Brión - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA LICENZA DE APERTURA DE ESTABLECEMENTOS OU POLA ACTIVIDADE DE CONTROL POSTERIOR DAQUELAS ACTIVIDADES SOMETIDAS A COMUNICACIÓN PREVIA OU DECLARACIÓN RESPONSABLE

Publicación provisional: 28/06/2012 BOP Nº: 122
Publicación definitiva: 13/08/2012 BOP Nº: 153
Aplicable dende: 14/08/2012

Artigo 1.º Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa pola licenza de apertura de establecementos, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do texto refundido citado.

Artigo 2.º Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, tendente a verificar se os establecementos industriais e mercantís reúnen as condicións de tranquilidade, sanidade, salubridade e calquera outra esixida polas correspondentes ordenanzas e regulamentos municipais ou xerais para o seu normal funcionamento, ben como presuposto necesario e previo para o outorgamento por este Concello da licenza de apertura a que se refire o artigo 22 do Regulamento de servizos das corporacións locais, ben como consecuencia das declaracións responsables ou comunicacións previas que sexan procedentes ao abeiro do disposto na normativa vixente e que deban ser obxecto de control posterior.

2. Para tal efecto, terá a consideración de apertura:

a) A instalación por primeira vez do establecemento para dar comezo ás súas actividades.

b) A variación ou ampliación da actividade desenvolvida no establecemento, aínda que continúe o mesmo titular.

c) A ampliación do establecemento e calquera alteración que se leve a cabo neste e que afecte ás condicións sinaladas no número 1 deste artigo, esixindo nova verificación destas.

3. Entenderase por establecemento industrial ou mercantil toda edificación habitable, estea ou non aberta ao público, que non se destine exclusivamente a vivenda e que:

a) Se dedique ao exercicio dalgunha actividade empresarial, fabril, artesá, da construción, comercial e de servizos.

b) Aínda sen desenvolver as actividades anteriores, sirvan de auxilio ou complemento para estas, ou teñan relación con elas de forma que lles proporcionen beneficios ou aproveitamento, como por exemplo: sedes sociais, axencias, delegacións ou sucursais de entidades xurídicas, oficinas, despachos ou estudios.

Artigo 3.º Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 36 da Lei xeral tributaria, titulares da actividade que se pretende desenvolver ou, de ser o caso, desenvolvida en calquera establecemento industrial ou mercantil.

Artigo 4.º Responsables.

1. Responden solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º Base impoñible.

1. A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza do expediente a tramitar, de acordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.

2. A cota da tarifa corresponde á tramitación completa do expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ao interesado do acordo recaído.

Artigo 6.º Cota tributaria.

1. As cotas tributarias determinaranse de acordo coa seguinte tarifa:

a) Comunicacións previas ou declaracións responsables para establecementos de ata 200 m2 construídos: 184,28 euros.

b) Comunicacións previas ou declaracións responsables para establecementos de máis de 200 m2 construídos: 263,25 euros.

c) Licenzas para actividades que requiran de licenza de apertura ou actividade en establecementos de ata 200 m2 construídos: 526,50 euros.

d) Licenzas para actividades que requiran de licenza de apertura ou actividade en establecementos de máis de 200 m2 construídos: 1.026,68 euros.

e) O custo das publicacións de edictos nos boletíns oficiais para aquelas actividades que o necesiten serán por conta do interesado e cobraranse coa liquidación da taxa correspondente ou nun momento posterior.

2. Cando nun establecemento ou local que pertenza a un só titular se vaia exercer máis dunha actividade industrial ou mercantil e, polo tanto, sexa necesaria a obtención de varias licenzas ou a realización de varias comprobacións a posteriori daquelas actividades sometidas á comunicación previa ou declaración responsable e o conseguinte pagamento de distintas taxas, a cota a satisfacer será a maior que corresponda, aplicándolle un recargo do 50 por cento.

Artigo 7.º Exencións e bonificacións.

Non se concederán outras exencións ou bonificacións que as expresamente previstas nas leis ou as derivadas da aplicación de tratados ou acordos internacionais.

Artigo 8.º Devengo.

1. A presente taxa devéngase e nace a obriga de contribuír cando se inicia a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada a devandita actividade na data de presentación da solicitude da licenza de apertura ou se faga a comunicación previa ou declaración responsable, sen que se inicie a actuación ou o expediente, ata que se efectuara o pago xunto coa solicitude, co carácter de depósito previo.

2. Os escritos recibidos que non veñan debidamente reintegrados, serán admitidos provisionalmente, pero non poderá dárselles curso sen que se subsane a deficiencia, para o que se requirirá ao interesado para que no prazo de dez días abone as cotas correspondentes, con apercibimento de que transcorrido o devandito prazo sen efectualo se lle terá por desistido da súa petición, previa resolución.

3. Cando as obras se iniciaran ou executaran sen ter obtido a oportuna licenza, a taxa devengarase cando se comece a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizable.

4. A obriga de contribuír, unha vez xurdida, non se verá afectada en modo algún pola denegación da licenza solicitada nin pola renuncia ou desistimento do solicitante unha vez concedida a licenza.

Artigo 9.º Ingreso.

Deberá procederse á autoliquidación da taxa de xeito simultáneo á solicitude da licenza ou á presentación da comunicación previa ou declaración responsable, segundo modelo facilitado ao efecto polo Concello. O importe autoliquidado deberá ser ingresado na conta facilitada polo Concello, sen que se inicie a tramitación do expediente ata que se efectuara o pago.

Artigo 10.º Caducidade.

1. Consideraranse caducadas as licenzas e taxas satisfeitas por estas se, despois de notificada a súa concesión de xeito legal, non se tivese procedido á apertura do establecemento, por calquera causa, no prazo de seis meses.

2. Excepcionalmente poderá concederse unha prórroga, sempre que se solicite dentro do prazo anterior e se estivese ao corrente no pagamento das obrigas económicas, que será por outros seis meses. Transcorrido un e outro prazo xorde novamente a obriga de solicitar a licenza.

Artigo 11.º Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que lle correspondan a estas en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición derrogatoria.

A presente ordenanza fiscal derroga á ordenanza fiscal reguladora da taxa polo outorgamento de licenzas de apertura de establecementos publicada no BOP 300, do 31.12.2004.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.