Mesía - REGULAMENTO DO SERVIZO MUNICIPAL DE ABASTECEMENTO DE AUGA E SANEAMENTO DO CONCELLO DE MESÍA
CAPITULO I. OBXECTO, ÁMBITO DE APLICACIÓN DE CONDICIÓNS DE SERVIZO
Artigo 1. Obxecto do Regulamento.
1. O regulamento ten por obxecto establecer as normas de prestación dos servizos de subministro de auga potable e saneamento no municipio de Mesía, regular as relacións entre o Servizo e os usuarios, determinando as súas respectivas situacións, dereitos, deberes e obrigas básicas, así como recoller o ámbito de aplicación de prezos e tarifas, e o réxime de infraccións e sancións.
2. A efectos de simplificación, no presente regulamento se denomina ¿abonado" ao usuario que teña contratado o servizo de Augas e/ou saneamento. O abonado debe ser titular do dereito de uso da finca, local ou industria.
Denomínase ¿concesionario" ao adxudicatario da xestión integral do Servizo Municipal de abastecemento de auga e saneamento do concello de Mesía, en virtude do contrato administrativo que rexa a concesión do mesmo.
Denomínase ¿rede de distribución" ao conxunto de tubarias cos seus elementos de manobra, control e accesorios, instalados nas vías públicas a través das cales subministrarase auga ás distintas zonas da poboación.
Denomínase ¿ampliación de rede de distribución" ás extensións ou prolongacións realizadas a partir desta desde un punto xa abastecido ata o lugar de ubicación doutros inmobles aos que se pretende dotar do servizo de auga.
Comprende, así mesmo, este concepto aquelas modificacións que se realizan sobre unha rede existente cando a súa capacidade é notoriamente insuficiente para atender o abastecemento dunha ou varias zonas da poboación.
3. O servizo de Abastecemento de auga potable e saneamento do Municipio de Mesía seguirá ostentando, en todo momento, a condición de servizo Público Municipal do Excmo. Concello de Mesía.
4. Os servizos a que afecta este regulamento quedarán sometidos permanentemente ao control do Concello de Mesía, quen poderá revisar os traballos realizados, no seu caso, polo concesionario, en todo momento o lugar, procurando no entorpecer a prestación dos mesmos.
Artigo 2. Obrigas do concesionario.
Corresponde ao concesionario, cos recursos a o seu alcance:
a) Conservar e explotar e, no seu caso, planificar, proxectar e executar as obras e instalacións necesarias para captar, regular, conducir, depurar, almacenar e distribuír auga potable á poboación do concello de Mesía, así como para recoller, conducir, separar e depurar as augas residuais para a súa vertedura ás canles públicas, de acordo coas condicións que se fixan neste regulamento e na lexislación aplicable, utilizando ao efecto os recursos e medios actualmente dispoñibles e os que no futuro resulten das inversións que se realicen polo propio concesionario, ou lle sexan achegados.
A incorporación ao servizo de obras e instalacións con posterioridade ao comezo da concesión, esixirá a recepción das mesmas polo Concello e a firma da acta polo concesionario de adscrición das mesmas ao Servizo.
b) A tramitación e execución de acometidas de subministro de auga e saneamento a todas aquelas persoas ou entidades que o soliciten para o seu uso en edificios, locais e recintos situados dentro da área da súa competencia, sempre que estes reúnan as condicións esixidas por este regulamento e foran aprobadas pola corporación municipal.
c) Subministrar auga aos usuarios, garantindo a súa potabilidade con arreglo ás disposicións sanitarias vixentes, ata a chave de rexistro (considerada, con carácter xeral, como inicio da instalación interior do abonado), así como efectuar a recollida de augas fecais ou residuais dende a arqueta de rexistro situada no límite da propiedade do subscritor co dominio público e a súa canalización ata a estación depuradora ou punto de vertedura establecida polo concello.
d) O concesionario deberá cubrir, na súa condición de xestor das infraestruturas municipais, a súa eventual responsabilidade civil por danos causados a terceiros subscribindo unha póliza de seguros adecuada.
e) Dispoñer dun servizo permanente para a recepción de avisos de avarías e para informacións urxentes e aquelas anomalías que poidan producirse relacionadas coa prestación do servizo.
f) Informar aos abonados, sempre que sexa posible e polos medios adecuados de difusión, das interrupcións ou alteracións que se produzan no subministro como resultado das súas actuacións ou de terceiros.
g) Colaborar coas autoridades e centros de educación para facilitar, sen afectar á explotación, que os abonados e público en xeral poidan coñecer o funcionamento das instalacións.
h) Contestar as reclamacións que se lle formulen por escrito no prazo regulamentario.
i) Aplicar os prezos e cadros de tarifas correspondentes aos distintos tipos de subministro que, en cada momento, se teñan aprobadas.
Artigo 3. Dereitos do concesionario.
Ademais dos dereitos que ao concesionario lle outorguen as disposicións legais e regulamentarias en materia de xestión do Servizo Público e das recoñecidas á empresa adxudicataria no contrato concesionario, con carácter xeral, terá os dereitos de inspeccionar, revisar e informar das instalacións interiores do subministro que, por calquera causa, poidan interferir no funcionamento do servizo.
Artigo 4. Obrigas do abonado.
Son obrigas do abonado:
a) Todo abonado virá obrigado a pagar puntualmente os cargos que o Servizo lle formule de acordo cos prezos e tarifas aprobados, así como os que se deriven da prestación dos servizos complementarios a que fai referencia o presente regulamento.
A obrigatoriedade do pago íntegro dos consumos de auga considerarase extensiva aos casos en que os mesmos se orixinaran por fuga, avaría, ou defecto de construción ou conservación das instalacións interiores, ou por calquera outra causa non imputable ao concesionario.
b) Os abonados deberán, en interese xeral e no seu propio, comunicar así mesmo ao concesionario calquera avaría ou perturbación (fugas, perdas de presión, vertidos incontrolados, etc.) que, ao seu xuízo, se produzan na rede de distribución pública ou nas instalacións privadas.
Analogamente, deberán comunicarlle ao concesionario a existencia de obstrucións na rede de saneamento que produzan ou sexan susceptibles de producir desbordamentos, olores ou calquera tipo de molestias á cidadanía.
Igualmente, deberán notificarlle ao concesionario as manipulacións nas redes ou os usos indebidos de auga que poidan ser causa grave de contaminación ou perigo de accidente para persoas ou bens.
c) Facilitar o libre acceso ás instalacións ou recintos, aos empregados da empresa ou persoa autorizada para o desenvolvemento dos traballos relacionados coa realización de lecturas, inspeccións, obras e reparacións.
d) Cando o abonado desexe causar baixa no subministro, estará obrigado a interesar ó Servizo dita baixa cunha antelación mínima de 48 horas, para poder efectuar a lectura do contador, precintado do mesmo e facturar o consumo correspondente.
e) Cando nunha mesma finca, xunto á auga do Servizo Municipal, existise auga doutra procedencia, o abonado virá obrigado a establecer nas instalacións interiores medios adecuados para evitar a entrada desas augas na rede xeral.
O concesionario non se responsabilizará da calidade das augas nas instalacións interiores, advertíndose aos abonados da responsabilidade en que poidan incorrer, de se producir, por retroceso, a alteración das condicións de potabilidade das augas da traída pública.
f) O abonado, baixo a súa exclusiva responsabilidade, non poderá:
1. Insertar nas tubarias de abastecemento, sen previa autorización do concesionario, bombas ou calquera aparato que modifique ou poida afectar ás condicións da rede de distribución no seu entorno e, consecuentemente, interfiran co servizo prestado a outros abonados.
2. Revender ou ceder, incluso a título gratuíto, a auga subministrada polo concesionario.
3. Modificar os accesos aos contadores e aparatos de medida, sen comunicación ao concesionario.
4. Utilizar a auga do servizo público para fines distintos aos contratados.
5. Manipular as instalacións interiores xerais, nin instalar elementos nelas.
6. Realizar consumos de auga que non sexan controlados polo equipo de medida ou introducir calquera alteración nas instalacións que permitise estes consumos.
7. Ocasionar voluntariamente ou por conduta neglixente fugas de auga.
8. Romper ou alterar os precintos de medida.
Artigo 5. Dereitos dos abonados.
Serán dereitos dos abonados:
a) Dispoñer permanentemente de subministro de auga potable, con arreglo ás condicións que figuren no seu contrato, sen outra limitación cas establecidas no presente regulamento e as demais disposicións de aplicación.
b) Ser informado de tódalas cuestións derivadas da prestación e funcionamento do servizo en relación co seu subministro, así como recibir contestación por escrito, no prazo regulamentario previsto, ás consultas formuladas por idéntico procedemento.
Artigo 6. Reclamacións dos abonados.
1. Toda persoa física que, en nome propio ou en representación de terceiros, desexe formular reclamación contra os empregados do concesionario ou contra o que considere calquera anomalía no funcionamento do mesmo, poderá facelo mediante escrito dirixido á Dirección do Servizo de augas ou ao Concello.
2. Nas reclamacións que poidan formularse sobre o cumprimento das condicións do servizo, o reclamante deberá acreditar a condición de abonado e estar ao día no pago dos recibos correspondentes.
3. As reclamacións que se formulen por danos e perdas que se causen polo concesionario rexeranse pola lexislación aplicable, tendo en conta a natureza das mesmas e o seu carácter contractual ou extracontractual.
4. As reclamacións faranse dentro das primeiras 48 horas despois de producirse os danos.
CAPITULO II. PÓLIZA DE ABONO, SUBMINISTRO DE AUGA e CONEXIÓN DE VERTIDOS
Artigo 7. Pólizas de abono.
Denomínase póliza de abono ao contrato subscrito entre o servizo/concesionario e o abonado, que inclúe os termos e condicións pactados para o subministro de auga.
Para a petición do subministro:
- No caso de vivenda nova o usuario presentará
- O boletín de instalación de fontanería da Delegación de Industria
- No caso dunha obra, o peticionario presentará a licenza para a mesma, realizándose un contrato de auga de obra que se terá que dar de baixa unha vez finalizada.
- No caso dunha industria ou comercio o usuario presentará
- O boletín de instalación de fontanería da Delegación de Industria
- Declaración do tipo e cantidade dos vertidos que se prevén verter á rede
En ningún caso se procederá ao subministro se non están realizados os anteriores requisitos.
Nos casos en que estea constituída a comunidade de propietarios con contador xeral único, esta deberá subscribir unha póliza de abono xeral.
Non se subscribirá contrato de subministro a aquel usuario con recibos pendentes de cobro, sexa cal fose a ubicación do novo subministro solicitado.
Baixo ningún concepto se farán concesións gratuítas, calquera que sexa o carácter e natureza do peticionario, considerándose caducadas as que actualmente poidan existir.
Tódolos acordos anteriores quedarán en suspenso á entrada en vigor do presente regulamento.
O traslado de domicilio e ocupación do mesmo local por persoa distinta á que formalizou o contrato, esixe novo contrato, ou no seu caso, a subrogación do anterior, sempre que se cumpran tódolos requisitos deste regulamento.
Non se autorizarán altas nin baixas temporais, agás no especificado no Artigo 10º.
Artigo 8. Solicitude de acometida. Utilización do subministro.
1. A solicitude de acometidas ás redes de distribución de auga potable e de evacuación de augas residuais deberá presentarse, de forma independente, para cada finca que, legal ou fisicamente, constitúa unha unidade de edificación, debendo cada unha delas satisfacer por separado as condicións previstas neste regulamento.
Consideraranse unidades de edificación independentes os edificios dun só portal, ou cada un dos portais no caso de que existan varios nun mesmo edificio. No caso de que un mesmo edificio ou construción teña máis dun acceso, o concesionario poderá decidir a conveniencia de realizar, a medida que lle sexan solicitadas, máis dunha acometida.
2. Queda expresamente prohibida a utilización dunha subministración de auga ou dun colector de verteduras por outra finca ou propiedade distinta daquela para a que se contratou, aínda cando pertenzan ao mesmo dono.
3. Naqueles casos nos que, a xuízo do concesionario, exista causa xustificada, o titular do uso dun local comercial ou industrial de planta baixa dun inmoble, poderá contratar, á súa costa, acometidas independentes.
4. O concesionario está autorizado para vixiar as condicións e forma en que os abonados utilizan os servizos de abastecemento e saneamento.
Artigo 9. Servizo a novas edificacións e novas urbanizacións.
1. As extensións das redes de abastecemento e/ou saneamento para edificacións novas ou antigas que non o posúan serán a cargo do abonado e pasarán á rede municipal.
2. As instalacións das redes de abastecemento e saneamento propias de urbanizacións, novas rúas ou polígonos, serán executadas a cargo do promotor, con suxeición ao correspondente proxecto técnico necesariamente aprobado polo Concello, e previo informe favorable do concesionario. A traza destas redes será sempre polos viais públicos.
3. O permiso de acometida de subministro para o polígono ou urbanización, así como para os solares e inmobles ubicados nel, estará supeditado a que previamente se acredite o cumprimento das condicións seguintes:
- Os esquemas das redes interiores de distribución, así como as demais instalacións relacionadas, deberán ter sido aprobados polo concesionario do servizo e proxectados por técnico competente, debendo ser executados por conta do promotor ou propietario da urbanización ou polígono, e con cumprimento das normas técnicas do concesionario ou que teña previsto, a tales fins, o propio Concello.
- O concesionario poderá esixir, tanto durante o desenvolvemento das obras como na súa recepción ou posta en servizo, as probas hidráulicas e ensaios necesarios, co fin de garantir a idoneidade de execución e o cumprimento das especificacións de calidade que afecten aos materiais previstos no proxecto, sendo os gastos derivados de tales probas a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
4. En ningún caso estará facultado o promotor ou executor da urbanización para realizar as acometidas de abastecemento ou saneamento nos posibles edificios, solares ou parcelas da mesma, o cal é competencia exclusiva do concesionario.
5. O enlace das redes interiores coas conducións exteriores que forman a rede pública xestionada por o concesionario, así como as modificacións ou eventuais reforzos ás mesmas que houberan de facerse nelas, como consecuencia das novas demandas impostas po a urbanización, quedarán perfectamente delimitadas no proxecto previo e executaranse sempre polo concesionario e a cargo do promotor ou propietario da urbanización.
6. Unha vez finalizadas as instalacións, serán verificadas polo concesionario, e informará ao Concello no que lle afecte para a aceptación da propiedade das instalacións, as súas servidumes de paso e usos da urbanización que pasen a dominio público, asumindo a xestión e mantemento dos servizos de abastecemento e saneamento, unha vez que lle sexa ordenado polo Concello.
7. Poderase denegar a solicitude de acometida ou acometidas ás súas redes polas causas ou circunstancias seguintes:
a) Por incumprimento do estipulado neste regulamento no que se refire a documentación e requisitos previos para a conexión ás redes públicas.
b) Cando a cota de vertedura do inmoble para o que se solicita a acometida da rede de saneamento sexa inferior á da rede de condución xeral correspondente, salvo que o propietario instale, á súa custa, o sistema de bombeo axeitado.
c) Cando algunha parte das instalacións xerais deba discorrer por propiedade de terceiros, sen que se acredite constitución da servidume de paso, inscrita no Rexistro da Propiedade ou non se adquira a franxa de terreo afectada.
d) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento sexa insuficiente para un correcto servizo, e non se teñan instalado, a cargo do abonado, o grupo de elevación e depósito correspondentes.
O concesionario poderá, se o abonado o acepta expresamente, contratar o servizo sen responsabilizarse das deficiencias producidas pola falta de presión, termo este que quedará debidamente reflexado no contrato.
e) Cando a presión no punto de acometida de abastecemento se considere excesiva para o servizo, e non se teñan instalado, a cargo do abonado, as medidas de redución de presión adecuadas.
Artigo 10. Tomas de auga provisionais e temporais.
1. Excepcionalmente, o concesionario poderá conceder acometidas ou tomas de auga con carácter provisional ou temporal para obras.
2. En ningún caso se utilizará para vivendas e locais a auga subministrada para unha acometida de obra. Ao finalizar as obras, o construtor ou promotor comunicará este feito ao concesionario e quedará clausurada automaticamente esta acometida, rexéndose o subministro polas condicións xerais establecidas.
3. Ata a firma das pólizas definitivas do servizo, manterase en vigor a póliza do servizo provisional para obra, sendo o construtor ou solicitante autorizado o responsable de abonar toda a auga consumida, a que se lle facturará á tarifa de obra, independentemente do uso que tivera.
Artigo 11. Contratante e titular do contrato.
1. O contratante do subministro e/ou saneamento será o titular ou titulares da finca, local ou industria a abastecer, o quen o represente legalmente, a salvo das excepcións que se detallan neste artigo. Os dous servizos serán dados de alta a nome da mesma persoa.
No seu caso, o contratante poderá ser o inquilino, coa autorización da propiedade. Esta autorización implicará a asunción, por parte do propietario, das eventuais responsabilidades e do resarcimento de danos ao concesionario, no caso de incumprimento do contrato de subministro e saneamento por parte do inquilino.
2. Non poderá ser abonado do subministro de auga e saneamento quen, téndoo sido con anterioridade para outra finca, local ou industria, fora penalizado con suspensión de subministro ou resolución do contrato por falta de pago ou medida regulamentaria, a non ser que satisfaga integramente as súas anteriores obrigacións, cos recargos, intereses e gastos que procedesen.
3. Toda acometida destinarase exclusivamente aos usos para os que tivera sido solicitada e concedida, debendo comunicar o abonado previamente ao concesionario calquera modificación, solicitando a súa aprobación e a formalización dun novo contrato no que se inclúan as circunstancias modificadas.
4. Nos casos de cambio de titularidade da finca, local ou industria abastecidos, e cando sexa o propietario o abonado titular do contrato de subministro, ambos deberán comunicar fehacientemente, dentro do prazo dun mes, o cambio habido, co fin de proceder a formalizar un novo contrato de subministro a nome do novo titular.
5. Nos casos nos que os titulares do contrato de subministro foran os inquilinos, o novo inquilino deberá substituir a autorización do propietario á que se fai referencia no apartado primeiro deste artigo, por outra similar a seu nome.
Se houbese modificación de propiedade da finca, local ou industria sen cambio de titularidade do contrato de subministro e saneamento, o novo propietario entenderase inescusablemente subrogado nas responsabilidades asumidas polo anterior propietario en relación cos incumprimentos do contrato e resarcimento de danos que puideran causar ao concesionario os inquilinos do inmoble, cando non os tiveran asumido estes.
6. Nos casos en que o solicitante dos servizos sexa unha comunidade de propietarios, só poderá contratar os mesmos o seu representante legal, debidamente acreditado.
7. Nos casos en que se soliciten os servizos para execución de obras, o contratante deberá ser o titular da licenza municipal.
Artigo 12. Altas e baixas no servizo.
Toda alta no servizo será obxecto de solicitude do interesado, e subscrición da correspondente póliza na que se fará constar as características do subministro e que producirá efectos económicos dentro do trimestre en que comece o disfrute do servizo e coa facturación correspondente ao trimestre completo.
Cada vez que se produza unha alta pagaranse as taxas municipais de nova acometida de acordo co establecido na Ordenanza Fiscal.
As baixas solicitaranse polo titular do contrato subscribindo a correspondente solicitude e previa comprobación e pago dos recibos pendentes e do trimestre no que se solicita a baixa, pasarase orde para corte de subministro e precintado da chave de paso. Unha vez producida a baixa, calquera outra acometida futura para a mesma vivenda ou local será considerada como nova, sen ter en conta que nese lugar xa existiu a prestación do servizo.
Artigo 13. Tipos de subministro.
A prestación do servizo clasificarase segundo o especificado na Ordenanza Fiscal polos tipos de tarifas, pero como norma xeral será:
1. Usos domésticos. Son aqueles nos que a auga utilízase exclusivamente para atender necesidades primarias da vida, preparación dos alimentos e hixiene persoal.
Aplícase esta modalidade exclusivamente a locais destinados a vivendas, sempre que neles non se realice actividade industrial, comercial, profesional, nin de servizos de calquera tipo.
2. Usos comerciais. Son aqueles nos que a auga utilízase para o acondicionamento, limpeza ou hixiene en establecementos profesionais, comerciais ou de servizos.
3. Usos industriais. Son aqueles nos que a auga constitúa un elemento directo ou indirecto dun proceso de produción.
Aplicarase esta modalidade a tódolos locais ou establecementos nos que se desempeñe unha actividade industrial, así como a centros de ensinanza, deportivos, clubs sociais e recreativos, garaxes e, en xeral, para todos aqueles non destinados a vivenda.
Terán tamén a consideración de usos industriais aqueles usos, potencialmente domésticos, para os que, como resultado das inspeccións e análise que realizará o Servizo Municipal ou os laboratorios autorizados ao efecto, determinarase unha contaminación improcedente das augas residuais, sen prexuízo das responsabilidades nas que incorrerá o actuante.
4. Usos municipais. Son aqueles que corresponden aos edificios e instalacións municipais.
O Concello autoriza ao concesionario a instalar contadores en todos e cada un dos puntos de subministro que lle afecten, calculándose polos servizos técnicos do concesionario os consumos municipais onde, polas características de ditos puntos, non poida instalarse un contador.
Non se considerarán consumos municipais os daquelas dependencias que sendo municipais teñan contratada a súa xestión a unha empresa privada.
5. Uso para obras. Son aqueles nos que a auga se usa na construción.
6. Usos especiais. Considéranse subministro especial aqueles non incluídos nas modalidades anteriores.
Artigo 14. Causas de suspensión do subministro.
1. Para a suspensión do servizo de abastecemento a un abonado o concesionario deberá seguir o procedemento legal previsto ao efecto.
A utilización inadecuada por parte dun abonado do servizo de saneamento ocasionará a suspensión do servizo de abastecemento, como medida complementaria.
2. O concesionario poderá suspender o servizo de abastecemento e/ou saneamento a un abonado nos seguintes casos:
a) Se non paga, puntualmente, o importe dos servizos conforme ao estipulado na ordenanza fiscal.
b) Por falta de pago, das cantidades resultantes de liquidacións en firme de fraude ou no caso probado de reincidencia no mesmo.
c) En tódolos casos nos que o abonado empregue a auga que se lle subministre en forma ou para usos distintos dos contratados.
d) Cando o abonado estableza ou permita establecer derivacións na súa instalación para subministro de auga a outros locais ou vivendas diferentes á consignada na súa póliza de servizo.
e) Cando o abonado non teña instalado contador (ou se encontre avariado e non proceda á substitución do mesmo a pesar da comunicación do servizo) para control do consumo de auga.
f) Cando o abonado manipule o equipo de medida falseando desa forma as medicións do consumo realizado.
g) Cando o abonado non permita a entrada no local a que afecta a póliza do servizo, en horas hábiles ou de normal relación co exterior, ao persoal que, autorizado polo concesionario e provisto do seu correspondente documentación acreditativa, trate de revisar as instalacións.
h) Por neglixencia do abonado respecto á reparación de avarías nas súas instalacións, que poidan causar danos ás redes, á vía pública ou a terceiros.
i) No caso de realizar vertidos non autorizados que poidan producir danos nas instalacións de saneamento ou depuración, aténdose o concesionario á lexislación vixente.
j) No caso de que o abonado utilice a auga para rego de hortas, cultivos ou zonas verdes en terreos anexos á vivenda habitual, cando por causas excepcionais, o Alcalde prohiba os consumos para estes usos, e así o dispoña mediante bando.
3. Os gastos orixinados para o restablecemento serán por conta do abonado, que non recuperará o servizo ata que proceda a seu pago.
Artigo 15. Reservas de auga.
1. Concello e concesionario poderán establecer as condicións e prioridades no uso de auga potable no suposto de restricións por sequía, catástrofes ou accidentes graves nas instalacións de captación, tratamento ou distribución da auga, utilizando o seu mellor criterio para reducir o dano á poboación afectada, e, comunicando as medidas adoptadas, informarase ás autoridades competentes e comunicarase a través dos medios de difusión máis adecuados
2. Os abonados que prevexan utilizar a auga para alimentar aparatos ou instalacións que poidan verse danados como consecuencia dunha interrupción ou diminución de presión en subministro, en tódolos locais nos que se desenvolve calquera tipo de actividade na que a auga represente unha permanente e inescusable necesidade para a saúde pública ou seguridade de persoas e bens, e, especialmente, en centros hospitalarios, almacenes de produtos inflamables e combustibles e grandes centros comerciais deberán dispoñer de depósitos de reserva con capacidade suficiente e adoptar, en xeral, as medidas necesarias para garantir a continuidade do servizo, sen prexuízo do que estableza as regulacións específicas de cada sector.
Igualmente as industrias nas que a auga represente un elemento indispensable no proceso de produción ou conservación de produtos deberán dispoñer de depósitos de reserva, de forma que quede asegurado su autoabastecemento mínimo durante, ao menos, 24 horas.
O prestador do servizo quedará exonerado de responsabilidade civil nestes casos, que polas súas características especiais deberán proverse de medios de reserva.
3. O concesionario no será responsable dos danos que poida ocasionar unha eventual falta de subministro motivada por avarías ou pola normal manipulación da rede.
Artigo 16. Depósitos e grupos de presión particulares.
1. En tódolos edificios nos que a presión da rede no punto de acometida poida ser insuficiente para o correcto abastecemento, estarán obrigados á instalación dun grupo elevador e depósito que garanten o abastecemento regular a tódalas vivendas ou locais da finca.
2. Como medida de hixiene e control, recoméndase que estes depósitos dispoñan dos medios adecuados para a súa fácil e eficaz limpeza periódica. Obrigatoriamente, deberán estar provistos dun rexistro de entrada, desaugue e tubo de ventilación.
O desaugue do depósito de reserva irá conectado á rede de saneamento.
3. Os depósitos de reserva conectaranse obrigatoriamente ao tramo de acometida interior, é dicir, con posterioridade ao emprazamento do contador.
Artigo 17. Avarías en instalacións interiores.
1. Enténdese por instalación interior de abastecemento a comprendida a partir da chave de rexistro de acometida. Quedará excluído o contador como parte da instalación interior.
2. O propietario dun edificio será responsable das avarías que se produzan na instalación interior e realizará, a seu cargo, coa maior rapidez que lle sexa factible e, en todo caso, dentro dun prazo máximo de cinco días naturais, a reparación das avarías que se presenten a partir da Chave de rexistro e antes do contador. Transcorrido dito prazo sen que se teña reparado a avaría, o concesionario procederá ao corte de subministro ata que se teña efectuado a reparación e inspeccionará a instalación con posterioridade á mesma, antes de reanudar o servizo.
3. Se, a xuízo do concesionario ou de técnico competente, determinarase que existe perigo grave para a seguridade das persoas por mal estado das instalacións, ou ameaza de danos graves, o concesionario poderá suspender o subministro de forma inmediata, poñéndoo en coñecemento do interesado. Neste caso, como en aqueles outros nos que exista necesidade de acometer a reparación con urxencia, o concesionario informará ao Concello e poderá repercutir ao abonado os gastos en que se incorrerá, debidamente xustificados.
Artigo 18. Sistemas contraincendios.
1. A conexión á rede pública de abastecemento das acometidas para sistemas contraincendios esixirá a firma dun contrato específico entre o concesionario e o abonado.
Dito contrato terá a mesma tramitación e carácter que os de subministro ordinario e estará, polo tanto, suxeito ás mesmas prescricións reguladas por aqueles. A utilización da rede contra incendios será unicamente con ese fin.
2. As redes interiores de incendio serán sempre independentes das restantes existentes na finca en que se instala e non poderá ser conectada derivación algunha para outros usos.
3. Nas instalacións contraincendios instalaranse aparatos medidores de consumo. En caso de incendio, dentro das corenta e oito horas seguintes ao mesmo, deberá comunicarse ao concesionario a produción do incendio así como tódalas demais circunstancias relacionadas co mesmo. Ditos feitos poderán ser comprobados polo concesionario ou polos servizos municipais. Caso de non estar xustificado o uso da rede contra incendios a auga consumida a través destas instalacións facturaranse consonte ás tarifas vixentes en cada momento.
Artigo 19. Bocas de rega contra incendios.
1. O concesionario situará, a petición do Concello ou dos abonados e con cargo ao peticionario, as bocas de rega contra incendios que lle sexan solicitadas, consonte coas instrucións que en cada caso, sinale o Concello.
2. En caso de sinistro, o Concello ou os abonados, deberán, dentro das corenta e oito horas seguintes ao mesmo, deberá comunicarse ao concesionario a produción do sinistro así como tódalas demais circunstancias relacionadas co mesmo. Ditos feitos poderán ser comprobados polo concesionario ou polos servizos municipais. Caso de non estar xustificado o uso da rede contra incendios a auga consumida a través destas instalacións facturarase consonte as tarifas vixentes en cada momento.
Artigo 20. Subministro temporal para obras de urbanización e actuacións en dominio público.
1. Para a execución de obras de urbanización e de aquelas instalacións e atraccións que se realicen nas rúas, vías públicas ou bens de dominio público, o concesionario autorizará, a petición da Entidade pública ou do contratista adxudicatario da obra, o uso da auga procedente das bocas de rega ou hidrantes.
2. Cando o solicitante sexa o contratista da obra ou o propietario da actuación, deberá constituír previamente ante o concesionario para responder de eventuais danos sobre as instalacións públicas, un depósito equivalente ao dobre do valor de reposición da boca de rega ou hidrante. O depósito será devolto ao contratista, unha vez transcorrido o prazo de utilización do subministro, se non se houberan producido danos.
3. O consumo de auga a que se refire o presente artigo será abonado polo contratista, segundo o consumo rexistrado polo contador que o concesionario houbese instalado a tal efecto.
4. Salvo os casos previstos nos anteriores números deste artigo, a utilización das bocas de rega ou hidrantes só estará permitida aos servizos públicos de extinción de incendios e a outros servizos municipais, calquera que sexa a forma de xestión, quedando exentos de pago os consumos que se produzan pola utilización daquelas.
CAPITULO III. SERVIZO DE ABASTECEMENTO
1.- ACOMETIDAS
Artigo 21. Acometidas de abastecemento.
a) Se denomina rede de distribución de auga potable ao conxunto de tubarias, cos seus elementos de manobra, control e accesorios, instalado en rúas, prazas, camiños e demais vías públicas para distribuír a auga á poboación.
b) Enténdese por acometida de abastecemento, o ramal que, partindo dunha tubaria de distribución, conduza a auga ao pe do edificio ou ao límite da propiedade que se desexa abastecer. Esta acometida comprende dende o collarín de toma na tubaria xeral ata a chave de rexistro situada nunha arqueta de rexistro ao pe da edificación ou límite da propiedade. Estará formada por unha tubaria única de características específicas segundo o caudal e presión de auga a subministrar.
No caso de execución de acometidas clandestinas, por parte do propietario, suspenderase o servizo ata que teña a autorización correspondente e unha vez aprobada abonará os custes totais de execución da acometida, previamente á realización do contrato.
c) Como norma xeral, non se concederán illadamente acometidas de subministración de auga potable nin de vertedura de augas residuais, e tramitaranse simultaneamente ambas as dúas solicitudes onde existan ambos os dous servizos. As obras correspondentes executaranse, na medida do posible, ao mesmo tempo, sempre que exista rede de auga e colectores en servizo.
Artigo 22. Características da acometida.
A determinación das características das novas acometidas ou da ampliación do servizo dun inmoble e a súa instalación, serán sempre competencia exclusiva do servizo de augas, quen realizará os traballos correspondentes a cargo do peticionario segundo os prezos aprobados polo Concello. Así mesmo o servizo determinará as modificacións que na rede existente deben efectuarse como consecuencia da petición e que tamén satisfará o peticionario, entendéndose que esta modificación pertence, a tódolos efectos, ao Patrimonio Municipal. Caso de non abonar o solicitante esta modificación non se procederá ao subministro. Toda persoa que desexe acometida de abastecemento de auga potable e/ou acometida de vertedura de augas residuais, fará unha solicitude ao servizo Municipal de augas, o cal comprobará/ realizará un informe das condicións necesarias para a conexión que comunicará/ entregará no Concello para que procedan ao seu estudo e aprobación se o consideran oportuno.
A aprobación por parte do Concello será trámite indispensable para proceder á conexión á rede municipal, así como un orzamento, segundo tarifa vixente, do custo de ditas acometidas, que satisfará o solicitante, antes de dar comezo ás obras.
Artigo 23. Subministro a unha urbanización.
No caso de solicitude de subministro a unha urbanización privada poderá facerse de dous modos distintos :
- Se os propietarios da urbanización desexan que a rede xeral interior siga sendo privada e con o consentimento do Concello e do concesionario, se lle instalará un contador xeral no límite da rede municipal e se lle facturará a nome da comunidade o importe da lectura total do mesmo, con tantos mínimos e/ou cotas de servizo e mantemento como vivendas e puntos de consumo comunitario existan no interior da urbanización.
Neste caso, tódalas avarías que se produzan a partir do contador xeral serán por conta da comunidade.
- Se queren instalar contadores individuais de consumo, terán que ceder a rede xeral que pasará a ser de propiedade municipal, aplicándose a cada vivenda o especificado neste regulamento e procedéndose por parte do servizo á instalación das acometidas individuais e os contadores correspondentes, así como os dos consumos comunitarios que serán facturados á comunidade.
- Antes da recepción da rede por parte municipal, inspeccionaranse os materiais que a constitúen e efectuaranse as probas de presión e estanquidade que o Concesionario considere necesarias, con cargo ao promotor ou propietario da urbanización. Se o resultado das probas é satisfactorio procederase á recepción.
Artigo 24. Conservación de acometidas.
Se na Ordenanza Municipal estivese prevista cota de conservación de acometidas de abastecemento, as reparacións das avarías nas acometidas e que sexan debidas ao seu normal uso corresponderán ao Servizo de augas con cargo a esta cota, sen que se produza ningún outro cargo ao abonado por este motivo.
Se a avaría fose debida a outras razóns diferentes ás do seu normal uso, a reparación ou substitución será realizada polo Servizo de augas e se facturará ao abonado ou ao causante da avaría, o importe da reparación.
2.- CONTADORES
Artigo 25. Contadores.
1. Os contadores ou medidores de caudais de subministro de auga potable serán dos tipos aprobados e verificados polas Delegacións de Industria ou Organismos competentes.
2. O concesionario manterá unhas existencias de contadores, adecuadas ás necesidades e caudais de subministro, para a súa venda aos abonados que o soliciten. A venda de ditos contadores realizarase de conformidade coas tarifas aprobadas polo Concello.
3. É obrigación do abonado a conservación en bo estado do aparato de medida e do recinto en que se encontra, así como do acceso ao mesmo.
4. Tódolos puntos de consumo e de subministro deberán dispoñer de contadores para controlar os caudais tanto rexistrados como subministrados.
5. A empresa comprometerase a efectuar a instalación do contador nun período non superior aos dous días laborable posterior ao de contratación.
6. O Concesionario deberá comprometerse a colocar no prazo de seis meses, os contadores aos usuarios que actualmente non o teñan, incluídas as dependencias municipais. Os traballos e elementos necesarios para este fin, serán de conta exclusiva dos abonados.
Artigo 26. Colocación e conservación dos contadores.
1. As operacións de conexión e desconexión dos contadores só poderán executalas os empregados do servizo, prohibíndose a calquera outra persoa facer calquera operación neles. Así mesmo queda prohibido alterar os precintos que como garantía levan colocados os contadores. Se por calquera accidente se rompera un deles, pasarase inmediatamente aviso ao servizo, quen levará ao efecto a reposición o antes posible.
2. No caso de existencia de cota de conservación de contadores, a substitución ou reparación dos inutilizados ou avariados polo seu normal uso ou antigüidade corresponderá ao concesionario con cargo a esta cota. De non existir esta cota os gastos correspondentes serán por conta do abonado.
3. A substitución ou reparación dos contadores inutilizados ou avariados por outras razóns diferentes ás do seu uso normal (xeadas, actos vandálicos, etc.,) será por conta do abonado, caso no que se lle notificará por escrito dándolle un prazo de 7 días para persoarse nas oficinas do servizo e abonar o importe correspondente á reparación ou substitución. De non facelo así, procederase ao corte do subministro.
4. O abonado poderá instalar, pola súa conta e para a súa propia administración, cantos contadores divisionarios de consumo estime convenientes.
O concesionario guiarase, sen embargo para a facturación de consumos, exclusivamente polos aparatos de medida do Servizo, non vindo obrigado a aceptar as reclamacións que se apoien en lecturas dos contadores particulares no conexionados polo concesionario.
En caso de rescisión de contrato ou de contadores conexionados por persoal distinto ao do Servizo Municipal de Augas, o servizo procederá a retirar o contador do abonado que quedará depositado nas oficinas do servizo, e poderá pasar a recollelo dentro dos tres meses seguintes á súa retirada.
Artigo 27. Contadores individuais e contadores comunitarios.
1. Toda vivenda unifamiliar, piso ou local comercial (independentemente de que sexa destinado a actividades industriais, ao exercicio profesional ou á prestación de calquera servizos) disporá dun contador individual debidamente verificado pola Delegación de Industria. Non se autorizará a instalación de contadores comunitarios.
2. No caso de que existan comunidades de propietarios ou edificios con contador xeral instalados de antigo, o mínimo de abono obrigatorio e cotas de servizo e/ou mantemento, será o que corresponda á suma de tantos mínimos e cotas como número de vivendas ou locais constitúan a comunidade, incluídos os subministros a servizos propios da mesma. A Comunidade de Propietarios será a responsable do pago do recibo correspondente.
Neste caso considerarase un número de vivendas ou locais, a efectos de facturación, aqueles que poidan ser utilizadas de forma independente, aínda cando sexan dun mesmo propietario, estean ocupadas ou valeiras.
3. Aos subministros existentes sen contador medidor de caudal ou co contador avariado se lle establecerá un período de 7 días para a instalación de dito aparello, durante o que se facturará o estimado polo servizo en función das características do subministro, e alomenos o dobre do mínimo marcado pola ordenanza en cada tipo de subministro. Pasado dito período procederase ao expediente de corte de subministro en caso de que sexa abonado ao Servizo.
4. Nos casos en que nun mesmo edificio existan distintos tipos de subministro instalaranse contadores independentes para cada un deles, pero se debido a esixencias técnicas, soamente se pode instalar un, o consumo total tarifarase con arreglo á tarifa máis alta correspondente aos englobados no contador único.
5. Non se permitirá estender unha mesma concesión a varias fincas ou edificacións, inda no caso de estar contiguas e pertencer ao mesmo dono.
6. Os contadores estarán colocados nun lugar adecuado, de libre acceso, na planta baixa, cerca da chave de paso instalada fronte á finca de que se trate e sempre no exterior da vivenda. No caso de vivendas colectivas situaranse nun compartimento ou caixa, mediante o sistema chamado de batería ou similar, de tal forma que o empregado lector do servizo poida libremente anotar as indicacións de tódolos contadores nun só acto.
Artigo 28. Lectura de contadores.
1. O abonado estará obrigado a facilitar o acceso ao contador ao persoal do concesionario, que deberán levar a oportuna identificación.
A lectura dos contadores polo concesionario deberá facerse no período comprendido entre as nove e as vinte horas.
2. A lectura periódica dos contadores será realizada por empregados do concesionario, debidamente acreditados. A lectura tomada determinará o consumo do abonado. A lectura e facturación de consumos farase trimestralmente.
3. Cando, por circunstancias alleas á vontade do concesionario, non fose posible a lectura do contador do abonado, o empregado estará obrigado a deixar constancia da súa visita, depositando no buzón de correos do abonado ou similar, unha tarxeta na que reflexará esa circunstancia e na que o abonado poderá reflexar a lectura efectuada por o mesmo.
O abonado deberá devolver o impreso de lectura debidamente cumprimentado antes dos seis días seguintes á data de entrega do mesmo polo lector. Os impresos de lectura recibidos polo concesionario con posterioridade a este prazo poderán ser considerados nulos, realizándose a facturación como se o consumo fose cero nese período e sen que dea lugar a descontos por eses mínimos en facturacións posteriores.
Artigo 29. Comprobación de contaxe do contador.
1. No caso de que un abonado estime que o volume de auga consumido na súa instalación non corresponda ao rexistrado polo seu contador, poderá solicitar a súa revisión ao concesionario. O abonado deberá depositar a tal efecto a fianza ou tarifa correspondentes á comprobación .
2. Si se probara que o funcionamento do contador é correcto, facturarase a comprobación por importe da fianza. Se o funcionamento do contador fora incorrecto, devolverase ao abonado a cantidade depositada como fianza, resultando os gastos de comprobación ao cargo do concesionario.
As tolerancias para verificación de contadores serán as que fixe, en cada caso, o Centro Nacional de Metroloxía ou Organismo equivalente.
No caso de comprobación de funcionamento incorrecto, e exclusivamente para aqueles casos nos que o propoñente sexa o abonado, o concesionario procederá a refacer as liquidacións por consumo de auga, corrixidas nos porcentaxes de desviación detectados, correspondentes aos tres meses anteriores ao momento da petición de verificación polo abonado.
3.- Se o abonado non estivese de acordo coa comprobación realizada polo concesionario poderá solicitar da Delegación de Industria a verificación correspondente e correrán a seu cargo tódolos gastos que orixine esta, así como os gastos de desmontaxe e montaxe do contador por persoal do concesionario, no caso de que a verificación dese como resultado que a medición do contador é correcta.
CAPITULO IV. SERVIZO DE SANEAMENTO
Artigo 30. Servizos que se van realizar.
Denomínase rede de saneamento o conxunto de colectores e rexistros, con todos os elementos de bombeo, control e accesorios, instalados en rúas, prazas, camiños e demais vías públicas, que serven para a evacuación das augas residuais ata a canle pública ou as estacións depuradoras.
a) A execución das instalacións, ampliacións, substitucións, reparacións, reformas e melloras das redes e acometidas de saneamento.
b) A limpeza da rede xeral de sumidoiros, levando os residuos ás instalacións municipais previstas e autorizadas para tal fin.
Artigo 31. Acometidas de saneamento.
a) Enténdese por acometida de saneamento a canalización de condución das augas residuais dunha instalación, edificio (establecemento) ou nave industrial, que se estende dende a arqueta situada no bordo do terreo ou propiedade pública ou privada ata o pozo de rexistro de saneamento ao que está conectado.
Nas instalacións onde puidese faltar o pozo de rexistro, entenderase que a acometida remata, excepcionalmente, no colector xeral.
As instalacións que non se axusten a estas normas serán obrigadas a adaptarse ante calquera modificación ou reparación nas acometidas. O custo correspondente será a cargo do subscritor.
Para os efectos das obrigas do concesionario, este deberá realizar ao seu cargo exclusivamente a limpeza da rede xeral de saneamento ao que estea conectada a acometida. Os custos de mantemento, substitución e reparación da acometida de saneamento do subscritor serán a cargo deste.
b). As acometidas de saneamento serán realizadas exclusivamente polo concesionario, e comprenden dende a arqueta de rexistro situada no límite da propiedade do subscritor ata o seu entroncamento no pozo de saneamento ou no colector xeral.
Serán a cargo do subscritor, conforme ao presuposto presentado ao construtor, propietario ou subscritor interesado, e segundo o cadro de prezos autorizado polo concello.
c). As acometidas de saneamento que, pola súa antigüidade e mal estado, non cumpran correctamente as súas funcións e deban ser substituídas na súa totalidade suporán a realización polo concesionario dun orzamento que lle será presentado ao subscritor para proceder ao cambio de acometida.
Se o subscritor non se fixese cargo deste orzamento, o concesionario quedará eximido de toda responsabilidade fronte aos eventuais efectos de mal funcionamento da acometida de saneamento, que serán de conta exclusiva do subscritor.
Artigo 32. Execución de acometidas de saneamento.
1. A sección das conducións, tipo de rexistros e demais características da acometida rexeranse, polo demais, segundo as normas municipais de aplicación e as disposicións de planificación urbanística correspondente.
2. As obras de construción e instalación dos colectores e acometidas de saneamento axustaranse nas súas características ás condicións e prescricións técnicas establecidas nas ordenanzas municipais de edificación, e ao disposto na normativa urbanística aprobada polo concello. O concesionario non poderá aplicar outros criterios, salvo que, debidamente cubertos, fosen aprobados polo concello.
3. Toda acometida de rede de sumidoiros deberá dispoñer dunha arqueta de rexistro no límite da propiedade do subscritor.
4. A limpeza das acometidas de saneamento será executada polo subscritor, no caso de realizala o concesionario, percibirá do subscritor o importe debidamente facturado pola devandita limpeza como contraprestación.
5. Para proceder á execución da acometida de saneamento, o propietario do inmoble ou, se é o caso, o subscritor deberá depositar con anterioridade ao comezo das obras o importe íntegro do orzamento que, conforme ao cadro de prezos aprobado polo concello, realizaría o concesionario.
Artigo 33. Modificación de acometidas de saneamento por variación das condicións iniciais de solicitude.
1. Cando, con ocasión da reforma, ampliación ou reparación dun edificio ou nave industrial, se incremente o número de vivendas, establecementos ou locais, ou varíen as condicións de vertedura, o propietario ou promotor estará obrigado a solicitar do concesionario as novas acometidas, en caso necesario, e a modificación das pólizas de servizo a que se dese lugar. As novas acometidas executaraas o concesionario con cargo ao propietario ou subscritor, e axustaranse ás normas e procedementos que se recollen neste regulamento.
2. No caso de que os servizos técnicos do concello ou do concesionario descubrisen a realización de obras de saneamento non comunicadas ao servizo, levantarase acta deste feito, e o concesionario proporalle ao concello a actuación que corresponda.
A execución de obras de saneamento que supoñan a utilización non autorizada dos servizos regulados neste regulamento, tanto directa como indirectamente, e a ocultación de datos das acometidas poderá motivar a inmediata suspensión do servizo e o cargo por parte do concesionario ao subscritor ou usuario dun ano de utilización do servizo ás tarifas vixentes.
Artigo 34. Conexión á rede de sumidoiros e mantemento de fosas sépticas particulares.
1. A autorización para a vertedura das augas residuais será aprobada polo concello. Está prohibida a vertedura á rede pública de saneamento das augas residuais daqueles que non sexan aboados do servizo.
2. Os subscritores ao servizo de augas deberán obrigatoriamente conectarse á rede de saneamento cando as súas vivendas ou instalacións se atopen a menos de cincuenta metros da rede pública, e quedarán obrigatoriamente fóra de servizo todas aquelas fosas sépticas que se atopen a esa distancia da rede pública de saneamento.
Para iso, solicitarán a acometida correspondente, que se realizará a custa do subscritor, salvo que se prevexan formas de financiamento diferentes por parte do concello.
3. Os edificios fronte aos que exista rede de colectores pública verterán a esta directamente as augas residuais a través da correspondente acometida, sen atravesar propiedades de terceiros.
4. Nos casos de existencia de fosas sépticas particulares, é responsabilidade dos propietarios a execución das obras necesarias para o seu correcto funcionamento e o seu mantemento.
Artigo 35. Instalación interior e bombeos particulares de augas residuais.
1. As instalacións interiores de desaugadoiro dun edificio que se localicen a cota inferior á rasante da rúa deberán ser completamente estancas á presión de 1 kg/cm².
2. Naqueles casos en que os desaugadoiros dun edificio se atopen a cota inferior á do colector da rúa, o propietario ou propietarios instalarán ao seu cargo a infraestrutura e equipo de bombeo necesario para efectuar a vertedura á rede pública.
Artigo 36. Clasificación de verteduras.
1. Para os efectos do presente regulamento, as verteduras clasifícanse nas modalidades seguintes:
a) Augas de refugallo domésticas ou augas residuais domésticas.
b) Augas de refugallo industriais, ou augas residuais industriais.
2. Considéranse como augas residuais domésticas as que proceden de uso de auga de abastecemento en vivendas, sexan individuais ou colectivas.
Estas augas residuais carrexarán, salvo casos excepcionais, os refugallos procedentes da preparación, cocción e manipulación dos alimentos, as augas de lavado de roupas e utensilios de cociña, excrementos humanos e materiais biodegradables producidos no normal desenvolvemento das actividades domésticas.
Non se permite a incorporación ás augas residuais domésticas de disolventes, pinturas, ácidos, substancias sólidas non degradables, plásticos nin aqueles elementos que poidan provocar obturación das conducións ou o seu dano. Evitaranse, igualmente, aqueles elementos que sexan de difícil ou imposible eliminación nas depuradoras de residuais e cuxa relación proporcionará, por pedimento dos subscritores e usuarios, o concesionario.
2. Considéranse como augas residuais industriais as procedentes do uso da auga de abastecemento en establecementos industriais, naves e locais comerciais de todo tipo, que poidan ser susceptibles, como consecuencia da actividade destes establecementos, de carrexar outros refugallos diferentes, ademais, ou en vez, dos presentes nas augas residuais definidas como domésticas.
Artigo 37. Prohibicións e limitacións das verteduras.
1. Queda totalmente prohibido verter, directa ou indirectamente, á rede de sumidoiros todos os compostos e materias que, de forma non exhaustiva e agrupados por afinidade ou similitude de efectos, se sinalan a continuación:
1.1. Mesturas explosivas: líquidos, sólidos ou gases que, por razón da súa natureza e cantidade, sexan ou poidan ser suficientes, por si mesmos ou en presenza doutras substancias, de provocar lumes ou explosións. En ningún momento, dúas medidas sucesivas efectuadas mediante un explosímetro no punto de descarga á rede deben dar valores superiores ao 5% do límite inferior de explosividade, nin tampouco unha medida illada debe superar nun 10% o citado límite.
Prohíbense expresamente: os gases procedentes de motores de explosión, gasolina, queroseno, nafta, benceno, tolueno, xileno, éteres, tricloroetileno, aldehidos, cetonas, peróxidos, cloratos, percloratos, bromuros, carburos, hidruros, nitruros, sulfuros, disolventes orgánicos inmiscibles en auga e aceites volátiles.
1.2. Refugallos sólidos ou viscosos: refugallos sólidos ou viscosos que provoquen ou poidan provocar obstrucións no fluxo da rede de sumidoiros ou interferir o axeitado funcionamento do sistema de augas residuais.
Os materiais prohibidos inclúen, en relación non exhaustiva: graxas, tripas ou tecidos animais, esterco, ósos, pelos, peles ou carnaza, entrañas, sangue, plumas, cinzas, escouras, areas, cal, anacos de pedra ou mármore, anacos de metal, vidro, palla, labras, recortes de céspede, trapos, grans, lúpulo, anacos de papel, madeiras, plástico, alcatrán, residuos asfálticos, residuos do procesado de combustibles ou aceites lubricantes e similares e, en xeral, sólidos de tamaño superior a 1,5 cm. en calquera das súas dimensións.
1.3. Materiais colorantes: líquidos, sólidos ou gases que, incorporados ás augas residuais, dean coloracións que non se eliminen no proceso de tratamento empregado nas estacións depuradoras municipais, tales como, lacas, pinturas, vernices, tintas etc.
1.4. Residuos corrosivos: líquidos, sólidos ou gases que provoquen corrosión na rede de saneamento ou nas instalacións de depuración, tanto nos equipos como nas instalacións, e sexan capaces de reducir a vida útil destas ou de producir avarías. Inclúense, entre outros, os seguintes: ácidos clorhídrico, nítrico, sulfúrico, carbónico, fórmico, acético, láctico, butílico, lixivias de sosa ou potasa, hidróxido amónico, carbonato sódico, augas de moi alta salinidade e gases como sulfuro de hidróxeno, dióxido de carbono, dióxido de xofre e, en xeral, todas aquelas substancias que, ao reaccionaren coa auga, poidan dar lugar a solucións corrosivas como sulfatos, cloruros...
1.5. Refugallos radioactivos: refugallos radioactivos ou isótopos de vida media ou concentración tales que poidan provocar danos nas instalacións depuradoras e/ou perigo para o seu persoal de mantemento.
1.6. Residuos que produzan gases nocivos: entenderanse como tales os residuos que produzan gases nocivos na atmosfera da rede de saneamento, colectores e/ou emisarios en concentracións superiores aos límites seguintes:
Monóxido de carbono (CO): 100 cm³/m³ de aire
Cloro (Cl2): 1 cm³/m³ de aire
Sulfhídrico (SH2): 20 cm³/m³ de aire
Cianhídrico (CNH): 10 cm³/m³ de aire
1.7. Materias nocivas e substancias tóxicas: sólidos, líquidos ou gases en cantidades tales que, por si sos ou por interacción con outros refugallos, poidan causar molestias públicas ou perigo para o persoal encargado do mantemento e conservación da rede de colectores e estacións depuradoras.
2. En xeral, todo tipo de substancias coas concentracións referidas no anexo número 2 do Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas ou naquelas disposicións globais vixentes en cada momento que resulten de aplicación, e que o concesionario porá á disposición dos subscritores para a súa eventual consulta, entre outros, o decreto 133/2008, de 12 de xuño, de avaliación de incidencia ambiental.
3. Con carácter xeral, quedará prohibida a vertedura de substancias ou materias que teñan a condición de tóxicos ou perigosos, segundo a lexislación vixente de residuos e lexislación concordante, entre outras, o Real Decreto 679/2006, de 2 de xuño, polo que se regula a xestión dos aceites industriais usados.
4. A presenza dos residuos enviados á rede pública de corpos e substancias que, aínda non sendo por si mesmos prexudiciais, poidan provocar atascos na rede, obrigará a instalar a fosa de decantación correspondente. O concesionario informará o concello destes casos, ademais de ao subscritor, para que a entidade pública proceda en consecuencia no caso de que o causante das verteduras non adopte as medidas aconsellables.
6. Os caudais punta das verteduras á rede non poderán exceder do quíntuplo (5 veces) nun intervalo de 15 minutos ou de dúas veces e medio (2,5 veces) nunha hora o valor medio do día.
7. Os danos e prexuízos que puidesen derivarse dunha vertedura prohibida definida neste artigo serán imputados totalmente ao seu causante, sen prexuízo das responsabilidades de tipo legal en que puidese incorrer.
Artigo 38. Relación de verteduras prohibidas.
Queda prohibido verter, directa ou indirectamente, ás instalacións de rede de sumidoiros e saneamento, verteduras con características ou con concentracións de contaminantes iguais ou superiores en todo momento aos expresados na seguinte relación:
PARÁMETROS | CONCENTRACIÓN | UNIDADES |
pH | 5,5 - 9,0 | - |
Sólidos en suspensión | 600 | mg/L |
Demanda bioquímica de osíxeno (DBO5) | 600 | mg/L |
Demanda química de osíxeno (DQO) | 1.000 | mg/l |
Temperatura | 40 | oC |
Condutividade eléctrica (25º C) | 5.000 | mS/cm |
Aluminio | 10,0 | mg/l |
Arsénico | 1,0 | mg/l |
Bario | 20,0 | mg/l |
Boro | 3,0 | mg/l |
Cadmio | 0,2 | mg/l |
Cromo hexavalente | 0,5 | mg/l |
Cromo total | 4,0 | mg/l |
Ferro | 10,0 | mg/l |
Manganeso | 2,0 | mg/l |
Níquel | 2,0 | mg/l |
Mercurio | 0,05 | mg/l |
Chumbo | 0,7 | mg/l |
Selenio | 0,5 | mg/l |
Estaño | 5,0 | mg/l |
Cobre | 0,5 | mg/l |
Cinc | 5,0 | mg/l |
Cianuros | 1,0 | mg/l |
Cloruros | 2.000 | mg/l |
Sulfuros totais | 5,0 | mg/l |
Sulfitos | 2,0 | mg/l |
Sulfatos | 1.000 | mg/l |
Fluoruros | 10,0 | mg/l |
Fósforo total | 50,0 | mg/l |
Nitróxeno amoniacal | 50,0 | mg/l |
Aceites e graxas | 100,0 | mg/l |
Fenois totais | 2,0 | mg/l |
Aldehidos | 2,0 | mg/l |
Deterxentes | 6,0 | mg/l |
Insecticidas | 0,1 | mg/l |
Toxicidade | 30,0 | U.T. |
Esta relación será revisada periodicamente e non se considera exhaustiva, senón simplemente enumerativa.
Nos casos en que a vertedura por si soa, ou conxuntamente con outras verteduras autorizadas con anterioridade, supere no seu caudal horario punta, de 15 minutos, ou 5% do caudal medio horario da EDAR, realizarase un estudo específico con valores límite dos elementos detallados, que poderá ser máis estrito ca os especificados con anterioridade.
Artigo 39. Actuación ante verteduras prohibidas.
1. Está prohibida a realización de calquera tipo de vertedura que poida causar efectos perniciosos na infraestrutura de saneamento, supoña riscos para as persoas ou molestias para a colectividade.
2. A infracción do disposto no parágrafo anterior deste artigo, independentemente da adopción das medidas legais que sexan do caso, dará lugar a que o concesionario adopte as seguintes medidas:
a) A prohibición inmediata e total da vertedura cando se trate de substancias cuxo efecto prexudicial non poida corrixirse na estación depuradora.
b) A obriga de implantar o tratamento preventivo, por exclusiva conta do subscritor, que reduza as concentracións dos elementos contaminantes aos límites permitidos.
3. O concesionario establecerá a vixilancia e comprobación regular das verteduras e as súas concentracións, complementando os medios das entidades públicas destinados para este fin e en estreita colaboración con elas.
Descuberta polo concesionario ou por inspectores autorizados a existencia de verteduras irregulares, levantarase acta de infracción, que será posta inmediatamente en coñecemento do concello e autoridades competentes para a imposición das sancións administrativas e a esixencia das responsabilidades a que haxa lugar.
Artigo 40. Colectores en propiedades particulares.
1. O concesionario non asume responsabilidade ningunha polas filtracións, inundacións, afundimentos e, en xeral, calquera tipo de dano que se produza en propiedades particulares, como consecuencia do mal funcionamento de conducións que discorra por terreos excluídos do viario público.
2. No caso de que os servizos de sanidade do concello ou das entidades públicas que correspondan, e por existir risco grave para a saúde pública, logo de informe técnico sanitario en tal sentido, decidisen a necesidade de executar obras de saneamento en terreos non públicos, ou labores de limpeza e desatascamento en dominios privados, a corporación municipal poderá ordenar ao concesionario a execución deses traballos e será o seu custo a cargo do concello.
Artigo 41. Conexións provisionais e temporais.
1. Nos casos en que se concedan acometidas ou tomas de auga provisionais para obras, o concesionario indicaralle ao construtor ou solicitante, cando fose necesario, o punto autorizado para a vertedura de augas residuais.
2. O construtor e os usuarios desa acometida provisional absteranse de verter materia ningunha que, por si mesma ou en reacción coa auga, poida provocar atascos ou danos na condución de saneamento, sendo responsables dos danos en que puidesen incorrer.
3. A autorización de verteduras, conexións provisionais á rede de sumidoiros e utilización puntual da rede de saneamento pública seralle solicitada ao concesionario e aprobada polo concello, consignándose os datos necesarios para identificación das verteduras que se pretendan.
4. O concesionario aplicará os prezos que correspondan, deducidos da tarifa de saneamento aprobada.
Artigo 42. Baixas no servizo de saneamento.
As autorizacións de verteduras á rede de saneamento quedarán sen efecto nos seguintes casos:
a) Por petición do usuario, de non existir finalmente ocupación da vivenda, local ou establecemento, o que suporá darse de baixa como subscritor do abastecemento e, simultánea e consecuentemente, do saneamento.
b) Por decisión das autoridades, como consecuencia de resolución xudicial ou administrativa, por proposta ou non do concesionario por infracción dos artigos deste regulamento.
Artigo 43. Consideracións para a autorización de verteduras industriais.
Previamente á conexión á rede pública de saneamento, o concesionario realizará as comprobacións que considere necesarias para controlar que o efluente previsto cumpre as condicións físico-químicas que se especifican neste regulamento.
Se o subscritor ocultase datos ou enmascarase as características do efluente, serán de aplicación as actuacións de control e de posible suspensión do servizo que se reflectiron no artigo correspondente deste regulamento.
1. Solicitude de verteduras: toda descarga de augas residuais non domésticas á rede sumidoiros deberá contar coa súa correspondente autorización ou permiso de vertedura, proporcionada polo concello na forma e condicións que se detallen.
2. Todos os usuarios industriais que teñan que realizar verteduras á rede de rede de sumidoiros deberán realizar a solicitude correspondente segundo se indica na epígrafe anterior. Non se lles permitirá a conexión á rede de abastecemento nin á de rede de sumidoiros ás industrias que non dispoñan da correspondente autorización, emitida en conformidade cos proxectos e informes técnicos presentados.
3. Todos os usuarios industriais que se atopen descargando as súas verteduras actualmente á rede municipal deberán obter igualmente o devandito permiso de vertedura dentro do límite da data de entrada en vigor deste regulamento.
4. A solicitude de vertedura farase segundo o modelo prescrito polo concello, que se acompañará, como mínimo, da información que se indica a continuación:
- Nome, enderezo, NIF da entidade xurídica do solicitante, así como os datos de identificación do representante que efectúa a solicitude.
- Volume de auga que consome a industria, con referencia expresa ás captacións particulares, se as houbese.
- Volume de auga residual de descarga e réxime desta, horario, duración, caudal medio, caudal punta e variacións diarias, mensuais e estacionais se as houbese.
- Constituíntes e características das augas residuais que inclúan todos os parámetros que se describen na táboa I do anexo ao título IV do Regulamento do dominio público hidráulico, que se achega como anexo a este Regulamento do Servizo de Abastecemento de Augas, sen prexuízo de que se indiquen determinacións non descritas especificamente.
- Planos de situación, planta, conducións, instalacións mecánicas e detalle das rede de sumidoiros con dimensións, situación e cotas.
- Descrición da actividade, instalacións e procesos que se desenvolven.
- Descrición do produto obxecto da fabricación, así como dos produtos intermedios ou subprodutos se os houbese, indicando cantidade, especificacións e ritmo de produción.
- O concello requirirá calquera outra información complementaria que considere necesaria para poder avaliar a solicitude da autorización.
5. A autorización de vertedura poderá incluír os seguintes termos: características das augas residuais vertidas, valores medios e máximos, limitacións sobre o caudal e o horario das descargas, esixencias de instalación de pretratamento, inspección, mostraxe e medición.
6. Con independencia dos requisitos de carácter xeral recollidos nos artigos 36 e seguintes deste regulamento, que son de obrigado cumprimento, os solicitantes de acometidas de saneamento para residuos industriais deberán presentarlle ao concesionario un proxecto que conteña a descrición detallada das súas verteduras, e indique características físico-químicas, caudais e periodicidade. Á vista dos datos achegados, o concesionario poderá autorizar ou non a conexión á rede pública de colectores, sen necesidade de tratamento corrector previo.
7. Se da valoración realizada polo concesionario do proxecto citado se desprendese que non é posible a autorización das verteduras e fose necesario establecer instalacións correctoras para adecualos aos límites permitidos, o concesionario comunicarallo ao interesado, ordenándolle as correccións que cómpre introducir e concedéndolle un prazo que estará en razón da súa magnitude.
8. Nos casos en que sexa necesaria unha determinada instalación de pretratamento das verteduras, o usuario deberá presentar o proxecto técnico desta, que será aprobado pola Administración municipal para outorgar a licenza correspondente, logo de informe favorable do concesionario, sen que alteren posteriormente os termos e especificacións de proxecto aprobado.
9. Os aparatos de rexistro, medida, control e toma de mostras esixidos deberán situarse en lugar accesible e seguro, sinalado previamente nos planos do proxecto.
Á vista do informe do servizo, a Comisión de Goberno acordará cales daquelas actividades actuais deberán dispoñer das citadas instalacións, así como o prazo para a súa instalación.
10. Os establecementos industriais, potencialmente contaminantes, deberán instalar e poñer á disposición do servizo, para os efectos de determinación da carga contaminante, as seguintes instalacións:
a) Pozo de rexistro. Cada industria colocará na zona de descarga das súas verteduras residuais un pozo de mostras, de doado acceso, libre de calquera interferencia e localizable augas abaixo antes da descarga, se é posible, fóra da propiedade, e situado de tal forma que non poidan alterarse as características do efluente; deberá remitir á Administración planos de situación dos pozos e aparatos complementarios para a súa identificación e censo.
b) Auditorio de caudais. Cada pozo de rexistro deberá conter un vertedoiro aforador, tipo Parshall ou semellante, cun rexistro totalizador para a determinación exacta do caudal vertido. Se os volumes de auga consumida e os volumes de auga vertidas fosen aproximadamente os mesmos, a medición de lectura do caudal de auga por contador poderá ser utilizada como auditorio de caudal residual. Igualmente, se a procedencia de auga de captación propia é dun pozo ou doutras fontes, poderá habilitarse unha fórmula indirecta de medición dos caudais vertidos.
c) Mostras. A técnica da toma de mostras variará segundo a determinación que haxa que realizar.
Para concentracións máximas que non poidan ser superadas en ningún momento, a medida será instantánea a calquera hora do día. Para concentracións medianamente representativas de valores de cargas residuais contaminantes, as medidas serán horarias, integradas proporcionalmente ao caudal e tomadas durante o período de verteduras. Os requirimentos mínimos para calcular a contía representativa das verteduras serán concretadas pola Administración de acordo coa industria interesada e poderán revisarse cando se considere oportuno.
Aquelas industrias que, pola súa dimensión e/ou contaminación, resulten significativas polas súas augas residuais e/ou volumes de vertedura, necesitarán un aparato de toma de mostras automático, proporcional ao caudal e con análise durante todo o ano.
d) Pretratamento. No caso de existir pretratamentos individuais ou colectivos, legalmente autorizados, e que particular ou colectivamente realicen tratamento das verteduras industriais, deberán instalar á saída dos efluentes depurados, un pozo de mostras coas mesmas condicións e requisitos ca os mencionados na epígrafe a) deste artigo.
Artigo 44. Instalacións interiores en verteduras industriais.
1. A execución das obras e instalacións de saneamento interiores, a súa conservación e garantía de correcto funcionamento estarán a cargo dos propietarios ou titulares da industria, podendo ser comprobado o seu estado por persoal do concesionario cando sexa necesario, en razón das garantías de control e bo servizo que está obrigado a subministrar.
2. O usuario será o responsable da construción, mantemento e explotación das instalacións a que houbese lugar, co obxecto de satisfacer as esixencias do regulamento. A inspección e comprobación do funcionamento das instalacións de pretratamento é facultade e competencia do Servizo Municipal de Abastecemento de Augas.
Artigo 45. Análise que se efectuará nas verteduras industriais.
1. As análises e probas para comprobar as características das verteduras efectuaraas persoal facultativo do concesionario, cos seus medios ou os que fosen necesarios, de acordo cos métodos estándar da APHA, AWWA, e WPEF ou, se é o caso, polos métodos patrón aprobados polo concello ou os organismos competentes.
2. O concesionario utilizará os procedementos normalizados polo concello ou Administración competente para os casos máis frecuentes de homoxeneización, neutralización, identificación e almacenamento de substancias, análise das verteduras prohibidas, separación de graxas e aceites, decantación de sólidos etc., podendo, non obstante, os interesados propoñer un sistema de control e identificación distinto, que deberá ser previamente aprobado pola Administración competente.
3. Os gastos das análises correrán a cargo do subscritor, empresa ou particular que sexa causante das verteduras ou, se é o caso, encargase a realización das probas de identificación ou os seus contrastes.
4. Se das comprobacións e análise que se efectúen para o efecto se determinase que os resultados do tratamento corrector non son os previstos no proxecto aprobado ou resultasen insuficientes, o usuario está obrigado a introducir as modificacións necesarias para obter os resultados do proxecto inicial.
Artigo 46. Inspección e control das verteduras.
1. Os servizos correspondentes do concello ou por delegación destes, o concesionario do Servizo Municipal de Abastecemento de Augas, exercerán a inspección e vixilancia periódica das instalacións de vertedura de auga residual á rede de sumidoiros, arquetas de rexistro e instalacións do usuario, co obxecto de comprobar o cumprimento do disposto neste regulamento.
2. As inspeccións e controis poderán ser realizados por iniciativa do concello ou do concesionario indistintamente, cando calquera dos dous o considere oportuno.
3. O usuario facilitaralles aos inspectores o acceso ás distintas instalacións, co fin de que poidan proceder á realización do seu labor. Da mesma forma, porá á disposición dos inspectores os datos, información, análise etc. que estes lle soliciten, relacionados coa devandita inspección.
4. Os inspectores deberán acreditar a súa identidade mediante documentación expedida polo concello.
5. Non será necesaria a comunicación previa das visitas dos inspectores, debendo o usuario facilitarlles o acceso ás instalacións no momento en que estas se produzan. A negativa por parte do usuario no cumprimento deste artigo será considerada como infracción a este regulamento, o que supón a suspensión temporal ou definitiva da autorización de vertedura á rede de sumidoiros e clausura das obras de conexión a esta.
6. O concesionario do servizo poderá esixir periodicamente un informe de descarga que deberá incluír os caudais efluentes, concentracións contaminantes e, en xeral, definición completa das características da vertedura.
Artigo 47. Accións regulamentarias ante verteduras de características non autorizadas.
1. As verteduras industriais á rede de sumidoiros que non cumpran calquera das limitacións ou prohibicións que se especifican neste regulamento darán lugar a que a Administración (concello) adopte algunha ou algunhas das medidas seguintes:
- Prohibición total da vertedura cando, existindo o incumprimento, este non poida ser corrixido nin nas instalacións depuradoras nin nas do usuario.
- Esixirlle ao usuario a adopción das medidas necesarias co fin de conseguir a modificación da vertedura, mediante o seu pretratamento ou modificación no proceso que a orixina.
- Esixirlle ao responsable de efectuar a vertedura, provocar ou permitir a descarga, o pagamento de todos os gastos e custos adicionais aos que o concesionario do servizo tivese que facer fronte como consecuencia das verteduras, por danos, avarías, limpezas etc.
2. En caso de danos a terceiros como consecuencia de incumprimento das normas deste regulamento, como no caso das verteduras prohibidas ou dos autorizados que non cumprisen as condicións de limitación, a responsabilidade será por conta das entidades causantes da vertedura, sen prexuízo de aplicación polo concello das sancións e medidas a adoptar fixadas neste.
CAPÍTULO V. RÉXIME ECONÓMICO
1- FACTURACIÓN, COBRO E INFORMACIÓN
Artigo 48. Facturación.
Como norma xeral, a determinación dos consumos que realice cada subscritor concretarase pola diferenza entre as lecturas dos dous períodos consecutivos de facturación. O importe da facturación calcularase de acordo coa ordenanza vixente.
O concesionario poderá modificar o tipo de tarifa que lle aplicará ao usuario, se este usase a auga para fins distintos aos especificados no contrato.
1. Cando non sexa posible coñecer os consumos realmente realizados, como consecuencia de avaría no equipo de medida, a facturación do consumo efectuarase conforme ao consumo realizado durante o mesmo período de tempo e na mesma época do ano anterior; de non existir referencia, liquidaranse as facturacións conforme á media aritmética dos seis meses anteriores.
2. Naqueles casos nos que non existan datos históricos para obter a media á que se alude no parágrafo anterior, facturarase a cota mínima trimestral.
3. A obrigatoriedade do pagamento considerarase extensiva aos casos en que o consumo se orixinase por fuga, avaría ou defecto de construción ou conservación das instalacións interiores, por causas non imputables á empresa concesionaria.
Artigo 49. Vertedura de augas de orixe distinta á rede de abastecemento municipal.
1. Naqueles casos en que as vivendas, locais comerciais e edificios industriais utilicen auga doutras procedencias, exclusivamente ou xunto coa da rede pública de abastecemento, e vertan as súas augas residuais á rede pública de saneamento, o subscritor instalará ao seu cargo os aparatos de medición axeitados que servirán de base para a facturación.
2. Non se poderán verter á rede de saneamento as augas non residuais que se recollan nos baixos e sotos dos edificios e provenientes de mananciais ou filtracións do terreo. No caso de que fose autorizada a devandita vertedura por non haber outra posibilidade, o responsable desta virá obrigado a aboar unha cantidade mensual calculada de acordo cos gastos ocasionados en bombeo e depuración polo caudal vertido.
Artigo 50. Precintado de contadores.
1. É obrigatorio o precinto de Industria en todos os aparatos de medida, en canto a que as súas lecturas serven de base para a liquidación das facturacións por consumo de auga. Este precinto oficial garante:
a) Que o contador pertence a un sistema aprobado.
b) Que o seu funcionamento no momento da instalación é correcto.
c) Que o seu mecanismo non sufriu modificación externa que puidese alterar o seu bo funcionamento.
2. O subscritor nunca poderá manipular o aparato de medida, nin o seu precinto oficial, nin o precintado das súas unións efectuado polo concesionario. A súa conexión e precintado de unións realizarao sempre o persoal do servizo.
3. No caso de que o subscritor non tivese instalado o contador ou este non rexistrase correctamente o consumo correspondente, daráselle un prazo de 72 horas para solicitar e aboar a subministración e instalación do aparato de medida; finalizado ese prazo sen emendar a deficiencia, procederase ao corte da subministración.
4. A facturación do servizo de abastecemento e saneamento dunha vivenda ou local farase nun só recibo, a nome do subscritor do abastecemento.
5. Nos casos de comunidade de propietarios con contador xeral colectivo, a facturación do servizo de saneamento farase no mesmo recibo de abastecemento e con cargo á comunidade.
Artigo 51. Aboamento dos recibos.
1. O subscritor poderá facer efectivos os importes facturados polo concesionario preferentemente polo sistema de domiciliación bancaria con oficina aberta no termo municipal ou, no seu defecto, nas oficinas do concesionario en días hábiles e en horario de oficina.
2. En caso de devolución de recibos polas entidades bancarias por causas imputables ao subscritor, será por conta deste a totalidade dos gastos que se produzan por motivo da devandita devolución, incluída a liquidación de xuros de mora correspondentes.
Dúas devolucións consecutivas darán lugar á anulación da domiciliación bancaria.
3. Pasado o período voluntario e con dous ou máis recibos pendentes de pagamento, isto será causa de iniciación do expediente de suspensión de subministración, sen prexuízo de que o importe non pagado quede incluído en procedemento de constrinximento.
4. Para os casos de morosidade no aboamento dos recibos, o concello autorizará a xestión do corte de subministración. Correrán a cargo do subscritor os gastos da devandita xestión (elaboración de comunicados, certificado de correos etc.) si se realizase o pagamento antes de efectuarse o corte, así como os de reposición de subministración, no caso de que o corte se levase a cabo.
5. No caso de rotura de precintos por parte do subscritor, notificaráselle este feito ao concello mediante o expediente correspondente, e o infractor será penalizado cunha sanción igual ao importe da subministración correspondente a 12 meses polo mínimo de consumo e importe da cota de servizo na tarifa contratada.
Artigo 52. Información ao subscritor sobre a facturación.
O subscritor poderá obter do concesionario calquera información relacionada coas lecturas, facturacións, comprobacións de contador, cobramentos, tarifas aplicadas e, en xeral, sobre toda cuestión relacionada coa subministración que se xerase nun período de dous anos anteriores á data de presentación da petición correspondente.
O concesionario disporá dunha oficina de información ao público dentro da zona urbana de Xanceda, para os efectos de información e reclamacións.
Artigo 53. Devolución de ingresos indebidos.
1. O subscritor terá dereito a reclamar a devolución de ingresos indebidos do concesionario. A devolución das cantidades percibidas indebidamente deberá ser inmediata, unha vez que se comprobe o erro de facturación, de medida, ou calquera outra causa que provocase o erro.
2. Cando o subscritor presente unha reclamación para a devolución de ingresos indebidos, expresará de forma clara e concisa os conceptos polos que reclama e os fundamentos de reclamación. Esta irá acompañada dos xustificantes dos ingresos supostamente indebidos e de calquera outra documentación que corresponda ao caso.
3. O concesionario queda obrigado a resolver a reclamación coa maior brevidade posible.
4. Non se atenderá ningunha reclamación sobre consumo de auga que non sexa formulada polo subscritor ou persoa que o represente legalmente.
Artigo 54. Baixa no servizo.
Cando o subscritor desexe causar baixa no servizo, virá obrigado a aboar todos os recibos pendentes e o importe total da facturación do trimestre en que cause baixa.
2. INSPECCIÓN E SANCIÓNS.
Artigo 55. Acta de inspección.
1. A actuación dos inspectores acreditados polo concesionario reflectirase nun documento que adoptará unha forma de acta, e na que quedarán reflectidos o nome e domicilio do subscritor inspeccionado, día e hora desta, e os feitos contrastados.
Unha copia desta acta, asinada polo inspector, entregaráselle ao subscritor.
2. Os inspectores, para o efecto, deberán invitar o aboado, o persoal dependente deste, familiar ou calquera outra persoa que poida actuar de testemuña a que presencie a inspección e asine a acta, e pode o subscritor facer constar, coa súa sinatura, as manifestacións que considere pertinentes. A negativa a facelo non afectará a tramitación e conclusións que se establezan posteriormente. O subscritor poderá dirixirse, posteriormente, aínda que dentro das corenta e oito horas seguintes, coas alegacións que estime oportunas, á oficina do servizo ou ao concello. Non se tomarán en consideración as manifestacións que non veñan asinadas polo subscritor titular ou quen acredite a súa representación.
Artigo 56. Liquidación da fraude.
1. O concesionario, en posesión da acta, formulará a liquidación da fraude, distinguíndose, para os efectos da devolución e as responsabilidades da fraude, os seguintes casos:
a) Que non exista contrato ningún para a subministración de auga.
b) Que, por calquera procedemento, se manipulase ou se alterase o rexistro do contador ou aparato de medida.
c) Que se realizasen derivacións de caudal, permanente ou circunstancialmente, antes dos equipos de medida.
d) Que se utilice a auga para usos distintos dos contratos realizados, afectando á facturación dos consumos segundo a tarifa que se vai aplicar.
2. O concesionario practicará a correspondente liquidación, segundo os casos, do seguinte xeito:
Caso a. Formularase unha liquidación por fraude que incluirá un consumo equivalente á capacidade nominal do contador que regulamentariamente correspondese ás instalacións utilizadas para a acción fraudulenta, cun tempo de oito horas diarias de utilización e durante o prazo de tres meses.
Caso b. Se se falsearon as indicacións do contador ou aparato de medida instalado, por calquera procedemento ou dispositivo que produza o seu funcionamento anormal, tomarase como base para a liquidación da contía da fraude a capacidade de medida do caudal nominal do contador, e computarase o tempo que cómpre considerar en oito horas diarias e durante un período de tres meses, do que se descontarán os consumos que, durante este período de tempo, fosen aboados polo autor da fraude.
Caso c. Se a fraude se efectuou derivando o caudal antes do aparato do contador, liquidarase como no caso primeiro e sen facer desconto pola auga medida polo contador.
Caso d. Neste caso, a liquidación da contía da auga utilizada en forma indebida practicarase a favor do concesionario, aplicándolle ao consumo a diferenza existente entre a tarifa correspondente ao uso real que se lle está a dar á auga, e as que, no devandito período, se aplicaron baseándose no uso contratado. A devandita liquidación farase por un período dun ano.
3. En todos os casos, o importe da fraude deducida estará suxeito aos impostos que lle fosen repercutibles.
4. As liquidacións que formule o concesionario seranlle notificadas á Administración municipal e contra estas o subscritor poderá formular as reclamacións que considere oportunas, no prazo de quince días, que se contarán dende a notificación da devandita liquidación, sen prexuízo das demais accións en que se consideren asistidos.
Artigo 57.
Toda actuación, comportamento ou conduta que incumpra a normativa deste regulamento dará lugar á imposición de sancións aos infractores, conforme ao previsto neste regulamento e na normativa sectorial aplicable, sen prexuízo e con independencia da esixencia de danos e prexuízos e das responsabilidades de orde penal que procedesen.
Disposicións finais.
1. Para o non previsto neste regulamento, estarase ao establecido nas leis e disposicións regulamentarias de carácter xeral ditadas sobre a materia.
2. Derróganse cantas disposicións anteriores se opoñan ao preceptuado neste regulamento.
2. Abrir un período de información pública por medio dun anuncio que se inserirá no BOP e no taboleiro de anuncios do concello.
3. Declarar definitivamente aprobado o regulamento sen necesidade de novo acordo se fose o caso de non se presentaren alegacións nin suxestións.
4. O presente regulamento entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e unha vez transcorrido o prazo establecido no artigo 65.2 da Lei 7/85, de 2 de abril reguladora das bases de réxime local, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.