Vimianzo - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES CULTURAIS, DE LECER OU TEMPO LIBRE ORGANIZADAS POLO CONCELLO

Publicación provisional: 08/08/2012 BOP Nº: 150
Publicación definitiva: 05/10/2012 BOP Nº: 191
Aplicable dende: 05/10/2012

ARTIGO 1.- CONCEPTO

Consiste o obxecto deste prezo público a realización de actividades culturais, de lecer e tempo libre, de competencia da entidade local, organizadas polo Concello de Vimianzo, sempre e cando non sexan feito impoñible dunha taxa, ou estean nos supostos de exención contemplados no artigo 21 do RDL 2/2004 de 5 de Marzo, ou sexan obxecto regulado noutra ordenanza deste Concello.

ARTIGO 2.- OBRIGADOS AO PAGO

Será obrigado ao pago quen voluntariamente se matricule para a realización destas actividades, e por tanto se beneficie das mesmas.

No caso de menores actuarán como substitutos do obrigado, o pai, nai ou titor da persoa física matriculada.

ARTIGO 3.- CONTÍA

O importe do prezo público determinarase mediante aprobación, en cada caso pola Xunta de Goberno Local, aténdose ao regulado no artigo 44 do RDL 2/2004 de 5 de marzo, e xustificarase diante da intervención. Para a súa determinación elaborarase unha memoria económica-finaceira polos servizos correspondentes, na que se xustificará o importe dos prezos que se propoña e o grado de cobertura financeira dos custes correspondentes.

ARTIGO 4.- OBRIGA DE PAGAMENTO

1. A obriga de pagamento dos prezos públicos regulados nesta ordenanza nace coa formalización das correspondentes matrículas para a realización da actividade en cuestión.

2. O importe do prezo abonarase dunha sola vez ó realizar a matricula. De prolongarse a actividade no tempo poderán determinarse pagos por mensualidades do mesmo importe, que deberán satisfacerse nos 10 primeiros días de cada mes, tendo que ser presentados no Concello os xustificantes de aboamento dos devanditos importes.

3. A renuncia á participación, unha vez iniciada a actividade, non dará dereito á devolución do prezo abonado, pola parte de actividade xa disfrutada.

ARTIGO 5.- NORMAS DE PROCEDEMENTO

1. O servizo que acordase a realización das actividades deberá xustificar diante da Intervención o seu custo total e estimación de asistentes.

2. Realizará proposta á Xunta de Goberno Local para determinalas cotas a esixir de conformidade co establecido no artigo 3 deste texto, xuntando unha memoria da actividade a desenvolver.

3. Unha vez acordado o prezo público, darase conta do mesmo as persoas interesadas na realización da devandita actividade, indicándolles as contías, prazos, lugar de ingreso e a conta bancaria na que deberán facer o ingreso, así como concepto a poñer no mesmo, para que así o resgardo bancario sirva de xustificante de ingreso.

4. Unha vez finalizada a actividade, o responsable da dependencia encargarase de dar conta do cumprimento de dita actividade, presentando conta xustificativa da mesma, indicando os importes ingresados polos obrigado, e axuntando copia dos resgardos dos mesmos, así como detalle dos custos a sufragar polo Concello, para que os servizos económicos teñan constancia dos mesmos.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza, foi aprobada polo Pleno deste Concello en sesión celebrada o día 28 de Xullo de 2012, e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia da Coruña sendo de aplicación a partires desa data.