Cambre - ORDENANZA REGULADORA DO USO DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS DO CONCELLO DE CAMBRE

Publicación provisional: 08/03/2012 BOP Nº: 47
Publicación definitiva: 03/05/2012 BOP Nº: 83
Aplicable dende: 22/05/2012

ÍNDICE

PREÁMBULO.-

DISPOSICIÓNS XERAIS.-

Artigo 1.- Ámbito obxectivo de aplicación.

Artigo 2.- Ámbito subxectivo de aplicación.

Artigo 3.- Órgano competente.

TÍTULO PRIMEIRO. REGULACIÓN XERAL.

CAPÍTULO I.- CRITERIOS DE USO DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS.-

Artigo 4.- Valoración de necesidades e equidade.

Artigo 5.- Prioridade de uso e arcos horarios.

Artigo 6.- Non discriminación.

Artigo 7.- Acceso a instalacións deportivas.

Artigo 8.- Prohibicións expresas.

Artigo 9.- Prerrogativas do concello.

Artigo 10.- Tipos de uso: usos deportivos e non deportivos (solicitude e dereitos e obrigas dos autorizados).

CAPÍTULO II.- DEREITOS E DEBERES.-

Artigo 11.- Dereitos dos usuarios.

Artigo 12.- Deberes dos usuarios.

TÍTULO SEGUNDO. REGULACIÓN ESPECIAL DE CADA INSTALACIÓN.-

CAPÍTULO I.- TIPOLOXÍA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS.-

Artigo 13.-Tipoloxía das instalacións deportivas.

CAPÍTULO II.- INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE USO LIBRE.-

Artigo 14.- Criterios xerais.

Artigo 15.- Actos prohibidos.

CAPÍTULO III.-INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE USO REGULADO OU CON PERSOAL MUNICIPAL.-

SECCIÓN PRIMEIRA.- MODALIDADES DE USO.-

Artigo 16.- Asistencia como público en competicións, espectáculos, eventos e similares.

Artigo 17.- Asistencia como participante en actividades ou competicións.

Artigo 18.- Uso por federacións deportivas, clubs e agrupacións deportivas.

Artigo 19.- Uso polos centros públicos de ensino de Cambre.

Artigo 20.- Uso por persoas en exercicio das súas funcións.

Artigo 21.- Uso por entidades con convenios de colaboración ou calquera outro acordo formalizado por escrito co concello (federacións, clubs, ANPAs, asociacións de clubs, clubs deportivos e similares).

Artigo 22.- Uso por outras entidades de carácter social.

Artigo 23.- Uso por usuarios abonados.

Artigo 24.- Uso por autorizados de uso con pago de taxa municipal.

SECCIÓN SEGUNDA.- RESTRICIÓNS DE ACCESO.-

Artigo 25.- Restricións de acceso.

SECCIÓN TERCEIRA.- PISCINAS MUNICIPAIS.-

Artigo 26.- Marco xurídico.

Artigo 27.- Acceso.

Artigo 28.- Obrigas, prohibicións e limitacións aos usuarios.

TÍTULO TERCEIRO.- RESPONSABILIDADE DO CONCELLO E DO PERSOAL ENCARGADO DAS INSTALACIÓNS.-

CAPÍTLO I.- DO CONCELLO.-

Artigo 29.- Do concello.

CAPÍTULO II.- DO PERSOAL ENCARGADO DAS INSTALACIÓNS.-

Artigo 30.- Obrigas para o persoal encargado das instalacións.

Artigo 31.- Potestades do persoal encargado das instalacións.

TÍTULO CUARTO.- RÉXIME SANCIONADOR.-

Artigo 32.- Réxime xeral de infracións e sancións.

Artigo 33.- Infracións.

Artigo 34.- Sancións.

Artigo 35.- Prescrición das faltas.

DISPOSICIÓN FINAL.

ANEXO I.- RELACIÓN DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS.-

PREÁMBULO.-

Constitúe unha obriga para as entidades locais con poboación superior a 20.000 habitantes contar con instalacións deportivas de uso público (artigo 26.1 c) da Lei de bases de réxime local, Lei 7/1985 de 2 de abril).

O presente Regulamento dítase ao abeiro da potestade normativa que atribúe aos municipios o artigo 4.1.a) da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; o artigo 55 do Real Decreto Lexislativo 781/1986, de 18 de abril, polo que se aproba o Texto Refundido das disposicións vixentes en materia de réxime local; o artigo 6.1.a) da Lei 5/1997, de 22 de xullo, de autonomía local de Galicia e os artigos 4.1.a) e 50.3 do Real Decreto 2568/1986, de 28 de novembro, polo que se aproba o regulamento de organización, funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais.

Trátase de regular o réxime de xestión, uso e utilización das instalacións deportivas do Concello de Cambre e de marcar as pautas de actuación para a correcta utilización destas instalacións municipais, tendo en conta o seu uso polas distintas áreas do Concello de Cambre, os centros de ensino público, as ANPAs, o deporte federado e na idade escolar, as entidades deportivas, outras entidades ou empresas e a veciñanza, e tendo tamén en conta os fins aos que poden destinarse: práctica deportiva, eventos deportivos, eventos de participación cidadá, espectáculos, cursos, uso libre deportivo, en definitiva, actividades con e sen ánimo de lucro.

A preferencia, división en arcos horarios, servizos deportivos municipais, deporte federado escolar, práctica deportiva libre e outros usos serán os elementos a ter en conta para acadar unha adecuada organización na utilización destas instalacións.

Optarase con prioridade polo ¿deporte para todos", facilitando medios para o ¿deporte federado" e realizarase un esforzo suplementario na promoción do deporte feminino, os deportes autóctonos e os deportes paralímpicos.

Velarase para que nos plans de ordenación urbanística se establezan as reservas de espazos e cualificacións de zonas para a práctica do deporte e a instalación de equipamentos deportivos nos instrumentos de ordenación urbanística.

DISPOSICIÓNS XERAIS.-

Artigo 1. Ámbito obxectivo de aplicación

1.1. A presente ordenanza será de aplicación a todas as instalacións deportivas cuxa xestión e explotación corresponda ao Concello de Cambre, con independencia da súa titularidade e da súa xestión directa ou indirecta, sen prexuízo das normas reguladoras existentes para cada instalación.

Achégase anexo I contendo a relación de instalacións deportivas existentes na actualidade.

1.2. Entenderase por instalación deportiva, a efectos da presente ordenanza, toda instalación, campo, dependencia ou espazo, de calquera característica, tanto ao aire libre como cuberta, dedicada á práctica do deporte e á actividade física, en toda a súa gama de modalidades, posibilidades ou finalidades, incluíndo as zonas de equipamento complementarias ou funcionais como bancadas, vestiarios ou almacéns.

1.3. As instalacións deportivas definidas nos apartados anteriores deste artigo, cuxo titular sexa o Concello de Cambre, terán a consideración de instalacións deportivas municipais.

1.4. As instalacións cedidas, por calquera título xurídico, ao Concello de Cambre para a súa xestión ou explotación, rexeranse polo establecido na presente ordenanza, salvo que o instrumento de cesión establecese un réxime propio de xestión ou explotación.

1.5. Esta ordenanza será tamén de aplicación a calquera instalación que se constrúa ou cuxa xestión se asuma polo concello no futuro.

1.6. En canto á súa cualificación xurídica, estas instalacións terán a consideración de bens de dominio público afectos á prestación do servizo público do deporte e terán a mesma cualificación os bens mobles afectados de forma permanente a elas, tanto os destinados especificamente á práctica deportiva como aqueles outros destinados ao mantemento das instalacións e equipamentos.

Artigo 2. Ámbito subxectivo de aplicación

2.1. A presente ordenanza será de aplicación a todos os usuarios que utilicen as instalacións ás que se refire o artigo anterior.

2.2. Terá a consideración de usuario toda persoa ou entidade que participe en programas deportivos programados ou estea autorizado ao uso destas instalacións.

2.3. Tamén terán a consideración de usuarios os acompañantes e espectadores.

Artigo 3. Órgano competente

Corresponde ao alcalde ou concelleiro delegado competente a autorización do uso e a aprobación de actividades.

TÍTULO PRIMEIRO.- REGULACIÓN XERAL.-

CAPÍTULO I.- CRITERIOS DE USO DAS INSTALACIÓNS .-

Artigo 4.- Valoración de necesidades e equidade

A valoración de necesidades e a equidade serán criterios a utilizar polo concello para facilitar o uso das instalacións deportivas.

Artigo 5. Prioridade de uso e arcos horarios

Coa finalidade de regular o uso das instalacións deportivas municipais, o Concello de Cambre establece as seguintes prioridades e arcos horarios, sen prexuízo do establecido na Lei Orgánica 5/1985, de 19 de xuño, do réxime electoral xeral:

5.1.- De luns a venres, a orde de preferencia será:

1. Os centros de ensino público no arco horario coincidente co horario escolar.

2. Os servizos e actividades ofertadas polo concello e relacionadas coa práctica deportiva fóra do horario escolar, ata as vinte e unha horas, conforme a oferta aos diversos grupos de usuarios. Neste mesmo arco horario terán preferencia as ANPAs dos centros de ensino público do Concello de Cambre, que, vía convenio co concello ou por si mesmas, fagan a oferta de actividades extraescolares para cada curso escolar.

3. Competicións en idade escolar, competicións federadas e competicións municipais.

4. As entidades deportivas sen ánimo de lucro que teñen convenios de promoción deportiva co Concello de Cambre.

5. Os usuarios empadroados no Concello de Cambre.

6. Os usuarios doutros concellos.

5.2- Fins de semana, a orde de preferencia será:

1) O deporte na idade escolar

2) As competicións federadas

3) As escolas deportivas municipais

4) Os usuarios empadroados no concello

5) Os usuarios empadroados noutros concellos

5.3.- Polas características dos eventos:

1) Os eventos deportivos municipais.

2) As competicións en idade escolar, competicións federadas, competicións municipais e eventos de carácter deportivo.

3) Os eventos non deportivos organizados polo concello.

4) Os eventos organizados por entidades sen fin de lucro.

5) Os eventos organizados por entidades con fin de lucro.

5.4.- Persoas empadroadas:

Terán preferencia as persoas empadroadas no Concello de Cambre sobre as non empadroadas.

Cando se trate de entidades, terán preferencia aquelas que conten con maior número de persoas empadroadas neste concello.

Artigo 6.- Non discriminación

Non se autorizará ningún acto que supoña discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, discapacidade, lugar de nacemento ou veciñanza, ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 7.- Acceso a instalacións deportivas

7.1.- O acceso ás instalacións deportivas municipais, ben de forma individual, ben de forma colectiva, supón a aceptación das normas contidas na presente ordenanza.

7.2.- Para o acceso ás instalacións deportivas deberá aboarse previamente a taxa que corresponda, segundo a ordenanza fiscal reguladora.

Artigo 8.- Prohibicións expresas

Nas instalacións deportivas queda expresamente prohibido:

1. A realización de actividades comerciais non autorizadas.

2. A venda e consumo de tabaco e bebidas alcohólicas, salvo excepcións debidamente autorizadas para actos concretos. Esta circunstancia deberá facerse constar na memoria que se achegue á solicitude e á que se refire o artigo 10.1 da presente ordenanza.

3. A realización de actividades diferentes ás autorizadas.

4. A inadecuada utilización do equipamento, materiais, ou espazos deportivos.

5. A utilización de material deportivo fóra da cancha deportiva e fóra do horario concedido.

6. A introdución e utilización, no exterior e interior das instalacións, de bengalas, artefactos explosivos ou de fume, láser óptico, luces, sprays de pintura e similares. Así mesmo, queda prohibido o lanzamento de calquera obxecto.

7. A realización da práctica deportiva regulada sen a presenza dun adulto tecnicamente cualificado para o deporte que se practique ou a competición de equipos de categorías de prebenxamín a xuvenil de primeiro ano sen a presenza dun adulto responsable.

8. A autorización do uso das instalacións deportivas a menores de idade.

9. A realización de fotografías, gravacións de imaxes ou sons, con fins divulgativos, conforme a normativa aplicable.

10. Retirar materiais dunha instalación deportiva sen autorización expresa do concello, que presentará ante o persoal municipal no momento de identificarse. No caso de entidades que teñan material en depósito na instalación presentarán, no momento da identificación, a autorización e listado de material a retirar.

11. Calquera manifestación ou actitude violenta, física ou verbal.

12. Causar danos na instalación con mala fe ou por neglixencia.

13. Colocar ou retirar información dos paneis informativos ou taboleiros de anuncios.

14. Acceder ás instalacións como público nas actividades deportivas reguladas nin cando exista unha autorización de uso, salvo acompañantes de menores de idade e persoas dependentes. Si se poderá acceder como público nas competicións deportivas e eventos.

15. A realización de actividades de propaganda política ou comercial sen autorización expresa e logo do pago do canon que corresponda, salvo a publicidade en uniformes deportivos, vehículos de equipo, de federacións deportivas e patrocinadores.

16. A participación en actividades de persoas que estean baixo efecto de produtos prohibidos pola normativa reguladora da loita contra o dopaxe e protección da saúde.

17. O acceso ás instalacións de mantemento, almacéns, oficina de control, e demais espazos nos que non se permita a práctica de deportes e estean reservadas ao persoal de mantemento ou servizos.

18. A gravación de imaxes e de sons nos vestiarios, así como a utilización de reprodutores de son que non leven incorporado auricular.

19. A exposición de pancartas, bandeiras ou calquera outro símbolo que conteña alusións discriminatorias por razón da raza, sexo, relixión, lingua, opinión, discapacidade, lugar de nacemento, veciñanza ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

Artigo 9.- Prerrogativas do concello

9.1.- O concello resérvase o dereito a separar os espazos deportivos con cortina divisoria, designación de espazo ou separación nos campos de fútbol, en función das necesidades e coa finalidade de facilitar o acceso veciñal á práctica deportiva.

Neste senso, as entidades beneficiarias de uso gratuíto deberán, cando sexa necesario, compartir as instalacións, favorecendo a busca do ben común.

9.2.- O concello pode condicionar o dereito de admisión, anunciando os requisitos esixidos para o acceso ás instalacións mediante carteis ben visibles, colocados nos lugares de acceso.

9.3.- O concello poderá suspender actividades ou autorizacións do uso das instalacións deportivas por causa de forza maior debidamente xustificadas tales como: inclemencias meteorolóxicas, obras ou reparacións, actos públicos urxentes ou carencia de persoal, entre outros.

Nestes casos será suficiente con informar ao autorizado por calquera medio dos que facilite na autoliquidación ou solicitude (enderezo ou teléfono), compensándoo coa devolución do importe aboado ou coa autorización de uso noutro día ou hora.

Artigo 10.- Tipos de uso: uso deportivo e non deportivo

A) Solicitudes:

10.1.- Para calquera tipo de uso, a excepción do uso deportivo ordinario puntual e sen prexuízo do establecido para as instalacións deportivas municipais de uso libre:

· Os solicitantes deberán ser persoas naturais ou xurídicas con plena capacidade de obrar, que non teñan prohibido o uso das ditas instalacións e acrediten estar debidamente capacitados para a organización da actividade que pretenden, podendo o concello requirir a documentación que considere oportuna. Así mesmo, cando se actúe en representación dunha entidade, empresa ou grupo, acreditarase a dita circunstancia.

· Á solicitude acompañarase:

a) unha memoria onde se describa a actividade que pretende levarse a cabo

b) o xustificante de ter aboada a taxa correspondente

c) o xustificante de reunir os requisitos que se esixen en cada caso segundo o tipo e modalidade de uso e tipo de instalación

· O concello poderá esixir o depósito dunha fianza no momento de outorgar a autorización do uso, debendo constituirse, polo medio que se indicará nela, no prazo de cinco días dende o seguinte ao da recepción da notificación.

10.1.1.- Uso deportivo

10.1.1.1.- Uso deportivo de carácter ordinario:

· Periódico: será aquel uso concedido para un determinado período, normalmente anual, nunca superior a catro anos.

Neste caso, a solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima de 30 días naturais á celebración do acto ou evento.

Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nesta ordenanza, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez días emende a falla ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición.

A solicitude deberá ser resolta e notificada con anterioridade ao quinto día anterior á celebración do acto ou evento.

· Puntual: será aquel uso concedido para un acto concreto de celebración non periódica.

Neste caso, será suficiente que, unha vez acreditada a dispoñibilidade da instalación municipal polo Departamento de Deportes, se presente a correspondente autoliquidación.

10.1.1.2.- Uso deportivo de carácter extraordinario:

Nas instalacións deportivas poderán celebrarse diversos eventos de caracter deportivo extraordinario, tales como campus, congresos, xornadas, campamentos, cursos e similares.

Neste caso, a solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima de 30 días naturais á celebración do primeiro acto ou evento.

Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nesta ordenanza, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez días emende a falla ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición.

A solicitude deberá ser resolta e notificada con anterioridade ao quinto día anterior á celebración do acto ou evento.

10.1.2.- Uso non deportivo

Nas instalacións deportivas poderán celebrarse, de forma extraordinaria, eventos de carácter social, político, de espectáculo público ou comercial.

Neste caso, a solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima de 30 días naturais á celebración do acto ou evento.

Se a solicitude non reúne os requisitos esixidos nesta ordenanza, requirirase ao interesado para que nun prazo de dez días emende a falla ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición.

A solicitude deberá ser resolta e notificada con anterioridade ao quinto día anterior á celebración do acto ou evento.

B) Dereitos e obrigas dos autorizados:

10.2.- Os autorizados terán dereito a:

· Usar a instalación segundo o establecido na autorización.

· Facer uso, baixo a súa responsabilidade e conforme a necesidade, do material médico da caixa de urxencias (botiquín) da instalación que lle sexa facilitada polo concello.

10.3.- Os autorizados quedan obrigados a:

· Usar a instalación segundo o establecido na autorización.

· Dispor de persoal propio adecuado para o desenvolvemento da actividade.

· Montar e desmontar o equipamento necesario para a realización do acto.

· Notificar ao concello calquera modificación substancial, co fin de que este poida tomar as decisións que considere oportunas.

· Contar con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos.

· Aboar as taxas municipais que correspondan.

· Cumprir coas obrigas tributarias correspondentes coa facenda estatal e/ou autonómica que se deriven das actividades desenvolvidas nas instalacións municipais.

· Asumir, solidariamente co causante, o pago dos danos ocasionados nas instalacións.

· Asumir as responsabilidades derivadas do desenvolvemento das actividades autorizadas.

CAPÍTULO II.- DEREITOS E DEBERES DOS USUARIOS.-

Artigo 11.- Dereitos dos usuarios

Os usuarios das instalacións deportivas teñen dereito a:

1. Ser tratados con educación, amabilidade e dilixencia polo persoal responsable das instalacións deportivas.

2. Recibir información sobre as características da instalación, as regras de funcionamento, horarios, competicións, os seus dereitos como usuarios, consultar o regulamento municipal de instalacións deportivas e a acceder ao taboleiro de anuncios.

3. Desfrutar, de acordo coas normas de uso establecidas, e en igualdade de trato, de todos os servizos que preste o Concello de Cambre nas súas instalacións.

4. Utilizar as instalacións municipais en condicións adecuadas de uso e limpeza.

5. Facer uso das instalacións nos espazos, días e horas establecidos na autorización ou, no caso dun uso deportivo ordinario e puntual, na autoliquidación.

6. Utilizar o material deportivo funxible propio adecuado a cada actividade, sen estar o concello obrigado a facilitar o dito material.

7. Desfrutar da instalación sen interferencias alleas durante o desenvolvemento da súa actividade.

8. Deixar - no caso de usos ordinarios periódicos - material deportivo en depósito durante o período autorizado e no espazo indicado polo persoal municipal, sen responsabilizarse o concello nin responder de posibles danos ou roubos e sempre que o espazo dispoñible habilitado a tal fin o permita. Neste caso, entregarán listado do material deixado en depósito asinado pola persoa autorizada que será a única facultada para retiralo.

9. Solicitar a devolución do importe aboado ou a compensación noutro día ou hora cando a actividade ou autorización fora suspendida por causas imputables ao concello ou por forza maior.

10. Presentar ao concello calquera suxestión ou reclamación sobre os servizos ou instalacións, conforme aos procedementos establecidos.

11. Solicitar a identificación de calquera dos empregados ou responsables dos servizos das instalacións para os efectos de realizar as reclamacións correspondentes.

12. Dispoñer da chave do vestiario ata a finalización da actividade por cada grupo de usuarios.

Artigo 12.- Deberes dos usuarios

Son obrigas para os usuarios das instalacións deportivas:

1. Utilizar a instalación de forma adecuada ás características e finalidade dela e da actividade autorizada.

2. Respectar ao persoal das instalacións e cumprir as normas de organización e funcionamento das instalacións deportivas.

3. Respectar a profesores, monitores, participantes, persoal técnico, persoal directivo, árbitros, xuíces e público.

4. Acceder ás actividades con equipamento deportivo completo e adecuado.

5. Estar ao día no pago das actividades e/ou no pago anticipado das autorizacións de uso.

6. Informar adecuadamente ao concello sobre a finalidade e contido dos actos non deportivos a realizar na instalación solicitada.

7. Identificarse ante os responsables da instalación para acceder ás zonas deportivas e complementarias, participar nas actividades, recoller as chaves de vestiarios ou retirar material das instalacións.

8. Cumprir os horarios correspondentes á súa actividade, abandonando a zona deportiva inmediatamente despois de finalizar a actividade e os vestiarios nun tempo máximo de vinte minutos dende a finalización da actividade.

9. Utilizar os vestiarios exclusivamente para o cambio de equipamento deportivo e a ducha. Durante o período de tempo no que as chaves permanezan no seu poder, os autorizados responderán do seu correcto uso ata a súa entrega ao finalizar a actividade, colaborando co persoal da instalación para clarificar sucesos e danos causados.

10. Recoller o material utilizado nas actividades, deixando a instalación, ao finalizar as actividades, listas para o uso posterior.

11. Deixar a instalación, especialmente duchas e baños, nas mesmas condicións de hixiene e orde nas que estaban antes de comezar a actividade.

12. Dispor - no caso de entidades que realizan actividades - de caixa de urxencias (botiquín) propio así como material deportivo funxible.

TÍTULO SEGUNDO. REGULACIÓN ESPECIAL DE CADA INSTALACIÓN.-

CAPÍTULO I.- TIPOLOXÍA DAS INSTALACIÓNS DEPORTIVAS.-

Artigo 13.- Tipoloxía das instalacións deportivas

13.1.- De uso libre:

Instalacións municipais ao servizo da veciñanza de libre utilización deportiva-recreativa.

· Pistas polideportivas nas parroquias.

· Campos de fútbol de adestramento para práctica deportiva libre.

· Circuíto Polideportivo Os Campóns.

· Instalacións deportivas municipais situadas nos centros de ensino.

13.2.- De uso regulado ou con persoal municipal:

Instalacións municipais cuxo uso pola veciñanza debe ser autorizado polo alcalde ou concelleiro delegado competente e xera taxa:

 Polideportivos

 Piscinas

 Ximnasios

 Campos de chave

 Campos de fútbol

 Rocódromo

CAPÍTULO II.- INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE USO LIBRE.-

Artigo 14.- Criterios xerais

14.1.-Restricións de acceso.- Nas instalacións deportivas municipais de uso libre non existe restrición de acceso para a práctica deportiva libre de 9 a 22 horas agás os días e horas nos que o concello oferte algunha actividade.

14.2.- Responsabilidades do concello.- O concello non asume responsabilidades por accidentes ou conflitos que se ocasionen en instalacións que carecen de persoal municipal, sen prexuízo dos danos ocasionados por incumprimento da obriga de manter as instalacións e materiais nas condicións adecuadas.

14.3.- Seguro de responsabilidade civil.- Para eventos de participación multitudinaria, ou con montaxes e desmontaxes nas instalacións, os autorizados contarán cun seguro de responsabilidade civil.

Artigo 15.- Actos prohibidos

15.1.- Queda prohibida a realización de actos non deportivos tales como fogueiras, grelladas, botellón, ou similares, a salvo dos actos tradicionalmente celebrados (festas parroquiais e entroido) e dos expresamente autorizados.

15.2.- Queda prohibida a utilización destas instalacións para actividades comerciais, salvo autorización expresa.

15.3.- Queda prohibida a colocación de publicidade, salvo autorización expresa.

CAPÍTULO III.- INSTALACIÓNS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE USO REGULADO OU CON PERSOAL MUNICIPAL.-

SECCIÓN PRIMEIRA.- MODALIDADES DE USO.-

Nas instalacións deportivas municipais de uso regulado ou con persoal municipal existe regulación de acceso conforme a modalidade de uso.

Artigo 16.- Asistencia como público en competicións, espectáculos, eventos e similares

16.1.- O público asistente terá dereito a ocupar sitio nos espazos destinados ao público na instalación, conforme ao aforo estipulado para cada instalación e segundo a orde de chegada.

En ningún caso se ocuparán escaleiras, zonas de saída de emerxencia, espazos reservados para persoas con discapacidade, espazos reservados para autoridades, para equipos técnicos e, en xeral, espazos reservados pola autoridade competente e debidamente delimitados.

16.2.- As persoas menores de 12 anos deberán asistir acompañados de persoa maior de idade.

16.3.- Cando se trate de persoas con discapacidade, poderán ocupar espazo no emprazamento reservado que determine o persoal da instalación municipal e que contará cun protocolo específico de emerxencia.

16.4.- Extraordinariamente, cando así o permitan as características do acto, poderán os familiares estar en zonas destinadas á práctica deportiva conforme á programación do evento (festa fin de curso, xornada de portas abertas, festas populares e similares).

Artigo 17.- Asistencia como participante en actividades ou competicións

17.1.- Os participantes utilizarán as instalacións deportivas conforme ao servizo ou actividade a realizar.

17.2.- Poderán acceder a vestiarios, servizos, cancha deportiva, ximnasio ou vaso da piscina nos horarios estipulados.

17.3.- Non poderán interferir con outras actividades mentres esperan a súa quenda e deberán abandonar a zona deportiva no momento de finalizar o seu horario.

17.4.- En defecto de previsión por cada federación, terán acceso ao vestiario 10 minutos antes do comezo da actividade ou competición, e disporán, ao finalizar a actividade, dun tempo máximo de permanencia nos vestiarios de 20 minutos.

Co fin de respectar a xornada de traballo do persoal da instalación, pedirase especial dilixencia aos grupos que finalicen as actividades do día para que abandonen a instalación nun período máximo de 20 minutos.

17.5.- Ninguén poderá incorporarse a unha actividade sen estar inscrito.

17.6.- Para a práctica do deporte federado ou deporte en idade escolar requirirase dispoñer da mutualidade deportiva e da licenza federativa en vigor, conforme a normativa vixente.

Artigo 18.- Uso por federacións deportivas, clubs e agrupacións deportivas

18.1.- No eido do Deporte Federado, as delegacións en Cambre das federacións deportivas galegas, os clubs e agrupacións deportivas con sede social en Cambre e rexistrados no rexistro municipal de entidades veciñais, que non teñan débedas coas administracións, poderán solicitar autorización de uso gratuíto das instalacións deportivas municipais para adestramentos unha hora semanal por cada dous equipos de categorías prebenxamín a xuvenil ata un máximo de tres horas semanais e ata seis horas nos campos de fútbol, salvo que exista convenio ou acordo de cesión, en cuxo caso estarase ao establecido nel.

18.2.- Os clubs de Cambre que soliciten utilizar gratuitamente as instalacións deportivas, para as categorías de base de prebenxamíns a xuvenís, ou con pago de taxa, para a categoría senior, coordinarán os horarios co departamento de Deportes do concello antes de confirmar ás distintas federacións os horarios dos encontros.

18.3.- Nos eventos deportivos federados, distintos á competición oficial, realizados por clubs ou entidades deportivas será preceptivo achegar a autorización da Federación Galega correspondente ou no seu caso da Federación Española para eventos de ámbito estatal.

18.4.- As persoas físicas ou xurídicas que organicen calquera proba, competición ou espectáculo deportivo, así como clubs que participen nela, estarán sometidos á disciplina deportiva e serán responsables cando proceda, polos danos ou desórdenes que puideran producirse nos lugares onde se desenvolve a competición, de conformidade co artigo 63 da Lei do deporte 10/1990, de 15 de outubro.

18.5.- Neste caso, para a práctica do deporte federado ou deporte en Idade Escolar requirirase dispoñer da mutualidade deportiva.

Artículo 19.- Uso polos centros públicos de ensino de Cambre

19.1.- Os centros de ensino público de Cambre, para a súa función educativa, terán acceso ás instalacións, con supervisión do persoal propio do centro, nos días e horarios lectivos e prolongacións de programas propios ou quendas de comedor.

19.2.- De realizarse actividades alleas á práctica deportiva e de ensino, contarán con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos.

Así mesmo, co fin de poder organizar os traballos de limpeza, estes actos comunicaranse por escrito ao concello cunha antelación mínima de 15 días naturais á celebración da actividade e indicando as características do acto ou evento.

Artigo 20.- Uso por persoas en exercicio das súas funcións

As persoas que acceden ás instalacións para o desempeño dunha función ou traballo como autoridades, delegados federativos, directivos, medios de comunicación social ou patrocinadores, poderán permanecer nas zonas deportivas conforme a necesidade e tempo necesario para cumprir coas súas funcións.

Artigo 21.- Uso por entidades con convenios de colaboración ou calquera outro acordo formalizado por escrito co Concello (federacións, clubs, ANPAs, asociacións de clubs, clubs deportivos e similares)

21.1.- O uso solicitarase conforme as modalidades de uso (deportivo ou non deportivo) ás que se refire o artigo 10, acompañando á solicitude xustificante de cumprir coas obrigas ás que se refire o apartado seguinte.

21.2.- Será obriga para estas entidades:

1. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil que, entre outros, cubra os posibles danos causados na instalación.

2. Dispoñer da mutualidade deportiva ou seguro complementario para a práctica do deporte federado ou deporte en idade escolar, incluídos adestramentos.

3. Contar con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos.

4. Dispoñer, nas actividades con menores de idade, de adulto responsable nos momentos de recepción, actividade e despedida de alumnos. En ningún caso quedará un menor na instalación sen compañía de adulto responsable da entidade ou familiar.

5. Recoller e retirar o material deportivo propio utilizado nas actividades.

21.3.- Non se poderán realizar actividades comerciais ou publicidade, agás da publicidade de patrocinadores en carteis de eventos ou equipamento deportivo.

Para actos concretos de carácter publicitario ou con medios de comunicación social, solicitarase autorización ao alcalde ou concelleiro delegado competente.

Artigo 22.- Uso por outras entidades de caracter social

22.1.- O uso deberá solicitarse conforme ao tipo de uso (deportivo ou non deportivo) ao que se refire o artigo 10, acompañando á solicitude xustificante de cumprir coas obrigas ás que se refire o apartado seguinte.

22.2.- Será obriga para estas entidades:

1. Dispoñer de seguro de responsabilidade civil que cubra, entre outros, os posibles danos causados nas instalacións.

2. Dispoñer, nas actividades con menores de idade, de adulto responsable nos momentos de recepción, desenvolvemento da actividade e despedida de participantes. En ningún caso poderá quedar un menor na instalación sen compañía de adulto responsable da entidade ou familiar.

3. Contar con persoal propio, tecnicamente cualificado para responsabilizarse da organización e realización dos actos.

4. Realizar a montaxe e desmontaxe dos elementos necesarios para a realización do acto con personal propio, deixando a instalación, ao finalizar o acto, lista para o uso posterior.

22.3.- Non se poderán realizar actividades comerciais ou de publicidade, agás da publicidade de patrocinadores en carteis de eventos ou equipamento deportivo.

Para actos concretos de carácter publicitario ou con medios de comunicación social, solicitarán autorización ao alcalde ou concelleiro delegado competente.

Artigo 23.- Uso por usuarios abonados

23.1.- Serán usuarios abonados todas aquelas persoas que formalizaron a súa inscrición, foron admitidos e están ao día no pago de todas as cotas.

23.2.- Terán dereito ao uso conforme as características do abono contratado.

23.3.- O abono será intrasferible e restrinxido ao tempo de validez.

Artigo 24.- Uso por autorizados con pago de taxa municipal

24.1.- De forma individual ou colectiva poderá solicitarse o uso das instalacións deportivas municipais. A autorización deste uso quedará condicionada aos horarios dispostos polo concello con base nos seguintes criterios:

· A tramitación das solicitudes seguirá a orde segundo a data de pago da taxa.

· Terán preferencia os empadroados neste concello e, no caso dos grupos, aqueles que conten con maior número de persoas que cumpran este requisito.

· O concello velará pola igualdade de oportunidades de uso entre todos os empadroados no concello, sen que o uso continuado da instalación consolide ninguna preferencia ou dereito de permanencia.

· De existir un número de solicitudes superior ao número de horas dispoñibles, a autorización de uso concederase por unha hora semanal durante o período máximo de un mes, transcorrido o cal o concello recupera o uso permitindo que novos veciños teñan a posibilidade de desfrutar da instalación. En caso contrario, poderá autorizarse máis de unha hora semanal.

24.2.- A solicitude tramitarase segundo o tipo de uso (deportivo ou non deportivo) ao que se refire o artigo 10.

24.3.- A autorización do uso serao para a persoa ou grupo solicitante, na especialidade para a que se autorizou e co material deportivo funxible do que dispoñan, sen achegar o concello material deste tipo.

Non se autorizará o uso da instalación a persoa distinta do solicitante.

24.4.- Cando a solicitude se faga de forma colectiva, farase constar a identidade da persoa que actúa en representación do grupo e acreditarase a dita circunstancia, de acordo co xa establecido no artigo 10.1.

O representante considerarase responsable do grupo participante, quedando obrigado a facilitar información ao concello no caso de tramitarse algún expediente sancionador.

24.5.- No caso de que un evento deportivo ou problema técnico na instalación produza un atraso horario superior a vinte minutos, o autorizado poderá optar por atrasar o seu horario o tempo necesario (se o permite a programación diaria) ou solicitar a modificación de día e hora.

SECCIÓN SEGUNDA.- RESTRICIÓNS DE ACCESO.-

Artigo 25.- Restricións de acceso

Nestas instalacións queda prohibido:

1. A práctica deportiva libre ou espontánea en tempos de descanso de competición ou entre actividades.

2. O uso de patíns, monopatíns, e outros materiais deportivos similares.

3. O quecemento deportivo durante a celebración doutro acto deportivo.

4. O acceso con armas, bengalas, artefactos explosivos, sprays de pintura ou similares, comida, bebidas alcohólicas ou recipientes susceptibles de ser guindados á cancha deportiva e, en xeral, calquera obxecto que poida causar danos persoais ou materiais.

5. O acceso ás canchas deportivas sen calzado e equipamento deportivo adecuado a cada especialidade.

6. O acceso con botas de tacos metálicos nos campos de fútbol de herba sintética.

7. O acceso ás instalacións de persoas en compañía de animais agás:

i. Os animais guías de invidentes.

ii. Os animais que colaboran coas forzas policiais en labores de seguridade.

iii. Os animais que participan en exposicións ou concursos debidamente autorizados.

iv. Os animais que participan en competicións deportivas.

8. A realización de actos que pretendan algún tipo de discriminación por razón de raza, sexo, relixión, lingua, opinión, lugar de nacemento ou veciñanza, discapacidade ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.

9. O acceso polo público a zonas distintas ás asignadas para ese fin.

10. Participar en actividades deportivas sen reunir as condicións físicas adecuadas para a práctica deportiva.

SECCIÓN TERCEIRA.- PISCINAS MUNICIPAIS.-

Artigo 26.- Marco xurídico

En virtude do principio de especialidade, a utilización das piscinas municipais rexerase, en primeiro termo, polo seu propio regulamento, no seu caso e, seguidamente, polo establecido na presente ordenanza, sen prexuízo das especificidades que conco rran en cada actividade.

Artigo 27.- Acceso

27.1.- Terá dereito de acceso a persoa que esté abonada, realice a inscrición e pago ou merque un bono.

27.2.- Os menores de 12 anos só poderán acceder á instalación en compañía dunha persoa maior de idade.

Os menores de 3 anos só poderán acceder ao interior do vaso da piscina en compañía dunha persoa maior de idade.

27.3.- O disposto no apartado anterior non afecta aos cursos de natación infantil onde o adulto responsable permanecerá no lugar adecuado ata a finalización das clases, nin ao deporte federado.

Artigo 28.- Obrigas, prohibicións e limitacións aos usuarios

28.1.- Será obligatorio para os usuarios:

· Seguir as indicacións de socorristas e demais persoal da instalación.

· Ducharse previamente ao baño.

· Usar gorro de baño para entrar no vaso.

28.2.- Quedará expresamente prohibido para os usuarios:

· Acceder ao vaso da piscina en ausencia do socorrista nin cando este estea realizando tarefas de reanimación.

· Acceder á praia de piscinas e zonas de servizo dela, con calzado ou roupa da rúa, agás persoal debidamente autorizado, que utilizará protección de calzado. É obrigatorio o uso de chancletas nos vestiarios.

· Utilizar xabóns ou similares nas duchas situadas na praia de piscina.

· Bañarse, sen autorización médica, estando afectado por enfermidades contaxiosas.

· Comer ou beber na zona verde xunto á praia de piscinas, así como fumar ou introducir líquidos, salvo en zonas habilitadas para o efecto.

· A gravación de imaxes e sons nos vestiarios e zonas de baño, así como a utilización de reprodutores de son que non leven incorporado auricular.

· Gritar, cantar, xogar, saltar, competir, empurrar, correr ou, en xeral, calquera acto que afecte á boa convivencia e á comodidade dos usuarios.

· Introducir pelotas, colchonetas, aletas, gafas de mergullo e en xeral calquera obxecto que poida molestar ao resto dos usuarios, a salvo do establecido para cada actividade.

28.3.- Constitúen limitacións para os usuarios:

· En ningún caso os menores estarán custodiados polo socorrista.

· As persoas que non teñan os hábitos de natación suficiente ou que utilicen elementos auxiliares (táboas, manguitos e similares) indicarán ao socorrista o momento de acceso ao vaso da piscina.

· O peche debido a condicións climatolóxicas non será motivo de devolución de cotas de acceso.

· Nos casos indicados pola autoridade sanitaria, de emerxencia ou de extrema necesidade, ou en caso de tormenta, o persoal das instalacións poderá desaloxar ou evacuar aos usuarios.

· A zona de praia poderá utilizarse como zona de descanso e solarium nas piscinas exteriores.

TÍTULO TERCEIRO.- RESPONSABILIDADE DO CONCELLO E DO PERSOAL ENCARGADO DAS INSTALACIÓNS.-

CAPÍTULO I.- DO CONCELLO.-

Artigo 29.- Do concello

29.1.- O concello non se fai responsable de perdas ou roubos de obxectos persoais nas instalacións.

29.2.- O concello non asumirá responsabilidade ningunha no caso de accidentes consecuencia do incumprimento da normativa vixente.

CAPÍTULO II.- DO PERSOAL ENCARGADO DAS INSTALACIÓNS.-

Artigo 30.- Obrigas para o persoal encargado das instalacións

O persoal das instalacións deportivas terá a obriga de:

· Esixir o cumprimento da normativa aplicable ao uso das instalacións, actividades e servizos deportivos en tanto que exercerá de representante municipal.

· Facilitar aos participantes información, acceso aos espazos, materiais e chaves con dilixencia e amabilidade.

· Facilitar aos responsables e adultos material médico da caixa de urxencias (botiquín) da instalación, conforme a necesidade, sen asumir o persoal responsable das instalacións, nin o concello a responsabilidade derivada do uso que se faga del.

· Colaborar na prestación e retirada de material deportivo para actividades e na adecuación de material deportivo para cada especialidade.

· Recoller e facer chegar ao departamento municipal de Deportes escritos de solicitude, demanda de información ou suxestións e reclamacións conforme ao sistema estipulado.

· Atender puntualmente a coordinación de quendas e grupos.

· Dar as instrucións necesarias co fin de velar polo correcto comportamento do público e usuarios, pola súa seguridade, pola correcta instalación dos materiais para evitar accidentes, pola seguridade e hixiene nos espazos deportivos e, en xeral, porque as actividades se desenvolvan no mellor medio posible.

· Estar sempre debidamente identificado, mediante o vestiario adecuado e tratar de dar resposta ás demandas de público e usuarios con respecto e amabilidade.

· Velar polo correcto mantemento da instalación e pola revisión das medidas de seguridade, antilumes, luces e sinais de emerxencia, especialmente na realización de simulacros de emerxencia.

· Permanecer atento ao desenvolvemento das actividades, competicións, e usos diversos para realizar con dilixencia as actuacións necesarias, sen ausentarse da instalación, e coordinando estas actividades co seu traballo de mantemento.

· Custodiar por un período máximo de tres meses os obxectos atopados nas instalacións. No caso de tratarse de documentación ou material de valor, se non pode localizarse ao propietario, entregarao á policía municipal.

· Avisar aos servizos de emerxencias correspondentes, quedando a disposición deles para posteriores actuacións, nos casos de accidentes, altercados públicos ou emerxencias.

· Cooperar no desaloxo ou evacuación no caso de emerxencia. Neste caso, público e usuarios están obrigados a obedecer as ordes dadas para unha evacuación ordenada, pronta e eficaz conforme aos protocolos de evacuación.

Artigo 31.- Potestades do persoal encargado das instalacións

O persoal encargado das instalacións deportivas poderá:

· Solicitar a identificación dos usuarios antes de facilitar o acceso aos espazos deportivos, as chaves ou entrega e retirada de materiais.

· Cerrar as instalacións ao uso público por razóns de seguridade, condicións climatolóxicas adversas que poidan ocasionar danos na instalación, ou proximidade de perigo de danos físicos ou persoais.

· O persoal municipal non se fará cargo de menores non inscritos que acompañen aos usuarios de actividades.

TÍTULO CUARTO. RÉXIME SANCIONADOR.-

Artículo 32.- Réxime xeral de infracións e sancións

32.1.- A infracción das obrigas e demais normas de obrigado cumprimento establecidas nesta ordenanza, serán obxecto dun procedemento sancionador nos termos do artigo 127 e seguintes da Lei 30/1992, de 26 de novembro, reguladora do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e do Regulamento sancionador de desenvolvemento da citada lei, aprobado por Real Decreto 1398/1993 de 4 de agosto.

32.2.- Os encargados das instalacións, servizos e actividades poderán apercibir a aquelas persoas que non observen a conduta debida.

Artigo 33.- Infraccións

33.1.- Considerarase infracción calquera incumprimento do estipulado na presente ordenanza e clasificaranse, de acordo co artigo 140 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, en moi graves, graves e leves.

33.2.- Terán a condición de falta moi grave:

· A reiteración, por terceira vez, de faltas graves.

· A perturbación relevante da convivencia na instalación, que afecte de maneira grave, inmediata e directa á tranquilidade ou ao exercicio de dereitos lexítimos doutras persoas, ao normal desenvolvemento de actividades de toda clase conformes coa normativa aplicable ou á salubridade ou ornato públicos, sempre que se trate de condutas non subsumibles nos tipos previstos no capítulo IV da Lei 1/1992, de 21 de febreiro, de protección da seguridade cidadá.

· O impedimento do uso dun servizo público por outra ou otras personas con dereito á súa utilización.

· O impedimento ou a grave e relevante obstrución ao normal funcionamento das actividades realizadas na instalación.

· Os actos de deterioración grave e relevante de equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo público.

· O impedimento do uso dun espazo público por outra ou outras personas con dereito á súa utilización.

· Os actos de deterioración grave e relevante de espazos públicos ou de calquera das súas instalacións e elementos, sean mobles ou inmobles, non derivados de alteracións da seguridade cidadá.

33.3.- As demáis infraccións clasificaranse en graves e leves, de acordo cos seguintes criterios:

· A intensidade da perturbación ocasionada na tranquilidade ou no pacífico exercicio dos dereitos doutras personas ou actividades.

· A intensidade da perturbación causada á salubridade ou ornato públicos.

· A intensidade da perturbación ocasionada no uso dun servizo ou dun espazo público por parte das persoas con dereito a utilizalos.

· A intensidade da perturbación ocasionada no normal funcionamento dun servizo público.

· A intensidade dos danos ocasionados aos equipamentos, infraestruturas, instalacións ou elementos dun servizo ou dun espazo público.

· A reiteración, por terceira vez, dunha infracción leve terá a consideración de grave.

Artigo 34.- Sancións

34.1.- De acordo co artigo 141 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, as multas por infracción da presente ordenanza terán como límite:

· Infraccións leves: multa de ata 750 euros.

· Infraccións graves: multa de ata 1.500 euros.

· Infraccións moi graves: multa de ata 3.000 euros.

34.2.- Para a gradación da sanción a aplicar teranse en conta as seguintes circunstancias:

o A reiteración de infraccións ou reincidencia.

o A existencia de intencionalidade do infractor.

o A transcendencia social dos feitos.

o A gravidade e natureza dos danos ocasionados.

Artigo 35.- Prescrición das faltas

35.1.- As faltas prescribirán:

· As leves aos 15 días.

· As graves aos 30 días.

· As moi graves aos 60 días.

35.2.- O prazo de prescrición comezará a contarse dende que a falta se comete e, unha vez iniciado o expediente, quedará paralizado o prazo de prescrición.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicado integramente o seu texto no Boletín Oficial da Provincia e transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.

ANEXO I.- RELACIÓN DE INSTALACIÓNS DEPORTIVAS.-

PAVILLÓNS POLIDEPORTIVOS

1.-Pavillón Polideportivo Municipal Os Campóns.

2.-Pavillón Polideportivo Municipal O Temple

3.-Pavillón Polideportivo Municipal Brexo-Lema

4.-Pavillón Polideportivo Municipal de Cambre.

CAMPOS DE FÚTBOL

1.-Campo de Fútbol de Lendoiro (en uso federado)

2.-Campo de Fútbol da Barcala (en uso federado)

3.-Campo de Fútbol ¿Daniel Mallo Castro" (en uso federado)

4.-Campo de Fútbol de adestramento de Brexo-Lema.

5.-Campo de Fútbol adestramento de A Balastreira.

6.-Campo de Fútbol adestramento de Peiraio

PISCINAS

1.- Piscina Municipal Cuberta Climatizada A Barcala

2.- Piscina Municipal O Temple

3.- Piscina Municipal de Cambre (O Balado)

4.- Piscina Municipal Os Castros do Bosque (Cecebre)

DOTACIÓN EN CENTROS DE ENSINO PÚBLICO

CEIP. Gonzalo Torrente Ballester:

Un polideportivo

2 pistas polideportivas.

CEIP. Portofaro:

1 pista polideportiva

CEIP. Wenceslao Fernández Flórez:

2 pistas polideportivas.

1 Ximnasio

PISTAS POLIDEPORTIVAS NAS PARROQUIAS

Pista Polideportiva de Andeiro (Parroquia de Andeiro).

Pista Polideportiva A Ría (Parroquia do Temple).

Pista Polideportiva A Balastreira (Parroquia de Cecebre).

Pista Polideportiva de Meixigo (Parroquia de Meixigo).

Pista Polideportiva de Brexo Lema (Parroquia de Brexo).

Pista Polideportiva O Souto (Parroquia de Sigrás).

Pista Tenis O Graxal (Parque Ramón Barba, Parroquia do Temple).

Pista Polideportiva Santa Mª de Vigo (Parroquia de Sta. Mª de Vigo)

Pista Polideportiva de Bribes (Parroquia de Bribes).

Pista Polideportiva da Rocha (Parroquia de Anceis)

Pista Polideportiva A Barcala (Parroquia de Cambre)

Pista Polideportiva de Aian (Parroquia de Sigrás)

Pista Polideportiva de Pravio (Parroquia de Pravio)

Pista Polideportiva O Graxal (Parroquia do Temple)

Pista de Tenis Os Castros do Bosque. (Parroquia de Cecebre)

OUTRAS INSTALACIÓNS

Campos de chave

Campo de Chave de Meixigo (anexo á pista polideportiva)

Campo de Chave ¿Amigos da Barcala" (anexo ao CEIP Portofaro)

Campo de Chave A Rocha (anexo á pista polideportiva)

Campo de Chave O Temple

Campo de Chave O Souto

Circuíto Polivalente Os Campóns

Apto para cros, Campo a través, Ciclo-Cros, BTT, Mini BTT, etc.