelos limpos, libres de residuos e nas debidas condicións de hixiene, salubridade, seguridade e ornato público. Esta obriga inclúe a esixencia de desratización e desinfección dos soares.

2. De conformidade coa Lei 9/2002, de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia o Concello poderá ordenar a execución desas obras de limpeza por motivos de interese estético ou de hixiene.

3. Os propietarios de soares ou terreos que linden coa vía pública deberán valalos con cerramentos situados na aliñación oficial, construídos con materiais que garantan a súa estabilidade e conservación, e respectando en canto a estas condicións e á súa altura a normativa urbanística do Concello.

Artigo 24.º EXECUCIÓN SUBSIDIARIA DOS TRABALLOS

1. Os servizos municipais procederán á execución subsidaria dos traballos a que fai referencia o artigo anterior, con cargo ao obrigado e sen prexuízo das sancións, correspondentes.

2. Se por motivos de interese público ou sanitario fose necesario asumir subsidiariamente as obrigas do propietario, o Concello procederá a acceder aos soares de propiedade privada, imputando todos os custos da actuación que correspondan aos propietarios do terreo.

CAPÍTULO V. DA TENZA DE ANIMAIS NA VÍA PÚBLICA E SÚA REPERCUSIÓN A RESPECTO DA LIMPEZA

Artigo 25.º RESPONSABILIDADE DOS DANOS OU AFECCIÓNS

1. Os propietarios son directamente responsables dos danos a persoas e cousas e de calquera acción que ocasione sucidade na vía pública producida por animais da súa pertenza, que en todo caso, deberán ser suxeitos coa súa correspondente correa.

2. En ausencia do propietario, será responsable subsidiariamente a persoa que levase o animal non momento de producirse a sucidade.

3. Ante unha acción que cause sucidade na vía pública producida por un animal, os axentes da autoridade están facultados en todo momento para:

a) Esixir do propietario ou posuidor do animal a reparación inmediata do lixamento causado.

b) Denunciar a infracción cometida.

4. Queda prohibido depositar ou dar alimentos aos animais domésticos e/ou libres na vía pública e nos espazos abertos públicos e/ou de urbanizacións.

Artigo 26.º RETIRADA DOS EXCREMENTOS

1. En todos os casos, a persoa que conduza o animal está obrigada a recoller e retirar os excrementos e a limpeza da parte da vía pública afectada.

2. O condutor do animal poderá, de acordo co que dispón o apartado anterior liberar as deposicións de maneira hixienicamente aceptable, perfectamente pechadas, nos elementos de contención indicados polos servizos municipais e no seu defecto nos colectores de lixo.

Artigo 27.º HABILITACIÓN DE LUGARES

O Concello poderá instalar na vía pública os equipamentos especiais para as deposicións dos animais domésticos, poderá sinalar lugares habilitados, poderá instalar elementos de contención para facilitar o libramento de excrementos e poderá proceder a colocar sinais preventivos e informativos necesarios para o cumprimento destes preceptos.

Artigo 28.º SANCIÓNS

En todos os casos contemplados nos artigos 25 e 26 anteriores, os infractores serán sancionados, podendo se así se considera necesario proceder a capturar o animal causante.

En todo caso de retención ou captura de animais, aplicarase a Ordenanza municipal correspondente.

TÍTULO III. DA LIMPEZA DA CIDADE A RESPECTO DO USO COMÚN ESPECIAL E PRIVATIVO E AS MANIFESTACIÓNS PÚBLICAS NA RÚA

CAPÍTULO I. CONDICIÓNS XERAIS E ÁMBITO DE APLICACIÓN

Artigo 29.º ÁMBITO DE APLICACIÓN

1. A sucidade da vía pública producida a consecuencia do uso común, especial e privativo será responsabilidade dos seus titulares.

2. O Concello poderá esixir aos titulares expresados no número anterior a colocación, mantemento e limpeza de elementos homologados para a contención dos residuos producidos polo consumo nos seus establecementos, que se dispoñerán na vía pública durante o tempo de actividade do establecemento, debendo logo ser retirados.

3. O Concello, por proposta dos servizos municipais, establecerá as características técnicas que deberán cumprir os colectores para residuos, papeleiras, cinseiros e outros elementos similares a instalar polos particulares na vía pública durante o horario de apertura dos establecementos.

Artigo 30.º REPARTO DOMICILIARIO

A repartición domiciliaria de publicidade deberá efectuarse de conformidade cos seguintes requisitos:

a) Ten que se depositar no interior das caixas de correo particulares e/ou naqueles espazos que os veciños ou a comunidade de propietarios do edificio ou urbanización establecesen para o efecto.

b) Non se poderá depositar nin deixar a publicidade, de forma indiscriminada ou en desorde, debaixo das portas, nin nas entradas que dean á vía pública.

Artigo 31.º ACTOS PÚBLICOS EN ESPAZOS PÚBLICOS POR ORGANIZACIÓNS PRIVADAS

1. Os organizadores dun acto público, que teña carácter económico e que se desenvolva na vía pública están obrigados a solicitar a correspondente autorización municipal e pagar as taxas fiscais correspondentes. Os organizadores privados dun acto público en espazos de propiedade pública, serán os responsables da sucidade derivada de tal acto nestes.

2. Os titulares de autorización municipal para o exercicio de actividades na vía pública tales como mercados, feiras de diversa índole, circos, etc., deberán velar en todo momento para que o espazo público en que desenvolven a súa actividade e o seu contorno próximo nun radio de cinco metros non se lixen e os seus elementos urbanos ou arquitectónicos non se deterioren, e quedan obrigados de ser o caso á correspondente reparación, reposición e limpeza.

3. Para os efectos da limpeza da cidade, os organizadores están obrigados a informar o Concello do lugar, percorrido e horario do acto público a celebrar. O Concello poderalles esixir a constitución dunha fianza en metálico ou aval bancario polo importe dos servizos de limpeza que, previsible e subsidiariamente correspondese efectuar a consecuencia da sucidade derivada da celebración do acto público.

4. Non obstante o anterior, dependendo do interese público do evento, o Concello poderá prestar colaboración coa organización do acto na forma que determine.

Artigo 32.º CONCEPTO DE RÓTULOS, CARTEIS, PANCARTAS, PINTADAS, BANDEIROLAS, VALADOS, PANFLETOS E ADHESIVOS

Para os efectos da presente Ordenanza considéranse:

1. Por rótulos: os anuncios fixos ou móbiles realizados mediante pintura, baldosas e outros materiais destinados a conferirlles unha longa duración.

2. Por carteis: os anuncios, impresos ou pintados, sobre papel ou outro material de escasa consistencia, destinado a ser adherido a valos, fachadas ou carteleiras.

3. Por pancartas: os anuncios publicitarios de grande tamaño situados ocasionalmente na vía pública por un período non superior a 15 días, coincidindo coa celebración dun acto público.

4. Por pintadas: as inscricións manuais realizadas na vía pública sobre os muros ou paredes da cidade, sobre as beirarrúas e calzadas e sobre calquera de seus elementos estruturais.

5. Por bandeirolas: os anuncios publicitarios de pequeno tamaño, situados ocasionalmente na vía pública, por un período non superior a 15 días, con ocasión dun acto público. Adóitanse dispoñer suxeitos a un elemento común que na maioría dos casos se apoia en partes de edificios ou mobiliario urbano.

6. Por valos: os anuncios publicitarios de grande tamaño, situados na vía pública, mediante instalación de estrutura, con carácter provisional ou permanente.

7. Por panfletos: follas ou voantes de propaganda.

8. Por adhesivos: os impresos dotados de material adhesivo nunha das súas caras, que poden aplicarse directamente en calquera outro elemento sólido.

Artigo 33.º LIMPEZA DE ELEMENTOS

A concesión da autorización para a colocación ou distribución de rótulos e dos restantes elementos publicitarios definidos no artigo 34.º, levará a obriga para o responsable de limpar os espazos da vía pública que lixen, así como a retirada, dentro do prazo autorizado, de todos os elementos publicitarios utilizados e os seus correspondentes accesorios.

Para a colocación ou distribución na vía pública dos elementos publicitarios sinalados no artigo 32.º, o Concello poderá esixir a constitución de fianza pola contía correspondente aos custos previsibles de limpar ou retirar da vía pública os elementos que puidesen causar sucidade.

CAPÍTULO II. DA COLOCACIÓN DE CARTEIS E PANCARTAS NA VÍA PÚBLICA

Artigo 34.º ACTIVIDADE PUBLICITARIA

1. Prohíbese a colocación e pegado de carteis e adhesivos no mobiliario urbano, así como fóra dos lugares que expresamente sexan autorizados polo Concello. No caso de que se producise esta, os gastos de limpeza serán cargados á empresa ou entidade responsable, independentemente das sancións ás que dese lugar. No caso de colocación de pancartas e dado que iso pode presentar un risco adicional para o tráfico, requirirase, con carácter previo á autorización, informe aos servizos técnicos municipais de Tráfico.

Os axentes da Policía Local, quedan autorizados para ordenar a retirada inmediata daqueles carteis que ao seu xuízo constitúan un risco para a circulación de vehículos, peóns ou calquera outro.

2. Prohíbese toda clase de actividade publicitaria das reguladas no presente capítulo nos edificios catalogados no plan urbanístico, cualificados ou inventariados como histórico-artísticos ou pertencentes ao patrimonio cultural, e nos asimilables. Exceptuaranse as pancartas ou rótulos que fagan referencia ás actividades que teñan lugar no edificio, ou se refira a obras de conservación, reforma ou rehabilitación destes, respectando en todo caso as posibles previsións que ao respecto se establezan no plan municipal.

Artigo 35.º CONDICIÓNS DE COLOCACIÓN DE PUBLICIDADE

1. A colocación de carteis e adhesivos nas carteleiras e columnas anunciadoras municipais, por parte de asociacións de carácter social e veciñal, deberá cumprir as seguintes condicións:

a) Que os carteis conteñan propaganda de actos ou actividades de interese cidadán.

2. Queda prohibido rachar, ensuciar ou arrancar os carteis situados nos lugares ou sitios establecidos para o efecto.

Artigo 36.º AUTORIZACIÓN MUNICIPAL PARA COLOCACIÓN DE PANCARTAS E BANDEIROLAS

1. A colocación de pancartas e bandeirolas na vía pública soamente se autorizará:

a) En período de festas populares e tradicionais.

b) Con motivo de eventos deportivos ou culturais.

2. As pancartas e bandeirolas unicamente poderán conter a propaganda (de tipo político ou social ou cultural) obxecto da correspondente solicitude de autorización, sen incluír ningunha outra clase de publicidade que ocupe máis do 50% da superficie.

3. A solicitude de autorización para a colocación de pancartas deberá contemplar:

a) O contido e medidas das pancartas ou bandeirolas.

b) Os lugares onde se pretenden instalar.

c) O tempo que permanecerán instaladas.

d) O compromiso do responsable de retiralas e de reparar os danos causados na vía pública ou aos seus elementos estruturais, e de indemnizar os danos e perdas que puidesen ocasionar como consecuencia da súa colocación.

4. Prohíbese a colocación de pancartas e bandeirolas suxeitas ás árbores en calquera dos seus elementos.

Artigo 37.º PANCARTAS E BANDEIROLAS EN ELEMENTOS ESTRUTURAIS DA VÍA PÚBLICA

As pancartas e bandeirolas deberán cumprir, en todos os casos, as seguintes condicións:

a) As pancartas e bandeirolas non se axustarán a elementos estruturais da vía pública, salvo que exista expresa autorización da Alcaldía ou concelleiro delegado. Nas suxeitas a farois a suxeición farase única e exclusivamente nun máximo de dous puntos nos seus extremos. Os elementos de suxeición non poderán ser metálicos.

b) A superficie da pancarta terá a perforación suficiente para poder minorar o efecto do vento e, en todo caso, a superficie perforada será o 25% da pancarta.

c) En todo caso, a altura mínima de colocación, medida no punto máis baixo, será de cinco metros, cando a pancarta atravese a calzada, e de tres metros en beirarrúas, paseos e outras zonas de peóns.

Artigo 38.º RETIRADA DE PANCARTAS E BANDEIROLAS

1. As pancartas e bandeirolas deberán ser retiradas polos interesados tan pronto como caducase o prazo para o que foron autorizados, que non poderá exceder de 5 días desde a terminación do evento para o que foren colocadas. De non o facer así, serán retiradas polos servizos municipais, imputándose aos responsables os custos correspondentes ao servizo prestado, sen prexuízo da imposición da sanción correspondente.

2. A colocación de pancartas, bandeirolas e valos na vía pública sen autorización, dará lugar á súa retirada inmediata por parte municipal coa imposición de sancións e cargo dos gastos ocasionados aos responsables pola autoridade municipal.

CAPÍTULO III. DAS PINTADAS

Artigo 39.º PINTADAS NA VÍA PÚBLICA

1. Prohíbese toda clase de pintadas na vía pública, tanto sobre os seus elementos estruturais, rúas, beirarrúas e mobiliario urbano, coma sobre os muros, paredes, estatuas, monumentos ou calquera elemento externo da cidade.

2. Serán excepción, en relación co apartado un anterior:

a) As pinturas murais feitas sobre os valos dos terreos edificables, peches de obra, paredes medianeiras vistas e elementos de carácter provisional. Para as que será necesaria a previa autorización do seu propietario e da autoridade municipal.

b) As pinturas ou expresións de carácter artístico que autorice o Concello nos lugares determinados na autorización.

3. En calquera momento, a través dos servizos municipais correspondentes, o Concello poderá proceder ao borrado ou eliminación das pintadas que non tivesen autorización.

CAPÍTULO IV. DA DISTRIBUCIÓN DE PANFLETOS

Artigo 40.º DISTRIBUCIÓN DE PANFLETOS OU SIMILARES

1. Prohíbese espallar, tirar ou deixar na vía pública toda clase de panfletos ou materiais publicitarios. Tamén se prohibe abandonar ou acumular publicidade nas portas ou entradas dos inmobles.

2. Prohíbese a colocación de panfletos ou outros elementos publicitarios nos vehículos que estean na vía pública.

3. Da sucidade da vía pública consecuencia da repartición de panfletos ou de calquera outro elemento publicitario serán responsables solidarios tanto a entidade anunciante coma a encargada da repartición e distribución.

4. Os servizos municipais correspondentes procederán a limpar a parte de espazo urbano que se vise afectada pola distribución ou dispersión de panfletos ou folletos, e imputaráselles aos responsables o custo dos servizos extraordinarios prestados, sen prexuízo da imposición das sancións que correspondan.

CAPÍTULO V. LIMPEZA E CONSERVACIÓN DO MOBILIARIO URBANO E ZONAS VERDES

Artigo 41.º MANTEMENTO DO MOBILIARIO URBANO

O mobiliario urbano existente nos parques, xardíns, zonas verdes e vías públicas, no que se encontran comprendidos os bancos, xogos infantís, papeleiras, fontes, sinalizacións e elementos decorativos tales como farois e estatuas, deberán manterse no máis axeitado e estético estado de limpeza e conservación.

Artigo 42.º USO DO MOBILIARIO URBANO

A. BANCOS: non se permite o uso inadecuado dos bancos ou todo acto que prexudique ou deteriore a súa conservación e, en particular, arrancar aqueles que estean fixos, ou realizar inscricións ou pintadas.

As persoas encargadas do coidado dos nenos deberán evitar que estes nos seus xogos depositen sobre os bancos area, auga, barro ou calquera elemento que poida ensucialos, manchar ou prexudicar a usuarios destes.

B. XOGOS INFANTÍS: a súa utilización realizarase por nenos de idades comprendidas nos carteis indicadores que para tal efecto se establezan, prohibíndose a súa utilización por adultos ou por menores que non estean comprendidos na idade que se indique expresamente en cada sector ou xogo.

C. PAPELEIRAS: queda prohibida toda manipulación de papeleiras (movelas, envorcalas, arrancalas, facer inscricións, incendialas ou adherir adhesivos nestas), así como todo aqueles actos que deterioren a súa estética ou entorpezan o seu normal uso.

D. FONTES: queda prohibido realizar calquera manipulación nos canos e elementos das fontes que non sexan as propias da súa utilización normal.

Nas fontes decorativas, fornecedores, bocas de rego e elementos análogos non se permitirá introducirse nas súas augas, practicar xogos, realizar calquera tipo de manipulación e, en xeral, todo mal uso da auga.

E. SINALIZACIÓN, FAROIS, ESTATUAS E ELEMENTOS DECORATIVOS: queda prohibido trepar, subir, arrandearse ou realizar calquera acto que prexudique, deteriore ou menoscabe o seu uso normal e funcionamento.

TÍTULO IV. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 43.º DENUNCIAS

1. Toda persoa natural ou xurídica poderá denunciar ante o Concello as infraccións da presente ordenanza en relación coas materias que se refire. O denunciante deberá identificase no momento de realizar a denuncia.

2. Se a denuncia fose por escrito, deberá conter os requisitos esixidos pola normativa xeral para as instancias á Administración.

3. As denuncias deberán conter, en todo caso, os datos precisos para facilitar aos servizos municipais as correspondentes comprobacións.

4. Nos casos de recoñecida urxencia poderá recorrerse de forma directa aos servizos municipais que teñan encomendada a atención destes supostos, os cales, logo de comprobación inmediata, adoptarán as medidas de emerxencia necesarias.

5. O denunciante suxeito a responsabilidade en que puidese incorrer cando actúe con temeridade ou mala fe, sendo do seu cargo os gastos que en tales supostos se orixinen.

6. As denuncias formuladas polos particulares darán lugar á incoación do oportuno expediente, notificándose aos interesados as resolucións que se adopten.

Artigo 44.º RESPONSABILIDADES

1. As responsabilidades derivadas do incumprimento das obrigas sinaladas nesta ordenanza serán esixibles non só polos actos propios, senón tamén polos daquelas persoas de quen se deba responder e por proceder dos animais dos que se fora propietario.

2. Cando se trate de obrigas colectivas tales como uso, conservación e limpeza de recipientes normalizados, limpeza de zonas comúns, etc. a responsabilidade será atribuída á respectiva comunidade de propietarios ou habitantes do inmoble cando non estea constituída aquela e para o efecto as denuncias formaranse contra esta ou, no seu caso, a persoa que exerza a súa representación.

Artigo 45.º INCOACIÓN E RESOLUCIÓN DO EXPEDIENTE SANCIONADOR

1. A autoridade municipal competente, ordenará a incoación e instrución do oportuno expediente sancionador, de conformidade co disposto nesta Ordenanza e polo artigo 139 a 141 da Lei 7/1985 do 2 de abril, Reguladora das bases do réxime local e subsidiariamente, pola Lei 30/92, do 26 de novembro, de réxime xurídico e o procedemento administrativo común, artigos 127.º ao 138.º, ambos os dous inclusive. E fundamentalmente en canto se refire á tramitación do procedemento, polo RD 1398/1993 do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Unha vez firme a sanción, en defecto de pagamento voluntario, seguirase o procedemento administrativo de prema (artigo 58.º, do RDL 781/1986).

2. Os órganos competentes para a imposición de sancións reguladas pola presente ordenanza son :

a) Para a s faltas leves: Alcaldía-Presidencia

b) Para as faltas graves e moi graves: A Xunta de Goberno Local

Artigo 46.º PAGAMENTO DAS SANCIÓNS

As sancións poderán facerse efectivas desde o mesmo momento de recepción do boletín de denuncia ou acta de inspección ou, no seu defecto, na notificación posterior da denuncia polo instrutor do expediente, comparecéndose nas oficinas de recadación do Concello de Betanzos onde se expedirá a correspondente carta de pagamento, cunha bonificación do 30% sobre a contía correspondente e sen prexuízo da posibilidade de interposición dos recursos ou de realizar alegacións que se consideren pertinentes de conformidade co previsto no artigo.

A bonificación sinalada será aplicada ao pagamento que teña lugar antes de que se dite resolución do expediente sancionador.

O pagamento do importe da multa implica a terminación do procedemento unha vez concluído o prazo do trámite para formular alegacións sen que estas se realizasen, sen prexuízo da posibilidade de interpoñer os recursos correspondentes.

Artigo 47.º CLASIFICACIÓN DAS INFRACCIÓNS

As infraccións á presente Ordenanza clasifícanse en leves, graves e moi graves, conforme ao artigo 140 da LRBRL.

As sancións por infraccións á presente Ordenanza serán graduadas atendendo, ao grao de execución, tentativa e sobre todo á intencionalidade, dolo ou mala fe dos responsables, en relación coa salubridade ou ornatos públicos, de conformidade co disposto no artigo 131.3 LRJAAPP e PAC, que establece que:

Na determinación normativa do réxime sancionador, así como na imposición de sancións polas Administracións públicas deberase gardar a debida adecuación entre a gravidade do feito constitutivo da infracción e a sanción aplicada, considerándose especialmente os seguintes criterios para a graduación da sanción a aplicar:

a) A existencia de intencionalidade ou reiteración.

b) A natureza dos prexuízos causados.

c) A reincidencia, por comisión, no termo dun ano de máis dunha infracción da mesma natureza cando así fose declarado por resolución firme.

O grao de execución de cada sanción atendendo a tales criterios de responsabilidade será: máximo, medio e mínimo, segundo resulte da propia cualificación da ordenanza, sen que o grao medio nunca poida exceder do dobre do mínimo.

Salvo previsión legal distinta, as multas por infracción de ordenanzas locais deberán respectar as seguintes contías:

Infraccións moi graves: ata 3000 euros.

Infraccións graves: ata 1500 euros.

Infraccións leves: ata 750 euros.

A continuación relaciónanse as distintas infraccións coas sancións correspondentes a cada unha delas, expresadas en euros.

a. Infraccións leves, considéranse infraccións leves as seguintes:

1. Incumprimento das normas sobre limpeza da vía pública, tales como tirar papeis, cartóns, bolsas de plástico, cascas, gomas de mascar ou cabichas á vía pública.

Ata 100,00 €

2. Lixar a vía pública como consecuencia da tenza de animais, permitindo as súas dexeccións en zonas non autorizadas e non efectuando a súa recollida, así como dar de comer a animais na vía pública.

Ata 300,00 €

3. Lixar a vía pública con envases ou envoltorios de plástico, cartón, metal ou similares, sempre que non xere risco para as persoas.

Ata 200,00 €

4. Incumprimento da obriga de limpeza en pasaxes e urbanizacións particulares.

Ata 100,00 €

5. Lavar vehículos na vía pública.

Ata 200,00 €

6. Regar as macetas ou plantas fóra do horario e normas establecidas.

Ata 100,00 €

7. Deixar sucia a vía pública despois de traballos de carga e descarga.

Ata 500,00 €

8. Non limpar os espazos ocupados por vehículos de establecementos.

Ata 300,00 €

9. Non instalar papeleiras na zona onde desenvolven a súa actividade, e durante o horario desta e o posterior necesario para a súa limpeza, os quioscos, establecementos de hostalaría, casetas de venda, espectáculos, atraccións e demais establecementos cuxa actividade afecte a unha parte da vía ou espazo público. Non instalar papeleiras de correo en vehículos de transporte público.

Ata 300,00 €

10. Depositar refugallos nos recipientes para recollida de lixo ou depositar lixo en recipientes de recollida de refugallos.

Ata 750,00 €

11. Non retirada do colector de obra dentro das 24 horas seguintes ao remate de traballos.

Ata 200,00 €

12. Transporte de formigón en vehículo formigoneira sen levar cerrada a boca de descarga.

Ata 500,00 €

13. Sucidade en vía pública orixinada pola limpeza de escaparates, portas, toldos ou cortinas de establecementos comerciais.

Ata 100,00 €

14. Non retirada de pancartas unha vez acabado o prazo.

Ata 500,00 €

15. Selección, clasificación ou separación de calquera clase de material de refugallos depositado na vía pública.

Ata 100,00 €

16. Arrincar ou rachar carteis ou pancartas colocadas en lugares autorizados.

Ata 300,00 €

17. O aseo ou limpeza dos animais na vía pública.

Ata 200,00 €

18. Polo uso inadecuado dos bancos e trasladar os que non estean fixados ao solo.

Ata 200,00 €

b. Infraccións graves, considéranse infraccións graves as seguintes:

1. Lixar a vía pública a consecuencia de efectuar obras e outras actividades ás que se refire o capítulo II do título II da Ordenanza. Así mesmo miccionar ou defecar na vía pública, e calquera actividade ou operación que produza sucidade na vía pública, que non sexa considerada moi grave nin leve.

Ata 751,00 €

2. Incumprimento da obriga de mantemento de limpeza de fachadas, rótulos anunciantes, toldos, medianeiras descubertas, entradas, escaleiras de acceso, e en xeral, todas as partes dos inmobles que sexan visibles desde a vía pública.

Ata 751,00 €

3. Incumprimento do deber de limpeza e mantemento de soares.

Ata 751,00 €

4. Non limpar a vía pública lixada a consecuencia de festas, realización de obras, actividades publicitarias, comerciais ou hostaleiras, quioscos, cafetarías, postos na rúa e similares actividades.

Ata 751,00 €

5. Abandonar mobles, trastes domésticos, trastes vellos, materiais residuais, procedentes de pequenas reparacións nos domicilios.

Ata 751,00 €

6. Incumprimento das normas sobre actos públicos, bandeirolas, pancartas, carteis, rótulos, pintadas, panfletos e/ou adhesivos (cap. I, II, III e IV do título III), pagándose a sanción correspondente por cada pancarta, cartel, pintada, rótulo ou pasquín fixado no lugar non autorizado. En caso de pintadas con ácido a sanción será de 751,00.

Ata 751,00 €

7. A colocación de elementos publicitarios de calquera tipo en edificios incluídos no patrimonio histórico-artístico da cidade.

Ata 1000,00 €

8. Abandonar na vía pública ou en espazos públicos envases ou recipientes de cristal. Abandonar na vía pública o en espazos públicos calquera tipo de envases, envoltorios ou recipientes cando con isto se xere risco para as persoas.

Ata 1000,00 €

9. Limpeza de formigoneiras en espazos privados non adaptados para isto.

Ata 1500,00 €

10. Colocar colectores de obras na vía pública sen autorización , nos casos en que sexa preceptiva a súa obtención.

Ata 751,00 €

11. Lixar a vía pública con envases, envoltorios ou outros obxectos ou trastes, sempre que se xere risco para a saúde ou a integridade física da cidadanía.

Ata 1.200,00 €

c. Infraccións moi graves, considéranse infraccións moi graves as seguintes:

1. Depositar nos colectores de obras refugallos que conteñan materiais inflamables, explosivos, daniños e perigosos, susceptibles de putrefacción ou de producir olores desagradables.

Ata 3000,00 €

2. Lixar a vía pública con motivo de transporte de materiais de obra, terras, refugallos ao non adoptar medidas no vehículo para impedir as verteduras.

Ata 3000,00 €

3. Depositar na vía pública ou en colectores non aptos para isto refugalllos de carácter industrial e especial (sanitarios, perigosos, etc).

Ata 3000,00 €

4. Depositar na vía pública ou en colectores de lixo, limpeza ou refugallos, animais mortos.

Ata 2000,00 €

5. Lixar a vía pública ou espazos públicos como consecuencia de actos vandálicos contra o mobiliario urbano, equipamento para a limpeza pública ou instalacións de calquera tipo situadas na vía ou espazos públicos, incluíndose os actos vandálicos contra vehículos, instalacións ou propiedades privadas de calquera tipo que causen sucidade na vía pública ou espazos públicos.

Ata 2000,00 €

6. Carecer de valado un soar.

Ata 2000,00 €

7. Limpeza de formigoneira na vía pública.

Ata 2000,00 €

8. Reparar vehículos en vía pública sempre e cando non se trate dunha emerxencia e xere sucidade na vía pública.

Ata 2000,00 €

9. Liberar refugallos, zurro, esterco e produtos similares que xeran mal olor na vía pública.

Ata 2000,00 €

10. A realización de pintadas-graffitis en edificios incluídos no patrimonio histórico-artístico da cidade.

Ata 3000,00 €

11. A reincidencia na comisión de faltas graves.

Ata 2000,00 €

En caso de reincidencia en falta moi grave, poderá procederse, logo de tramitación do expediente administrativo oportuno, á suspensión da actividade.

DISPOSICIÓN ADICIONAL

Logo de acordo, o Concello poderá realizar subsidiariamente a limpeza dos espazos públicos da cidade, cuxa titularidade estea fisicamente compartida entre outros órganos e organismos da Administración.

Nestes supostos, o Concello poderá establecer coa Administración correspondente, os concertos que resulten máis convenientes para o interese público e o benestar xeral.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA

Á entrada en vigor da presente Ordenanza quedarán derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior rango, que resulten coincidentes na mesma materia ou materias contidas nesta, en canto se opoñan ou contraveñan, expresa ou tacitamente ao contido desta.

De acordo co disposto no artigo 70,2 da Lei 7/85 de 2 de abril, de bases de réxime locl a presente ordenanza entrará en vigor no prazo de quince días hábiles contados a partir da súa completa publicación no BOP.